Formentera

Formentera é unha illa mediterránea e concello español que forma parte das Illas Pitiusas, no arquipélago Balear. Cunha superficie de 77 km² é a illa habitada de menor extensión das Illas Baleares. Ocupa a posición máis meridional, separada da illa de Eivisa por un estreito paso de auga e de illotes chamado Es Freus, de 7 km de lonxitude.

Formentera
Formentera sat
Bandeira da illa de Formentera
Escudo de Formentera


Localització de Formentera respecte les Illes Balears
Localización nas Illas Baleares
Situación
PaísEspaña España
Comunidade autónomaFlag of the Balearic Islands.svg Illas Baleares
ArquipélagoIllas Baleares
MarMediterráneo
Coordenadas38°25′N 1°16′L / 38.42, 1.26
Xeografía
Superficie83,24 km²
Demografía
CapitalSant Francesc de Formentera
Poboación9.147 hab. (INE 2008)
Densidade109,89 hab./km² hab./km²
XentilicioFormenterense
Lingua propiaCatalán e castelán

Historia

A primeira presenza humana coñecida de Formentera atópase na Idade de Bronce, cando se construíu o sepulcro megalítico de Ca na Costa, datada no 1600 a. C. Logo dunha época na que permaneceu despoblada, tense vestixios do paso das culturas fenicia, púnica e romana.

Non se ten referencias a se a illa estivo poboada tras as invasións visigodas, pero polo menos a partir do século XI, durante a ocupación árabe, a illa contaba cunha poboación estable, pois quedan restos de vivendas, pozos e alxibes de devandita época.

As tropas de Xaime I de Aragón, comandadas por Guillem de Montgrí, conquistaron as Pitiusas en 1235, as cales foron incorporadas ao Reino de Mallorca. Formentera estaba aínda habitada por sarracenos, segundo relata o Llibre dels feits.

Tras a expulsión da poboación musulmá, o intento de establecer unha poboación permanente na illa fracasou; a dureza da illa e a inseguridade provocada polas incursións berberiscas puxeron fin, nos últimos anos do século XIV, ao que se coñece como o primeiro repoboamento. Desta época é a Capela románica de "Sa Tanca Vella", en Sant Francesc Xavier, construída no ano 1336.

Durante o resto da Idade Media e o Renacemento, Formentera só se atopou poboada ocasionalmente por habitantes da illa de Eivisa.

Formentera
Vista da illa desde La Mola.

Foi en 1695 cando se produciu o definitivo repoboamento da illa, realizado por xentes de Eivisa; tras a doazón dunha parte da illa ao eivisenco Marc Ferrer, en pago polos servizos prestados. Algúns anos despois, en 1726, erixiuse a primeira igrexa de Formentera, dedicada a Sant Francesc Xavier, construída como unha fortaleza na que poder refuxiarse dos ataques dos piratas. Algunhas torres de defensa e vixía no litoral complementaron o sistema defensivo da illa e converteron o segundo repoboamento en definitivo. Co paso do tempo, fóronse empezando a crear uns pequenos núcleos de poboación ao redor das igrexas que se ían construíndo, aínda que a maioría da poboación atopouse sempre dispersa en pequenas casas de campo. Cara a mediados do século XVIII a poboación de Formentera era de catrocentas persoas e a finais do século XIX a illa tiña xa case dous milleiros de habitantes.

A partir das décadas de 1960 e 1970 empezouse a desenvolver unha incipiente industria turística, caracterizado por un ambiente de relax e tranquilidade (un pouco a diferenza da de Eivisa). De forma paralela, a finais dos 60 iniciouse o movemento hippy en Formentera, feito que marcou profundamente a personalidade da illa.

Xeografía

A illa de Formentera é a illa habitada de menor tamaño das Baleares e a máis meridional. Atópase situada ao sur da illa de Eivisa, da que está separada polo paso de Es Freus, duns 7 km. O seu punto máis próximo na Península Ibérica é Dénia (Alacant), a 40 millas.

Ten 69 km de litoral, repletos de praias e barrancos de gran beleza. Trátase dunha illa case plana, sendo a súa altura máxima de 192 metros (La Mola). O clima é suave, cunha temperatura media anual de 18,6 graos centígrados e 2.883,1 horas de sol anuais de media. A vexetación, de tipo mediterráneo, combina zonas de dunas con bosques de piñeiro e de sabina.

