Fariña

A fariña é un po resultante de moer o gran, xeralmente dos cereais (especialmente trigo, millo etc). É o principal ingrediente do pan, o alimento básico en moitas partes do mundo. Tamén se obtén fariña dalgúns legumes e de froitos secos, como a soia e a améndoa.

Wheat P1210892
Detalle de plantación de trigo.

A fariña é rica en amidón, que é un hidrato de carbono complexo. Cando a fariña se mestura con auga, o glute, unha proteína, actúa dándolle unha estrutura elástica á masa que permite "traballala" e que reteña burbullas de gas, o que resulta nunha textura final esponxosa. Este é un efecto buscado no pan, pasteis etc.

Algúns individuos padecen dunha intolerancia ao glute denominada celiaquía ou enfermidade celíaca, o que lles impide comer pan, pastas, pasteis ou calquera produto derivado do trigo, avea ou cebada, cereais que conteñen glute, pero hoxe pódense atopar no mercado produtos derivados de fariña sen glute.

Mjøl
Fariña.

Composición

Farine
Fariña saíndo da roda

Composición da fariña de trigo por cada 100 g:

Tipo Integral Refinada Reforzada
Auga 10,27 g 11,92 g 11,92 g
Enerxía 339 kcal 364 kcal 364 kcal
Graxa 1,87 g 0,98 g 0,98 g
Proteína 13,70 g 15,40 g 15,40 g
Hidratos de carbono 72,57 g 76,31 g 76,31 g
Fibra 12,2 g 2,7 g 2,7 g
Potasio 405 mg 107 mg 107 mg
Fósforo 346 mg 108 mg 108 mg
Ferro 4,64 mg 3,88 mg 4,64 mg
Sodio 5 mg 2 mg 2 mg
Magnesio 138 mg 22 mg 22 mg
Calcio 34 mg 15 mg 15 mg
Cobre 0,38 mg 0,14 mg 0,14 mg
Cinc 2,93 mg 0,70 mg 0,70 mg
Manganeso 3,79 mcg 0,682 mcg 0,682 mcg
Vitamina C 0 mg 0 mg 0 mg
Vitamina A 0 UI 0 UI 0 UI
Vitamina B1 (Tiamina) 0,4 mg 0,1 mg 0,7 mg
Vitamina B2 ( Riboflavina) 0,215 mg 0,04 mg 0,494 mg
Vitamina B3 (Niacina) 6,365 mg 0 mg 5,904 mg
Vitamina B6 (Piridoxina) 0,341 mg 0,044 mg 0,2 mg
Vitamina E 1,23 mg 0,06 mg 0,06 mg
Ácido fólico 44 mcg 0 mcg 128 mcg

Fonte: Administración de Drogas dos EUA.

Tipos de fariña segundo a elaboración

CedazoHarina01
Peneira para separar a fariña do farelo
Harina de garbanzos.
Fariña de garavanzos..JPG
Potato flour
Fariña de pataca
  • Fariña refinada: fariña que se separou do farelo despois da moenda. Ten un aspecto máis branco e fino.
  • Fariña integral: fariña directamente obtida do proceso de moedura. Ten un aspecto máis escuro.

Tipos de fariña de orixe vexetal

  • Fariña de arroz: utilízase na cociña do sueste asiático.
  • Fariña de mandioca: utilízase en Paraguai, Arxentina e Brasil.
  • Fariña de castaña: utilízase en Córsega, no Périgord (Francia) e en Italia.
  • Fariña de garavanzo: empregada en rebozados e fritos na India.
  • Fariña Leudante: fariña común con lévedos que se usa na elaboración de sobremesas.
  • Fariña de forza: fariña con alto contido de proteínas (glute), polo menos 12% de proteína ao peso.
  • Fariña de chícharos: utilízase na cociña India.
  • Fariña de pedrelo: utilízase nas migas de fariña e emprega pedrelo, as gachas e para o rebozado denominado á andaluza no peixe fritido.
  • Fariña milla: procedente do millo.
  • Fariña centea: procedente do centeo.
  • Fariña de soia: procedente da soia.
  • Fariña de fabas: procedente da faba.
  • Fariña de pataca: procedente da pataca.

Tipos de fariña de orixe animal

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Borraxeiros, Agolada

San Cristovo de Borraxeiros é unha parroquia que se localiza no leste do concello de Agolada. Segundo o IGE de 2013 tiña 267 habitantes (136 mulleres e 131 homes) distribuídos en 18 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 450 habitantes.

Castaña

Este artigo trata sobre a castaña europea (xénero "Castanea"), para a castaña brasileira véxase o artigo castiñeiro de Pará.

A castaña é o froito do castiñeiro, árbore da familia das fagaceae, nativa de climas cálidos do hemisferio norte. Preséntase nunha cápsula espiñenta que ten entre 5 e 11 centímetros de diámetro que contén de 2 a 7 castañas.

As castañas son unha importante fonte de alimentación no sur de Europa, no suroeste e no leste de Asia e tamén no leste de Norteamérica, antes da praga da castaña. Durante a Idade Media, no sur de Europa as comunidades que habitaban cerca de soutos e que tiñan escaseza de acceso á fariña cereal, utilizaban as castañas como a súa principal fonte de carbohidratos.

As castañas pódense comer crúas, fervidas, asadas ou doces. En Galicia ademais de asadas (ver magosto), adoitan comerse cocidas con sal e herbas, coma fiúncho e nébeda, para seren máis dixeríbeis. En Francia a miúdo véndese o doce de castaña coñecido como marron glacé, así como a crema de castañas. Un xeito sinxelo de asalas é cortar unha pequena fenda en cada castaña e quentalas nun contedor metálico a 400ª durante 10 ou 15 minutos. O obxecto da fenda é evitar que estouren mentres se asan.

Outro importante uso das castañas é a fariña, coa que se pode preparar pan, pasteis e pasta.

As receitas gastronómicas de castañas están xurdindo ultimamente coa recuperación de receitas tradicionais, especialmente en Italia.

