Filosofía política

A filosofía política é unha disciplina filosófica que se encarga do estudo dos fins que deben seguir as comunidades políticas. Entendemos por comunidade política un conxunto de axentes que interactúan entre si. Nesta interacción poden xurdir conflitos de intereses entre os fins dos diferentes individuos, así como entre estes e aqueles que son positivos para a comunidade política en xeral. A filosofía política encargáse así de determinar cales destes fins son lexítimos, e os medios máis eficientes para chegar a eles.

Polo tanto, tratará temas tales como a liberdade, a xustiza, a propiedade, os dereitos, e a lexitimidade da autoridade para exercer o seu poder: que fai a un goberno lexítimo, que dereitos e liberdades debemos protexer e por que, ou que deberes asumen os cidadáns fronte ao Estado, entre outros.

Activismo

O activismo e a actividade a favor dunha doutrina ou organización que implique un cambio social ou político.

O termo apareceu pola primeira vez na prensa belga en 1916 para facer referencia ó movemento nacionalista flamengo.

O activismo pode consistir en realizar múltiples tarefas como escribir cartas ós xornais, poñer mensaxes en foros de internet, participar en campañas políticas, boicots, manifestacións ou folgas e mesmo nalgúns casos tode asumir tácticas de guerrilla, o que pode levar a que sexa considerado terrorista por uns e liberador por outros.

En especial, o activismo de carácter relixioso, feminista ou ecoloxista pode tratar de convencer á xente para cambiar os seus hábitos no canto de dirixirse ós gobernos.

Anarquía

A anarquía é unha doutrina política que se opón a calquera clase de xerarquía ou poder político que goberne á sociedade, tanto como se se consolidou de forma democrática ou se se estableceu de forma ditatorial.

Os anarquistas cren que o maior logro da humanidade é a liberdade do individuo para poder expresarse e actuar sen que llo impida ningunha forma de poder, sexa terreal ou sobrenatural, polo que o seu principal principio é o de abolir calquera tipo de goberno e loitar contra todo tipo de relixións ou seitas xa que isto representa un desprezo pola autonomía dos homes (e mulleres) e a escravitude económica.

Autogoberno

Para outros usos deste termo, véxase Autonomía.O autogoberno é a autonomía dunha xurisdición que se rexe a si mesma, en que ningún poder externo ten autoridade sobre esta. O autogoberno constitúe unha forma de soberanía. En Dereito, o autogoberno pode referirse a nacións, cidades e outras entidades no dereito público e a asociacións no dereito privado.

En filosofía política, cando o termo autogoberno é usado para referirse a unha nación ou democracia adoita intercambiarse co de autodeterminación ou soberanía nacional. En cambio, cando o termo se refire ao proxecto político do anarquismo fai mención da orde legal voluntaria, dunha sociedade sen Estado, baseado na soberanía individual.

Centro político

Centro, en ciencia política, é o conxunto de partidos, políticas e ideoloxías que se caracteriza por considerarse a si mesma intermedias, no espectro político, a posicións tanto de dereita como de esquerda política.É conveniente non confundir o centrismo co reformismo. Mentres o centrismo valora as posicións consensuais como un fin en si mesmas -as políticas do "xusto medio" -, o reformismo mantén obxectivos a longo prazo para os cales tales posicións serían só un momento nun proceso progresista de avance moderado ou paulatino. Na práctica política contemporánea, o centrismo propón e defende políticas de economía mixta e de afondamento da democracia.«O goberno representativo falla cando políticos corruptos en xeral serven intereses empresariais ou especiais. É entón imprescindible que a cidadanía teña oportunidades democráticas directas.», Joel S. Hirschhorn.

Ciencia política

A ciencia política (menos frecuentemente chamada tamén politicoloxía) é a ciencia social que estuda empiricamente a política nas súas diversas dimensións. Polo tanto, o estudo da política é o observable, non está referido ó que debería ser a política como tipo ideal ou conduta desexada: ese papel cúmpreo a filosofía política. Tampouco é o estudo dos elementos formais da política como o son as leis, a súa formación e as súas intencións, tarefa da xurisprudencia. A ciencia política ten en conta o comportamento político efectivo e observable das persoas e as sociedades.

