Fe Bahá'í

A Fe bahá'í é unha relixión fundada en 1863 por Bahá'u'lláh e que actualmente é seguida por máis de 7 millóns de persoas en todo o mundo. Os bahá'ís cren que todas as relixións proveñen do mesmo Deus e que teñen aparecido coa Mensaxe de Deus para a humanidade a medida que esta tivo capacidade para recibila.

Algunhas das relixións anteriores que os bahá'ís afirman que proveñen do mesmo Deus, segundo a orde de aparición, son:

hinduísmo, budismo, xudaísmo, cristianismo, islam, babismo.

O Báb (en árabe: a porta) proclamou ser o Enviado de Deus para a súa época no ano 1844 e que preparaba a humanidade sincera para a chegada dunha nova Manifestación de Deus: Bahá'u'lláh.

Fe Bahá'í
BahaismSymbol
Fundador Bahá'u'lláh
Deidade máxima Deus
Tipo Monoteísmo
Nome e número de seguidores Bahá'ís, uns 6 millóns
Libro Máis Sagrado Kítab-i-Aqdas
Lingua litúrxica Cada individuo é libre de ler na súa propia lingua
Lingua dos textos sagrados orixinais árabe e persa
Nace en Irán
Sede Haifa (Israel)
País con maior cantidade de bahá'ís India (2 millones)
Sistema organizativo Asembleas Espirituais Locais, Asembleas Espirituais Nacionais e Casa Universal de Xustiza (Membros elixidos democraticamente)
Símbolo Estrela de nove puntas
Relixións relacionadas xudaísmo, cristianismo, islamismo, hinduísmo, budismo, zoroastrismo, babismo

Historia

O Bab

En 1844 o profeta persa Siyyid `Alí-Muhammad, que tomou o título de "O Báb" (en árabe ‘a porta’), instituíu unha nova relixión. Esta era distinta do islam, aínda que xurdiu do seu seo, de igual modo que o cristianismo xurdiu do seo do xudaísmo e o budismo do hinduísmo. Os seguidores do Báb foron coñecidos como "babíes" e a súa relixión como babismo; tivo as súas propias escrituras e ensinanzas relixiosas, aínda que no entanto foi moi efémera. Segundo O Báb, a súa misión principal era preparar o camiño para "aquel ao que Deus ha de se manifestar", o que foi prometido nas escrituras sagradas de todas as grandes relixións do mundo.

O crecente número de persoas que se adherían a estas novas ensinanzas alarmou ás autoridades políticas e relixiosas de Persia. O Báb e os seus seguidores foron perseguidos, sendo encadeado e finalmente fusilado en Tabriz, Persia (actual Irán) o 9 de xullo de 1850. A súa misión durou seis anos.

Bahá'u'lláh

Mírzá Husayn-`Alí, a quen O Báb deu o título de Bahá'u'lláh (en árabe ‘gloria de Deus’), era un nobre e un dos primeiros seguidores importantes do Báb. Foi arrestado e encadeado en 1852 durante unha gran persecución contra os babíes. No seu confinamento nos alxubes do Síyah-Chál en Teherán, creu recibir os primeiros indicios de que el mesmo era quen fora profetizado polo Báb. Once anos despois, exiliado en Bagdad (entón parte do Imperio Otomán), anunciou de xeito formal a súa misión á súa familia e a un pequeno grupo de seguidores.

A maquinación das autoridades persas e otománs foron levando a Bahá'ou'lláh de exilio en exilio: de Bagdad a Istambul, logo a Edirne e finalmente á colonia penal de Acre (actual Israel) en 1868. Bahá'u'lláh permaneceu en Acre ata o seu falecemento o 29 de maio de 1892, tras corenta anos de exilio e confinamento. A Fe Bahá'í considera o seu sepulcro nos arredores da cidade como o lugar máis sagrado do mundo. Os fieis realizan as súas pregarias cada día orientados na dirección dese lugar.

O outro lugar santo do bahaísmo en Israel é a tumba ou Santuario do Báb, nas abas do Monte Carmelo en Haifa. Os restos mortais do Báb foron trasladados en segredo desde Persia ata Terra Santa e soterrados no santuario construído e deseñado para ese propósito por Bahá'u'lláh.

Bahá'u'lláh escribiu o equivalente a máis de cen volumes de textos que os bahá'ís consideran inspirados por Deus, tanto en árabe como en persa. O principal repertorio das leis da revelación de Bahá'u'lláh é o Kítab-i-Aqdas (o libro máis sagrado). O segundo en importancia é o Kitab-i-Iqan, composto en Bagdad e que reúne os trazos elementais da teoloxía bahá'í.

`Abdu'l-Bahá

`Abbás Effendi era o fillo maior Bahá'u'lláh', coñecido polo título de `Abdu'l-Bahá (Servo de Bahá). `Abdu'l-Bahá ´foi designado como o “Centro da Alianza”, “Cabeza da Fe” e interprete único das escrituras de Bahá'u'lláh.

