Federico García Lorca

Para o aeroporto Federico García Lorca Granada-Xaén véxase: Aeroporto de Granada.
Federico García Lorca
Federico García Lorca. Huerta de San Vicente, Granada
Nome completoFederico del Sagrado Corazón de Jesús García Lorca
Nacemento5 de xuño de 1898
 Fuente Vaqueros
Falecemento18 de agosto de 1936
 Granada
CausaFusilamento
NacionalidadeEspaña
Alma máterFacultad de Filosofía y Letras (Universidad de Granada) e Columbia University School of Engineering
Ocupacióndirector teatral, letrista, autor, dramaturgo, poeta, músico e pintor
IrmánsFrancisco García Lorca, Isabel García Lorca e Concepción García Lorca
Coñecido/a porBodas de sangre, Yerma, Libro de poemas, Poeta en Nueva York, Poema del cante jondo, Así que pasen cinco años, El público, Diván del Tamarit, Doña Rosita la soltera o el lenguaje de las flores, La casa de Bernarda Alba, Romancero gitano e Seis poemas galegos
Federico García Lorca signature

Federico García Lorca, nado en Fuente Vaqueros (Provincia de Granada) o 5 de xuño de 1898 e falecido en Víznar (Provincia de Granada) o 18 de agosto de 1936, foi un poeta e dramaturgo andaluz, membro da Xeración do 27 e autor en lingua galega de Seis poemas galegos (1935), o poeta español máis lido de tódolos tempos.[1] Morreu fusilado polas autoridades franquistas un mes despois do Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 que deu pé ao inicio da Guerra civil española.

Traxectoria

Fillo dun propietario andaluz, Federico García Rodríguez (1859-1945), e dunha mestra de escola, Vicenta Lorca Romero (1870-1959), que deixou o seu traballo para dedicarse á educación do seu fillo, e que lle transmitiu o amor pola música, Lorca foi un neno precoz que lía a Victor Hugo e Miguel de Cervantes, aínda que non destacou na escola. En 1909 a familia trasladouse á cidade de Granada: alí Lorca entrou nos círculos culturais locais e coñeceu a Fernando de los Ríos, Melchor Fernández Almagro e Manuel de Falla.

Comezou estudando na Universidade de Granada en 1914 e publicou o seu primeiro libro en 1918, Impresiones y paisajes, nado dunha viaxe de estudos que organizara un dos seus profesores: visitou daquela Madrid, O Escorial, Ávila, Medina del Campo, Salamanca, Zamora, Astorga, Ourense, Redondela, Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, León, Sahagún, Venta de Baños, Burgos e Segovia.[2] En 1919 instalouse na Residencia de Estudiantes de Madrid e fixo amizade con Luis Buñuel e Salvador Dalí, e grazas á súa amizade co director do Teatro Eslava, Gregorio Martínez Sierra, escribiu, en verso, a súa primeira obra teatral, El maleficio de la mariposa, estreada en marzo de 1920 no Teatro Eslava, que tan só se mantivo en cartel catro días. Lorca non volveu estrear outra obra ata 1927, con Mariana Pineda, que si foi un éxito, pero seguiu a publicar poemarios como El libro de poemas (1921), Canciones (1927).

En 1928 publicou Romancero gitano que foi outro éxito, pero que non evitou que Lorca caera nunha fonda depresión causada pola incomprensión da familia da súa homosexualidade, e mesmo veu o filme feito polos seus amigos Dalí e Buñuel Un chien andalou (1929) como un ataque persoal, ao tempo que a súa relación co escultor Emilio Aladrén, apaixonada pero non recíproca, deteriórase. Todo iso provocou a súa volta a Granada para rematar a carreira de Dereito.

En 1929 coa axuda dunha bolsa de estudos emprendeu unha xira polos Estados Unidos de América, cunha estadía específica en Nova York, que lle inspirou o poemario Poeta en Nueva York (publicado en 1940 e onde explora a súa alienación e illamento con novas técnicas poéticas). Máis tarde publicaría dúas obras teatrais (Así que pasen cinco años e El público) que escribe na súa estadía en Cuba (marzo-xuño 1930).

Segunda República

Coa chegada da Segunda República e o nomeamento do seu mentor Fernando de los Ríos como Ministro de Instrución Pública, Lorca faise cargo do grupo teatral ambulante La Barraca (1932), percorrendo a España rural e achegando o teatro clásico ó mundo popular, e que lle permite visitar Galicia (A Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Vigo, Baiona e Ribadeo)[3] e entrar en contacto cos intelectuais galegos. Nesa época escribe a coñecida como triloxía rural: Bodas de sangre (1933), Yerma (1934) e La casa de Bernarda Alba (1936). En 1933 realizou unha xira pola Arxentina. Á morte do seu amigo toureiro Ignacio Sánchez Mejías o 11 de agosto de 1934, o poeta dedícalle o seu Llanto por Ignacio Sánchez Mejías.

