Ficción

Denomínase ficción á simulación da realidade que realizan as obras literarias, cinematográficas ou doutro tipo, cando presentan un mundo imaxinario ao receptor. O termo procede do latín fictus ("finxido", "inventado"), participio do verbo fingere.

Porén, non todos os feitos presentados nunha ficción son necesariamente imaxinarios; é o caso por exemplo da novela histórica, que toma para base feitos históricos revelados, pero que aproveita as vacuidades da Historia para presentar personaxes ou acontecementos, sacados da imaxinación do autor.

Alice par John Tenniel 30
Ilustración de 1865 para a obra de ficción Alicia no país das marabillas de Lewis Carroll que representa a protagonista Alicia xogando un fantástico xogo de croquet.

Historia do concepto de ficción

O concepto de mímese

O concepto de ficción na tradición occidental está moi ligado ao concepto de mímese, desenvolvido na Grecia clásica, nas obras de Platón (quen consideraba as obras poéticas como imitacións dos obxectos reais, que á súa vez eran imitacións das ideas puras) e sobre todo na Poética de Aristóteles, na que o concepto de mímese ten un papel esencial. Para Aristóteles, todas as obras literarias copian a realidade, de acordo co principio da verosimilitude; o que diferencia a literatura da historia é que esta copia as cousas que sucederon e aquela as que poderían suceder.

Cómpre insistir que Aristóteles non di que a literatura deba de ser a imitación do mundo real, senón a imitación "das accións dos homes". Esta diferenza é a que permite que o verosímil irreal teña lugar na literatura. Paul Ricoeur subdividiu o concepto de mímese aristotélico en tres fases:

  • Mímese 1: o proceso de configuración do texto e a disposición da trama por parte do autor.
  • Mímese 2: a propia configuración do texto, que pode responder ou non ao mundo exterior.
  • Mímese 3: a reconfiguración do mundo do texto que debe de realizar o lector ou espectador.

Relación coa catarse

A Poética de Aristóteles tamén introduciu outro concepto moi relacionado co anterior, o de catarse. A traxedia, ao imitar accións de personaxes boas que caen en desgraza, logrou a implicación emocional do espectador, quen a través da compaixón e o medo se purifica interiormente. Devandita reacción emocional ten a súa base na suspensión do xuízo de realidade con respecto á acción tráxica: alguén moi consciente da irrealidade da obra non podía sentir empatía polas súas personaxes.

Fronte a esta concepción da literatura como catarse, algúns autores contemporáneos como Bertolt Brecht propuxeron a anulación da implicación emocional, a través dun "teatro épico", que ten como unha das súas características acentuar a irrealidade da representación, esaxerando a distancia entre ficción e realidade. Deste xeito, Brecht quería lograr que os espectadores realizasen un xuízo crítico e racional da acción, en vez dunha implicación emocional e irracional.

Formatos

Tradicionalmente a ficción inclúe novelas, contos, fábulas, mitos, poesía épica e narrativa, obras de teatro e óperas... Porén, a ficción tamén pode incluír bandas deseñadas, animación, filmes, monicreques, videoxogos, programas de televisión...

Internet tivo un grande impacto na creación e distribución da ficción, cuestionando a viabilidade do copyright.[1] Ademais as bibliotecas dixitais como o Proxecto Gutenberg fan que os textos en dominio público sexan máis rapidamente dispoñibles. A combinación dos computadores domésticos baratos, internet e a creatividade dos seus usuarios tamén levou a aparición de novas formas de ficción, como os xogos interactivos ou as bandas deseñadas xeradas por computador. Tamén se emprega para o desenvolvemento dos blogs de ficción, onde se distribúen as historias secuencialmente en forma do series mesmo de diferentes autores.

Algúns tipos de ficción literaria en prosa son:

  • Relato: Obra de entre 2000 e 7500 palabras (5 a 25 páxinas). O límite entre relato longo e novela breve é vago.[2]
  • Novela breve: Obra de polo menos 17 500 palabras pero menos de 50 000 (60-170 páxinas). Corazón da escuridade, de Joseph Conrad (1899) é un exemplo.[3]
  • Novela: Obra de máis de 50 000 palabras (máis de 170 páxinas).

Xéneros

A ficción adoita dividirse nunha variedade de xéneros, diferenciados polo ton, a técnica narrativa, o contido ou a popularidade. Por exemplo a ficción científica predí ou supón tecnoloxías que non son realidades no tempo da creación da obra; deste xeito, a novela de H.G. Wells The First Men in the Moon foi publicada en 1901, mais até 1969 o astronauta Neil Armstrong non se converteu no primeiro en pisar a Lúa.