O termo "ciencia política" foi alcuñado en 1880 por Herbert Baxter Adams, profesor de historia da Universidade Johns Hopkins, aínda que o seu desenvolvemento como disciplina científica é posterior á segunda guerra mundial, antes de dito período asociábase ó estudo da xurisprudencia e a filosofía política.

As principais áreas de análise da ciencia política son:

as relacións de poder e as características do seu exercicio

a autoridade e a súa lexitimidade

as políticas públicas

os estudos de xénero

a xestión pública

as institucións do Estado

os sistemas políticos

os partidos políticos e sistemas electorais

o ordenamento da acción colectivaOs máis importantes temas ou tópicos da ciencia política son o poder, as institucións do Estado e tamén as institucións Económicas non estatais, principalmente nun Estado de Benestar ou Neoliberal. De feito un tratado de política é pura socioloxía política.

As principais autoras e autores no desenvolvemento científico da ciencia política son:

Gabriel Almond,

Hannah Arendt,

Norberto Bobbio,

Robert A. Dahl,

Maurice Duverger,

David Easton,

Harold D. Lasswell,

Susan M. Okin,

Anne Phillips,

Giovanni Sartori,

John Rawls,

Max Weber e

Iris M. Young.A punta de lanza da politicoloxía galega está representada por Ramón Máiz Suárez, en menor medida por Xosé Luís Barreiro Rivas, ou a revista Tempo Exterior editada polo IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional).

En Galiza existe unicamente a Facultade de Ciencias Políticas e Sociais na Universidade de Santiago de Compostela, onde se estuda o Grao en Ciencias Políticas e da Administración.

Conservadorismo

O conservadorismo é unha filosofía política e social que defende o mantemento das institucións sociais tradicionais no contexto da cultura e da civilización. Segundo algunhas definicións, os conservadores procuraron varias veces preservar as institucións, incluíndo a relixión, a monarquía, o goberno parlamentar, os dereitos de propiedade e a xerarquía social, enfatizando a estabilidade e a continuidade, mentres que os elementos máis extremos chamados reaccionarios opóñense ó modernismo e buscan unha volta á "maneira como eran as cousas".O primeiro uso estabelecido do termo nun contexto político orixinouse con François-René de Chateaubriand en 1818, durante o período de restauración borbónica que procurou reverter as políticas da Revolución Francesa. O termo, historicamente asociado coa política de dereita, dende entón foi usado para describir unha ampla gama de puntos de vista.Non hai un único conxunto de políticas que sexan universalmente consideradas como conservadoras, porque o significado de conservadorismo depende do que é considerado tradicional nun determinado lugar e tempo. Deste xeito, conservadores de diferentes partes do mundo, cada un mantendo as súas respectivas tradicións, poden discordar nunha ampla gama de cuestións. Edmund Burke, un político do século XVIII que se opuxo á Revolución Francesa, mais apoiou a Revolución Americana, é acreditado como un dos principais teóricos do conservadorismo na Gran Bretaña da década de 1790. De acordo con Quintin Hogg, Presidente do Partido Conservador británico (Partido Conservador) en 1959, "o conservadorismo non é tanto unha filosofía senón unha actitude, unha forza constante, desempeñando unha función intemporal no desenvolvemento dunha sociedade libre e correspondente a unha esixencia profunda e permanente da propia natureza humana". En contraste coa definición de conservadorismo baseada na tradición, teóricos políticos como Corey Robin definen o conservadorismo principalmente en termos dunha defensa xeral da desigualdade social e económica. Nesa perspectiva, o conservadorismo é menos unha tentativa de defender as institucións tradicionais e máis "unha meditación sobre, e unha interpretación teórica, da experiencia sentida de ter poder, velo ameazado e tentar recuperalo".

Desobediencia civil

A desobediencia civil é a negativa a obedecer unha lei, un regulamento, unha organización ou un poder xulgado inicuo polos que o impugnan.

