Follas novas

Follas novas é un poemario en lingua galega de Rosalía de Castro, publicado por vez primeira en 1880, editado por La Propaganda Literaria de Alejandro Chao na Habana, Cuba, e impreso en Madrid.[1]

Rosalía concibiu nun comezo este poemario como unha continuación de Cantares gallegos: O 50% dos poemas de Follas novas teñen afinidade co texto publicado en 1863,[Cómpre referencia] mentres que o resto das composicións presentan un diferente espírito poético motivado polo afastamento da terra, as desgrazas familiares e as doenzas físicas e morais. Estamos, xa que logo, ante unha poética que afonda nos sentimentos, na saudade e que ten frecuentemente, por horizonte, a fronteira do propio ser:

En todo estás e ti es todo
pra min e en min mesma moras,
nin me abandonarás nunca,
sombra que sempre me asombras.
Follas novas
Follas novas 1880 Rosalía Castro de Murguía.pdf
Texto completo, en pdf.
Título orixinalFollas novas
Autor/aRosalía Castro de Murguía
OrixeA Habana, Cuba
Linguagalego
Xénero(s)poesía
EditorialLa Propaganda Literaria
Data de pub.1880
Páxinas272
Precedido porEl caballero de las botas azules
Seguido porEl primer loco

Estrutura

Follas novas. Rosalía Castro de Murguía. 23 Febreiro 1880. Dedicatoria
Dedicatoria.

É unha compilación de poemas ordenados sen un criterio claro. O libro preséntasenos estruturado en cinco seccións:

  • Vaguedás.
  • Do íntimo.
  • Varia.
  • Da terra.
  • As viúdas dos vivos e dos mortos.

A obra ten unha organización formal pouco elaborada ó comparala con Cantares gallegos, se ben a súa amplitude temática e a diversidade dos seus textos lle confire maior universalidade. A colección de poemas resulta sumamente irregular desde unha perspectiva estrutural porque:

  • En Vagedás e Do íntimo, e en parte de Varia achamos textos intimistas de índole subxectiva mentres que, no resto, os poemas, sen perder autenticidade, sen esquecer unha actitude persoal, vivencial e reflexiva denuncian a inxustiza social e analiza as súas causas.
  • Varia, que participa dos dous grupos, está composta por poesía subxectiva e obxectiva ou colectiva.
  • A extensión de cada parte do libro é diferente: Da terra consiste só en nove poemas, así a todo, Varia achega máis de corenta.

Poesía subxectiva

Rosalía Castro de Murguía. A mi amigo Manuel Castro López, José Bouchet 1897
Imaxe alegórica de Rosalía, cun exemplar de Follas novas.

Os textos subxectivos de Follas novas poderían pertencer á escola xermánica (composicións breves, de estilo sinxelo, espontáneas, impresionistas, intimistas e suxerentes), da cal é representante Bécquer. Mais a lírica de Rosalía é diferente da becqueriana, Rosalía afástase do sentimentalismo para facilitarnos, mediante a introspección, a súa vida radical, angustiada e pesimista; a procura do sentido da existencia.

Vaguedás vén ser unha "Arte poética" relativa ós vencellos entre poesía e vida:

Follas novas, risa dáme
ese nome que levás,
[...]
Non "follas novas"; ramallo
de toxos e silvas sós:
irta, como as miñas penas;
feras como a miña dor.
Sen ulido nin frescura,
bravas magoás e ferís...

En Do íntimo e nos poemas subxectivos de Varia predomina a saudade e a alienación:

...xa non sentín máis tormentos
nin soupen qué era delor;
soupen só que non sei qué me faltaba
en donde o cravo faltou,
e seica, seica tiven soidades
daquela pena... ¡Bon Dios!

Poesía obxectiva

Lugo 05-20c
Libro II "¡Do íntimo!" nun monumento en Lugo.

Nace co precedente de Cantares Gallegos, pero o feito de seren poemas e non glosas, xunto coa presenza dunha Rosalía máis madura, provoca un eu poético moito máis reflexivo que afonda na inxustiza social procurando penetrar no corazón dos seus semellantes dun xeito vivencial.

