Federación Anarquista Ibérica

A Federación Anarquista Ibérica (FAI) é unha organización fundada en 1927 en El Saler (Valencia) como continuación de dúas organizacións anarquistas, a portuguesa Unión Anarquista Portuguesa, e a española Federación Nacional de Grupos Anarquistas de España malia que foi fundamentalmente unha organización española[1]. Na actualidade a organización forma parte da Internacional de Federacións Anarquistas.

Bandera CNT-FAI
Bandeira da CNT-FAI

Traxectoria

Desde a súa fundación ata a chegada da ditadura franquista desempeñou un papel importante no movemento obreiro español, sobre todo a través da denominada trabazón coa CNT, coa presenza de elementos faístas na organización anarcosindicalista. A intención era que o sindicato non se afastase dos postulados ácratas. Desta maneira, na década dos anos 30 o sector faísta da CNT opúxose ó sector trintista.

A súa organización estaba baseada sobre grupos pequenos de activistas autónomos. A FAI permaneceu como unha organización secreta, incluso despois do recoñecemento da súa existencia dous anos despois da súa formación. A súa natureza subrepticia fai difícil xulgar a extensión numérica dos seus membros. Estímase que xusto antes da revolución rondaba entre os 5.000 e 30.000, se ben esta cantidade aumentou drasticamente durante os primeiros meses da guerra civil.

A FAI non foi idealmente libertaria. Porén, esta non era autoritaria nos seus métodos reais; era permitida a liberdade de disentimento para os seus membros. En efecto, a organización total da FAI era moi relaxada, a diferenza do que significaba o modelo de "alianza" de Bakunin.

A FAI foi militarmente revolucionaria, con accións que incluían os roubos de bancos para a adquisición de fondos, e a organización de folgas xerais, pero ás veces chegou a ser máis oportunista. Apoiou esforzos moderados en contra da ditadura de Primo de Rivera, e en 1936 contribuíu ó establecemento da colaboracionista Fronte Popular.

A FAI edita un periódico mensual chamado Tierra y Libertad.

En Galicia

A Federación Anarquista Ibérica comezou a súa implantación en Galicia en abril de 1931 ao se constituír a agrupación local da Coruña, seguíalle o núcleo local de Santiago de Compostela. En 1933 constituiuse o Comité Regional Galaico da FAI con 16 grupos locais e aproximadamente 150 afiliados, ademais da Coruña eran numerosas as agrupacións de Ferrol e Vigo. Na súa maioría os militantes da FAI eran cadros da CNT que se encargaban da acción directa no seo da CNT a través a formación de Comités de Defensa o que causaba tensións co sector moderado da CNT.

Notas

  1. Murray Bookchin The Spanish Anarchists: The Heroic Years, 1868-1936. AK Press, 1998, páxina 196

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Anarcosindicalismo

O anarcosindicalismo é unha das ramas do anarquismo vinculada ó movemento obreiro a través do sindicalismo. É un método de organización e de loita dos traballadores a través dos sindicatos. É o resultado da síntese do anarquismo e a acción sindical revolucionaria. Diferénciase doutros movementos anarquistas en que o seu ámbito de actuación característico (aínda que non exclusivo) é o mundo do traballo, complementándose con outras organizacións de similar ideoloxía para a consecución das fins perseguidas.

Antonio Martín Escudero

Antonio Martín Escudero, nado en Belvis de Monroy (provincia de Cáceres) o 17 de xaneiro de 1895 e finado en Bellver de Cerdanya (provincia de Lleida) o 27 de abril de 1937, máis coñecido como El Cojo de Málaga pola coxeira causada por unha osteíte na súa perna dereita, foi un anarcosindicalista e militante anarquista da Federación Anarquista Ibérica.

Antonio Ortiz Ramírez

Antonio Ortiz Ramírez, nado en Barcelona o 13 de abril de 1907 e falecido o 2 de abril de 1996, foi militante da Confederación Nacional do Traballo e da Federación Anarquista Ibérica, carpinteiro-ebanista de profesión. Pertenceu ao grupo de afinidade "Nosotros". Foi Comandante da 25ª división republicana e Oficial do exército francés.

Aurelio Fernández Sánchez

Aurelio Fernández Sánchez, nado en Oviedo en 1897 e finado en Puebla (México) en 1974, foi un dirixente obreiro anarquista.

Brazo y Cerebro

Brazo y Cerebro foi un periódico editado na Coruña entre 1935 e 1936.