As castañas para se conservaren teñen que estar completamente secas antes de retirar a cápsula espiñenta que as contén e deixalas nunha caixa ou barril cobertas de area fina. Pódese consumir fresca, seca, cocida e asada, a castaña constituíu unha importante contribución calórica para o home e tamén se utilizou na alimentación dos animais domésticos, xa que son ricos en graxas, proteínas, minerais e en vitamina C.

Centeo

O centeo (Secale cereale (L.) M.Bieb.) é unha gramínea que se cultiva polo seu gran e como planta forraxeira. É un membro da familia do trigo e relaciónase estreitamente co orxo.

O gran do centeo utilízase para facer fariña (fariña centea) e na industria da alimentación. É altamente tolerante á acidez do solo. O primeiro uso posible do centeo doméstico remóntase a Abu Hureyra ao norte de Siria, no val do Éufrates no Paleolítico tardío. É un cultivo común en Galiza, sendo a fariña centea unha das máis empregadas noutrora para facer pan.

Fariña (serie de televisión)

Fariña é unha serie de televisión inspirada en feitos reais, emitida pola canle de televisión española Antena 3, entre o 28 de febreiro e o 9 de maio de 2018. Está baseada no libro homónimo Fariña, do xornalista coruñés Nacho Carretero, e versa sobre o narcotráfico en Galicia e Sito Miñanco, un histórico traficante de drogas galego.Foi producida por Atresmedia Televisión en colaboración con Bambú Producciones e nela participaron un gran número de actores galegos como Javier Rey, Celso Bugallo, Marta Larralde, Patricia Vázquez e Antonio Durán "Morris", entre moitos outros.A súa estrea foi adiantada debido ao secuestro cautelar xudicial do libro no que está baseado, levado a cabo o 5 de marzo de 2018.

Fernando Fariña

Fernando Fariña Barros, nado en Vigo en xaneiro de 1905 e finado en 1978, foi un futbolista e adestrador de fútbol galego.

Filloa

A filloa é un produto gastronómico típico da sobremesa en Galicia coñecido tamén nalgunhas zonas como freixó ou marrucho .

É un prato propio do Entroido en toda Galicia, e do san Martiño especialmente no norte de Lugo e nalgunhas zonas de Ourense.

Herminia Fariña

Herminia Fariña Cobián, nada en Santiago de Compostela o 4 de abril de 1904 e finada en Simes (Meaño) o 16 de outubro de 1967, foi unha poeta e dramaturga galega.

Muíño

Un muíño (do latín serodio molinum, por redución da expresión saxum molinum 'moa') é un artificio para moer algo; o máis habitual son os cereais, especialmente o trigo e o millo, para obter fariña.

Xeralmente constaban dunha pedra circular fixa sobre a que se move outra de forma troncocónica que ao xirar segue a forma da anterior. Tamén pode ter forma de disco e entón chámase moa.

Para mover a pedra utilizábase a enerxía eólica (muíño de vento), a hidráulica (muíño de auga), animais (muíño de sangue) e, en muíños pequenos, a manual (un exemplo doméstico deles son os muíños do café, aínda que actualmente son eléctricos a maioría).

Neolítico

O Neolítico, Nova Idade de Pedra, (do grego néos "novo" e lithos "pedra"), por contraposición a Paleolítico ou Vella Idade de Pedra, é un dos períodos en que se considera dividida a Prehistoria. Inicialmente déuselle este nome en razón dos achados de ferramentas de pedra puída que parecían acompañar ó desenvolvemento e expansión da agricultura. Hoxe en día defínese o neolítico precisamente en razón do coñecemento e uso da agricultura ou da gandaría. Normalmente, pero non necesariamente, vai acompañado polo traballo da olería.

O pan na cultura popular galega

O que segue recolle unicamente información diversa sobre a pegada do pan na cultura popular e na literatura oral galegas. Toda esta información recóllese de diferentes traballos etnográficos –xerais a toda Galicia ou localizados nun ámbito xeográfico máis concreto-, dicionarios, refraneiros, cantigueiros etc. Recóllese non só a información referida expresamente ó pan, senón tamén a referida á fariña e a actividades directamente relacionadas, como sementar, segar, etc.; as referidas ó millo e á broa recóllense no artigo o millo na cultura popular galega.

Ademais do seu significado recto (alimento elaborado con fariña, auga, sal e lévedo, fermentado e cocido no forno), a palabra pan designa especificamente o centeo ou un cereal en xeral; segundo Eladio Rodríguez, tamén denomina o millo aínda na terra. Pero ademais é un elemento de referencia para designar moitas outras realidades.

Pan

O pan (do latín panis) é un alimento básico que forma parte da dieta tradicional en Europa, Oriente Medio, India, América e Oceanía. Adóitase preparar mediante o enfornado dunha masa, elaborada fundamentalmente con fariña de cereais, sal e auga; en ocasións engádense outros produtos para conferirlle determinadas calidades, como especias, froitos secos, froitas confitadas, mel etc. A mestura, na maioría das ocasións, adoita conter lévedos para que fermente a masa e sexa máis esponxosa e tenra.A adición do lévedo provoca a fermentación da masa antes do enfornado, e como consecuencia, proporciónalle volume e esponxosidade debido á produción de pequenas burbullas de dióxido de carbono (CO2) que quedan inmersas entre a masa húmida da fariña. Ao pan elaborado sen o emprego de levedo chámaselle pan ácimo e, debido a esa falta de lévedo, carece da esponxosidade típica dos pans "inchados" ou "lévedos"; pode ser cocido no forno, asado nunha prancha ou mesmo frito.

É moi posible que as elaboracións máis primitivas de pan non levasen lévedo, e a fariña consistise en grans malamente moídos mesturados con auga que se deixaban secar ao sol ou que acababan entre as cinzas dun lume. Os pans aplanados, moi populares nalgunhas culturas, é moi posible que sexan os de fabricación máis antigos. Unha variante do pan con denominación propia, son as galletas e os pasteis, que posúen diferentes masas azucradas. É moi posible que xurdisen do coñecemento panadeiro como unha necesidade de facer pans "máis manexables" e nutritivos.Á masa pódenselle dar diferentes formas, debido ao emprego de diversos moldes e técnicas de amasado. Desta forma existen: as barras, os moletes, os roscóns, o pan de molde, as roscas etc.