`Abdu'l-Bahá compartira co seu pai o exilio e o cárcere. O seu confinamento durou ata que foi excarcerado con motivo da revolución dos Mozos Turcos en 1908. Pouco despois da súa liberación, `Abdu'l-Bahá viaxa a Europa e aos Estados Unidos para proclamar os ensinos do seu pai e impulsar o desenvolvemento das incipientes comunidades bahá'ís que xurdiran en varios sitios de Europa, Estados Unidos e Canadá. Moitas das súas conferencias e charlas foron gravadas e publicáronse en libros baixo os títulos de A sabedoría de `Abdu'l-Bahá e A promulgación da paz universal. Outra das obras de `Abdu'l-Bahá, que sentou as bases da expansión e consolidación da comunidade mundial bahá'í, é unha serie de documentos chamados Táboas do plan divino. Tamén mantivo unha copiosa correspondencia con persoas e comunidades bahá'ís durante moitos anos, e moitas desas epístolas ou Táboas traducíronse e foron publicadas en varias linguas.

`Abdu'l-Bahá faleceu en Haifa o 28 de novembro de 1921.

A Alianza de Bahá'u'lláh e a división

Desde os seus inicios no babismo, o bahaísmo non estivo exento de disputas internas. Xa baixo Baha'ou'llah tivo lugar unha diverxencia (finalmente escisión) entre el e o seu medio irmán menor, Subh-i-Azal, a quen O Báb nomeara vagamente como o seu sucesor, suxeito ao consentimento de Aquel ao que Deus ha de se manifestar Bahá'u'lláh. Os seguidores de Subh-i-Azal comezaron a coñecerse como azalíes, mentres que os seguidores de Baha'u'llah eran coñecidos como bahá'ís. Actualmente subsisten algúns milleiros de azalíes, principalmente en Irán.

A teoloxía bahá'í afirma que non son posibles os cismas permanentes dentro da Fe Bahá'í, aínda recoñecendo intentos con este propósito, do mesmo xeito que noutras relixións anteriores. Desde o inicio do bahaísmo, e co falecemento de cada figura central de autoridade, han ter lugar intentos de facerse co control do bahaísmo ou de disgrega-lo. Os bahá'ís pertencentes ao grupo maioritario leal á Casa Universal de Xustiza con sé en Haifa, Israel, creen que cada unha destas tentativas en contra dos bahaíes acabaron esvaecéndose nas tebras grazas á protección do Alianza, que consiste basicamente no testamento e última vontade escritos por cada un dos "centros da alianza". Nestas vontades escritas inclúense instrucións sobre como os bahá'ís deben resolver os conflitos de opinión, en caso de xurdir. A seguinte cita de 'Abdu'l-Bahá bota luz sobre isto inequivocamente:

No entanto, outros textos, incluídos algúns de 'Abdu'l-Bahá, deixan claro que existirían tales intentos:

Aqueles que negan e se rebelan publicamente contra a sucesión establecida de autoridade coa intención de facerse co liderado adoitan ser declarados "quebrantadores da Alianza" e expulsados da comunidade bahá'í. Segundo os ensinos relixiosos da Fe Bahá'í, o obxectivo da Alianza é salvagardar a unidade da comunidade bahá'ís e protexela fronte a posibles cismas. Algúns critican o uso da ameaza de declaración de quebrantador do convenio por parte das autoridades relixiosas bahá'ís como medio para coartar a liberdade de expresión.

A tentativa cismática máis recente remóntase a 1960, cando Charles Mason Remey fixera un chamamento para que a comunidade bahá'í o recoñecese como "cabeza da fe". Un pequeno grupo aceptou a Remey namentres a maioría rexeitouno e seguiu fiel á Casa Universal de Xustiza de Haifa. O grupo de Remey escindiuse en varias faccións, a meirande fíxose chamar bahá'ís ortodoxos. Trala morte de Remey en 1974, o seu grupo sufriu máis escisións. Unha historia destes conflitos segundo a perspectiva da Casa Universal de Xustiza existe na web bahá'í.

Cronoloxía breve

  • 12 de novembro de 1817, Nacemento de Bahá'u'lláh
  • 20 de outubro de 1819, Nacemento do Báb
  • 23 de maio de 1844, Declaración do Báb en Shiraz, Irán.
  • 9 de xullo de 1850, Martirio do Báb en Tabriz, Irán.
  • 15 de outubro de 1852, Durante o seu confinamento de catro meses nunha alxube de Teherán, Bahá'u'lláh afirma recibir os primeiros indicios de que é el mesmo quen foi agoirado polo Báb.
  • 12 de xaneiro de 1853, Bahá'u'lláh exíliase en Bagdad.
  • 23 de abril de 1863, Declaración de Bahá'u'lláh no Xardín de Ridván, en Bagdad, en véspera do seu exilio en Istambul.
  • 31 de agosto de 1868, Chegada de Bahá'u'lláh á colonia penal de Acre.
  • 29 de maio de 1892, pasamento de Bahá'u'lláh.
  • 1893, a Fe Bahá'í é mencionado por vez primeira por un xornal estadounidense.
  • 1898, Primeira peregrinación de crentes occidentais, incluíndo a Phoebe Hearst e ao primeiro crente afroamericano, Robert Turner, a Terra Santa, onde visitaron a `Abdu'l-Bahá no cárcere.
  • Setembro de 1908, `Abdu'l-Bahá é excarcerado aos 64 anos de idade, logo dunha vida de exilio e prisión.
  • Abril-decembro de 1912, Viaxes de `Abdu'l-Bahá a EE. UU.
  • 1914-1918, Primeira Guerra Mundial. `Abdu'l-Bahá escribe as Táboas do Plan Divino.
  • 27 de abril de 1920, `Abdu'l-Bahá é ordenado Cabaleiro do Imperio Británico en recoñecemento do seu labor humanitario durante a Primeira Guerra Mundial.
  • 28 de novembro de 1921, Falecemento de `Abdu'l-Bahá en Haifa

