Feudalismo

O termo feudalismo é o sistema político, económico e social creado durante a Idade Media na Europa onde o señor proporcionaba protección aos seus vasalos a cambio de tributos e traballos nas súas terras. Os señores feudais eran nobres ou membros da Igrexa e tiñan unha relación de dependencia máis ou menos forte co rei de cada rexión. O termo foi acuñado por primeira vez polos revolucionarios franceses do século XVIII, como sinónimo das desigualdades xurídico-sociais contra as que loitaban. Así, pasou á Historia relacionado con dereito de pernada, barbarie, séculos escuros... Pero o concepto histórico (non é un sistema político, máis ben un modo de organización social), abrangue moitos máis aspectos dos que nun primeiro momento se pensan.

Les Très Riches Heures du duc de Berry mars
Representación do modo de vida no Feudalismo.

Sociedade

A estrutura social feudal na súa meirande parte estaba constituída por unha lexión de campesiños que alimentaba todo o conxunto da sociedade por medio dunha economía de carácter agrario pechada. O poder, fundamentado na propiedade da terra, estaba en mans dunha aristocracia militar que exercía o control político e outra relixiosa que se reservaba o control ideolóxico. Estaba rexido por un complexo sistema piramidal de vasalaxe, no que o rei estaba no cumio e os campesiños eran practicamente propiedade do seu señor feudal. Había cidadáns libres que só debían obediencia e vasalaxe ao rei nas cidades.

Había nobres de varios niveis, todos eles dentro da estrutura de vasalaxe. Así, o cabaleiro podía ser señor dunha aldea pertencente a un condado, sendo polo tanto vasalo do conde, que o sería á súa vez dun duque ou directamente do rei. Estes xuramentos estaban baseados na honra e na fe, até o punto de que se un nobre era excomungado polo papa, o seu señor podía despoxalo das súas pertenzas e os seus vasalos negarlle a obediencia e maila lealdade.

Cleric-Knight-Workman
Alegoría da sociedade feudal: un monxe, un cabaleiro e un campesiño, os tres estamentos.

Este sistema daba lugar a moitas guerras internas, dende rebelións até reclamacións de nobres sobre outros títulos, e creaba situacións como que o rei de Inglaterra fose vasalo do rei de Francia por posuír territorios franceses como o ducado de Normandía.

Entre o século IX e o século XII a sociedade europea vive a plenitude do feudalismo. Arraigou con máis forza nos dominios do Imperio Carolinxio, noutras rexións a súa implantación foi máis superficial: na España cristiá polo enfrontamento contra o Islam e na Italia medieval polo contacto co Imperio bizantino.

  • clero tiña como función oficial rezar. Na práctica, exercía grande poder político sobre unha sociedade bastante relixiosa, onde o concepto de separación entre a relixión e a política era descoñecido. Mantiñan a orde da sociedade evitando, por medio de persuasión e criación de xustificativas relixiosas, revoltas e contratacións campesiñas.
  • nobreza (tamén chamados señores feudais) tiña como principal función de loitar, alén de exercer un considerábel poder político sobre os demais estamentos. O rei cedíalles terras e estes xurábanlle axuda militar (relacións de suzeranía e vasalaxe).
  • Os servos da gleba constituían a maior parte da poboación campesiña: estaban presos á terra, sufriron unha forte explotación, eran obrigados a prestaren servizos á nobreza e a pagarlles diversos tributos en troco do permiso de uso da terra e de protección militar. Para recibiren dereito a morar nas terras dos seus señores, xurábanlle fidelidade e traballo. Mentres, os nobres, para obteren a posesión do feudo facían o mesmo xuramento aos reis.
  • Os vasalos ofrecen ao señor ou suzerano, fidelidade e traballo en troco de protección e un lugar no sistema de produción. As redes de vasalaxe estendíanse por varias rexións, sendo o rei o suzerano máis poderoso. 
Hommage au Moyen Age - miniature
Un vasalo axeonllado realiza a inmixtio manum durante a homenaxe ao seu señor sentado, e un escribente toma nota.
Alta Idade Media

A Alta Idade Media ou Idade Media Antiga é o período histórico que vai do ano 476 despois de Xesucristo, cando se produce a Caída do Imperio Romano ata o 1066, cando Guillerme de Normandía conquista Inglaterra e considérase que comeza a Baixa Idade Media.

