Fragas do Eume

As fragas do Eume é un parque natural galego creado o 30 de xullo de 1997[4], ademais de ZEC[1][2][3][5], que abrangue 9.126 hectáreas[6] nas beiras do río Eume. Son as fragas costeiras mellor conservadas de Europa, e un dos poucos bosques do seu tipo que quedan no continente.[7] Esténdese polos concellos de Cabanas, A Capela, Monfero, Pontedeume e As Pontes de García Rodríguez, todos eles da provincia da Coruña, e nel residen 521 persoas[cando?] dos cinco concellos anteriormente nomeados. A área declarada zona especial de conservación (ZEC) coinciden cos límites do parque natural.

O bosque tradicional atlántico conservouse na zona en todo o seu esplendor, sendo consideradas as fragas como un dos mellores bosques atlánticos termófilos do continente europeo[8]. Malia ser a flora a alfaia das fragas, existindo raras especies de felgos que habitaban a terra hai millóns de anos, tamén destacan algunhas especies animais endémicas e en perigo de extinción, dende pequenos anfibios e réptiles, como a saramaganta, ata especies maiores, como o lobo ou diversas aves de rapina.[7]

Coordenadas: 43°24′54″N 8°03′53″O / 43.41500, -8.06486

Fragas do Eume
Fragas do Eume
Marco Legal
Figura de Protección: Parque natural, ZEC
Ano de constitución: 30 de xullo de 1997
Superficie: 9 126 ha
Lexislación: Decreto 211/1996
Decreto 218/1997, LIC o 29 de decembro de 2004, ZEC o 27 de marzo de 2004 e 31 de marzo de 2014.[1][2][3]
Datos de interese
País: Galicia Galicia
Provincias: Provincia da Coruña
Concellos: Cabanas, A Capela, Monfero, Pontedeume e As Pontes de García Rodríguez
Ríos: Eume
Picos
Direccións de interese: Centro de Recepción: Ombre-Caaveiro, km 5
Oficina do Parque Natural: Esteiro, 23,Nogueirosa - Pontedeume
Teléfonos: Centro de Recepción: 981432528
Oficina do Parque: 981495580
Cartel das Fragas do Eume
Sinal do parque das fragas do Eume.

Xeografía

O parque limita polo leste coa serra da Loba, na cadea dorsal galega, e polo oeste, o parque esténdese até a desembocadura do río Eume en Pontedeume. Todo o seu territorio encádrase na comarca do Eume, que limita ó norte coa de Ferrolterra e ó sur coa de Betanzos.

A morfoloxía do parque está determinada polo eixo que marca o río, que percorre a provincia da Coruña nunha dirección leste-oeste, formando un val en "V". No seu tramo inferior, ten unhas ladeiras con pendentes moi pronunciadas e desniveis de ata 400 metros.[9] As diferenzas de altitude van dende o nivel do mar até os 710 m dos montes orientais, cunha altura media de 413 m.[10]

Hidrografía

Rio Eume (Fragas del Eume)
Bosque de ribeira sobre o río Eume.

O río Eume atravesa o parque atravesando un profundo canón que tamén leva o seu nome. A súa conca ensancha na metade do seu curso, e é neste tramo onde recibe ós seus principais afluentes. Pola marxe esquerda os ríos Frei Bermuz (10 km) e San Bartolomeu (8 km). O caudal deste último foi aproveitado ata non hai moitas décadas para a produción de enerxía hidroeléctrica na Central do Parrote. As concas destes afluentes, xunto co curso baixo do Eume, constitúen a zona de maior interese ecolóxico.

Ademais, unha morea de caudais de auga máis ou menos longos e caudalosos, verten as súas augas no Eume. Pódense salientar na marxe dereita o rego de Montouto, preto da capitalidade do concello de Muras, e, xa na provincia da Coruña, o río Maciñeira, o máis longo de todos os afluentes (11 km) que verte a escasos metros do Parque de Carbóns da Central térmica das Pontes, o río do Pareiro, que desemboca no encoro do Eume formando un profundo entrante, e o río Sesín, que na súa confluencia co Eume, e xunto con el, rodea o outeiro onde se ergue o mosteiro de San Xoán de Caaveiro.