Guerra civil e asasinato

Lorca deixou Madrid camiño de Granada antes do estoupido da Guerra civil española. Arrestado, foi fusilado o 18 de agosto de 1936 en Fuente Grande, xunto a tres persoas máis. O autor material dos feitos foi o terratenente falanxista Juan Luis Trescastro Medina, quen diría máis tarde:

Acabamos de matar a Federico García Lorca. Yo le metí dos tiros en el culo por maricón.[4]

Seis poemas galegos

Seis poemas galegos de Federico García Lorca, prólogo de E. B. A., Editorial Nós, Compostela
Seis poemas galegos, con prólogo, en castelán, de E. B. A., Nós, 1935.[3]
Artigo principal: Seis poemas galegos.

García Lorca visitou pola primeira vez Galicia en 1916 na viaxe de estudos. Xa na Residencia de Estudantes en Madrid coñeceu ao musicólogo galego Jesús Bal y Gay, co que ensaiou cántigas do folclore musical galego, ao tempo que lía apaixonadamente os cancioneiros galego-portugueses e a autores galegos como Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez, Eduardo Pondal, Luís Amado Carballo ou Manuel Antonio.

En 1931 coñeceu a Ernesto Guerra da Cal, nacionalista galego que residía en Madrid dende a infancia, e entrou en contacto co ambiente galeguista de Madrid, onde ía ós faladoiros que mantiñan os entón deputados Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e Ramón Otero Pedrayo na capital de España.

En maio de 1932 realizou a súa segunda viaxe a Galicia para dar unha serie de conferencias. En Santiago de Compostela fixo amizade con Carlos Martínez-Barbeito, que se afianza ao ir este a estudar a Madrid ese mesmo ano.

En agosto de 1932 está en Galicia por terceira vez, á fronte de "La Barraca", coa que actuou en varias cidades e vilas galegas, e en novembro dita unha serie de conferencias na compaña de Xosé Filgueira Valverde, e estrea na revista Yunque de Lugo o primeiro dos seus poemas galegos: Madrigal â cibdá de Santiago, escrito co asesoramento de Francisco Lamas e Luís Manteiga.

Federico García Lorca y Ernesto Pérez Güerra, Madrid, 1934
Ernesto Guerra da Cal e Lorca en Madrid en 1934.[5]

En 1933 Eduardo Blanco Amor, entón correspondente do xornal arxentino La Nación, coñece a Lorca e dáo a coñecer na Arxentina, polo que, cando Lorca viaxou logo á Arxentina, recibiu unha calorosa acollida por parte dos arxentinos e en especial pola colonia galega. En agradecemento, Lorca escribe Cántiga do neno da tenda, e xa de volta en España desenvolve unha intensa relación de amizade con Blanco Amor, que mesmo pasará algunhas temporadas na casa dos pais de Lorca en Fuente Vaqueros. Debido á petición de Blanco Amor, Federico García Lorca accede a publicar os seus poemas galegos no libro Seis poemas galegos en 1935 co selo da Editorial Nós:[3] os poemas son composicións naturais e espontáneas, que lembran os poemas publicados en Canciones (1927), pero ó mesmo tempo insírense na tradición literaria galega. Eduardo Blanco Amor escribiu o limiar (en castelán) e sempre mantivo que os poemas eran fundamentalmente unha creación de Lorca (tanto dende o punto de vista lingüístico como de estilo), mentres Ernesto Guerra da Cal, nos últimos anos da súa vida afirmaba que fora el quen os puxera en galego: está visión apoiouna Xosé Luís Franco Grande, pero o resto dos investigadores deron a razón a Blanco Amor.

