Exipto

Exipto[5][6][7] (en árabe: مصر, Miṣr; en árabe exipcio: مَصر Maṣr; en copto: Ⲭⲏⲙⲓ Khēmi), oficialmente República Árabe de Exipto (en árabe: جمهورية مصر العربية, Ǧumhūriyyat Miṣr al-ʿArabiyyah), é un estado situado no nordeste de África e na península do Sinaí no continente de Asia. Limita ó norte co Mar Mediterráneo e Israel, ó leste co Mar Vermello (incluído o seu saínte norte do Golfo de Acaba), ó sur con Sudán e ó oeste con Libia. A súa xeografía é desértica na case totalidade, que corresponde co deserto do Sahara, onde só está habitado en oasis. A súa capital é a cidade do Cairo, unha das máis poboadas de África.

Egypt ten unha das historias máis antigas entre os países do mundo, cuxa orixe se remonta ós milenios VI e IV a.C. Considerada un berce da civilización, o Antigo Exipto experimentou algunhas das máis antigas formas de escrita, agricultura, urbanización, relixión organizada e goberno central.[8] Monumentos icónicos como as pirámides de Gizeh e a súa Grande Esfinxe, así como as ruínas de Menfis, Tebas, Karnak e o Val dos Reis, reflicten este legado e manteñen un significativo foco de interese científico e popular. A gran e rica herdanza cultural de Exipto é unha parte integral da súa identidade nacional, que padeceu, e ás veces asimilou, varias influencias estranxeiras, como os gregos, persas, romanos, árabes, turcos otománs e nubios. Exipto foi un importante e temperán centro do cristianismo, mais foi amplamente islamizado no século VII e mantense como un país amplamente musulmán aínda que cunha significativa minoría cristiá.

Dende o século XVI até comezos do XX, Exipto foi gobernado por potenciais coloniais estranxeiras, o Imperio Otomán e o Imperio Británico. O Exipto moderno data do ano 1922, cando conseguiu a súa independencia do Imperio Británico como unha monarquía. Porén, a ocupación militar británica continuou, co cal moitos exipcios creron que a monarquía era un instrumento do colonialismo británico. Despois da revolución de 1952, Exipto expulsou os soldados e burócratas británicos e rematou coa ocupación, nacionalizou o Canal de Suez, exiliou o rei Farouk e a súa familia, e declarou a república. En 1958, uniuse con Siria para formar a República Árabe Unida, que se disvolveu en 1961. Ó longo da segunda metade do século XX, Exipto sufiu conflitos sociais, relixiosos e inestabilidade política, loitando en varios enfrontamentos armados con Israel en 1948, 1956, 1967 e 1973, e ocupando a Faixa de Gaza de xeito intermitente até 1967. En 1978, Exipto asinou os Acordos de Camp David, retirándose oficialmente da Faixa de Gaza e recoñecendo o estado de Israel. O país segue afrontando retos, como a inestabilidade política, incluíndo a recente revolución de 2011 e as súas consecuencias, o terrorismo e o subdesenvolvemento económico. O goberno actual de Exipto é unha república presidencial liderada polo presidente Abdul Fatah al-Sisi, que foi descrito por numerosos observadores como autoritario.

O islam é a relixión oficial de Exipto e o árabe é a súa lingua oficial.[9] Con máis de 95 millóns de habitanets, Exipto é o país máis poboado do Norte de África, de Oriente Medio e do Mundo árabe, sendo o terceiro máis poboado de África (despois de Nixeria e Etiopía), e o décimo quinto do mundo. A gran maioría da poboación vive preto das beiras do río Nilo, nunha área de 40 000 km2 onde se atopa a única terra arable. As grandes rexións do deserto do Sáhara, que constitúen a maioría do territorio exipcio, están escasamente poboadas. Arredor da metade dos cidadáns exipcios habitan en áreas urbanas, especialmente nos centros densamente poboados do Cairo, Alexandría e outras grandes cidades do delta do Nilo.

O estado soberano de Exipto é un país transcontinental considerado como unha potencia rexional no Norte de África, no Oriente Medio e no Mundo árabe, así como unha potencia intermedia no contexto mundial.[10] A economía de Exipto é unha das meirades e das máis diversificadas de Oriente Medio, e crese que será unha das maiores do mundo ó longo do século XXI. En 2016, Exipto superou a Suráfrica e converteuse na segunda maior economía de África (despois de Nixeria).[11][12] Exipto é membro fundador das Nacións Unidas, do Movemento de Países Non Aliñados, da Liga Árabe, da Unión Africana e da Organización para a Cooperación Islámica.

