Ficoloxía

Ficoloxía ou algoloxía é unha subdisciplina da botánica que se dedica ao estudo científico das algas. As algas son importantes como produtores primarios en ecosistemas acuáticos. Moitas algas son organismos eucarióticas, fotosintéticos que viven nun ambiente húmido.

Considéranse algas ás plantas que carecen de verdadeiras raíces e follas. Moitas especies son unicelulares, aínda que só as pluricelulares poden chegar a alcanzar grandes dimensións. A ficoloxía tamén inclúe o estudo de células procarioticas, formas coñecidas como algas verde-azul ou cianobacterias.

Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre bioloxía é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.
Alger, Postelsia palmæformis, Nordisk familjebok
Alga Postelsia palmaformis
Alga

As algas, olgas ou oucas, comprenden varios grupos de seres vivos acuáticos e autotróficos, ou sexa, que producen a enerxía necesaria para o seu metabolismo a través da fotosíntese. A maior parte das especies de algas son unicelulares e, mesmo as máis complexas – algunhas con tecidos diferenciados – non posúen verdadeiras raíces, caules ou follas.

Aínda que foron durante moito tempo consideradas como plantas, só as algas verdes teñen unha relación evolutiva coas plantas "superiores"; os restantes grupos de algas representan liñas independentes de desenvolvemento evolutivo, paralelo ás que levaron ás plantas superiores.

A disciplina da bioloxía que estuda as algas é a ficoloxía ou algoloxía, tradicionalmente unha especialización da botánica.

Bioloxía

A bioloxía é a ciencia que estuda a vida e, en particular, as características e comportamento dos organismos, a orixe de especies e individuos, e o xeito en que estes interactúan entre si e co seu ambiente. A bioloxía abrangue un espectro amplo de áreas académicas consideradas frecuentemente disciplinas independentes, mais que, no seu conxunto, estudan a vida ás máis variadas escalas.

A vida é estudada á escala atómica e molecular pola bioloxía molecular, pola bioquímica e pola xenética molecular, no nivel da célula pola bioloxía celular e á escala multicelular pola fisioloxía, pola anatomía e pola histoloxía. A bioloxía do desenvolvemento estuda a vida ao nivel do desenvolvemento ou ontoxenia do organismo individual.

Subindo na escala para grupos de máis dun organismo, a xenética estuda como funciona a herdanza entre os proxenitores e máis a súa descendencia. A etoloxía estuda o comportamento dos individuos. A xenética poboacional traballa ao nivel da poboación, en tanto que a sistemática traballa con liñaxes de moitas especies. As relacións de individuos, poboacións e especies entre si e cos seus hábitats son estudadas pola ecoloxía e pola bioloxía evolutiva. Unha nova área, altamente especulativa, a astrobioloxía (ou xenobioloxía) estuda a posibilidade de vida para alén do noso planeta.

Botánica

A botánica, (do grego βοτάνη = herba) ou fitoloxía (do grego φυτόν = planta e λόγος = tratado), é unha rama da bioloxía e é a ciencia que se ocupa do estudo das plantas. O concepto de vexetal, que estaba claro en tempos de Aristóteles, quedou esvaecido polo avance do coñecemento, chegándose a definir como todo aquilo que estuda a botánica. Na práctica, os botánicos estudan as plantas, as algas e os fungos. No campo da botánica, hai que distinguir entre a botánica pura, cuxo obxecto é ampliar o coñecemento da natureza; e a botánica aplicada, cuxas investigacións están ao servizo da tecnoloxía agraria, forestal, farmacéutica etc.

A botánica cobre un amplo abano de contidos, que inclúen aspectos específicos propios dos vexetais; das disciplinas biolóxicas que se ocupan da composición química (fitoquímica); a organización celular (citoloxía vexetal) e tisular (histoloxía vexetal); do metabolismo e o funcionamento orgánico (fisioloxía vexetal), do crecemento e o desenvolvemento; da morfoloxía (fitografía); da reprodución; da herdanza (xenética vexetal); das enfermidades (fitopatoloxía); das adaptacións ao ambiente (ecoloxía), da distribución xeográfica (fitoxeografía ou xeobotánica); dos fósiles (paleobotánica) e da evolución.

Ciencias naturais

As ciencias naturais, ciencias da natureza, ciencias físico-naturais, ciencias experimentais ou mesmo historia natural, son aquelas ciencias que teñen por obxecto o estudo da natureza seguindo o método científico, tamén coñecido como método experimental.As ciencias naturais estudan só os aspectos físicos do universo, e non os aspectos humanos do mundo, obxecto das chamadas ciencias sociais ou humanas, diferenciándose por tanto das humanidades, as artes e doutros tipos de saberes, que implican enfoques epistemolóxicos diferentes.As ciencias naturais apóianse no razoamento lóxico e no aparato metodolóxico das denominadas ciencias formais, especialmente das matemáticas, cuxa relación coa realidade da natureza é menos directa (ou mesmo inexistente).