Na marxe esquerda son salientables o rego Felgado, que ten as súas fontes en terras de Xermade, o río Chamoselo, cunha fermosa ponte medieval preto da súa desembocadura no centro urbano das Pontes. Vertendo as súas augas no encoro do Eume despois de 10 km de percorrido, está o río Frei Bermuz, sen dúbida o máis caudaloso de todos os afluentes e que forma unha fermosa paraxe natural no lugar da Feira do Dez. Xa no esteiro, desemboca o río de Covés.

Flora

Fragas del Eume (A Coruña, Galicia, España) 11
Fragas do Eume dende zona alta de matogueiras.

As fragas do río Eume son un destacado representante da fase clímax[11] da vexetación galega[12]. Dominan as especies propias do clima tépedo e oceánico do suroeste de Europa, que inclúe toda a cornixa cantábrica e o noroeste peninsular. Os bosques de ribeira, dos que o parque é bo exemplo, distínguense polos seus ecosistemas de elevada biodiversidade, particularmente no que respecta á flora, que supera as 500 especies.[9] Tradicionalmente foron moi explotados polo ser humano pola riqueza e fertilidade dos solos, e por iso son ecosistemas pouco frecuentes e conservados unicamente en zonas illadas como estas fragas. As fragas forman un continuo de grande extensión e valor, xa que non existe en toda Galicia unha superficie de bosque autóctono no mesmo grao de conservación.[9]

Nas zonas máis altas do parque, os bosques son substituídos por zonas de matogueira. Estas ocupan un terzo da superficie protexida, e as queiroas que o forman están incluídas entre os hábitats a protexer pola Directiva Hábitat da Unión Europea. Nunhas zonas o toxo é máis abondoso, noutras son as queiroas, e as xestas adoitan aparecer en combinación coas dúas anteriores.

Árbores

A árbore con maior presenza no parque natural é o carballo. É o medidor da saúde da fraga: os exemplares máis lonxevos existen nas zonas que sufriron unha menor presión humana (a fraga do Mosqueiro ou as fragas que arrodean o río do Dez), e está sendo obxecto de repoboación en zonas fráxiles do parque, onde fora apartado recentemente polo bidueiro.

Tamén ten numerosa presenza no parque o castiñeiro, dominante nalgunhas áreas logo de roubarlle terreo ao carballo grazas a medrar máis rapidamente e prover froitos de consumo humano. O bidueiro é a terceira das especies maioritarias, e ocupa dous tipos de espazos: áreas tradicionais de bosque de ribeira, e zonas marxinais onde os carballos foron perdendo distribución, e onde medran rapidamente.

2J0A0074
O río Eume coas árbores sen follas.

Nas proximidades dos ríos atopamos o ameneiro, que soporta ben as situacións de asolagamento, xa que suxeitan as marxes das canles impedindo o seu arrastre polas cheas, o salgueiro (con moita menor frecuencia), o freixo e o pradairo. Outras especies arbóreas das fragas son a abeleira, principalmente nas proximidades dos cursos de auga; o cerqueiro, nas zonas altas das fragas de Pena Fesa, Os Cerqueiros (topónimo que reflicte a abundancia desta árbore) e A Marola; o érbedo, o loureiro, e o umeiro, frecuente tamén nas proximidades dos ríos, como preto do mosteiro de Caaveiro. Tamén se ten sinalado a presenza do lamigueiro nas fragas, unha especie rara na zona próxima á costa. O teixo, atopa no parque a súa localización máis occidental no país, xa que a intensa actividade humana sobre esta árbore acabouna relegando principalmente ás montañas orientais galegas[12]. Finalmente, existe en abundancia o acivro, fundamentalmente como arbusto pero que chega a acadar exemplares de altura e porte, o estripeiro, o abruñeiro, a pereira brava e a maceira brava, esta última pouco frecuente noutros lugares da provincia da Coruña.

