Fernando VII

Fernando VII de España, alcumado o "desexado" e tamén "o felón"[1] nado en San Lorenzo de El Escorial o 14 de outubro de 1784[2] e finado en Madrid o 29 de setembro de 1833, foi rei de España, fillo de Carlos IV e de María Luísa de Parma.

O seu reinado, como sucedeu en boa parte de Europa, estivo marcado pola tensión entre o absolutismo herdado e defendido por el e as novas ideas liberais. De feito herdou un país dividido pola guerra da independencia e o fin do seu reinado deu paso a unha guerra civil, as chamadas guerras carlistas.

En política exterior, o seu reinado caracterizouse polo inicio do proceso descolonizador en América latina, que rematará a finais do século XIX.

Fernando VII
Rei de España
Fernando VII - Vicente López

Nacemento14 de outubro de 1784
San Lourenzo do Escorial
Falecemento29 de setembro de 1833 (48 anos)
Madrid
PredecesorCarlos IV de España
SucesorXosé I (non recoñecido polas Cortes), despois Isabel II
DescendenciaIsabel II e María Luísa Fernanda de Borbón
Casa realCasa de Borbón
ProxenitoresCArlos IV
María Luísa de Parma

Escudo de Fernando VII
Firma de Fernando VII

Primeiros anos

La familia de Carlos IV
A familia de Carlos IV, de Goya, á esquerda, con casaca azul, Fernando VII, detrás, o seu irmán e futuro rival, Carlos

Fernando de Borbón naceu aínda en vida do seu avó Carlos III. Foi o noveno dos catorce fillos do príncipe Carlos, futuro Carlos IV, e María Luísa de Parma. Dos seus trece irmáns, oito morreron antes de 1800, cousa bastante normal na época. Trala subida ao trono de seu pai en 1788, Fernando foi proclamado como Príncipe de Asturias polas Cortes nun acto celebrado no Mosteiro de San Xerónimo de Madrid o 23 de setembro de 1789.[3]

Durante a etapa da súa formación destaca, pola influencia posterior no seu reinado, o cóengo Escoiquiz, principal artífice da Conspiración de El Escorial, foi durante varios anos o seu preceptor, e quen lle meteu a desconfianza e un feroz odio a seus pais e a Godoy por manipulalos ao seu capricho[4].

En outubro de 1802 casou coa súa prima María Antonia de Nápoles, que chorou de desesperación a primeira vez que o veu, debido ao seu "horrible aspecto". Co tempo, a súa esposa colleulle cariño, pero a princesa faleceu en 1806[5] sen deixar descendencia.

Chegada ao trono

Motín de Aranjuez

Artigo principal: Motín de Aranjuez.

Debido ao aborrecemento que sentía por eles, dende moi pequeno Fernando xa conspirara contra os seus pais e contra Godoy. En torno ao Príncipe de Asturias vaise formando un núcleo opositor formado por membros da alta nobreza que, temerosos do poder que tiña, perseguían que Godoy non chegase ao trono como se viña supoñendo, por iso en 1807 levouse a cabo a primeira conspiración. Por causa dun descuido, esta conspiración foi descuberta polo que Fernando foi xulgado no denominado Proceso de El Escorial. O príncipe, nun xesto propio do seu carácter e reinado, denunciou a todos os implicados e pediu desculpas aos seus pais, máis tarde o tribunal absolveu a todos os implicados.

En marzo de 1808, coa presenza de tropas francesas no territorio español, a corte real trasladouse a Aranjuez, como parte dun plan de Godoy para trasladar a familia real a América. O día 17 dese mesmo mes, o pobo ataca o pazo do Príncipe da Paz. Aínda que Carlos IV salvou a vida do seu favorito, tivo que abdicar en Fernando o 18 de marzo, estes feitos son coñecidos como "Motín de Aranjuez".

Tras este motín, Fernando volveu á Corte, onde foi aclamado polo pobo de Madrid. Porén, as tropas francesas xa ocuparan Madrid o día anterior (23 de marzo). O destronado rei Carlos e a súa dona pasaron a estar baixo protección de Napoleón. Este invitou a Fernando a reunirse con el, ao que accedeu con esperanza de que o emperador o apoiase como rei de España. Nun principio a reunión ía ser en España, pero logo pasou a celebrarse en Baiona. Chegaron a Baiona o 30 de abril, mentres que en Madrid o pobo comezaba a loitar contra os franceses. Os fitos do 2 de maio de 1808 marcan o inicio da Guerra da Independencia española.