A fariña máis habitual é a de trigo, pero tamén se elabora coa fariña doutros cereais, como o centeo, cebada ou millo (a broa) e mesmo doutros produtos, como o arroz, a pataca e a soia.

As partes principais son a codia (parte exterior, que adoita ser rexa e torrada) e mailo miolo (parte interior branda e esponxosa).

O pan foi tan importante na alimentación humana, que se considera como sinónimo de alimento en moitas culturas. Así mesmo, participa en moitos rituais relixiosos e sociais, como o matzoh, na Pascua xudía, a hostia na eucaristía cristiá, o rito de benvida dos pobos eslavos que involucra o pan e o sal etcétera.

Antigamente nas zonas rurais, o pan era elaborado nos núcleos familiares e os poucos establecementos para dispensar o pan, as panaderías, foron cobrando importancia nas zonas urbanas. Hoxe en día existen electrodomésticos específicos cos que se pode elaborar pan de forma moi sinxela, como por exemplo na máquina panificadora.

Na actualidade o pan é un dos alimentos básicos que pode atoparse en case calquera tenda de alimentación e grandes superficies. O seu valor fai que se poidan calcular índices económicos de referencia, como o índice de prezos ao consumo (IPC), empregado para determinar a evolución do custo de vida nas nacións.

Pastel

Este artigo trata sobre a torta, para o lapis ou a técnica de pintura véxase Pastel (arte).

Un pastel, bolo ou torta é un alimento doce que polo xeral se prepara no forno. Combinan fariña, azucre ou edulcorantes, ovos, leite, auga, aceite e fermentos. Tamén se pode poñer froita natural ou en zume. Para facelos máis divertidos decóranse con doces, con crema, confeitos e caramelo.

Pole

Este artigo fala do pole das plantas, para o artigo sobre o primeiro lugar na grella de saída dunha carreira nun circuíto véxase pole position.

O pole (do grego "pales" = "fariña" ou "po") é o conxunto dos minúsculos grans producidos polas flores das plantas anxiospermas (ou polas piñas masculinas das ximnospermas), que son os elementos reprodutores masculinos ou microgametófitos, onde se encontran os gametos que van fecundar os óvulos, para os transformar en froitos.

Os grans de pole son normalmente arredondados, aínda que os dos piñeiros sexan alados, e poden ser moi pequenos, só algúns micrómetros. O máis pequeno gran de pole coñecido é o do Myosotis, con cerca de 6 μm (0.006 mm) de diámetro. A forma e ornamentación dos grans de pole é típica de cada familia ou mesmo especie de plantas.

O pole contén unha gran proporción de proteínas (16 a 40 %) contendo todos os aminoácidos coñecidos, así como numerosas vitaminas, principalmente as vitaminas C e PP, sendo a principal fonte de alimentación das abellas. Outro importante produto fabricado con pole é a xelea real. Esta composición do pole pode ser responsábel das alerxias que lle son atribuídas.

O estudo do pole é a palinoloxía.

Refraneiro galego sobre o pan

Véxase tamén O muíño na cultura popular galega

A seguir recóllense os refráns que fan alusión ó pan, sexa pantrigo ou pan de centeo, pero tamén ó trigo, a fariña, o forno, ós panadeiros, etc. Debe terse en conta que en ocasións se utiliza o nome de pan para designar outros gran, como o centeo, e mesmo o cereal aínda no campo.

A anguía en empanada e a lamprea escabechada .

A auga de san Xoán, leva o viño e tolle o pan .

A auga de san Xoán quita o viño e tolle o pan .

A auga de san Xoán tolle o viño e non dá pan .

A auga en San Xuán tolle o viño e non dá pan .

A auga no forno, tras da fariña vai .

A auga polo san Xoán tolle o viño e non dá pan.

A can que os dentes regaña dalle pan ou talladas .

A cebada, na lameira; o trigo, na poeira .

A choiva no abril dá millo e dá pan.

A chuvia por san Xoán, tolle o viño e non dá pan.

A costureira, moi sentadiña; e o pan, na criba .

A falta de pan, bo é pantrigo .

A mera no San Xoán leva o viño e mais o pan .

A mozo respostón, pan e moito legón .

Á mesa sin pan non te poñas a xantar .

Á muller e ó can o pau nunha man, e noutra mau o pan .

A pan de quince días, fame de tres semanas .

A pan duro, dente agudo .

Á porta do orador non botes o trigo ó sol.

A pouco pan, tomar primeiro.

Á que amasa fariña, nunca pan lle falta .

Á que ten pan e capelo nunca lle falta mancebo .

A quen coce i amasa non lle fúrtela masa .

A quen come ben o pan, é pecado darlle compango .

A quen come ben o pan, é pecado o compango que lle dan.

A quen come pan, migallas lle quedarán .

A quen lle sobre pan, que manteña ben o can .

A quen non lle sobre o pan, que non críe can .

A quen queiras mal, cómelle o pan, e a quen ben, tamén .

A sardiña en san Xoán xa molla o pan.

A sardiña polo abril, cóllea polo rabo e déixaa ir; por maio ásaa no borrallo, e por San Xoán xa molla o pan .

A sardiña por abril cóllea polo rabo e déixaa ir, por maio ásaa no rescaldo e por san Xoán xa molla o pan.

A todo o que come pan, migallas lle cairán.

Abril frío e fornos quentes, alegría pros meus dentes ..

Abril frío, moito pan e pouco viño .

Abril frío, pan e viño .

Abril frío quer compango, viño e pantrigo .

Abril frío trai poias de trigo .

Abril, pendoril; maio, engraio; e san Xoán, segaio .

Abril, pendoril; maio, engraio; san Xoán, segaio.

Aceite, carne, pantrigo e sal, mercadoría real.

Aceitonas acedas, pan con elas.

Achegador da cinza, derramador da fariña.

Achegador de cinza, e esparexedor de fariña .

Adiós, amo e ama, que tan bo pan como aquí fano na miña casa.

Adoece, can, porque non che dan pan .

Agosto fáiselle maio ó que non ten pan sementado .

Agradecédemo, veciñas, que boto farelo ás miñas galiñas .

Alá vai serodio con temporao, mais non na palla nin no grao .