Felgos

No parque están presentes unhas 28 especies distintas de felgos[9], entre as que destaca o grupo coñecido como os relictos macaronésicos. Os felgos son moi dependentes das condicións protectoras que lles brindan as fragas e concéntranse nas áreas máis húmidas e térmicas. Os fieitos constitúen unha das principais características destes bosques. Os máis comúns son:

Tamén se poden atopar especies de gran valor ben pola súa escaseza ou ben por darse lonxe da súa área normal de distribución, coma:

Algunhas destas especies están relacionadas cunha antiga vexetación subtropical que poboou as marxes do mar de Tetis na era terciaria. A calor e a humidade permitiron o desenvolvemento dunha exuberante flora, similar á que na actualidade atopamos no arquipélago neozelandés ou na Florida. Porén, hai dous millóns de anos, os procesos de glaciación nos polos e a desertización nos trópicos foron recortando a distribución desa flora que, incapaz de adaptarse ós cambios, quedou reducida a zonas pequenas situadas entre os 25º e 40º de latitude: Illas Canarias, Illas dos Azores e Madeira, e en menor extensión nas serras de Alxeciras (provincia de Cádiz) ou o Parque Natural das Fragas do Eume.[14]

Musgos e liques

No estrato muscinal está presente case a metade da flora briofítica galega (musgos e hepáticas) particularmente importante nas zonas húmidas e sombrizas, con máis de 220 especies diferentes (136 de musgos e 85 de hepáticas).[10] Entre elas atópanse catro citas únicas para a brioflora española e sete máis considéranse raras dentro da flora ibérica. Destacan a Cololejeunea microscopica e a Lepidozia cupresana.

A flora liquénica garda tamén un notable catálogo de máis de 240 especies, entre as que figuran tres citas novas para a Europa continental e 24 novas para España. Son características dos bosques maduros outras especies menos raras pero moi ligadas a estes ecosistemas: a Lobaria scrobiculata, a Pannaria rubiginosa e a Usnea articulata.[14]

Fauna

Os bosques de ribeira son un ecosistema caracterizado por unha ampla biodiversidade.

Anfibios

As fragas, polo seu carácter húmido e sombrizo, son un ambiente idóneo para os anfibios. No Eume viven 13 das 15 especies existentes en Galicia. A píntega común e a súa subespecie galega son moi frecuentes xa que as masas forestais caducifolias son o seu biótopo natural. Tamén están presentes outras especies coma o sapiño comadrón, o sapo común, a ra patilonga (que vive nos regatos afluentes do Eume na conca baixa, coma o Sesín), e a ra vermella, que é posible atopar nos prados da serra de Sanguiñedo. Nas pozas estacionais atópanse as tres especies de pintafontes, o común, o palmado e mailo pintafontes verde, pero é especialmente valiosa a saramaganta (Chiglossa lusitanica), endemismo do noroeste ibérico que mantén nas fragas unha das súas máis nutridas poboacións.

Sapo común Bufo bufo.
Sapo común Bufo bufo
Saramaganta Chioglossa lusitanica.
Saramaganta Chioglossa lusitanica
Píntega común (Salamandra salamandra)
Píntega común (Salamandra salamandra

Aves

Entre as aves da fraga, con máis de 100 especies coñecidas,[10] destacan as rapaces que se alimentan de micromamíferos, adaptadas a cazar no interior do bosque: o azor, o lagarteiro, o gabián, o bufo pequeno, a curuxa, o moucho común, a avelaiona, o miñato queimado, a tartaraña cincenta, o miñato real e o abelleiro. En espazos máis abertos habita tamén o falcón peregrino, o miñato común e o bufo real. Entre as pequenas insectívoras destacan o gabeador azul, o gabeador común, a avenoiteira, o ferreiriño abelleiro, o ferreiriño bacachís, o peto real, o peto verde, a estreliña riscada, a estreliña do norte, o picafollas e maila arcea. Nas ribeiras dos cursos de auga do parque destaca o merlo rieiro e o picapeixe.

Mamíferos

Entre os mamíferos destacan a londra, a martaraña, a garduña, o gato montés, o armiño e a xeneta. Abondan tamén os corzos, os raposos, os xabarís, os cervos, as donicelas e os teixugos. Tamén existen poboacións de lobo nas zonas máis elevadas e apartadas dos núcleos de poboamento humanos.

