Filosofía

A filosofía[1] (do grego - φιλοσοφία philos / sophia, "amor á sabedoría"[2][3]) é o estudo das cuestións xerais e fundamentais relacionadas coa natureza da existencia humana; do coñecemento; da verdade; valores morais e estéticos; da mente; tanto da lingua como do universo no seu conxunto[4] en suma pódese dicir que é a procura do coñecemento puro sen deixarse corromper por sistemas preestabelecidos.

A filosofía' busca cuestionar a verdade e os seus problemas. Neste senso é máis crítica que dogmática. Ata o século XVIII-XIX, facía referencia ó conxunto de saberes desinteresados e racionais, que tiñan por obxecto a comprensión xeral do home e do mundo, buscando conclusións sobre as súas causas últimas e bases máis profundas, polo que se diferenza da ciencia, que estuda de xeito único as materias que entran no seu propio campo, dende o punto de vista da súa descrición e explicación. Este foi o carácter polo que a filosofía se diferenza e deixa de ser ciencia a partir do século XIX. As súas disciplinas son a lóxica e a teoría do coñecemento, a metafísica, a estética e a ética. A psicoloxía, o mesmo que as demais ciencias, desenvolveuse a partir da filosofía.

Filosofía
Auguste Rodin - Grubleren 2005-02
O pensador, de Auguste Rodin, representación clásica dun home inmerso nos seus pensamentos.
Orixe do nomeΦιλοσοφία, grego
OrixeGrecia antiga, séc. VII a.C., Tales de Mileto
Influenciasmitoloxía
Influenciadosarte, ciencia, política, dereito, ética, teoloxía, relixión
Persoeiros principaisHeráclito · Confucio · Demócrito · Sócrates · Platón · Aristóteles · Epicuro · Séneca · Plotino · Agostiño · Avicena · Averroes · Aquino · Escoto · Ockham · Machiavelli · Bacon · Descartes · Vico · Leibniz · Espinoza · Hobbes · Berkeley · Locke · Montesquieu · Hume · Rousseau · Voltaire · Burke · Kant · Hegel · Kierkegaard · Schopenhauer · Mill · Marx · Nietzsche · Peirce · Husserl ·
Definicióné o estudo de cuestións fundamentais relacionadas coa existencia, o coñecemento, a verdade, valores morais e estéticos, para mente e para lingua.
Coñecida porestimular o pensamento lóxico e crítico
Pretendeconstruír concepcións globais do mundo
Divídese enFilosofía occidental, Filosofía oriental
Ramificaciónsepistemoloxía, ontoloxía, ética, metafísica, filosofía social, filosofía política, estética, lóxica

Historia

Artigo principal: Historia da filosofía.

A principal característica que Aristóteles ve nunha persoa filósofa é que non é especialista. O sophós (o sabio), é un coñecedor de todas as cousas sen posuír unha ciencia específica. O seu ollar derrámase polo mundo, a súa curiosidade insaciable faino investigar tanto os misterios do kosmos como os da physis (a natureza), como as que din respecto ao home e á sociedade. No fondo, o filósofo é un revelador, alguén que afasta o veo daquilo que está a cubrirnos os ollos e procura mostrar os obxectos na súa forma e posición orixinal, actuando como alguén que atopa unha estatua no fondo do mar cuberta de brións e algas, e progresivamente, afastándoas unha a unha, revélanos a súa forma real.

Para Platón, a primeira actitude do filósofo é admirarse. A partir da admiración faise a reflexión crítica, o que marca a filosofía como busca da verdade. Filosofar é dar sentido á experiencia.

Na actualidade, entre outras múltiples, diferentes e, porén, válidas definicións, pódese afirmar que filosofía é o estudo racional, crítico e obxectivo de todos ou calquera dos achados do pensamento humano. É dicir, a actividade filosófica consiste en pensar razoando sobre aquilo que se atopa ó noso redor: dende a natureza ata os propios mecanismos internos de razoamento. Filosofar é, pois, tanto pensar acerca do mundo como pensar acerca do propio pensamento.

Orixes históricas

Philosophie
A Filosofía e profesións liberais

A palabra filosofía gaña, en dimensións específicas de tempo e espazo, concepcións novas e diferentes tornando difícil a súa exacta localización.

Historicamente, a filosofía comeza con Tales de Mileto, aínda que este principio histórico sexa máis un punto de referencia que unha discusión xa acabada. Aristóteles escribiu que a filosofía foi posible a través do ocio, pois, unha vez resolvidos os seus problemas de vivenda, alimentación, vestiario, e sendo dispensados da necesidade do traballo pesado, os gregos puideron dedicarse á investigación filosófica.