Ao norte da illa atópanse varios illotes deshabitados, os máis importantes dos cales son S'Espalmador (dunhas 240 ha) e S'Espardell (de 60 ha), que pertencen ao concello.

Demografía

A illa de Formentera está conformada administrativamente por un único municipio (chamado igualmente Formentera e que inclúe aos illotes de S'Espalmador e S'Espardell) e conta cinco núcleos urbanos: Sant Francesc de Formentera (capital da illa), Sant Ferran de ses Roques, el Pilar de la Mola, la Savina e es Pujols. A poboación total da illa era de tan só 10.365 habitantes no 2011.

Entidades de poboación:

Organización territorial

Véndes de Formentera
Vendas de Formentera

A organización tradicional do territorio é en parroquias e vendas (véndes en catalán). A illa está dividida en 3 parroquias e 14 vendas.

As tres parroquias da illa son: Sant Francesc de Formentera, Sant Ferran de ses Roques e El Pilar de la Mola. Nos últimos anos desenvolvéronse outros pobos eminentemente turísticos como Es Pujols, Es Caló ou La Savina.

As vendas son unha organización típica de Eivisa e Formentera motivada pola poboación tradicionalmente diseminada. As 14 vendas nas que se divide a illa son:

  • Es Brolls
  • Es Ca Marí-Mitjorn
  • Es Camatge
  • Es Cap
  • Es Molí-S'Estany
  • Es Monestir
  • Es Pi des Català
  • Porto-salè
  • Sa Miranda-Cala Saona
  • Sa Punta
  • Sa Talaiassa
  • Ses Clotades
  • Ses Roques
  • Ses Salines

Goberno

Artigo principal: Consello Insular de Formentera.

Coa aprobación do Estatuto de Autonomía das Illas Baleares en 2007, créase o Consello Insular de Formentera. Desde entón, Formentera queda independente de vínculos de Eivisa, xa que deixa de depender do Consello Insular de Eivisa e Formentera.

A institución está formada por trece concelleiros escollidos nas eleccións do Concello, que son ademais conselleiros insulares. As primeiras eleccións, celebradas o 27 de maio de 2007, gañounas Gent per Formentera, unha formación localista e de esquerdas. Jaume Ferrer foi escollido alcalde e, consecuentemente, presidente do primeiro Consello de Formentera.

Economía

Platja Trucadors
Praias da península des Trucadors.

Sant Francesc de Formentera é a capital da illa e onde se concentran as administracións públicas. En La Savina é onde se atopa o porto do mesmo nome, única vía de acceso á illa. A industria principal é o turismo, que explota as paradisiacas praias da illa: Illetes, Llevant, Es Arenals, Migjorn, Cala Saona etc.

Comunicacións

A única maneira de acceder á illa é en barco desde Eivisa, e durante os meses de verán prográmanse tamén varias conexións entre Formentera e Dénia, na costa da Comunidade Valenciana. O único porto da illa está en La Savina. O barco é unha forma económica de viaxar a Formentera que ademais permite a viaxe con automóbil. As liñas JET unen os portos de Eivisa e La Savina, con barcos provistos de hidrojet, en menos de 30 minutos.

Para moverse dentro da illa existen varias opcións; hai 4 liñas de autobús que unen os principais puntos da illa como o porto de La Savina ou Sant Francesc de Formentera. Tamén hai unha pequena rede de estradas entre as que destaca a PM-820, que atravesa a illa pasando polas localidades máis importantes.

Véxase tamén

Ligazóns externas

Consello Insular

Un Consello Insular (en catalán: Consell Insular) é unha institución propia de autogoberno nas Illas Baleares (illas de Mallorca, Menorca, Eivisa e Formentera).

Os seus membros son elixidos por sufraxio universal directo dos cidadáns de cada illa. Segundo o artigo 66 do Estatuto de Autonomía das Illas Baleares, o Presidente do Consello Insular é elixido polo Pleno entre os seus membros. Pode cambiar mediante unha moción de censura posterior. Os Consellos insulares abarcan diversas competencias establecidas no Estatuto de Autonomía das Illas Baleares de 1983.

