Fragas, Campo Lameiro

Santa Mariña de Fragas é unha parroquia que se localiza no sur do concello de Campo Lameiro. Segundo o padrón municipal de 2013 tiña 605 habitantes (299 mulleres e 306 homes) distribuídos en 7 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 2004 cando tiña 658 habitantes.

Coordenadas: 42°31′28″N 08°33′27″O / 42.52444, -8.55750

Fragas
Fragas
Igrexa parroquial.
ConcelloCampo Lameiro
Poboación605 hab. (2013)
Entidades de poboación7

Patrimonio

A igrexa parroquial de Santa Mariña de Fragas conserva a fachada románica (do século XII), estando completamente reformado o resto do templo. Sobre a porta existe un sinxelo tímpano no que se representa a un bispo bendicindo ós fieis, acompañado dunha figura cunha cruz e outra cos evanxeos.

No territorio desta parroquia atópase un dos numerosos complexos de petróglifos que existen en Campo Lameiro. Denomínase a Pedra da Boullosa e posúe abondosas insculturas de animais (entre os que destaca unha serpe de case 5 metros de lonxitude), círculos e cazoletas. Tamén pode verse unha figura humana cun pau na man dereita.

Galería de imaxes

Artigo principal: Galería de imaxes de Fragas, Campo Lameiro.
Fragas 01-2

Fachada da igrexa.

Fragas 01-timpano

Tímpano da portada.

Fragas 01-detalle

Detalle dos capiteis.

Fragas2

Porta lateral da igrexa.

Pedra da Boullosa - Fragas, Campo Lameiro

Pedra da Boullosa.

Pedra de San Francisco - Fragas, Campo Lameiro

Pedra de San Francisco.

Lugares e parroquias

Parroquias de Campo Lameiro

Véxase tamén

Outros artigos

A muller na cultura popular galega

A seguir recóllese a pegada da muller na cultura popular galega, na etnografía e na literatura de transmisión oral. Cómpre advertir que a literatura oral, tanto a galega como a universal, está impregnada dunha clara misoxinia que reflicte o sentir popular das épocas nas que aquela foi xurdindo. Debe interpretarse, xa que logo, cunha perspectiva histórica sen translación a valores actuais.

Baldaquino

Chámase baldaquino ou ciborio a unha construción relixiosa de pequeno tamaño destinada a protexer un altar, formada basicamente por catro columnas que sosteñen un elemento de cubrición, habitualmente unha cúpula ou un dosel. Os catro arcos ou linteis que pechan os laterais do baldaquino adoitan estar decorados por relevos, inscricións, escudos ou outros elementos decorativos. Esta estrutura básica pode estar modificada por diversas variantes, segundo a época, o estilo ou o material de construción.

O nome procede de baldacchino, tea procedente de Baldac, nome da cidade de Bagdad durante a Idade Media, porque de alí proviñan os tapices cos que se confeccionaban as cortinaxes coas que se pechaban lateralmente. O nome de ciborio vénlle do latín ciborium, en alusión á forma de copa invertida.

Por similitude, denomínanse tamén baldaquinos os doseis de tea que cobren ou protexen tronos reais, camas etc. No escudo de Serbia ou o nos Países Baixos poden verse exemplos deste uso.

Boullosa

O topónimo galego Boullosa pode referirse a:

Vilamaior da Boullosa, parroquia do concello de Baltar;

Vilamaior da Boullosa, lugar de dita parroquia;

A Boullosa, lugar da parroquia de Figueirido, no concello de Vilaboa;

Pedra da Boullosa, petróglifo en Fragas (Campo Lameiro);

Rego da Boullosa, no concello da Pontenova;Amais, o apelido Boullosa segundo o censo do ano 2000 tiña 1865 ocorrencias en Galicia, destacando no concello de Fornelos de Montes (1,74 % da poboación), Ponte Caldelas (1,35 %) e Vilaboa (1,31 % da poboación).

Pode referirse a:

José Benito Amado Boullosa, mariño e político galego (1822 - 1886);

Luis Boullosa Mariño, político galego de comezos do século XX;

Eduardo Ferreirós Boullosa, sindicalista galego (1904 - 1936);

Manuel Cordo Boullosa, empresario galego (1905 - 1998);

Palmira González Boullosa, escritora galega (n. 1941);

Mauricio Rodríguez Boullosa, empresario galego;

Capitel

Para a agulla ou remate da columna véxase chapitel.

