Ferro fundido

Chámase ferro fundido a unha aliaxe de Ferro e Carbono con contido deste superior ao 2%.

Este límite indica que esta aliaxe non se pode forxar e polo tanto non se considera un aceiro. O uso fundamental do ferro fundido é a produción de pezas de forma complexa e que non van ser sometidas a grandes esforzos (radiadores, cociñas, pezas ornamentais..).

Phase diag iron carbon
Diagrama metaestábel Ferro-Cementita
Bañeira

Unha bañeira é unha peza fixa de fontanaría utilizada para bañarse. A maior parte das bañeiras modernas están feitas de fibra de vidro ou acrílica, aínda que tamén as hai feitas de porcelana, louza, aceiro, ferro fundido e mesmo de madeira (tradicionalmente no Xapón). A bañeira atópase normalmente no cuarto de baño, xa sexa como unha peza autónoma ou en conxunción cunha cabina de ducha.

Tradicionalmente, a maioría das bañeiras eran aproximadamente rectangulares, aínda que coa chegada das bañeiras acrílicas, existen máis formas posíbeis. Case sempre son brancas, aínda que tamén as hai noutras cores. As bañeiras modernas contan cunha talla e poden ter ou non billas montadas sobre elas. Ademais, poden ser encaixadas, libres ou mergulladas sobre un habitáculo deseñado para tal efecto.

Bigornia

Unha bigornia é unha peza de ferro ou aceiro alongada sobre a que se machuca outro obxecto. A súa utilidade está determinada polo seu tamaño, xa que canto máis inerte sexa a bigornia, máis eficientemenre será transmitida a enerxía da ferramenta golpeadora á peza de traballo. En moitos casos, a bigornia é empregada como unha ferramenta de forxa. Antes do descubrimento da tecnoloxía moderna de soldadura, foi un instrumento fundamental para os ferreiros.A meirande parte das bigornias modernas están feitas de aceiro, de ferro fundido ou dunha mestura de ferro e aceiro. Debido a que o uso das bigornias é moi antigo e foron outrora moi cotiás, teñen hoxe en día un significado simbólico por riba do seu uso como obxectos útiles.

Cabeza do motor

Nun motor de combustión interna Cabeza do motor é a tampa de fechamento da parte superior do bloque de cilindros, é a parte superior da cámara de combustión e onde se localizan as buxías ou inxectores e as válvulas de admisión e exhaustión.

Alén de facilitar a manutención do motor, a cabeza do motor é a chave para o bo desempeño, por determinar o formato da cámara de combustión, a pasaxe dos gases de admisión e exhaustión, o funcionamento das válvulas e seu comando.

Usualmente é manufacturada no mesmo material do restante do bloque, ferro fundido ou, en motores de alto desempeño, aliaxes de aluminio.

Carronada

A carronada é unha peza curta de artillería naval de ferro fundido, deseñada inicialmente para as forzas terrestres en 1774 polo xeneral Robert Melvillee perfeccionadas máis tarde pola Carron Company.

Cedeira, Cedeira

Santa María do Mar de Cedeira é unha parroquia que se localiza no concello de Cedeira, na comarca de Ferrol. Segundo o padrón municipal de 2007 tiña 4824 habitantes (2408 mulleres e 2416 homes), distribuídos en 14 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 2007 cando tiña 4998 habitantes.

Na xurisdición eclesiástica forma parte do arciprestado de Xuvia, pertencente á diocese de Mondoñedo-Ferrol.

Cilindro (motor)

O cilindro dun motor é o lugar por onde se despraza un pistón. O seu nome provén da forma que posúe, aproximadamente cilíndrica.

Ferralla

A ferralla é o conxunto de refugallos de ferro, ferro fundido ou de aceiro, e xunto coa mena de ferro, son as dúas materias primas máis importantes da siderurxia. Este refugallos poden ser identificados de xeito doado e, polo tanto, poden ser recuperados e reciclados.

A ferralla de ferro é imprescindible para fabriación de aceiro. A gusa de ferro, extraída da mena que sae dun alto forno pasan nunha segunda fase a un convertedor onde son mesturados cun 20 a 40% de ferralla. No caso dos fornos eléctricos esta porcentaxe pode atinxir até o 100%. Ademais das empreses especializadas, segundo o Gremio de Recuperación de Cataluña, en 2015 unhas 53 500 persoas recollen ferralla nas rúas dos concellos cataláns. Este número medrou nos últimos anos e por mor dos escasos ingresos, o traballo precarizouse aínda máis.Un caso especial forma a "ferralla espacial": carcasas e outros obxectos perdidos na órbita terrestre que causan un problema para as axencias espaciais. En 2015, estaban inventariadas até vinte mil pezas, que van da medida dunha mazá á dun autobús.

Ferro

O ferro (do latín ferrum) é un elemento químico, símbolo Fe, de número atómico 26 (26 protóns e 26 electróns ) e masa atómica 56 u. A temperatura ambiente, o ferro atópase en estado sólido.