Tales foi o primeiro dos filósofos Presocráticos, ou filósofos da Physis, que buscaban a arché, que era un principio que, alén de ser o principio de todas as cousas, debería tamén compor (ou formar parte de) todas as cousas, e mesmo ser a última de todas as cousas.

Platón é quen inicia esta nova linguaxe, a filosofía como a coñecemos, a busca da esencia, a ontoloxía, dos conceptos universais en detrimento do coñecemento vulgar e sensorial. Anteriormente a el, a filosofía era discutida por sabios, era o amor pola sabedoría daqueles que experimentaran a propia ignorancia, concepto, ao que parece, atribuído por Pitágoras.

Por moito tempo a filosofía incluía todo o que era coñecemento, abonda con ver a vasta obra de Aristóteles, que abrangue desde a física ata a ética. Aínda hoxe é difícil definir o obxecto exacto da filosofía.

Os seus obxectos propios son:

  • Metafísica: concernente aos estudos daquilo que non é físico (physis), do coñecemento do ser (ontoloxía), do que transcende o sensorial e tamén da teoloxía.
  • Epistemoloxía: estudo do coñecemento, teoriza sobre a propia ciencia e de como sería posible a aprehensión deste coñecemento.
  • Ética: para Aristóteles, é parte do coñecemento práctico xa que nos mostraría como debemos vivir e actuar.
  • Estética: a procura do belo, a súa conceptuación e cuestionamento. O entendemento da arte.
  • Lóxica: a procura da verdade, o seu cuestionamento, a razón.

Correntes e tópicos

Materialistas vs Idealistas

Os filósofos divídense en dúas grandes correntes: materialistas e idealistas. O termo materialista aplícase a aqueles que cren que o universo (todo o que existe) está formado de materia, e existe obxectiva e independentemente da existencia de seres cognoscentes capaces de percibilo. Os idealistas son aqueles que sosteñen que o mundo non ten existencia independente dos seres cognoscentes.

Filósofos

da Antigüidade

Presocráticos

Sofistas

do Clasicismo grego

Helénicos

Romanos

Medievais

Renacentistas

Modernos

Contemporáneos

Cronoloxía

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para filosofía.
  2. [en Infopédia [en liña]. Porto: Porto Editora, 2003-2014. [consultado 30 de xuño dp 2018]. Dispoñible en Internet: http://www.infopedia.pt/$filosofia]
  3. Priberam
  4. Teichman, J.; Evans, K. C. Philosophy: a beginner's guide. 3rd ed. Oxford: Blackwell.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Perez Carrasco, Francisco Javier e Rodríguez Álvarez, Manuel (1999). A filosofía, outra historia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 978-84-8288-314-4.

Outros artigos

Aristóteles

Aristóteles de Estaxira (en grego antigo , Ἀριστοτέλης, Aristotélēs), nado no ano 384 a.C. e finado no ano 322 a.C., foi un importante filósofo grego, un dos maiores pensadores de todos os tempos. As súas reflexións filosóficas (por un lado orixinais e por outro reformuladoras da tradición grega) acabaron por configurar un modo de pensar que se estendería por séculos. Prestou inigualábeis contribucións para o pensamento humano, destacando en ética, política, física, metafísica, lóxica, psicoloxía, poesía, retórica, zooloxía, bioloxía, historia natural e outras áreas de coñecemento. É considerado por moitos o filósofo que máis influíu no pensamento occidental.

Aristóteles escribiu cerca de 200 tratados sobre unha enorme variedade de temas transformando case todas as areas do coñecemento que tocou, recoñecido como pai e fundador da lóxica e da bioloxía pois foi o primeiro en realizar as primeiras investigacións. Entre moitas das contribucións, destacan a teoría da xeración espontánea na que se sostiña que moitas formas de vida aparecían de maneira espontánea a partir de materia inerte, ata o ano 1668, cando o químico francés Pasteur postulou a lei da bioxénese, pola cal a teoría de Aristóteles apoiada máis tarde da súa creación por pensadores como Descartes, Bacon ou Newton quedaba totalmente no recordo. Outros traballos seus son a teoría do principio de non contradición, os conceptos de categoría, substancia, acto, potencia e primeiro motor inmóbil. Ademais disto, cabe destacar que Aristóteles foi discípulo de Platón e doutros pensadores como Eudoxo durante os vinte anos que estivo na Academia de Atenas. Foi mestre de Alexandre Magno no reino de Macedonia e na última etapa da súa vida fundou o Liceo en Atenas onde ensinou ata un ano antes da súa morte.

