Fútbol sala

O fútbol sala, futsal, futsala ou fútbol de salón, é un deporte derivado da unión de outros deportes: o fútbol, que é a base do xogo; o waterpolo; o voleibol, o balonmán e o baloncesto. Tomando destes non só parte das regras, senón tamén algunhas técnicas de xogo.

Os xogadores deste deporte precisan dunha gran habilidade técnica e dominio sobre o balón, así como velocidade e precisión na execución tanto ao recibir, pasar ou realizar xestos técnicos.

Inicialmente rexido pola Federación Internacional de Fútbol de Salón (FIFUSA), hoxe existen dous entes mundiais, a Asociación Mundial de Futsal (AMF) e a Federación Internacional de Fútbol Asociación (FIFA). Esta última transformou unha modalidade deportiva denominada "Fútbol 5" moi similar ao fútbol sala da FIFUSA, cando a mesma se extinguiu, aínda que hoxe este fútbol 5 ou "showbol" se practica en México (fútbol rápido) e Estados Unidos (Indoor Soccer).

A pesar dos esforzos tanto da AMF e a FIFA por unificar esta modalidade e de ser recoñecidos polo Comité Olímpico Internacional, ningunha das dúas entidades conseguiu o seu propósito, deixando como consecuencia o estancamento desta disciplina, xa que en Europa e Sudamérica practícanse con regras similares pero distintas e en algúns casos utilizando os mesmos deportistas para eventos de ambas entidades, posto que a FIFA prohibe aos seus deportistas practicar o futsal da AMF.

A selección feminina galega foi a subcampioa mundial da AMF World Futsal Championships celebrada en 2008, por detrás de Cataluña.

Futebol Salao Pan2007
Xogadores de fútbol sala.

Táctica do fútbol sala

Trátase da execución dunha ou varias accións técnicas individuais ou colectivas para responder a unha situación problema que presenta durante o xogo e pódense clasificar de acordo á intencionalidade do equipo en ofensiva (intención de anotar gol) e defensiva (impedir a anotación de gol). O anterior obedece a parámetros que se basean na praxeoloxía dos xogos deportivos de Pierre Parlebas. Segundo el, os xogos deportivos representan situacións-tipo interacción social, de cooperación e enfrontamento (Ataque e Defensa).

Táctica defensiva

Son todas aquelas accións e procedementos tácticos onde as condutas motrices de cooperación teñen como fin evitar que o opoñente logre a obtención dun gol na nosa meta, mentres que as condutas motrices de oposición buscan as situacións de xogo onde se confronta ao adversario especialmente ao que posúe o móbil.

Táctica ofensiva

Son todas aquelas accións e procedementos tácticos onde as condutas motrices de cooperación teñen como obxectivo a obtención dun gol na meta contraria, mentres que as condutas motrices de oposición buscan as situacións de xogo onde se confronta ao adversario en condicións de superioridade xa sexa psicolóxica, posicional ou numérica, para lograr a anotación do tanto.

Transicións

Son os pasos de ataque-defensa e/ou defensa-ataque. A estes últimos tamén se lles chama contragolpes ou contra-ataques.

Sistemas de xogo

Enténdese por sistema de xogo a disposición dos xogadores no terreo de xogo xa sexa para chegar á portería do contrario ou para defender a propia.

Existen tres sistemas de xogo básicos, que son:

1-2-2

Un porteiro, dous xogadores no fondo e dous na parte dianteira; á defensiva xera dúas liñas defensivas e á ofensiva tres carrís (bandas e centro) por onde se pode xogar o balón rápido e en profundidade.

1-3-1

Un porteiro, tres xogadores no fondo y un na parte dianteira; á defensiva adiántanse os dous laterais formando un "rombo" (1-1-2-1) conformando tres liñas defensivas posibilitando o peche do centro e das bandas obrigando a "lateralizar o xogo". Á ofensiva proporciona seguridade ao contar cunha "columna vertebral (dous xogadores situados no centro, o máis atrasado facendo unha liña de tres cos ás de cada unha das bandas ou base dun "triángulo" e o máis adiantado, a punta dese triángulo, obrigando ao equipo contrario a ampliar o seu fronte defensivo para conter a acción dos ás deixando máis espazos ás costas dos defensores. Esta disposición espacial xerou unha especialización dos xogadores segundo a situación dos mesmos no campo así;

  • Peche: Xogador que se sitúa por diante do porteiro como base da liña de tres xogadores ao ataque e último xogador de campo á defensiva.
  • Ás: Xogadores que se sitúan sobre as bandas utilizando estas como espazos para xogar a pelota e desprazarse a defender a portería propia.
  • Pivote: Xogador do equipo más próximo á portería rival, que cumpre funcións ofensivas de recibir e xogar o balón ás costas da portería, xa sexa para voltearse e rematar ou pasar aos seus compañeiros e defensivas como integrar a primeira liña defensiva ao rival.