Réptiles

Iberolacerta monticola.001
Lagarta da serra Iberolacerta monticola

O parque natural acolle catorce especies de réptiles, a metade das que viven en Galicia.[7] Atópanse nas zonas máis secas e nas zonas de mato, onde teñen máis zonas onde quedar á raxeira. Algunhas especies, como é o caso do lagarto das silvas ou da cobra de colar son comúns nas zonas húmidas.

Peixes

Entre os peixes, dos que están inventariados 8 taxa, destaca a presenza de dúas especies consideradas vulnerables, o endemismo noroccidental ibérico Pseudochondrostoma duriense e o reo (Salmo trutta trutta).

Invertebrados

Entre os invertebrados destacan algunhas especies como o caracol de Quimper (Elona quimperiana), terrestre e endémico dos bosques atlánticos, a caramecha de río (Belgrandiella rolanie) a lesma (Geomalacus maculosus). No verán, durante o día, é frecuente observar a bolboreta Apatura iris e pola noite a endromis dos salgueiros (Endromis versicolora). Outros coleópteros destacables son o escaravello Carabus galicianus asociado ós cursos de auga rápidos e limpos, e que é tamén un endemismo do noroeste peninsular, e mais o escaravello dourado (Chrysocarabus lateralis), ben distribuído por todo o territorio das fragas, e a vacaloura ou escornabois (Lucanus cervus), cada vez máis escasa nas fragas galegas. Nos ríos do parque destaca a presenza do mexillón de río (Margaritifera margaritifera).

Xeoloxía

Artigo principal: Canón do Eume.
Fragas del Eume (A Coruña, Galicia, España) 09
Formacións rochosas nas fragas.

A área presenta unha xeoloxía variada. No seu percorrido, o río atravesa diferentes tipos de materiais xeolóxicos, granitos no tramo inferior, orogneis cara o leste, e xistos do período Cámbrico. Ademais, tamén poden atoparse materiais ácidos como a cuarcita, pedra de gra, filitas e incluso o chamado “ollo de sapo”.

Clima

O clima do parque caracterízase por ser oceánico e pola súa elevada pluviosidade. As diferenzas de temperatura entre estacións son menos acusadas, con veráns tépedos e invernos non moi fríos. As temperaturas medias anuais van desde os 11,7 aos 15,1 °C. Ademais, ten unha característica de termicidade que implica a ausencia de xeadas, o cal favorece a aparición dalgunhas especies vexetais no val do Eume.

Por outra banda, os rexistros de pluviosidade roldan os 1 200 litros/m2/ano na ría de Pontedeume ata os máis de 1 700 litros/m2ano que se poden recoller nas partes central e oriental.[9] O seu patrón de distribución ó longo do ano é moi semellante ó do resto de Galicia.

Presenza humana

Arco verde - Fragas do Eume
Ponte invadida pola maleza nas fragas do Eume.

A dificultade de acceder á fraga, o cal favorece o seu illamento, foi a característica buscada por unha serie de eremitas para fundar os mosteiros medievais de Monfero e Caaveiro.

Mosteiro de Caaveiro

Mosteiro de San Xoán de Caaveiro, Galicia
Mosteiro de Caaveiro.
Artigo principal: Mosteiro de San Xoán de Caaveiro.

O mosteiro de San Xoán de Caaveiro estableceuse no ano 934 nas fragas do Eume para acoller aos numerosos anacoretas que vivían dispersos na zona. Na segunda metade do século XI, en tempos do abade Tedón, de bieito convértese en mosteiro de cóengos regulares de santo Agostiño. Non chegou a ter máis de nove habitantes, número que se reduciu a seis na Idade Moderna.[7]

Pronto importantes doazóns de san Rosendo (907-977), e outros nobres engrandecen o seu patrimonio recibindo este a maior parte das terras cultivables existentes á dereita do río Eume e tamén lle conceden a xurisdición sobre vilas e freguesías eximíndoo da autoridade do arcebispado de Santiago de Compostela. Entre 1220 e 1259, etapa na que conclúe a expansión e chega o momento dos foros, estivo á fronte do mosteiro o prior don Martín Rodríguez, quen conseguiu a ampliación do couto ata a ponte sobre o río Eume coa incorporación de Cabanas e Irís.