(Esta data marca o final da "idade heroica da Fe Bahá'í" e o inicio da "idade formativa" segundo Shoghi Effendi)

  • 1937, Shoghi Effendi lanza o "plan divino" para a difusión do bahaísmo no mundo.
  • 1944, Publicación de Deus pasa, de Shoghi Effendi.
  • 1951, Once Asembleas Espirituais Nacionais en funcionamento.
  • 1951-1957, Shoghi Effendi nomea 32 "mans da causa de Deus" adicionais.
  • novembro de 1957, falece Shoghi Effendi.
  • 1957-abril de 1963. A Fe Bahá'í é dirixido polos 27 restantes "mans da causa".
  • abril de 1963, Elíxese a primeira Casa Universal de Xustiza mediante representantes de 56 Asembleas Espirituais Nacionais reunidos en Haifa.

Síntese dos principios da Fe Bahá'í

Os principios nos que cren os bahá’ís e que constitúen a base da súa acción están resumidos nun texto de Shoghi Effendi, descendente de Bahá’u’lláh. Velaí o extracto do seu libro "Deus pasa preto de nós" :

A Fe bahá’í recoñece a unidade de Deus e dos seus profetas, sostén o principio da busca sen trabas da verdade, condena todas as formas de prejuízo e de superstición, ensina que a fin da relixión é a de promover a amizade e a concordia, proclama que debe ir á par da ciencia, e afirma que é o principal factor de pacificación, de orde e de progreso da sociedade. Afirma sen equívocos o principio de igualdade de dereitos, de oportunidades e de privilexios para os homes e para as mulleres, recomenda a educación obrigatoria, elimina os extremos de riqueza e de pobreza, eleva ao rango de adoración o traballo cumprido con un espírito de servizo, recomenda a elección dunha lingua auxiliar internacional, e propón as institucións necesarias para estabelecer e perpetuar unha paz duradoura e universal.

Regras relixioso-sociais

As regras de comportamento social da Fe Bahá'í proveñen primariamente do Kitáb-i-Aqdas, escrito por Bahá'u'lláh. As que seguen son unhas poucas das leis e observancias relixiosas básicas:

  • Os bahá'ís adultos ( desde a idade de 15 anos) recitan obrigatoriamente unha oración cada día. Hai tres de tales oracións entre as cales se pode escoller unha para cada día.
  • O lercheo e a murmuración están prohibidos e denunciados.
  • Os adultos bahá'ís, con boa saúde, observan un xaxún de 19 días, de sol a sol, cada ano, entre o 2 de marzo e o 20 de marzo.
  • Os bahá'ís teñen prohibido beber alcohol e tomar drogas, salvo prescrición médica.
  • As relacións sexuais só están permitidas en matrimonio, entre un home e unha muller; as relacións homosexuais non están permitidas.
  • Os xogos de azar están estritamente prohibidos.

Ensinos e leis

Os ensinos básicos de Bahá'u'lláh son estas:

