Fibra alimentaria

En alimentación e nutrición denomínase fibra alimentaria, ás veces tamén chamada fibra dietética, ás partes das plantas comestíbeis que resisten a dixestión e absorción no intestino delgado humano e que experimentan unha fermentación parcial ou total no intestino groso. Está formada por un conxunto de compostos químicos de natureza heteroxénea (polisacáridos, oligosacáridos, lignina e outras substancias análogas).

Desde o punto de vista nutricional, e en sentido estrito, a fibra alimentaria non é un nutriente, xa que non participa directamente nos procesos metabólicos básicos do organismo. Porén, desempeña funcións fisiolóxicas sumamente importantes, como estimular a peristaltismo intestinal.

A razón pola que o organismo humano non pode procesala débese a que o aparato dixestivo non dispón de enzimas que poidan hidrolizala, como ocorre nalgúns grupos de animais, como os ruminantes ou os insectos xilófagos. Pero iso non significa que a fibra alimentaria pase intacta a través do aparato dixestivo: aínda que o intestino no dispón de enzimas para dixerila, os enzimas da flora intestinal fermentan parcialmente a fibra e descompóñena en diversos compostos químicos: gases (hidróxeno, dióxido de carbono e metano) e ácidos graxos de cadea curta (acetato, propionato e butirato). Estes últimos poden exercer unha función importante no organismo dos seres vivos.

A fibra alimentaria encóntrase unicamente en alimentos de orixe vexetal pouco procesados tecnoloxicamente, como os cereais, froitas, verduras e legumes.

Wiatrak zboże chmury
Os cereais integrais (co farelo) son unha fonte primordial de fibra alimentaria.

Tipos de fibra alimentaria

Distínguense dous tipos tipos de fibra alimentaria:

  • Fibra alimentaria insolúbel: é a fibra que a maioría das persoas coñece. Dentro dos alimentos ricos en fibra alimentaria insolúbel destacan as froitas, verduras, legumes e os cereais integrais. A celulosa, a hemicelulosa, a lignina e o amidón resistente son fibras alimentarias insolúbeis.
  • Fibra alimentaria solúbel: a fibra solúbel forma unha especie de xel moi saudábel no intestino. Como alimentos ricos en fibra alimentaria solúbel temos as espinacas, os froitos secos, os cereais (especialmente a avea), legumes (garavanzos, lentellas, fabas, ervellas), froitas como a papaia, a pel da mazá, a manga ou os albaricoques secos etc. A inulina, as gomas, as mucilaxes, as pectinas e os oligosacáridos da frutosa son fibras alimentarias solúbeis.

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
Albaricoque

O albaricoque é o froito do albaricoqueiro (Prunus armeniaca). É unha drupa arrendondeada e aveludada, co óso liso e duro, a súa cor varía do amarelo ao laranxa.

Alimento saudable

Un alimento saudable é aquel que carece dalgún ingrediente, ou non o contén en grandes cantidades, que poida xerar algunha enfermidade dexenerativa cando se repite o seu consumo.Ademais, é aquel que pola súa composición igual ou polo particular proceso da súa fabricación, distínguese dos produtos de consumo corrente. Son apropiados para o obxectivo nutritivo sinalado e comercialízanse indicando que responden a devandito obxectivo.

Podemos atopar estes alimentos saudables en:

Alimentos para nenos lactantes e de pouca idade;

Alimentos para situacións nas que aumentan as necesidades de enerxía ou nutrientes;

Alimentos sen glute;

Alimentos con reducido contido en calorías;

Alimentos hiposodicos;

Alimentos con reducido contido en graxa, colesterol e ácidos graxos saturados;

Alimentos destinados a persoas con diabetes;

Alimentos non refinados e produtos a base de fibra alimentaria;

Produtos para nutrición artificial;

Alimentos que son baixos en colesterol.

Améndoa

A améndoa (do latín vulgar amyndula, no latín clásico amygdalum, -i, de orixe grega, que denominaba tanto a árbore coma o froito) é o froito da amendoeira, é unha drupa oblonga, engurrada e de cor verde, dentro contén a semente, branca, oblonga e apatelada, recuberta por unha película de cor canela.