Abdicacións de Baiona

Durante a reunión en Baiona, Carlos IV afirma que a renuncia ao trono producida tras o "Motín de Aranjuez" era nula, polo que pedía que lle foran devoltos os seus dereitos como rei, pero logo cédellos a Napoleón a cambio de asilo político en Francia así como unha pensión de 30 millóns de reais anuais. Cando chegaron a Baiona as noticias de que Madrid se levantara en contra dos franceses, Napoleón ordenou a Fernando que recoñecese ao seu pai como lexítimo, a cambio dun castelo e 4 millóns de reais de pensión anual, aceptou. A coroa de España recaeu en Napoleón, o cal lla deu ao seu irmán Xosé Bonaparte que reinaría como Xosé I. Este complicado traspase da coroa española coñécese como "Abdicacións de Baiona".

Estas abdicacións no son soamente un cambio político de dinastía, senón que Napoleón proclama que España encóntrase fronte a un cambio de réxime, cos beneficios dunha constitución sen necesidade dunha revolución. Napoleón convocou unha reunión de notables españois en Baiona (supuxo un fracaso para Napoleón posto que soamente acudiron á cita 75 dos 150 notables), esta reunión coñeceríase máis tarde como "La Junta española de Bayona", nas nove sesións desta xunta debateuse o proxecto de Napoleón para unha nova constitución española que se aprobou en xullo de 1808 denominada Constitución de Baiona ou Estatuto de Baiona.

Mentres, Fernado viu como Napoleón non cumpría a súa parte e internou a Fernando co seu irmán Carlos e o seu tío Antonio no castelo de Valençay. Fernando permanecería alí até o final da Guerra da Independencia[6].

Non obstante, a condición de prisioneiro de Napoleón creou en Fernando o mito de "O desexado", vítima inocente da crueldade napoleónica. Incluso as cortes de Cádiz que aprobaran a constitución de 1812 vían que Fernando VII era o lexítimo herdeiro da coroa española.

Regreso a España

Fernando de Borbón, príncipe de Asturias
Fernando VII cando era Príncipe de Asturias (Metropolitan Museum of Art, New York)

En decembro de 1813 Napoleón firmou a paz con Fernando, no denominado Tratado de Valençay, e Fernando quedou en liberdade[4]. Fernando volvería a España en 1814, evitando ir a Madrid, onde tería que asinar a Constitución de 1812. Faino por terras de Xirona e dende alí dirixiuse a Valencia, buscando apoios para gobernar de forma absolutista.

Nada máis chegar a España atopa apoios e invitacións para gobernar como un rei tirano e absoluto: o do Xeneral Elio, que puxo o exército ao seu dispor (é o primeiro pronunciamento da historia de España[7]) e o dunha serie de deputados que lle presentan o Manifesto dos Persas, no que os 69 deputados pedíanlle ó rei a volta ó absolutismo. Ademais disto, lembramos que Fernando VII contaba co apoio e simpatía do pobo.

O rei decide entón restaurar o absolutismo asinando un decreto o 4 de maio de 1814 polo que se declaraba nulo o decreto das cortes e a Constitución promulgada en Cádiz en 1812.

Reinado

Primeira etapa absolutista (1814-1820)

Comezou, entón, unha persecución aos máis liberais, mentres que se facía imposible a reconquista das antigas colonias americanas que facía que España perdera tamén peso en Europa. Para frear esta situación confiouse o poder a un equipo moderado de políticos (León e Pizarro e Garay), pero esta situación durou só dous anos 1816 - 1818.

Ferdinand VII of Spain (1814) by Goya
Retrato de Fernando VII pintado por Goya

En 1816 Fernando casou por segunda vez coa súa sobriña María Isabel de Braganza con quen tivo unha filla que morreu aos poucos meses, en 1818 morrería Isabel. Ao ano seguinte, casa por terceira vez con Josefa Amalia de Saxonia coa que tampouco tivo fillos.

Dende o ano 1814 producíranse en España intentos de golpes de estado fracasados, estes intentos, acabaron en sangue:

  • Pronunciamento de Espoz y Mina en Pamplona, en setembro de 1814.
  • Pronunciamento de Juan Díaz Porlier, en setembro de 1815, polo que ó fracasar foi aforcado.
  • Conspiración do Triángulo, tramada por un grupo de masóns, que pretendían secuestrar ó rei para obrigarlle a xurar a Constitución.
  • Pronunciamento dos xenerais Lacy e Miláns del Bosch en Barcelona.
  • Conspiración de Valencia de 1819.