A ficción histórica coloca personaxes imaxinarias en sucesos históricos reais. Nunha das primeiras novelas históricas, Waverley, de Walter Scott, a personaxe ficticia Edward Waverley coñece a figura real Bonnie Prince Charlie, e ten parte na batalla de Prestonpans. Algunhas obras de ficción son reinterpretacións baseadas en historias reais ou biografías reconstruídas.[4] Habitualmente, mesmo se o autor afirma que a historia ficticia é basicamente real, pode haber adicións ou subtraccións artificiais para facer a historia real máis interesante, como ocorre con The Things They Carried, de Tim O'Brien, serie de relatos sobre a guerra de Vietnam.

As obras de ficción que incorporan explicitamente elementos sobrenaturais, máxicos ou cientificamente imposibles adoitan clasificarse no xénero da fantasía, como Alicia no país das marabillas (Lewis Carroll), Harry Potter (J. K. Rowling) ou O señor dos aneis (J. R. R. Tolkien). Os creadores de fantasía ás veces introducen criaturas imaxinarias como dragóns ou fadas.[5]

Elementos da ficción

Aínda que ficción e narración non son vocábulos sinónimos, xa que nin toda ficción é narrativa nin toda narración é ficticia, a narración si é o modo predominante de introducirse en mundos de ficción; de aí que exista o que se coñece como "pannarrativismo", consistente na aplicación (ás veces excesiva) das ferramentas de análise narrativa, tradicionalmente desenvolvidas no campo da crítica literaria, a calquera das formas en que pode manifestarse a ficción: p cinema, o teatro, a televisión, as bandas deseñadas, os videoxogos...

A narratoloxía ou estudo da narración, desenvolvida fundamentalmente polas correntes estruturalistas ao longo do século XX, céntrase principalmente en catro dos elementos constitutivos da narración: o narrador, as personaxes, o tempo e o espazo.

Notas

  1. Jones, Oliver. (2015). "Why Fan Fiction is the Future of Publishing." The Daily Beast. The Daily Beast Company LLC.
  2. J. A. Cuddon, The Penguin Dictionary of Literary Terms (1992). London: Penguin Books, 1999, p.600.
  3. Heart of Darkness Novella by Conrad - Encyclopædia Britannica,
  4. Whiteman, G.; Phillips, N. (13-12-2006). "The Role of Narrative Fiction and Semi-Fiction in Organizational Studies". ERIM Report Series Research in Management. ISSN 1566-5283. SSRN 981296.
  5. William Harmon and C. Hugh Holman A Handbook to Literature (7th edition). Nova York: Prentice Hall, 1990, p. 212.

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas

11 de xullo

O 11 de xullo é o 192º día do ano do calendario gregoriano e o 193º nos anos bisestos. Quedan 173 días para finalizar o ano.

1982

1982 foi Ano Santo Xacobeo.

Buck Rogers no século XXV

Buck Rogers no século XXV é unha serie de televisión de ficción científica norteamericana creada por Glen A. Larson e producida por Universal Studios baseada no personaxe de Buck Rogers creado en 1928 por Philip Francis Nowlan e que aparecera en banda deseñada e do que se fixeran versións para a radio e a televisión. A Televisión de Galicia emitiu a serie en 1986.

Ciencia ficción

A ciencia ficción (do inglés science fiction) é un xénero literario e cinematográfico baseado nos efectos de hipotéticos avances científicos e tecnolóxicos, presentes ou futuros, sobre a sociedade ou os individuos. Algúns autores consideran preferible a expresión ficción científica por consideraren que, como norma xeral, se debe buscar a adaptación das denominacións importadas ás pautas ortográficas, ortofónicas e morfosintácticas do galego.

A expresión science fiction utilizouna por primeira vez en 1851 un escritor inglés chamado William Wilson no seu libro A Little Earnest Book upon a Great Old Subject, pero o termo non se xeneralizou coa súa acepción actual ata que Hugo Gernsback o incorporou en 1926 á portada da revista estadounidense de narrativa especulativa Amazing Stories (logo de facer un intento previo co termo scientifiction, que non chegou a callar). Ata esa data as narracións que hoxe día non dubidamos en cualificar de ficción científica recibían diversos nomes: viaxes fantásticas, relatos de mundos perdidos, utopías, novelas científicas.

As fronteiras do xénero son difíciles de definir, e as liñas que delimitan os subxéneros son a miúdo fluídas. (en Strong Opinions, Vladimir Nabokov argüiu medio en broma que se fósemos rigorosos coas nosas definicións, A tempestade de Shakespeare debería considerarse ficción científica.)

Documental

O documental é un xénero cinematográfico e televisivo, realizado sobre imaxes tomadas da realidade. A organización e estrutura das imaxes, sons (textos e entrevistas) segundo o punto da vista do autor, determina o tipo de documental.