Dentro dos límites do parque atópanse numerosas pegadas da actividade humana, como os foios para facer carbón vexetal e grandes troncos cortados a rentes do chan. Tamén hai restos de interese histórico e de arquitectura tradicional, como cruceiros, pontes, ermidas. Destaca como curiosidade a presenza na zona do oso pardo, extinguido da xeografía galega, e da aguia real case extinta, na época na que se construíu o mosteiro.

O conxunto foi declarado no ano 1975 Monumento Histórico-Artístico pola súa importancia arquitectónica. En 1986 apróbase o expediente de expropiación que converte o mosteiro e os seus arredores en propiedade da Deputación provincial da Coruña.[7]

Mosteiro de Monfero

Mosteiro de Santa María de Monfero 1
Mosteiro de Monfero.
Artigo principal: Mosteiro de Santa María de Monfero.

As orixes do mosteiro de Monfero remóntanse ao século X, cando se fundou un cenobio ao pé dunha ermida dedicada a san Marcos. O mosteiro foi fundado en 1134 baixo a Orde de San Bieito, e reconvertido en cisterciense en 1147. A súa vida monástica prolongouse ata a exclaustración de 1835.

Posúe unha igrexa barroca comezada a construír en 1622,[7] e tres claustros. Agás a igrexa o resto de dependencias monacais atópase en estado ruinoso.

A importancia social destes mosteiros baséase no feito de que durante moitos anos serviron de eixo vertebrador da vida económica, social e relixiosa da comarca.

Impactos ambientais

Desde a década de 1960 as fragas sufriron cambios por presión antropoxénica. O abandono de cultivos e a construción do encoro modificaron a tipoloxías dos solos. Ademais, as plantacións forestais con especies alóctonas, en particular o Eucalyptus, supuxeron un desprazamento das especies de bosque atlántico europeo, como Quercus robur ou Castanea sativa, ou os fieitos. A expansión do eucalipto foi significativa en especial desde 1998 e aumentou a fragmentación dos hábitats do parque.[15][16][17][18][19]

A fragmentación de hábitats e o tipo de especie invasora, as do xénero Eucalyptus, favorecen a propagación de incendios.[18][19] Así, houbo incendios como o do 31 de marzo de 2012 que comezou nun lume no concello da Capela, que destruíu parte do parque e que non foi extinguido ata o día 3 de abril. A superficie queimada estimouse nun total dunhas 750 hectáreas [20], das que unhas 350 corresponderon ó Parque[21].

Camiño da Ventureira, en marzo de 2012, pouco despois do incendio.
Camiño da Ventureira, en marzo de 2012, pouco despois do incendio. 
Efectos do monte queimado en febreiro de 2013.
Efectos do monte queimado en febreiro de 2013. 

Accesos e rutas

Existen catro entradas ou portais de acceso ó espazo natural: o Portal de Caaveiro, o da Capela, o do encoro do Eume e o de Monfero.

  • O itinerario polo Portal de Caaveiro discorre pola estrada LC-151 dende Pontedeume ata as proximidades de Caaveiro. Pódese chegar ata o mosteiro cruzando a ponte colgante de Cal Grande na mesma LC-151 e camiñar río arriba pola "Ruta dos Encomendeiros".
  • Dende As Neves accédese ó Portal da Capela, que conduce polo canón do Eume ata conectar co Portal de Monfero no mesmo mosteiro. Tamén é posible facer este percorrido a pé pola ruta de sendeirismo GR-50.

Galería de imaxes

Artigo principal: Galería de imaxes do Parque natural das Fragas do Eume.
Regato no parque.
Regato no parque. 
Fervenza.
Fervenza. 