Estamos ante poesía comprometida, cívica; mais nunca panfletaria. A denuncia xorde como sentimento, é pura sensibilidade. O mundo que rodea a Rosalía é unha extensión do seu propio corpo.

Rosalia Moore
Libro III "Varia": N'a tomba d'o xeneral ingles Sir John Moore na Coruña.

Libro III: Varia

Existen diferentes tipos de composicións:

  • En primeiro lugar, as que están na liña de Cantares. Inda que algunhas ("Vamos bebendo") acadan unha tan perfecta caracterización de tipos que, a pesar de nos presentar aparentemente simples escenas populares, provocan que o lector se sinta afectivamente afectado polas penurias duns seres tridimensionais de enorme actualidade.
  • Logo, as composicións subxectivas que parecen partir dun desexo de lirismo puro e dunha introversión por veces agoniante.
  • Por último, os poemas de denuncia, de abandono social, que Rosalía declara preferir:
...aquelas outras que [...] espresan as tribulaciós dos que, uns tras outros, e de distintos modos, vin durante largo tempo sofrir ó meu arredore. E ¡sófrese tanto nesta querida terra galega! Libros enteiros poideran escribirse falando do eterno infortunio que afrixe ós nosos aldeáns e mariñeiros, soia e verdadeira xente de traballo no noso país.

Era unha ousadía dicir isto en 1880. E inda máis se pensamos que o contido deste prólogo (no seguinte apartado extraemos un anaco) perfila o problema social de Galicia que Rosalía consideraba máis grave: a emigración.

Libro IV: D'a terra

Algúns poemas de "Da terra", como "Miña casiña, meu lar", "Tanto e tanto nos odiamos", "A probiña que está xorda", "Xan" ou "Soberba", son unha prolongación de Cantares. Composicións que, desbordando ledicia, sen ser glosas, achegan costumes populares.

Os demais dos textos desta sección, aínda que podendo ser narrativos ("O encanto da pedra chan") e a pesar de teren o cerne da paisaxe e da cultura, están marcados cun evidente lirismo subxectivo.

Poema de Rosalía de Castro - Padrón - Galiza - PA31
Libro V: "As viudas d'os vivos e as viudas d'os mortos", epígrafe V, en Padrón.

Libro V: As viudas d'os vivos e as viudas d'os mortos

"As viudas d'os vivos e as viudas d'os mortos" é unha plasmación panorámica da emigración galega desde a perspectiva da muller:

Cando nas súas confianzas estas pobres mártires se astreven a decirnos os seus secretos, a chorar os seus amores, sempre vivos; a doerse das súas penas, descóbrese nelas tal delicadeza de sentimentos, tan grandes tesouros de tenrura (que a inteireza do seu carácter n'é bastante a mermar), unha abnegación tan grande, que sin querer sentímonos inferiores a aquelas oscuras e valerosas heroínas que viven e morren levando a cabo feitos maravillosos por sempre iñorados, pero cheos de milagres de amor e de abismos de perdón. Historias dinas de ser contadas por millores poetas do que eu son, e cuias santas armonías deberan ser expresadas cunha soia nota e nunha soia corda: na corda do subrime e na nota do delor. Anque sin forzas pra tanto, tentéi algo deso, sobre todo no libro "As viudas dos vivos e as viudas dos mortos"; mais eu mesma conoso que non acertéi a decir as cousas que era menester.

Rosalía sufriu as mesmas dores que sufriron as súas mulleres galegas. Rosalía falou por todas. Unha muller introvertida, que se ve atravesada por unha longa e negra sombra de saudade, ten valor para apartar da súa vista o seu íntimo horror e mirar para o pavor vital, para a escasa calidade de vida que teñen os demais nese país esquecido da man dos homes que é Galicia.

