Francisco Pillado Mayor

Francisco Pillado Mayor, nado na Coruña o 18 de maio de 1941, é un escritor e persoeiro do mundo do teatro galego.

Francisco Pillado Mayor
Francisco Pillado Mayor
Nacemento18 de maio de 1941
 A Coruña
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónescritor
XénerosTeatro e ensaio

Traxectoria

Logo da Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor

Fillo do xornalista Francisco Pillado Rivadulla. Logo de facer o bacharelato e estudos musicais, Francisco Pillado Mayor estudou Maxisterio, Graduado Social, Declamación e Arte Dramática, e é Técnico Superior en Relacións Industriais pola Universidade de Alcalá de Henares.

Traballou como profesor no Seminario de Estudos Sociais Ramón de la Sagra, do Colexio Universitario da Coruña. Fixo crítica literaria en Radio Nacional de España na Coruña e dirixiu o espazo "A escena e a pantalla" en Radio Coruña da Cadena SER. Publicou, con diferentes pseudónimos, artigos, entrevistas, críticas de libros e espectáculos en La Voz de Galicia. Con posterioridade publicou unha serie de colaboracións no semanario A Nosa Terra, no diario O Correo Galego, e traducións na revista Grial.

No mundo do teatro foi promotor dos grupos de teatro da Agrupación Cultural O Facho (1965), Escola Dramática Galega (1978), Luís Seoane (1980) e Elsinor Teatro (1990). Foi Presidente da Escola Dramática Galega, onde exerceu tamén como director de publicacións e responsábel do Departamento de Estudos Teatrais, así como da dirección dos Cadernos da EDG.

En 1990, fundou o Grupo de Teatro de Alumnos da Escola de Estudos Sociais da Coruña, que se presentou publicamente coa obra Panchiño, de Oswaldo Dragún.

Formou parte do Consello de Redacción da Revista monográfica de Cultura da Agrupación Cultural O Facho e de Cen Augas. Dirixiu, desde a súa creación, a colección de teatro A Biblioteca do Arlequín, de Sotelo Blanco Edicións.

En 1996, doou a súa Biblioteca-Arquivo de Teatro á Universidade da Coruña, que pasou a denominarse Biblioteca-Arquivo de Teatro Francisco Pillado Mayor. Foi nomeado Presidente de Honra da citada Biblioteca, figura, ademais, no Consello Científico dos libros que se promoven desde esa institución académica. Tamén en 1996 cedeu á Facultade de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela a biblioteca que herdara do seu pai.

En 1997, foi elixido polo Parlamento de Galicia e a proposta do BNG, membro do Consello de Administración de Compañía de Radio-Televisión de Galicia. Ocupou este cargo durante dúas lexislaturas.

Fixo parte, ademais, de diversos xurados literarios.

Está casado con Noli Vega desde 1966, e ten dúas fillas.

Obras

Ensaio

Teatro

Conversas co autor e libros de homenaxe

  • No País da Irmandade. Homenaxe a Francisco Pillado Maior, 2007.
  • No pazo de Laiovento, 2008, Espiral Maior. Con Xosé Luna.

Edicións

  • Prosas de combate e maldicer, de Xosé Manuel Beiras, 1991, Laiovento. Autor de escolma, edición e notas.
  • A ponte, de Manuel Lugrís Freire, 1997, AS-PG/A Nosa Terra.
  • Os aforismos do riso futurista, 2016, Xerais. Con Xavier Seoane.

