Fisterra

Fisterra (do latín finis terrae 'fin da terra'[4]) é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Fisterra. Segundo o IGE en 2017 tiña 4734 habitantes (5.005 no 2009, 5009 no 2006, 5042 no 2005, 5093 no 2004, 5141 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «fisterrán».

Coordenadas: 42°54′21.40″N 9°15′45.79″O / 42.9059444, -9.2627194

Fisterra
Escudo de Fisterra
Fisterra, Galiza. Panorámica
Vista panorámica da vila
(Son do vento de Fisterra).
Situacion Fisterra
Situación
Xeografía
ProvinciaProvincia da Coruña
ComarcaComarca de Fisterra
Poboación4.701 hab. (2018)
Área29,4 km²
Densidade159,9 hab./km²
Entidades de poboación4 parroquias
Política (2019[2])
AlcaldeJosé Marcote Suárez (PSdeG-PSOE)
ConcelleirosBNG: 2
PPdeG: 5
PSdeG-PSOE: 4
Eleccións municipais en Fisterra
Uso do galego[3] (2011)
Galegofalantes71,21%
Na rede
www.concellofisterra.com
alcaldia@fisterra.dicoruna.es

Toponimia

O topónimo ten orixe latina, de finis terrae 'fin da terra'. Antigamente pensábase que o cabo Fisterra era o punto máis occidental do mundo coñecido, ao veren as lexións romanas o afundimento do sol nas augas do océano Atlántico.

Xeografía

O municipio de Fisterra é unha península que a modo de tómbolo penetra no Océano Atlántico. o seu relevo é bastante accidentado. o territorio sobre o que se asenta alcanza a máxima altitude nos montes próximos a Cee (Seoane 249 m, San Xoán 247 m, Veladoiro 241 m) e no Facho (247 m) onde descende bruscamente cara ao mar configurando esa paisaxe enérxica e ata abrupta, que singulariza o concello. Entre ambos bloques graníticos esténdese o istmo de Langosteira, formado por sedimentos cuaternarios.

Na costa sucédense grandes areais (praias do Rostro, do Mar de Afora, Langosteira, Sardiñeiro) e abruptos cantís entre os que sobresaen o Cabo da Nave, o Faro e o Monte Facho.

Clima

O réxime termopluviométrico é o típico deste sector costeiro, temperaturas suaves (14,4 °C de media) e precipitacións que non superan os 1000 mm, sendo un dos enclaves menos pluviosos da costa galega.

Historia

Os restos arqueolóxicos achados nas parroquias de San Martiño e San Vicente de Duio fixeron pensar na existencia dun importante asentamento lacustre que mais tarde sería romanizado. Nestas parroquias atopáronse restos do que sería a vía romana per loca maritima que conducía ata a fin da terra coñecida onde, segundo a lenda, estaría o Promontorium Nerium e o "Ara Solis" lugar de adoración ao Sol construído polos fenicios e supostamente mandado destruír polo Apóstolo Santiago, nome que mantén a praza da vila.

Desde a idade media estas terras convertéronse en término do peregrino xacobeo, que prolongaba ata aquí o seu camiño para venerar as reliquias de San Guillerme e a imaxe do Santo Cristo. O camiño de Santiago e o resultado da cristianización dun ancestral camiño pagán para ver morrer o sol no fin do mundo[Cómpre referencia]. Co fin de acoller aos numerosos peregrinos, en 1749 constrúese o Hospital de Peregrinos da nosa Señora do Rosario. Os peregrinos que fan o camiño de Santiago adoitan rematar aquí a súa viaxe.

A tradición oral mestura lendas de temática relixiosa, marítima e pétrea, como as da ermida de San Guillerme, a Orca Vella, Pedras Santas, Santo Cristo de Fisterra ou a cidade de Dugium.