Despotismo ilustrado

O despotismo ilustrado (tamén coñecido como absolutismo ilustrado) é un concepto político que se enmarca dentro das monarquías absolutas e que pertence ós sistemas de goberno do Antigo Réxime europeo. Porén, inclúe as ideas filosóficas da Ilustración, segundo as que as decisións do home son guiadas pola razón e a filosofía política do seu goberno descansa no dereito natural. Os monarcas desta doutrina contribuíron ó enriquecemento da cultura dos seus países e adoptaron un discurso paternalista.

Discurso

Discurso é un concepto utilizado en lingüística, teoría literaria e sociolingüística con significados específicos:

En retórica, unha exposición sobre un tema determinado, realizada en público por un relator. Exemplos son os discursos dos políticos.

En literatura, un xénero literario consistente nunha discusión erudita sobre un tema filosófico, político ou literario. É parecido ao tratado e un exemplo famoso é o Discurso sobre o Método de Descartes (1637).

Discurso (narratoloxía): en narratoloxía é o proceso de contar unha historia elixindo o punto de vista, a ordenación temporal dos acontecementos e a duración dos mesmos. Unha historia pode dar pé a múltiplos discursos narrativos. Representa o plano da forma. Non debe confundirse con historia nin con texto. Tamén se lle chama relato.

En estilística discurso pode ser sinónimo de estilo cando se distingue, por exemplo, entre estilo directo (ou discurso directo) e estilo indirecto (ou discurso indirecto) e as súas variantes.

En lingüística, un discurso é un enunciado superior á oración, considerado do punto de vista das regras de encadeamento das secuencias de oracións (ver análise do discurso).

Federación

Unha federación (do latín fœdus, "pacto") é un estado conformado pola reunión de varias entidades territoriais. Tamén adoita denominarse estado federal, xeralmente ten un sistema político republicano, constituíndo unha república federal, e excepcionalmente monárquico.

As federacións están compostas por divisións territoriais que se autogobernan, denominadas xeralmente estados, cantóns, rexións, provincias ou mesmo doutro modo. Estas divisións gozan dun maior ou menor grao de autonomía pero , en calquera caso, teñen facultades de goberno ou lexislación sobre determinadas materias, distintas das que corresponden á administración federal (goberno da federación). O status de autogoberno das rexións que o compoñen está establecido pola súa constitución e, normalmente, non pode alterarse unilateralmente por decisión do goberno da federación.

O modelo federal pode chegar incluso ao dereito de autodeterminación dos territorios federados, como ocorreu durante o desmembramento da Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas. O termo contraponse ao de estado unitario ou centralizado.

As federacións poden ser multiétnicas ou estenderse por amplos territorios, aínda que non necesariamente ten por que darse algunha destas situacións. Con frecuencia as federacións constitúense sobre un acordo orixinal entre estados soberanos. Os estados que forman a federación non acostuman ter dereito a separarse unilateralmente da mesma. Entre as federacións máis significativas contemporáneas están os EUA, México, Arxentina, o Brasil, a India, Rusia, Alemaña ou Venezuela.

A organización política ou estrutura constitucional que caracteriza unha federación coñécese como federalismo.

Independencia

A independencia, termos políticos, é a situación dun país que detenta e goza, ademais do dereito de autodeterminación, o de soberanía.

Lei natural

A Lei Natural é o conxunto de principios que, en ética, teoloxía, dereito e teoría social, remite ao que se supón son as características permanentes da natureza humana, que poden servir como modelo para guiar e valorar a conduta é as leis civís. A lei natural considerase, en esencia, invariable e aplicable nun sentido universal. A causa da ambigüidade da palabra “natureza”, o significado de natural varía. Así, a lei natural pode ser considerada como un ideal ao que aspira a humanidade, ou un feito xeral entendido como o modo en que actúan por norma ou regra xeral os seres humanos. A lei natural é diferente da lei positiva, establecida pola sociedade civil.

Nacionalismo

O nacionalismo é unha doutrina ou filosofía política que propugna como valores fundamentais o benestar, a preservación dos trazos identitarios, a independencia e a supervivencia da nación propia.