  • Só hai unha deidade suprema (Deus) e é incognoscible para o home.
Bahá'u'lláh escribe respecto diso:
"Tan perfecta e abarcadora é a súa creación que nin mente nin corazón, non importa a súa pureza ou perspicacia, poderá alcanzar a enxergar a natureza da máis insignificante das súas criaturas; moito menos medir o misterio daquel que é a estrela diúrna da verdade, que é a esencia invisible e incognoscible...".
ademais
"Todo aquilo que os sabios ou místicos dixeron ou escribiron nunca excedeu, nin pode aspirar a facelo, as limitacións ás que o intelecto finito do home está suxeito. Non importan as cimas que a mente do máis exaltado dos homes poida alcanzar, nin as profundidades nas que o corazón poida prufundizar. A criatura nunca poderá transcender os seus propios pensamentos. A meditación do pensador máis profundo, a devoción do máis consagrado dos santos, as máis altas expresións de loubanza saídas da lingua ou da pluma, son só reflexos do que xa foi creado dentro de cada un".
  • Só existe unha humanidade—as distincións de raza, xénero etc. só son distincións de aparencia, non do carácter innato ou da aptitude e son iguais perante os ollos de Deus.
  • Todas as grandes relixións do mundo reciben a súa inspiración da mesma fonte divina.
`Abdu'l-Bahá escribiu:
"As diferenzas entre as relixións do mundo son produto dos distintos tipos de mentalidade".
Considerando as relacións e posición dos distintos fundadores das grandes relixións do mundo, ás que os bahá'ís refírense como "manifestacións de Deus", Bahá'u'lláh escribe:
Deus ordenou que o coñecemento destes seres santificados sexa ao coñecemento de Si Mesmo. Quen os recoñeza recoñeceu a Deus. Quen escoite a súa chamada escoitou a voz de Deus e quen dá testemuño da veracidade da súa revelación dá testemuño da veracidade do mesmo Deus. Quen lle da as costas deulle as costas a Deus e quen non cre neles non cre en Deus... Eles son manifestacións de Deus entre os homes, as probas da súa verdade e os sinais da súa gloria".
Xa que os fundadores das relixións do mundo son esencialmente as manifestacións dun Deus, por iso as relixións mesmas proveñen da mesma fonte e teñen o mesmo propósito. Bahá'u'lláh insta aos fieis das distintas relixións a botar fóra as súas diferenzas.
"O Gran Ser di: ¡Oh, fillos dos homes! O propósito fundamental que anima a fe de deus e a súa relixión é salvagardar os intereses e promover a unidade da raza humana, así como impulsar o espírito do amor e o compañerismo entre os homes. Non vos fagades unha fonte de disensión e discordia, odio e enemizade".
Bahá'u'lláh instou á eliminación da intolerancia relixiosa. `Abdu'l-Bahá expresa a mesma idea con maior énfase na súa manda.
"Fraternizade con todos os pobos e relixións do mundo coa maior sinceridade, fidelidade, cordialidade, boa vontade e amizade, para que todo o mundo se encha da santa éxtase da graza de Bahá, para que a ignorancia, enimizade, odio e rancor se esvaeza do mundo e as tebras do desencontro entre os pobos e liñaxes do mundo dean paso á Luz da Unidade".
Os bahá'ís a miúdo empregan o termo "revelación progresiva", que significa que Deus révelase á humanidade progresivamente, a medida que maduramos e podemos comprender o propósito de Deus ao crear a humanidade.

Principios sociais

A seguinte é unha lista dos 12 principios do bahaísmo. Preséntase a miúdo como un resumo breve dos ensinos bahá'ís. Proveñen dunha variedade de listas semellantes extraídas das transcricións de discursos emitidos por `Abdu'l-Bahá durante a súa viaxe por Europa e América do Norte en 1912. A lista non é oficial e circulan varias destas listas.

  • A unicidade de Deus
  • A base de todas as relixións é a mesma
  • A unidade en diversidade da humanidade
  • A igualdade entre homes e mulleres
  • A eliminación de toda forma de prexuízo
  • A paz mundial
  • A harmonía da relixión e a ciencia
  • A necesidade dunha educación obrigatoria universal
  • A obediencia ao goberno
  • A non participación en política
  • Unha solución espiritual aos problemas económicos
  • A eliminación da pobreza e riqueza extremas

Outro principio bahá'í é a moderación en todo (especificamente no celo liberador, civilizatorio e relixioso e na interpretación literal das escrituras).

O bahaísmo afirma que, aínda que a nosa época está ás escuras, o futuro da humanidade é brillante e a paz mundial é inevitable; tamén establece que Bahá'u'lláh é a manifestación de Deus para a nosa época. Un bahá'í dedícase a seguir as súas ensinanzas e observar as súas leis.

Ritos

Non existen ritos ou tradicións no bahaísmo (a rixidez considérase unha cualidade a evitar). Con todo, hai algunhas regras que o Kitáb-i-Aqdas prescribe como obrigatorias:

  • Hai un conxunto específico de votos matrimoniais.
  • Hai algunhas prácticas funerarias específicas.
  • Os bahá'ís están obrigados a:
    • Recitar unha oración preceptiva todos os días orientados en dirección ao Qiblih (o Punto de Adoración).
    • Ler as sagradas escrituras da súa fe cada mañá e noite.

Prohíbese terminantemente a petición de fondos a particulares. As institucións bahá'ís teñen prohibido aceptar contribucións provenientes de persoas que non sexan bahá'ís rexistrados.