A améndoa verde designa o froito tenro, recollido en xuño e xullo, e de sabor delicado. A améndoa amarga designa á velenosa e a améndoa doce á comestible.

Pódese comer en cru, en turróns, en confeitaría. A esencia de améndoa temén se utiliza en perfumaría.

California é a principal área produtora de améndoa, séguelle España.

Arroz

O arroz ([aˈrɔθ]; en gran parte do territorio pronunciado con seseo como [aˈrɔs] (arrós)) é o gran da planta do arroz (Oryza sativa), unha planta da familia das gramíneas que alimenta máis da metade da poboación humana do mundo.

O arroz necesita de auga en abundancia e man de obra intensiva. Dáse ben mesmo en terreos moi inclinados e é costume, nos países do sueste asiático encontrárense socalcos onde se cultiva.

É o terceiro maior cultivo cerealista do mundo, só superado polo millo e o trigo.

Azucre

Este artigo trata sobre o alimento, para azucre como nutriente véxase Carbohidrato.

O nome azucre utilízase para diferentes monosacáridos e disacáridos, que xeralmente teñen sabor doce, aínda que por extensión refírese a todos os hidratos de carbono a forma máis común de azucre consiste en sacarosa no estado sólido e cristalino. Úsase para alterar (adozar) o sabor de bebidas e alimentos.

O azucre de mesa normalmente consumido corresponde á sacarosa, un disacárido formado por unha molécula de glicosa e unha de frutosa, que se obtén frecuentemente da cana de azucre ou da remolacha. A sacarosa utilízase para dar un sabor doce ás comidas e na fabricación de confeitos, pasteis, conservas, bebidas alcohólicas e non alcohólicas, entre moitos outros produtos. Como material alimenticio básico, a sacarosa fornece aproximadamente un 13% da enerxía que proporcionan os alimentos. A sacarosa está presente en cantidades limitadas en moitas plantas, ata en varias palmeiras, pero a remolacha azucreira e a cana de azucre son as únicas fontes importantes para o comercio. Máis do 50% do consumo mundial de azucre obtense da cana de azucre, que crece en climas tropicais e subtropicais. O resto procede da remolacha azucreira, que crece en países temperados e é a fonte principal de azucre para a maior parte de Europa.

Cada día é máis frecuente en pratos e doces preparados atoparse outros azucres diferentes como a glicosa ou a frutosa (pola súa asimilación máis lenta) ou mesturados con adozantes artificiais.

Outros azucres son a galactosa e a lactosa.

Canela

A canela é unha especia que se tira da codia interna desecada, extraída pelando as pólas da caneleira (Cinnamomum zeylanicum ou Cinnamomum verum), unha árbore procedente da Sri Lanka. Emprégase en pau ou moída (en po). En Galiza emprégase moito para adubar a típica sobremesa de arroz con leite.

Cebola

Cebola ( pronunciación ) ou ceboleira é o nome vulgar da planta cuxo nome científico é Allium cepa, L..É orixinaria de Asia Central. Durante a Idade Media empregábase tanto gastronomía como na farmacopea. En sistemas taxonómicos máis antigos pertencía á familia das Liliáceas e subfamilia das Alioídeas, mais os taxonomistas máis recentes inclúena na familia das Alliaceae. O termo refírese tamén ao seu bulbo, constituído por follas escamiformes, en capas. As súas flores están dispostas en forma de quitasol. As plantas novas, co bulbo pouco desenvolvido e sen flor, chámanse tamén co nome de cebolo ou ceboliño.

Para o seu cultivo precisa de solos ricos en materia orgánica, sans, profundos, soltos e non calcáreos. É unha planta que prefire climas temperados non húmidos.

O principal produtor de cebola é México. Cultivase principalmente nos países europeos do mediterráneo e tamén nos países árabes.

Ceboliño: existen dous tipos dos chamados ceboliños: Allium fistulosun e Allium schoenoprasun diferentes da Allium cepa.

Cereixa

A cereixa é o froito da cerdeira.