1-4-0

Un porteiro, catro xogadores no fondo; sistema netamente ofensivo creado por Antonio José Azevedo (Zego) xogador e adestrador brasileiro de fama mundial, cuxo propósito era buscar a presión por parte dos catro xogadores rivais emparellándoos e xerando espazo ás costas dos defensores, a cal se gañaba lanzando a pelota por elevación e desbordando en velocidade ou facer que foran a ese espazo para poder xerar espazo polas bandas e abrir por lateral.

Véxase tamén

Ligazóns externas

Agrupación Deportiva Sala 10

O Sala 10 Zaragoza é un equipo de fútbol sala español da cidade de Zaragoza (Aragón), que actualmente xoga na División de Honra da Liga Nacional de Fútbol Sala. Foi fundado en 1987 e se converteu no principal equipo de Zaragoza trala desaparición do Sego Zaragoza, máis coñecido como Pinturas Lepanto. O seu debut na División de Honra produciuse na tempada 1999-2000.

Associació Esportiva Manacor

A Associació Esportiva Manacor ou Fisiomedia Manacor por motivos de patrocinio, é un equipo español de fútbol sala da localidade de Manacor, Mallorca (Illas Baleares). Foi fundado en 1998 e actualmente xoga na División de Honra da Liga Nacional de Fútbol Sala (LNFS).

Caja Segovia FS

O Caja Segovia Fútbol Sala é un equipo español de fútbol sala da cidade de Segovia, que compite na Primeira División da LNFS. Fundado en 1979 co nome Club Deportivo La Escuela, foi un dos equipos fundadores da LNFS en 1989, ano no cal comezou a competir na elite do fútbol sala español baixo o nome do seu patrocinador Caja Segovia.

O equipo xoga os seus encontros como local no Pavillón Pedro Delgado de Segovia, un recinto multiusos cuberto que conta cunha capacidade para acoller a 2800 seareiros (4500 engadíndolle bancadas temporais).

Club Deportivo Burela Fútbol Sala

O Club Deportivo Burela Fútbol Sala, coñecido por motivos de patrocinio como Burela Pescados Rubén, é un equipo galego de fútbol sala fundado en 2001 en Burela. Actualmente xoga na Primeira División.

Xogou cinco tempadas consecutivas na Primeira División entre 2012 e 2017, acadando na tempada 2013/14 un sétimo posto que lle permitiu xogar o play-off polo título, no que foi eliminado en cuartos de final.

Tamén ten un equipo feminino que xoga na máxima categoría.

Copa Xunta de Galicia de fútbol sala

A Copa Galicia de fútbol sala é unha competición de fútbol sala que se disputa anualmente en Galicia. Está organizada pola Real Federación Galega de Fútbol e a súa primeira edición disputouse en 1990, coincidindo co inicio da División de Honra. No 2007 a competición non se puido disputar por falta de datas no calendario, e ao ano seguinte disputouse durante o parón invernal propiciado polo Mundial de Brasil.

Copa de España de fútbol sala

A Copa de España de fútbol sala é unha competición de fútbol sala española organizada pola LNFS que se disputa anualmente dende 1990, coincidindo co inicio da División de Honra.

Dende a súa primeira edición ata o presente, a Copa de España é disputada polos oito primeiros equipos clasificados ao rematar a primeira rolda da liga. Se a cidade organizadora conta cun equipo na División de Honra, xogará automaticamente a Copa xunto cos sete mellores clasificados. Os equipos se enfrontan entre eles en eliminatorias a partido único.

Na edición do 2007 ampliouse o número de participantes ata os 16 da máxima categoría do Estado español. Os equipos repartíronse en 4 grupos de 4 equipos cada un, baseándose na clasificación ao finalizar a primeira volta para elixir aos cabezas de serie. Os dous primeiros clasificados de cada grupo clasificouse para os cuartos de final, agás onde houbo un equipo da cidade organizadora, que pasa automaticamente a cuartos xunto co mellor clasificado do seu grupo.De cada grupo clasificaronse dous equipos para cuartos de final, excepto onde hubo un equipo da cidade anfritrioa, que pasou automaticamente a cuartos xunto o mellor clasificado do seu grupo. Esta variante só foi vixente para a competición dese año.