Métrica

En Follas Novas conflúen tres tendencias métricas:

  • A romántica (caracterizada pola polimetría e as combinacións múltiplas).
  • A popular
  • A de experimentación persoal: Follas Novas distínguese pola innovación métrica, por unhas combinacións métricas inusitadas ("Unha vez tiven un cravo", "Cada noite eu chorando pensaba"...), formas estróficas flexibles, asonancia irregular, agrupacións libres de versos e combinacións varias: de octosílabos e hendecasílabos, de octosílabos e alexandrinos, de decasílabos con dodecasílabos,...

Just when I think you have fled,
black shadow that overshadows me,
you return to my bedside
to mock me.

Just when a think you are gone,
I see you in the very sun-
you are the lustrous star,
you are the mormouring wind.

—O principio da "Negra sombra" de Follas
Novas na versión de Anna-Marie Aldaz.[2]

en Follas novas vese:

  • A predilección de Rosalía pola asonancia.
  • O romance (case a metade das poesías de Follas Novas utilizan o romance: "Foi a Pascoa enxoita")
  • A silva arromanzada
  • A seguidilla ("Vamos bebendo")
  • O ritmo de muiñeira ("A xustiza pola man").
  • A combinación de hendecasílabo e heptasílabos, que tamén adoita a formar unha silva arromanzada. Aparece en máis da cuarta parte dos poemas ("Ca pena ó lombo", "Terra a nosa"...). Por último,

Significación

A pesar de ser Follas novas unha obra de inaudito valor literario e humano, o verdadeiramente insólito é que Rosalía compuxese os seus sentimentos e reflexións sociais nunha lingua tida por dialectal, por flagrante exemplo da incultura dun pobo. Se Rosalía consagrara en Cantares gallegos o galego para a lírica popular, elabora neste poemario unha poesía universal, sen fronteiras, pero galega, e na lingua dun país daquela recóndito. Ricardo Carballo Calero, en Historia da literatura galega contemporánea (p. 145), di:

[Con Rosalía] a viabilidade da poesía galega ficaba experimentalmente demostrada [...] é Rosalía a figura máis representativa da nosa literatura.

Traducións

  • Ao castelán hai varias traducións:
    • En 1972 por Xesús Alonso Montero co título de Rosalía de Castro. Estudio y Antología publicada por Ediciones Júcar[3].
    • En 1985 por Juan Barja de Quiroga Losada co título de Follas novas publicada por Editorial Akal, Col. Bolsillo[4].
    • En 2001 por José Hierro unha edición bilingüe co título de Follas novas, antología publicada por Federico Domenech Editorial[5].
    • En 2004 por Helena Villar Janeiro e Xesús Rábade Paredes, edición bilingüe co título de Follas novas/Hojas nuevas publicada pola Fundación Rosalía de Castro, Centro de Estudios Rosalianos[6].
  • Ao inglés existen dúas traducións:
    • En 2014 por Francisco Morell González, edición bilingüe co título de New leaves, publicada pola Editorial Tryman[7].
    • En 2016 por Erin Moure co título de New leaves, publicada por Small Stations Press[8].
  • Ao búlgaro co título de НОВИ ЛИСТА publicada por Small Stations Press[9].
  • Ao xaponés en 2018, por Takekazu Asaka, 60 poemas dos 137, co título de Wakaba syuu.[10]

Notas

  1. Neira Vilas (2013), p. 189: "Como é sabido, Follas novas foi editado na Habana por Chao, co selo editorial de La Propaganda Literaria. Imprimiuse en Madrid e por iso algúns críticos sinalan que alí foi onde se editou. Erróneo. Hai anos polemizamos a distancia ó redor disto. A cuestión é sinxela: a casa matriz editora radicaba na capital de Cuba; tiña unha sucursal en Madrid que se ocupaba, fundamentalmente, de publica-la mencionada revista, dirixida por Murguía. Por razóns técnicas (prezo de impresións, condicións de pagamento ou o que fose), Chao encargoulle o traballo a unha imprenta madrileña, como podería encargarlla a calquera outra de calquera lugar, o que non modifica en absoluto o nome nin a sede da editorial…"
  2. Aldaz, Anna-Marie et al. (1991). Poems / Rosalía de Castro. State University of New York Press. p. 216. ISBN 0-7914-0582-6.
  3. Ficha en BiTraGa.
  4. Ficha en BiTraGa.
  5. Ficha en BiTraGa.
  6. Ficha en BiTraGa.
  7. Datos bibliográficos da BNE.
  8. Ficha en BiTraGa.
  9. Ficha en BiTraGa.
  10. Montero, Tamara (28/12/2018). "As Follas Novas do afastado Oriente". La Voz de Galicia.