En 1544 houbo unha batalla contra os franceses. En 1805 os franceses foron aliados contra os ingleses, e en 1809 distinguíronse pola resistencia contra a invasión francesa, aínda que non puideron evitar o desmantelamento do castelo de San Carlos, construído no século XVII para a defensa do porto.

Patrimonio

Casa consistorial de Fisterra
Casa consistorial.

A vila de Fisterra está formada por un núcleo antigo crecido en anfiteatro sobre o peirao.

O castelo de San Carlos foi construído a mediados do século XVIII dentro dun plan defensivo da ría de Corcubión xunto co castelo do Príncipe, en Ameixenda (Cee) e o castelo do Cardeal, en Corcubión.

Deseñado polos enxeñeiros Demaur e Exaccha, en 1757 iniciouse a súa construción, co reformulamento xeral, a explanación do soar, a cimentación sobre rocha a base de pedra e barro e un tramo de muralla. Ten forma irregular para adaptarse ao terreo rochoso sobre o que está asentado.

Foi rematado en 1767, por Real Orde de Carlos III. No asalto francés a Fisterra durante a Guerra da Independencia Española sufriu un incendio que comportou a súa destrución. Ata entón contaba con tres frontes e unha nave interior coa dependencia do oficial, o cuartel e a polvoreira. Posteriormente reformouse a nave central, e foi restaurado recentemente.

Poboación

Evolución da poboación de Fisterra   Fontes: INE e IGE.
1900 1930 1950 1981 2004 2009 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018
4.708 4.994 4.838 5.322 5.093 4.995 4.990 {{{13}}} {{{14}}}
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)
Censo total 2014 4824 habitantes
Menores de 15 anos 566 (11.73 %)
Entre 15 e 64 anos 3122 (64.72 %)
Maiores de 65 anos 1136 (23.55 %)

Economía

Fisterra, terra de gran tradición marítima, vive cara ao mar. O peirao da vila acolle boa parte da actividade económica. A frota está formada por pequenos barcos de baixura que utilizan diversas artes de pesca coma o palangre, nasas ou vetas, poxando as capturas na lonxa e xunto co turismo, xera unha demanda de servizos, avituallamento de barcos, carga e descarga, hostalaría, administración, etc., que dá ocupación a boa parte da poboación.

Os restantes sectores, a agricultura de subsistencia, a industria e construción completan o cadro económico do municipio.

Fisterra na literatura popular

  • O Cristo de Finisterre/ ten unha pistola d'ouro// pra matar aos do Son/ por riba de Monte Louro [5].
  • Os de Noia son borrachos,/ os de Muros aloqueiros,/ os de Fisterra son mouros,/ e os do Son sonche bucheiros [6]
  • Santo Cristo de Fisterra,/ Santo da barba dourada,/ axúdame a remontar/ a laxe de Touriñana [7][8][9].
  • Santo Cristo de Fisterra,/ Santo da barba dourada,/ veño de tan lonxe terra,/ Santo, por che ver a cara./ Veño da Virxe da Barca,/ veño de abalar a pedra./ Tamén veño de vos ver,/ Santo Cristo de Fisterra [10].
  • Santo Cristo de Fisterra,/ ten unha pistola de ouro/ para matar os do Son/ por riba do Monte Louro [11].

Galería de imaxes

Artigo principal: Galería de imaxes de Fisterra.
Camiño de Santiago, Fisterra

Camiño de Santiago, Fisterra.

Vista Fisterra

Vista da vila.

Castelo de San Carlos, Fisterra

Castelo de San Carlos.

Capela da Nosa Señora do bo Suceso, Fisterra

Capela da Nosa Señora do bo Suceso.

Fisterra

Faro de Fisterra.

Fisterra.Cabo.08.Galicia

O Cabo.

Fisterra.Cabo.Galicia

Vista desde o cabo.

Fisterra, Fisterra

Igrexa parroquial de santa María das Areas de Fisterra.

Lugares de Fisterra

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Fisterra vexa: lugares de Fisterra.

