Festa da filloa de Valongo

A festa da filloa de Valongo é unha festa gastronómica que ten lugar en Valongo (Cerdedo-Cotobade) para exaltar a filloa. Celébrase desde 1979 o primeiro sábado de setembro, a véspera da romaría da Nosa Señora do Libramento.

Coordenadas: 42°26′11″N 08°27′31″O / 42.43639, -8.45861

Filloas
Filloas presentadas como produto gastronómico galego xunto con algúns dos ingredientes.

Características

A festa comeza o venres cunha churrascada. O sábado ten lugar o concurso degustación, con filloas preparadas en tixola ou á pedra. Os doces, elaborados con fariña, leite, ovos e sal, adoitan ir recheos de produtos como chocolate fundido, mel, crema pasteleira, marmelada ou nata.

A celebración comezou en 1979 da man de Amadeo Redondo Fraguas, e posteriormente potenciada por amigos seus entre os que destaca Manuel Antas Fraga, un veciño da parroquia emigrado a Salvador de Bahia (Brasil). A festa acompáñase de actos relixiosos e dunha verbena, na que actuaron orquestras como a Sintonía, ou Los Satélites e artistas como Georgie Dann, Conchita Bautista ou Fuxan os Ventos.

Véxase tamén

Ligazóns externas

Festa gastronómica

Unha festa gastronómica é un evento celebrado co gallo de exaltar un determinado produto ou grupo de produtos alimenticios. Algunhas delas están declaradas Festas de interese turístico de Galicia ou de Interese turístico nacional.

As festas gastronómicas foron fomentadas co réxime franquista tras pasaren os efectos de racionamento da guerra civil española, e mesmo se declararon algunhas de interese turístico nacional (a festa do pemento da Arnoia ou a festa do polbo do Carballiño). A Xunta de Galicia seguiu con esta política e popularizáronse festas coma a festa do cocido de Lalín.

Filloa

A filloa é un produto gastronómico típico da sobremesa en Galicia coñecido tamén nalgunhas zonas como freixó ou marrucho .

É prato propio do entroido ou ben da época da mata do porco (San Martiño). Aquí a tradición acentúase na zona norte da provincia de Lugo e nalgunhas zonas da provincia de Ourense, pero polo xeral (no entroido) faise en moitas zonas de Galicia.

Valongo, Cerdedo-Cotobade

Santo André de Valongo é unha parroquia que se localiza no sur do concello de Cerdedo-Cotobade. Segundo o IGE en 2010 tiña 131 habitantes (58 homes e 73 mulleres), distribuídos en 11 entidades de poboación, o que supón unha diminución respecto do ano 1999 cando tiña 159 habitantes. A parroquia inclúe os terreos da desaparecida parroquia de San Lourenzo da Escuadra.

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.