ElPozo Murcia Fútbol Sala

O ElPozo Murcia Fútbol Sala ou ElPozo Murcia Turística, por motivos de patrocinio, é un equipo español de fútbol sala da cidade de Murcia (Rexión de Murcia). Actualmente compite na División de Honra da Liga Nacional de Fútbol Sala e é un dos equipos máis laureados do fútbol sala español.

Fundouse en 1989 co apoio da empresa murciana de alimentación ElPozo, que se mantén como principal patrocinador. Ese ano comprou os dereitos do Cruz Joyita na LNFS, equipo murciano que xa patrocinara en anteriores ocasións. Ao longo da súa historia, o ElPozo gañou cinco títulos de Liga e catro Copas de España, así como unha Recopa de Europa na tempada 2003-04.

Futbol Club Barcelona (fútbol sala)

O Futbol Club Barcelona, coñecido por motivos de patrocinio como FC Barcelona Lassa, é unha sección deportiva profesional do FC Barcelona, fundada en 1978, que se dedica ó fútbol sala. O primeiro equipo compite na Primeira División da LNFS, da que foi campión nas tempadas 2010-11 e 2011/12, e da cal foi membro fundador na tempada 1989-90. Na tempada 2011-12 fíxose coa UEFA Futsal Cup converténdose en campión de Europa. O equipo xoga os seus encontros como local no Palau Blaugrana.

O equipo filial, denominado FC Barcelona "B", compite na Segunda División. Non existe ningunha sección feminina.

Inter Fútbol Sala

O Inter Fútbol Sala ou Inter Movistar por motivos de patrocinio, é un equipo español de fútbol sala da cidade de Alcalá de Henares (Madrid). Actualmente compite na División de Honra da Liga Nacional de Fútbol Sala.

O club foi fundado en 1977 polo xornalista deportivo José María García co obxectivo de xogar partidos benéficos e de exhibición. No entanto, na década dos '80 converteuse nun club profesional baixo a denominación Interviú Fútbol Sala. En 1989 foi un dos membros fundadores da LNFS. O Inter FS ten gañado oito campionatos de liga, sendo o club que máis veces o logrou, e é un dos clubs máis laureados do fútbol sala mundial.

Liga Nacional de Fútbol Sala

A Liga Nacional de Fútbol Sala, ou LNFS, é unha asociación deportiva integrada polos clubs que participan nas competicións profesionais de fútbol sala en España. Foi fundada en 1989, e a súa misión principal é organizar os torneos de liga de Primeira División e Segunda División, así como a Copa de España e a Supercopa de España. Dende o ano 2010 tamén organiza a Copa do Rei a medias coa RFEF. As divisións inferiores (dende a Segunda División B para abaixo) non son competencia da LNFS, senón do Comité Nacional de Fútbol Sala, que forma parte da Real Federación Española de Fútbol.

Dende 2009 está presidida por Javier Lozano Cid.

Palau Blaugrana

O Palau Blaugrana é o pavillón cuberto, propiedade do Futbol Club Barcelona, onde disputan os seus partidos oficiais os primeiros equipos das seccións de baloncesto, balonmán, hockey sobre patíns e fútbol sala do FC Barcelona.

Está situado na Avenida Arístides Maillol, no barrio de Les Corts de Barcelona, e no interior do complexo que acolle o estadio do Camp Nou. Xunto ao "Palau Blaugrana" están as oficinas do club, así como a tenda oficial do FC Barcelona e o Palau de Gel.

Pavillón Multiusos Fontes do Sar

O Pavillón Multiusos Fontes do Sar é un pavillón cuberto multiusos, situado en Santiago de Compostela e construído en 1998. Pertence ao concello capitalino, e está xestionado pola sociedade mixta XADE. Ten unha capacidade de 5.060 espectadores (6.050 coa instalación de bancadas supletorias e 9.000 para concertos).

Serve de feudo aos equipos Santiago Futsal de fútbol sala, Blusens Monbus Obradoiro de baloncesto, e ao Arteal de tenis de mesa.

Ten 10.000 m² de superficie e conta cun amplo ximnasio público. Nos exteriores ten piscinas ao ar libre e 700 prazas de aparcadoiro. Está situado na rúa de Diego Bernal s/n.

Pavillón Municipal de Santa Isabel

O Pavillón Municipal de Santa Isabel é un recinto deportivo de Santiago de Compostela, pertencente ó Complexo Deportivo de Santa Isabel, e xestionado polo concello. Ten capacidade para acoller 1.290 persoas sentadas. Ata a construción do Pavillón Multiusos Fontes do Sar en 1998, o de Santa Isabel foi o principal pavillón cuberto multiusos da cidade, e nel teñen xogado como locais ducias de encontros os principais equipos de baloncesto e fútbol sala santiagueses, como Obradoiro CAB ou Lobelle FS, entre outros.