A secuencia cronolóxica dos materiais, o tratamento da figura do narrador, a natureza dos materiais -completamente reais, recreacións, imaxes infográficas, et cétera — dan lugar a unha variedade de formatos tan ampla na actualidade, que van desde o documental puro ata documentais de creación, pasando por modelos de reportaxes moi variados, chegando ao docudrama (formato no que as personaxes reais interprétanse a si mesmas), chegando ata o documental falso coñecido ás veces como mockumentary.

Con frecuencia, os programas de ficción adoptan unha estrutura e modo de narración moi próximos ao documental, e á súa vez, algúns documentais reproducen recursos propios da creación de obras de ficción.

Factoría de Ficción

Factoría de Ficción, antes coñecida como FDF Telecinco, é unha canle de televisión privada española propiedade de Mediaset España que emite a través da TDT e nas plataformas de televisión de pago Movistar+ e Vodafone TV, Orange TV, R e Euskatel. Comezou as súas emisións o 18 de febreiro de 2008 co nome de FDF Telecinco, substituíndo na súa frecuencia á canle Telecinco Estrellas. O sábado 25 de xullo de 2009 cambiou a súa imaxe corporativa e remodelou o anterior nome de FDF Telecinco ao actual.

O nome provén da extinta canle Factoría de Ficción do cal Gestevisión Telecinco era socio xunto á produtora Globomedia e Grupo Antena 3 e que cesou as súas emisións o 30 de xullo de 2007.

Fantasía

O xénero fantástico, comunmente chamado fantasía, é un xénero artístico de ficción no cal os elementos principais do argumento son imaxinarios, irreais e sobrenaturais.

No seu sentido máis amplo, o xénero fantástico áchase presente na literatura, cine, banda deseñada, videoxogos, xogos de rol, pintura, escultura, drama e, sobre todo, na mitoloxía e relatos antigos, onde tivo a súa orixe. Caracterízase por non dar prioridade a unha representación realista que respecte as leis de funcionamento do mundo real. Nese sentido adóitase dicir que o xénero fantástico é subversivo, pois viola as normas da realidade.

Xeralmente distínguese doutras formas artísticas como a ciencia ficción, na que tamén se subverten os mecanismos de funcionamento da realidade coñecida, aducindo que a causa dos fenómenos observados en obras de corte fantástico sempre teñen que ver con forzas sobrenaturais mentres que na ciencia ficción hai causas científicas, con explicacións que buscan a racionalidade dentro da súa ruptura coa orde coñecida.

Invasión (serie de televisión)

Invasión é unha serie norteamericana de ciencia ficción que comezou a emitir a ABC o 21 de setembro de 2005 e que emitiu a TVG (2006). A serie conta a historia das consecuencias dun furacán tras o que se infiltran nunha pequena cidade de Florida uns extraterrestres baseados na auga e comezan a asumir o control dos corpos dos seus habitantes.

Jules Verne

Jules Gabriel Verne, tamén coñecido en galego como Xulio Verne, nado en Nantes o 8 de febreiro de 1828 e finado en Amiens o 24 de marzo de 1905, foi un escritor francés, pioneiro da literatura de ciencia ficción.

Mitoloxía nórdica na cultura popular

A mitoloxía nórdica, preservada nos textos antigos islandeses como a Edda poética, a Edda prosaica e outras lendas e sagas, foi pouco coñecida fóra de Escandinavia ata o século XIX. Coa publicación xeneralizada dos mitos e lendas nórdicas, as referencias a deuses e heroes nórdicos espalláronse a través da cultura literaria europea, especialmente en Escandinavia, Alemaña e Gran Bretaña. No pasado século XX, as referencias á mitoloxía nórdica fixéronse comúns na ciencia ficción e na fantasía literaria, xogos de rol, e eventualmente outros produtos culturais como a animación xaponesa.

Novela

Unha novela é un xénero literario narrativo xeralmente en prosa e dunha extensión que pode ser considerable onde se explican uns feitos de ficción que expón relacións, accións e condutas humanas a partir duns personaxes, unha ambientación, un narrador e un punto de vista. Poden aparecer descricións e diálogos para embelecer, aclarar ou facer máis amena a acción. O xénero como tal xorde na Idade Moderna. A novela distínguese polo seu carácter aberto e a súa capacidade para conter elementos diversos nun relato complexo. Este carácter aberto ofrece ao autor unha gran liberdade para integrar personaxes, introducir historias cruzadas ou subordinadas unhas a outras, presentar feitos nunha orde distinta a aquel no que se produciron ou incluír no relato textos de distinta natureza: cartas, documentos administrativos, lendas, poemas, etc. Todo iso dá á novela maior complexidade que a que presentan os demais subxéneros narrativos. Ata onde debe chegar a extensión é obxecto de disputa, como o é a complexidade que debe ofrecer a trama ficticia que a sustenta.