Por outra parte, diferéncianse das ciencias aplicadas, xa que forman parte da ciencia básica, aínda que teñen naquelas os seus desenvolvementos prácticos, polo que están intimamente ligadas, interactuando entre elas e co sistema produtivo nos sistemas denominados investigación e desenvolvemento (I+D) ou investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+i, ou I+D+I).

Diatomeas

As diatomeas ou bacilarofíceas (do grego dia/tomos, 'dividido' ou 'cortado en dous') son un dos principais grupos de algas, e un dos tipos máis comúns de organismos do fitoplancto. A maioría das diatomeas son unicelulares, pero poden existir tamén en forma de colonias con forma de filamento ou fita (por exemplo, Fragilaria), abanos (por exemplo, Meridion), zigzag (por exemplo, Tabellaria), ou formas estreladas (por exemplo, Asterionella). As diatomeas son autótrofas, é dicir, produtores nas cadeas tróficas dos ecosistemas. Unha característica das células das diatomeas é que están dentro dunha parede celular feita de sílice (dióxido de silicio hidratado) chamada frústula. Estas frústulas teñen unha gran diversidade de formas, pero xeralmente constan de dúas metades asimétricas cunha división entre elas, característica da que procede o nome do grupo. A evidencia fósil suxire que se orixinaron durante, ou antes, do período Xurásico inferior. As comunidades de diatomeas son moi utilizadas para a monitorización das condicións ambientais pasadas e presentes, e úsanse frecuentemente en estudos da calidade da auga. Algunhas diatomeas poden moverse por medio de flaxelos, pero a maioría non.

Microbioloxía

A microbioloxía é a ciencia encargada do estudo dos microorganismos, seres vivos pequenos (de mikros "pequeno", bios, "vida" e logos, "estudo"), tamén coñecidos como microbios. É a rama da bioloxía adicada a estudar os organismos que son só visibles a través do microscopio, seres vivos microscópicos que poden estar constituídos por unha soa célula (unicelulares) ou por pequenos agregados celulares formados por células equivalentes (sen diferenciación celular), como os procariontes ou procariotas (células carentes de núcleo, como as bacterias ou os virus, aínda que moitos non consideran os virus como seres vivos estritamente falando) e eucariontes ou eucariotas (células con núcleo, tales como fungos e protistas). Con todo, a microbioloxía tradicional ocupouse especialmente dos microorganismos patóxenos entre bacterias, virus e fungos, deixando a outros microorganismos en mans da parasitoloxía e outras ramas da bioloxía.

Aínda que os coñecementos microbiolóxicos de que se dispón na actualidade son moi amplos, aínda é moito o que queda por coñecer e constantemente efectúanse novos descubrimentos neste campo. Tanto é así que, segundo as estimacións máis habituais, só un 1% dos microbios existentes na biosfera foron estudados ata o momento. Polo tanto, a pesar de que pasaron máis de 300 anos desde o descubrimento dos microorganismos, a ciencia da microbioloxía áchase aínda na súa infancia en comparación con outras disciplinas biolóxicas tales como a zooloxía, a botánica ou mesmo a entomoloxía. Ao tratar a microbioloxía sobre todo os microorganismos patóxenos para o home, relaciónase con ramas da medicina como patoloxía, inmunoloxía e epidemioloxía.

Oogonio

O oogonio (en latín e noutras linguas, Oogonium; en plural, oogonia) é o órgano reprodutor feminino das talófitas, célula maioritaria do tecido ovárico que é fonte de oocitos. Tamén é nomeado coma ovogonia ou oogonia. Pódese referir a un óvulo de primeira orde no feto femia ou ao gametanxio de certos talófitos.

Pneumatociste

En ficoloxía, un pneumatociste ou aerociste é unha estrutura vesicular flotadora que contén gas, que se encontra en algas pardas. O talo dunha alga pode ter máis dun pneumatociste. Proporcionan flotabilidade para manter as láminas da alga flotando estendidas na superficie ou en vertical, facilitando que reciban máis luz solar para realizar a súa fotosíntese, e permitindo (nas algas fixadas ao substrato) que se abaneen coas ondas do mar sen desgastarse contra o fondo.

A proporción de gases dos pneumatocistes varía dependendo da situación fisiolóxica da alga e a presión parcial de gases na auga que a rodea. Os pneumatocistes poden conter O2, CO2, e N2.Son exemplos de algas con vesículas flotadoras (aerocistes) as Fucus vesiculosus, Ascophyllum nodosum ou Sargassum.

Zooloxía

A zooloxía (dos termos do grego antigo ζῷον zõon, 'animal', e λόγος lógos, 'discurso', 'tratado') é a ciencia que estuda os animais, incluíndo a súa estrutura, embrioloxía, evolución, clasificación, hábitos e distribución de todas as especies.

Reunindo varias disciplinas e utilizando numerosas técnicas, esta ciencia foi lentamente elaborada a través do paso dos tempos, desde a máis remota antigüidade. Historicamente, as primeiras reflexións precientíficas referidas á zooloxía que chegaron até a actualidade son as do filósofo grego Aristóteles, do IV a.C.. As tentativas de clasificación das especeies animais foron numerosas e frecuentemente modificadas desde aquela época.

Campos de estudo da bioloxía

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.