Feve

Ferrocarriles Españoles de Vía Estrecha (FEVE)[1] foi unha compañía pública de ferrocarril de España, que operaba nas comunidades de Galicia, Asturias, Cantabria, do País Vasco, Castela e León e da Rexión de Murcia sobre unha importante rede de 1.250 km formada en 1965, recollendo a explotación dos distintos ferrocarrís de vía estreita en España, que ata devandito ano achábanse englobados na empresa tamén estatal EFE (Explotación de Ferrocarriles por el Estado). Ao longo da súa historia, FEVE chegou a posuír simultáneamente ferrocarrís de cinco largos de vía distintos: 1.435 mm, 1.062 mm, 1.000 mm, 915 mm e 750 mm.

A compañía desapareceu o 31 de decembro de 2012 debido á unificación dos operadores estatais de vía estreita e vía ancha. A infraestrutura foi transferida a Adif e a explotación dos trens a Renfe Operadora, que opera baixo a marca Renfe Feve.[2]

Concordia geltokia
Fachada traseira da Estación de Bilbao-Concordia.
Santander FEVE Railway Station
Estación de ferrocarril de FEVE en Santander.
Trenfeve
Tren de proximidade de FEVE en Mieres (Asturias).
FEVE Santander - Lierganes
Ferrocarril Santander - Liérganes.

Historia

A rede de FEVE formábana as liñas das antigas compañías Sociedad General de Ferrocarriles Vasco-Asturiana, Ferrocarriles Económicos de Asturias, Ferrocarril de Langreo, Ferrocarril de Carreño, Ferrocarril Cantábrico, Ferrocarril Santander-Bilbao, Ferrocarril de La Robla, Ferrocarril Cartagena-Los Blancos, ademais do Ferrocarril Ferrol-Xixón, construído integramente polo Estado.

A liña de maior lonxitude que posuía a compañía ten 330 km, o coñecido Ferrocarril de La Robla. Orixinalmente ía de La Robla (León) a Bilbao e foi construída para facer chegar carbón da minería leonesa ata a siderurxia biscaíña. Debido ó peche dos altos fornos este tren perdeu o seu sentido e optouse por construír o ramal Matallana-León para darlle ó ferrocarril unha nova oportunidade de facer servizos rexionais entre León e Bilbao. Actualmente o tramo entre Matallana e La Robla non presta servizo de viaxeiros. É a máis longa de Europa de vía métrica, percorrendo a montaña oriental leonesa, o norte da provincia de Palencia, o sur de Cantabria e o norte da provincia de Burgos.

A principal liña de FEVE na Cornixa Cantábrica era a que conecta Ferrol con Bilbao a través das provincias de Cantabria, Asturias e Lugo. Así mesmo conectaban con esta liña xeral diversas liñas menores e ramais, onde prestaban servizo como norma xeral trens de proximidade. Estas liñas e ramais eran, en Asturias, as liñas Trubia - Mieres - Collanzo, Pravia - San Esteban, Xixón - Laviana, Xixón - Avilés - Cudillero e Ferrol - Xixón. En Cantabria existía un ramal que comunicaba Liérganes con Orejo, estación do tramo Bilbao - Santander. Tamén existían diversos ramais industriais que comunicaban a rede xeral de FEVE con cargadeiros de industrias particulares e portos marítimos.

FEVE tamén era titular da liña internacional Ponte Internacional/Nazioarteko Zubia (en Irún)-Hendaia, popularmente coñecida como "O Topo", aínda que a explotación estaba cedida a EuskoTren. En Asturias e Cantabria FEVE contaba cunha importante rede de liñas de proximidade. Ademais, posuía en Murcia a liña entre Cartagena e Los Nietos.

Nos últimos anos da súa existencia, unha parte significativa da rede fora transferida ás comunidades autónomas, que a xestionaban a través de empresas públicas:

FEVE estaba especializada en transporte de mercancías e rexional e de proximidade de pasaxeiros. O servizo estrela da compañía era o tren turístico de luxo Transcantábrico, que funciona desde 1982. Realiza o traxecto Santiago de Compostela (en autobús ata Ferrol)-Ferrol-Bilbao-León.

