Flor

A flor ( pronunciación ) (tamén chor en uso literario[1]) é o órgano reprodutivo das plantas chamadas anxiospermas. A función dunha flor é producir sementes a través da reprodución sexual. Para as plantas, as sementes son a próxima xeración, e serven como o principal medio a través do cal os individuos dunha especie se esparexen ó longo da paisaxe. Trala fertilización, a flor transfórmase nun froito que contén as sementes.

Filoxenicamente, a flor é un gomo foliar modificado. O óvulo transfórmase no froito, podendo reter, ou non, outras partes da flor. Os óvulos contidos no óvulo transformaranse nas sementes.

Rosa. Galiza
Rosa en Galiza
Flor diagrama-gl
Partes.

Partes da flor

Bluete-Schema
Diagrama esquemático que amosa as partes da flor. 1: Receptáculo, 2: sépalos, 3: pétalos, 4: estames, 5: pistilo.

Verticilos

Os verticilos son conxuntos de tres ou máis órganos (follas, pólas...) que brotan dun talo no mesmo nivel.

  • Cáliz: o cáliz é o verticilo externo nas flores que teñen o perianto composto por dúas clases de pezas (heteroclamídeo). Componse de sépalos, que son follas florais estériles, xeralmente verdes e de consistencia herbácea. Ten función protectora.
    • Sépalos: Están no verticilo máis externo da flor. Son estruturas foliáceas que serven para protexeren o gomo foliar. Xeralmente teñen cor verde aínda que poden asumir calquera cor ou forma.
    • Tépalos: nas flores nas que o perianto non está diferenciado entre cáliz e corola o tépalo é a unidade de estes. Máis concretamente é a parte floral da planta nas magnolias.
  • Corola: a corola é o verticilo interior da flor, formado polos pétalos:
    • Pétalos: O pétalo é unha folla floral modificada, normalmente son moi vistosos e coloreados como resultado da presenza de múltiples pigmentos (flavonoides).

Androceo

O androceo corresponde a estrutura reprodutora masculina da flor, e está formado polos estames.

  • Estames: os estames son órganos florais masculinos, produtores dos grans de pole. O estame típico consiste nunha antera pendurada no extremo dun pedículo. A súa función é variada e pode ter que ver coa produción de néctar ou coa función rechamante que adoitan cumprir os pétalos.
  • Anteras: a antera é a parte na que remata un estame.

Xineceo

O xineceo corresponde a estrutura reprodutora feminina da flor, e está formado polo conxunto dos pistilos.

  • Ovario: o ovario é a parte do xineceo que contén os óvulos a fecundar, e está formado por unha ou máis follas modificadas chamadas carpelos.
    • Óvulos: Órgano da planta que contén o saco embrionario ou oosfera (gameto feminino).
  • Carpelos: os carpelos son follas modificadas que conforman a unidade básica do xineceo.
  • Estilo: O estilo é unha prolongación do ovario, a final do cal está o estigma. O estilo non contén óvulos, estos só se atopan no ovario. O estilo pode ser oco ou sólido.
  • Estigma: o estigma é a parte do xineceo que recibe o pole durante a polinización, xeralmente descansa sobre o estilo.

Polinización

Abellón, abázcaro en Bastavales, Brión, 090726
Abellón contribuíndo á polinización.

O propósito primario dunha flor é a reprodución. Por seren as flores os órganos reprodutivos das plantas, estas median na unión do esperma (contido no pole) cos óvulos (contidos nos ovarios). A polinización é o movemento do pole dende as anteras cara ao estigma. A unión do esperma cos óvulos é chamada fertilización. Xeralmente o pole móvese dunha planta a outra, mais hai moitas plantas que poden polinizarse a si mesmas. Os óvulos fertilizados producen sementes que serán a nova xeración. A reprodución sexual produce descendentes xeneticamente únicos, permitindo as adaptacións. As flores teñen deseños específicos que favorecen a transferencia de pole dunha planta a outras da mesma especie. En moitas plantas a polinización depende de factores externos, como vento, animais, e especialmente insectos. Incluso poden mediar na polinización animais como paxaros, morcegos etc.

Xeitos de atracción

Flor GDFL 663
As flores poden ter cores moi vistosas.

