Federación

Unha federación (do latín fœdus, "pacto") é un estado conformado pola reunión de varias entidades territoriais. Tamén adoita denominarse estado federal, xeralmente ten un sistema político republicano, constituíndo unha república federal, e excepcionalmente monárquico.

As federacións están compostas por divisións territoriais que se autogobernan, denominadas xeralmente estados, cantóns, rexións, provincias ou mesmo doutro modo. Estas divisións gozan dun maior ou menor grao de autonomía pero , en calquera caso, teñen facultades de goberno ou lexislación sobre determinadas materias, distintas das que corresponden á administración federal (goberno da federación). O status de autogoberno das rexións que o compoñen está establecido pola súa constitución e, normalmente, non pode alterarse unilateralmente por decisión do goberno da federación.

O modelo federal pode chegar incluso ao dereito de autodeterminación dos territorios federados, como ocorreu durante o desmembramento da Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas. O termo contraponse ao de estado unitario ou centralizado.

As federacións poden ser multiétnicas ou estenderse por amplos territorios, aínda que non necesariamente ten por que darse algunha destas situacións. Con frecuencia as federacións constitúense sobre un acordo orixinal entre estados soberanos. Os estados que forman a federación non acostuman ter dereito a separarse unilateralmente da mesma. Entre as federacións máis significativas contemporáneas están os EUA, México, Arxentina, o Brasil, a India, Rusia, Alemaña ou Venezuela.

A organización política ou estrutura constitucional que caracteriza unha federación coñécese como federalismo.

Map of federal states
Mapa cos estados federais.

Federacións e outras formas de estado

Map of USA with state names gl
Mapa dos Estados Unidos de América amosando os 50 estados que o compoñen.
Mexico states map w names
Mapa dos Estados Unidos Mexicanos (México) amosando os 31 estados que o compoñen e o Distrito Federal.

As partes que compoñen unha federación coñécense xeralmente co nome de "estados", polo que para diferencialos dos "estados nacionais" adoitan ser denominados "estados federados". Os mencionados estados poden considerarse dotados de certa soberanía, xa que certas competencias estanlle reservadas con exclusión do goberno federal. Porén, unha federación é algo máis que unha mera alianza de estados independentes. Os estados que forman unha federación xeralmente non teñen competencia en asuntos de política exterior, e polo tanto carecen da consideración de independentes baixo o dereito internacional.

Algúns países utilizan nomes distintos (e distintivos) para denominar as súas partes federadas: en Suíza son coñecidos como "cantóns", e no Canadá como "provincias".

As federacións acostuman exhibir unha estrutura administrativa na que dous niveis de goberno exercen as súas facultades sobre unha soa xurisdición, quedando algunhas atribucións reservadas ao goberno federal, outras aos gobernos locais, e un terceiro grupo delas que poden ser concorrentes. Poden darse excepcións, quedando algunhas partes da federación baixo control directo do goberno federal, como ocorre no caso dos 'territorios' autónomos do Canadá e Australia, co Distrito de Columbia dos Estados Unidos así como co Distrito Federal en México. Neste último caso, o goberno federal está dotado de facultades constitucionais especiais en materia de instalación e remoción dalgunhas estruturas do goberno local, o que impide que a entidade sexa un verdadeiro estado federado.

Malia o anteriormente sinalado, non é necesariamente característico dunha federación que exista unha gran rexión central (unha "metrópole") baixo o control directo do goberno federal. Seguindo co exemplo de México, a zona metropolitana da Cidade de México abarca tal extensión que nela concorren un goberno federal, dous gobernos locais, cincuenta e dous municipais e dezaseis administracións delegacionais, diminuíndo a inxerencia do goberno federal na última década fronte ao aumento do poder dos gobernos locais.

Formas de xurdimento das federacións

Unha federación pode xurdir de varias maneiras, dependendo da orixe das súas partes constituíntes:

Pode nacer, e este é o caso máis frecuente, como resultado dun acordo inicial entre estados independentes que se unen para resolver problemas comúns ou dotarse dunha defensa mutua. Este foi o caso dos Estados Unidos, o Canadá, Australia e Arxentina.

Pode xurdir dun proceso contrario, dun país orixinalmente centralista no que unha reforma constitucional ou un movemento armado logran certo grao de autonomía para distintas rexións. Este é o caso de México.

Pode ser tamén o resultado dunha confederación de estados independentes que deciden estreitar aínda máis os seus lazos. Este é o caso de Suíza, que é unha federación, malia manter a denominación de "confederación" no seu nome oficial (Confederación Helvética). (Ver máis abaixo 'Confederación')

E por último, pode nacer como unha federación de federacións, aínda que este esquema funciona máis como un organismo internacional que como un estado nacional. Este é o caso da Comunidade de Estados Independentes que xurdiu ao desintegrarse a Unión Soviética.