Autoridade

A Autoridade dende o punto de vista do Estado, pode ser considerado como a forza exercida por unha persoa lexitimada por unha institución, conforme a unhas funcións que lle son xeralmente recoñecidas.

Neste sentido cando unha persoa ten autoridade dedúcese que ten aptitude para mandar (ou impoñe-lo seu punto de vista ou se facer respectar). Así, cando o individuo ten «a» autoridade está autorizado a actuar, a exercer un determinado poder. Neste ámbito, a autoridade está ligada á potestade.

Fóra do ámbito institucional do Estado, a autoridade pode supor en ocasións algo distinto á posibilidade de exerce-la forza para impoñe-las cousas ou potestade. A autoridade tamén a ten quen, por mor da súa capacidade nun ámbito, polos seus coñecementos ou dignidade, pode exercer sobre outros unha influencia á hora de que tomen certas decisións. Neste sentido, moitos órganos consultivos teñen moita autoridade sobre a materia obxecto de consulta.

Budismo

O budismo é unha das grandes filosofías e relixións orientais, considerada ás veces como unha relixión non teística. O budismo engloba unha gran variedade de tradicións, crenzas e prácticas baseadas un gran medida nas ensinanzas atribuídas a Siddhartha Gautama, que é comunmente coñecido como Buda, que significa "o iluminado". De acordo coa tradición budista, Buda viviu e ensinou na parte oriental do subcontinente indio nalgún momento entre os séculos VI a.C. e IV a.C.. El é recoñecido polos budistas como un mestre esperto ou iluminado que compartiu as súas revelacións para axudar aos seres sensibles a poñer fin ao seu sufrimento a través da eliminación do desexo e a ignorancia por medio do coñecemento e a visión da orixinación dependente, coa meta final de acadar o estado sublime do nirvana. O budismo está fundado sobre as chamadas Tres Xoias : os budistas declaran tomar refuxio no Buda (o fundador do budismo), no Dharma (a doutrina do Buda) e na Saṅgha (a comunidade dos crentes).

Xeralmente son recoñecidas dúas grandes ramas do budismo: Theravada ("A Escola dos Anciáns") e Mahayana ("O Gran Vehículo"). O Theravada ten un seguimento extenso en Sri Lanka e Sueste asiático (Camboxa, Laos, Tailandia, Myanmar etc). O Mahayana encóntrase pola Asia oriental (China, Corea, Xapón, Vietnam, Singapur, Taiwán etc) e inclúe as tradicións de Terra Pura, Zen, Budismo Nichiren, Budismo Tibetano, Budismo Shingon, e Tiantai (Tendai). Nalgunhas clasificacións, o Vajrayana —practicado principalmente en Tibet e Mongolia, e as partes adxacentes de China e Rusia— é recoñecido como unha terceira rama, mentres que outras o clasifican como unha parte do Mahayana.

Dereito

O Dereito é a orde normativa e institucional da conduta humana en sociedade inspirada en postulados de xustiza e certeza xurídica, baseado nas relacións sociais existentes que determinan o seu contido e carácter. Noutras palabras, é o conxunto de normas que regulamentan a convivencia social e permiten resolver os conflitos interpersoais.

A anterior definición define o dereito positivo ou efectivo, pero non explica o seu fundamento; é por iso que xuristas, filósofos e teóricos do dereito levan proposto diversas definicións alternativas, sen que exista consenso, ata a data. O estudo do concepto do Dereito realízao unha das súas ramas, a Filosofía do dereito.

A expresión «dereito» utilízase indistintamente para nomear á disciplina e ao seu obxecto de estudo. Así, «dereito» refírese á ciencia do dereito ou a un determinado corpo de normas (por exemplo, dereito civil, dereito penal, dereito procesal, dereito internacional, etc.).

Desde o punto de vista obxectivo, dise do conxunto de leis, regulamentos e demais resolucións, de carácter permanente e obrigatorio, criadas polo Estado para a conservación da orde social. Isto é, tendo en conta a validez, é dicir, se se levou a cabo o procedemento adecuado para a súa creación, independientemente da súa eficacia (se é acatada ou non) e do seu ideal axiolóxico (se busca concretar un valor como a xustiza, a paz, a orde, o ben común, etcétera).