Leis e ordenanzas

  • Os bahá'ís en bo estado de saúde entre os 15 e os 70 anos realizan un xaxun de 19 días cada ano entre a saída e a posta do sol. Ten lugar do 2 de marzo ao 21 de marzo durante o mes de Alá do calendario bahá'í.
  • Non existen tabús alimenticios, aínda que aos bahá'ís prohíbeselles beber alcohol ou consumir drogas con propósitos lúdicos xa que interfiren co crecemento espiritual do individuo. O uso do tabaco non está prohibido pero si desaconsellado.
  • Os bahá'ís obedecerán as decisións tomadas polas súas asembleas espirituais locais e nacionais (consellos relixiosos electos) e a Casa Universal de Xustiza. Se o incumpriren reiteradamente de forma que puxeren en perigo a Fe poderáselles sancionar coa perda de dereitos administrativos ou coa expulsión. As autoridades bahá'ís piden que sexa evitada toda persoa que sexa declarada quebrantadora da Alianza.
  • A vida familiar considérase a pedra chave da sociedade. Aléntanse os matrimonios. Só está permitido o matrimonio entre home e muller. Está prohibida calquera relación homosexual no bahaísmo.
    • Pídese castidade fóra do matrimonio.
    • As parellas deben ter o consentimento dos pais vivos para se poderen casar, xa que os bahá'ís ensinan que o matrimonio non é só a unión entre persoas senón entre familias.
    • Espérase unha fidelidade absoluta de ambos consortes.
    • Permítense os matrimonios entre membros de distintas relixións. Foméntanse os matrimonios interraciais.
    • Permítese o divorcio, aínda que este non se toma a treo e considérase con suma seriedade. Lévase a cabo si, tras un ano de separación, a parella é incapaz de reconciliarse.
    • Os pais deben dar educación aos seus fillos. Si os recursos permiten só a educación dun deles, a filla debe ser quen a reciba xa que será a que primeiro eduque aos seus futuros fillos.

Calendario

O calendario bahá'í estableceuno o propio Bab. O ano consta de 19 meses de 19 días e 4 ou 5 días que se intercalan entre estes para completar un ano solar. O Ano Novo (chamado Naw Rúz) ten lugar durante o equinoccio vernal, o 21 de marzo, ao final do mes do xaxún. As comunidades bahá'ís reúnense ao iniciarse cada mes nun encontro chamado "festa" dedicado á adoración, discusión e socialización. Aínda que o nome pode suxerir unha comida elaborada, non ten por que ser así. Ás veces cómese de xeito abondoso pero outras veces pode ser tan só pan e auga. O bahaísmo contempla 11 días sagrados ao ano, 9 dos cales requiren que non se realice traballo. Eses días conmemoran aniversarios importantes da historia do bahaísmo.

Mashriqu'l-Adhkár

A maioría de reunións bahá'ís teñen lugar en casas particulares, centros bahá'ís locais, ou locais alugados. En todo o mundo hai soamente sete "casas de adoración bahamés", cunha oitava en construción. O nome utilizado nos escritos bahá'ís para referirse a unha Casa de Adoración é Mashriqu'l-Adhkár (lugar da toma de conciencia da Lembranza de Deus). O Mashriqu'l-Adhkár é o centro dun complexo de institucións da comunidade bahá'í.

Participación na sociedade

O bahaísmo promove de forma activa asuntos que teñan que ver coa xustiza social onde queira que se atoparen. Acollen o concepto de unidade da humanidade como patrón dos seus actos. O bahaísmo participa cada vez máis en proxectos de desenvolvemento económico e social por todo o mundo.

Bahá'u'lláh avogou pola necesidade dun goberno mundial nesta época de vida colectiva da humanidade. Debido a esta énfases o bahaísmo apoiou ás Nacións Unidas desde a súa orixe. A comunidade bahá'í internacional ten status consultivo ante o Consello Económico e Social da ONU e ante UNICEF. desenvolveu programas conxuntos de desenvolvemento con axencias da ONU.

Véxase tamén

Ligazóns externas

Acre, Israel

Acre (en hebreo: עכו, "Akko"; en árabe: عكّا, "Akkā") é unha cidade de Israel, situada no Distrito do Norte, na beira do mar Mediterráneo. En 2003 tiña 45 600 habitantes, 75 % de xudeus e 25% árabes. Acre é a sede do xefe da Fe Bahá'í.

Bahá'u'lláh

Bahá'u'lláh (farsi: Mírzá Husayn-'Alí, میرزا حسینعلی), nado en Teherán o 12 de novembro de 1817 e finado en Acre o 29 de maio de 1892, foi o fundador e profeta da Fe Bahá'í.

Báb

Siyyid Mírzá 'Alí-Muhammad (میرزا علی‌محمد en farsi) ( Shiraz 1819 - 1850). Reformador relixioso, coñecido como Báb (A porta) fundador do Babismo, e unha das figuras centrais da Fe Bahá'í.

Era mercante novo de Persia, que o 23 de maio de 1844 comeza a anunciar a chegada do grande educador universal, e fai o seus primeiros 18 discípulos, coñecidos como Letras do Vivente. Pola oposición do clero islámico o gobernador de Shiraz arréstao e sofre martirio e finalmente execútano

En 1863 un dos seus seguidores, un nobre persa de Teherán, colle o nome de

Bahá'u'lláh (A gloria de Deus) e anuncia que el é o grande educador universal que anunciara o Báb, o que resulta a orixe da Fe Bahá'í.

Carole Lombard

Jane Alice Peters, nada en Fort Wayne (Indiana) o 6 de outubro de 1908 e finada en Nevada o 16 de xaneiro de 1942 foi unha actriz estadounidense, coñecida como Carole Lombard.