Traducións

  • Dúas farsas: A doncela, o mariñeiro e mais o estudante, e O paseo de Buster Keaton, de Federico García Lorca, 1978, Cadernos da Escola Dramática Galega.
  • Petición de man, de Anton Chekhov, 1979, Cadernos da Escola Dramática Galega.
  • O irlandés astrólogo, de Luís Seoane, 1980, Edicións do Castro.
  • A boda de Esganarello, versión da obra Le mariage forcé, de Molière, 1982, Edicións Castrelos. A obra foi estreada pola Escola Dramática Galega en 1981, baixo a dirección de Agustín Vega.
  • Catro pezas (O oso, Petición de man, A boda e O aniversario), de Anton Chekhov, 1982, Castrodouro. Foron representadas en diversas ocasións.
  • O seguinte, de Terrence MacNally, 1983, Cadernos da Escola Dramática Galega. Estreada na Coruña en 1984.
  • Historia de como o noso amigo Panchiño González se sentiu responsábel do andacio de peste bubónica na África do Sul, de Oswaldo Dragún, 1984, Cadernos da Escola Dramática Galega, estreado na Coruña nese mesmo ano.
  • A máis forte, de August Strindberg, 1985. Estreado polo Grupo de Teatro Danthea.
  • Máxia vermella: tres actos, de Michel de Ghelderode, 1985, Libros de Teatro Don Satúrio. Estreado na Coruña no 1991, co título Gargalladas do espectro polo Grupo de Teatro Maxia Vermella, baixo a dirección de Fernando Morán.
  • Sobre os males que provoca o tabaco e outras pezas, de Anton Chekhov, 1987, Libros de Teatro Don Satúrio. Reeditado en 1991 xunto á obra Tráxico á forza, en Sotelo Blanco.
  • As tres irmás (drama en catro actos), de Anton Chekhov, 1987, Libros de Teatro Don Satúrio. Estreado en Vigo en 1987 polo Centro Dramático Galego.
  • Os cravos de prata, de Nicolas Bela, 1990, Sotelo Blanco. Estreado polo Grupo de Teatro do Facho no 1986.
  • A lición, de Eugène Ionesco, 1991, Cadernos da Escola Dramática Galega. Reeditado en 2002 en Laiovento xunto á obra A cantante calva, do mesmo autor, traducida por Henrique Harguindey.
  • Un grao de millo. Conversas de Fidel Castro con Tomás Borge, 1994, Asociación de Solidariedade Galego-Cubana Curros Enríquez.
  • Cyrano de Bergerac, de Edmond Rostand, 1999, Baía Edicións. Con Paulino Pereiro.
  • Á espera de Godot, de Samuel Beckett, 2003, Laiovento. Estreada en 1984 pola Compañía Luís Seoane na Coruña, e representada en 1989 por Teatro Galileo e en 1991 pola Aula de Teatro da Universidade de Santiago, as dúas nesta cidade.
  • Pedro e o capitán, de Mario Benedetti, 2003, Xerais. Estreado no 1993 na Coruña.
  • A porta pechada, de Jean-Paul Sartre, representada en 2008 por Andrómena Teatro.
  • Náufragos, versión escénica de La petite hutte, de André Roussin, representada no 2009 por Teatro Galileo.
  • Des(f)eitos, de Febe Chaves, representada no 2012 por Teatro Galileo.

Artigos e tradución en publicacións

  • Poema con nenos (tradución de teatro), Grial, número 59, 1978.
  • O Escorial (tradución de teatro), de Michel de Ghelderode, Don Saturio. Boletín Informativo do Teatro Galego, número 4, 1982.
  • A Escola Rexional de Declamación, revista Agália, número 23, 1990.

Obras colectivas

  • Textos pra o ensino do galego, 1976, Edicións do Rueiro.
  • A Compañía Galega María Villanueva, 1979, Cadernos da Escola Dramática Galega. Con Manuel Lourenzo.
  • O teatro galego, 1979, Edicións do Castro. Con Manuel Lourenzo.
  • Xeografía descriptiva de Galicia, 1979, Edicións do Rueiro.
  • Antoloxía do teatro galego, 1982, Edicións do Castro. Con Manuel Lourenzo.
  • As criadas, de Jean Genet, 1982, Compañía Luís Seoane. Con Manuel Lourenzo. Estreada na Coruña, en 1980, pola Compañía Luis Seoane.
  • Glosa do Teatro Galego, en A nosa literatura. Unha interpretación para hoxe. II, 1985, Xistral.
  • Conversas en Compostela con Carballo Calero, 1986, Sotelo Blanco. Con Miguel Anxo Fernán-Vello.
  • Dicionário do Teatro Galego (1671-1985), 1987, Sotelo Blanco. Con Manuel Lourenzo.
  • A nación incesante: conversas con Xosé Manuel Beiras, 1989, Sotelo Blanco. Con Miguel Anxo Fernán-Vello.
  • A poesía e o teatro interseculares, 1996, AS-PG e A Nosa Terra. Con Xosé Ramón Freixeiro Mato.
  • A mandrágora, de Niccolò Machiavelli, 1998, Laiovento. Con Luísa Villalta.
  • Cyrano de Bergerac, de Edmond Rostand, 1999, Baía. Con Paulino Pereiro. Estreado ese mesmo ano en Ourense polo Grupo de Teatro Librescena.
  • A estrela na palabra. Novas conversas con Xosé Manuel Beiras, 2004, Espiral Maior e Laiovento. Con Miguel Anxo Fernán-Vello.
  • A Galicia moderna. Teatro, en A Galicia moderna. 1916-1936, 2005, Xunta de Galicia.
  • Guía das obras dramáticas de Álvaro Cunqueiro, 2006, Casahamlet/Deputación da Coruña. Con Manuel Lourenzo.
  • Na outra banda da Ponte (materiais para un espectáculo didáctico sobre Manuel Lugrís Freire), 2006, Casahamlet.
  • No país da irmandade: homenaxe a Francisco Pillado Maior, 2007, Deputación da Coruña.
  • Feijoo, o galego e nós, 2010, Laiovento. Colabora tamén como prologuista.
  • Banqueiros, 2012, Laiovento. Colabora como coordinador e prologuista.