Coordenadas: 26°N 30°L / 26, -30

República Árabe de Exipto
جمهورية مصر العربية
Ǧumhūriyyat Miṣr al-ʿArabiyyah
Bandeira de Exipto
Escudo de Exipto
BandeiraEscudo
Egypt (orthographic projection)
Capital
 • Poboación
O Cairo
19 500 000 (2018)
Lingua oficialÁrabe exipcio
Forma de gobernoXunta militar
Xefe da Xunta
Primeiro ministro
Abdul Fatah al-Sisi
Moustafa Madbouly
Imperio Otomán
Reino Unido
República
• Xunta militar
1867
28 de febreiro de 1922
18 de xuño de 1953
11 de febreiro de 2011
SuperficiePosto 29º
 • Total1 010 408[1] km²
 • % auga0,632
Fronteiras2 689 km
Costas2 450 km
 • Total (2017 est.)94 798 827[2] hab.
 • Densidade96 hab./km²
PIB (nominal)Posto 49º
 • Total (2019)$301,056 billóns US$
 • per cápita3 005[3] US$
PIB (PPA)Posto 21º
 • Total (2019)$1,396 trillóns US$[3]
 • per cápita14 080[3] US$
MoedaLibra (£E, EGP)
IDH (2018)0,696[4] (115º) – Medio
XentilicioExipcio, exipcia[5]
Fuso horarioUTC+2
 • Horario de veránUTC+3
Dominio de Internet.eg, مصر.
Prefixo telefónico++20
Prefixo radiofónico6AA-6BZ, SSA-SSM,
SUA-SUZ
Código ISO818 / EGY / EG
Membro de: ONU, Liga Árabe, UA

Nomes

"Miṣr" (mesˤɾ; "مِصر") é o nome clásico árabe e a forma moderna oficial do nome de Exipto, mentres que "Maṣr" (mɑsˤɾ; مَصر) é a pronunciación local en árabe exipcio.[14] O nome ten orixe semítica, sendo un cognado con outras palabras semíticas para Exipto como o hebreo "מִצְרַיִם" ("Mitzráyim"). O rexistro máis antigo para este nome de Exipto é o acadio "mi-iṣ-ru" ("miṣru")[15][16] que está relacionado con miṣru/miṣirru/miṣaru, que quere dicir "límite" ou "fronteira".[17]

Historia

Artigo principal: Historia de Exipto.

Política

Artigo principal: Política de Exipto.

Exipto é unha república unitaria e presidencialista cuxo presidente, como xefe de Estado e comandante supremo das forzas armadas do país, representa ao poder executivo elixido mediante plebiscito popular para un período de seis anos. Non había límite constitucional respecto á cantidade de mandatos consecutivos dun presidente.

Exipto foi o primeiro país árabe en establecer a paz con Israel despois da sinatura dos acordos de Camp David.

Egypt-CIA WFB Map
Mapa de Exipto.
  • Nome oficial: República Árabe de Exipto
  • Sistema legal: baseado na Constitución de 1971.
  • Lexislación nacional: sistema unicameral (Majlis Al-Shaab ou asemblea do pobo).
  • Sistema electoral: sufraxio universal directo.
  • Xefe do Estado: o presidente, nomeado por maioría de dous terzos da asemblea e elixido por referendo.
  • O goberno nacional: consello de ministros, presidido polo primeiro ministro.
  • Principais partidos políticos: o partido Nacional Demócrata, o partido Socialista Laboral, o partido Socialista Liberal, New Wafd, o partido Nacional Progresista Unionista.

Aínda que aparentemente o poder organízase baixo un sistema multipartidista, na práctica por máis de cincuenta anos o presidente elixiuse en eleccións cun só candidato. Exipto tamén celebra eleccións parlamentarias multipartidistas de xeito regular.

En febreiro de 2005 o entón presidente Hosni Mubarak anunciou a reforma da lei para a elección presidencial, de maneira que nas eleccións de 2010 houbo varios candidatos, por primeira vez desde 1952, e limítase o mandato a sete anos con só dúas lexislaturas.

Subdivisións

Artigo principal: Subdivisións de Exipto.

Exipto está dividido en 27 gobernacións ou provincias (muhafazah; en singular muhafazat).

