Federación de Mocedades Galeguistas

A Federación de Mocedades Galeguistas foi a organización xuvenil do Partido Galeguista, que se constituíu en xaneiro de 1934, agrupando a diferentes mocidades galeguistas locais que se formaran dende 1932. Contaba con arredor de 1.000 afiliados, tiña como órgano de expresión Guieiro, e entre os seus dirixentes estiveron Xaime Illa Couto, Celso Emilio Ferreiro, Xosé Velo ou Ramón Piñeiro.

Dentro da FMG o independentismo contou con moita máis aceptación que entre o PG e así na súa III Asemblea (maio de 1936) 331 membros votaron polo arredismo e 439 en contra. Tamén se decidiu nesta asemblea mudarlle o nome á organización, pasando a denominarse Federación de Mocedades Nacionalistas.

Historia

Adiante 5 de xaneiro de 1933
Cabeceira de Adiante, semanario dirixido por Emilio Ferreiro Míguez.

As mocedades galeguistas locais estaban vencellas ás agrupacións locais do Partido Galeguista pero apenas mantiñan contactos entre si. En xaneiro de 1933 a Mocedade Galeguista de Celanova editou o periódico Adiante (do que só saiu un número). Foi Xaime Illa Couto, o secretario xeral da Mocedade Galeguista de Vigo, o primeiro que fixo un chamamento para constituír unha Unión de Mocedades Galeguistas nun escrito aparecido en setembro de 1933 e do que se fixo eco A Nosa Terra, ao pouco tempo recibiu o apoio do resto das mocedades galeguistas espalladas polo país, a constitución formal foi coincidindo coa III Asemblea do Partido Galeguista en Ourense, o 13 de xaneiro de 1934.

A primeira Asemblea celebrouse en maio en Ourense, nela resultou elixido Francisco Fernández del Riego o seu secretario xeral. Xaime Illa Couto, Xosé Luís Fontenla Méndez e Xoán Lois Ramos Colemán completaban a Secretaría Executiva. A II Asemblea tamén se celebrou en Ourense en abril de 1935, Xosé Velo pasou a ser o secretario xeral. Celso Emilio Ferreiro, Vicente Bóveda e Xosé Nogueiras completaban o directorio da organización, durante a súa dirección celebrouse o que foi a concentración máis numerosa das organizada pola FMG, celebrada en Celanova o 13 de outubro de 1935 e á que segundo o órgano da FMG, Guieiro, asistiron 4000 persoas. Na III Asemblea celebrada en maio de 1936 apróbanse uns novos Estatutos pero a Guerra civil española impediu que se elixira a nova dirección.

Estrutura orgánica

O máximo órgano da FMG era a Asemblea Xeral (denominada Asemblea Nacional nos Estatutos de 1936) que se celebraba cada ano, era a encargada de elaborar o programa da organización e elixir os membros do Consello Nacional, que era o órgano directivo e o responsable de executar os acordos da Asemblea, tamén tiña a competencia para designar o representante da FMG no Consello do Partido Galeguista. A Secretaría Executiva era o órgano de goberno da FMG, compúñase de catro secretarios: Secretario Xeral, Secretario de Organización, Secretario Técnico e Secretario de Propaganda. Nos Estatutos de 1936 o Consello Nacional a Secretaría Executiva vanse unir nun só órgano, o Consello Executivo Nacional conformado polos sete secretarios xerais de cada unha das zonas nas que a FMG dividira Galicia.

As Mocedades Galeguistas de Buenos Aires

O 22 de agosto de 1953 constituíronse en Buenos Aires as Mocedades Galeguistas como "filial xuvenil da Irmandade Galega de Bos Aires" co obxectivo de retomar o ideario que guiara á Federación de Mocedades Galeguistas en Galicia. Entre os fundadores figuraban Xosé Neira Vilas, Vidal Pérez Graña, Carlos Abraira Cela, Antón Santamarina Delgado, Pilar Jeremías Cela, Denís Conles Tizado, Antón Moreda, Roberto Veloso Gómez e Manuel Cordeiro Monteagudo. En 1954 editaron o periódico Adiante.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Rojo, Arximiro (1987). As Mocedades Galeguistas (Historia dun compromiso). Vigo: Galaxia. ISBN 84-7154-579-9.

Outros artigos

Ligazóns externas

AGIR

Agir é unha organización de estudantes de esquerda independentista. Unha organización que conta con presenza en distintas comarcas de Galiza.