Praias

Praia do Mar de Afóra 14VII2013 06
Praia de Mar de Fóra.

O territorio do municipio é principalmente rodeado polo mar e ofrece excelentes praias, dependendo da posición con augas fortes ou tranquilos (na sombra do cabo Fisterra).

  • Praia de Langosteira
  • Praia de Talón
  • Praia de Corbeiro
  • Praia de Arnela[12]
  • Praia do Rostro
  • Praia de Restrelo

Notas

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Resultados eleccións 2019
  3. Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". Consultado o 14 de outubro de 2014.
  4. Cabeza Quiles, F: Toponimia de Galicia. Vigo. Editorial Galaxia. 278 páx. ISBN 978-84-9865-892-1
  5. Álvaro das Casas, en Nós 94, 15.10.1931, 192. No orixinal: d-ouro, Montelouro.
  6. Cantigas do viño. Aloque ou aloqueiro significan pantano, lameira, e, por extensión, atranco, dificultade, compromiso. Bucheiro pode significar barrigán, tripón; ou pescador de bucheiros, nome local dos muxos.
  7. Refírese á punta do cabo Touriñán, situado na parroquia do mesmo nome, no oeste do concello de Muxía.
  8. Fermín Bouza Brey 1929, 183.
  9. Lino Lema Bouzas 1993, 13. No orixinal: da Touriñana.
  10. Copla une a devoción ao Cristo de Fisterra e á Virxe da Barca.
  11. Monte Louro é lugar da parroquia de Louro, en Muros. Fermín Bouza-Brey 1929, 184. No orixinal: ôs do Son.
  12. Visor Sixpac Xunta de Galicia

Véxase tamén

Bibliografía

  • ANÓNIMO: Cantigas do viño. Edicións Castrelos, Col. O Moucho 6, Vigo 1968.
  • BOUZA BREY, Fermín: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II].
  • CASAS, Álvaro das (colector): "Pra un canzoneiro de Noia", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 1931.
  • LEMA BOUZAS, Lino (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993.

Outros artigos

Ligazons externas

A Pereiriña, Cee

San Xián da Pereiriña é unha parroquia situada ao norte do concello coruñés de Cee na comarca de Fisterra. Segundo o IGE en 2013 tiña 811 habitantes (414 homes e 397 mulleres) distribuídos en 13 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 2004, cando tiña 862 habitantes (439 homes e 423 mulleres). En 1999 tiña 907 habitantes.

É unha parroquia predominantemente agrícola e forestal. Está atravesada pola ruta seguida polos peregrinos que tras facer o camiño de Santiago se achegan a Fisterra.

No alto de San Pedro consérvase unha pequena capela, cunha fonte preto dela.

Cabo Fisterra

O cabo Fisterra é un promontorio de granito dunha altura de 600 m situado no concello coruñés de Fisterra en plena Costa da Morte, constituído por unha península que penetra no mar 3 km.

Hai autores[quen?] que identifican o cabo Fisterra co antigo Promontorio Nerio dos xeógrafos romanos, outros sitúan neste lugar a Ara Solis, na cal se practicaba o culto celta ao Sol. Os romanos pensaron que este era o punto máis occidental do mundo coñecido. Porén, o cabo Touriñán sitúase máis cara o oeste.

O faro foi construído en 1853. A torre do faro, feita de cantaría, é de base octogonal, e acaba nunha cornixa sobre a que se apoia a balconada. Encima está a bóveda, cunha lanterna poligonal. A torre mide 17 metros e a súa luz, situada a 143 metros sobre o nivel do mar, acada máis das 30 millas náuticas. A constante néboa do inverno provocou que se lle engadise unha sirena en 1888, a Vaca de Fisterre, para avisar aos navegantes do perigo existente. Aínda así, foi escenario de naufraxios, como en 1870, cando o Monitor Captain se afundiu levando 482 persoas da súa tripulación no suceso máis lutuoso desta costa.