Trienio liberal (1820-1823)

Artigo principal: Trienio liberal.

O 1 de xaneiro de 1820, o tenente coronel Rafael del Riego sublévase en Cabezas de San Juan contra o réxime absolutista cunhas tropas que agardaban para ser embarcadas cara a América. O levantamento triunfou cando o exército enviado polo goberno se amotinou en Ocaña.

Co triunfo dos liberais suprímese o absolutismo, quedando Fernando VII como rei tras ser obrigado a xurar a Constitución de 1812 (9 de marzo de 1820). Famosa é a súa frase de "Marchemos todos, y yo el primero, por la senda de la Constitución".

Decrétanse medidas desamortizadoras e anticlericais como a expulsión dos xesuítas, a desamortización eclesiástica e o peche dalgúns conventos e mosteiros. Tamén se continúan as reformas iniciadas en 1810: abolición dos privilexios de clase, señoríos, vinculeiros e a Inquisición, preparouse o Código Penal...[4]

Continúan as tensións políticas e sociais. Así, dunha banda, os liberais divídense entón en dous bandos: doceanistas ou moderados (que apoiaban a Constitución de 1812) e vinteanistas ou exaltados (que pensaban que dita constitución era moi feble para o que precisaba España).

Doutra banda, danse nesta etapa intentos absolutistas como a sublevación da Garda Real, que culminarán cando os absolutistas piden axuda á Santa Alianza, que envía ós Cen Mil Fillos de San Luís (ó mando do Duque de Angulema, curmán de Fernando VII) para restaurar o absolutismo.

Artigo principal: Cen Mil Fillos de San Luís.

Ante o perigoso avance dos franceses a Corte trasladouse a Sevilla co rei, máis tarde deixárono marchar e logo os deputados fuxiron (previa represión). Despois de volver ao poder absoluto (1 de outubro de 1823), Fernando non fixo caso das promesas anteriores e comezou unha nova e violenta represión.

Comezaba así a denominada Década Ominosa que se caracteriza por unha política absolutista até o seu extremo.

Década ominosa (1823 - 1833)

Artigo principal: Década Ominosa.

A partir de 1823, coa restauración do absolutismo, prodúcese unha grande represión contra os liberais (ábrense nesta época 20.000 expedientes) e abólese novamente a Constitución de 1812. Danse asemade intentonas ultraabsolutistas contra Fernando VII.

O país pasa por unha crise sucesoria pola falta de fillos de Fernando VII, que pola posibilidade de que tivese unha filla promulga a Pragmática Sanción, que anulaba a Lei sálica que impedía gobernar ás mulleres.

Isto non foi aceptado polos partidarios do seu irmán Carlos María Isidro (os denominados apostólicos). E co nacemento da futura Isabel II en 1830 e a morte do seu pai en 1833, comezan as Guerras Carlistas.

Morta a súa terceira dona, casa en 1829 coa súa sobriña María Cristina de Borbón e deste matrimonio nace a infanta, a futura Isabel II. Nacida Isabel, as esperanzas dos apostólicos do reinado de Carlos víanse ameazadas, pero en 1832 mentres o rei parecía estar a morrer intentaron un golpe contra o pazo real, que asegurara o reinado de Carlos. Fracasado o intento, Carlos marchou a Portugal e a insurrección carlista comezou inmediatamente.

Coa morte de Fernando, María Cristina converteuse en rexente iniciando unha etapa conciliadora, con Carlos.

Sucesión

Desde 1713 estaba en vigor a Lei sálica, que impedía reinar ás mulleres. En 1789, as Cortes aprobaron unha Pragmática Sanción que a derrogaba, pero esta no foi publicada ata 1830, cando o Rei, no seu cuarto matrimonio, con María Cristina de Borbón, esperaba un sucesor. Pouco despois, naceu a princesa Isabel. Na Corte formouse entón un grupo que defendía a candidatura ao trono do irmán do rei, Carlos María Isidro de Borbón, e negaba a legalidade da Pragmática, publicada en 1830.