Alá vaias, pan emprestado, onde volvas millorado .

Alegraivos, veciñas, que lle dou farelo ás miñas galiñas .

Amasade, panadeiras, que miña nai quer un pan .

Amasando faise o pan .

Amigo por amigo, o bo pan e o bo viño.

Ano de laceira, en cada esquina unha panadeira .

Ano de nevadas, ano de fornadas .

Ano hortelán, máis palla que gran.

Ano hortelán, moita palla e pouco gran.

Ano malo, panadeiras no mercado .

Anque comas azafrán, a boca que che sepa a pan.

Antes de pan viño, antes de viño touciño, e antes touciño que liño.

Antes de san Martiño, pan e viño. Despois de san Martiño, fame e frío .

Antes o pan que o viño e antes o touciño que o viño .

Antes pan que viño, antes viño que touciño, e antes touciño que liño .

Ao que ten fillos non lle apodrece o pan .

Ara ben e fondo, e collerás pan dabondo .

As tormentas por san Xoán tollen o viño e levan o pan.

Astra san Martiño, pan e viño; de san Martiño adiante, frío e fame .

Astra san Xoan, toda a herba é pan .

Ata curto, esterca a modo, ara xusto e fondo, e collerás pan dabondo .

Ata san Martiño, pan e viño; de san Martiño adiante, fame e frío.

Ata san Martiño, pan e viño; de san Martiño pra diante, fame e frío bastante.

Ata San Martiño, pan e viño; de San Martiño pra diante, pan e frío bastante .

Auga, da serra; pan do que se malla na eira .

Auga de febreiro, enche o graneiro.

Auga de maio, pan pra todo o ano.

Auga de san Xoán, tolle o viño e non dá pan .

Auga e pan, sopas na barriga fan .

Auga en maio, pan para o ano .

Auga en maio, pan todo o ano .

Auga fría e pan quente nunca fan bo ventre.

Auga fría e pan quente, nunca fixeron ventre .

Auga no San Xoán tolle o viño e non dá pan .

Auga panada, feita e tomada .

Auga por agosto, nin pan nin mosto .

Azadós moi relocentes, escaleiras dos xuzgados, auntamentos con musgo, o panadeiro a cabalo, o médico de pé: o universo ben gobernado.

Ben está o can cando non quer pan .

Benia ó pan que presta i a moza que o come .

Bo é o pan con algo máis .

Bo é pan con algo de compango máis .

Busca pan pra maio e leña pra abril, e bótate a dormir .

Cada meniño ó nacer trai un pan baixo do brazo .

Cada un busca o pan do seu mastigo .

Caia auga e veña maio, que xa temos pan pro ano .

Caian pans e veñan días .

Caldo sen pan no inferno o dan .

Caldo sin grasa, pan sin tasa .

Caldo sin pan dáselle ó can Eladio Rodríguez González, s. v. caldo..

Cando a carballeira zoa, sabe ben a broa.

Cando canta o cuco logo vèn o grau ó suco .

Cando comas pan quente, non bebas auga fría .

Cando Dios dá a fariña vén o demo e quítaa .

Cando fores a chan alleeiro leva o pan no capelo .

Cando hai trigo na eira, hai pan na maseira .

Cando non hai fariña, sobra a peneira.

Cando o home ten leiras que traballar, e a muller fariña que amasar, na casa non falta pan .

Cando o trigo é louro, é o barbo coma un touro.

Cando o trigo é louro, o muge é d'ouro .

Cando o trigo está louro, o barbo é coma un touro .

Cando o trigo está louro, o múxele vale ouro .

Cando o trigo está na eira, anda o pan por enriba da artesa .

Cando o trigo está no celeiro, é do que ten diñeiro .

Cando o trigo está nos campos, é de Dios e dos santos .

Cando o trigo está nos campos, é de Dios e mais dos Santos.

Cando o trigo vai louro, o muxe vale ouro .

Cando tiven dentes non tiven pan; e agora que teño pan non teño dentes .

Canta máis aughiña, máis fariñiña .

Casou Pedro e non foi mal; casou en terras de pan .

Catro cartos para pan, tres e medio para viño, un carto para tabaco, alá vai un realiño.

Cava fondo i terás gran.

Cava, labor e barbeito, en maio han de estar feitos .

Cebada, a que eu quixere; e trigo, o que Dios me dere .

Cebada, pra marzo; leña pra abril e trigo, pra maio .

Chámame can e dame pan .

Chocolate con petada na casa dos probes é comida rara, porque é cara .

Chova ou non chova, pan ha de haber de sobra .

Chuvia en san Xoán, tolle o viño e non dá pan.

Chuvia en San Xoán, tolle viño e non dá pan .

Chuvia na semana da Ascensión, cría nos trigos mourón .

Chuvia na semana da Ascensión cría nos trigos mourón, pro é un regalo San Pedro co seu xerro, San Cristobo co seu cobo, Santa María coa súa regazadiña, Santiago co seu canado, San Lorenzo co seu caldeiro penso, Nosa Señora coa súa ola e San Miguel co seu tonel .

Chuvia por San Xoán, tolle o viño e leva o pan .

Coa chegada do cuco vén o pan ó suco .

Comas ben ou comas mal, a boca deixarala de pan .

Come máis pan un día de sol de febreiro, que os cabalos de todo o reino .

Come pan, bebe viño e tira pra diante polo camiño.

Cómeo Deus na eira e cólleo Marta na maseira.

Comer sempre con pan chega a cansar, se non hai algo pra compangar.

Comín fariña por engordar, e saíume por cea e por xantar .

Con aceitonas e pan quente, mórrese a xente.

Con afán gánase o pan.

Con ben pan e moita leña, o inverno a ninguién empeña .

Con pan caseiro non vende o panadeiro .

Con pan e viño anda calquera o camiño.

Con pan e viño ándase o camiño .

Con pan e viño ben se pasa o camiño .

Con pan e viño faise o camiño.

Con pan e viño lévase o camiño.

Con pan e viño pásase o camiño .

Con pan e viño xa se anda o camiño .

Con pan ou sin pan, o que non morra vivirá por san Xoán .

Coza quen quixer, e amase quen souper .

Da bola e a rebola, que veña o demo e escolla.