Anglosaxóns

Os anglosaxóns foron un conxunto de pobos xermánicos que poboaron Gran Bretaña a partir do século V.

A partir de 430, chegaron a Britania os xermanos, en número considerábel. Falaban dialectos do xermánico occidental que deron orixe ao inglés antigo, eran politeístas e non coñecían a escritura:

Os saxóns procedían da rexión entre o río Elba e o Rin. Establecéronse na parte meridional do Támese e deron orixe aos reinos de Wessex (oeste), Essex (leste) e Sussex (sur).

Os anglos viñan da rexión entre o Elba e Xutlandia. Establecéronse ao norte de Essex (reino de Anglia Oriental), entre os ríos Humber e Firth of Forth (reinos de Bernicia e Deira que, ao unírense, formarían máis tarde o reino de Northumbria) e na zona central ao leste de Gales (reino de Mercia).

Os xutos procedían de Xutlandia. Establecéronse en Kent e na illa de Wight (reino de Kent).

Os francos e os frisios procedían do Rin.A loita foi constante cos nativos britanos celtas e entre os invasores. Non quedou en pé ningunha vila romana e só Londres conservou vida urbana. Os nativos opuxeron gran resistencia. Desta época procede a lenda do Rei Arturo, que narra as súas xestas e as dos seus cabaleiros contra a invasión.

Algúns dos britanos celtas refuxiáronse nos outeiros do oeste, Gales, o noroeste e o suroeste, e na Bretaña francesa, que tomou o seu nome deles. Tamén un grupo destes refuxiados chegou a Galicia, onde fundaron a diocese de Britonia (hoxe Bretoña) guiados por bispos como Maeloc. Xunto con escoceses e irlandeses, conservaron o cristianismo. O principal impulso ao cristianismo proveu da igrexa celta irlandesa encabezada por San Patricio. Enviou a Columba a Escocia, quen converteu aos pictos en 563 e fundou un mosteiro na illa de Iona.

En 597, o Papa Gregorio I o Grande enviou a Santo Agostiño a Kent, con corenta monxes beneditinos romanos, para converter ao rei Santo Adalberto ou Ethelberto (560-616), casado cunha raíña franca cristiá. Santo Agostiño fundou un mosteiro en Canterbury, onde foi coroado bispo en 601. Recibiu poderes para nomear bispos. Canterbury é desde entón sé oficial da Igrexa Romana en Gran Bretaña. Pouco máis tarde construíronse as catedrais de Rochester e de Londres (San Paulo).

En 633 o rei cristián Santo Oswoldo unificou Northumbria e chamou a Santo Aidan e aos monxes de Dowe para converter aos seus habitantes. Santo Aidan fundou un mosteiro na illa de Lindisfarne. O rei de Northumbria Oswy reinou de 641 a 670. Derrotou aos mercios en 655 e impúxolles o cristianismo. Os britanos celtas romperan a súa relación con Roma e evanxelizaban ás clases baixas. Oswy convocou o Sínodo de Whitby, que unificou a Igrexa baixo o primado do grecofalante Teodoro de Tarso, arcebispo de Canterbury. Teodoro fundou mosteiros e creou unha estrutura diocesana que permaneceu ata a Idade Media. A unidade eclesiástica aproximou aos distintos pobos ingleses, introduciu a cultura escrita e unha lingua común. En torno ás principais igrexas, comezou a rexurdir a vida urbana.

Offa reinou en Mercia (757-796), e chegou a dominar todos os reinos, salvo Northumbria, Wessex e as terras ao norte do Humber. Foi o primeiro que utilizou o nome de rei dos ingleses. Mercia prosperou grazas ao comercio. Acuñou a súa propia moeda, e cercou aos celtas de Gales e Cornualles coa muralla de Offa, barreira defensiva de 240 km de lonxitude.

En 789 chegaron os primeiros barcos viquingos daneses. As primeiras incursións tiveron como finalidade a pillaxe.

Ecgberht reinou en Wessex (802-839), venceu aos mercios, invadiu Kent e dominou Inglaterra, cuxo corpo político formalizou por primeira vez como Reino (827).