Obra

Prosa

Poesía

  • Libro de poemas (1921)
  • Oda a Salvador Dalí (1926)
  • Canciones (1927)
  • Romancero gitano (1928)
  • Poema del cante jondo (1931, [1921])
  • Llanto por Ignacio Sánchez Mejías (1935)
  • Seis poemas galegos (1935), Santiago de Compostela, Nós.[7]
  • Diván del Tamarit (1936)
  • Sonetos del amor oscuro (1936)
  • Poeta en Nueva York (1940, [1929])

Teatro

Lorca, Pura Maórtua de Ucelay y Valle-Inclán en el preestreno de Yerma, Madrid, 1934.jpeg
Lorca, Pura Maórtua e Valle-Inclán na preestrea de Yerma, Madrid, 1934.[8]
Lugo 05-08e
Placa na praza de Sta María de Lugo.
  • El maleficio de la mariposa [1920], en verso.[9]
  • Mariana Pineda (1927)
  • La zapatera prodigiosa (1930)
  • Retablillo de Don Cristóbal (1930)
  • El público (1930)
  • Así que pasen cinco años (1931).[10]
  • Amor de don Perlimplín con Belisa en su jardín (1933)
  • Bodas de sangre (1933)
  • Yerma (1934)
  • Doña Rosita la soltera o el lenguaje de las flores (1935)
  • La casa de Bernarda Alba (1936)
  • Comedia sin título (inacabada) (1936)[11][12][13][14]

Recoñecementos

Levan o seu nome rúas, avenidas, prazas, parques, centros culturais, auditorios, un buque da navieira Baleària e o aeroporto F.G.L. Granada-Jaén.[15]

En 2018 dedicóuselle o Día do Orgullo Galego.[16] En 2019 o concello de Redondela solicitou á Real Academia Galega que considerase dedicarlle a Lorca un Día das Letras Galegas.[17]

Galería de imaxes

Retrato de Salvador Dalí, Federico García Lorca (1927).
Retrato de Salvador Dalí, Federico García Lorca (1927). 
Autorretrato de Lorca para Poeta en Nueva York, 1929-30.
Autorretrato de Lorca para Poeta en Nueva York, 1929-30. 
Lorca cun cartel de La Barraca, 1932.
Lorca cun cartel de La Barraca, 1932.[18] 
Cuns amigos en Betanzos, en 1932.
Cuns amigos en Betanzos, en 1932.[19] 
Carta de Lorca a Xavier Bóveda, 13/11/1933.
Carta de Lorca a Xavier Bóveda, 13/11/1933. 
Monumento a Lorca en Oleiros.
Monumento a Lorca en Oleiros

Notas

  1. "Federico García Lorca. Biografía" (en castelán). Instituto Cervantes.
  2. Mariscal, Luis (2018). Alvarellos, H., ed. El gran viaje de estudios de García Lorca (en castelán). Alvarellos Editora. ISBN 978-84-16460-35-9.
  3. 3,0 3,1 3,2 Iglesias López, Francisco Xabier (14/11/2014). "Seis poemas galegos". OslibrosdeAnxelCasal.blogspot.com.
  4. Preston 2011.
  5. Pérez Rodríguez 2011.
  6. Impresiones y paisajes Biblioteca Digital Hispánica.
  7. Alvarellos, H., ed. (2018). Seis poemas galegos (facsímile) (en castelán). Alvarellos Editora. ISBN 978-84-16460-53-3.
  8. Alvarellos, Quique (4/11/2018). "García Lorca recita, en galego, en Torrejón". La Voz de Galicia.
  9. García Lorca, Federico (1999). Menarini, Piero, ed. El maleficio de la mariposa. Ediciones Cátedra. ISBN 978-84-376-1706-0.
  10. Estreada en galego por Sarabela Teatro en 2003 (Así que pasen cinco anos).
  11. "El Aula de Teatro de la UA estrena la obra inacabada de Lorca “Comedia sin título”". Alicantehoy (en castelán). 18/5/2017.
  12. "Lluis Pasqual destroza el escenario en 'Comedia sin título'". El País (en castelán). 24/5/1989.
  13. "Una 'Comedia sin título'" (en castelán). Consultado o 19/6/2017.
  14. Mantilla, Jesús Ruiz (16/12/2016). "La inacabada ‘Comedia sin título’ de Lorca ya tiene final". El País (en castelán).
  15. Aeropuerto F.G.L. Granada-Jaén Aena.
  16. "O Día do Orgullo Galego estará dedicado este ano a Lorca, cunha edición inédita dos 'Seis Poemas'". Praza Pública. 18/6/2018. Consultado o 19/6/2018.
  17. Leis, Iván (9/2/2019). "Redondela propondrá a la RAG que dedique un Día das Letras Galegas a Federico García Lorca". Faro de Vigo (en castelán).
  18. Huerta de San Vicente, Granada Museo Raíña Sofía.
  19. Pérez Rodríguez 2011.

Véxase tamén

Bibliografía

Multimedia externa
Gravacións de son
"Alberti recita poemas de Lorca". UNLP. 1961.
Vídeos
"Para todos la 2" (en castelán). La 2. 2011.