Dá Dios pan a quen non ten moas .

Dalle ó rabo o can, non por ti senón polo pan .

Dame pan e chámame can .

Dame pan e di que son parvo .

Dáo Dios na eira, e tólleo Marta na maseira.

Dar do pan, e do pau .

De mal trigo nunca boa fariña .

Derramando a fariña non se goberna a casa miña .

Des que chega o cuco, logo vén o pan ó suco.

Desta maneira o que non ten fariña, escusa peneira .

Día de san Adrián sécalle a primeira raíz ó pan

Diga a miña veciña e teña o meu fol fariña .

Diñeiro que gardado está non gana pan .

Dios che dea poder na vila e na túa casa fariña.

Dios me dea paz na vila e na casa pan e fariña.

Dios nos dea moito pan e mala colleita.

Dios nos dea moito pan na mala anada .

Dios nos dea pan e pacencia e morte con penitencia.

Dixo o viño moi campante: "No corpo do home son valente e voante". E dixo o pan: "Se eu vou diante" .

Dixo o viño: "No corpo do home sou valente e boiante". E dixo o pan: "Se eu vou diante".

Do pan de meu compadre boa rebanda, miña comadre .

Do pan do meu compadre, grandes anacos ó meu afillado .

Do pan encetado calquera pilla un bocado .

Do pan encetado podese tallar boa arrebada sin conocerse nada .

Domingo de Entroido Larafuzán comícheme a carne, deixácheme o pan .

É millor pan duro que figo maduro .

En abril e maio fai fariña pra todo o ano .

En abril e maio fai fariña pro ano .

En abril, espigas mil.

En abril, espigas mil, no maio todo espigado.

En agosto máis vale que sobre pan que non que falte viño.

En chegando san Brais pon pan e viño na alforxa que día non faltará .

En martes non te cases nin te embarques, nin o teu cocho mates, nin o teu pan cozas, nin a túa tea urdas, nin a túa filla cases, nin dos da túa casa te apartes.

En marzo, abrigo e pantrigo .

En marzo, abrigo, mozas e pan de millo.

En marzo abrigo, noces e pan de millo.

En marzo, abrigo, noces e pan trigo .

En marzo, abrigo, noces, pan e trigo.

En marzo, espigarzo.

En marzo, ó abrigo con noces e pan trigo.

En marzo, o trigo nin por sementar nin nado .

En pan encetado corta quen quer .

En saco de liño non lévela fariña ó muíño .

En san Adrián sécalle a primeira raíz ó pan.

En san Martiño, pan e viño.

En san Xoan a fouce na man .

En san Xoán, a sardiña molla o pan.

En san Xoán a sardiña pinga o pan .

En san Xoán, bótalle a fouciña ó pan; en Santa Mariña, da meda fai fariña.

En San Xoán pinga a sardiña no pan .

En san Xoán seca a raíz o pan.

En san Xoán, tanto queixo como pan .

En san Xoán, tanto viño coma pan.

En san Xoán, xa a sardiña molla o pan .

En toda terra espiga o pan .

En todo tratar, e pan labrar.

En todas partes cocen pan .

Ende chegando o San Bras pon pan e viño na alforxa, que día non faltará .

Entre abril e maio, fai fariña para o ano .

Entre san Xoán e san Pedro, vén o pan ó vencello.

Esparexedor de fariña, recolledor de cinza .

Fai boa fariña e non toques a buguina .

Fale a miña veciña e teña o meu fol fariña.

Fariña abalada, que non cha vexa sogra nin cuñada .

Fariña do demo, toda se volve farelo .

Fariña do diablo toda se volve salvado .

Fol mollado, masa leva.

Fol sobado, mala fariña leva.

Garda do pan para maio e da leña para abril .

Garda leña pra abril e pan pra maio .

Garda pan para maio e leña para abril.

Garda pan para maio e leña para abril, que che ha de cumprir.

Garda pan para maio e leña para todo o ano.

Gracias a Dios que cocemos sete petadas e nove debemos .

Gran debaixo do terrón, gran morto, e debaixo da pedra, torto.

Home morto nunca come pan .

Hoxe viño e pan, o resto mañán.

Inda agora se come o pan da voda .

Invernía de San Xoán, tolle o viño e non dá pan .

Labrador chalán, non colle viño nin pan.

Ladra, can, que pra eso gánalo pan .

Limpa e arranxa a eira cando está agosto á beira.

Madeira de serra e pan de cazola, nunca sobran.

Maio airoso fai o pan garboso .

Maio come o trigo, e agosto bebe o viño .

Maio fai o trigo, e agosto o viño .

Maio frío, moito trigo .

Maio frío, moito trigo; maio pardo, ano farto.

Maio un pouco frío cría trigo; pero se é moi frío, nin palla nin trigo .

Máis val pan con amor, que galiña con door .

Máis val pan con mel que pan sin el .

Máis vale que sobre pan que non que falte viño.

Máis vale un día alegre con medio pan, que un triste cun faisán.

Marzo, espigarzo .

Marzo espigarzo, abril penderil, en maio gramado, en San Xoán segado .

Marzo espigarzo, abril pendoril, maio granado, San Xoán segado, Santa Mariña a airiña .

Marzo, espigarzo; abril, penduril; maio, granado; san Xoán, curado. Na santa Mariña, metelo na arquiña .

Marzo, espigas catro; abril, espigas mil.

Mesa de catalán, moita vianda e pouco pan.

Meu pai chámase fogaza, i eu morrome de fame .

Millor é un pouco pan duro que un figo enteiro maduro .

Moitos fillos e pouco pan, contento con afán .

Moitos oficios tiña Galván e de ningún ganou pan.

Mordedura de alacrán, busca viño e busca pan, que mañá te enterrarán.

Muller e forno, con unha hai dabondo .

Na cama do can non busques o pan, nin no fuciño da cadela busques a manteiga .

Na cama do can non cáte-lo pan, nin no fuciño da cadela búsque-la manteiga .

Na mesa chea, ben cabe a fogaza allea.

Na noite de san Xoán andan os probes pedi-lo pan, e na noite do ceboliño andan os vellos a pedi-lo viño.