En orde alfabética son:

Egypt governorates alphabetical
Mapa das gobernaturas exipcias.
Gobernación Capital Localización Gobernación Capital Localización
Alexandría (6) Alexandría Delta Luxor (13) Luxor Alto Exipto
Asiut (18) Asiut Alto Exipto Matrú (24) Marsá Matrú Oeste
Asuán (17) Asuán Alto Exipto Mar Vermello (2) Hurgada Mar Vermello
Behera (3) Damanhur Delta Menia (10) Menia Delta
Beni Suef (19) Beni Suef Alto Exipto Menufia (9) Shibin o-Kom Delta
Caliubia (12) Banha Baixo Exipto Novo Val (14) Jarga Oeste
Dakahlia (1) Mansura Baixo Exipto Porto Saíd (20) Porto Saíd Canle
Damieta (21) Damieta Delta Quina (25) Quina Alto Exipto
O Cairo (11) O Cairo Centro Sharkia (15) Zaqaziq Baixo Exipto
Fayún (4) Fayún Alto Egpto Sinaí do Norte (26) O Arish Sinaí
Gharbia (5) Tanta Baixo Exipto Sinaí do Sur (22) O-Tor Sinaí
Guiza (8) Giza Alto Exipto Suez (16) Suez Canle
Ismailia (7) Ismailia Canle Suhag (27) Suhag Alto Exipto
Kafr el Sheij (23) Kafr el Sheij Baixo Exipto

Xeografía

Artigo principal: Xeografía de Exipto.

O río pricipal é o Nilo, que atravesa o país correndo do sur ó norte, desembocando no delta do Nilo sobre o Mar Mediterráneo. Un dos brazos do delta chega á milenaria cidade de Alexandría, fundada por Alexandre Magno.

Alén da capital, O Cairo, as outras cidades importantes de Exipto son Alexandría, al-Mansurah, Asuán, Asyut, El-Mahalla El-Kubra, Gizé, Hurghada, Luxor, Kom Ombo, Port Safaga, Porto Said, Sharn el Sheikh, Shubra-El-Khema, Suez e Zagazig.

Exipto inclúe partes do deserto do Sahara e do deserto Libio, onde existen algúns oasis, como o oasis de Bahariya, o de Dakhleh, o de Farafra, o de Kharga e o de Siwa.

Exipto fai fronteira con Libia polo oeste, Sudán ó sur e Israel ó nordés. O país controla a canle de Suez, que liga o Mediterráneo ao mar Vermello.

O papel importante que Exipto desempeña na xeopolítica vén da súa posición estratéxica como ponte terrestre entre África e mais Asia, e como ponte de pasaxe entre o Mediterráneo e o océano Índico.

Economía

Artigo principal: Economía de Exipto.

Exipto ten un PIB de aproximadamente 200.000 millóns de dólares, segundo o método Paridade de Poder de Compra (PPP). A riqueza de Exipto, desde a máis remota antigüidade, baséase na agricultura, e os campos fertilizábanse co limo das crecidas anuais do Nilo. As reformas agrícolas de 1952 e 1961 e a construción da presa de Asuán, provocaron unha revolución agrícola que aumentou a produción, pero trouxo múltiples problemas: Ao fertilizarse con produtos químicos e non polas crecidas do río, estase afectando o equilibrio biolóxico da zona, producíndose unha salinización do chan e aparecendo novos parasitos. O cultivo de maior importancia é o algodón.

Exipto é predominantemente un país agrícola, pois ao redor do 40 por cento da forza laboral dedícase aos cultivos agrícolas ou gandeiros. A economía de Exipto socializouse tras a promulgación dunha serie de leis a comezos de 1961. O patrón da propiedade da terra foi moi alterado polo Decreto de Reforma Agraria de 1952, que limitaba as explotacións individuais a unhas 80 hectáreas, cifra revisada en 1961 a preto de 40 hectáreas, e revisada de novo a unhas 20 hectáreas en 1969.

As terras requisadas polo goberno distribuíronse entre os campesiños (fellahin), pero segue habendo grandes diferenzas económicas entre a clase media e os agricultores. Os programas gobernamentais ampliaron as zonas de cultivo mediante a rexeneración, o regadío (sobre todo desde a terminación da presa de Asuán, en 1970), e a utilización de tecnoloxía avanzada, como equipos mecanizados e fertilizante químicos.

O rendemento das terras agrícolas de Exipto está entre as máis altas do mundo. Exipto é un dos principais produtores mundiais de produtos básicos de algodón; a produción anual de fibra de algodón era dunhas 300.000 toneladas métricas a principios de 1990. O clima cálido e a abundancia de auga permiten ata tres colleitas ao ano, dando abundantes colleitas agrícolas. Nos anos 1990 o valor estimado anual de produción en millóns de toneladas métricas, como arroz (3,9), tomates (4,7), trigo (4,6), millo (5,2), cana de azucre (3,1), patacas (1,8), e laranxas (1,7). Tamén se cultiva unha ampla variedade doutras froitas e hortalizas.