Hai tamén, preto do lugar unha serie de pedras vencelladas a lendas relixiosas: As Pedras Santas, As Pedras Manchadas de Viño, A Cadeira de Pedra, A Tumba de Orcabella.

Cee

Cee é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Fisterra. Segundo o IGE en 2017 tiña 7539 habitantes. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «ceense».

Comarca da Terra de Soneira

A comarca da Terra de Soneira é unha comarca galega situada na provincia da Coruña cuxa capital é Vimianzo. A esta comarca pertencen os concellos de Camariñas, Vimianzo e Zas. Limita coa comarca de Bergantiños polo nordés e coa de Fisterra polo suroeste. Historicamente a comarca incluía ademais dos concellos actuais o de Laxe e varias parroquias de Cabana.

Comarca de Fisterra

A comarca de Fisterra é unha comarca galega situada na provincia da Coruña cuxa capital é Fisterra. A esta comarca pertencen os concellos de Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra e Muxía. Correspóndese co territorio chamado Terra de Nemancos.

Corcubión

Corcubión é un concello galego, o máis pequeno da provincia da Coruña. Pertence á comarca de Fisterra. Formado por tan só dúas parroquias (Corcubión e Redonda) está atravesado pola estrada C-552 que o comunica cos municipios limítrofes e coa capital provincial a 94 km. A vila foi declarada Conxunto Histórico-Artístico en 1985.

Cornualles

Cornualles, Cornualle ou Cornualla (en inglés: Cornwall; en córnico: Kernow) é un condado administrativo e cerimonial, que ocupa unha grande parte da península do mesmo nome, constituíndo o extremo sudoccidental de Inglaterra. Os seus habitantes, os córnicos, están recoñecidos como unha minoría nacional polo Reino Unido desde o 24 de abril de 2014.

As súas costas, recortadas, son bañadas polo mar Céltico ó norte e oeste e polo canal da Mancha ó sur, e culminan na parte oeste, no chamado Fin da Terra, que equivalería á Fisterra galega ou á Finistèrre bretoa.

O tamén coñecido como país do estaño está ó oeste do condado de Devon, sendo o río Tamar a súa fronteira. A estrada principal que mediante a que se comunica co resto da illa de Gran Bretaña é a A38, que cruza o Tamar en Plymouth grazas á ponte do Tamar; e a A30 que cruza a fronteira sur do Launceston. Un transbordador tamén une Plymouth coa cidade de Torpoint ó outro lado do Hamoaze. Unha ponte ferroviaria (a Royal Albert Bridge), construída por Brunel en 1859, completa a outra gran vía de transporte.

As illas Scilly están asociadas a Cornualles.

Cornualles é tamén un ducado pertencente á coroa británica que ten asociado o título de Duque de Cornualles. O moderno ducado é propietario do 2% do territorio, así como outras grandes áreas ó longo de Gran Bretaña.

Na actualidade, este título osténtao Camila de Cornualles (Camilla Parker Bowles denantes da súa voda co príncipe de Gales, Carlos de Inglaterra).

Costa da Morte

A Costa da Morte é a franxa costeira galega que gañou ese nome polos numerosos naufraxios acontecidos no século xix e comezos do século xx e que se popularizaron a través da literatura galega e inglesa. Un dos naufraxios de máis repercusión nos medios foi o dos mariñeiros do Serpent, que naufragaron en 1890 e se enterraron en Cabo Vilán.Algunhas veces a Costa da Morte foi delimitada como a costa que vai desde o cabo Fisterra ata as illas Sisargas, en Malpica, e outras mesmo desde Muros ata A Coruña.Os actuais proxectos gobernamentais,das agrupacións locais e europeos adoitan incluír dentro da Costa da Morte as comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra e parte de Xallas ,Muros e A Coruña ; incluíndo os concellos de Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Coristanco, Corcubión, Dumbría, Arteixo,Fisterra, A Laracha, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas.Agás as vilas costeiras, o litoral e o espazo marítimo están catalogados como espazos naturais LIC e ZEC por ser unha área de importancia para as aves acuáticas que hibernan alí, un refuxio de fauna e pola vexetación dos seus cantís e polas peculiaridades xeolóxicas da costa.