Estados unitarios

Regiones de China
China constitúe un exemplo de federación sen lexislación formal.

Un estado unitario é o que ten un único nivel de goberno nacional centralizado. Porén, os estados unitarios tamén poden contar cunha ou máis rexións que se autogobernen. A diferenza entre unha federación e esta clase de estado unitario é que a autonomía das rexións con autogoberno tan só é tolerada polo goberno central, que a pode reverter unilateralmente.

Mentres que unha federación adoita xurdir por acordo de estados formalmente independentes, nun estado unitario as rexións de autogoberno acostúmanse crear mediante procesos de descentralización, onde un estado previamente centralista concede autonomía a rexións que anteriormente foran totalmente subordinadas. Así as federacións adoitan constituírse de forma voluntaria "de abaixo arriba", mentres que a descentralización transfire o autogoberno ás rexións "de arriba a abaixo".

A filosofía dun estado unitario adoita soster que, á marxe da condición de calquera das súas partes integrantes, todo o seu territorio constitúe unha única entidade de soberanía ou estado-nación e que, en virtude deste feito, o goberno central exerce a dita soberanía por dereito. Por outra parte, nunha federación normalmente considérase que a soberanía en termos prácticos reside nos seus estados integrantes ou é compartida entre estes e a federación.

A distinción entre federación e estado unitario pode resultar ambigua. Un estado unitario pode ter unha aparencia próxima á dunha federación na súa estrutura e, aínda que un goberno central tivese a facultade teórica de revogar a autonomía dunha rexión de autogoberno, levar esa prerrogativa á práctica podería ser dunha extremada dificultade política.

Autonomous communities of Spain
Comunidades autónomas de España.

As rexións de autogoberno dalgúns estados unitarios acostuman desfrutar dunha maior autonomía que os estados dalgunhas federacións. Por estas razóns ás veces mantense a tese de que certos estados unitarios modernos son federacións de facto, xa que non son formalmente federais, namentres que outros os conceptualizan como estados rexionais.

Algúns suxiren que o caso de España é unha federación de facto, xa que concede certo autogoberno ás súas comunidades autónomas, aínda que realmente é un estado unitario. Unha diferenza destacada en todo caso entre un estado federal e un estado rexional/autonómico obsérvase na capacidade constituínte dos estados e na existencia dunha organización completa (lexislativa, executiva, xudicial) dentro dos mesmos a diferenza do Estado rexional/autonómico, onde a norma de organización é estatal (no caso de España, Lei Orgánica) e o poder xudicial é único (Artigo 117 da Constitución Española).

Unha federación de facto levouse a cabo na República Popular China sen lexislación formal. Isto tivo lugar a medida que se acometían transferencias de poder ás provincias, en grande medida informais, para xestionar asuntos económicos e para a implementación das políticas nacionais. Xerouse así un sistema dado a chamar "federalismo de facto con características chinesas".

Outras formas de estado

Confederación

Carte suisse2
A Confederación Helvética e os seus 26 cantóns

Sendo distinta dun estado unitario, unha federación tamén se diferencia dunha confederación. Esta posúe unha estrutura semellante á dunha federación, pero cun goberno central diminuído en relación a un goberno federal.

Unha confederación pode consistir tamén nunha serie de estados que, mentres que en certos aspectos puntuais comparten soberanía temporalmente, son considerados totalmente soberanos e manteñen o dereito a separarse unilateralmente.

É en ocasións unha alianza mínima, pero noutros casos a distinción entre unha federación e unha confederación pode ser ambigua. Como xa se dixo anteriormente, Suíza é formalmente a "Confederación Helvética", pero a súa estrutura é similar á de moitos estados federais.

Imperio

Un imperio é un estado multiétnico ou un conxunto de nacións cun goberno central establecido mediante a forza. Un imperio con frecuencia posúe rexións de autogoberno, pero estas están dotadas de autonomía só na medida en que é tolerada polo goberno central.

A voz imperio, exceptuando o seu uso en sentido figurado, aplícase normalmente a unha entidade gobernada por un emperador, aínda que o seu papel constitucional sexa simplemente cerimonial. En ocasións un imperio tamén pode consistir en diversos reinos organizados en torno a un "sumo rei" designado emperador.

Unión Soviética

USSR Republics Numbered Alphabetically
A Unión Soviética e as súas 15 repúblicas

A constitución da Unión Soviética (URSS), 1922-1991, daba lugar teórico á federación ou confederación "voluntaria" das repúblicas socialistas soviéticas.

Pódese dicir que cada unha estaba gobernada polo seu propio consello supremo e tiña dereito a separarse. De feito, algunhas repúblicas contarían incluso con maior autogoberno.