O dereito subxectivo é a facultade que outorgou o ordenamento xurídico a un suxeito (por exemplo, dereito á nacionalidade, dereito á saúde, dereito a demandar, dereito a manifestarse libre e pacificamente, etc.).

Filosofía política

A filosofía política é unha disciplina filosófica que se encarga do estudo dos fins que deben seguir as comunidades políticas. Entendemos por comunidade política un conxunto de axentes que interactúan entre si. Nesta interacción poden xurdir conflitos de intereses entre os fins dos diferentes individuos, así como entre estes e aqueles que son positivos para a comunidade política en xeral. A filosofía política encargáse así de determinar cales destes fins son lexítimos, e os medios máis eficientes para chegar a eles.

Polo tanto, tratará temas tales como a liberdade, a xustiza, a propiedade, os dereitos, e a lexitimidade da autoridade para exercer o seu poder: que fai a un goberno lexítimo, que dereitos e liberdades debemos protexer e por que, ou que deberes asumen os cidadáns fronte ao Estado, entre outros.

Física

A física (do latín physica, -ae, denominación das ciencias naturais, procedente do grego phusis 'natureza'), é unha ciencia que estuda as propiedades da materia, a enerxía, o espazo-tempo e as súas interaccións, considerando unicamente os atributos susceptíbeis de seren medidos.

Hinduísmo

O hinduísmo é unha relixión henoteísta tradicional da India. Considerada a máis antiga das grandes relixións do mundo aínda en práctica, o Hinduísmo caracterízase por unha diversidade de sistemas de crenzas, prácticas e escrituras. Ten orixe na antiga cultura védica cerca de 3000 a. C. É a terceira maior relixión do mundo con aproximadamente 1.050 millóns de seguidores, 96 % dos cales están no subcontinente indio. Mais tamén é influente en Bangladesh, Nepal, Indonesia, Sri Lanka, Paquistán etc.

Aínda que sexa xeralmente mencionado como unha relixión específica, o hinduísmo é máis correctamente descrito como un conxunto de relixións cunha linguaxe en común, pois ten pouca ou ningunha organización central ou base teolóxica compartida.

Historia

Historia (provén da lingua latina, dende o grego historia, -as 'investigación', derivado de histor 'sabio', 'coñecedor') é a ciencia que ten como obxecto de estudo o pasado da humanidade e como método o propio das ciencias sociais . Tamén se denomina historia ao período histórico que transcorre desde a aparición da escritura ata a actualidade.

Máis aló das acepcións propias da ciencia histórica, historia na linguaxe usual é a narración de calquera suceso, ata de sucesos imaxinarios e de mentiras sexa o seu propósito o engano, o pracer estético ou calquera outro (ficción histórica). Pola contra, o propósito da ciencia histórica é a fixación fiel dos feitos e interpretalos aténdose a criterios de obxectividade; aínda que a posibilidade de cumprimento de tales propósitos e o grao en que sexa posible son en si mesmos obxectos de debate.

En medicina utilízase o concepto de historia clínica para o rexistro de datos sanitarios significativos dun paciente, que se remontan ata o seu nacemento ou ata a súa herdanza xenética.

Á súa vez, chamamos historia ao pasado mesmo, e, ata, pode falarse dunha historia natural na que a humanidade non estaba presente (termo clásico xa en desuso, que se utilizaba para referirse non só á xeoloxía e a paleontoloxía senón tamén a moitas outras ciencias naturais -as fronteiras entre o campo ao que se refire este termo e o da prehistoria e a arqueoloxía son imprecisas, a través da paleoantropoloxía-, e que se pretende actualizar como "gran historia" ou "historia profunda").Ese uso do termo historia faino equivalente a cambio no tempo. Nese sentido contraponse ao concepto de filosofía, equivalente a esencia ou permanencia (o que permite falar dunha filosofía natural en textos clásicos e na actualidade, sobre todo en medios académicos anglosaxóns, como equivalente á física). Para calquera campo do coñecemento, pódese ter unha perspectiva histórica -o cambio- ou ben filosófica -a súa esencia-. De feito, pode facerse iso para a historia mesma (véxase tempo histórico) e para o tempo mesmo (véxase A Brief History of Time (Unha breve historia do tempo) de Stephen Hawking, libro de divulgación sobre cosmoloxía).