Notas

  1. 1,0 1,1 "Decisión da Comisión, do 7 de decembro de 2004, polaa que aproba, de conformidade coa Directiva 92/43/CEE do Consello, a lista de lugares de importancia comunitaria da región bioxeográfica atlántica [notificada co número C(2004) 4032]. «DOUE» núm. 387, de 29 de dicembro de 2004, páxinas da 1 á 96 (96 págs.) DOUE-L-2004-83030.". Consultado o 2017-07-07.
  2. 2,0 2,1 "DECRETO 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia. Decreto do DOG nº 62 do 2014/3/31 - Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Xunta de Galicia". Consultado o 2017-07-07.
  3. 3,0 3,1 "DECRETO 72/2004, do 2 de abril, polo que se declaran determinados Espazos como Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais. Consellería de medio ambiente, Xunta de Galicia". Consultado o 2017-07-07.
  4. Decreto 211/1996, do 2 de maio, polo que se aproba o Plan de ordenación dos recursos naturais do espazo natural das Fragas do Eume (DOG nº 110, do 5.06.1996) e Decreto 218/1997, do 30 de xullo, polo que se declaran o parque natural das Fragas do Eume (DOG nº 153, de 11.08.1997).
  5. "Fragas do Eume Código ZEC ES1110003. Rede galega de espazos protexidos. Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Xunta de Galicia.". Consultado o 2017-07-07.
  6. A superficie total protexida é exactamente de 9.125,65 ha, segundo o Decreto da Xunta de Galicia polo que se aproba o PORN do Parque, das que 3.253 ha corresponden á zona de fragas propiamente dita e o resto a zonas de reserva, de mato e pasto, de aproveitamento agropecuario e maila rede fluvial.
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 7,5 Xunta de Galicia (ed.). "Guía Informativa - Fragas do Eume" (PDF). Consultado o 29 de xaneiro de 2016.
  8. Guía de espacios naturais de Galicia, páx. 111.
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 Íñigo pulgar Sañudo, Javier Amigo Vázquez, Joaquín Giménez de Azcárate Cornide (2006). Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, ed. "Guía da flora das Fragas do Eume" (PDF). Consultado o 28 de xaneiro de 2016.
  10. 10,0 10,1 10,2 Cmati/Xunta de Galicia (ed.). "Descrición do espazo natural" (PDF). Consultado o 28 de xaneiro de 2016.
  11. Na sucesión ecolóxica dos ecosistemas. A sucesión produce ecosistemas cada vez máis estables e máis resistentes ás perturbacións, así que adoita describirse como un proceso de maduración. O estado máis ou menos ideal ao que apuntan os cambios da sucesión do ecosistema chámase clímax.
  12. 12,0 12,1 Guía de espacios naturais de Galicia, páx. 113.
  13. A presenza desta última especie confire especial valor ó parque e obriga a especiais medidas de protección, ó estar incluída na lista de especies vermellas en perigo crítico de extinción e protexida pola Directiva Hábitat.
  14. 14,0 14,1 Martiño Negreira Souto: "Fragas do Eume. 2- Os bosques do Eume" en NaturezaDixital.com Xornal da Natureza Galega.
  15. Alberto L. Teixido, L.G. Quintanilla, F. Carreño (2009). "Fragmentación del bosque y pérdida del hábitat de helechos amenazados en el Parque Natural Fragas do Eume (NW de España)". Ecosistemas: Revista científica y técnica de ecología y medio ambiente 18 (1). ISSN 1697-2473.
  16. Cidrás, Diego. "19. Reimagining (Un)Protected Areas. An Analysis of Eucalyptus Consolidation in Fragas do Eume Natural Park (Galicia, NW Iberian Peninsula)".
  17. "Reimagining (Un)Protected Areas. An Analysis of Eucalyptus Consolidation in Fragas do Eume Natural Park (Galicia, NW Iberian Peninsula)". Conference: Infinite Rural Systems in a Finite Planet: Bridging Gaps towards SustainabilityAt: Santiago de Compostela. Xullo de 2018.
  18. 18,0 18,1 Teixido, A.L., Quintanilla, L.G., Carreño, F. (2009). "Fragmentación del bosque y pérdida del hábitat de helechos amenazados en el Parque Natural Fragas do Eume (NW de España)". Ecosistemas 18 (3): 60–73.
  19. 19,0 19,1 Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación y Medio Ambiente. "Dictamen del Comité Científico - Consulta: CC 30/2017 Título: Solicitud de dictamen sobre la posible inclusión de Eucalyptus camaldulensis, E. globulus, E. nitens y cualquier otra especie del género Eucalyptus en el Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras regulado por el R.D. 630/2013, de 2 de agosto y remitida al MAPAMA por el Alcalde del Ayuntamiento de Teo (A Coruña)." (PDF).
  20. Permanece activo el incendio de las Fragas do Eume tras arrasar 750 hectáreas Europa Press, 2/4/2012 (en castelán)
  21. Mapa da área queimada La Voz de Galicia.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Xosé M. Penas Patiño, Carlos Pedreira López e Carlos Silvar (2004). Guía das aves de Galicia, Baía Edicións, ISBN 84-96129-69-5.
  • Ignacio González Rodríguez, Roberto Fernández González e Rafael Salvadores Ramos (1995), Guía de espacios naturais de Galicia, Galaxia, ISBN 84-8288-002-0.