As plantas non poden moverse dun sitio a outro, por iso moitas flores evolucionaron para atraeren animais e que estes transfiran o pole entre individuos de poboacións dispersas. As flores que son polinizadas por insectos chámanse entomófilas. As flores xeralmente teñen glándulas chamadas nectarios en varias partes para atraeren animais que buscan o nutritivo néctar. O mesmo que ocorre co ser humano, os paxaros e as abellas tamén poden distinguir as cores coa vista, o que lles permite escoller as flores máis vistosas. Algunhas flores teñen patróns, chamados guías nectarias, que amosan aos polinizadores onde teñen que ollar polo néctar, estas guías poden ser vistas só baixo luz ultravioleta, que é visible para as abellas e algúns outros insectos.

As flores tamén poden atraer polinizadores polo cheiro, mais non todas as flores teñen olor agradable: algunhas flores evolucionaron para emitiren cheiro a carne putrefacta (por exemplo, a Asimina triloba).

Mecanismos de polinización

Plantago-media
Exemplo dunha flor anemófila, a flor axítase polo vento e dispersa o pole

A maioría das flores poden dividirse en dous grupos segundo o método de polinización:

  • Entomófilas: estas flores atraen e empregan insectos, morcegos, paxaros e outros animais para transferir o pole dunha flor á seguinte. Xeralmente teñen formas especiais e unha distribución dos estames que aseguro que os grans de pole son transferidos aos corpos dos polinizadores cando se pousan na flor na procura de néctar. Segundo se pousa en distintas flores da mesma especie, o portador do pole transfire este pole nos estigmas das flores que visita. Moitas flores confían na proximidade simple entre as pezas da flor para asegurar a polinización. Outras, coma a Sarracenia, teñen deseños elaborados para asegurar a polinización cruzada mentres que preveñen a autopolinización.
  • Anemófilas: estas flores empregan o vento para mover o pole dunha a outra, como por exemplo nas gramíneas. Non teñen necesidade de atraer polinizadores e polo tanto xeralmente non teñen flores vistosas. Mentres que as floras das entomófilas tenden a ser largas e ricas en proteínas, as flores anemófilas teñen xeralmente grans pequenos, moi lixeiros e cun valor nutricional pequeno para os insectos.
  • Cleistógamas: algunhas flores polinízanse a si mesmas e nunca abren ou se polinizan antes de que a flor abra, estas flores chámanse cleistógamas. Moitas especies de Viola e Salvia teñen este tipo de flores.

Clasificación das flores

Segundo a súa composición

  • Simple
  • Composta

Segundo a simetría xeral

  • Zigomorfa: con simetría bilateral.
  • Actinomorfa: con simetría en varios eixos radiais.

Segundo a separación dos sépalos

  • Dialisépala: con sépalos separados.
  • Gamosépala: con sépalos unidos.

Segundo a separación dos pétalos

  • Dialipétala: con pétalos separados.
  • Gamosépala: con pétalos unidos.

Segundo a lonxitude dos estigmas respecto ó estame

  • lonxistilas
  • brevistilas

Segundo a posicion do ovario respecto á corola

  • Inferovariada o Ínfera: ovario baixo o punto de inserción dos pétalos.
  • Superovariada o Súpera: ovario sobre o punto de inserción dos pétalos.

Empregos

Aikya Linga in Varanasi
Man feminina dispersando flores sobre un templo Lingam en Varanasi.

Nos tempos modernos, a xente buscou xeitos de cultivar, mercar, levar postas e outros xeitos de estar ao redor das flores e plantas florecentes, en parte causado pola súa aparencia e cheiro agradable. Ao redor do mundo, a xente emprega flores para un amplo rango de eventos e funcións que, en conxunto, acompañan o camiño da vida:

  • Para novos nacementos ou bautizos.
  • Como ramalletes en funcións sociais ou vacacións.
  • Como símbolos de amor ou agarimo.
  • Nas vodas, nos recibidores e nas igrexas.
  • Nas casas como decoracións.
  • Para lembranzas e benvidas.
  • Nos funerais.

As flores teñen menos alimento que outras partes maiores das plantas (sementes, froitas...), mais aínda así forman parte de comidas importantes e especias. As flores vexetais inclúen o brócoli e a coliflor. A especia máis cara, o azafrán, consiste en estigmas secos de flor.

Galería de imaxes

Artigo principal: Galería de imaxes de flores de Galicia.
Abutilon Bastavales Brion Galiza

Flor do Abutilon en Bastavales

Flor 01eue

Rosa amarela

Flores

Caraveis, Tagetes, hortensias e outras flores.

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para chor.

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Adís Abeba

Adís Abeba (en amhárico: አዲስ አበባ, Āddīs Ābebā Nova Flor) é a capital de Etiopía. En 2008 tiña 3 384 569 habitantes.