Comité de Milicias Antifascistas de Cataluña

O Comité de Milicias Antifascistas de Cataluña foi un organismo creado o 21 de xullo de 1936 en Barcelona por Lluís Companys, a iniciativa da Confederación Nacional do Traballo e a Federación Anarquista Ibérica, para organizar militarmente as forzas que loitaban contra o alzamento militar en Cataluña durante a guerra civil española e para coordinar os grupos armados de milicianos que saían cara a fronte de Aragón. Na práctica, o Comité deu resposta á nova correlación de forzas xordida logo do frcaso do Alzamento Nacional en Cataluña, e foi o órgano efectivo de goberno entre xullo e setembro de 1936, ante a situación revolucionaria que dominaba o país.

O Comité tiña representantes das organizacións sindicais e os partidos da Fronte Popular, sendo o predominio anarcosindicalista, baixo as figuras de Joan García Oliver, Buenaventura Durruti e Diego Abad de Santillán, que tamén impuxeron un Consello Supremo de Economía en Cataluña para dirixir o proceso de colectivizacións en fabricas e empresas.

Figuraron no primeiro comité central tres dirixentes da CNT (Buenaventura Durruti, José Asens e Joan García Oliver), dous da FAI (Diego Abad de Santillán e Aurelio Fernández Sánchez), dous da Unión Xeral de Traballadores (José del Barrio, Salvador González e Antonio López Raimundo) un do PSUC (Josep Miret i Musté), dous do POUM (Josep Rovira i Canals e Julián Gorkin), tres de ERC (Artemi Aiguader i Miró, Jaume Miravitlles i Navarra e Joan Pons), un da Unió de Rabassaires (Josep Torrents), un de Acció Catalana Republicana (Tomàs Fàbregues), e Lluís Prunés e dous militares, asesores da Generalitat (Vicenç Guarner e Josep Guarner).

O comité organizaba as milicias obreiras e as columnas que partían á fronte, principalmente á de Aragón. Foi disolto o 27 de setembro de 1936 polo mesmo Companys cando a situación se estabiliza e chegaba cun único centro de poder político garantido polo goberno da Generalitat de Cataluña, no que se integrasen representantes do Comité. Á súa volta, as milicias obreiras militarizadas foron absorbidas polo exército regular republicano.

Desiderio Comesaña Prado

Desiderio Comesaña Prado, nado en Pontevedra en 1900 e falecido na mesma cidade en 1956, foi un anarcosindicalista galego, implantador do sindicato Confederación Nacional do Traballo nas comarcas de Pontevedra, O Morrazo e O Salnés durante a Segunda República Española.

Emilio Costas Fernández

Emilio Costas Fernández, nado en Tui en 1914 e fusilado no monte Aloia o 26 de xullo de 1936, foi un panadeiro e militante anarcosindicalista galego de comezos do século XX.

Francisco Iturralde Cabeza de Vaca

Francisco Iturralde Cabeza de Vaca, nado en Valladolid en 1896 e fusilado en Ferrol o 10 de setembro de 1936, foi un anarcosindicalista, que traballou como oficial de telégrafos e matemático.

Guillermo Barros Cela

Guillermo Barros Cela, nado en Vigo o 16 de xullo de 1914 e finado na mesma cidade o 12 de decembro de 2009, foi un sindicalista galego.

Internacional de Federacións Anarquistas

A Internacional de Federacións Anarquistas (IFA) é unha organización específica anarquista de carácter transnacional fundada en 1968. O seu obxectivo é contrarrestar o poder do Estado e o capitalismo na era da globalización, construíndo e fortalecendo estruturas anarquistas internacionais efectivas.

A organización xurdiu dunha conferencia internacional de anarquistas en Carrara, Italia, participando as tres federacións existentes naquel momento a nivel europeo: Federazione Anarchica Italiana (Italia), Fédération Anarchiste (Francia) e Federación Anarquista Ibérica (España e Portugal), á que se sumou a Federación de Bulgaria, no exilio Francia. A IFA mantén contactos con outras organizacións de ideoloxía anarquista, como a Asociación Internacional dos Traballadores, anarcosindicalista.

A organización baséase nos principios do federalismo, o acordo libre e a axuda mutua, e conta cun secretariado internacional chamado Comisión de Relacións Internacionais das Federaciones Anarquistas (CRIFA), que é rotatorio entre as federacións nacionais afiliadas á IFA.

José Monzo

José Monzo Ríos, nado na Tenencia (Sada) en 1906 e morto en Sada o 19 de xuño de 1938, foi un sindicalista anarquista galego.

Los Solidarios

O grupo Los Solidarios, tamén coñecido como Crisol, foi un grupo de acción armada formado entre 1922 e 1923 en Barcelona como resposta á guerra sucia emprendida por sectores patronais e gobernamentais contra os sindicatos.