Humanismo (filosofía)

O humanismo é unha actitude filosófica e ética que fai fincapé no valor e a axencia dos seres humanos, individual e colectivamente, e que polo xeral prefire o pensamento crítico e as probas (racionalismo, empirismo) sobre a aceptación de dogmas ou a superstición.

O significado do termo humanismo flutuou, segundo os movementos intelectuais sucesivos que se identificaron con el. Unha relación da evolución do significado da palabra humanismo desde o punto de vista dun humanista secular moderno é a dada por Nicolas Walter. Unha perspectiva similar, pero algo menos polémica, encóntrase en Richard Norman. Unha visión histórica e orientada filoloxicamente pódese ver en Vito Giustiniani.En xeral, porén, o humanismo refírese a unha perspectiva que afirma algunha noción de liberdade e progreso.

Nos tempos actuais, os movementos humanistas están normalmente aliñados co secularismo e hoxe "humanismo" normalmente refírese a unha filosofía de vida non teísta centrada no poder dunha humanidade que mira cara á ciencia en vez cata ao dogma relixioso co fin de entender o mundo.

Immanuel Kant

Immanuel Kant, nado en Königsberg o 22 de abril de 1724 e finado na mesma vila o 12 de febreiro de 1804, foi un filósofo prusiano considerado a figura central da filosofía moderna. Kant sostivo que a mente humana crea a estrutura da experiencia humana, que a razón é a fonte da moral, que a estética xorde dunha facultade de xuízo desinteresado, que o espazo e tempo son formas da nosa sensibilidade e que o mundo tal como é «en si» é independente dos nosos conceptos sobre el. Kant provocou unha revolución copernicana da filosofía, semellante ao xiro de Copérnico da crenza milenaria de que o Sol xiraba en torno á Terra. As súas crenzas continúan a ter unha grande influencia na filosofía contemporánea, especialmente nos eidos da metafísica, epistemoloxía, ética, teoría política e estética.

Kant na súa fase crítica buscou «inverter» a orientación da filosofía precrítica amosando como os problemas tradicionais da metafísica poden ser superados supondo que o acordo entre a realidade e os conceptos que empregamos para a concibir xorde non porque os nosos conceptos mentais teñan vindo a reflectir a realidade de xeito pasivo, senón porque a realidade debe axustarse aos conceptos activos da mente humana para seren concibibles e en todo o posible para que nós experimentar. Así, Kant consideraba as categorías da mente humana como a «condición de posibilidade» transcendental para calquera experiencia.Politicamente, Kant foi un dos primeiros expoñentes da idea de que a paz perpetua podería ser asegurada a través da democracia universal e da cooperación internacional. Cría que este sería o resultado final da historia universal, aínda que non estaba planteado racionalmente. A natureza exacta das ideas relixiosas de Kant continúa a ser obxecto dunha disputa filosófica especialmente acalorada, con puntos de vista que van dende a idea de que Kant foi un expoñente temperán e radical do ateísmo que finalmente estoupou o argumento ontolóxico da existencia de Deus, os tratamentos máis críticos representados por Nietzsche que afirmaban que Kant tiña «sangue teolóxico» e que Kant era simplemente un apoloxista sofisticado para a crenza relixiosa cristiá tradicional, escribindo que «Kant quería probar, dun xeito que confundise o home común, que o home común tiña razón: esa era a charabisca secreta desta alma».Na obra principal de Kant, Kritik der reinen Vernunft (Crítica da razón pura, 1781), tentou explicar a relación entre a razón e a experiencia humana e de ir alén dos fracasos da filosofía e a metafísica tradicionais. Kant quería pór fin a unha era de teorías inútiles e especulativas da experiencia humana, resistindo o escepticismo de pensadores coma David Hume. Kant considerábase que remataba e amosaba o camiño máis aló do estancamento que a filosofía moderna levara entre os racionalistas e os empiristas, así como o sintetizador destas dúas tradicións modernas temperás no seu pensamento.Kant argumentou que as nosas experiencias están estruturadas polas características necesarias das nosas mentes. Na súa opinión, a mente modela e estrutura a experiencia de xeito que, nun nivel abstracto, toda a experiencia humana comparte certos trazos estruturais esenciais. Entre outras cousas, Kant cría que os conceptos de espazo e tempo son parte integral de toda experiencia humana, ao igual que os nosos conceptos de causa e efecto. Unha consecuencia importante deste punto de vista é que a nosa experiencia das cousas é sempre do mundo fenoménico tal como o transmite os nosos sentidos: non temos acceso directo ás cousas en si mesmas, o chamado mundo noumenal. Kant publicou outras obras importantes sobre ética, relixión, dereito, estética, astronomía e historia. Estas inclúen Die Metaphysik der Sitten (Metafísica dos costumes, 1797), que trata a ética, e Kritik der Urteilskraft (Crítica do xuízo, 1790), onde aborda a estética e a teoloxía.