Alelo

Un alelo é calquera dunha serie de cadeas codificantes de ADN que ocupan un determinado locus (posición) nun cromosoma. Normalmente os alelos son secuencias de ADN que codifican para un xene, pero outras veces o termo utilízase como 'posición' no cromosoma. Un xenotipo individual para ese xene é o conxunto de alelos que posúe ese individuo. En organismos diploides, os que teñen dúas copias de cada cromosoma, dous alelos conforman o xenotipo do individuo. A palabra procede do grego αλληλος = "cada un".

Un exemplo é o xene para a cor das margaridas en moitas especies —un só xene controla a cor dos pétalos, pero pode haber moitas variantes distintas (ou alelos) dese xene. Unha variante pode dar pétalos vermellos, mentres outra pode resultar en pétalos brancos. A cor resultante dunha flor individual dependerá de que dous alelos posúa para ese xene, e como interaccionan entre si.

Anxiospermas

As anxiospermas, plantas con flor ou Magnoliophyta é o grupo máis grande de plantas terrestres. Magnoliophyta é o nome dun taxón de plantas emprazado na categoría taxonómica de División, que no sistema de clasificación de Cronquist (1981) coincide na súa definición coas que noutros sistemas de clasificación son as chamadas anxiospermas (en latín Angiospermae, coma no sistema de clasificación de Engler, H. Melchior. 1964. A. Engler's Syllabus der Pflanzenfamilien (12ª edición) en inglés Angiosperms, coma no moderno sistema de clasificación APG II do 2003). As flores das anxiospermas diferéncianse das flores do resto das espermatófitas en que posúen verticilos ou espirais ordenados de sépalos, pétalos, estames e carpelos, e os carpelos cobren os óvulos e reciben o pole sobre a súa superficie estigmática en troques de recibilo directamente sobre o óvulo coma ocorre nas ximnospermas

Nalgúns sistemas de clasificación chámanas "magnoliófitas" (nome científico Magnoliophyta), xa que se pensaba até hai pouco tempo que as magnolias eran as flores máis semellantes á "anxiosperma ancestral" (a primeira planta destas características, da que terían descendido todo o resto das anxiospermas).

O termo "anxiospermas" provén de dúas verbas gregas: anxíon vaso, ánfora, e sperma, semente; así, este termo composto quere dicir "semente envasada", en referencia a que os seus óvulos (e posteriormente a súa semente) fican pechados pola folla fértil portadora dos óvulos ou carpelo. Deste xeito, o gran de pole para fecundar o óvulo ten que contactar unha superficie do carpelo preparada para isto (o "estigma") en troques de caeren directamente sobre o óvulo coma nas ximnospermas.

A estrutura particular das súas flores non é a única diferenza que posúen co resto das espermatófitas, outros caracteres morfolóxicos distintivos son a redución do gametófito feminino a só unhas poucas células, a dobre fecundación (coa formación dun tecido nutritivo característico, triploide, chamado endosperma, ó tempo que se fecunda o óvulo), e un xilema e floema distintivos, máis recentes que os do resto das traqueófitas, e máis eficientes en moitos aspectos (aínda que o xilema semella ter evolucionado xa dentro da póla, sendo as magnoliófitas máis primitivas semellantes nos seus tubos xilemáticos ás ximnospermas).

As anxiospermas son un grupo de espermatófitas recoñecido como monofilético desde hai moito tempo polos seus caracteres morfolóxicos distintivos, a súa monofilia foi sostida logo polos análises moleculares de ADN.

A diversificación que sufriu este grupo é moi rechamante. No rexistro fósil aparecen a principios do Cretáceo (hai uns 130 millóns de anos), momento a partir do cal aparecen enormes cantidades de fósiles de especies moi diversas, coma se apareceran de golpe con toda a súa diversidade, o que Darwin chamou no seu momento un "abominable misterio". Aínda hoxe preto do 90 % das plantas terrestres pertencen a este grupo. Cunhas 257.000 especies viventes (Judd et al. 2002), as magnoliófitas son as responsables da maior parte da diversidade en espermatófitas, en embriófitas e en viridófitas.