Outros artigos

Ligazóns externas

18 de agosto

O 18 de agosto é o 230º día do ano do calendario gregoriano e o 231º nos anos bisestos. Quedan 135 días para finalizar o ano.

5 de xuño

O 5 de xuño é o 156º día do ano do calendario gregoriano e o 157º nos anos bisestos. Quedan 209 días para finalizar o ano.

Aeroporto de Granada

O Aeroporto de Granada, oficialmente chamado Federico García Lorca Granada-Xaén, é un aeroporto xestionado por Aena, que está localizado entre os concellos de Chauchina e Santa Fe, a 17 km ao oeste de Granada e 106 km ao sur de Xaén. En xuño de 2006, o aeroporto cambiou o seu nome de Aeroporto de Granada a Aeroporto Federico García Lorca de Granada-Xaén, aínda que a súa localización segue sendo a mesma.

Ofrece numerosos destinos tanto de dentro como de fóra do país. Desde Granada pódese voar xa a París-Orly e Roma-Fiumicino. En canto a España refírese, Granada conecta con Madrid, Barcelona, Palma, Melilla, Tenerife ou Gran Canaria.

Tras seis anos de crecemento sostido, no ano 2007 o aeroporto chegou alcanzou un récord no total de pasaxeiros, un total de 1 467 590, xerándose un importante crecemento con respecto aos 1 086 236 de 2006. Por contra, esa tendencia non se mantivo tanto en 2008 como en 2009 (onde xa houbo unha importante baixada respecto ao ano anterior). En 2010, ademais, debido á crise económica e sobre todo ao abandono da compañía Ryanair de varias liñas mantívose a baixada.

Amancio Prada

Amancio Prada, nado o 5 de febreiro de 1949 en San Pedro de Devesas (Ponferrada), comarca do Bierzo, é un destacado cantautor español.

El maleficio de la mariposa

El maleficio de la mariposa é a primeira obra teatral do escritor andaluz Federico García Lorca, membro da xeración do 27. Escrita en verso, foi estreada o 22 de marzo de 1920 no Teatro Eslava de Madrid, dentro da programación do Teatro de arte de Gregorio Martínez Sierra e a súa esposa, María de la O Lejárraga. Con só catro representacións, apupos incluídos, supuxo un total fracaso para o seu autor. O texto é unha parábola sobre a frustración, o amor e a morte; os dous últimos son temas recorrentes na obra de Lorca. Está protagonizada por uns insectos -cascudas ou "curianitas"- que dan á historia un ambiente inquietante, con aires de conto infantil, pero en cuxo seo se encerra un drama profundamente humano, tal e como se advirte no prólogo:

Foi estreada con figurines de Rafael Barradas e decorados de Mignoni tras ser rexeitados os decorados de Barradas por La Argentinita, que facía os danzables da obra no papel principal de bolboreta. A obra contou tamén con música incidental de Edvard Grieg, instrumentada por José Luís Lloret.

Estación de Albacete-Los Llanos

Albacete-Los Llanos é a estación de ferrocarril da cidade española de Albacete, na comunidade autónoma de Castela-A Mancha. Entrou en servizo o 18 de decembro de 2010, tres días despois da inauguración do tramo Madrid-Albacete/Valencia da Liña de alta velocidade Madrid-Levante. Ten amplos servizos de alta velocidade, longa e media distancia operados por Renfe.

É a estación de ferrocarril máis grande de Castela-A Mancha. Está situada na rúa Federico García Lorca, ao final da Avenida da Estación, moi preto da autovía A-31, nas inmediacións da estación de autobuses da capital, e a 10,5 km do aeroporto de Albacete.

Impresiones y paisajes

Impresiones y paisajes é un libro de viaxes de 1918 escrito polo poeta e dramaturgo español Federico García Lorca. É o seu único libro escrito en prosa e relata as viaxes de estudio que fixo o poeta granadino cando era estudante universitario por terras de Madrid, O Escorial, Ávila, Medina del Campo, Salamanca, Zamora, Astorga, Ourense, Redondela, Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, León, Sahagún, Venta de Baños, Burgos e Segovia durante os anos 1916 e 1917. A portada fíxoa o seu amigo o pintor Ismael González de la Serna.

Inés Marful

Inés Marful, nada en Mieres en 1961, é unha filóloga, xornalista e escritora asturiana en lingua castelá, especialista na obra de Federico García Lorca.

Margarida Xirgu

Margarita Xirgu ou Margarida Xirgú, nada en Molins de Rei (Barcelona) o 18 de xuño de 1888 e finada en Montevideo (Uruguai) o 25 de abril de 1969, foi unha actriz catalá.