O nacionalismo é un concepto de identidade experimentado colectivamente por membros dun goberno, unha nación, unha sociedade ou un territorio en particular. Os nacionalistas alicerzan o seu ideario na procura imprescindible da lexitimación política. Moitas ideoloxías nacionalistas derivan o seu desenvolvemento da teoría romántica da identidade cultural, mentres que outras se basean no argumento liberal de que a lexitimidade política deriva do consenso da poboación dun territorio.

O nacionalismo é un termo malinterpretado interesadamente con frecuencia, xa que a súa definición máis xeral enfróntao polo regular cun estado poderoso e homoxeneizador. O nacionalismo non implica que unha nación sexa superior a outra, senón que sostén que certas nacións poderían atoparse en mellor situación se se lles permitir gobernarse de seu, acadando así a súa independencia política, económica ou cultural.

Poder executivo

Seguindo o esquema de Montesquieu, o poder executivo é un dos tres poderes do Estado moderno, cuxa función é executar as leis aprobadas polo poder lexislativo.

O poder executivo é desenvolvido polo goberno do Estado. Este está sometido ao control parlamentario e ao control xudicial, nun sistema de pesos e contrapesos no que cada poder controla aos demais a través de distintos mecanismos, que se estudan na teoría da separación de poderes.

Presidencialismo

O presidencialismo é un sistema de goberno no que o líder do poder executivo é escollido polo pobo para mandatos regulares acumulando a función de xefe de Estado e xefe de goberno. Este sistema de goberno foi creado polos norte-americanos no século XVIII. A monarquía inglesa actuava como xefe de Estado sobre as trece colonias. O descontento coa actuación do monarca e as influencias de autores que se opoñían ó sistema absolutista, principalmente Locke e Montesquieu, foron determinantes para que os americanos adoptasen un sistema onde houbesen mecanismos que impedisen a concentración de poder.

Xuridicamente o presidencialismo caracterízase pola separación de poderes. O presidente é o xefe de Estado, e é el quen escolle os xefes dos grandes departamentos (ministerios). O lexislativo, o xudicial e o executivo son independentes entre si.

Protectorado

Denomínase protectorado á soberanía parcial que un Estado exerce, especialmente no referido ás relacións exteriores, nun territorio que non foi incorporado plenamente ao da súa nación e no cal existen autoridades autóctonas propias.

Como exemplo, podemos citar o protectorado que no seu día exerceron España e Francia sobre Marrocos, onde a autoridade sobre a poboación nativa era exercida polo Sultán, existindo forzas militares e policiais autóctonas, pero tuteladas polos exércitos dos países protectores.

Os gobernos destes países estaban representados, no caso da zona controlada por España, polo Alto Comisario, normalmente un xeneral, e no da zona francesa polo Residente Xeral.

Provincia

Unha provincia é un tipo de división administrativa, que confire certas funcións, a nivel administrativo, ó territorio que representa. Tamén se chama provincia ao territorio limitado pola división administrativa antedita.

Este termo utilizase con características diferentes seguindo os países e as épocas históricas. Polo tanto unha provincia abarca realidades de organización territorial diversas.

Rexencia

A rexencia (do latín regentia) é un período transitorio durante o cal unha personalidade (xeralmente da familia real) exerce o poder en nome do monarca titular xa sexa porque este é demasiado novo ou vello, por ausencia do mesmo, ou pola súa incapacidade para gobernar por si mesmo.

A rexencia cesa cando desaparece a causa que a motivou. A rexencia pode ser individual ou colectiva. Xeralmente exercen a rexencia persoas achegadas á Coroa como o pai ou a nai do rei, tamén o príncipe herdeiro no suposto caso de ausencia ou incapacidade do rei.

Soberanía

Enténdese como soberanía ao exercicio da autoridade que, na maioría de sistemas políticos da actualidade, reside no pobo e é exercida a través dos poderes públicos de acordo coa súa propia vontade e sen a influencia de elementos estraños.

Tamén a palabra "soberanía" se conceptualiza como o dereito dunha institución política de exercer o seu poder. Tradicionalmente considerouse que son tres os elementos da soberanía: Territorio, pobo e poder.

No Dereito internacional, a soberanía é un concepto clave, referido ao dereito dun estado para exercer os seus poderes.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.