Kant apuntaba a resolver disputas entre enfoques empíricos e racionalistas. O primeiro afirmou que todo coñecemento vén a través da experiencia; o último sostiña que a razón e as ideas innatas eran prioritarias. Kant argumentou que a experiencia é puramente subxectiva sen ter sido procesada pola razón pura. Tamén dixo que empregar a razón sen aplicala á experiencia só conduce a ilusións teóricas. O exercicio libre e adecuado da razón polo individuo foi un tema tanto da Ilustración coma dos enfoques de Kant aos diversos problemas da filosofía. As súas ideas influíron a moitos pensadores de Alemaña durante a súa vida, e moveu a filosofía alén do debate entre os racionalistas e os empiristas.

Liberdade

A liberdade, do latín "libertas, -ātis" e do grego "ή ελευθερία", é a capacidade que ten o ser humano de obrar ou non segundo a súa intelixencia e sen unha obriga externa á propia persoa. Tamén se representa a liberdade como aquel estado no que o home non está sendo escravizado nin preso por outro, facendo alusión a aqueles aspectos relacionados coa independencia.

Mais a liberdade do home vese fundamentada polo feito da súa carencia de instintos. Deste xeito, a un estímulo externo o ser humano pode responder con múltiples opcións, entre as cales temos que escoller unha. Os animais non racionais, ó ter a resposta ós estímulos programada polos instintos, non poden escoller e polo tanto non son libres.

Polo tanto, alguén que obra en liberdade, é un ser humano libre. Esta facultade refírese tamén á incorporación do home á sociedade ao alcanzar a súa madurez sexual, para que comence a asumir responsabilidade, pois non se pode tomar decisións sen ter en conta as consecuencias correspondentes. Isto pode observarse no campo do dereito e da teoloxía no caso dos accidentes, crimes pasionais, homicidios e asasinatos.

Marxismo

O marxismo é o conxunto de doutrinas políticas e filosóficas derivadas da obra de Karl Marx, filósofo, economista, xornalista e revolucionario do século XIX e do seu amigo Friedrich Engels. Marx e Engels baseáronse na filosofía de Friedrich Hegel e de Feuerbach, ambos alemáns, a economía política de Adam Smith, a economía ricardiana e o socialismo francés do século XIX para desenvolver unha crítica da sociedade que é tanto científica como revolucionaria. Esta crítica alcanzou a súa expresión máis sistemática na súa obra máis importante, O capital: crítica da economía política.

Porén, o marxismo traspasou as ideas dos seus precursores, tornándose unha corrente política-teórica que abrangue unha ampla gama de pensadores e militantes, non sempre coincidentes e asumindo posicións teóricas e políticas ás veces antagónicas.

O marxismo aséntase sobre 3 grandes eixes: a análise do pasado, a crítica do presente e o proxecto de futuro.[Cómpre referencia]

Metafísica

A metafísica (do latín "metaphysica", que ven do grego metá que significa “tras, máis aló”, e phýsis que significa “natureza”) defínese como algo que está máis aló do físico, dedicando o seu estudo ao abstracto do Ser e de Deus. É unha parte fundamental da filosofía que trata o estudio do Ser e das súas propiedades, principios, causas e fundamentos de existencia.

Subdivídese en ontoloxía (estudo do ser en xeral) e teoloxía (estudo do ser divino).

Plinio o Vello

Caio Plinio Segundo (en latín: Gaius Plinius Secundus), coñecido como Plinio o Vello, naceu en Como no ano 23 e morreu na actual Catellmare de Stabia no ano 79, vítima da súa curiosidade científica ao ir observar a erupción do volcán Vesuvio, que asolagou as cidades de Pompeia e Herculano.