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas

Antítese

A antítese é unha figura retórica de pensamento, consistente nun tropo que opón elementos contrarios.

Armando Requeixo

Armando Requeixo Cuba, nado en Mondoñedo o 14 de xuño de 1971, é un investigador, profesor e crítico literario galego.

As Bouzas, Visma, A Coruña

As Bouzas é un lugar da parroquia de Visma no concello da Coruña.

Neste lugar viviu a familia Ambite Seijido. Enrique Ambite Seijido, nado nesta parroquia en 1913 e finado en 1998, foi un gaiteiro ligado coa agrupación Aturuxo, a sección femenina (na época franquista aglutinou un gran grupo de músicos tradicionais coruñeses), e tamén tivo vínculos con Follas Novas. Compuxo algúns temas de certa singularidade como o "pasarrúas de Ambite" ou a "muiñeira de Olvido".

Caducifolio

Aplícase o adxectivo caducifolio (do latín decidere, caer) ás árbores ou arbustos que perden a súa follaxe durante unha parte do ano, a cal coincide na maioría dos casos coa chegada da época desfavorable, a estación máis fría nos climas temperados ou polares; algunhas árbores perden a follaxe durante a época seca do año nos climas áridos. Estas árbores coñécense, tamén, como árbores de folla caduca ou deciduas.

Moitas árbores e arbustos caducifolios florecen durante este período, xa que isto aumenta a efectividade da polinización. A ausencia de follas beneficia a dispersión do pole polo vento ou, no caso das plantas polinizadas por insectos, consegue que as flores sexan máis visibles por estes. Así e todo, esta estratexia non carece de riscos, xa que as flores poden resultar danadas pola xeada.

Cando as follas das árbores e arbustos caducifolios finalizan o período vexetativo e co cambio de cor da follaxe fican na árbore de nomínanse marcescentes. Dáse case sempre durante toda a estación fría (outono e inverno) até practicamente a saída das follas novas na seguinte primavera. É común en moitas especies de carballos, especialmente no cerquiño(Quercus pyrenaica), o (Quercus faginea), numerosos pés de faia (Fagus sylvatica) e mailos carpes (Carpinus ssp.). No sur de Galicia ás veces tamén se dá no carballo común.

Cantares gallegos

Cantares gallegos é un libro de poesía de Rosalía de Castro publicado no ano 1863 en Vigo, na imprenta de Juan Compañel.

Resulta o único libro do que Rosalía viu unha segunda edición en vida. Está adicado á escritora Fernán Caballero (Cecilia Böhl de Faber), "...por haberse apartado algún tanto, en las cortas páginas en que se ocupó de Galicia, de las vulgares preocupaciones con que se pretende manchar mi país".

Foi o marido de Rosalía, Manuel Murguía quen xestionou, sen o permiso da súa muller, a saída do prelo dun poemario que fixa o comezo dunha nova xeira para a poesía galega. Ía ser prologado por Nicomedes Pastor Díaz, mais finou antes de que fose editado.

No limiar, Rosalía confesa a súa idea de desenvolve-las cantigas populares galegas emulando o Libro de los cantares de Antonio de Trueba, pois o seu quefacer poético está constituído por glosas de cantares ou ditos populares. Así pois, tódolos poemas, agás dous, son glosas de cantares, procedemento este que tamén aparecerá, inda que con pouca relevancia, en Follas novas. Algunhas glosas están escritas en metros populares ("Miña casiña"; "Vivir para ver"; "¡Padrón...!, ¡Padrón!"...) e outras non ("Cada cousa no seu tempo"; "Eu por vos"...).