Consello Insular de Eivisa e Formentera

O Consello Insular de Eivisa e Formentera (en catalán: Consell Insular d'Eivissa i Formentera) foi unha institución de autogoberno das Illas Pitiusas (Eivisa e Formentera). Creouse en 1978 coa aprobación do réxime de Consellos Insulares e foi instituído oficialmente segundo o que acordaba o Estatuto de Autonomía das Illas Baleares de 1983. Estaba regulado pola Lei de Consellos Insulares.

A institución exerceu, segundo as competencias, un poder normativo (Pleno do Consello) e executivo. O pleno estaba formado por 13 deputados e a súa composición viña establecida polo número de deputados que obtiña cada formación política na circunscrición de Eivisa nas eleccións ao Parlamento das Illas Baleares. Este pleno encargábase de aprobar as tarefas e de escoller o presidente da institución.

Con motivo da aprobación do Estatuto de Autonomía de 2007, esta institución cesou as súas funcións a partir da lexislatura 2007-2011 asumíndoas, no seu ámbito, dous consellos insulares independentes: o Consello Insular de Eivisa e o Consello Insular de Formentera.

Consello Insular de Formentera

O Consello Insular de Formentera (en catalán: Consell Insular de Formentera) é a institución de autogoberno da illa de Formentera, nas Baleares, que exerce as funcións de concello e de consello insular.

Creouse en 2007 coa aprobación do Estatuto de Autonomía. O novo Consello foi constituído 45 días despois das eleccións locais do 27 de maio de 2007, o 10 de xullo do mesmo ano. Está regulado pola Lei de Consellos Insulares.

Copa do Rei de fútbol 2017/18

A Copa do Rei de fútbol 2017–18 foi a 115.ª edición do torneo de copa da Real Federación Española de Fútbol. O campión obtén unha praza para a fase de grupos da UEFA Europa League 2018–19. Na final xogada no Estadio Wanda Metropolitano de Madrid, o FC Barcelona proclamouse campión tras derrotar ó Sevilla FC por 0-5.

Eivisa

Eivisa ou Eivissa (en catalán e oficialmente: Eivissa, en castelán: Ibiza) é unha illa española situada no mar Mediterráneo e que forma parte da comunidade autónoma das Illas Baleares. É a segunda illa máis poboada do arquipélago tras Mallorca e a terceira en superficie, por detrás de Mallorca e Menorca.

A illa é coñecida a nivel internacional pola beleza das súas calas e praias e a calidade das súas augas. É coñecida tamén pola súa vida nocturna, as súas festas e discotecas, que atraen a numerosos turistas. Parte da súa superficie foi declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1999 pola súa biodiversidade e cultura.

Gent per Formentera

Gent per Formentera (GxF, en galego: Xente por Formentera) é unha agrupación política da illa de Formentera que apareceu para concorrer ás eleccións ao concello e Consello de Formentera e ás eleccións ao Parlamento das Illas Baleares.

O seu ideario é de esquerdas, ecoloxista e nacionalista; ademais de velar polas necesidades específicas da illa.

Illas Baleares

As Illas Baleares (en catalán e oficialmente: Illes Balears) son un arquipélago e unha comunidade autónoma española situada no Mar Mediterráneo, xunto á costa oriental da península Ibérica. A súa capital é Palma de Mallorca, e a lingua propia autóctona é o catalán. O seu principal recurso é o turismo, sobre todo procedente de Alemaña e do Reino Unido, quen o consideran coma destino de viaxes por excelencia.

O arquipélago está formado por dous grupos de illas e numerosos illotes:

As Gimnesias: Menorca, Mallorca e Cabrera e algúns illotes próximos.

As Pitiusas: Eivisa e Formentera e os distintos illotes que as rodean.Conta con importantes industrias de alfaias (as perlas de Majórica) e un parque nacional marítimo-terrestre en Cabrera.

La Savina

La Savina é un núcleo urbano que se atopa no norte da illa de Formentera. Está situado na parte norte do Estany des Peix e nel encóntrase o porto que une Formentera con Eivissa e, nalgúns meses do ano, con Dénia.

O porto de La Savina é o porto máis pequeno dos que xestiona a Autoridade Portuaria tanto das Pitiusas como das Baleares. Aínda así, é unha peza imprescindible e vital para a vida cotiá da illa, xa que é a única vía de entrada de pasaxeiros e mercadorías. Polos seus peiraos pasan, cada ano, máis dun millón de pasaxeiros.É un porto que dispón de peiraos pegados, un peirao destinado á industria pescadora de Formentera e de dous clubs náuticos. O dique de Formentera mide 280 metros e dispón de múltiples puntos para que as embarcacións de maior tamaño e goza dunha moderna estación marítima.