Xordeu como sucesor dun grupo anterior chamado "Los Justicieros" creado en Zaragoza.

Integrado por anarcosindicalistas, montaron unha rede para a compra e depósito de armas coas que se atentaba contra elementos do Sindicato Libre patronal. Atribúenselles atracos a bancos como o do Banco de España (setembro de 1923) ou o asasinato do cardeal zaragozano Juan Soldevila y Romero (1923). Despois deste feito e coa presión da ditadura de Primo de Rivera, Durruti, Ascaso e outros membros fuxiron a Francia primeiro e a América Latina despois, onde se lles imputan máis atracos. Volveron a Europa establecéndose en Francia, onde viviron clandestinamente despois de seren acusados de intentar asasinar ó rei Alfonso XIII nunha visita a París. Expulsados finalmente dese país, establecéronse en Bélxica, onde lles foi permitida a residencia. Coa proclamación da República (1931) algúns dos membros que puideron volver a Cataluña deciden ingresar na Federación Anarquista Ibérica co nome de "Nosotros", aínda que con posicións máis radicais que as da federación. Ó declararse a guerra civil española o grupo deixou de actuar como tal.

Consérvase unha gravación sonora dun discurso de Joan García Oliver cualificando ós membros do grupo, incluíndose el mesmo, como os mellores terroristas da clase traballadora, os que mellor podían devolver golpe por golpe o terrorismo branco contra o proletariado como os asasinatos de Salvador Seguí ou Francesc Layret por parte da patronal.

Mujeres Libres

Mujeres Libres foi unha organización feminista dentro do anarcosindicalismo español que existiu entre abril de 1936 a febreiro de 1939, durante a guerra civil española. Xunto á Confederación Nacional do Traballo, a Federación Ibérica de Mocidades Libertarias e a Federación Anarquista Ibérica constituíu unha das organizacións clásicas do movemento libertario español.

Malia a igualdade de xénero que propuña a CNT dende as súas orixes, moitas das mulleres que militaban no movemento pensaron que era preciso que houbese unha organización específica para desenvolver plenamente as súas capacidades e a súa loita política.

Rogelio Leal López

Rogelio Leal López, nado en Piñeiros (Narón) en 1896 e finado no mesmo lugar en 1990, foi un sindicalista e político galego.

Sucesos de maio

Os sucesos de maio foron unha serie de enfrontamentos acontecidos principalmente entre o 3 e o 8 de maio de 1937 en diversas localidades de Cataluña, con epicentro en Barcelona, entre os sectores propicios ó mantemento da Revolución (boa parte da CNT, a Federación Anarquista Ibérica, o POUM e outros grupos menores como a Agrupación de los Amigos de Durruti ou a trotskista Sección Bolchevique-Leninista de España) e os proclives a un regreso á legalidade da República (principalmente as autoridades e os partidos PSUC, extensión do Partido Comunista en Cataluña, Esquerra Republicana de Catalunya e Estat Català). Un terceiro sector estaba composto pola parte máis "posibilista" da CNT, partidaria do cesamento inmediato das hostilidades entre os sectores anteriores.

O autor inglés George Orwell describiu os feitos, nos que se viu involucrado, no libro Homage to Catalonia. Tamén os suecos Ture Nerman e August Spångberg estiveron presentes en Barcelona, e deron conta das súas experiencias nas súas autobiografías.

Tierra y Libertad (periódico)

Tierra y Libertad é un periódico español de ideoloxía anarquista editado pola Federación Anarquista Ibérica.

Tierra y libertad

A expresión castelá Tierra y Libertad pode referirse a:

un periódico anarquista ruso creado en 1888;

Tierra y Libertad, voceiro da Federación Anarquista Ibérica;

un lema relacionado co Partido Liberal Mexicano, Emiliano Zapata e a Revolución Mexicana;

unha columna de milicianos anarquistas da guerra civil española;

un periódico mexicano fundado por exiliados anarquistas trala guerra civil española;

Tierra y Libertad, documental dirixido en 1978 por Maurice Bulbulian;

Land and Freedom, filme dirixido en 1995 por Ken Loach.

Ángel Carballeira Rego

Ángel Carballeira Rego, nado en Lanzós (Vilalba) o 19 de marzo de 1907 e finado en Perpiñán (Francia) en xullo de 1963, foi un militante e resistente anarquista galego, tamén citado como "Rejo". Foi membro destacado da Federación Anarquista Ibérica e desenvolveu cargos de responsabilidade na CNT durante a Guerra Civil Española.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.