Supresión

En 2005 FEVE, ante o novo escenario ferroviario español protagonizado pola liberalización e a apertura á competencia (da que FEVE queda exenta inicialmente) aínda que teña a consideración de liña de interese xeral, o ente público emprende un plan estratéxico que marca as pautas para a empresa a medio prazo para iniciar o proceso de liberación ferroviario que obriga a Unión Europea. O plan fai fincapé na optimización dos recursos humanos e na especialización por sectores, polo que se crean as direccións-xerencias (similares ás UNs de Renfe Operadora), que se especializarán nos seus correspondentes mercados. O plan estratéxico ten como fin aumentar o índice de cobertura da empresa 12 puntos ata situalo no 45%, destacando a procura de ingresos mediante a captación de tráficos de tipo turístico e de novos clientes en mercancías, así como a súa consolidación en viaxeiros de trens de proximidade e rexionais.

O 20 de xullo de 2012, apróbase o Real Decreto-lei 22/2012, de 20 de xullo, polo cal FEVE queda extinguida o día 31 de decembro de 2012 e subrógase a Adif a infraestrutura e a Renfe Operadora a explotación dos trens.[3] Desta forma unifícanse as redes nacionais de vía ancha e vía estreita. Na práctica, Renfe continúa usando a marca Feve para referirse a todos os servizos que herdou da anterior compañía.

Notas

  1. Decreto-ley 11/1965, de 23 de septiembre, por el que se reorganiza el Organismo autónomo "Explotación de Ferrocarriles por el Estado" que se denominará "Ferrocarriles de Vía Estrecha" http://www.boe.es/boe/dias/1965/09/25/pdfs/A13102-13102.pdf
  2. RTVE.es (ed.). "Deixa de existir FEVE, cuxo patrimonio de bens e servizos repartirase entre Renfe e Adif" (en español). Consultado o 31 de decembro de 2012.
  3. Decreto-lei 22/2012 do 20 de xuño. Boletín Oficial del Estado Número 174. 21 de xuño de 2012 http://www.boe.es/boe/dias/2012/07/21/pdfs/BOE-A-2012-9772.pdf

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Administrador de Infraestruturas Ferroviarias

O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (en castelán: Administrador de Infraestructuras Ferroviarias), máis coñecido como ADIF ou Adif, é unha entidade pública empresarial dependente do Ministerio de Fomento de España, que ten como obxectivo a construción de liñas de ferrocarril e a xestión da súa explotación.

ADIF herdou a infraestrutura da extinta RENFE, polo que é propietaria da maioría de liñas de ferrocarril de largo ibérico de España. En 2016 tiña 12 241 quilómetros de vías. Tamén herdou as funcións da empresa pública GIF.

Barbos, Ortigueira

San Xulián de Barbos é unha parroquia do concello coruñés de Ortigueira, na comarca do Ortegal. Segundo o padrón municipal de 2009 tiña 108 habitantes (62 mulleres e 46 homes) distribuídos en 27 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 124 habitantes.

Bilbao

Bilbao (en éuscaro: Bilbo) é unha cidade e concello situado ao norte de España, capital da provincia e territorio histórico de Biscaia, no País Vasco. Atópase situada na comarca do Gran Bilbao e é atravesada polo río Nervión, que a esas alturas do seu percorrido xa toma forma de ría. No ano 2017 tiña unha poboación de 345 110 habitantes e unha extensión de 41,26 km², cunha densidade poboacional de 8 300 hab./km². É o centro dunha área de influencia que se coñece como Gran Bilbao e que chega a albergar a preto dun millón de habitantes.

Desde a súa fundación, a comezos do século XIV, foi un enclave comercial que gozou de particular importancia na cornixa cantábrica grazas á súa actividade portuaria que se baseaba principalmente na exportación da la procedente de Castela e en menor medida do ferro extraído das canteiras biscaíñas. Ao longo do século XIX e principios do XX experimentou unha forte industrialización que a converteu no epicentro da segunda rexión industrializada de España, por detrás de Barcelona. Esta estivo acompañada dunha extraordinaria explosión demográfica e urbanística que orixinou a anexión de varios municipios lindeiros. Na actualidade é unha puxante cidade de servizos, que se atopa nun proceso de revitalización estética, social e económica liderado polo simbólico Museo Guggenheim Bilbao.