Outros artigos

Ligazóns externas

A Capela

A Capela é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca do Eume. Segundo o IGE en 2015 tiña 1.334 habitantes. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «capelao».

A Capela, A Capela

Santiago da Capela é unha parroquia que se localiza no sur do concello da Capela. Segundo o padrón municipal de 2013 tiña 919 habitantes (459 homes e 460 mulleres), distribuídos en 52 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 1 026 habitantes.

Os principais atractivos da parroquia son o parque natural das Fragas do Eume e o mosteiro de San Xoán de Caaveiro, localizado no corazón das fragas.

Canón do Eume

Coñécese como canón do Eume un treito do curso medio-baixo do río Eume caracterizado polo encaixe do leito do río nun abraiante desfiladeiro que dá lugar a un profundo val. Gran parte do canón áchase baixo as augas do encoro do Eume. A parte non asulagada forma parte da Reserva Integral do parque natural das fragas do Eume.

No punto onde se construíu a presa do encoro, as paredes graníticas case verticais acadan case os 300 metros de altura, sendo lugar moi frecuentado polos practicantes da escalada libre.

Comarca do Eume

A comarca do Eume é unha comarca galega situada na provincia da Coruña e con capital en Pontedeume. Pertencen a esta comarca os concellos da Capela, As Pontes de García Rodríguez, Cabanas, Pontedeume e Monfero. Limita ao norte coas comarcas de Ferrolterra e Ortegal, ao sur coa de Betanzos e ao este coa da Terra Chá pertencente á provincia de Lugo.

Exército Guerrilleiro de Galicia

O Exército Guerrilleiro de Galicia foi unha organización guerrilleira antifranquista que funcionou en Galicia entre 1944 e 1949.

Fervenza do Belelle

A fervenza do Belelle é unha das grandes fervenzas de Galiza, no curso do río Belelle. Áchase moi achegada ás Fragas do Eume, no concello coruñés de Neda, preto da parroquia do Roxal.

Fraga (botánica)

Unha fraga é unha extensión de monte, polo xeral illado e de difícil acceso, poboado de distintas especies caducifolias, de herbas, mofos, fentos e liques e na que convive así mesmo unha gran diversidade de fauna. Sería polo tanto, un bosque ou unha foresta virxe ou primaria. Adoita referirse ao bosque atlántico, do que hoxe só quedan pequenas manchas por mor da acción do home.

Ás veces o termo fraga refírese simplemente a un bosque mixto ou simplemente unha arboreda brava.

Galería de imaxes de Monfero

Galería de imaxes do concello de Monfero na provincia da Coruña.

Galería de imaxes de Pontedeume

Galería de imaxes do concello de Pontedeume na provincia da Coruña.

Galería de imaxes do Parque natural das Fragas do Eume

O parque natural das Fragas do Eume abrangue 9.126 hectáreas nas beiras do río Eume, concretamente nos concellos de Cabanas, A Capela, Monfero, Pontedeume e As Pontes de García Rodríguez, todos eles da provincia da Coruña.

Monfero

Monfero é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca do Eume. Segundo o IGE en 2017 tiña 1.985 habitantes. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «monferés».

A maior parte do parque natural das Fragas do Eume está en Monfero, na súa franxa norte.

Mosteiro de San Xoán de Caaveiro

O mosteiro de San Xoán de Caaveiro é un mosteiro medieval situado nas Fragas do Eume, á beira do río Eume.