Agir defende un ensino público, en galego, non patriarcal, democrático e de calidade. Loita contra a privatización e por un ensino pensado para Galiza e en galego, en contra do machismo nas aulas. Esta ligado a Nós-UP. Contan cun representante na USC.

O órgano central e básico de Agir son os distintos Comités de centro de cada facultade ou centro de secundaria no que teñen presenza.

Colectivo Socialista

O Colectivo Socialista é unha organización política que forma parte do BNG. Conta con arredor de 150 militantes (2002). Os seus dirixentes son Mario López Rico e Francisco Trigo Durán.

Cando o Partido Socialista Galego decidiu saír do BNG no congreso extraordinario do 15 de xaneiro de 1983 un grupo de militantes desconformes formaron o Colectivo Socialista, ingresando no seo do BNG.

Confederación Xeral de Traballadores Galegos

A Confederación Xeral de Traballadores Galegos (CXTG) foi un sindicato nacionalista galego que se formou en 1985 como unha escisión da INTG. En outubro celebrou o seu primeiro congreso, no que Fernando Acuña foi elixido secretario xeral. Nas eleccións sindicais de 1986 conseguiu 1.087 delegados.

Editou a revista Adiante entre 1987 e 1993.

En 1990 formou coa INTG a Converxencia Intersindical Galega para concorreren as dúas en coalición ás eleccións sindicais. En 1994, ao se fusionaren as dúas organizacións, a Converxencia Intersindical Galega deu paso á Confederación Intersindical Galega (CIG).

Fala Ceibe

Fala Ceibe, tamén coñecida coma Fala Ceive é unha asociación cultural (aínda que non figura no rexistro de asociacións da Xunta de Castela e León) que promove o uso e a defensa da lingua e culturas galega no Bierzo.

Federación Rural Galega

A Federación Rural Galega, FRUGA, é un sindicato agrario galego creado en 2009 coma unha escisión do Sindicato Labrego Galego.

Guieiro

Guieiro foi unha publicación periódica, subtitulada Outavoz patriótico da FMG, era o voceiro da Federación de Mocedades Galeguistas do Partido Galeguista. O primeiro número apareceu o 1 de novembro de 1935 e tiña ao primeiro periodicidade quincenal para pasar despois a aparecer mensualmente ata que o comezo da Guerra Civil española fixo que desaparecera. Constaba de catro páxinas e editábase na cidade de Ourense. En 1936 o seu director foi José de Castro Arines. Entre os seus colaboradores estiveron os principais dirixentes da FMG: Celso Emilio Ferreiro, Francisco Fernández del Riego, Xaime Illa Couto, Aquilino Iglesia Alvariño, Manuel Vázquez Martín, Cesáreo Múñiz e Antonio Moure.

Intersindical Nacional Galega

A Intersindical Nacional Galega (ING) foi un sindicato nacionalista galego que se formou en marzo de 1977 da unión do Sindicato Obreiro Galego, UTEG, UTSG, UTBG e o SGTM. Francisco García Montes foi o seu secretario xeral. Celebrou o seu primeiro Congreso en outubro de 1977.

Nas primeiras eleccións sindicais de 1978 a ING converteuse no terceiro sindicato de Galicia con 722 delegados (13'5%). En setembro de 1980 fusionouse coa Central de Traballadores Galegos, co que a finais de ano conseguiron o status de sindicato máis representativo ao superar o 15% e obteren 1.679 delegados (17'5%). Denominouse Intersindical Nacional dos Traballadores Galegos (INTG) a partir de 1981.

Inzar

Inzar foi unha formación política galega de esquerdas que estivo activa entre 1991 e 2012.

Liga Gallega (Santiago de Compostela)

A Liga Gallega foi unha organización rexionalista católico tradicionalista fundada en Santiago de Compostela. Activa entre 1898 e 1900. Presidida por Alfredo Brañas e con Salvador Cabeza de León na secretaría. Tivo escasa actividade.

Foi unha das correntes nas que se bifurcou a Asociación Regionalista Gallega, presidida por Manuel Murguía. A Liga Gallega de Santiago tivo unha inspiración conservadora, fronte á Liga Gallega da Coruña, máis liberal.

Mocedade Galeguista da Coruña

A Mocedade Galeguista da Coruña era a organización xuvenil da agrupación local do Partido Galeguista da Coruña, formouse o 3 de febreiro de 1932 e foi a primeira das mocidades galeguistas en se constituír. Integrouse na Federación de Mocedades Galeguistas cando se formou en 1934. O seu secretario xeral era Jenaro Marinhas del Valle.