Porén, na práctica, o sistema de goberno baseado no partido único significou unha enorme centralización real da Unión, dado que as decisións importantes era tomadas polos dirixentes do Partido Comunista en Moscova e simplemente rubricadas polas institucións locais.

Coa chegada da posibilidade de eleccións multipartidistas, nos últimos tempos da URSS, o federalismo teórico da Unión chegou a ser unha realidade na práctica. Isto tivo lugar só de forma pasaxeira durante un breve período, a medida que os gobernos elixidos en moitas repúblicas reclamaban o seu dereito á separación e deviñan estados independentes. Deste modo, o sistema federal de iure desempeñou un papel clave na disolución da Unión.

Rusia

Existe a teoría de que a Federación Rusa non é unha federación no sentido estrito da palabra. Consiste na rexión metrópole de 'Rusia' e certo número de repúblicas autónomas ou oblasts. A rexión propiamente rusa contén á gran maioría da poboación.

As corenta e unha provincias nas que se divide quedan baixo control directo do goberno nacional en Moscova. As restantes rexións de autogoberno posúen unha escasa autonomía xenuína.

Unión Europea

A Unión Europea (UE) posúe algúns dos atributos dun estado federal, pero o seu goberno central ten moitas menos atribucións que o da maioría das federacións, de modo que se caracteriza como certo tipo de alianza supranacional, confederación ou unión sen precedentes.

En particular os Estados Membros da UE teñen dereito a obrar de forma independente en asuntos de política exterior e defensa, así como a case exclusividade noutros apartados de importancia como a xustiza penal e Facenda.

Os Estados Membros son entidades soberanas e independentes de acordo ó dereito internacional, e con capacidade 'de iure para separarse da Unión.

Estrutura constitucional

División de competencias

Nunha federación, a división de poderes entre os gobernos rexionais e o federal está esquematizada na constitución. Así o dereito dos estados compoñentes ao autogoberno adoita estar arraigado constitucionalmente. Os estados de autogoberno xeralmente teñen as súas propias constitucións, que poden modificar se o estiman conveniente, aínda que en caso de conflito normalmente prima o criterio da constitución federal.

En case tódalas federacións o goberno central adxudícase as competencias de política exterior e defensa. Se non se dá este caso non estamos ante un estado soberano único. Á marxe disto, a división exacta de poderes varía dun país a outro. A Constitución dos Estados Unidos establece que toda competencia que non sexa concedida de forma explícita ao goberno federal quedará en mans dos estados da Unión. Por outra parte, a Constitución do Canadá indica o contrario: as competencias non transferidas explicitamente aos gobernos provinciais reverten no goberno central. En Alemaña a división de competencias é máis de administración que de contido: o goberno federal adoita limitarse a emitir directivas ós Länder (autogobernos rexionais), que estes interpretan e implementan con ampla liberdade. Na República Popular China, considerada unha federación de facto, o goberno establece de forma xeral unha política e uns obxectivos económicos, deixando a súa execución en mans dos gobernos provinciais.

Federalismo simétrico e asimétrico

Fálase de federalismo simétrico cando os distintos estados dunha federación posúen as mesmas competencias. Está baseado na igualdade de competencias para cada entidade rexional, tendo cada territorio os mesmos poderes.

Cando a cada estado se lle conceden distintas competencias ou uns posúen maior grao de autonomía que outros fálase de federalismo asimétrico. Isto sóese levar a cabo cando se trata de recoñecer a existencia dunha cultura diferente en certa rexión ou conglomerado de rexións. O exemplo dunha federación asimétrica é o Canadá, onde Quebec goza de maiores competencias en materia cultural e lingüística.

Non é estraño que durante a evolución histórica dunha federación poida darse unha transferencia gradual de poder desde os estados integrantes cara o centro, adquirindo o goberno federal maiores competencias para facer fronte a hipotéticas circunstancias non previstas. A adquisición de novas competencias por parte do goberno federal pode darse a través de emendas formais á constitución ou mediante unha interpretación xurisprudencial máis ampla das competencias constitucionais xa existentes. Pero de igual modo, o goberno federal pode conceder maiores competencias ós estados integrantes para mellor xestión dos recursos de acordo a cada necesidade, pois desde un goberno federal totalmente centralizado é case imposible coñecer con detalle as necesidades de cada estado que o forma.

Pola contra, en España cada vez as autonomías contan con maiores competencias, cedidas por parte do estado, se ben non tódalas autonomías contan coas mesmas competencias.