Entre 830-860, os viquingos realizaron moitas incursións polo esteiro do Támese, con flotas de centos de barcos. En 865 desembarcou en Anglia Oriental unha grande armada viquinga danesa, que tomou York en 867. En 869 eran donos de Northumbria e Anglia Oriental. En 870 deciden invadir Wessex, pero atopan unha organizada oposición no seu rei Etelredo I e o seu irmán Alfredo o Grande. En 871 Alfredo accede ao trono, que ocuparía ata 899. Negocia cos viquingos, que respectan o seu reino e conquistan Mercia. Pero en 878, atacan Wessex de novo. Alfredo refuxiouse nas marismas de Somerset, onde formou un exército, que venceu en Edington. Polo Tratado de Wedmore de 878, Alfredo aceptou que os viquingos daneses ocupasen gran parte de Inglaterra onde o seu rei Guthrum recibiu o bautismo e foi coroado monarca de Danelaw. Alfredo gañou así tempo para asentar as bases dunha nación unificada e formar un exército e unha armada organizados. Este modo de organización daría orixe ao feudalismo inglés. En 886, Alfredo tomou Londres. Construíu trinta cidades fortificadas con fins defensivos e comerciais. Grazas a estas disposicións, a partir de 890 os daneses apenas acosan o seu reino. Conquistou Mercia parcialmente. Nos últimos dez anos da súa vida fundou escolas, atraeu a monxes eruditos á Corte e el mesmo traduciu algunhas obras latinas ao inglés.

No Danelaw, a cultura anglosaxoa desapareceu. A lingua dos viquingos foi transformando ao antigo inglés en inglés medieval. O Danelaw constituía a zona máis próspera e poboada, grazas á actividade comercial. York converteuse nun centro de comercio internacional e Lincoln, Norwich e Londres eran tamén prósperos centros comerciais.

Un fillo de Alfredo, Eduardo o Vello, reinou en Wessex entre 899-924. Conquistou todo o Danelaw ao sur do Humber. Un neto de Alfredo, Aethelstan reinou en 924-939. En 926 capturou York e comezou a reconquista de Northumbria. En 927 venceu en Brunnanburh á alianza dos escandinavos de Dublín, e os reis de Strathclyde e Escocia. Logo, absorbeu os reinos de Mercia, East Anglia, Essex, Sussex e Kent.

Edred foi o primeiro rei dunha Inglaterra unificada en 946-955. Edgar reinou en 959-975. Fundou novos mosteiros onde se seguía estritamente a regra de San Bieito, reorganizando a cultura monástica, desmantelada polos daneses. A xerarquía eclesiástica fíxose máis culta e influente.

En 991 produciuse unha nova invasión danesa, que venceu en Maldon. O rei Ethelred (978-1016) casou coa filla do duque de Normandía en 1001 para asegurar o seu apoio. Os ataques continuaron e en 1013 o rei danés Sveyn Forkbeard invadiu Inglaterra con ánimo de permanencia. Capturou Oxford e Londres e Ethelred fuxiu a Normandía. En 1014 morreu Sveyn e os daneses de Inglaterra aceptaron como rei a Knut ou Canuto o Grande, fillo de Sveyn e irmán de Harold, o novo rei de Dinamarca. En 1016 Canuto venceu a Edmund Ironside, fillo de Ethelred, casou coa viúva deste, converteuse ao cristianismo e coroouse rei de Inglaterra (1016-1035). En 1018 Canuto convocou unha grande asemblea na que conciliou a ingleses e daneses, xurando respectar as leis e tradicións anglosaxoas. Á morte do seu irmán Harold, Canuto asumiu a coroa danesa e foi desentendéndose de Inglaterra. Conquistou Noruega e chegou a recibir homenaxe do rei de Escocia.

Trala extinción da liña de sucesión danesa en 1042, restaurouse a dinastía de Wessex na persoa de Eduardo o Confesor (1042-1066), fillo de Ethelred. Estaba xa enraizado o feudalismo. O Witan estaba formado por nobres, bispos e homes influentes, elixían ao rei e aconsellábano. Os condados eran as unidades administrativas. Cada condado dispoñía de tribunal e sheriff ou representante do rei. Existía un eficaz sistema de recadación baseado no catastro. Malia o seu voto de castidade, Eduardo contraeu matrimonio, coa filla de Godwin, conde de Wessex e Kent. Eduardo educouse en Normandía e rodeouse de conselleiros normandos. Entre eles, elixiu a Roberto de Jumieges como Arcebispo de Canterbury. Foi dispensado polo Papa do seu voto de peregrinar a Roma a cambio da construción da Abadía de Westminster; construíu nas proximidades o seu palacio e trasladou a corte desde Londres. Eduardo alcanzou, durante o seu reinado, unha gran popularidade entre o pobo que converteu a súa memoria no símbolo da Inglaterra independente.