É extraído da natureza baixo a forma de mineral de ferro que, despois de distintos procesos de transformación, é usado na forma de lingotes. Se se engade carbono dáse orixe a varias formas de aceiro.

Este metal de transición atópase no grupo 8B da Clasificación Periódica dos Elementos. É o cuarto elemento máis abundante da codia terrestre (aproximadamente 5%) e, entre os metais, soamente o aluminio é máis abundante. Tamén é un dos elementos máis abundantes do Universo. O núcleo da Terra está formado principalmente por ferro e níquel (NiFe), xerando un campo magnético.O ferro foi historicamente importante, e un período da historia recibiu o nome de Idade de Ferro.

Actualmente é utilizado para a fabricación de ferramentas, máquinas, vehículos de transporte (automóbeis, navios etc.), como elemento estrutural de pontes, edificios, e infinidade doutras aplicacións.

Fontanaría

A fontanaría é a actividade relacionada coa instalación e mantemento de redes de tubaxes para o abastecemento de auga potable e evacuación de augas residuais, así como as instalacións de calefacción en edificacións e outras construcións.

Gusa

A gusa é un produto intermedio na produción de aliaxes férricas. Obtense do alto forno

onde se produce a redución do mineral de ferro fundido con carbón. Non ten aplicacións tecnolóxicas e toda a produción é dedicada á transformación en aceiro ou en ferro fundido.

Tradicionalmente a gusa colábase en lingotes e de aí ía ao forno de produción de aceiro, hoxe este proceso é antieconómico e a gusa fundida lévase normalmente nese estado até un convertedor.

Henri Moissan

Henri Moissan, nado o 28 de setembro de 1852 en París e finado o 20 de febreiro de 1907 tamén en París, foi un químico e profesor universitario de Francia, premio Nobel de Química en 1906.

Idade de Ferro

A Idade de Ferro é a época final do sistema de tres idades, precedida polas Idades de Pedra (Neolítico) e de Bronce. É unha era arqueolóxica na Prehistoria e na Protohistoria de Europa e do Oriente Próximo, e por analoxía tamén é usado para noutras partes do Vello Mundo. O sistema de tres idades foi introducido na primeira metade do século XIX para arqueoloxía europea en particular, pero na segunda metade dese século estendeuse tamén á arqueoloxía de Oriente Próximo. Como suxire o seu nome, é o período en que se desenvolveu a produción de ferramentas e armas mediante a metalurxia do ferro. O ferro é superior ao bronce en relación á dureza e abundancia de xacementos.

A duración da Idade de Ferro varía dependendo da rexión en cuestión. Está definida pola convención arqueolóxica, e a mera presenza de ferro fundido ou ferro forxado non é abondo para representar unha cultura da Idade de Ferro; máis ben, o termo implica que a produción de aceiro ao carbono estaba tan perfeccionada que era posible a produción masiva de ferramentas e armas superiores ás equivalentes en bronce. No antigo Oriente Próximo, esta transición prodúcese no chamado colapso da Idade de Bronce, no século -XII. A tecnoloxía espallouse axiña pola rexión do Mediterráneo e o sur de Asia. Tamén o fixo de xeito máis serodio en Asia central, o leste e centro de Europa, e aínda máis tarde na rexión do norte de Europa, arredor do ano -500.

A Idade de Ferro remata, segundo as convecións, co comezo do rexistro historiográfico. Isto non adoita representar unha diferenza clara no rexistro arqueolóxico. No antigo Oriente Medio remata co estabelecemento do Imperio Aqueménida no -550, (considerado histórico en virtude do rexistro de Heródoto) en Europa central e occidental remata coa conquista romana no século -I. A Idade de Ferro Xermánica de Escandinavia remata arredor do ano 800, co comezo da Era viquinga.

Lluís Muncunill i Parellada

Lluís Muncunill i Parellada, nado en Fonollosa (bisbarra do Bages) o 25 de febreiro de 1868, e finado en Terrassa o 25 de abril de 1931, foi un arquitecto modernista catalán. Desenvolveu a súa actividade principal en Terrassa, onde é un referente na aplicación do estilo modernista na arquitectura industrial. Entre 1892 e 1903 foi arquitecto municipal da cidade, sendo o máis prolífico que tivo Terrassa. A variedade construtiva permitiulle configurar a imaxe urbana da Terrassa modernista, recorrendo ó emprego de cubertas con bóveda catalá, ligadas con tirantes de ferro e termadas sobre piares de ferro fundido.

Ola (cociña)

As olas ou potas son unha familia de utensilios culinarios habituais en calquera cociña. Son xeralmente de forma cilíndrica ou subesférica e normalmente teñen unha tapa -tamén chamada testo- e unha ou dúas asas, ou ben un cabo. Algúns deses utensilios son revestidos internamente de teflón, material antiadherente e que soporta altas temperaturas.