Punk

O punk é un movemento musical dentro do rock que emerxeu a mediados dos anos 1970. Caracterízase pola súa actitude independente e de afeccionados. Nos seus inicios, o punk era unha música moi simple e crúa, ás veces descoidada: un tipo de rock sinxelo, con melodías simples de duracións curtas, sons de guitarras amplificadas pouco controlados ou ruidosos, poucos arranxos e instrumentos, e, polo xeral, de compases e tempos rápidos.

As liñas de guitarra caracterízanse pola súa sinxeleza e a crueza do son amplificado, xeralmente creando un ambiente sonoro ruidoso ou agresivo herdado do Garage rock. O baixo, polo xeral, segue só a liña do acorde e non busca adornar con oitavas nin arranxos a melodía. A batería pola súa banda leva un tempo acelerado, con ritmos sinxelos de rock. As voces varían desde expresións fortes e ata violentas ou desgarradas, expresivas caricaturas cantadas que alteran os parámetros convencionais da acción do cantante, ata formas máis melódicas e elaboradas.

Sala do hidromel

Na antiga Escandinavia e na Europa xermánica unha sala do hidromel ou sala do festín foi inicialmente unha construción longa cunha sala sinxela. Dende do século V ata a baixa Idade Media esta clase de construcións era a residencia dun señor e os seus servos. A sala do hidromel era xeralmente a gran sala dun rei. Como tal, era considerado o lugar máis seguro do reino.

Serie de televisión

Unha serie de televisión é unha obra audiovisual que se difunde en emisións televisivas sucesivas, mantendo cada unha delas unha unidade argumental en si mesma e con continuidade, polo menos temática, entre os diferentes episodios que a integran. Aínda que o termo emprégase popularmente para designar á ficción seriada, outros xéneros son susceptibles de ofrecerse en serie, como o documental (por exemplo, Walking with Dinosaurs, Camiñando entre dinosauros).

Teatro

O teatro é un espectáculo baseado na representación da conduta do ser humano. Esta conduta representada, chamada actuación, é realizada por actores.

Por extensión tamén se chama teatro ao edificio onde se realizan representacións teatrais e espectáculos afíns, así como ao repertorio (conxunto de creacións teatrais que se consideran propias dun autor: "o teatro de Vidal Bolaño"), época ("o teatro das Irmandades da Fala) ou país ("o teatro francés").

O termo provén do grego theatron, nome que recibían as bancadas en forma de hemiciclo desde onde os espectadores contemplaban as representacións teatrais nos anfiteatros gregos. Theatron viría a ser, logo, o "lugar desde onde se mira". Posteriormente pasou a designar tamén ó espectáculo mesmo e ó lugar destinado a tales espectáculos.

En 1961, o Instituto Internacional do Teatro proclamou o 27 de marzo como o Día Mundial do Teatro .

Urxencia cero

Urxencia Cero é unha serie de televisión de ficción, sobre o persoal sanitario que traballa na unidade de transplantes de órganos do Hospital Francisco Balmis.

A produción contou coa colaboración da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia e co apoio de profesionais do SERGAS e, especialmente, da Coordinación de Transplantes de Galicia e do CHUAC.

V, os visitantes

V, os visitantes é unha serie estadounidense de ficción científica exhibida no canal ABC, estreada no 3 de novembro de 2009. En Galiza foi emitida en galego pola Televisión de Galicia. Este remake da serie de 1983 creada por Kenneth Johnson narra a chegada á Terra dunha especie alieníxena cunha tecnoloxía extremadamente avanzada que aparentemente vén en paz, pero en realidade teñen outros propósitos. As estrelas de V inclúen a Morena Baccarin, Lourdes Benedicto, Morris Chestnut, Joel Gretsch, Logan Huffman, Charles Mesure, Elizabeth Mitchell, Laura Vandervoort e Scott Wolf, e está producida por Scott Rosenbaum, Yves Simoneau, Scott Peters e Jace Hall. A serie é producida pola The Scott Peters Company, HDFilms e Warner Bros.. A segunda temporada estreouse o día 4 de xaneiro de 2011 e rematouse o 15 de marzo de 2011. O 13 de maio de 2011 anunciouse que a serie era cancelaba após dúas temporadas.

Vidiadhar Surajprasad Naipaul

Sir Vidiathar Surajprasad Naipaul, máis coñecido como V. S. Naipaul, nado en Chaguanas, Illa Trinidad, Trinidad e Tobago o 17 de agosto de 1932 e finado en Londres o 11 de agosto de 2018, foi un escritor británico, orixinario de Trinidad e Tobago, galardoado co premio Nobel de Literatura no ano 2001.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.