A partir de 1050, sen descendencia de Eduardo, loitaron polo poder Godwin e os seus fillos Sveyn, Harold e Tostig, o rei Magnus de Noruega e o seu fillo Harold Hardrada e Guillerme, fillo bastardo do duque Roberto II de Normandía. Guillerme venceu na batalla de Hastings (14 de outubro de 1066) e foi coroado na abadía de Westminster o día de Nadal do mesmo ano.

Antigüidade tardía

A Antigüidade tardía é o período de transición entre a Idade Antiga e maila Idade Media; as dúas primeiras divisións da periodización tradicional do tempo histórico que se adoitan aplicar á Historia da civilización occidental. Cronoloxicamente abranguería o período que vai dende a crise do século III, que marca o comezo da descomposición da Antigüidade clásica, até a expansión musulmá e a constitución do Imperio Carolinxio (finais do século VIII), procesos que representaron o asentamento definitivo do mundo medieval.

Henri Pirenne (Mahoma e Carlomagno) pode considerarse o creador do concepto, ao pór de manifesto o esencial que para a caracterización definitivo de o medieval significaron dous grandes acontecementos: o Imperio de Carlomagno e a chegada do islam a Europa; e os procesos que carrexaron: a ruptura da unidade da conca do Mediterráneo (no económico e no ideolóxico, unha verdadeira fronteira de civilizacións) e o peche en si mesma da Europa Occidental ou Cristiandade latina (previamente separada da Cristiandade oriental do Imperio Bizantino), onde levarán á súa culminación as formas económicas, sociais, políticas e ideolóxicas do que se veu en chamar feudalismo e que víñanse desenvolvendo dende o comezo deste período, cincocentos anos antes.

Apanaxe

Unha apanaxe (do francés apanage) era unha concesión feudal subtraída do dominio real e que un rei (ou, máis amplamente, un señor feudal) daba aos seus fillos ou a outros familiares, como irmáns, especialmente aos excluídos da sucesión ao trono.

Bretwalda

Bretwalda (brytenwalda, bretenanwealda) é un termo anglosaxón, utilizado en tempos da Britania posromana e designaba un rei que detentaba unha supremacía temporal sobre os restantes.

Burguesía

Burguesía é un termo empregado en economía, política e socioloxía para describir de forma xeral unha parte da sociedade, que no seu conxunto é a posuidora da maior parte dos bens produtivos, o que a converte nunha forma importante do poder económico. A súa recente conformación de poder foi orixinada das ganancias do comercio na época feudal, pero diversificouse cando foron capaces de tomar o poder político en diversos lugares ou países.

O termo burguesía comezouse a utilizar na Idade Media para designar o conxunto de comerciantes que acumulaban riquezas provenientes dos seus negocios. Xurdiu a partir de que estes comerciantes instalábanse nas aforas das fortalezas feudais (burgos), e de aí procede bourgois (burgués, en francés). Co avance dos medios de produción, a burguesía foi desenvolvendo unha oposición de tipo político ós señores feudais, que comezaban a decaer, e cos anos desprazou do poder político o feudalismo coa Revolución francesa, dando paso a un novo sistema imperante, coñecido como capitalismo.

Capitalismo

O capitalismo é unha orde ou sistema social e económico que deriva do usufruto da propiedade privada sobre o capital como ferramenta de produción, que se atopa maiormente constituído por relacións empresariais vinculadas ás actividades de investimento e obtención de beneficios, así como de relacións laborais tanto autónomas como asalariadas subordinadas a fins mercantis. Máis especificamente o capitalismo é un sistema económico dominado polo capital e non polo traballo.

O termo foi introducido pola economía marxista para referirse ós sistemas económicos modernos nos que os medios de produción pertencían ó capital, mentres os traballadores foran "expropiados" deles e non tiñan a súa propiedade. O sistema capitalista, segundo o marxismo, baséase na apropiación da plusvalía xerada polos traballadores por parte dos capitalistas, grazas precisamente ó seu control dos medios de produción. A plusvalía, na terminoloxía marxista, non debe ser confundida co beneficio. A plusvalía é o valor producido polos traballadores e que non se aplica á reprodución do sistema económica, isto é, a manter activos ós traballadores, a manter os procesos produtivos en marcha e a garantir a súa mellora no tempo. A plusvalía pertence ó traballador porque a "creou" co seu traballo. Porén, no capitalismo pasa ás mans dos empresarios.