Piano

Un piano é un instrumento musical composto dunha serie de cordas metálicas de diferente lonxitude e diámetro, ordenadas de maior a menor no interior dunha caixa sonora. Estas cordas son percutidas por pequenos mazos impulsados por un teclado, producindo sons claros e vibrantes.

Atendendo á súa forma e dimensión denomínanse verticais, de cola e media cola, ou de mesa. O piano apareceu en Italia a principios do século XVIII, volvendo a poñer en función os pequenos mazos ou martelos dos antigos clavicordios que o clavicémbalo, beliscando con pugas, desterrara. A innovación deste instrumento de corda percutida consistiu na posibilidade de matiza-la intensidade das notas e da-los “pianos” doces e de baixa forza, e os “fortes”, e por iso foi chamado pianoforte.

Proceso de Bessemer

O proceso de Bessemer foi o primeiro proceso industrial de baixo custo para a produción en masa de aceiro a partir de ferro gusa fundido. O proceso foi nomeado en homenaxe ao seu inventor, Henry Bessemer, que rexistrou unha patente do mesmo en 1855. O proceso é un adianto dunha práctica coñecida na China desde 200 d.C. O principio dese proceso é a remoción de impurezas do ferro pola oxidación con ar soprado a través do ferro fundido. A oxidación inclusive aumenta a temperatura da masa de ferro e a mantén en estado fundido.

Río Severn

O río Severn (do inglés: River Severn, en galés: Afon Hafren, en latín: Sabrina) é o río máis longo de Gran Bretaña con 354 quilómetros de lonxitude.

O río nace a 610 msnm no monte galesa de Plynlimon, no condado de Ceredigion. Corre por catro pobos do condado Powys: Llanidloes, Caersws, Newtown e Welshpool antes de entrar en Inglaterra. Brevemente, o Severn é a fronteira entre Gales e o condado inglés de Shropshire.

Atravesa a capital de Shropshire, Shrewsbury, e logo a vila de Telford, onde se atopa a primeira ponte de ferro fundido, o Ironbridge. Máis ao sur o Severn pasa por Bridgnorth antes de entrar no condado de Worcestershire. No norte de Worcestershire a vila de Stourport on Severn leva o seu nome. Tras Stourport o río pasa pola capital do condado, Worcester e dá o seu nome á pequena localidade de Upton on Severn. Cando entra no condado de Gloucestershire, pasa a carón de Tewkesbury, e despois pola capital condal Gloucester. O Severn desemboca na canle de Bristol a través do seu estuario no suroeste de Inglaterra. O quinto río máis longo do Reino Unido, o río Wye, desauga á dereita da boca d estuario do Severn, así como tamén o río Usk e, pola ribeira esquerda, faino o río Avon (Avon de Bristol).

O seu principal afluente é o río Avon, o décimo cuarto río máis longo do Reino Unido.

Tren

No transporte ferroviario, un tren ( pronunciación ) consta dun ou varios vehículos (vagóns), ligados entre si e capaces de se mover sobre unha liña ferroviaria, para transportar persoas ou carga, segundo unha ruta previamente planeada. A liña normalmente está constituída polos convencionais carrís dobres, por monoraíl, ou incluso por levitación magnética. O tren pode ser puxado por unha locomotora ou por unha unidade autoalimentada.

O tren, puxado pola máquina a vapor tivo unha importancia enorme nos últimos douscentos anos. Foi sen dúbida o elemento máis importante da Revolución Industrial, permitindo o transporte das materias primas para as fábricas rápida e eficazmente e levando os produtos acabados a persoas e rexións distantes. Foi importantísima a súa contribución nas Primeira e Segunda Guerras Mundiais, levando rapidamente homes e armas onde estes máis falla facían.

Os trens enlazaron poboacións, rexións, países e continentes que ata entón estaban completamente illados ou onde podería demorar semanas ou meses para ter unha simple comunicación entre si; na agricultura, os produtos que corrían o risco de ficar nas rexións onde se producían, puideron comezar a ser despachados a grandes distancias, habendo moito menor risco da súa degradación, fomentando así o aumento das producións.

Arredor das estacións ferroviarias, naceron e creceron vilas e cidades; a construción das liñas ferroviarias empregou moitos millares de persoas, de cidades, rexións e ata de países diferentes, contribuíndo así a aproximar diferentes pobos e culturas.

Wok

O wok [en chinés tradicional, 鑊; chinés simplificado: 镬; hanyu pinyin: guò (en mandarín), wok (en cantonés)] é unha especie de tixola empregada no Extremo Oriente e no Sueste asiático.

O carácter chinés 鑊 é idéntico a 鍋 de acordo coas pescudas lingüísticas realizadas. Trátase dunha especie de tixola redonda e é característica por ser cóncava no fondo, o tamaño medio acostuma ser de 30 cm ou máis de diámetro. Adoita estar feita de aceiro, ferro fundido e incluso se atopan exemplares de aluminio.

Aliaxes de ferro
Aliaxes
Tipos de aceiro
Outros materiais a base de ferro

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.