Así como posúe moitas especies, este grupo tamén se caracteriza por posuír unha enorme diversidade de hábitos, e ocupar practicamente todos os nichos ecolóxicos posibles. Hai plantas arbustivas e herbáceas, hainas terrestres e acuáticas, atópanse tanto nos desertos coma nos pantanos, no nivel do mar coma no alto dos montes. A súa diversidade de especies é moito máis alta en zonas tropicais e húmidas (ó redor do 60 % das especies son de zonas tropicais e un 75 % ten un crecemento óptimo en climas tropicais), onde dominan completamente a paisaxe, e vai diminuíndo o seu número cara ás latitudes altas, chegando a posuír unha representación baixa nas floras máis frías coma a da tundra (que aínda hoxe está dominada polas coníferas).

Os membros desta división son a fonte da maior parte dos alimentos consumidos polo ser humano, así como de moitas materias primas e produtos naturais. O groso da alimentación mundial procede de só quince especies.

Banana

Este artigo trata sobre a froita, para a planta véxase bananeira.

A banana ou plátano é o froito en forma de baga oblonga e arqueada da bananeira ou plataneiro, de polpa fareluda e pel grosa, sen sementes e comestíbel. Existen moitas variedades de banana, tanto de consumo cru como cociñado.

É unha planta orixinaria das zonas tropicais do sueste asiático de onde posteriormente pasou a ser cultivada en África, América e noutros lugares do mundo de clima semellante, coma agora Oceanía e Australasia. As bananeiras das Illas Canarias son, xeralmente, dunha variedade anana.

Os catro tipos principais de variedades de banana son: a banana-prata; a banana-mazá (de tamaño pequeno e máis arredondada), a Cavendish (tamén coñecida como banana de agua) e a banana-terra.

Carpelo

Os carpelos son follas modificadas que forman a parte reprodutiva feminina da flor das plantas anxiospermas; son a unidade básica do xineceo. Polo seu carácter de follas portadoras de macrósporas, as células por cuxa multiplicación se forma o gametófito feminino (o saco embrional), os carpelos son megasporofilos (ou macrosporofilos).

Cebola

Cebola ( pronunciación ) ou ceboleira é o nome vulgar da planta cuxo nome científico é Allium cepa, L..É orixinaria de Asia Central. Durante a Idade Media empregábase tanto gastronomía como na farmacopea. En sistemas taxonómicos máis antigos pertencía á familia das Liliáceas e subfamilia das Alioídeas, mais os taxonomistas máis recentes inclúena na familia das Alliaceae. O termo refírese tamén ao seu bulbo, constituído por follas escamiformes, en capas. As súas flores están dispostas en forma de quitasol. As plantas novas, co bulbo pouco desenvolvido e sen flor, chámanse tamén co nome de cebolo ou ceboliño.

Para o seu cultivo precisa de solos ricos en materia orgánica, sans, profundos, soltos e non calcáreos. É unha planta que prefire climas temperados non húmidos.

O principal produtor de cebola é México. Cultivase principalmente nos países europeos do mediterráneo e tamén nos países árabes.

Ceboliño: existen dous tipos dos chamados ceboliños: Allium fistulosun e Allium schoenoprasun diferentes da Allium cepa.

Chabuca Granda

María Isabel Granda Larco, máis coñecida como Chabuca Granda, nada en Cotabambas en 1920 e finada en Miami en 1983, foi unha cantautora e folclorista peruana. Creou e interpretou un gran número de valses crioulos e valeuse para tal efecto dos ritmos afroperuanos. O seu tema máis coñecido no mundo é "La flor de la canela", reversionada entre outros artistas por María Dolores Pradera.

Corola

A corola é o verticilo interno do perianto da flor, case sempre vistoso.

O concepto pode ser definido de xeito máis simple como o conxunto de follas modificadas dunha flor (pétalos). Os pétalos acostuman a estar dispostos libres entre si ou fusionados ós outros. Cando están fusionados, a porción estreita basal recibe o nome de tubo, a superior libre, limbo, e a abertura, fauce.

Están presentes só en anxiospermas.

División (botánica)

En bioloxía, chámase división nos reinos das plantas ou dos fungos ao equivalente dun filo no dos animais.

As divisións principais das plantas establécense seguindo a orde de evolución e probablemente sexa: os musgos (división Bryophyta), as herbas (división Filicophyta), os Equiseta (división Sphenophyta), o Cycad (división Cycadophyta), o Xinkgo (división Ginkgophyta), as coníferas (división Pinophyta), o Gnetophytes (división Gnetophyta), e as anxioespermas (división Anthophyta).

As anxioespermas son as plantas con flor, que dominan o mundo das plantas (o 80% de tódalas plantas vasculares son anxioespermas).