Cartelle

Cartelle é un concello da provincia de Ourense, pertencente á Comarca da Terra de Celanova. Segundo o padrón municipal en 2014 tiña 2.944 habitantes (3.641 en 2003).

Estado

O Estado é un concepto político que se refire a unha forma de organización social soberana e coercitiva, formada por un conxunto de institucións involuntarias, que teñen o poder de regulamentar a vida nun territorio determinado.

Honra

A honra é un concepto con diversas valencias, segundo se tome nunha acepción subxectiva (o que un sente como a súa propia honra) ou na súa acepción social, como elemento que entra en xogo nas relacións sociais en moitas civilizacións.

Implica a aceptación persoal e a construción no imaxinario social, e mesmo na superestructura xurídica, dunha calidade moral vinculada ao deber, á virtude, ao mérito, ao heroísmo; que transcende ao ámbito familiar, da descendencia (o sangue e a caste) e da conduta sexual (especialmente á das mulleres dependentes); que se reflicte na opinión, a fama ou a gloria e en diferentes cerimonias de recoñecemento público; e que produce recompensas materiais ou dignidades, como cargos, empregos, rendas, patrimonios, herdanzas etc. Especificamente cumpriu esa función durante un gran período da historia da civilización occidental, con conceptos precedentes na Antigüidade clásica grecorromana e nos pobos xermánicos, chegando a unha alta codificación desde a conformación do feudalismo de Europa Occidental na Idade Media. Continuou operante nas sociedades de Antigo Réxime (a Idade Moderna en Francia, España etc.) mentres a nobreza seguiu sendo clase dominante na sociedade estamental. O concepto perviviu en formacións sociais históricas que se converten en sociedades de clase ou burguesas (Inglaterra) durante a Idade Contemporánea; pero a súa función é xa outra, esaxerando os seus extremos máis románticos (por exemplo, o duelo, que ten a súa idade de ouro no século XIX).

Xa no período histórico do Antigo Réxime, a honra observada até o extremo levaba até o ridículo (como exemplifica Cervantes en Don Quixote), mentres outros o tomaban completamente en serio aínda que puxesen en cuestión os seus límites, expondo a crítica o concepto socialmente aceptado que as elites intelectuais ven como unha rémora a refugar (dramas de honra de Pedro Calderón de la Barca e Guillén de Castro).

Na actualidade, o dereito á honra, asociado a outros dereitos, como os relativos á propia imaxe e á intimidade persoal e familiar (incluíndo o dereito á protección de datos), e sobre todo ao concepto de dignidade humana, é obxecto de protección xurídica tanto nas distintas lexislacións nacionais como na Declaración Universal dos Dereitos Humanos.

Idade Media

A Idade Media foi un período histórico da civilización occidental comprendido entre o século V e o século XV. Normalmente considérase a súa extensión entre a fin do Imperio Romano do Occidente, no século V (476 d.C.), e o descubrimento de América, no século XV (1492 d.C.), ou en 1453 coa caída do Imperio Bizantino, data que coincide coa invención da imprenta (Biblia de Gutenberg) e coa fin da guerra dos Cen Anos. O adxectivo relacionado con este período é medieval (ver, por exemplo, literatura medieval, arte medieval, arquitectura medieval ou ciencia medieval). Certas sociedades non occidentais, como o Xapón, atravesaron períodos históricos "de transición" que se denominan tamén como Idade Media.

A 2015, os historiadores do período prefiren matizar esta ruptura entre Antigüidade e Idade Media de maneira que entre os séculos III e VIII adóitase falar de Antigüidade Tardía, que fora unha gran etapa de transición en todos os ámbitos: no económico, para a substitución do modo de produción escravista polo modo de produción feudal; no social, para a desaparición do concepto de cidadanía romana e a definición dos estamentos medievais, no político para a descomposición das estruturas centralizadas do Imperio romano que deu paso a unha dispersión do poder; e no ideolóxico e cultural para a absorción e substitución da cultura clásica polas teocéntricas culturas cristiá e islámica (en cadanseus espazos).Adoitase dividir en dous grandes períodos: Temperá ou Alta Idade Media (do século V ao X, sen unha clara diferenciación coa Antigüidade Tardía); e Baixa Idade Media (do século XI ao XV), que á súa vez pode dividirse nun período de plenitude, a Plena Idade Media (do século XI ao XIII), e os dous últimos séculos, ou Idade Media Tardía, que presenciaron a Crise da Idade Media ou do século XIV.