Copra

A copra é a polpa seca do coco, máis ben a medula do coco (parte sólida do endosperma), partida en anacos e desecada, utilizada para a obtención do aceite de coco. O nome deriva dunha palabra en malayalam, koppara que significa coco seco. A palabra copra non é o nome científico do coco (Cocos nucifera Linnaeus, Arecaceae).

Feces

As feces ou excrementos ou materia fecal son o conxunto de produtos de refugallo da dixestión, que se expulsan polo ano (ou a cloaca, no caso das aves) en forma xeralmente sólida ou, en caso de enfermidade, en forma máis ou menos líquida. Están formadas polos restos dos alimentos non absorbidos polo aparato dixestivo, como a fibra alimentaria e outros compoñentes, células do epitelio intestinal que se descaman, microorganismos e outras substancias que non logran atravesar a mucosa intestinal.

Fibra

O termo fibra pode referirse a:

Fibra alimentaria

Fibra de vidro

Fibra de Purkinje

Fibra muscular

Fibra nerviosa

Fibra óptica

Fibra téxtil

Fibra sintética

Froita

As froitas son os froitos comestíbeis das árbores froiteiras e outras plantas. Na lingua coloquial e en cociña, cando se fala da froita en termos xenéricos, a palabra refírese normalmente a aqueles vexetais cuxos froitos son carnosos e doces, ricos en azucres e vitaminas e frecuentemente consumidos crus como sobremesa, como por exemplo, as ameixas, mazás, laranxas e un longo etcétera.

Porén, en canto ao nome concreto de cada tipo de froita, moitos vexetais moi comúns, así como varios tipos de noces e grans, reciben o seu nome das especies das que proceden.

Habitualmente estes froitos son moi saborosos e relativamente doces, tendo polo normal cores vivas e aromas agradábeis. Case todas posúen pel, polpa (a carne da froita) e sementes ou carabuñas ben diferenciadas.

As froitas diferénciase dos froitos secos en que as primeiras conteñen unha gran cantidade de auga, contrariamente a estes últimos, que a reduciron tras un proceso de secado, natural ou artificial.

Hemicelulosa

A hemicelulosa é un dos polisacáridos da matriz que acompañan á celulosa na parede celular de todas as plantas terrestres e na madeira. A celulosa é cristalina, forte e resistente á hidrólise, pero a hemicelulosa ten unha estrutura aleatoria, amorfa e pouco forte. Hidrolízase doadamente con ácido diluído ou bases e con multitude de encimas hemicelulases. É moi hidratable.

As hemicelulosas son parte da fibra alimentaria e de fibras naturais e teñen moitas aplicacións nas industrias do papel e téxtil.O termo hemicelulosa foi utilizado por primeira vez por E. Schulze en 1891 para referirse aos compoñentes da célula vexetal solubles en alcali diluído ou en ácidos quentes diluídos con formación de azucres.

Hortaliza

Denomínanse hortalizas as plantas herbáceas e de ciclo curto, cultivadas nas hortas e campos de regadío, das que se aproveitan as follas, flores, raíces, talos tenros, froitos etc. para a alimentación humana. Trátase dun concepto gastronómico sen fundamento botánico ningún, que ten os lindes pouco definidos: segundo os distintos autores pode incluír ou non as verduras (plantas das que se aproveitan as follas e outras partes verdes: espinacas, leitugas, grelos etc.) e os legumes frescos (plantas das que se aproveitan os froitos verdes ou as sementes: feixón, chícharos etc.). Exclúe as froitas (pero inclúe algúns tipos de froitos, como é o caso do tomate ou o pemento) e os cereais. Resulta común agrupar verduras e hortalizas baixo un mesmo concepto ou considera-las verduras como un subgrupo das hortalizas. As patacas tamén poden considerase hortalizas se ben, pola relevancia do seu consumo, adoitan tratarse por separado.

Pódense consumir de formas moi diversas, xa sexa directamente en cru, en ensalada ou como acompañamento; ou trala súa preparación culinaria, sexa como prato principal ou como gornición de pratos diferentes.