Na noite de san Xoán andan os tolos pedi-lo pan, e na noite do ceboliño andan os vellos a pedi-lo viño.

Navidá en venres, sementa onde poideres; Navidá en domingo, vende os bois e bótao en trigo.

Nin mesa sen pan, nin soldados sin capitán.

Nin o teu pan en bolas, nin o teu viño en sopas .

Nin o teu pan en roscas nin o teu viño en botas .

Nin o teu pan en sopas, nin o teu viño en probas .

Nin viña no baixo nin trigo no cascallo .

No agosto a fariña e no setembro a fouciña.

No ano caro, a peneira espesa i o cribo raro.

No bo ano a palla é grau. No mal ano o grau é palla .

No inverno, forneira; no vran, taberneira .

No marzo, abrigo; na eira, pantrigo .

No marzo abrigo, noces e pantrigo.

No san Xoán deixa o touciño e come pan.

Non botes leña no forno cando xa quente estivere .

Non busques o pan na cama do can .

Non che dea Dios máis mal que moitos fillos e pouco pan .

Non dá bo pan a mala fariña .

Non é o mesmo predicar que dar trigo .

Non hai mellor ciruxán que a boa carne, o bo viño e o bo pan.

Non hai pan sin afán .

Non hai pior afán, que moitos fillos e pouco pan .

Non hai pra pan e mercamos rosquillas .

Non hai tal viño como o pantrigo e o leite macizo

Non lle negues o pan ó probe que de porta en porta vai, que ese amóstrache o camiño que mañán podes levar .

Non negues o neno ó bolo, nin ó santo o voto .

Non pon a galiña senón a fariña .

Non sexas forneira, se tes a cabeza de manteiga .

Non temos pra pan e mantemos un can .

Non ten razón o que xunta a fariña co relón .

Non xantei, nin merendei, nin hoxe probei bocado, sinón un bolo de trigo, que tiña medio ferrado .

Nunca está sin pan a casa en que se traballa .

O ano que non hai pan, ou muiñeiro ou hortelán .

O barbo é coma un touro cando o trigo está louro .

O barbo val ouro cando o trigo é louro .

Ó corricán, non perdas o pan .

O burro do xitano, en vendo o pan alonga o paso .

O caldo sin pan no inferno o dan.

O can baila polo pan .

O can de boa raza pensa no pan e na caza .

Ó can que lambe a cinza, non lle fíes a fariña .

O día de san Xoán créballe a primeira raíz ó pan, o día de san Pedro, créballe a do medio, e o día de santa Isabel ...¡fouciñas a el! .

O día de san Xoán molla o viño no pan.

O día que a miña muller amasa, hai alegría na casa .

O día que amaso, mal día paso, pero é pior non ter que amasar nin que peneirar .

O día que cozo, é día de alborozo' .

O día que se amasa, mal se pasa .

Ó enfornar fanse os pás tortos .

Ó enfornar tórcense os pás .

Ó estar xuño xa na beira busca a fouce e limpa a eira.

O fillo da miña filla ponmo onda lareira na cociña; i o da miña nora, dalle un codecho de pan pra que vaia pra fóra .

O fillo do mesquiño, pouco pan e moito vicio .

O forno i a vella, pola boca se quentan .

O forno pola boca se quenta .

O home mesquiño non colle forzas nin co pan nin co viño .

O lus mollo, o martes lavo, o miércoles seco, o viernes peneiro, o sábado amaso; e o domingo, que eu fiaría, todos me din que estou noutra semana e que xa non é día .

O moito pan tamén chega a cansar .

O morto á cova, o vivo á bola.

O mozo que lle sabe ben o pan, é pecado o compango que lle dan .

O pan alleo sempre é malo .

O pan alleo ten sete codias .

O pan ben arrendado, énchelle a eira ó seu amo .

O pan centeo é bo cando é alleo .

O pan comido e a compaña desfeita .

O pan, con ollos; o queixo, cego, e o viño, anexo .

O pan, con ollos; o queixo, sin ollos, e o viño, que salte ós ollos .

O pan da casa, farta .

O pan de trigo fíxoo Dios, e o de millo mandouno facer.

O pan, pan, e o viño, viño .

O pan polo coor, e o viño polo sabor .

O pan que foi ben sachado, enche o horrio do seu amo .

O pan que non se vende dispois dir á feira, é coma a fariña que non se peneira .

Ó pan quente ábrelle a gorxa .

O pan raro carga o carro .

O pan trigo e centeo máis val na barriga que no seo .

O pantrigo fíxoo Dios, a broa mandouna facer .

O pantrigo fíxoo Dios, e o de millo mandouno facer.

O peixeiro trae peixe, o panadeiro trae pan e as trasnadas san Xoán.

O que a can alleo dá pan, perde o pan e perde o can.

Ó que amasa e coce, ben se lle conoce .

Ó que amasa e coce, todo lle loce .

O que aúna en San Xoán, ou é parvo ou non ten pan .

O que aúna en san Xoán, ou é tolo ou non ten pan.

O que coce i amasa, ben sabe as que pasa .

Ó que come ben o pan, é pecado o compango que lle dan .

O que fala do coitelo é que ten gana do pan .

Ó que non lle sobra o pan, sóbralle o can .

O que non ten pan sementado, agosto fáiselle maio .

O que non ten pan teno que buscar, porque sin comer non se pode pasar .

O que non ten pra pan, que non críe can .

O que queira comer patacas en san Xoán, bóteas cando o pan.

O que queira comer patacas polo San Xoan, bóteas cando o pan .

O que queira comer patacas por san Xoán, bóteas cando o pan.

O que sementa no camiño cansa os bois e perde o trigo.

O que sementa sen semente, sega sen fouciño.

Ó que te quer mal, cómelle o pan; e ó que te quer ben, cómello tamén.

O que ten can é que lle sobra o pan .

Ó que ten fillos pequenos, non se lle apodrenta o pan .

O que ten moito mel, cómeo con pan, cómeo sin el, ou cómeo como quer .

O que xexúa en san Xoán, ou é parvo ou non ten pan.

O trigo centeoso fai un pan moi proveitoso.

O trigo que non se axunta na leira, xúntase na eira .

O viño é pan e medio .