Penguin Books

Penguin Books é unha editorial británica, fundada en 1935 por Allen Lane e os seus irmáns Richard e John, coa intención de subministrar literatura de calidade a prezos asequibles, e que foran vendidos non só en librerías, senón tamén en estacións ferroviarias e en tendas en xeral. Os seus produtos máis sobranceiros son os seus libros de peto, publicados por primeira vez no ano de fundación da empresa, malia que nun comezo só era un selo editorial de The Bodley Head. A editorial tamén tivo un grande impacto no debate público do Reino Unido, grazas aos seus libros sobre a cultura británica, a política, as artes e a ciencia.

Ten a súa sede na Cidade de Westminster, en Londres.

No ano 1961 creou a colección Penguin Modern Classics, co obxectivo de dar aos grandes escritores modernos unha categoría semellante á de Homero ou Charles Dickens. Entre os autores desta colección atópanse Federico García Lorca, Gabriel García Márquez ou Pablo Neruda.

Poeta en Nueva York

Poeta en Nueva York é o título dun poemario escrito por Federico García Lorca entre 1929 e 1930 durante a súa estadía na Universidade de Columbia, e publicado por vez primeira o 24 de maio de 1940, en Nova York, catro anos despois da morte do poeta.

Residencia de Estudiantes

A Residencia de Estudiantes, localizada en Madrid, é un centro fundado en 1910 pola Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas, produto directo das ideas renovadoras que iniciara en España o krausista Francisco Giner de los Ríos coa fundación en 1876 da Institución Libre de Enseñanza. Desde o primeiro momento quixo ser un complemento educativo á universidade no que se formasen os fillos das clases dirixentes liberais. Por ela pasaron figuras como Salvador Dalí, Federico García Lorca, Jorge Guillén, Luis Buñuel, o ourensán Carlos Velo, a viguesa de orixe rusa Lydia Kúper ou o lugués Luís Pimentel.

Romancero gitano

O Romancero gitano é unha obra poética de Federico García Lorca, publicada en 1928. Está composta por dezaoito romances co nexo común da cultura xitana, pero abarcando temas como a noite, a morte ou a paixón.

A obra presenta unha gran síntese entre a poesía popular e a alta poesía, tratando a cultura popular andaluza e xitana de xeito mítico e metafórico e cunha gran sensualidade. Tamén reflicte as penas dun pobo perseguido que vive á marxe da sociedade e que se ve perseguido polos representantes da autoridade, e pola súa loita contra esa autoridade represiva.

Lorca cualificouna como: .

Santa Fe, Granada

Santa Fe é un concello andaluz da provincia de Granada. Segundo o INE, en 2009 tiña 15.430 habitantes. No concello atópase o Aeroporto Federico García Lorca Granada-Xaén.

Está situada na parte centro-oeste da comarca da Vega de Granada, e é unha das cincuenta e unha entidades que compoñen a Área Metropolitana de Granada. Limita cos municipios de Fuente Vaqueros, Pinos Puente, Atarfe, Granada, Vegas del Genil, Las Gabias, Chimeneas e Chauchina. Outras localidades próximas son Belicena, Bobadilla, Cijuela e Láchar.

O concello santaferino está formado polos núcleos de Santa Fe, El Jau e a maior parte de Pedro Ruiz, situado entre o límite municipal de Santa Fe e o de Fuente Vaqueros. Este municipio é capital de partido xudicial, así como da subcomarca da Vega Baja de Granada.

Seis poemas galegos

Seis poemas galegos é un poemario do poeta e dramaturgo español Federico García Lorca (1898–1936), unha escolma de seis poemas en galego, unha homenaxe á paisaxe e a lingua de Galicia. Escritos entre 1932 e 1934, foron publicados en 1935 en Santiago de Compostela pola Editorial Nós (fundada en 1927 por Ánxel Casal), edición príncipe prologada en castelán por Eduardo Blanco Amor. Admirador de Rosalía de Castro, de Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez, así como dos poetas medievais galegos Martín Codax e Mendinho, e dos portugueses Luís de Camões ou Gil Vicente, os poemas xorden por mor das viaxes realizadas por Lorca a Galicia dende 1931.

Víznar

Víznar é unha localidade e concello español pertencente á provincia de Granada, na comunidade autónoma de Andalucía. Está na parte central da Vega de Granada, a uns nove quilómetros da cidade de Granada. A súa superficie é de 13 km². Atópase a unha altitude de 1050 metros e ten unha poboación de 978 habitantes (INE, 2017).

Foi entre esta localidade e a veciña de Alfacar onde o escritor Federico García Lorca foi asasinado en 1936.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.