Estame

En botánica, un estame é cada un dos órganos florais masculinos portadores de sacos polínicos, chamados (microsporanxios), que orixinan os grans de pole (micrósporas).

Froito

En botánica, o froito é o órgano procedente da flor, ou de partes dela, que contén ás sementes ata que estas maduran e logo contribúe a ciscalas. Desde un punto de vista ontoxenético, o froito é o ovario desenvolvido e maduro das plantas con flor. A parede do ovario se engrosa ao transformarse na parede do froito e denomínase pericarpo, cuxa función é protexer ás sementes. Con frecuencia participan tamén na formación do froito outras partes da flor ademais do ovario, por exemplo o cáliz ou o receptáculo.O froito é outra das adaptacións, conxuntamente coas flores, que contribuíu ao éxito evolutivo das anxiospermas. Así como as flores atraen insectos para que transporten pole, tamén moitos froitos tratan de atraer animais para que dispersen as súas sementes. Se un animal come un froito, moitas das sementes que este contén percorren o tracto dixestivo do animal sen sufrir dano, para despois caer nun lugar idóneo para a súa xerminación. Con todo, non todos os froitos dependen de ser comestibles para dispersarse. Outros, como os figo chumbo, dispérsanse aferrándose ao pelame dos animais. Algúns forman estruturas aladas para poder dispersarse co vento, como os pradairos. A variedade de tipos de froitos que desenvolveron as anxiospermas a través da súa evolución permitiulles invadir e conquistar todos os hábitats terrestres posibles.Nas plantas ximnospermas e nas plantas sen flores non hai verdadeiros froitos, aínda que a certas estruturas reprodutivas como os piñóns dos piñeiros, comunmente tomáselles por froitos.Moitas plantas cultívanse porque dan certos froitos comestíbeis e a miúdo fragrantes, saborosos e apetecíbeis chamados froitas.

Inflorescencia

Unha inflorescencia é a parte da planta onde se localizan as flores. Normalmente consiste nun prolongamento semellante ao talo, ou raque, provido de follas modificadas chamadas brácteas. Nas axilas destas brácteas localízanse as flores. Moitas familias botánicas distínguense de xeito doado polo seu tipo de inflorescencia, como o espádice das Araceae, as umbelas das Apiaceae ou os capítulos das Asteraceae.

Planta

As plantas (tamén chamadas nalgunhas clasificacións Viridiplantae ou plantas verdes) son organismos multicelulares eucariotas do reino Plantae. Forman un clado que inclúe as plantas con flor (anxiospermas), as coníferas e outras ximnospermas, fentos, licopodios, antocerotas, hepáticas, musgos e, nas clasificacións recentes, as algas verdes. Están excluídos das Plantas as algas vermellas e pardas, os fungos, os animais, as arqueas e as bacterias.

As plantas verdes teñen paredes de celulosa e obteñen caracteristicamente a maioría da súa enerxía da luz por medio da fotosíntese, realizada en cloroplastos primarios, derivados da endosimbiose con cianobacterias. Os seus cloroplastos conteñen clorofilas a e b, o que lles dá a súa cor. Algunhas plantas parasitas perderon a súa capacidade de producir cantidades normais de clorofila ou de fotosintetizar. Son seres tipicamente autótrofos, xa que só necesitan absorber do seu medio substancias inorgánicas. As plantas tamén se caracterizan pola súa reprodución sexual, crecemento indeterminado modular, e pola alternancia de xeracións, aínda que a reprodución asexual é tamén común nelas.

O seu número preciso é difícil de determinar, pero unha estimación de 2010 falaba da existencia de entre 300.000 e 315.000 especies de plantas, das cales a grande maioría, unhas 260–290 mil, son plantas con sementes. As plantas verdes proporcionan a maior parte do oxíxeno molecular atmosférico e son a base da maioría dos ecosistemas da Terra, especialmente nos ambientes terrestres. As plantas que producen cereais, froitas e verduras constitúen o alimento básico da humanidade, e moitas especies foron domesticadas para uso agrícola durante milenios. As plantas utilízanse como ornamento e como fonte de medicinas, e as árbores proporcionaron a súa madeira, e outras plantas fibras téxtiles (algodón, liño).

Do estudo científico das plantas encárgase a botánica. Os nomes científicos da plantas seguen as normas do Código Internacional de Nomenclatura de algas, fungos e plantas e o Código Internacional de Nomenclatura de Plantas Cultivadas.