En 1832, coa ocasión dunha grave enfermidade do Rei, cortesáns carlistas convenceron ao ministro Francisco Tadeo Calomarde para que Fernando VII firmara un Decreto derrogatorio da Pragmática, que deixaba outra vez en vigor a Lei sálica. Coa melloría do Rei, o Goberno, dirixido por Francisco Cea Bermúdez, deu de novo vigor á Pragmática, co que á morte do Rei, o 29 de setembro de 1833, quedaba, como herdeira, a súa primoxénita Isabel, que reinaría co nome de Isabel II[4]. Aínda que a súa viúva María Cristina de Borbón, exerceu como rexente de España até que Isabel, chegase a maioría de idade para reinar.

Valoración do seu reinado

A unanimidade á hora de considerar o seu reinado como un dos peores da historia de España é case total. Ademais, con certeza, é o monarca español máis denigrado da historia.[8] Nin o carácter do rei (sempre buscando o seu propio beneficio e supervivencia política cambiando de bando ao seu capricho) nin a súa preparación intelectual e humana estiveron á altura do seu tempo[9].

Notas

  1. Fayanas Escuer, Edmundo (10-12-2014). "Fernando VII, el felón". nuevatribuna.es. Consultado o 28-10-2017.
  2. Historia de la vida y reinado de Fernando VII de España. Tomo I. Madrid: Imprenta de Repullés. 1842. p. 6.
  3. Acto de la jura del príncipe de Asturias, don Fernando, en la Colección de documentos inéditos para la historia de España, vol. XVII, págs. 67-95.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 http://www.cervantesvirtual.com/bib/historia/monarquia/fernando7.shtml
  5. http://www.buscabiografias.com/biografia/verDetalle/8998/Fernando%20VII%20de%20Espana
  6. http://www.boadilla.com/pages/fernando7.htm
  7. Payne, Stanley G. (1977). Ejército y sociedad en la España liberal (1808-1936). Akal. pp. 14–15. ISBN 84-7339-215-9.
  8. Suárez Fernández, Luis (1981). Historia General de España y América. Del antiguo al nuevo régimen: hasta la muerte de Fernando VII. Vol. XII. Madrid: Ed. Rialp. p. XXIII. ISBN 84-321-2109-6.
  9. http://ildefonsosuarez.es/Historia2bat/Tema3-FernandoVII/FernandoVII.pdf

Véxase tamén

Bibliografía

  • Suárez Fernández, Luis (1981). Historia General de España y América. Del antiguo al nuevo régimen: hasta la muerte de Fernando VII. Vol. XII. Madrid: Ed. Rialp. ISBN 84-321-2109-6.

Outros artigos

Aranjuez

Aranjuez é un municipio español da Comunidade de Madrid, cabeceira de partido xudicial. É o termo municipal máis meridional da comunidade e está atravesado polos ríos Texo e Jarama.

É un dos Reais Sitios da monarquía española desde que Filipe II o nomeou en 1560, e posúe ademais o título de vila desde 1899, motivo polo que o municipio é coñecido como Real Sitio y Villa de Aranjuez.É famoso polo seu Palacio Real, os seus Xardíns e polo trazado cuadricular das súas rúas, polas súas hortas de amorodos e espárragos e por servir de inspiración ao compositor Joaquín Rodrigo para o seu Concierto de Aranjuez, así como polo Motín de Aranjuez, que tivo lugar nesta localidade en 1808 e que tivo como consecuencia a abdicación do rei Carlos IV no seu fillo Fernando VII. A Paisaxe cultural de Aranjuez foi declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco en 2001.

Baiona, Francia

Baiona (en francés: Bayonne; en éuscaro e gascón: Baiona) é unha cidade do suroeste de Francia, situada na confluenza dos ríos Nive e Adour, no departamento dos Pireneos Atlánticos da que é unha das súas subprefeturas, formando parte da provincia histórica vascofrancesa de Lapurdi en Iparralde. A súa poboación é do contorno dos 46 000 habitantes.

Carlos María Isidro de Borbón

Carlos María Isidro Benito de Borbón, Infante de España, nado en Madrid o 29 de marzo de 1788 e finado en Trieste o 10 de marzo de 1855, foi o segundo fillo do rei Carlos IV de España e de María Luísa de Parma, e irmán de Fernando VII. Tamén foi coñecido como Don Carlos. Foi o primeiro pretendente carlista ao trono de España co nome de Carlos V de España.