Psicoloxía

A psicoloxía (literalmente «estudo ou tratado da alma»; do grego clásico ψυχή, transliterado psykhé, «psique», «alma», «actividade mental», e λογία, loxía, «tratado» ou «estudo») é unha profesión, unha disciplina académica e unha ciencia que trata o estudo e a análise da conduta e os procesos mentais dos individuos e de grupos humanos en distintas situacións, cuxo eido de estudo abrangue tódolos aspectos da experiencia humana e faino con fins tanto de investigación como docentes e laborais, entre outros. Existen diversas perspectivas psicolóxicas, cada unha coas súas propias teorías e metodoloxías, e en comparanza poden coincidir, influirse, superpoñerse ou mesmo ser contradictorias e incompatibles; esta variedade dá pé a múltiples acepcións e abordaxes. Algúns enfoques —como no humanismo— consideran que o método científico non é axeitado para investigar a conduta; outros tales como o condutismo emprégano para comportamentos observables que poden ser obxectivamente medidos.Por medio dos seus diversos enfoques, a psicoloxía explora conceptos como a percepción, a atención, a motivación, a emoción, o funcionamento do cerebro, a intelixencia, o pensamento, a personalidade, as relacións personais, a conciencia e a inconsciencia. A psicoloxía emprega métodos empíricos cuantitativos e cualitativos de investigación para analizar o comportamento. Tamén se poden atopar, especialmente no eido clínico ou de consultaría, outro tipo de métodos cualitativos e mixtos. Mentres que o coñecemento psicolóxico é empregado na avaliación ou tratamento das psicopatoloxías, nas últimas décadas os psicólogos tamén están sendo empregados nos departamentos de recursos humanos das organizacións, en áreas relacionadas co desenvolvemento infantil e do envellecemento, os deportes, os medios de comunicación, o mundo do dereito e as ciencias forenses. Aínda que a meirande parte dos psicólogos están involucrados profesionalmente en actividades terapéuticas (clínica, consultaría, educación), unha parte tamén se adica á investigación, dende as universidades, sobre un amplo rango de temas relacionados co comportamento e o pensamento humano.

Razón

A razón é a facultade ou capacidade humana que permite resolver problemas, fixar os criterios da verdade e o erro, discernir entre o ben e o mal e poñer en marcha os medios en vista dunha fin dada. O pensamento racional permite a abstracción, a asociación de ideas, a autoconciencia e os símbolos, características propias do ser humano fronte aos animais. A razón tamén está ligada á capacidade para decidir entre diversas alternativas de conduta.

Relixión

A palabra relixión, ás veces empregada como sinónimo de fe ou sistema de crenzas, defínese comunmente como crenza concernente ao sobrenatural, sagrado, ou divino e aos códigos morais, prácticas, rituais, valores e institucións relacionadas coa devandita crenza. En ocasións, a palabra relixión úsase para designar o que debería ser chamado "relixión organizada" ou "organización relixiosa", é dicir, organizacións que soportan o exercicio de certas relixións, frecuentemente baixo a forma de entidades legais.

Teoloxía

Teoloxía é literalmente estudo de Deus (do grego θεος, theos, «Deus»; + λογος, logos, «estudo»).

Este termo foi usado por primeira vez por Platón en «A República» para referirse á comprensión da natureza divina por medio da razón, en oposición á comprensión literaria propia dos seus poetas coetáneos. Máis tarde, Aristóteles empregou o termo en numerosas ocasións con dous significados:

Teoloxía como a rama fundamental da ciencia filosófica, tamén chamada filosofía primeira ou ciencia dos primeiros principios, máis tarde chamada Metafísica polos seus seguidores.

Teoloxía como denominación do pensamento mitolóxico inmediatamente previo á Filosofía, nun sentido pexorativo, e sobre todo usado para chamar teólogos aos pensadores antigos non-filósofos (como Hesíodo e Ferécides de Siros).O termo teoloxía, xa que logo, non é inicialmente de orixe cristiá . Só a través dun proceso progresivo imponse tanto en Oriente como en Occidente o uso cristián do termo “teoloxía”. Para Clemente de Alexandría, indica o “coñecemento das cousas divinas”. Para Oríxenes expresa a “verdadeira doutrina sobre Deus e sobre Xesucristo como Salvador”. Corresponde a Eusebio de Cesarea o privilexio de aplicar por primeira vez o atributo theologos a Xoán o Evanxelista, xa que no seu evanxeo escribiu unha “eminente doutrina sobre Deus”. A partir del, a teoloxía indicará a verdadeira doutrina, a cristiá, en oposición á falsa doutrina que ensinaban os pagáns e os herexes.