Órganos de goberno

A maioría dos gobernos federais está inscrita dentro de estruturas que incorporan mecanismos para protexer os dereitos dos estados integrantes. Un destes mecanismos, coñecido como federalismo intraestatal, consiste en dar representación directa ós gobernos dos estados integrantes nas institucións políticas federais. Cando unha federación conta cun órgano lexislativo bicameral decotío a cámara alta é a representación dos estados integrantes, en tanto que a cámara baixa representa ó total da cidadanía do estado. Unha cámara alta federal pode basearse nun esquema de igual representación territorial, como no caso do Senado dos Estados Unidos e o de Australia, nos que a cada estado se lle atribúe o mesmo número de representantes, sen ter en conta o seu peso poboacional.

Unha práctica distinta consiste na elección indirecta dos membros da cámara alta por parte dos gobernos ou órganos lexislativos dos estados integrantes, como era caso dos Estados Unidos antes de 1931, ou ser membros ou delegados dos gobernos rexionais, como no caso do Bundesrat alemán. A cámara baixa dun órgano lexislativo federal adoita ser de elección directa, cunha repartición da representación que é proporcional ó peso demográfico de cada rexión, aínda que se pode facer provisión dunha representación mínima por rexión de certo número de escanos.

As federacións normalmente contan con procedementos especiais para a reforma da constitución federal. Isto pode garantir que o autogoberno dos estados integrantes non sexa abolido sen o seu consentimento. Unha emenda á Constitución dos Estados Unidos debe ser ratificada por tres cuartas partes das asembleas lexislativas estatais ou ben por xuntas constituíntes elixidas para a ocasión en cada un dos estados. Nos plebiscitos de reforma constitucional de Australia e Suíza requírese que a proposta non sexa aprobada só por unha maioría da totalidade do electorado do país, senón por maiorías rexionais nunha maioría de estados ou cantóns.

Algunhas constitucións federais establecen que certas reformas non poidan levarse a cabo sen o consentimento unánime de tódolos estados ou dun estado en particular. A Constitución dos Estados Unidos indica que ningún estado pode ser privado sen o seu consentimento dunha representación igual no Senado. En Australia, se se propón unha reforma que afectará especificamente a un ou varios estados, debe ser plebiscitada en cada un deses estados. A Lei Básica alemá especifica a imposibilidade de levar a cabo emendas que supoñan a abolición do sistema federal.

Outros termos técnicos

  • Federalismo fiscal - federalismo que implica a transferencia de fondos entre diferentes niveis de goberno.
  • Federalismo formal (ou 'federalismo constitucional') – o esquema básico de poderes está trazado na constitución.
  • Federalismo executivo (tamén chamado 'federalismo administrativo').

O federalismo como filosofía política

O significado de federalismo como movemento político e o que en si constitúe un "federalista", varía co país e o contexto histórico. Os movementos asociados coa instauración ou desenvolvemento de federacións poden ter un carácter tanto centralista como descentralizador. Por exemplo, na época dos nacementos destes países, os "federalistas" en Estados Unidos e Australia eran os que propugnaban a creación de gobernos centrais fortes. De igual modo, na Unión Europea, os federalistas perseguen unha maior integración política. Porén, en España e na Alemaña da posguerra, os movementos pro-federais buscaban a descentralización: a transferencia de poder desde as autoridades centrais cara órganos locais.

Debate e conflito interno

Certas disputas políticas e constitucionais son inherentes ás federacións. Por exemplo, o repartimento preciso de facultades e responsabilidade entre os gobernos federal e rexional adoita ser unha fonte de disputa. Decotío, como ocorre nos Estados Unidos, tales conflitos son resoltos pola vía xudicial, que delimita as competencias dos gobernos federal e locais. A relación existente entre os tribunais federais e locais é distinta de país en país e pode ser un tema problemático e complexo en si mesmo.

Outro lugar común dos sistemas federais é o conflito entre os intereses nacionais e os rexionais, ou entre os intereses e aspiracións dos distintos grupos étnicos. Nalgunhas federacións existe unha relativa homoxeneidade en todo o seu territorio, sendo cada estado integrante practicamente unha versión en miniatura de todo o conxunto. Isto recibe o nome de federalismo congruente. Por outro lado, o federalismo incongruente ten lugar cando os distintos autogobernos teñen a súa razón de ser en distintos grupos étnicos.

A capacidade dun goberno federal de crear institucións nacionais que poidan arbitrar as diferenzas rexionais debidas a motivos lingüísticos, étnicos, relixiosos ou doutra orde é un reto importante. A incapacidade de dar resposta a este reto pode dar lugar á disgregación de partes da federación ou á guerra civil, como ocorreu nos Estados Unidos e en Suíza. Nalgúns casos, o conflito interno pode carrexar a desaparición da federación, como ocorreu en Nixeria, a Federación de Rodesia e Niasalandia, os Estados Unidos de Centroamérica, a Federación das Indias Occidentais, a Gran Colombia ou a Confederación Perú-boliviana.