Planta ornamental

Unha planta ornamental, tamén chamada planta de xardín, é a que se cultiva e/ou comercializa con fins decorativos polas súas características estéticas, coma as flores (camelias), follas (pradairos), perfume (roseiras ou cantroxo), a textura da súa follaxe (alciprestes), froitos (espiños de fogo) ou mesmo talos (salgueiros choróns) en xardíns e deseños paisaxísticos, como planta de interior ou para flor cortada. O seu cultivo forma unha parte fundamental da horticultura.

Existen numerosas plantas que teñen un uso duplo, alimentario e ornamental como a oliveira, a laranxeira ou o romeu.

Estas plantas adóitanse vender en centros de xardinaxe con ou sen testo para seren transplantadas ao xardín ou simplemente ficaren coma plantas de interior.

A importancia deste tipo de plantas tense incrementado co desenvolvemento económico da sociedade e o incremento das áreas axardinadas das vilas, así coma co uso de plantas de exterior e interior polos particulares.

Actualmente hai máis de 3000 plantas que se consideran de uso ornamental.

Galicia ten pouca tradición ornamental e paisaxística, porén veuse incrementada nos últimos anos.

Pétalo

En botánica, o pétalo é unha folla florar que forma parte da corola dunha flor. É a parte interior do perianto, o cal comprende as partes estériles dunha flor.

Nunha flor "típica" os pétalos son rechamantes e coloreados, e rodean as partes reprodutivas.

O número de pétalos nunha flor é indicativo da clasificación da planta: dicotiledóneas, que típicamente teñen catro ou cinco pétalos; e monocotiledóneas, que teñen tres ou algún múltiplo de tres pétalos. A función principal dos pétalos ou a corola é a de atraer aos polinizadores.

Existe unha considerable variación na forma dos pétalos entre as plantas. Os pétalos poden estar unidos na base, formando un tubo floral. Nalgunhas flores, o perianto enteiro forma unha cunca (chamada tubo de cáliz) rodeando o xineceo, con sépalos, pétalos, e estames unidos ao bordo da cunca.

As flores dalgunhas especies carecen ou reduciron moito os seus pétalos. Son chamadas apétalas. Exemplos de flores con periantios moi reducidos poden ser vistos entre as gramíneas. Isto é característico de plantas polinizadas polo vento que non necesitan atraer a polinizadores (chamadas plantas anemófilas).

Reprodución

Coñécense dous tipos principais de reprodución no mundo vivo, unha é a reprodución sexual ou sexuada e a outra a reprodución asexual ou asexuada

Rosa (flor)

A rosa é a flor da roseira, arbustos do xénero Rosa e da familia das Rosaceae con máis de 100 especies. Moitas delas son nativas de Asia e un número menor procede de Europa, América do Norte e África noroccidental. Todas elas forman un grupo de arbustos erectos e plantas trepadeiras ou rastreiras, con ramas que frecuentemente están protexidas por espiñas.

Xa na antigüidade grega foi considerada a raíña das flores. A súa beleza e o seu arrecendo fan que na actualidade sexa a flor máis cultivada do mundo e que se empregue tanto na xardinaría ornamental como na floristaría e na industria da perfumaría.

Sépalo

Os sépalos son unha das pezas constituintes da flor, que se sitúan no verticilo máis externo desta. Son estruturas foliáceas, normalmente menores e máis consistentes que os pétalos, e na maior parte dos casos teñen a función primordial de protexer o gomo florar, pechándose sobre este. O conxunto de sépalos dunha flor é coñecido como cáliz.

Os sépalos son xeralmente esverdeados, mais, como case todas as partes dunha planta, asumen unha incrible variedade de formas e funcións, de acordo con cada especie.

Na familia Malpighiaceae, por exemplo, a face dorsal dos sépalos presentan glándulas de óleo, que é recollido por abellas cando estas acidentalmente, polinizan a flor. En algunhas Euphorbiaceae, as flores non teñen pétalos, e os sépalos asumen a función de atraer polinizadores. Adaptacións extremas con ese fin tamén poden ser observados na familia Aristolochiaceae. En Theaceae, algunhas especies conservan os sépalos mesmo durante o desenvolvemento do froito, talvez como unha protección adicional contra predadores. En Lecythidaceae os sépalos non pasan de estruturas reducidas e con aspecto semellante ao restante do cáliz, ofuscado pola exuberancia dos pétalos e estames, e aparentemente sen función.

Xénero (bioloxía)

O xénero, no campo da bioloxía, é unha unidade sistemática das clasificacións por categorías taxonómicas.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.