O capitel (do latín caput, capitis 'cabeza' ou 'testa'), é un elemento arquitectónico que se dispón no extremo superior da columna, piar ou pilastra para transmitir a estas pezas estruturais verticais as cargas que recibe do entaboamento horizontal ou do arco que se apoia nel. Ademais desta misión estrutural cumpre outra de índole compositiva, pois actúa como peza de transición entre dúas partes construtivas tan diferentes como aquelas entre as que se interpón. Por veces tamén é chamado chapitel, se ben este termo designa máis propiamente o remate en agulla dunha torre, campanario ou igrexa).

Aínda que hai unha gran variedade de capiteis, a forma tipo estaría formada por: un astrágalo, moldura que corre ao redor do fuste da columna na base do capitel; un tambor, que é o corpo propiamente dito do capitel, con forma reducible a un tronco de cono ou pirámide invertida; e un ábaco, taboleiro prismático que remata o capitel e que sostén directamente o arranque do arco ou o lintel.

Os primeiros capiteis coñecidos teñen a súa orixe no antigo Exipto. O seu aspecto é con preferencia papiriforme ou lotiforme, pero tamén os hai con calquera outro tema vexetal. En Persia empregáronse capiteis formados por dúas figuras contrapostas que deixaban entre elas un rebaixe no que se apoiaba a arquitrabe. Pero o desenvolvemento e masivo emprego do capitel débese á arquitectura grega e romana que fixeron del un elemento clave das súas ordes arquitectónicas clásicas. O seu deseño correspóndese coas respectivas ordes. Así, a dórica, carente de astrágalo, só ten equino e ábaco, os dous lisos e moi sinxelos; a xónica caracterízase polas volutas que configuran as súas catro esquinas; a corintia, máis esvelta que a anterior, ten todo o tambor decorado por follas de acanto; a toscana é semellante á dórica, inclúe un colariño; a composta é unha combinación de xónica e corintia, adoptando as volutas dunha e as follas de acanto da outra.

Coa chegada do Renacemento e o Neoclasicismo volveuse á utilización dos capiteis clásicos segundo os canons das ordes arquitectónicas gregas e romanas.

Cutián, San Xurxo de Sacos, Cerdedo-Cotobade

Cutián é un lugar da parroquia de San Xurxo de Sacos, no concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade. Segundo o IGE, en 2015 tiña 90 habitantes (45 homes e 45 mulleres), o que supón un descenso de 31 persoas respecto ó ano 2006. É o lugar máis habitado da parroquia.

Mullerboa, Fragas, Campo Lameiro

Mullerboa é un lugar da parroquia de Fragas no concello pontevedres de Campo Lameiro na Comarca de Pontevedra. Tiña 73 habitantes no ano 2009 segundo datos do Instituto Nacional de Estadística, dos cales eran 36 homes e 37 mulleres.

Museo Provincial de Lugo

O Museo Provincial de Lugo foi fundado pola Deputación de Lugo no ano 1934. A idea de crear un museo provincial xurdiu en 1932 coa proposta de reunir e protexer os bens do patrimonio cultural lucense, até daquela esparexidos ao longo da provincia en coleccións privadas. Atópase no centro da cidade, na praza da Soidade.

Tenorio, Cerdedo-Cotobade

San Pedro de Tenorio é unha parroquia que se localiza no oeste do concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade. É a parroquia con maior poboación do concello. Segundo o IGE en 2015 tiña 1168 habitantes (579 homes e 589 mulleres), distribuídos en 13 entidades de poboación, o que supón un aumento de 13 persoas en comparación co ano 2006.

Limita ao norte con Fragas (Campo Lameiro) e Viascón, ao sur con Almofrei e Borela, ao leste con Viascón, Rebordelo e Borela, e ao oeste con Xeve e Bora. Está atravesada polo río Tenorio, afluente do río Lérez, que serve de fronteira co concello de Pontevedra.

Pola parroquia discorre a estrada N-541.

Tímpano (arquitectura)

En arquitectura, denomínase tímpano a superficie entre o lintel e o arco dunha porta ou ventá. Tamén é o espazo comprendido no frontón do templo clásico. Pode ser liso ou estar decorado con relevos, como ocorre nas igrexas do románico e do gótico ou nos templos gregos.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.