Lista de Federacións

Contemporáneas

Federación Subdivisións Número Outras
Alemaña Estados de Alemaña 16 Bundesländer
Arxentina Provincias da Arxentina 23 provincias 1 Ciudad Autónoma
Australia Estados e Territorios de Australia 6 estados 2 territorios
Austria Estados de Austria 9 Bundesländer
Bosnia e Herzegovina División política de Bosnia e Herzegovina 2 entidades 1 distrito baixo supervisión internacional
Brasil Estados do Brasil 26 estados 1 Distrito Federal
Canadá Provincias e territorios do Canadá 10 provincias 3 territorios
Comores 3 illas
Emiratos Árabes Unidos Emiratos Árabes Unidos 7 emiratos
Estados Unidos Estados dos Estados Unidos de América 50 estados, 7 territorios 1 distrito federal
Etiopía Organización territorial de Etiopía 9 rexións 2 cidades con estatuto
India Estados e territorios da India 28 estados 7 territorios da unión
Malaisia Organización territorial de Malaisia 13 estados 3 territorios federais
México Estados de México 31 estados 1 Distrito Federal
Estados Federados de Micronesia 4 estados
Nixeria Estados de Nixeria 36 estados 1 territorio
Rusia1 Suxeitos federais de Rusia 49 oblasts, 21 repúblicas, 10 autonomius okrugs, 6 krays 2 cidades federais
Suíza Cantóns de Suíza 20 cantóns, 6 semi-cantóns
Venezuela Estados de Venezuela 23 estados, as Dependencias Federais 1 Distrito Capital

Denominacións longas

Desaparecidas

Notas

  1. Se Rusia é unha verdadeira federación ou non, aínda é obxecto de debate (véxase apartado sobre "Rusia").
  2. A URSS era unha federación segundo a letra da súa constitución pero ata os seus últimos tempos a finais dos 80 e principios dos 90 o seu goberno estaba fortemente centralizado na práctica (véxase apartado sobre a "Unión Soviética")
  3. A República Federal Socialista de Iugoslavia proclamouse oficialmente en 1963. Anteriormente a esta data o estado comunista iugoslavo chamouse Iugoslavia Federal Democrática en 1945 e República Popular de Iugoslavia en 1946 (véxase República Federal Socialista de Iugoslavia).

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Alianza Popular

Alianza Popular, coñecida tamén polas siglas AP, foi unha federación de pequenos partidos conservadores, liderados na súa maioría por ex ministros franquistas.

Bosnia e Hercegovina

Bosnia e Hercegovina (en bosníaco, croata e serbio latino: Bosna i Hercegovina, en cirílico: Босна и Херцеговина) é unha república federal dos Balcáns, que limita ao norte, oeste e sur con Croacia, ao leste con Serbia, e ao sueste con Montenegro, dispoñendo aínda dunha minúscula extensión de litoral, no Mar Adriático.

O poboación do país está composta por tres "pobos constituíntes" diferenciados, os bosníacos, o maior dos tres, en segundo lugar os serbios e finalmente os croatas. A distinción entre bosníaco e hercegovino é considerada simplemente rexional e, en ningún momento, unha distinción étnica. O país está politicamente descentralizado e consta de dúas entidades de goberno principais, a Federación de Bosnia e Hercegovina e a República Serbia, sendo o pequeno Distrito de Brčko unha terceira entidade de facto.

Antigamente foi unha das seis unidades federais que constituían a República Federal Socialista de Iugoslavia, obtendo a súa independencia durante as guerras iugoslavas da década de 1990. O estado podo ser descrito como unha república democrática federal, sendo un dos candidatos potenciais para ser membro nun futuro da Unión Europea e da OTAN.

Copa do Rei de fútbol

O Campionato de España-Copa da Súa Maxestade o Rei, comunmente coñecida como Copa do Rei ou simplemente A Copa, é un torneo futbolístico por eliminación directa que se disputa anualmente entre os mellores clubs de España. Organízao a Real Federación Española de Fútbol.

Foi creada en 1903, a raíz do éxito da Copa da Coroación disputada un ano antes, sendo o torneo nacional de fútbol máis antigo de España. Aínda que a denominación histórica e xénerica da competición é a de Campionato de España, o título da competición modificouse ao longo dos anos en función do Xefe de Estado español, que é quen outorga o trofeo. Foi a Copa do Rei entre 1903 e 1932, a Copa do Presidente da II República entre 1932 e 1936, a Copa da España Libre en 1937, o Trofeo do Xeneralísimo en 1939, a Copa do Xeneralísimo entre 1940 e 1976, e desde 1977 novamente a Copa do Rei.

O campión da 116ª edición foi o Valencia CF, tras gañar na final ao FC Barcelona por 1-2. O equipo con máis títulos é o FC Barcelona con 30 copas, seguido do Athletic Club, con 23.