O termo teoloxía é unha palabra composta que, no seu significado literal, pode indicar un falar de Deus, ou ben un discurso sobre Deus. Se en termos xerais a teoloxía é unha reflexión sobre Deus (e neste sentido existe tamén unha teoloxía filosófica), no sentido máis corrente da Igrexa Católica é unha reflexión que intenta coñecer e comprender a fe a partir da razón. Así pois, a teoloxía presupón a fe como fundamento experiencial e intenta nela e a través dela o coñecemento e a comprensión da fe. Noutras palabras, é unha actividade intelectual, metódica e crítica que presupón a adhesión á fe católica. Para indicala sinteticamente, resúmese a miúdo á fórmula de Anselmo: “Fides quaerens intellectum”: (a teoloxía é a vontade da fe de comprender).

Santo Agostiño tomou o concepto teoloxía natural (theologia naturalis) da grande obra «Antiquitates rerum divinatum», de M. Terencio Varrón, como única teoloxía verdadeira de entre as tres presentadas por Varrón: a mítica, a política e a natural. Sobre esta, situou a teoloxía sobrenatural (theologia supernaturalis), baseada nos datos da revelación e xa que logo considerada superior. A teoloxía sobrenatural, situada fose do campo de acción da Filosofía, non estaba por baixo, senón por encima desta, e considerábaa a súa serva, que a axudaría na comprensión de Deus.

Teodicea é un termo empregado actualmente como sinónimo de teoloxía natural. Foi creado no s. XVIII por Leibniz como título dunha das súas obras: «Ensaio de Teodicea. Acerca da bondade de Deus, a liberdade do home e a orixe do mal», aínda que Leibniz referíase con teodicea a calquera investigación cuxo fin fose explicar a existencia do mal e xustificar a bondade de Deus.

Xudaísmo

O termo xudaísmo (do hebreo יהדות Yahadut, do termo יהודה Yehudá) refírese á relixión, á tradición, á cultura ou á forma de vida do pobo xudeu. É a máis antiga das tres relixións monoteístas, as chamadas «relixións do Libro» ou «abrahámicas» xunto co cristianismo e o islam, e a menor delas en número de fieis. As doutrinas e historia do Xudaísmo constitúen unha parte importante dos fundamentos históricos das outras dúas relixións.

Aínda que non existe un corpo único que sistematice e fixe o contido dogmático do xudaísmo, a súa práctica baséase nas ensinanzas da Torá, tamén chamada Pentateuco, composto por cinco libros. Á súa vez, a Torá ou o Pentateuco é un dos tres libros que conforman o Tanakh (ou Antigo Testamento, segundo o cristianismo), aos que se atribúe inspiración divina.

Na práctica relixiosa ortodoxa, a tradición oral tamén desempeña un papel importante. Segundo as crenzas, foi entregada a Moisés xunto coa Torá e conservada desde a súa época e a dos profetas. A tradición oral rexe a interpretación do texto bíblico, a codificación e o comentario. Esta tradición oral foi transcrita, dando nacemento á Mishná, que posteriormente sería a base do Talmud e dun enorme corpo esexético, desenvolvido ata o día de hoxe polos estudosos. O compendio das leis extraídas destes textos forma a lei xudía ou Halajá.

O trazo principal da fe xudía é a crenza nun Deus omnisciente, omnipotente e próvido, que tería creado o universo e elixido ao pobo xudeu para revelarlle a lei contida nos Dez Mandamentos e as prescricións rituais dos libros terceiro e cuarto da Torá. Consecuentemente, as normas derivadas de tales textos e da tradición oral constitúen a guía de vida dos xudeus, aínda que a observancia das mesmas varía moito duns grupos a outros.

Outra das características do xudaísmo, que o diferencia das outras relixións monoteístas, radica en que se considera non só como unha relixión, senón tamén como unha tradición, unha cultura e unha nación. As outras relixións transcenden varias nacións e culturas, mentres que o xudaísmo considera a relixión e a cultura concibida para un pobo específico. O xudaísmo non esixe dos non xudeus unirse ao pobo xudeu nin adoptar a súa relixión, aínda que os conversos son recoñecidos como xudeus en todo o sentido da palabra. Así mesmo, xudeu foi comisionado polas súas escrituras a ser «luz ás nacións» e propagar o monoteísmo ético por todo o mundo. A relixión, a cultura e o pobo xudeu poden considerarse conceptos separados, pero están estreitamente interrelacionados. A tradición e a cultura xudía son moi diversas e heteroxéneas, xa que se desenvolveron de modos distintos en diferentes comunidades e cada comunidade local incorporou elementos culturais dos distintos países aos que chegaron os xudeus a partir da dispersión.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.