Bárcena de Cicero

Bárcena de Cicero é un concello da comunidade autónoma de Cantabria, localizado na comarca de Trasmiera e pertencente ao Partido Xudicial de Santoña. Está limitado por Escalante, Laredo, Colindres, Voto, Solórzano, Hazas de Cesto e a Baía de Santoña formada pola desembocadura do río Asón, situado na ribeira esquerda deste río. É atravesado pola N-634, a Autovía A-8 e o ferrocarril FEVE Santander-Bilbao.

O municipio está composto por varias localidades, entre os cales se encontra Gama, que é a capital.

Céltigos, Ortigueira

San Xulián de Céltigos é unha parroquia que se localiza no norte do concello de Ortigueira na comarca do Ortegal. Segundo o padrón municipal de 2009 tiña 359 habitantes (181 mulleres e 178 homes) distribuídos en 28 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 384 habitantes.

Entrambasrías, Labacengos, Moeche

Entrambasrías é un lugar da parroquia de Labacengos no concello Coruñés de Moeche na comarca de Ferrol. Segundo o Instituto Galego de Estatística en 2008 tiña nove habitantes (catro homes e cinco mulleres), un máis ca en 1999.

O lugar conta cunha cun apeadoiro da liña Ferrol-Ortigueira de FEVE.

Estación de Bilbao Abando-Indalecio Prieto

Bilbao Abando-Indalecio Prieto, tamén coñecida como Bilbao-Abando ou estación do Norte, é a principal estación ferroviaria do centro da cidade de Bilbao. É unha estación terminal de carácter monumental e estilo clasicista inaugurada en 1948 por Renfe, que encargou a súa construción a Alfonso Fungairiño.

Ten servizos de longa distancia, media distancia e proximidades operados por Renfe. Dispón tamén de conexións coas liñas L1 e L2 do Metro de Bilbao a través da estación de Abando, con servizos Renfe Feve grazas á estación de Bilbao-Concordia, así como coa rede de autobuses urbanos, interubanos e o tranvía da cidade.

Estación de Ferrol

A estación de Ferrol é unha estación de ferrocarril terminal situada na cidade coruñesa de Ferrol, final das liñas que a unen con Betanzos e Xixón. Está situada no centro da cidade, na Avenida de Compostela, ao lado da Estación de Autobuses. Conta con servizos de longa distancia, rexionais e proximidades, tanto de ancho ibérico como de vía estreita. Ten tamén funcións loxísticas.

Hazas de Cesto

Hazas de Cesto é un concello e localidade da comunidade autónoma de Cantabria, España, na Comarca de Trasmiera. Limita polo norte co municipio de Meruelo e Escalante, polo leste con Bárcena de Cicero e Voto, polo sur con Solórzano e polo oeste con Ribamontán al Monte.

O municipio está atravesado polo río Campiazo, a autovía A-8, a estrada nacional N-634 e a liña de FEVE Santander-Bilbao.

Liña de ferrocarril de vía estreita Ferrol-Xixón

A liña de ferrocarril de vía estreita de Ferrol a Xixón comunica ambos os dous extremos pola costa do Cantábrico e Atlántico. Foi inaugurada o 6 de setembro de 1972, aínda que algúns tramos se puxeron en servizo antes, e desde o momento da súa construción foi integrada en FEVE.

Non seus comezos ten aproveitado material da liña Ribadeo-Vilaoudriz.

Dispón de vía única, electrificado entre Xixón e Cuideiru. Dependeu de FEVE ata o 31 de decembro de 2012, cando se unificaron os operadores estatais de vía estreita e vía larga. A infraestrutura foi transferida a ADIF e a explotación dos servizos a Renfe Operadora.​

Ove, Ribadeo

San Xoán de Ove é unha parroquia do concello de Ribadeo, na provincia de Lugo. Pertence ao arciprestado de Ribadeo. Segundo o censo en 2004 tiña 439 habitantes, agrupados en 27 entidades de poboación e 9 lugares, cunha densidade media de 25,5 hab/km². Segundo o IGE, no 2014 a súa poboación descendera ata os 387 habitantes, sendo 199 homes e 188 mulleres.