División de Honra de Rugby

A División de Honra é a primeira división do rugby en España, organizada pola Federación Española de Rugby. No torneo participan os doce mellores equipos do país cun formato de liga a dúas voltas seguida dunha fase final de eliminatorias polo título. A liga disputouse por primeira vez na tempada 1952-53, e de xeito ininterrompido dende a edición 1969-70. Ó longo da súa historia dezaseis clubs teñen acadado o campionato, sendo o Club Deportivo Arquitectura e o Valladolid Rugby Asociación Club os equipos que lideran o palmarés con nove títulos de liga. A Unió Esportiva Santboiana, o Club de Rugby El Salvador e o Club de Rugby CRC Pozuelo tamén teñen gañado a liga cinco veces ou máis. Outros clubs salientables pola súa frecuente participación na competición son o Club de Rugby Cisneros, o Getxo Rugby Taldea, o Club de Rugby Ciencias, o Futbol Club Barcelona e o Rugby Club Valencia, todos eles campións con máis de 20 tempadas na máxima competición nacional.A División de Honra serve como torneo clasificatorio para o resto das competición oficiais. Os doce equipos da liga participan na fase de clasificación para a Copa do Rei. O campión de liga disputa tamén a Supercopa contra o campión de Copa, e a Copa Ibérica contra o campión de Portugal. A Federación Española de Rugby recibe cada ano unha invitación para que un equipo compita no torneo previo á Challenge Cup, a segunda competición europea máis importante a nivel de clubs trala Champions Cup. A federación ten por costume entregar esa invitación ó campión da liga, aínda que non sempre é aceptada polo club en cuestión por razóns económicas, de xeito que a presenza de algún club desta liga en competicións continentais non é regular.

A División de Honra é a máxima categoría das ligas de rugby en España. Por debaixo da División de Honra está a División de Honra B, organizada tamén pola Federación Española de Rugby, e por debaixo desta están as diversas ligas rexionais, organizadas por candansúa federación autonómica. Entre tódalas divisións existe un sistema de ascensos e descensos por méritos deportivos.

O vixente campión da División de Honra é o VRAC.

Emiratos Árabes Unidos

Os Emiratos Árabes Unidos son unha federación de emiratos situados na Península de Arabia. Limitan ó norte con Qatar e co Golfo Pérsico; ó leste co Golfo de Omán e Omán; e ó sur e oeste con Arabia Saudita. A súa planicie costeira é estéril e fúndese co deserto arábico. A federación está integrada por 7 emiratos (imarat; singular - imarah)

FIFA

A Fédération Internationale de Football Association ou Federación Internacional de Fútbol (FIFA) é a institución que dirixe internacionalmente as asociación deportivas de fútbol. Fundouse o 21 de maio de 1904 e ten a súa sede en Zúric, en Suíza. Forma parte do FA Board Internacional, organismo encargado de modificar as regras do xogo. Ademais, a FIFA organiza os campionatos mundiais de fútbol nas súas distintas modalidades.

A FIFA agrupa 209 asociacións ou federacións de fútbol de distintos países, contando con 17 países afiliados máis cá Organización das Nacións Unidas, e catro menos que a Federación Internacional de Baloncesto.

Federación Internacional de Baloncesto

A Federación Internacional de Baloncesto (en francés: Fédération Internationale de Basket-ball), máis coñecida baixo o seu acrónimo francés FIBA (pronunciado [ˈfibʌ]), é unha asociación de federacións nacionais encargada de organizar e gobernar as competicións internacionais de baloncesto.

Orixinalmente coñecida como Fédération Internationale de Basket-ball Amateur, en 1989 eliminou a derradeira palabra do seu nome oficial, aínda que seguiu mantendo as iniciais. A súa sede actual está en Xenebra, Suíza, e o seu presidente é Bob Elphinston, de Australia.

Federación Internacional do Automóbil

A Federación Internacional do Automóbil (en francés: Fédération Internationale de l'Automobile), usualmente referida como a FIA, é unha asociación sen fins de lucro establecida como a Asociación Internacional de Clubs de Automóbiles Reconnus (AIACR) o 20 de xuño de 1904 para representar os intereses das organizacións de tráfico e os usuarios de automóbiles. Para o público en xeral, a FIA é o ente que regula as principais competencias en materia de automobilismo.

Ten a súa sede principal no nº 8 da Place de la Concorde, París, Francia, componse de 213 organizacións nacionais afiliadas en 125 países en todo o mundo. O seu actual presidente é Jean Todt.

En 1950, organizaron o primeiro campionato mundial automobilístico, actualmente coñecido como a Fórmula 1.