Mosteiro de Santa María de Monfero

O Mosteiro de Santa María de Monfero é un mosteiro medieval situado na contorna das Fragas do Eume e do que se conserva en bo estado a súa igrexa mentres que as dependencias monacais están en estado ruinoso. Está situado na parroquia de San Fiz de Monfero, no concello de Monfero.

Olmo de montaña

O olmo de montaña, tamén coñecido como ulmeiro de montaña ou lamigueiro (Ulmus glabra), é unha das especies do xénero Ulmus da familia das ulmáceas, típico das montañas de toda Europa. En Galiza hoxe é escaso, aparecendo algúns exemplares nas montañas orientais ou nas Fragas do Eume.

Parque natural

Un parque natural é, no marco lexislativo galego, un espazo natural declarado como parque por estar pouco transformado pola explotación ou pola ocupación humana e que, en razón á beleza das súas paisaxes, a representatividade dos seus ecosistemas ou a singularidade da súa flora, da súa fauna ou das súas formacións xeomorfolóxicas, posúe uns valores ecolóxicos, estéticos, educativos e científicos, co cal a súa conservación merece unha atención preferente. Poden ser marítimos ou terrestres, e encontrarse na montaña, no mar, no deserto ou en calquera outro espazo definido xeograficamente.

Pontedeume

Pontedeume é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca do Eume. O seu xentilicio é eumés/eumesa. É un concello pequeno (29,3 km²) que en 2014 tiña unha poboación de 8 117 habitantes cunha alta densidade de poboación (277 hab./km²). Está situado entre as cidades da Coruña (38 km) e Ferrol (18 km), e preto de Betanzos (26 km) e As Pontes (31 km).

A vila de Pontedeume é unha das poucas poboacións galegas que conserva o seu centro histórico. As súas rúas e prazas manteñen moitos elementos tradicionais como os soportais, as casas con balcóns de madeira e galerías acristaladas, as fontes públicas e un gran número de edificios monumentais. Todo isto, unido a unha gran riqueza paisaxística e natural na súa contorna, fixo que en 1971 a comarca eumesa fose declarada Conxunto histórico e paraxe pintoresca. Pontedeume é un importante destino turístico, no seu territorio está un dos portais de acceso e o Centro de Interpretación do Parque Natural das Fragas do Eume. Por Pontedeume pasa o Camiño de Santiago, o Camiño Inglés.

Río Eume

O río Eume é un río galego. Nace na xunta dos regos do Lamoso e das Toxeiras, ó pé da Lomba Longa do Seixo Branco, na Serra do Xistral, a 759 m. O nacemento está localizado na parroquia de Montouto, no concello lugués de Abadín, aínda que as cabeceiras nacen na parroquia da Balsa, no concello veciño de Muras a 880 m. O seu percorrido de 80 km transcorre placidamente por terras de Lugo ata que pouco a pouco, pasada a vila das Pontes de García Rodríguez, vaise encaixando nun val profundo coñecido como canón do Eume, en parte asolagado polo encoro do Eume. A medida que se achega á desembocadura vaise abrindo o val ata formar un amplo esteiro que en marea baixa forma unha illa coñecida como As Croas, de gran valor marisqueiro e ecolóxico. Finalmente desemboca na Ría de Ares, no Golfo Ártabro, entre os concellos coruñeses de Pontedeume e Cabanas dos que é a súa fronteira natural.

Taboada, Monfero

Santa Mariña de Taboada é unha parroquia que se localiza no leste do concello de Monfero limitando có concello de Pontedeume mailo có de Vilarmaior. Segundo IGE en 2013 tiña 85 habitantes (46 homes e 39 mulleres) distribuídos en 9 entidades de poboación, 15 menos ca en 1999.

Espazos protexidos de Galicia
Parque Nacional:
Parque Natural:
Monumento Natural:
Rede Natura 2000:
Zona húmida protexida:
Reserva da Biosfera:
Outros:
Lugares de interese de Pontedeume
Igrexas
Castelos
Outros edificios
Pontes
Parques e espazos naturais
Praias

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.