Carrer de Ferran

O carrer de Ferran (Rúa de Fernando) é unha rúa do barrio Gótico de Barcelona, paralelo ao mar, que se converteu nunha das rúas máis emblemáticas da cidade. Dende 1910 enlaza a Rambla coa plaça de Sant Jaume froito dun proxecto do Concello de Barcelona durante a lexislatura de 1820-1823 proxectado polo arquitecto Josep Mas i Vila que pretendía unir a Rambla co Parque da Ciutadella.Inicialmente, a rúa levaba o nome de Carrer de Ferran VII, que era o rei que reinaba naquela época, pero a partir de 1910 foi rebautizado co nome de Carrer Ferran. Outros nomes da rúa foron Fernando, Fivaller, Fernando VII, Duque de la Victoria e Mayor del Duque de la Victoria.

Cen Mil Fillos de San Luís

O 7 de abril de 1823, Francia interveu militarmente en España, a solicitude do rei Fernando VII para apoialo fronte aos liberais e restablecer o absolutismo, en virtude dos acordos da Santa Alianza. O exército francés, denominado co nome dos Cen Mil Fillos de San Luís, foi encabezado polo duque de Angulema, fillo do futuro Carlos X de Francia.

O obxectivo fundamental da intervención francesa era rematar cos liberais no goberno desde tres anos antes. As forzas españolas leais enfrontáronse cos franceses en Cataluña ao mando de Francisco Espoz y Mina, pero non houbo apenas reacción popular de apoio e deberon retirarse. O exército francés ocupou Madrid sen resistencia e seguiron cara a Andalucía en persecución dos liberais que se refuxiaran en Cádiz con Fernando VII como refén.

Cádiz foi cercada e bombardeada. A resistencia foi moi forte e os franceses non puideron tomar a cidade. A situación dos asediados era desesperada pois non chegaban reforzos de parte algunha. Ao final realizouse un pacto: Fernando VII sairía e prometería defender a liberdade alcanzada polos españois coa Constitución de 1812, e a cambio renderíase a praza.

Acordado cos franceses, Fernando VII saíu da cidade, pero de forma inmediata uniuse ao invasor, e o mesmo 1 de outubro decretou a abolición de cantas normas xurídicas foran aprobadas durante os tres anos anteriores dando fin o Trienio liberal.

Constitución española de 1812

A Constitución española de 1812 ou La Pepa, aprobada o 19 de marzo de 1812 polas Cortes Xerais Extraordinarias reunidas na cidade de Cádiz, e promulgada no día inmediato, foi o primeiro documento constitucional aprobado na Península Ibérica e un dos primeiros no Mundo, sendo, no sentido moderno, só precedida pola Constitución Corsa de 1755 (a primeira constitución verdadeiramente democrática), pola Constitución dos Estados Unidos da América (1787) e pola Constitución francesa de 1791.

Oficialmente, a Constitución de Cádiz estivo en vigor dous anos, desde o día da súa promulgación, o 19 de marzo de 1812, día de San Xosé, de aí o alcuño de La Pepa que lle deu o pobo andaluz, até o 24 de marzo de 1814, día en que foi revogada co regreso a España do rei Fernando VII. Aínda que efemeramente, foi restaurada por dúas veces: de 1820 a 1823, durante o chamado Trienio Liberal; e en 1836-1837, como norma constitucional transitoria durante a elaboración da Constitución española de 1837.

A pesar desta curta vixencia, o seu texto exerceu profunda influencia no desenvolvemento do constitucionalismo español, portugués e latinoamericano, adoptándose as súas instrucións electorais, na secuencia da Martiñada, para a realización das eleccións para as Cortes Xerais e Extraordinarias da Nación Portuguesa, realizadas en decembro de 1820, e servido de inspiración na elaboración da resultante Constitución Política da Monarquía Portuguesa de 1822.

Guerra da Independencia española

A guerra da Independencia española, tamén coñecida coma Francesada, guerra do francés ou guerra contra o francés, foi o conflito armado que, entre 1808 e 1814 sacudiu a Península Ibérica como consecuencia da entrada das tropas napoleónicas en España co pretexto de invadir Portugal. O Levantamento do 2 de maio contra os invasores foi espontáneo e popular e iniciouse o 2 de maio de 1808, cando o alcalde de Móstoles, Andrés Torrejón, redacta un bando no que insta á poboación a levantarse en armas para socorrer o rei Fernando VII, que estaba retido por Napoleón Bonaparte. Esta guerra está dentro do contexto de guerras napoleónicas.

Himno de Riego

O Himno de Riego é unha marcha militar de inspiración dos tradicionais himnos militares similar ao pasodobre e á "Marsellesa" de referencia no século XIX; composta por José Melchor Gomis dedicada ao Teniente Coronel Rafael del Riego. Himno nacional durante o trienio liberal de 1820-1823 e na Segunda República Española. Durante a Primeira Guerra Carlista as tropas liberais entonábano, pero prohibiuse durante os tempos de Fernando VII e parte do goberno de Isabel II.