Denis MacEoin

Denis MacEoin, nado en 1949 en Belfast, é un novelista e antigo profesor universitario de estudos islámicos.

Malietoa Tanumafili II

Malietoa Tanumafili II, nado o 4 de xaneiro de 1913, e finado o 12 de maio de 2007 en Apia, foi monarca (O le Ao o le Malo) de Samoa. Compartiu a xefatura do estado entre 1962 e 1963 con Tupua Tmasese, sendo logo el o único xefe de estado, entre 1963 e 2007.

Mausoleo

Un mausoleo é un edificio externo construído como un monumento que inclúe o espazo de enterro ou a cámara de enterro dunha ou varias persoas defuntas. O mausoleo funerario baleiro erixido en honra dunha persoa ou grupo de persoas para os que se desexa gardar un recordo especial chámase cenotafio. Os mausoleos cristiáns algunhas veces teñen tamén unha capela. Unha tumba pode ser considerada un mausoleo.

Moisés

Moisés, (hebreo: מֹשֶׁה Moshe; árabe: موسى, Mūsā); foi un antigo bíblico líder relixioso hebreo, lexislador, profeta e historiador.

Para as relixións monoteístas Moisés é á vez o autor e principal personaxe da Biblia. Foi el, quen, baixo ditado divino, tería escrito o Pentateuco (os cinco primeiros libros da Biblia: o Xénese, o Éxodo, o Levítico, o libro dos Números e o Deuteronomio) (tería contado a súa propia historia, a dos Patriarcas, os seus antepasados, e a do pobo de Israel). É o profeta e a guía que conduce os Fillos de Israel fóra de Exipto, onde estaban reducidos á escravitude, e é pola súa man que os « prodixios divinos » (as Dez pragas de Exipto) ocorrerán para permitir a liberación do seu pobo e conducilo cara ao país de Canaán. Recibe de Deus os Dez Mandamentos e un conxunto de leis relixiosas, sociais e alimentarias (Torá escrita e Torá oral; en hebreo Toráh).

Moisés, fillo de Amram é tamén citado no Corán, co nome de Mūsā como profeta e mensaxeiro de Allah. A azora 3 do Corán titúlase A familia de Amram.

É considerado tamén un profeta pola fe Bahá'í.

Segundo a Biblia, tería nacido en Exipto de nai hebrea que o abandonou cando un Faraón ordenou que todos os recentemente nados hebreos debían ser matados; porén acabou sendo adoptado pola familia real exipcia. Xa maior, despois de matar el a un amo de escravos exipcio, escapou e viviu como pastor. Máis tarde foi enviado por Deus para librar os hebreos da escravitude. Logo das "Dez Pragas" foron soltados, e Moisés conduciunos fóra de Exipto, a través do Mar Vermello e do deserto nunha viaxe de 40 anos. A pesar de vivir 120 anos, non puido entrar na Terra de Israel (cfr. Números 20:11-12).

Musulmán

Musulmán é quen profesa o islam, unha relixión abrahámica monoteísta baseada no Corán, que os musulmáns consideran a palabra literal de Deus revelada ao profeta Mahoma, e, con menor autoridade que o Corán, os ensinos e prácticas atribuídas tradicionalmente a Mahoma. «Musulmán» (en árabe, مسلم) é unha palabra árabe que significa «o que se somete a Deus».

Os musulmáns cren que non hai máis ca un único e verdadeiro Deus que se coñece co nome de Alá. Deus é eterno, trascendente, absolutamente un (a doutrina do tawhid, ou o monoteísmo estrito ou simple), e incomparable, e é autosuficiente, que non procrea nin foi procreado. As crenzas musulmás respecto de Deus resúmense no capítulo 112 do Corán, coñecido como Al-Ikhlas ou «o capítulo da pureza». Os musulmáns tamén cren que o Islam é a versión completa e universal dunha fe primordial que se revelou en moitos momentos e lugares antes, incluíndo os profetas Abraham, Moisés e Xesús. Os musulmáns sosteñen que as mensaxes anteriores e as revelacións foron parcialmente modificados ou danados co tempo, pero consideran o Corán como inalterado e a revelación última de Deus.A maioría dos musulmáns aceptan como musulmán a quen pronuncie públicamente a xahada (profesión de fe) que di: "Non hai ningunha divindade excepto Deus e Muhammad é o profeta de Deus". Tamén creen que Mahoma é o "Selo dos Profetas» e o último profeta. As súas prácticas relixiosas básicas se enumeran nos cinco alicerces do Islam, que, ademais da xahada, consisten en oracións diarias (salat), a esmola (zakat), o xaxún durante o Ramadán (Sawm), e a peregrinación á Meca ( hajj) polo menos unha vez na vida.A maioría dos musulmáns son sunnitas, representando entre un 75 e 90% de todos os musulmáns. A segunda corrente máis grande, é o xiísmo, e representa entre un 10 e 20% dos musulmáns. O país con máis musulmáns é Indonesia, onde vive o 12,7% de musulmáns do mundo, seguido por Paquistán (11,0%), Bangladesh (9,2%) e Exipto (4,9%). Tamén se atopan minorías importantes na India, China, Rusia, Etiopía, América, Australia e partes de Europa. Con preto de 1,8 mil millóns de seguidores, o 26% da poboación mundial, o islam é a segunda relixión máis grande e unha das que crece máis rapidamente no mundo.