A MG da Coruña traballou por establecer unha fronte con outras organizacións equivalentes da esquerda pero o Consello Nacional da Federación de Mocedades Galeguistas opúxose a calquera alianza con outras organizacións.

Mocedade Galeguista de Ourense

A Mocedade Galeguista de Ourense era a organización xuvenil da agrupación local do Partido Galeguista de Ourense, formouse en 1932 e constituíu unha das primeiras mocedades galeguistas en se constituír e tamén das máis activas. Integrouse na Federación de Mocedades Galeguistas cando se formou en 1934. É foi a agrupación de Ourense a encargada de organizar as tres asembleas xerais da Federación. O seu secretario xeral era Vicente Bóveda.

No seu seo funcionaba un Círculo de Estudios, que organizaba conferencias semanais de líderes do PG, e seccións de Excursións e Deportes que organizaba excursións polos concellos da provincia de Ourense e Música e Declamación para a posta en escena de obras de teatro. En abril de 1936 formouse un Grupo Feminino dirixido por Rosa Docampo.

Mocedade Galeguista de Santiago

A Mocedade Galeguista de Santiago era a organización xuvenil da agrupación local do Partido Galeguista de Santiago de Compostela. Integrouse na Federación de Mocedades Galeguistas cando se formou en 1934. Domingo Fernández del Riego era o seu secretario xeral.

A MG de Santiago formábana principalmente estudantes da Universidade e a súa principal reivindicación foi a da súa galeguización, realizando moitas das súas actividades a través da Federación Universitaria Escolar (FUE) que contaba cun importante sector galeguista.

Mocedade Galeguista de Vigo

A Mocedade Galeguista de Vigo era a organización xuvenil da agrupación local do Partido Galeguista de Vigo, formouse o 2 de novembro de 1933. Integrouse na Federación de Mocedades Galeguistas cando se formou en 1934. O seu secretario xeral era Xaime Illa Couto.

Movemento Estudantil Universitario

A asociación estudantil Movemento Estudantil Universitario é unha organización de representación de estudantes universitarios con presenza na universidade galega. Nada en decembro do 2010, aposta por unha universidade única, pública, galega, internacional, cogobernada e corresponsábel.

Movimento Defesa da Língua

O Movimento Defesa da Língua é unha organización reintegracionista e asemblearia, de acción social de base, que ten como obxectivo a normalización e naturalización da lingua portuguesa en Galiza.

Partido Galeguista (histórico)

Este artigo trata do Partido Galeguista fundado en decembro de 1931. Para outras organizacións políticas co mesmo nome, vexa Partido Galeguista.

O Partido Galeguista foi un partido fundado en decembro de 1931 de carácter nacionalista galego e con relevancia na política da Segunda República. O seu órgano de prensa foi A Nosa Terra e a sección xuvenil, a Federación de Mocedades Galeguistas, fundouse en xaneiro de 1934 e contaba con 1.000 afiliados.

Sindicato Obreiro Galego

O Sindicato Obreiro Galego (SOG) foi un sindicato galego de orientación nacionalista e de esquerdas. O seu voceiro era O Eixo e editaba outros voceiros comarcais e sectoriais.

Unidade Galega (coalición)

Para o partido político formado en 1991, vexa Unidade Galega (partido)

Unidade Galega (UG), foi unha coalición formada polo Partido Obreiro Galego, o Partido Socialista Galego e o Partido Galeguista en 1979.

A fin da coalición era a defensa dunha autonomía semellante á de Cataluña e o País Vasco e a consecución dun grupo nacionalista no Congreso dos Deputados para negociar o Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981. Aínda que nas eleccións xerais de 1979 obtivo 58.391 votos (5'35 %) non conseguiu representación parlamentaria. Nas eleccións municipais de 1979 tivo 68.759 votos (6'35 %) e conseguiu 141 concelleiros e a alcaldía da Coruña para Domingos Merino.

As diferenzas no seo da Unidade Galega sobre a estratexia a seguir no proceso autonómico e a diferente postura dos partidos integrantes sobre a conveniencia de entrar na Comisión dos 16 (encargada de elaborar o proxecto de Estatuto) levaron á desaparición da coalición a finais de 1980.

Vangarda Nazonalista Galega

Vangarda Nazonalista Galega foi un partido independentista galego que actuou no ano 1933.

Partidos políticos
Sindicatos
Organizacións armadas
Asociacións xuvenís e de estudantes
Movementos sociais

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.