Fernando Casás

Fernando Estarque Casás, mais coñecido como Fernando Casás, nado en Gondomar[1] en 1946 é un escultor e pintor galego cuxa carreira se desenvolveu en Brasil, país ao que foi levado polos seus pais cando contaba con moi poucos anos.

Fernando Casás
Nacemento1946
 Gondomar
NacionalidadeEspaña
Alma máterEscola Superior de Deseño Industrial da Universidade do Estado de Río de Janeiro
Ocupaciónpintor e escultor
Pontevedra - Espazo Natural da Ribeira do Lérez-Illa das Esculturas 07
Lamed Vav / Os 36 xustos (1999) na Illa das Esculturas, Pontevedra.

Traxectoria

Comezou a investigar en pintura en 1964, traballando con tintas sobre soportes inusuais, como madeiras de derriba e tendidos en xeso. En 1967 produciu mobles que son verdadeiros obxectos de creación, en madeiras queimadas e en coiro. Pasou en 1969 a estudar na Esdi-Escola Superior de Deseño do Río de Xaneiro, e a súa orixinalidade conduciuno a realizar interesantes murais para empresas públicas do país suramericano, que derivan en creacións nas que se transforma a natureza mesma na súa expresión vexetal, que expón en todo o noroeste brasileiro, e que o artista, ironicamente, denomina Proxecto idiotas.

En 1975 retornou a España e realizou unha exposición en Vigo, que sorprendeu pola súa insólita orixinalidade. De 1977 data a súa etapa que denomina «Ciclo do Cupin», que continuou nos seguintes con «Reciclo» e «Labirinto», en diversas cidades brasileiras e en Vigo, Compostela e Barcelona. Alternou a escultura e a pintura e realizou relevos de grandes dimensións, co título do famoso libro de Celso Emilio Ferreiro, Longa noite de pedra, con pezas tituladas Voo, Onda, Lume e Terra, atendendo ás súas raíces galegas.

Incorporou aos seus materiais a pedra e o bronce e investiga con papeis reciclados e fibras vexetais. De 1983 data a súa gran exposición en Vigo «Diario de Viaxe», que é un percorrido imaxinario pola etnoloxía americana que tan ben coñece.

Proseguiu as súas experiencias, inspiradas na arte popular autóctono da Amazonía brasileira, con obras que expuxo en Xenebra e Xerusalén. De 1988 data a serie Amazonas, Serie negra, cando o papel rugoso e denso se enseñorea de superficies irregulares ou traballa sobre tocóns e fragmentos de árbores centenarias, de morfoloxía peculiar. Con esta serie conseguiu o premio Brasil-Estados Unidos de Artes Plásticas dese ano. A súa escultura «Amazonia-Cobra grande» colocouse no pavillón Ruth Youth do museo israelí de Xerusalén.

En 1989 regresou definitivamente a España e instalou o seu taller en Gondomar. A súa obra segue mostrándose individualmente en medio mundo e acudiu ás grandes bienais, como a de São Paulo.

Trátase dun vangardista razonante, inquedo e reflexivo, por completo inconformista e negador do tradicional e manido, para quen calquera elemento abandonable pode transformarse en arte. É considerablemente abstracto, case sempre informalista, en verdade telúrico.

Notas

  1. http://www.fernandocasas.es/biografia Biografía do autor na web oficial do autor

Véxase tamén

Bibliografía

  • Berkowitz, Mark e outros: Fernando Casás. Río de Janeiro, Gráfica Editora, 1986.
  • II Mostra Unión Fenosa. A Coruña, 1991.

Ligazóns externas

Antón Sobral

Antón Sobral Iglesias, nado en Marín o 4 de abril de 1952, é un profesor, escritor e pintor galego.

Facultade de Belas Artes de Pontevedra

A facultade de Belas Artes de Pontevedra é un centro educativo da Universidade de Vigo situado no campus de Pontevedra.

Fernando Rodríguez García

Fernando Rodríguez García, nado en Costoia (Silleda) o 19 de agosto de 1963, é un escultor e pintor galego. As súas obras, tanto pictóricas como escultóricas, están marcadas por un carácter minimalista mesturado coa longa tradición dos canteiros de Pontevedra. Así mesmo, tamén se aprecia a súa sensibilidade pola natureza, sobre todo polo seu contorno, a comarca de Deza, onde naceu e onde vive.

Illa das Esculturas

A illa do Covo, denominada popularmente como illa das Esculturas, é unha insua situada preto da foz do río Lérez, en Pontevedra. Ten uns 70.000 m², e está conectada con ambas beiras do río por pasarelas e pontes.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.