Se ben hai algúns exemplos de utilización previa, o concepto de Idade Media naceu como a segunda idade da división tradicional do tempo histórico debida a Cristóbal Cellarius (Historia Medii Aevi a temporibus Constantini Magni ad Constaninopolim a Turcis captam deducta, Jena, 1688), quen a consideraba un tempo intermedio, sen apenas valor por si mesmo, entre a Idade Antiga identificada coa arte e a cultura da civilización grecorromana da Antigüidade clásica e a renovación cultural da Idade Moderna —na que el se sitúa— que comenza co Renacemento e o Humanismo. A popularización deste esquema perpetuou un preconcepto erróneo: o de considerar á Idade Media coma unha época escura, sumida no retroceso intelectual e cultural, e un aletargamento social e económico secular (que á súa vez se asocia co feudalismo nos seus trazos máis escurantistas, tal como se definiu polos revolucionarios que combateron o Antigo Réxime). Sería un período dominado polo illamiento, a ignorancia, a teocracia, a superstición e o medo milenarista alimentado pola inseguridade endémica, a violencia e a brutalidade de guerras e invasións constantes e epidemias apocalípticas.Porén, neste longo período de mil anos houbo todo tipo de feitos e procesos moi diferentes entre si, diferenciados temporal e xeograficamente, respondendo tanto a influencias mutuas con outras civilizacións e espazos como a dinámicas internas. Moitos deles tiveron unha gran proxección cara ao futuro, entre outros os que sentaron as bases do desenvolvemento da posterior expansión europea, e dos axentes sociais que produciron unha sociedade estamental de base predominantemente rural pero que presenciou o nacemento dunha incipiente vida urbana e unha burguesía que co tempo levarán ao capitalismo. Lonxe de ser unha época inmobilista, a Idade Media, que comezara con migracións de pobos enteiros, e continara con grandes procesos repoboadores (como o derivado da Reconquista na Península Ibérica, ou o Ostsiedlung en Europa Central e Oriental) viu como nos seus últimos séculos os antigos camiños (moitos deles vías romanas decaídas) se reparaban e modernizaban con airosas pontes, e se enchían de toda clase de viaxeiros (guerreiros, peregrinos, mercadores, estudantes, goliardos, etc.), encarnando a metáfora espiritual da vida coma unha viaxe (homo viator).Tamén xurdiron na Idade Media novas formas políticas, que van desde o califato islámico aos poderes universais da cristiandade latina (Pontificado e Imperio), ou o Imperio bizantino e os reinos eslavos integrados na cristiandade oriental (aculturación e evanxelización de Cirilo e Metodio); e, en menor escala, todo tipo de cidades estado, desde as pequeñas cidades episcopais alemás ata repúblicas que mantiveron imperios marítimos como Venecia; deixando na metade da escala á que tivo maior proxección futura: as monarquías feudais, que transformadas en monarquías autoritarias prefiguran o estado moderno.

Mosteiro

Mosteiro, palabra que procede do grego monos (só), designa un grupo de construcións de residencia e práctica relixiosa de monxes ou monxas.

Peste negra

A peste negra foi unha epidemia concreta de peste que chegou a Europa, a China, o Medio Oriente e outras rexións do Mundo durante o século XIV (1347-1350), matando un terzo da poboación da Europa e proporcións probabelmente semellantes noutras rexións.

A peste non só decimou a poboación senón que destruíu a brillante civilización europea da baixa Idade Media, da construción das catedrais e do Feudalismo e Mercantilismo, que foi substituída pola bastante diferente civilización dos Descubrimentos e do Renacemento, logo que a poboación volveu medrar.

Durante o período de revolución que causou, cuestionáronse institucións como a Igrexa católica, prosperaron novas formas de relixión místicas e de pensar e minorías inocentes como os leprosos e os xudeus foron perseguidas e acusadas de seren a causa da peste.

Reconquista

En Vigo celébrase con nome de Reconquista de Vigo unha sublevación popular que se encadra na Guerra da Independencia española.

A Reconquista é o nome co que se coñece tradicionalmente ao proceso histórico por medio do cal os reinos cristiáns do norte da Península Ibérica van conquistar progresivamente o al-Ándalus. Considérase que comeza no 722 coa resistencia das sociedades montañesas ó avance dos musulmáns coa Batalla de Covadonga e vai finalizar no 1492 coa conquista do Reino de Granada.