Nélson Évora

Nélson Évora, nado o 20 de abril de 1984 en Costa do Marfil, é un atleta portugués, especialista en triplo salto.

Oriente Medio

Coñécese como Oriente Medio (en árabe: الشرق الأوسط) unha rexión do suroeste de Asia que vai dende Siria ata a fronteira irano-afgá, pasando pola península de Arabia.

Historicamente foi o nome con que os primeiros xeográfos europeos modernos designaron os territorios situados na beira leste do mar Mediterráneo. Coincidía aproximadamente cos fronteiras occidentais do Imperio Otomán, e por este motivo as veces incluía a península dos Balcáns. A comezos do século XX, faciase un uso máis restrinxido desta denominación, comprendendo os actuais estados de Turquía, Siria, o Líbano, Israel, Palestina e Exipto. Pero a evolució política posterior á segunda guerra mundial fixo que na actualidade abrangue tamén outros estados de maioría musulmá, desde o Magreb até Iraq e Sudán, así como Irán e mesmo Afganistán e Paquistán. Con todo, os estados incluídos varían segundo o contexto de referencia, o punto de vista utilizado, etc.O nome de Oriente Medio utilízase por medio da expresión inglesa Middle East, que se refire a unha división do Oriente anticuada, pero que trala caída do imperio Otomán se fixo máis usada en inglés e traducida a numerosas linguas. O uso da expresión Oriente Medio recibiu críticas polo seu eurocentrismo implícito Algúns medios de comunicación contemporáneos utilizan esta expresión tanto para os países europeos como non europeos, o que contrasta coa designación similar, Mashreq, que se utilita especialmente en contextos de lingua árabe.

Por diversos motivos esta é unha das zonas con máis conflitos xeopolíticos do mundo. Moitos autores destacan que o factor causante da conflictividade foi a repartición das posesións otomás despois da primeira guerra mundial, cando se predeterminou o trazado das fronteiras e o nacemento do estado de Israel. Outro factor é a cantidade de recursos naturais, como o petróleo. Durante o século XX Oriente Medio viviu varios conflitos de relevancia: catro guerras árabe-israelís, a guerra entre Iraq e Irán, a guerra do Golfo nas súas diferentes etapas, a guerra civil do Líbano, e a revolución islámica de Khomeini en Irán, con importantes repercusións para todo o mundo musulmán. A relixión islámica é na actualidade maioritaria na rexión.

Pa Tepaeru Terito Ariki

Pa Tepaeru Terito Ariki, nada o 14 de agosto de 1923 e finada o 3 de febreiro de 1990, foi ariki da dinastía Pa Ariki da tribo Takitumu, na illa de Rarotonga (Illas Cook).

Paquistán

Paquistán (en urdú پاکستان), e oficialmente República Islámica de Paquistán, (en urdú اسلامی جمہوریۂ پاكستان), é un estado de Asia Meridional. Cunha poboación de 180 millóns de habitantes, é o sexto país máis poboado do mundo. Ten unha área de 796.095 km2, o que o sitúa no número 36 en tamaño. Está localizado nunha rexión moi importante estratexicamente, cunha costa de 1046 km ó longo do Mar Arábigo e do Golfo de Omán no sur. Limita coa India polo leste, con Afganistán polo norte o polo oeste, con Irán polo suroeste e con China polo nordeste. Está separado de Taxiquistán polo territorio afgán do Corredor de Wakhan.

O territorio do moderno Paquistán foi o fogar de varias culturas antigas, incluíndo a neolítica Mehrgarh e a civilización do val do Indo da Idade de Bronce. O territorio tivo varios reinos gobernados por pobos de diferentes crenzas e culturas, como hindús, persas, indogregos, islámicos, turco-mongois, afgáns e sikh. A área foi dominada por varios imperios e dinastías, como o Imperio Maurya da India, o Imperio Aqueménida persa, Alexandre o Grande, o Califato Omeia árabe, o Imperio mongol, o Imperio mogol, e Imperio Durrani, o Imperio Sikh e o Imperio Británico. Como resultado do Movemento de Paquistán liderado por Muhammad Ali Jinnah e da loita da India pola independencia, Paquistán acadou a independencia en 1947 como unha nación das rexións da India con maioría musulmá. Inicialmente un dominio, Paquistán adoptou unha nova constitución en 1956, converténdose nunha República Islámica. A guerra civil de 1971 deveu na secesión do leste do país nun novo país, Bangladesh.