Forman parte da alimentación humana desde tempo os comezos da agricultura, se ben o seu uso habitual na dieta humana non se xeralizou ata os séculos XVI e XVII. Nas últimas décadas observouse unha progresiva redución no consumo de verduras e hortalizas, paralela ó aumento do consumo de carnes e peixes, ata o punto de asimilar estes produtos ó nivel económico: a maior nivel económico, maior consumo de alimentos proteicos e menor consumo de alimentos vexetais. Outros factores que interviron neste fenómeno foron a aparición de novos hábitos alimenticios que rexeitaban preparacións culinarias lentas e elaboradas a favor doutras comidas de elaboración máis fácil e rápida, e tamén certa asociación entre as verduras e hortalizas cos réximes de adelgazamento ou dietas de convalecencia. Na actualidade, os novos coñecementos dietéticos e fisiolóxicos puxeron de manifesto a necesidade de incorporar alimentos de orixe vexetal á dieta para podela considerar equilibrada, teoría que defende o incremento do consumo deste tipo de alimentos, en detrimento dos proteicos.

Así, a inclusión de verduras, froitas e hortalizas como elementos habituais na dieta é hoxe un consello dietético unanimemente aceptado por tódolos nutrólogos como garantía dunha dieta equilibrada. Recoméndase especialmente a súa inclusión na comida dos meniños non só polos efectos beneficiosos directos que teñen, senón para que adquiran o hábito de consumir alimentos vexetais desde a infancia.

No ano 2006, o panel de consumo que publica o Ministerio de Agricultura [1] daba unhas cifras de 67,68 kg de hortalizas frescas por habitante e ano, un 3,7% menos có ano anterior. Concretando no consumo doméstico, as cifras eran de 55,6 kg/ano, nunha liña progresivamente ascendente desde o mínimo de 48,6 kg en 1995. No que respecta a Galicia, o consumo nese ano 2006 era de 49,3 kg por habitante.

Galicia, con A Rioxa, Murcia, Asturias e Castela-A Mancha, eran as comunidades cun menor consumo de hortalizas nos fogares. O maior consumo dáse en comunidades como Valencia, Castela e León, Madrid (que rondan os 55–57 kg) e, destacando sobre todas, Cataluña, con 77,2 kg por habitante e ano .

Inulina

A inulina é o termo co que se designa unha familia de polisacáridos, constituídos por cadeas de frutosa, polo que se considera un frutano. As inulinas encóntranse xeralmente nas raíces, tubérculos e rizomas de certas plantas anxiospermas (bardán, chicoria, mexacán etc.) como substancia de reserva. Forma parte da fibra alimentaria. O seu nome procede da primeira planta da que se illou en 1804, a Inula helenium.

A dieta occidental achega de 1 a 10 g diarios de inulina. A dixestión da inulina libera frutosa, pero en pequena proporción, xa que o organismo humano carece de encimas específicos para hidrolizala. Ademais, a inulina é útil para avaliar a función do glomérulo renal, xa que se excreta sen ser reabsorbida nos túbulos renais.

Nutriente

Os nutrientes (do latín nutriens, -entis, participio do verbo nutrire ‘alimentar’) son as substancias químicas que forman os alimentos que permiten ao noso organismo diversas función esenciais para a vida, obter enerxía a través deles (función enerxética), formar e manter as estruturas corporais (función estrutural) e regular os procesos metabólicos (función metabólica). Principalmente divídense en dous grupos, dependendo da cantidade deles que necesite o organismo en cuestión, micronutrientes e macronutrientes.

Obesidade

A obesidade (do latín obesitāte) é unha condición médica producida pola acumulación excesiva de graxa no organismo. Isto pode provocar efectos adversos na saúde, como a redución da esperanza de vida e o aumento de problemas derivados. Unha persoa é considerada obesa cando o seu índice de masa corporal (IMC), un indicador que se obtén ó dividir o peso da persoa en quilos entre o cadrado da altura en metros, excede 30 os kg/m2. Considerado dun xeito técnico, sempre que se dea unha inxestión de calorías (a través dos alimentos) maior que o gasto enerxético do corpo haberá un cúmulo de calorías en forma de graxa. O corpo humano almacena calorías extras nesta forma porque é o medio máis eficaz, almacenando o dobre de calorías no mesmo peso do que se almacenaría como carbohidratos ou proteína.