As entidades de poboación son As Aceñas (4), Acevedo (4), A Capela (10), As Casas Novas (10), O Chao de Ove (13), O Covo (5), A Eirexa (31), Estación Feve (9), A Faxarda (27), Frieira a Nova (13), Frieira a Vella (11), Os Garitos (10), A Graña (12), Os Guildeiros (1), Llano (16), Os Malatos (9), A Palmeira (71), Pastoriza (18), Reme (9), O Río de Ove (9), O Río de Ramos (abandonado), O Río Pequeno (4), Santa Cruz (15), Seixadelo (2), O Valín (3), A Veigadaira (30) e Vilar (1). Os lugares (que xeralmente forman parte dalgunhas das entidades) son A Escaleira, A Estación, Grañol, Ove, A Pega, San Lázaro, As Travesas de Ove, A Vilavella e O Xardín.

Linda ao leste coas parroquias de Piñeira e Ribadeo (a cal xa absorbeu algunhas das aldeas desta parroquia no norte), Villapol (que o limita a Ría de Ribadeo de Asturias), ao sur con Vilausende (coa que fai límite a través de río Grande) e ao oeste con Covelas e A Devesa. Ten unha altitude media de 40 m. Polo seu territorio pasan diversas vías de comunicación, incluíndo a N-642, a LU-133 e a Liña de ferrocarril de vía estreita Ferrol-Xixón.

Provincia da Coruña

A Coruña é unha das catro provincias de Galicia creadas por Javier de Burgos en 1833, e ocupa a punta noroeste do país e da península Ibérica. Limita ao norte e ao oeste co océano Atlántico, ao leste coa provincia de Lugo e ao sur coa provincia de Pontevedra. A capital leva o mesmo nome, A Coruña.

Renfe Operadora

Renfe Operadora, ou simplemente Renfe, é unha entidade pública empresarial adscrita ao Ministerio de Fomento de España, e a operadora ferroviaria hexemónica de viaxeiros pola rede de Adif, onde só se internan para servizos internacionais Comboios de Portugal e SNCF. Tamén mantén unha importante presenza no tráfico mercadorías.

Tomou o nome da antiga RENFE (Red Nacional de los Ferrocarriles Españoles), empresa creada en 1941 e da que se desprendeu Renfe Operadora o 1 de xaneiro de 2005, pasando RENFE a se chamar Adif (Administrador de Infraestruturas Ferroviarias). Renfe heredou o groso do material rodante e persoal relacionado (maquinistas, interventores, ...) mentres que Adif quedou coa infraestrutura, superestutura, a maior parte dos predios e naves (agás talleres) e persoal relacionado coa circulación ferroviaria (factores, xefes de estación, persoal dos Postos de Mando e CTC, ...).

A creación de Renfe Operadora veu dada pola Lei do Sector Ferroviario, que apuntaba á separación da explotación dos servizos de transporte, da administración das infraestruturas, polo que se tiveron que conformar dúas empresas: Adif e Renfe Operadora.

Renfe Proximidades

Renfe Proximidades (en castelán: Renfe Cercanías, en valenciano: Renfe Rodalia, en éuscaro: Renfe Aldiriak) é unha división da compañía ferroviaria española Renfe Operadora, dedicada á xestión e explotación de redes de proximidades, que unen os diferentes núcleos dunha área metropolitana mediante liñas de alta capacidade e frecuencia.