Actualmente o pavillón acolle encontros de baloncesto e fútbol sala en categorías rexionais, aínda que a súa superficie de parqué podería acoller competicións de voleibol e balonmán se fose preciso.

Pavillón Polideportivo da USC

O Pavillón Polideportivo da Universidade de Santiago de Compostela é un recinto deportivo pechado e cuberto, disposto para a práctica de baloncesto, fútbol sala, voleibol, balonmán, esgrima ou bádminton. Inaugurado en 1981, forma parte do Complexo Deportivo Universitario da USC, situado no Campus Vida. O pavillón ten capacidade para unhas 1.000 persoas sentadas nas bancadas, e o seu aproveitamento principal é o desenvolvemento das distintas ligas universitarias.

O edificio está situado a carón do Estadio de Atletismo da USC, do Edificio Monte da Condesa e da Facultade de Física.

Nos últimos anos houbo queixas sobre algunhas goteiras que ten o tellado do pavillón, o cal provocou que a Universidade deseñase un plan de renovación que terá como obxectivo a reforma do pavillón e doutras instalacións deportivas universitarias.

Playas de Castellón Fútbol Sala

O Playas de Castellón Fútbol Sala é un equipo español de fútbol sala da cidade de Castelló de la Plana (Comunidade Valenciana). A vindeira tempada xogará na División de Prata da Liga Nacional de Fútbol Sala logo de descender na tempada 2010-11 da máxima categoría, na que levaba xogando 22 anos (desde a súa creación).

O equipo foi fundado en 1983 como Macer Fútbol Sala, club da empresa de azulexos Macer, e nos seus primeiros anos tiña a súa sede en Almassora. En 1993 trasladouse a Castelló de la Plana e cambiou o seu nome por Playas de Castellón. A mellor etapa do club tivo lugar a finais dos anos '90, cando gañou dúass Ligas españolas consecutivas (1999-00 e 2000-01) e un Campionato europeo de clubs.

Primeira división española de fútbol sala

A Primera División de fútbol sala (desde 1989 ata 2011 chamada División de Honra de fútbol sala) é a máxima categoría de fútbol sala en España, organizada pola Liga Nacional de Fútbol Sala. Atópase por riba da Segunda División e dispútase dende 1989.

Prone Lugo AD

O Prone Lugo Asociacion Deportiva, antigamente coñecido por motivos de patrocinio como Azkar Lugo Fútbol Sala, é un equipo lucense de fútbol sala fundado en 1984. Cun importante crecemento na última metade dos 90 e moitos anos do equipo na máxima categoría, o fútbol sala transformouse nun deporte popular na cidade. Actualmente xoga na Segunda División da Liga nacional de fútbol sala.

O Prone conta cunha gran canteira de xogadores, destacando o equipo filial, que xoga na división semiprofesional Primeira Nacional A. Tamén conta cun equipo xuvenil de Liga Nacional. O grupo principal da súa inchada son "Os Bufóns".

Entre o seu palmarés destaca a Recopa de Europa de fútbol sala no ano 2005, disputada en Lugo. Un dos seus xogadores máis destacados é o internacional e campión do mundo Marcelo.

Santiago Futsal

O Santiago Futsal, chamado Autos Lobelle de Santiago Fútbol Sala até 2012, é un club galego de fútbol sala da cidade de Santiago de Compostela, que milita na Segunda División de fútbol sala.

Entre 2003 e 2018 xogou un total de 15 tempadas consecutivas en Primeira División. Nesa época converteuse no club máis laureado do fútbol sala galego, con 8 Copas Xunta, 1 Copa de España (2006), 1 Supercopa de España (2010) e 1 Recopa de Europa (2007).

Supercopa de España de Fútbol Sala

A Supercopa de España de fútbol sala é un torneo organizado pola Liga Nacional de Fútbol Sala dende o ano 1990.

Nun principio esta competición era disputada polo campión da División de Honra e o da Copa de España, seguindo o modelo da Supercopa de España de Fútbol, e se un equipo gañaba os dous títulos se lle outorgaba automaticamente o título de campión da Supercopa. Dende o ano 2006 é disputada por catro equipos, incluíndo ao subcampión da Liga e ao equipo anfitrión, disputándose eliminatorias a partido único cunha quenda de penaltis no caso de empate ao finalizar o tempo regulamentario e os 5 minutos de prórroga.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.