Riego, un símbolo dos liberais españois no século XIX e comezos do XX,érguese contra o goberno absolutista de Fernando VII en Las Cabezas de San Juan, Sevilla (1 de xaneiro, 1820) intentando instaurar un réxime constitucional de norma básica a Constitución española de 1812, redactada polas Cortes de Cádiz, coñecida como "la Pepa".

Isabel II de España

Isabel II de España ou de Borbón, nada en Madrid o 10 de outubro de 1830 e finada en París o 9 de abril de 1904, foi raíña de España dende 1833 até 1868.

María Cristina de Borbón-Dúas Sicilias

María Cristina de Borbón-Dúas Sicilias, nada en Palermo o 27 de abril de 1806 e finada en Sainte Adresse (Francia) o 22 de agosto de 1878, foi unha nobre italiana, raíña consorte de España polo seu matrimonio con Fernando VII e raíña rexente durante a minoría de idade de Isabel II.

Pablo Morillo

Pablo Morillo, conde de Cartaxena de Indias e marqués de la Puerta, nado en Fuentesecas (provincia de Zamora) o 5 de maio de 1775 e finado en Barèges (Occitania) o 27 de xullo de 1837, foi un destacado militar español, que loitou na guerra da Independencia española (1808-1814) e, posteriormente, en Latinoamérica, defendendo o dominio colonial español.

Provincias de España

A provincia é unha división territorial de España, de acordo coa Constitución española. En España hai 50 provincias, que, xunto coas cidades autónomas de Ceuta e Melilla e algunhas posesións insulares menores -que non están suxeitas á división provincial por depender directamente da administración central-, comprenden a totalidade do territorio español.

Reinado de Isabel II de España

O reinado de Isabel II é o período da historia contemporánea de España comprendido entre a morte de Fernando VII en 1833 e o triunfo da Revolución de 1868, que obrigou á raíña a marchar ao exilio. O seu reinado está dividido en dúas grandes etapas: a minoría de idade (1833-1843) durante a que asumiron a rexencia, primeiro a súa nai María Cristina de Borbón e, despois, o xeneral Baldomero Espartero; e o reinado efectivo que comeza coa declaración polas Cortes en 1843 da maioría de idade da raíña adiantada aos trece anos. Ao longo do seu reinado produciuse a configuración do Estado liberal en España.

Tras a morte de Fernando VII o 29 de setembro de 1833, a súa dona María Cristina de Borbón-Dúas Sicilias asumiu a rexencia co apoio dos liberais, en nome da súa filla e futura raíña, Isabel II. O conflito co seu cuñado, Carlos María Isidro de Borbón, que aspiraba ao trono en virtude dunha pretendida vixencia da Lei Sálica —xa derogada por Carlos IV e o propio Fernando VII— levaron ao país á Primeira Guerra Carlista.

Tras a breve rexencia de Espartero que sucedeu á rexencia de María Cristina de Borbón-Dúas Sicilias, Isabel II foi proclamada maior de idade con so trece anos por resolución das Cortes Xerais en 1843. Así comezou o reinado efectivo de Isabel II que soe dividirse en catro períodos: a década moderada (1844-1854); o Bienio Progresista (1854-1856); a etapa dos gobernos da Unión Liberal (1856-1863) e a crise final (1863-1868).

O reinado de Isabel II caracterizouse por un intento modernizador de España que se viu contido, porén, polas tensións internas dos liberais, a presión que seguiron exercendo os partidarios do absolutismo máis ou menos moderado, os gobernos totalmente influídos polo estamento militar e o fracaso final ante as dificultades económicas e a decadencia da Unión Liberal que levaron a España á experiencia do Sexenio Democrático. Tamén influíu moito no seu reinado a súa propia personalidade, sen dotes para o goberno e controlada en todo momento polas Cortes, especialmente pola súa propia nai, e tamén polos xenerais Narváez, Espartero e O'Donnell, o que impedíu que se consolidase o tránsito do Antigo Réxime ao Estado Liberal, polo que España chegou ao último terzo do século XIX en condicións desfavorables respecto a outras potencias europeas.

Trienio liberal

O Trienio liberal ou Trienio Constitucional foi un período da historia de España, que abrangue entre 1820 e 1823, durante o reinado de Fernando VII de España.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.