Dumbría

Dumbría é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Fisterra, na Costa da Morte. Segundo o IGE a súa poboación no 2014 era de 3137 habitantes (3705 no 2010, 3970 no 2006, 4067 no 2005, 4166 no 2004, 4307 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é dumbriés.

Frixe, Muxía

Santa Locacia de Frixe é unha parroquia que se localiza no sur do concello coruñés de Muxía na comarca de Fisterra. Segundo o IGE en 2013 tiña 214 habitantes (114 mulleres e 100 homes) distribuídos en 6 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación aos anos 2004, cando tiña 264 habitantes, e 1999 cando tiña 315 habitantes.

Muxía

Muxía é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Fisterra. Segundo o IGE a súa poboación no 2014 era de 5.068 habitantes (5.424 no 2010, 5.746 no 2006, 5.823 no 2005, 5.899 no 2004, 6.029 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «muxián».

Negreira

Negreira é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca da Barcala.

Segundo o IGE, en 2014 tiña 7.009 habitantes (7.079 no 2012, 7.077 no 2011, 7.029 no 2010).

O seu xentilicio é negreirés ou nicrariense.

O Carballal, Santiago de Compostela

San Xulián do Carballal é unha parroquia que se localiza no concello de Santiago de Compostela. Segundo o IGE en 2013 tiña 192 habitantes (106 homes e 86 mulleres) distribuídos en 5 entidades de poboación, o que supón un aumento en relación ao ano 1999 cando tiña 218 habitantes.

Olveiroa, Dumbría

Santiago de Olveiroa é unha parroquia que se localiza no leste do concello de Dumbría. Segundo o IGE en 2013 tiña 140 habitantes (69 mulleres e 71 homes) distribuídos en 2 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 194 habitantes.

Rías Baixas

As Rías Baixas son as rías galegas situadas entre a fronteira portuguesa e o cabo Fisterra.

De sur a norte son:

Ría de Vigo

Ría de Pontevedra

Ría de Arousa

Ría de Muros e Noia

Ría de CorcubiónEntre elas atópanse as seguintes baías e enseadas:

Ría de Baiona

Ría de AldánCaracterízanse polo seu tamaño, grandes en relación ó resto das rías de Galiza, e pola súa orientación transversal á costa. A súa colmatación é relativamente baixa.

Salgueiros, Dumbría

San Mamede de Salgueiros é unha parroquia que se localiza no noroeste do concello coruñés de Dumbría na comarca de Fisterra. Segundo o IGE en 2013 tiña 269 habitantes (143 mulleres e 126 homes) distribuídos en 10 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 331 habitantes.

Trasmonte, Ames

Santa María de Trasmonte é unha parroquia que se localiza no oeste do concello coruñés de Ames, na comarca de Santiago. Ten unha superficie de 5,8 km². Segundo o padrón municipal (INE 2013) ten 368 habitantes (168 homes e 200 mulleres) distribuídos en 9 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 480 habitantes.

Vilastose, Muxía

San Cibrán de Vilastose é unha parroquia que se localiza no sur do concello coruñés de Muxía na comarca de Fisterra. Segundo o IGE de 2013 tiña 364 habitantes (183mulleres e 181 homes) distribuídos en 9 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación aos anos 2004, cando tiña 435 habitantes, e 1999 cando tiña 496 habitantes.

Zas, Negreira

San Mamede de Zas é unha parroquia que se localiza no leste do concello coruñés de Negreira, na comarca da Barcala. Segundo o padrón municipal (INE 2013) tiña 91 habitantes (39 homes e 52 mulleres) distribuídos en 1 entidade de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 127 habitantes.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.