Premios e mencións

  • Premio da Crítica en 1989, polo seu labor como director dos Cadernos da Escola Dramática Galega.
  • Premio Compostela de Honra, de El Correo Gallego, o 27 de marzo de 1993, polos Cadernos de Escola Dramática Galega.
  • Premio á modalide editorial das IX Edicións de Premios Irmandade do Libro, pola Editorial Laiovento, no 2000.
  • Galardoado no 2005 co premio Galego do mes de xuño polo xornal El Correo Gallego.
  • Galardoado co XVI Premio San Martiño de Normalización Lingüística na Estrada no 2008. Nese mesmo ano, foi homenaxeado no Teatro Principal desa vila pola Editorial Fervenza.
  • Presidente de honra do xornal dixital Praza Pública desde o 2011.
  • Premio Abrente de honra da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia no 2012.
  • Premio da AELG á mellor obra teatral publicada no 2012, por Banqueiros, no 2013.
  • Premio Ibán Toxeiro da A. C. Alexandre Bóveda da Coruña pola súa dedicación ao teatro, no 2014.

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas

Afonso Becerra de Becerreá

Afonso Becerra Arrojo, coñecido como Afonso Becerra de Becerreá, nado en Becerreá o 16 de abril de 1973, e un dramaturgo e director de escena galego.

Arthur Schnitzler

Arthur Schnitzler, nado en Viena o 15 de maio de 1862 e finado na mesma cidade o 21 de outubro de 1931, foi un escritor austríaco.

Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor

A Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor creouse no ano 1995 pola doazón filantrópica de materiais bibliográficos e documentais do propio Francisco Pillado á Universidade da Coruña, por este motivo leva o seu nome. Sendo o primeiro arquivo extenso do teatro de Galiza e, polo tanto que se favorecesen e desenvolvesen os estudos sobre o mesmo.

Biblioteca Galega de Clásicos Universais

A Biblioteca Galega de Clásicos Universais é unha colección de corenta libros de clásicos da literatura universal traducidos á lingua galega, dirixida por Tucho Calvo, distribuída en Galicia polo xornal La Voz de Galicia durante os anos 2005 e 2006, polo prezo dun euro cada exemplar.

Biblioteca Virtual Galega

A Biblioteca Virtual Galega, tamén coñecida polas siglas BVG, é unha biblioteca dixital da Universidade da Coruña e a deputación provincial, accesible a través da Internet, estreada no ano 2002.

Biblioteca da Universidade da Coruña

A Biblioteca da Universidade da Coruña é un servizo pertencente á Universidade da Coruña (UDC). Trátase dunha unidade funcional de xestión de recursos de información que dá soporte ao estudo, á docencia e á investigación, mediante a adquisición, a organización e o procesamento dos fondos bibliográficos e documentais.

Carlos Caetano Biscaínho

Carlos Caetano Biscainho Fernandes, nado na Coruña en 1968, é un actor e ensaísta galego.

Certame de Teatro do Miño

Tanto a representación de O Incerto Señor Don Hamlet, Príncipe de Dinamarca (1958) como as obras dramáticas xurdidas pinga a pinga na década de 1950, valeron de antecedentes para a creación do Certame de Teatro do Miño, celebrado en Lugo no ano 1960. A el concorreron un número significativo de obras, entre as cales o xurado seleccionou as seguintes:

A Noite Vai como un Río, de Álvaro Cunqueiro.

Nicolás Flamel, de Daniel Cortezón.