Tódolos críticos consideran que Cantares gallegos supera os riscos da paráfrase, mantendo o encanto da copla glosada sen se converter nun texto inexpresivo.

Carballeira de San Lourenzo

A carballeira de San Lourenzo é unha carballeira compostelá cunha extensión de 8.000 metros cadrados. Está situada á beira do río Sarela, xusto ao pé do convento franciscano de San Lourenzo de Trasouto, que foi fundado no século XIII.

Por medio desta zona arborada transcorre o Camiño de Santiago, en dirección a Fisterra. No interior da carballeira hai dispostos unha fonte e dous cruceiros de interese.

Trátase dun lugar de reunión ao que Rosalía de Castro cantou na súa obra Follas Novas.

Contos da miña terra

Contos da miña terra é un relato breve de Rosalía de Castro., publicado en 1864. É a única prosa en galego da autora, alén dos prólogos dos poemarios Cantares gallegos (1863, anterior a Contos da miña terra) e Follas novas (1880, posterior).

Diérese

A diérese é un signo ortográfico diacrítico consistente en dous puntos que se colocan enriba de certas letras, habitualmente vogais.

Follas Novas (A Habana)

Follas Novas foi un semanario publicado na Habana, Cuba, editado entre 1897 e 1909.

Follas Novas (homónimos)

Follas Novas pode referirse a:

Follas novas, un poemario en lingua galega de Rosalía de Castro, publicado 1880.

Follas Novas, semanario publicado na Habana, editado entre 1897 e 1909.

Follas Novas, editorial e distribuidora de libros en galego, fundada por Neira Vilas e a súa muller, Anisia Miranda en Buenos Aires en 1957.

Follas Novas, cuarteto de música tradicional dos anos setenta en Ferrol.

Galería de imaxes de Rosalía de Castro

Rosalía de Castro é a máis salientable figura do Rexurdimento.

Luís Alonso Girgado

Luís María Alonso Girgado, nado o 7 de agosto de 1946 en Ferrol, é un editor, escritor, investigador e tradutor galego.

Luís Otero Pimentel

Luís Otero Pimentel, nado en Outeiro (Portodemouros, Vila de Cruces) o 3 de setembro de 1834 e finado en Cádiz en 1920, foi un militar e escritor galego en lingua galega e lingua castelá. A súa obra máis destacada é Campaña da Caprecórneca, novela publicada por entregas no semanario Follas Novas en 1897.

Negra sombra

"Negra sombra" é un dos poemas máis coñecidos de Rosalía de Castro publicado no seu libro Follas novas de 1880.

Perennifolio

Os termos perennifolio e perennnifolia, derivados do latín perennis, duradeiro, perenne, e folium, folla, emprégase en botánica para cualificar as árbores e aos arbustos que posúen follas vivas ao longo de todo o ano, en contraposición aos termos caducifolio e caducifolia.

Nas árbores caducifolias e nos arbustos caducifolios, todas as follas morren cada ano durante a estación fría e volven a brotar follas novas á chegada da estación cálida.

Nas árbores e arbustos de folla perenne, en cambio, só morren unha parte das follas cada inverno e outras, as máis novas, permanecen na planta e únense ás novas que brotan cada primavera, de maneira que o período vital de cada folla pode durar varios anos, polo que tamén se denominan sempreverdes.

Rosalía de Castro

Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro, nada en Santiago de Compostela o 24 de febreiro de 1837 e finada en Padrón o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna e unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego decimonónico, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.

Ruta rosaliana

A Ruta rosaliana é un percorrido que se fai polos lugares máis singulares na vida da poetisa de Galicia Rosalía de Castro, todos eles vinculados sentimentalmente coa escritora, manifestándose de forma patente na obra poética de Rosalía.

Avelino Abuín de Tembra, escritor que elaborou algunha das máis destacadas antoloxías sobre a obra de Rosalía de Castro, foi quen ideou a creación dun itinerario e promoveu a viaxe polos lugares máis sobranceiros na vida da poetisa.

Rosalía de Castro (1837-1885)
Obra
Familia
Lugares

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.