A obesidade incrementa a probabilidade de padecer diversas doenzas, particularmente doenzas do corazón, diabetes tipo 2, certos tipos de cancro, e artrose. A causa máis común da obesidade é a combinación do consumo excesivo de comida, falta de actividade física e a susceptibilidade xenética. Malia isto, algúns casos son causados polos xenes, desordes endócrinos, fármacos ou enfermidades mentais. As probas que apoian que hai persoas obesas que aínda comendo pouco gañan peso son limitadas; de media, as persoas obesas teñen un gasto enerxético maior que as que non o son debido á enerxía necesaria para manter un incremento de masa corporal.A dieta e o exercicio físico son os piares do tratamento da obesidade. A calidade da dieta pode mellorar reducindo o consumo de alimentos con altos niveis de graxa ou azucre, e incrementando o consumo de fibra alimentaria. Os medicamentos anti-obesidade poden ser tomadas para reducir o apetito ou inhibir a absorción de graxa xunto cunha dieta saudable. Se a dieta, o exercicio e a medicación non son efectivos, os balóns gástricos poden axudar na perda de peso e tamén existe a posibilidade de recorrer á cirurxía para minguar o volume do estómago e lonxitude do intestino, o que supón unha redución da sensación de fame e da capacidade para absorber os nutrientes da comida.A obesidade é a principal causa de mortes previsibles en todo o mundo, e está a ter un incremento da incidencia tanto en adultos coma en nenos. Para as autoridades é un dos máis serios problemas de saúde pública do século XXI. Socialmente, está estigmatizada na meirande parte do mundo (particularmente no occidente), malia ser vista como un símbolo de saúde e fertilidade noutras épocas da historia, como segue a ser nalgunhas partes do mundo. No 2013, a "Asociación Médica Americana" clasificou a obesidade como unha doenza.

Pectina

A pectina (do grego πηκτικός - pektikos, "conxelado, callado") é un heteropolisacárido estrutural da parede celular primaria das células vexetais terrestres, onde se encontra entre as fibras de celulosa. Foi illada e descrita en 1825 por Henri Braconnot. Prodúcese comercialmente en forma dun po de branco a castaño claro, que se extrae principalmente dos cítricos, e utilízase na preparación de alimentos como axente xelificante especialmente en marmeladas e xeleas. Utilízase tamén en recheos, medicinas, doces, como estabilizante de zumes de froita e bebidas lácteas, e como fonte de fibra alimentaria.

Polisacárido

Os polisacáridos son hidratos de carbono formados por combinación dun número variable de monosacáridos (entre dez e varios miles). Polo seu interese na alimentación cómpre destaca-los seguintes:

Amidón: constitúe a principal reserva de hidratos de carbono nos alimentos de orixe vexetal. O amidón almacénase en forma de gránulos de forma e tamaño diversos, propios de cada especie vexetal. O amidón é insoluble en auga, polo que non se pode dixerir sen un tratamento térmico adecuado previo: a cocción dos alimentos ricos en amidón (como a pataca ou a fariña) faino dixerible.

Glicóxeno: unicamente presente en alimentos de orixe animal, nos que constitúe unha forma de reserva de glicosa equivalente á do amidón nos vexetais. O glicóxeno localízase no músculo e no fígado.

Celulosa: formada por miles de moléculas de glicosa, atópase na membrana das células vexetais. Resulta indixerible para o home e os animais carnívoros mentres que os herbívoros contan cunha flora intestinal capaz de degradala e asimilala.

Fibra alimentaria: constituída pola combinación de diversos polisacáridos (como a celulosa, pectina e outros) xunto á lignina, que non é un hidrato de carbono. A fibra alimentaria dá a estrutura fibrosa característica das verduras, froitas ou cereais. Non é asimilable pero resulta imprescindible para un correcto funcionamento do aparato dixestivo.Outros polisacáridos presentes nos alimentos son os que constitúen as gomas hidrocoloidais, de diversa composición e características.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.