A Volta de Ulises, de Xosé Luís Franco Grande.

O Auto do Labrego, de Manuel María.

Orestes, de Arcadio López-Casanova.

Os Homes Poden ser Deuses, de Juan María Gallego.Precisamente un dos membros do xurado, Ricardo Carvalho Calero, narra en 1982 o proceso de selección das obras nun artigo de prensa (o cal foi incluído en Ricardo Carvalho Calero (2000): Escritos sobre Teatro, A Coruña: Biblioteca-Arquivo “Francisco Pillado Mayor” da Universidade da Coruña). En dito artigo, Carvalho sinala un trazo cumún a todas as obras escollidas: tratábase dun teatro evasivo e elitista, acorde co Teatro de Cámara.

Tamén clasificou Ricardo Carvalho Calero nese mesmo traballo as obras arriba refenciadas, as cales se poderían dividir en tres grupos:

Obras simbolistas: as cales serían A Noite Vai como un Río, de Álvaro Cunqueiro; e Nicolás Flamel, de Daniel Cortezón).

Primeiras mostras no teatro galego da fabula palliata, sendo estas: A Volta de Ulises, de Xosé Luís Franco Grande; Orestes, de Arcadio López-Casanova e Os Homes Poden ser Deuses, de Juan María Gallego.

Concepción tradicional do teatro galego como dramática de tema rural: O Auto do Labrego, de Manuel María.O Certame do Miño contou con unha única edición, mais a súa importancia é incuestiónabel. Sendo un produto da recuperación cultural (agromada en Galiza na década de 1960), valeu para que aparecesen novos autores, e achou continuidade nos Premios de Teatro Castelao (1963-1965).

Cínicas

Cínicas é unha obra de teatro escrita por Teresa Moure en 2010. Foi editada dentro da colección Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor, da Universidade da Coruña. A obra publicouse antes de ser representada. Vai precedida dun breve prólogo de Carlos Paulo Martínez Pereiro.

Don Saturio

Don Saturio é unha colección editorial de traducións de obras teatrais realizadas por Francisco Pillado Mayor, así como unha revista monográfica sobre o teatro na que Pillado participou tamén como coordinador. Toma o seu nome dun personaxe da obra teatral de Castelao Os vellos non deben de namorarse.

Localízase nos anos 80 durante a recuperación do teatro en galego. Responde á intención dun grupo de autores de potenciar e normalizar o teatro en Galiza, tanto de obras na nosa lingua como de diferentes compañías, representacións e difusión.

Manuel Ferreiro Fernández

Manuel Ferreiro Fernández, nado en Saavedra (Begonte) en 1955, é un lingüista e escritor galego.

Manuel Lourenzo

Este artigo trata sobre o actor e autor teatral, para o narrador galego véxase Manuel Lourenzo González.Manuel María Lourenzo Pérez, nado en Ferreira do Valadouro o 15 de abril de 1943, é un actor, dramaturgo, director teatral, conferenciante, tradutor galego, e dinamizador de diferentes iniciativas teatrais.

Nova Dramaturxia Galega

O concepto de Nova Dramaturxia Galega é un concepto complexo, posto que a súa adscrición temporal varía segundo o autor ao que esteamos a seguir e a época en que dito autor desenvolveu o seu traballo.

A nomenclatura Nova Dramaturxia aparece por primeira vez en 1979, no libro O Teatro Galego, de Manuel Lourenzo e Francisco Pillado Mayor. Para estes dous estudosos, a etapa da Nova Dramaturxia estaba comprendida entre 1882 (ano da estrea d'A fonte do xuramento, de Francisco María de la Iglesia) e 1903 (data da aparición da Escola Rexional de Declamación). O motivo disto radica en que, a partir de 1882, xorde por primeira vez a necesidade de crear un teatro galego diferente do teatro popular dominante ata aquela data.

Porén, en 1996 (e sobre todo a partir de 1998), Manuel Vieites revisará este termo, dándolle unha significación diferente e situándoo nun espazo de tempo distinto. Así, na opinión de Vieites, a etapa da Nova Dramaturxia estaría comprendida entre 1969 e 1999. O seu comezo en 1969 responde á aparición da Agrupación Cultural Abrente, arredor da cal xurdirán as famosas Mostras de Teatro Abrente de Ribadavia (1973-1980). O seu final, coincide coa chegada do novo milenio. Segundo este autor, a Nova Dramaturxia preséntase como un axente renovador do teatro galego, con presupostos non moi distantes da Nova Narrativa Galega ou do movemento renovador da poesía galega producido a comezos e mediados da década de 1970, a través de grupo como Loia, Grupo Rompente, Cravo Fondo,...