Paquistán é unha república parlamentaria federal que consta de catro provincias e catro territorios federais. É un país étnica e lingüísticamente diverso, que tamén posúe unha gran diversidade na súa xeografía e fauna. É unha potencia media e rexional, e posúe a sétima maior forza armada do mundo, así como armas nucleares, sendo a única nación do mundo musulmán, e a segunda de Asia Meridional, con esa clase de armas. A súa historia despois da independencia está caracterizada por períodos de goberno militar, inestabilidade política e conflitos coa veciña India. O país enfróntase a problemas como a sobrepoboación, o terrorismo, a pobreza, o analfabetismo e a corrupción. É un membro fundador da Organización da Conferencia Islámica e é membro das Nacións Unidas, da Commonwealth de Nacións, dos Próximos once, da SAARC e da OCE.

Relixión

A palabra relixión, ás veces empregada como sinónimo de fe ou sistema de crenzas, defínese comunmente como crenza concernente ao sobrenatural, sagrado, ou divino e aos códigos morais, prácticas, rituais, valores e institucións relacionadas coa devandita crenza. En ocasións, a palabra relixión úsase para designar o que debería ser chamado "relixión organizada" ou "organización relixiosa", é dicir, organizacións que soportan o exercicio de certas relixións, frecuentemente baixo a forma de entidades legais.

Relixións abrahámicas

Denomínanse tradicionalmente relixións abrahámicas ao xudaísmo, cristianismo e islam, por trazaren a súa orixe na tradición bíblica do patriarca Abraham, quen rexeitou os deuses imperantes na súa terra natal e propugnou a idea dun Deus único, creador, xuíz, non coñecible, omnipotente e eterno. Ás veces tamén se inclúe neste grupo a outras relixións con menor difusión, como a Fe Bahá'í, samaritanismo, mandeísmo, yazidismo, drusos e outras.

Terra Santa

A Terra Santa (hebreo: אֶרֶץ הַקוֹדֵשׁ Eretz HaKodesh, latín: Terra Sancta; árabe: الأرض المقدسة Al-Arḍ Al-Muqaddasah) é unha área aproximadamente localizada entre o río Xordán e o mar mediterráneo, mais tamén inclúe a beira oriental do río Xordán. Historicamente, é sinónimo tanto da Terra de Israel como de Palestina, e actualmente son parte dela o Estado de Israel, os Territorios Palestinos, a República do Líbano, a República Árabe de Siria e o Reino Haxemita de Xordania. É considerada santa polos xudeus, os cristiáns e os musulmáns.

Parte da relevancia desta terra ten as súas raíces na importancia relixiosa de Xerusalén, a cidade máis santa do xudaísmo, a rexión histórica do ministerio de Xesús, e no islam o lugar onde aconteceu o mi'raj (ascenso de Mahoma os ceos) e onde está o Monte Nebo, onde Moisés presumiblemente morreu. A suposta santidade da terra foi un dos motivos polos que os cristiáns europeos tentaron gañarlla aos musulmáns turcos selxúcidas durante as Cruzadas. Os turcos tomaron Terra Santa despois de derrotar os musulmáns árabes, que á súa vez conquistaran a rexión do Imperio Bizantino cristián.

Moitos lugares de Terra Santa durante longo tempo foron destino de peregrinación para os fieis das relixións abrahamicas, incluíndo xudeus, cristiáns, musulmáns, e bahá'ís. Os peregrinos visitan Terra Santa para tocar e ver manifestacións físicas da súa fe, confirmar as súas crenzas nun contexto santo e nun marco de emoción colectiva e conectarse persoalmente coa Terra Santa.

Tom Davis

Sir Thomas "Tom" Robert Alexander Harries Davis, nado o 11 de xuño de 1917 en Rarotonga e finado o 23 de xullo de 2007 , foi un médico e político das Illas Cook que foi primeiro ministro das Illas Cook.

Vasili Eroshenko

Vasili Iakovlevitx Eroshenko (en ruso Василий Яковлевич Ерошенко, en ucraíno Василь Якович Єрошенко), nado en Obukhiv o 12 de xaneiro de 1890 e finado o 23 de decembro de 1952, foi un esperantista, músico, escritor, lingüista e pedagogo ruso.

Árabes

Os árabes (en árabe: عربي ‎; transliteración: ʻarabī) son un pobo semita orixinario de Arabia. A pesar de que o concepto de pobo árabe ou de nación árabe cambiou moito ao longo dos tempos e dos diversos contextos sociopolíticos, e que a miúdo se confundiu con agrupamentos de tipo relixioso (o islam ou "comunidade dos crentes"), actualmente defínese principalmente polo feito de falar a lingua árabe e non ten ningunha connotación racial, relixiosa nin política. Debido á extensión da lingua árabe por todo o Oriente Medio e o norte de África a partir do século viii, modernamente adóitanse considerar árabes as persoas que teñen como lingua materna o árabe, sexa cal for a súa orixe étnica ou a súa relixión, e por extensión os naturais dos chamados países árabes, aínda que algúns destes teñen minorías étnicas de lingua non árabe. Os árabes, xa que logo, non constitúen un grupo étnico homoxéneo e a definición de "árabe" variou a través das épocas e os contextos.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.