O viño i o pan sempre se dan: us anos ben, outros mal e outros menos mal.

O viño polo coor i o pan polo sabor .

Obreiro en xaneiro, pan che comerá e obra non fará.

Onde hai pan non hai fame .

Onde hai pan sempre hai fartura .

Onde non hai fariña nin relón, todos falan sin razón.

Onde non hai fariña nin relón, todos roñan e todos teñen razón .

Onde non hai fariña, todo é morriña .

Onde non hai pan non o comen os ratos .

Onde non hai pan vaise hastra o can .

Onde pan se come migallas quedan .

Onde se come pan frangullas quedarán.

Ós seis meses sentarei, daranme pan e comerei.

Pan adentado non se pon na mesa .

Pan albeiro, máis val na barriga que no seo .

Pan albeiro ou pan centeo, millor quero do meu que do alleo .

Pan alleo custa caro .

Pan alleo pouco engorda .

Pan balorento, alegra ó famento .

Pan ben sachado énchelle o cabazo ó amo .

Pan centeo, antes comido que no seo .

Pan centeo, millor no meu papo que no alleo .

Pan comido, compaña desfeita .

Pan con fartura, cansa logo se moito dura .

Pan con fartura; e viño, con mesura .

Pan con pan comida de parvos .

Pan da miña falchoca, como el non me falte todo me sobra .

Pan de hoxe, carne de onte e viño de antano, manteñen ó home sano.

Pan de millo nono deas ó teu fillo .

Pan de onte, carne de hoxe, e viño de antano, manteñen ó home sano .

Pan de onte, e carne de hoxe, e viño de antano, salú pra todo o ano .

Pan de onte e viño de antano, salú pra todo o ano.

Pan de panadeira e viño de taberna, nin farta nin goberna .

Pan de trigo ou de centeo, quéroo máis no meu ventre que no alleo .

Pan de voda é carne que consola, a quen a coma .

Pan de voda, pra min sobra .

Pan de voda, quen o queira comer que o coma .

Pan e auga, sopas .

Pan e noces saben a amores .

Pan e viño andan camiño .

Pan e viño andan camiño, millor que mozo garrido .

Pan e viño, un ano teu, e outro do teu veciño .

Pan encetado non te torna .

Pan mal amasado non pide bocado .

Pan mol, moito na man e pouco no fol .

Pan mol vaise ó fol .

Pan, pan, moitos o comen e poucos o dan .

Pan por quilo e viño por medida, o que non rouba algo non leva boa vida.

Pan pra hoxe, fame pra mañán .

Pan pra maio e leña pra abril, e o millor cepón, pra marzo o compón .

Pan que sobre, carne que abonde, viño que non falte e alegría que abaste .

Pan quente e uvas, ás vellas quitan engurras .

Pan quente, fame mete .

Pan quente, moito na man e pouco no ventre .

Pan, viño e carne quitan a fame .

Para o pan engraiar, o boi ha tremar .

Paxaro trigueiro, nono quero no meu celeiro .

Penas e ceas teñen as sepulturas cheas .

Peneirar, peneirar, e nunca fariña sacar .

Pola festa de san Xoán andan os pobres a pedir pan.

Polo pan baila o can ..

Polo pan baila o can pra ver se llo dan .

Polo san Xoán, auga fervida con pan.

Polo san Xoán bébese viño e cómese pan.

Polo san Xoán calquera burro gana o pan.

Polo San Xoán molla a sardiña no pan .

Polo San Xoán tanto viño como pan .

Polo San Xoán xa a sardiña pinga o pan .

Por abril ponte de codín; e se o pan ves verdegar, ponte a cantar .

Por diñeiro baila o can, e por pan, se llo dan .

Por moito pan nunca é mal ano .

Por moito trigo nunca é mal ano .

¿Por qué non te casas Xan? Porque vai moi caro o pan .

Por san Xoán a sardiña molla o pan.

Por san Xoán a sardiña pinga no pan.

Por San Xoán molla a sardiña o pan .

Por san Xoán, tanto queixo coma pan.

Por unha presa de fariña, que as papas non queden moles.

Pra moita fame non hai pan resésigo.

Pra muiñeiro, forneiro e hortelán, non hai ano sin pan .

Pra pan e cebola é mester cazola .

Pra pan non temos e can mantemos .

¿Pra qué queres millor pan que o pantrigo? .

Preguiciña ¿queres pan? Si señora, si mo dan. Vai busca-lo coitelo. Non señora, non o quero .

Primeiro o pan, dispois o can .

Quen aforra o pan non quer ben ós fillos .

Quen ara no san Xoán, ou está tolo ou non ten pan.

Quen colle trigo pode comer pantrigo .

Quen con fariña anda, branco se pon .

Quen dá pan ó alleo can, perde o can e perde o pan .

Quen dá pan pon afán .

Quen di pan di fartura .

Quen dixo pan, dixo trigo .

Quen me dá o pan, dame o afán .

Quen se mantén de pan, moi mal mantido non vai .

Quen xaxúa por san Xoán, ou é tolo ou non ten pan.

Quero saber de qué pan me hei manter .

Ratos arriba, que todo o branco é fariña.

San Xoán come pan e san Andresiño touciño.

San Xoán daime o pan e san Martiño o viño.

San Xoán, deixa vi-lo pan que el cho pagará.

San Xoán e san Martiño foron merendar ó camiño. San Xoán levara o pan e san Martiño o viño.

San Xoán garda a chave do pan, san Martiño a do viño e san Andrés a do porquiño.

San Xoán trae o fol cheo de pan e san Martiño bota de viño.

San Xoán, san Xoán, deixa vi-lo pan que coel cho pagarán.

San Xulián garda o viño e garda o pan .

San Xullán, garda viño e pan.

Santiago manda o pan, san Migueliño manda o viño, san Francisco manda a landre e san Andrés o touciño.

Se as penas de Oirán se volveran pan, a Frouseira manteiga e o río de Ouro viño mouro, non había terra coma o Valadouro.

Se che pica un alacrán busca viño, busca pan, e mais crego e sancristán, antes hoxe que mañán, pois logo te enterrarán .

Se che vai ben o trigo tardeiro, non llo digas ó teu compañeiro .