Segundo a historiografía recente o termo reconquista é historicamente inexacto e inapropiado, dado que os reinos cristiáns que van conquistar o territorio andalusí constituíronse como sociedades despois da ocupación islámica da península, a pesar dos esforzos dalgúns monarcas peninsulares para presentarse como herdeiros directos do antigo reino visigodo de Toledo. Ademais, segundo esta interpretación actual, reconquista é un concepto parcial, xa que só presenta a visión cristiá deste complexo proceso histórico, obviando o punto de vista dos andalusís. Por tanto tense suxerido como denominacións alternativas Conquista cristiá, Conquista feudal de al-Ándalus, ou directamente Colonización feudal da Península Ibérica, entre outros nomes.

Fai falla ter presente tamén que a colonización de al-Ándalus non é un feito exclusivo hispánico, xa que se explica nun contexto europeo caracterizado pola expansión da sociedade feudal dende o núcleo orixinal do Feudalismo, ó centre de Europa occidental, cara a periferia, sendo así un proceso histórico que responde ós mesmos parámetros que outros procesos contemporáneos como a conquista e colonización inglesa de Irlanda, a expansión alemá ó leste do río Elba (proceso coñecido co termo ideolóxico de Drang nach Osten ou “Marcha ó leste”), e a expansión franca a Terra Santa mediante as Cruzadas e a creación do Reino de Xerusalén, entre outros.

Reino de Francia

O Reino de Francia é un período da historia moderna de Francia que abrangue desde o século XV ó XVIII, co estalido da Revolución Francesa e a instauración do Reino dos Franceses. Durante este período Francia evolucionou do feudalismo a un réxime moi centralizado na figura do rei, que se baseaba na Divindade Real e no apoio da Igrexa Católica.

Revolución Francesa

A Revolución Francesa de 1789 xurdiu a consecuencia das ideas da Ilustración e en contra do Antigo Réxime e o poder do clero e da nobreza no Reino de Francia. A Revolución Americana serviría de exemplo aos ideais de liberdade e igualdade.

A revolución dá inicio á era moderna na Francia. Acabou co feudalismo en Francia e proclama os principios de "Liberdade, Igualdade e Fraternidade" (Liberté, Egalité, Fraternité). Acabou tamén cos privilexios da nobreza e de castas e comezaron a imperar os ideais igualitarios.

Señorío

O señorío foi unha institución propia das Idades Media e Moderna nos reinos cristiáns da península Ibérica en certo modo similar ao feudo do Imperio carolinxio.

Tratábase dunha dación hereditaria de terras e vasalos, incluída a xurisdición, que facía un monarca a favor de nobres ou clérigos como pagamento por servizos prestados ou recompensa a méritos adquiridos, pero pola súa mera vontade (mercede).

Xurdiu nos reinos cristiáns do norte peninsular estendéndose, coa Reconquista ao resto do territorio, confirmándose e incrementándose (refeudalización) coa Monarquía hispánica posterior.

A súa pervivencia no tempo (até o século XIX) e o seu carácter de base económica da posición social da nobreza, sobre todo tras perder esta o seu poder político ante a monarquía absoluta, situaron aos señoríos no eixe que articulaba os sistemas social, económico e político, polo que pode considerarse que formaban parte fundamental do réxime señorial que caracterizou ao Antigo Réxime en España.

Os señoríos foron abolidos pola Constitución de 1812.

Suzeranía

A suzeranía[Cómpre referencia] era unha situación na cal unha rexión ou un pobo daba tributo a unha entidade máis poderosa que permitía ao tributario unha autonomía doméstica limitada para manexar relacións internacionais. A entidade máis poderosa na relación de suzeranía, ou a cabeza de estado desta entidade máis poderosa chámase suzerán.

Terceiro Estado

O Terceiro Estado é un dos tres estamentos básicos da sociedade propia do Feudalismo e o Antigo Réxime. Componse da poboación carente dos privilexios que gozaban o Clero e a Nobreza, xa que logo pode ser tamén considerado equivalente ao grupo de non privilexiados ou de peiteiros (os que, particularmente en Castela, están suxeitos ao pago de impostos). Tamén pode denominarse como pobo, plebe (por similitude á división da sociedade romana en patricios e plebeos), ou común.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.