Mar Balear

O mar Balear ou mar Baleárico é un mar litoral do mar Mediterráneo que se atopa fronte á costa oriental da Península Ibérica, entre o arquipélago balear e a costa do Levante.

Parque Natural de ses Salines

O Parque Natural de ses Salines é un espazo natural protexido das Illas Baleares, proclamado por lei do Parlament Balear desde 2001.

O territorio que comprende o parque natural é dunhas 2.838 hectáreas das antigas salinas de Eivisa, en Sant Josep de sa Talaia, e das salinas de Formentera, máis 13.000 hectáreas mariñas de Es Freus, o estreito que separa as dúas illas. Inclúe practicamente unha representación de tódolos ecosistemas que se atopan na illa de Eivisa, especialmente das marismas. Dentro da fauna destaca a ornitolóxica, en concreto os flamengos habitan no parque todo o ano.

Anteriormente á declaración como Parque Natural contaba coas seguintes figuras xurídicas de protección medioambiental:

Zona de especial protección para as aves (ZEPA)

Reserva natural desde 1995

Área Natural de Especial Interese (ANEI) da Lei de Espazos Naturais do Goberno Balear

Zona húmida dentro do convenio RAMSAR

Patrimonio da Humanidade da Unesco (desde 1999)

Rede Natura 2000 da Unión Europea.Durante máis de trinta anos houbo polémicas, a nivel cívico e político, entre os intereses turísticos urbanizadores da zona e os de protección medioambiental.

S'Espalmador

S'Espalmador é unha illa balear situada ao norte da illa de Formentera e ao sur de Eivisa, que forma parte das Illas Pitiusas. Depende do municipio de Formentera e da parroquia de Sant Ferran de ses Roques, e está incluída no Parque Natural de ses Salines.

O nome da illa provén do verbo «espalmar», que se refire ás labores de limpeza e mantemento das embarcacións que se facían nas calas protexidas da illa.

S'Espardell

S'Espardell é unha illa balear que forma parte das Illas Pitiusas. Depende do municipio de Formentera e da parroquia de Sant Ferran de ses Roques, e está incluída no Parque Natural de ses Salines.

Sant Ferran de ses Roques

Sant Ferran de ses Roques é unha localidade de Formentera e unha das tres parroquias nas que se divide a illa.

Sant Francesc de Formentera

Sant Francesc de Formentera é a capital e a vila principal de Formentera, sede do concello e dos principais servizos da illa. Forma unha das tres parroquias de Formentera.

Segundo o padrón municipal de 2006, tiña 931, pero a maioría de poboación está dispersada.

Senado de España

O Senado é a cámara alta das Cortes Xerais, órgano constitucional que representa ao pobo español. É a cámara de representación territorial.

Sociedad Deportiva Formentera

A Sociedad Deportiva Formentera é un club de fútbol español da localidade de Sant Francesc de Formentera, nas Illas Baleares. Foi fundado en 1969 e actualmente milita na Terceira División.

Unidos Podemos

Unidos Podemos (Podemos-IU-Equo) é unha coalición electoral española conformada por Podemos, Izquierda Unida, Equo e outras formacións de esquerdas, constituída o 13 de maio de 2016 para presentarse ás eleccións xerais do mesmo ano.Presentouse en todas as circunscricións ao Congreso dos Deputados e ao Senado, excepto nas catalás (onde se presentou a coalición En Comú Podem-Guanyem el Canvi), valencianas (onde se presentou a coalición Compromís-Podemos-EUPV: A la valenciana) e galegas (onde se presentou a coalición En Marea) a ambas as Cámaras e en Eivissa-Formentera ao Senado (onde se presentou a coalición Podemos-EU-Más).

Xaime I de Aragón

Xaime I de Aragón, o Conquistador, nado en Montpellier o 2 de febreiro de 1208 e finado en Valencia o 27 de xullo de 1276, foi rei de Aragón, de Valencia (1239-76) e de Mallorca (1229-1276), conde de Barcelona (1213-1276), señor de Montpellier (1219-1276) e doutros feudos en Occitania.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.