En 1973, a FIA estendeu o seu alcance para incluír carreiras de rally, e o Rally de Monte Carlo foi o primeiro evento dese tipo organizado pola FIA.

O seu papel máis destacado é o otorgamiento de licenzas e arbitraxe das carreiras de Fórmula Un.

Federación de Mocedades Galeguistas

A Federación de Mocedades Galeguistas foi a organización xuvenil do Partido Galeguista, que se constituíu en xaneiro de 1934, agrupando a diferentes mocidades galeguistas locais que se formaran dende 1932. Contaba con arredor de 1.000 afiliados, tiña como órgano de expresión Guieiro, e entre os seus dirixentes estiveron Xaime Illa Couto, Celso Emilio Ferreiro, Xosé Velo ou Ramón Piñeiro.

Dentro da FMG o independentismo contou con moita máis aceptación que entre o PG e así na súa III Asemblea (maio de 1936) 331 membros votaron polo arredismo e 439 en contra. Tamén se decidiu nesta asemblea mudarlle o nome á organización, pasando a denominarse Federación de Mocedades Nacionalistas.

Hóckey sobre xeo

O hóckey sobre xeo é un deporte que se xoga entre dous equipos de seis xogadores con patíns sobre unha pista de xeo. Os patinadores deben dirixir un disco de caucho (puck) cun bastón longo (stick), para tratar de anotar na portaría do rival. Ao termo dun partido, o equipo que máis goles marcou gana.

Esta variante do hóckey caracterízase por ser un deporte físico; os xogadores poden realizar cargas co corpo sobre o rival para tratar de arrebatarlle o control do puck, polo que os xogadores adoitan ir equipados con toda clase de proteccións. É tamén un dos xogos máis rápidos, debido a que a fricción do disco e os patíns sobre o xeo é mínima, e un dos poucos deportes que permiten realizar cambios de xogadores de forma ilimitada e sen necesidade de interromper o xogo.

Inventouse a finais do século XIX no Canadá, onde está considerado como o seu deporte nacional. Ademais, tamén goza de bastante popularidade en Estados Unidos, Suecia, Finlandia, Europa Central e Rusia, e mesmo está considerado como a principal variante de hóckey en países do hemisferio norte con climas fríos. O seu principal órgano reitor a nivel internacional é a Federación Internacional de Hockey sobre Xeo.

Lista de países

Esta é unha lista alfabética de países do mundo.

Os países sen recoñecemento xeral sinálanse en cursiva, e se son independentes de feito, indícase cun asterisco (*) na súa situación e ofrécense máis detalles na columna de notas.

A adhesión ao sistema das Nacións Unidas divide os 206 estados listados en tres categorías: 193 estados membros, 2 estados observadores, e outros 11 estados. A columna "situación" indica estados cuxa soberanía é indiscutible (191 estados) e estados cuxa soberanía se disputa (15 estados, dos cales hai 5 estados membros, 1 estado observador e 9 estados máis).

A compilación dunha lista como esta pode ser un proceso difícil e controvertido, xa que non hai ningunha definición que sexa vinculante para todos os membros da comunidade de nacións respecto dos criterios para estado soberano. A lista ten como obxectivo incluír as entidades que foron recoñecidas como "estado de de facto" como estados soberanos, e a inclusión non debe ser vista como un endoso de calquera reclamación específica de estado en termos xurídicos.

Malaisia

Malaisia é un país do sueste asiático, constituído pola península Malaia e máis pola Malaisia oriental, no norte de Borneo. O país está situado a aproximadamente 200 km ao norte do ecuador terrestre.

O termo Malaisia ou arquipélago Malaio xa se empregaba para designar a Indonesia.

Partido dos Socialistas de Galicia

Para a historia do PSOE en Galicia antes da constitución do PSdeG véxase Partido Socialista Obrero Español en Galicia.O Partido dos Socialistas de Galicia (PSdeG) é un partido político galeguista e socialdemócrata de ámbito galego, federación do Partido Socialista Obreiro Español en Galicia.

Conta con 1.181 concelleiros e 111 alcaldías, entre elas as de 5 das 7 cidades galegas. Ademais ten 14 deputados no Parlamento de Galicia, 10 no Congreso dos Deputados e 8 no Senado.

Real Federación Española de Fútbol

A Real Federación Española de Fútbol (RFEF) é o organismo reitor do fútbol en España. Foi fundada en 1913, aínda que ten o seu antecedente directo na Federación Española de Clubs de Football, constituída en 1909. Está afiliada á FIFA, UEFA, COI e COE.

A 30 de xuño de 2007 tiña 18.286 clubs inscritos e 697.195 futbolistas federados, o que a converte na federación deportiva con máis licenzas de España.

Historicamente, desde a súa fundación, a súa sede estaba en Madrid. Desde 2003 trasladouse á veciña localidade de Las Rozas, onde se atopa a Cidade do Fútbol.