Se chove pola Ascensión, horta ruín e trigo rocón .

Se comes sardiña en san Xoán, mollaráchese o pan.

Se pan quente comes, non bebas auga da fonte .

Se queres coller pan, ara polo San Xoán .

Se queres comer patacas por San Xoan, seméntaas cando o pan .

Se queres gañar ó can, dálle pan.

Se qués que te siga o can, dalle pan .

Se te morde un alacrán, busca viño e busca pan, sacerdote e sancristán, quen mañán te enterrarán.

Se te morde un alacrán, garda viño e garda pan, que mañá te enterrarán.

Se te morde un alacrán, tres días comerás pan.

Se te morde un alacrán, xa non comerás máis pan.

Se te pica un alacrán, tres días comerás pan.

Se te roi un alacrán, busca a cera e mais o pan, e se te roi a adelouciña, búscaos aínda máis axiña.

Se te roi un alacrán, busca viño e busca pan, e mais crego e sancristán, antes hoxe que mañán, pois logo te enterrarán.

Se te roi un alacrán, tres días comerás pan .

Se te roi un alacrán, xa non comerás máis pan .

Sembra trigo en San Martiño, cada día un pouquiniño.

Sementeira na semana de san Román nin palla nin gran; sementeira na de santa Baia, gran e mais palla .

Sin pan nin viño non se anda ben o camiño .

Tal terra andar, tal pan manxar.

Tanto pan coma queixo e tanto queixo coma pan, ben o como se mo dan.

Tanto o pan coma o queixo, e tanto o queixo coma o pan, cómoo se mo dan .

Tanto queixo como pan, non se debe dar .

Treboada no Miño, pan e millo.

Trigo centeoso, pan proveitoso .

Trigo que lle a palla doura, logo estará pró fouciño .

Trigo que non has de colleitar, deixa de o visitar.

Un gran non fai graneiro, pero axuda ó compañeiro.

Val máis pan duro que pedras moles .

Val máis pouco pan duro, que fame de nove días .

Val máis que sobre pan, que non que falte viño .

Vale máis gran de sobra na moega que muíño de espera.

Vale máis pan duro que consello de burro .

Viño acedo, touciño vello e pan centeo, sosteñen a casa en peso .

Viño de ricos e pan de pobres .

Viño, que salte; queixo, que chore; pan, que cante .

Viva Dios e coza o forno .

Xa que o trigo non é meu, que o acañe quen o colleu .

Xa sei o pan que pra sempre me ha fartar .

Xesta pro forno, que ben coce o pan, e mais o bolo.

Xoaniña, voa, voa, que che dou pan con sebola .

Xoaniña, voa, voa, que teu pai está en Lisboa e túa nai está na cama a comer pan e cebola .

Soia

A soia (Glycine max) é unha especie de legume nativa do leste de Asia, amplamente cultivada polo seu feixón comestíbel, que ten numerosos usos. A FAO clasifícaa coma unha oleaxinosa no canto dun legume seco.

A fariña de soia desgraxada é unha fonte de proteínas para a alimentación animal e precociñados importante e barata; O aceite de soia é outro subproduto importante deste cultivo. Por exemplo produtos de soia coma a proteína vexetal texturizada (TVP nas súas siglas en inglés), son a base de moitos sucedáneos de leites e carnes. A soia produce moita máis proteína por hectárea ca ningún outro cultivo.A comida tradicional non fermetada adoita usar a soia, incluíndo leite de soia, e desta, tofu e tona de soia. A comida fermentada incúe o mollo de soia, pasta de feixón fermentado, natto e tempeh, entre outros. O aceite emprégase en moitas aplicacións industriais. Os maiores produtores de soia son os Estados Unidos (35%), o Brasil (27%), a Arxentina (19%), a China (6%) e maila India (4%). Os feixóns conteñen unha significante cantidade de ácido fítico, ácido alfa-linolénico, e isoflavonas.

Trigo

O trigo é o termo xeral que designa as distintas especies bravas e cultivadas do xénero Triticum spp, cereal anual que se cultiva en todo o mundo. Globalmente, é o segundo gran comestíbel máis cultivado, xunto ao millo; sendo o terceiro o arroz; e o máis consumido polo ser humano na civilización occidental dende a antigüidade. En Galiza cultívase dende hai séculos, aínda que outros cereais, como o millo, que ten máis importancia no país .

O glute do trigo dálle ao pan unha consistencia elástica á masa de fariña e auga. Por mor da intolerancia ao glute (doenza celíaca) moitas persoas non poden consumir trigo nin outros cereais (orxo, centeo).

O gran de trigo utilízase para facer fariña triga, sémola, cervexa e unha gran variedade de produtos alimentarios.

Coa fariña faise:

Pan: empanadas, pizzas etc.

Repostaría: biscoitos, madalenas, roscas etc.

Pasta: tallaríns, macarróns, canelóns etc.

Mollos: salsa bechamel

Vitamina B1

A vitamina B1, tamén coñecida como tiamina , é unha substancia que actúa como coenzima no metabolismo dos hidratos de carbono, permitindo metabolizar o ácido pirúvico. Ademais participa na síntese de substancias que regulan o sistema nervioso. A súa forma activa é o pirofosfato de tiamina (TPP).

A súa absorción no intestino realízase facilmente, polo que a súa falta na dieta causa problemas metabólicos, en particular a nivel do metabolismo dos carbohidratos, poucos días despois.

A carencia de vitamina B1 produce unha enfermidade con sintomatoloxía nerviosa denominada beriberi.

A vitamina B1 ou tiamina atópase na carne de vacún ou de porco, noces, garavanzos, millo, ovos, figos secos, fígado, avea, chícharos, cacahuetes, pataca, arroz integral, fabas de soia, trigo e fariña branca enriquecida.

Xosé Fariña Jamardo

Xosé Fariña Jamardo, nado en Caldas de Reis o 26 de abril de 1919 e finado en Madrid o 19 de agosto de 2008, foi un escritor galego. Experto en Administración Local, exerceu como Secretario Xeral en varios concellos e na Deputación de Pontevedra. Publicou numerosos artigos sobre temas literarios e de administración local na prensa de Madrid e de Galicia.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.