Fårikål

O fårikål é unha receita tradicional norueguesa, que consiste basicamente nun cocido de año e repolo.

Farikal
Un prato de fårikål, cos seus cachelos.

Preparación

O fårikål é un cocido de pezas de año con óso, normalmente o lombo, con repolo, pementa negra e un pouco de fariña triga, que se fai durante varias horas nunha pota. A pementa non se bota directamente sobre o año, senón dentro dunha bolsiña, como se fose té. Sérvese con cachelos, cocidos á parte coas súas paras.

O nome

Fårikål significa literalmente "ovella no repolo". "Får" porén non é o termo máis usual en noruegués nin tampouco en ninorsk para chamarlles aos años ou ás ovellas, senón un termo dinamarqués, que se usa habitualmente en Noruega para as comidas e para frases feitas, como "sort får" (ovella negra).

Costumes

O fårikål é unha comida típica de comezos de outono, cando se matan os años dese ano. Algunha xente prefire a carne de ovella para este prato.

O fårikål era na súa orixe unha comida do Vestlandet, a zona máis occidental de Noruega, pero na actualidade pódese xantar por todo o país. En 1970 foi escollido como prato nacional noruegués por un programa de radio. O último martes de setembro está considerado como o día nacional do fårikål en Noruega.

Ligazón externa

Vídeo da súa preparación, en inglés

Noruega

Noruega (en noruegués: Norge (bokmål), Noreg (nynorsk), en saami: Norga), é un país nórdico gobernado por unha monarquía constitucional que ocupa a porción oeste da península escandinava. O país fai fronteira con Suecia, Finlandia e Rusia. A súa capital e principal cidade é Oslo.

Forman parte do Reino de Noruega os territorios árticos de Jan Mayen e das Illas Svalbard, cuxa soberanía foi establecida polo tratado de Svalbard asinado en 1920. Porén os territorios meridionais da Illa de Bouvet na parte sur do océano Atlántico e a Illa de Pedro I no sur do Océano Pacífico considéranse dependencias e polo tanto non conforman parte do reino como tal. Noruega é ademais un dos países que reclama territorio na Antártida, concretamente o sector coñecido como Terra da Raíña Maud.

Dende a segunda guerra mundial, o país experimentou un rápido crecemento que contribuíu a que o país estea na actualidade entre aqueles cun maior nivel de vida grazas ao seu sistema nacional de subsidios. Este crecemento económico débese en parte ao desenvolvemento e explotación das reservas costeiras de gas e petróleo do país. O desenvolvemento humano de Noruega é un dos maiores do mundo, ocupando o país o primeiro posto na listaxe de países por nivel de desenvolvemento humano (IDH) entre o 2001 e o 2007 (compartindo este posto con Islandia no 2007). É ademais un dos membros fundadores da Organización das Nacións Unidas.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.