O seu actual presidente en funcións é Juan Luis Larrea, substituto de Ángel María Villar, que dirixiu a federación entre 1988 e 2017 e foi cesado por estar imputado por delitos de corrupción.

Real Federación Galega de Fútbol

A Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) é o organismo reitor do fútbol en Galicia. A RFGF organiza o Grupo 1 da Tercera División, coa axuda da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), como parte do sistema da liga española de fútbol. Tamén organiza diferentes competicións de categoría inferior á Terceira División. A FGF foi fundada en 1909 e ten sede na Coruña. En 2017 obtivo o título de Real.

Rusia

Rusia (en ruso: Россия, transliteración: Rossiia), oficialmente Federación Rusa (en ruso: Российская Федерация, transliteración: Rossiiskaia Federatsiia), é o maior país do mundo, estendéndose por case a metade de Europa e por preto dun terzo da Asia. Comprende, alén da porción continental, o enclave de Kaliningrado, no mar Báltico, e unha serie de illas e arquipélagos árticos, entre os cales os máis importantes son a Terra de Francisco Xosé, as illas Nova Zembla, a illa de Kolguev, o arquipélago da Terra do Norte, as illas de Nova Siberia e a illa de Wrangel. Inclúe tamén varias illas e arquipélagos no Extremo Oriente, en particular a illa Sakhalin, as illas Kuriles e as illas do Comandante. A porción continental limita ao norte co mar Branco, o mar de Kara, o mar de Laptev, o mar da Siberia Oriental e o mar de Chukchi, ao leste co estreito de Bering e o mar de Bering, que establecen comunicación con Alasca, o océano Pacífico, o mar de Okhotsk e co mar do Xapón, a través do cal contacta co Xapón, ao sur con Corea do Norte, a China, Mongolia, Casaquistán, o mar Caspio, Acerbaixán, Xeorxia e co mar Negro, do outro lado do cal está Turquía, e a oeste limita co mar de Azov, Ucraína, Belarús, Letonia, Estonia, co golfo de Finlandia, Finlandia e Noruega. A capital de Rusia é a cidade de Moscova.

Terceira división española de fútbol

A Terceira División é a cuarta categoría da Liga española de fútbol. É a división inmediatamente inferior á Segunda División B e por encima das divisións rexionais, a Preferente no caso de Galicia, polo que se considera a última categoría nacional de liga española.

Foi creada en 1929 e é unha categoría non profesional. Está formada por 18 grupos, e o Grupo I corresponde ós equipos de Galicia.

Terminologia Anatomica

Terminologia Anatomica [TA] (Terminoloxía Anatómica ou Terminoloxía Anatómica Internacional) é o corpo oficial de nomenclatura anatómica creado conxuntamente polo Comité Federal sobre Terminoloxía Anatómica (FCAT) e as 56 Asociacións membros das Asociacións Internacionais de Anatomistas (Federación Internacional de Asociacións de Anatomistas, IFAA). Publicouse en 1998 e substitúe o estándar previo, a Nomina Anatomica [NA]. Terminologia Anatomica contén a terminoloxía para aproximadamente 7500 estruturas anatómicas macroscópicas humanas. En 2011 publicouse en liña.

UEFA

A Unión de Asociacións de Fútbol Europeas (en inglés: Union of European Football Associations), máis coñecida como UEFA, é a organización administrativa e de control do fútbol europeo. Representa as asociacións nacionais de Europa, organizando nove competicións entre nacións e entre clubs en Europa, controlando os premios, regulamentos e dereitos desas competicións. É unha das seis confederacións continentais da FIFA.

Das confederacións, de longo é a mais forte en termos financeiros e de influencia no escenario internacional. Virtualmente todos os mellores xogadores do mundo xogan en campionatos europeos, particularmente en Inglaterra, Francia, Italia, España e Alemaña. Moitas das seleccións de maior forza están na UEFA. Dos 32 equipos participantes no Mundial de Suráfrica de 2010, 13 pertencen á UEFA.

A UEFA foi fundada o 15 de xuño de 1954 en Basilea, Suíza, como consecuencia de discusións entre as confederacións de Francia, Italia e Bélxica. A sede ficou en París ata 1959, cando a organización se mudou a Berna. Henri Delaunay foi o primeiro Secretario Xeral e Ebbe Shwartz o presidente. O seu centro administrativo dende 1995 é Nyon (Suíza). Foi inicialmente composta por 25 confederacións; actualmente son 53.

Poderes
Formas de goberno
Réximes e sistemas
Tipos de poder
Clases de estado
Conceptos
Procesos
Divisións administrativas
Cargos
Disciplinas
Ideoloxías
Actitudes

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.