Seguindo con Manuel Vieites, na opinión deste autor a Nova Dramaturxia podería dividirse en tres fases, as cales esquematizamos seguir:

1) O grupo de Ribadavia (1969-1977): fase de formación.

2) A promoción dos oitenta (1977-1985): fase de desenvolvemento.

3) A promoción dos noventa (1985-1999): fase de consolidación.

A primeira das etapas, xa que logo, é a do “grupo de Ribadavia”, colectivo de autores que este autor compara coa xeración “simbolista” do teatro español, posto que ambas as dúas utilizarán a escena como un medio de loita contra o franquismo.

Ve o seu comezo esta “fase de formación” da Nova Dramaturxia en 1969, concretamente o día 8 de novembro dese ano, cando nace a Agrupación Cultural Abrente de Ribadavia. Lembremos que neste período estamos de cheo somerxidos no momento do teatro independente en Galicia, o cal non exime que existisen tendencias contrarias a este. De facto, na segunda edición do Concurso Abrente de Obras Teatrais en Galego (1974) (o premio das Mostras Abrente) xurdiu a máis que vella polémica que confrontaba a liña do teatro costumista coa dun teatro innovador e independente. Evidentemente, a segunda delas foi a que mellor sorte gozou.

Serían dramaturgos destacados deste período: Manuel Lourenzo, Euloxio R. Ruibal, Roberto Vidal Bolaño, Xosé Agrelo Hermo, Xosé Manuel Carballo Ferreiro, Xosé Vázquez Pintor, Teodoro Piñeiro e Millán Picouto.

Séguelle a este grupo de Ribadavia a promoción dos oitenta, cuxa etapa abarca desde 1977 ata 1985. Esta comeza coa obtención de Camilo Valdeorras do Premio Abrente de Teatro na súa quinta edición, coa peza Progreso e Andrómena do Antroido, publicada en 1978 por Edicións do Rueiro. Serán non obstante, segundo Vieites, Camilo Valdeorras e Manuel Guede, xunto con autores como Constantino Rábade Castiñeira, Pazos Varela ou Alberto Avendaño, os escritores dramáticos que funcionen de ponte entre Abrente e as últimas promocións.

A promoción dos oitenta, segundo Vieites, está integrada por: Xesús Pisón, Camilo Valdeorras, Manuel Guede, Pazos Varela, Constantino Rábade Castiñeira, Xosé María Álvarez Cáccamo, Andrés Álvarez Vila, Xosé Cid Cabido, Alberto Avendaño, Antón Reixa, Anxo Rey Ballesteros, João Guisam Seixas, Xosé Luís Martínez Pereiro, Miguel Anxo Fernán-Vello, Luísa Villalta, Paulino Pereiro, Antón Rey Castro, Joel Rodríguez Gómez, Ramón Blanco Rey, Suso de Toro e Antón Cortizas.

Ve o seu final a etapa desta promoción dos oitenta en 1985, cando, como sinala Manuel Vieites, A. Souto gaña unha mención no IV Concurso de Teatro Breve da Escola Dramática Galega (EDG). Vai ser este o acontecemento que suporá o comezo da actividade da promoción dos noventa, formada polos autores dramáticos que se dan a coñecer entre 1985 e 1999, entre os que figuran: Cándido Pazó, Quico Cadaval, Miguel Anxo Murado, Roberto Salgueiro, Xosé Sendón, Manuel Núñez Singala, Xavier Picallo, Gustavo Pernas, Camilo Pardo, Lino Braxe, Imma António Souto, Raúl Dans, Xavier Lama, Miguel Sande, Ana Vallés, Hernán Naval, Marcos Orsi, Francisco Souto, Antonio Blanco e María Cajigal.

Os malos pastores

Os malos pastores (título orixinal en francés: Les Mauvais Bergers) é unha obra de teatro escrita por Octave Mirbeau en 1897, drama en cinco actos en prosa que se representou por primeira vez o 14 de decembro de 1897 no teatro do Renacemento, París, con Sarah Bernhardt e Lucien Guitry, os dous grandes actores de teatro da época.