Naqueles núcleos que contan con lingua cooficial, Renfe usa adaptacións da marca xeral ás devanditas linguas xunto á marca nacional. Así, o servizo recibe tamén o nome de Renfe Rodalia na Comunidade Valenciana​ e Renfe Aldiriak no País Vasco; así mesmo, ata 2010 tamén usou a marca Renfe Rodalies en Cataluña.Renfe Proximidades é a maior das dúas divisións da empresa matriz que operan este tipo de transporte, sendo a outra Renfe Feve. Fóra da liña C-9 da súa rede madrileña, Proximidades ofrece todos os seus servizos por trazados ferroviarios de ancho ibérico, á vez que todos os traxectos de Feve realízanse por redes de ancho métrico.

Senra, Ortigueira

San Xulián de Senra é unha parroquia do concello de Ortigueira. Segundo o IGE en 2013 tiña 337 habitantes (179 mulleres e 152 homes) distribuídos en 10 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 503 habitantes.

Siero

Siero é un concello do Principado de Asturias. Limita ao norte con Xixón, ao leste con Villaviciosa, Sariegu, Nava, e Bimenes, ao sur cos concellos de Langreu e Samartín del Rei Aurelio, e polo oeste con Oviedo e Llanera. A súa extensión total é de 209,32 km2, e a súa poboación actual é de 50.233 habitantes, sendo A Pola, Lugones, Urbanización a Fresneda e O Berrón os seus núcleos de poboación. Inclúe no seu territorio o concello de Noreña.

Dado o seu carácter centralizado conta cunha importante e extensa rede comunicativa, tanto por vía ferroviaria como por estrada. Así son de destacar as autoestradas A-66, que une Oviedo, Xixón e Avilés, e a A-8, a nacional N-634, ou a famosa estrada carboeira, estando en fase de terminación a autovía mineira, que enlaza as concas con Xixón e que tamén atravesará o municipio sierense. Da súa rede ferroviaria hai que dicir que Siero conta no seu territorio coas dúas liñas que operan no norte do país, é dicir a FEVE e a RENFE.

Desde o punto de vista xeolóxico a maior parte do chan de Siero é cretáceo con arenitas, pudingas e margas, aínda que tamén hai terreo aluvial nas proximidades dos ríos Nora e Noreña e terreo carbonífero na zona suroriental.

Transcantábrico

O Transcantábrico é un tren turístico de FEVE, inaugurado no ano 1983. Neste ano a empresa FEVE (Ferrocarrís de Vía Estreita) crea o primeiro tren-hotel turístico de España. A idea orixinal foi crear un tren turístico, emulando ao mítico Orient Express, que percorrese as vías de FEVE no norte de España, aproveitando a liña de ferrocarril de vía estreita Ferrol-Xixón.

Val de San Vicente

Val de San Vicente é un concello da comunidade autónoma de Cantabria, España. Limita polo norte co Mar Cantábrico, polo oeste co concello asturiano de Ribadedeva, polo sur con Herrerías e polo leste con San Vicente de la Barquera.

Val de San Vicente é o municipio máis occidental da costa cántabra e está situado na desembocadura dos ríos Deva e Nansa, que achegan as súas augas ao mar nas rías de Tina Mayor e Tina Menor respectivamente.

A súa actividade económica principal é o turismo. Tamén a industria alimentaria fíxose un oco na economía de Val de San Vicente coas corbatas como principal produto, típico da zona.

O territorio está atravesado pola Autovía do Cantábrico e pola liña de ferrocarril de FEVE Santander-Oviedo. De Unquera parte a principal estrada que comunica a comarca de Liébana coa costa e o resto de Cantabria.

Durante o Antigo Réxime este municipio pertencía como señorío aos Marqueses de Aguilar de Campoo.

Valle de Villaverde

Valle de Villaverde (oficialmente, até 2005 denominado Villaverde de Trucíos) é un concello da comunidade autónoma de Cantabria, situado na comarca de Asón-Agüera. Como enclave cántabro no País Vasco limita cos municipios biscaíños da comarca das Encartacións de Carranza, Arcentales e Trucíos.

Na parte meridional do municipio sitúase a fonte do río Agüera, cuxo val ten altitudes de máis de 400 metros. O municipio é atravesado de oeste a leste pola liña de ferrocarril FEVE Santander-Bilbao.

Sistema ferroviario galego
Empresas
Liñas
e
paradas
Servizos

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.