Samuel Beckett

Samuel Barclay Beckett, nado en Dublín o 13 de abril de 1906 e finado en París o 22 de decembro de 1989, foi un novelista, dramaturgo, crítico e poeta irlandés. Foi un dos máis importantes representantes do experimentalismo literario do século XX, dentro do modernismo anglosaxón. Foi igualmente figura chave do chamado teatro do absurdo. Escribiu os seus libros en inglés e francés, e foi asistente e discípulo do novelista James Joyce. A súa obra máis coñecida é o drama Á espera de Godot.

Beckett foi galardoado en 1969 co Premio Nobel de Literatura. Foi elixido Saoi de Aosdána en 1984.

Sobre os males que provoca o tabaco

Sobre os males que provoca o tabaco (en ruso: О вреде табака; romanizado como O vredye tabaka) é unha obra dun só acto de Anton Chekhov. Ten un único personaxe, Ivan Ivanovich Nyukhin. Foi publicada por vez primeira en 1886, mais foi revisada por Chekhov e a versión máis coñecida é a de 1902.

Foi traducida ó galego por Francisco Pillado Mayor e foi publicada pola editorial Sotelo Blanco no ano 1991. No ano 2005, foi publicado de novo cunha tradución de Pillado Mayor dentro da colección Biblioteca Galega de Clásicos Universais.

Universidade da Coruña

A Universidade da Coruña é unha institución pública que ten como finalidade esencial a xeración, xestión e difusión de cultura e de coñecemento científico, tecnolóxico e profesional a través do desenvolvemento da investigación e da docencia. Foi creada en 1989 coa lei de ordenación do sistema universitario de Galicia. Encóntrase estruturada territorialmente en Campus da Coruña (A Maestranza, Riazor, Elviña, A Zapateira, Bastiagueiro, Oleiros e Oza) e de Ferrol (Esteiro e Serantes).

A Universidade da Coruña posúe titulacións únicas en Galicia e no norte de España como Arquitectura, Arquitectura Técnica, Enxeñería Técnica en Deseño Industrial, Enxeñería Naval e Oceánica ou Socioloxía.

Xaime Quintanilla Martínez

Xaime Quintanilla Martínez, nado na Coruña o 13 de xuño de 1898 e finado en Ferrol o 18 de agosto de 1936, foi un médico cirurxián, político socialista, xornalista, dramaturgo e escritor galego. Foi o pai do tamén alcalde de Ferrol Xaime Quintanilla Ulla.

Á espera de Godot

Á espera de Godot (en francés: En attendant Godot) é unha obra pertencente ó teatro do absurdo, escrita a finais da década de 1940 por Samuel Beckett e publicada en 1952 por Éditions de Minuit. A estrea como obra teatral, dirixida por Roger Blin, realizouse o 5 de xaneiro de 1953 no Théâtre de Babylone de París. Beckett escribiu a obra orixinalmente en francés, a súa segunda lingua. A tradución ó inglés foi realizada polo mesmo Beckett e publicada en 1955.

A obra divídese en dous actos, e en ámbolos dous aparecen dous vagabundos chamados Vladimir e Estragon que esperan en balde xunto a un camiño a un tal Godot, con quen (quizais) teñen algunha cita. O público nunca chega a saber quen é Godot, ou que tipo de asunto teñen que tratar con el. En cada acto, aparecen o cruel Pozzo e o seu escravo Lucky (en inglés, «afortunado»), seguidos dun raparigo que fai chegar a mensaxe a Vladimir e Estragon de que Godot non virá hoxe, "pero mañá seguro que si".

Esta trama, que intencionalmente non ten ningún feito relevante e é altamente repetitiva, simboliza o tedio e a carencia de significado da vida humana, tema recorrente do existencialismo. Unha interpretación estendida do misteriosamente ausente Godot é que representa a Deus (en inglés: God), aínda que Beckett sempre negou isto. Beckett afirmou que derivaba de godillot, que en xerga francesa significa bota. O título podería entón suxerir que os personaxes están a esperar «á bota». Como nome propio, Godot tamén pode ser un derivado de diferentes verbos franceses.

Foi traducida ó galego por Francisco Pillado Mayor e foi publicada pola Edicións Laiovento no ano 2003. No ano 2005, foi publicado de novo coa tradución de Pillado Mayor dentro da colección Biblioteca Galega de Clásicos Universais.

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.