A principal industria gandeira de Exipto é a cría de animais de carga. O gando a principios do decenio de 1990 incluía uns 3 millóns de cabezas de gando vacún, 3 millóns de búfalos, 4,4 millóns de ovellas, 4,8 millóns de cabras, 1,6 millóns de asnos, e 40 millóns de aves de curral.

Exipto posúe importantes xacementos de petróleo e gas, pero a industria máis explotada é o turismo, xa que as pirámides e reliquias desta civilización milenaria atraen a moitas persoas todos os anos. É unha das economías máis estables da rexión, cun PIB por habitante de 4.274 dólares (datos de OMS para 2004).

One egiptian pound
Libra exipcia.

A unidade monetaria é a libra exipcia, que se divide en 100 piastras; circula cos seguintes valores:

  • Billetes en libras: 100, 50, 20, 10, 5 e 1.
  • Billetes en piastras: 50, 25, 10 e 5.
  • Moedas en piastras: 10, 5, 1 e 1/2.

Cambio oficial:

  • 1 dólar estadounidense: 5,75 libras exipcias (2006).
  • 1 euro: 7,5 libras exipcias (2006).

Durante os últimos 40 anos, o goberno exipcio adoptou estratexias que van dunha economía de orde soviética a unha economía de mercado, con varias variantes entre ambas, predominando para rematar as tendencias socialistas moderadas intentado facer prosperar o país. Hai un sector público forte cuxa ineficacia intenta combater o Goberno.

As industrias máis produtivas son a téxtil, a dos fertilizantes e produtos de caucho e a do cemento. Hai algo de industria pesada e varias plantas de ensamblaxe de automóbiles.

Os socios comerciais principais do país son EEUU e algúns dos países da Unión Europea (Alemaña, Francia, Italia e o Reino Unido). Os cambios radicais no anterior bloque soviético, que era o mercado principal de Exipto, tiveron un grande impacto na economía, aínda que despois o país converteuse no segundo país en recibir axuda de EEUU, tras Israel; entre 1994 e o 2004 Exipto recibiu uns 2000 millóns de USD por ano de axuda de EEUU Exipto tiña en 1990 serios desequilibrios económicos tanto internos como externos: unha estrutura industrial organizada por Nasser de titularidade pública, sobredimensionada, obsoleta e de moi baixa produtividade. Un sector agrario rixidamente controlado polo estado con prezos intervidos e deficitarios. Para rematar, un sector exterior deficitario e baseado nas exportacións de produtos enerxéticos, as remesas de emigrantes, os ingresos da canle de Suez e o turismo, todo iso sostivera o desenvolvemento na década de 1970, pero era sensible ao novo terrorismo dos integristas islámicos.

Así mesmo, o déficit público era practicamente insostible e xerador de inflación e o país apenas podía facer fronte á situación xurdida tras a explosión da crise da débeda nos anos oitenta, que tan seriamente afectou a case todos os países en vías de desenvolvemento.

En 1991, o goberno elaborou un programa e propuxo varias medidas:

  • Privatizar 314 empresas públicas.
  • Mellorar a agricultura, que xera ao redor do 20% de Produto Nacional Bruto, cun ambicioso proxecto: a Canle de Toshka, inaugurada en xaneiro de 1997, cuxa finalidade é facer un delta alternativo e paralelo ao val do Nilo que recuperará terras do deserto.
  • Crear proxectos industriais, mineiros e turísticos así como novos asentamentos en Toshka para reducir a densidade de poboación das ribeiras do Nilo.

Demografía

Artigo principal: Demografía de Exipto.

Cultura

Artigo principal: Cultura de Exipto.

Ver tamén os artigos sobre literatura exipcia e literatura copta.

Notas

  1. "Total area km2, pg.15" (PDF). Capmas.Gov – Arab Republic of Egypt. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 21 de marzo de 2015. Consultado o 8 de maio de 2015.
  2. "الجهاز المركزي للتعبئة العامة والإحصاء" (PDF). www.capmas.gov.eg. Arquivado (PDF) dende o orixinal o 13 de outubro de 2017. Consultado o 13 de outubro de 2017.
  3. 3,0 3,1 3,2 "Egypt". International Monetary Fund. Consultado o 3 de maio de 2018.
  4. "2018 Human Development Report". United Nations Development Programme. 2018. Arquivado dende o orixinal o 14 de setembro de 2018. Consultado o 14 de setembro de 2018.
  5. 5,0 5,1 Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para exipcio.
  6. López Martínez, María Cruz (2005). Gran dicionario século 21 da lingua galega. Editorial Galaxia. p. 1443. ISBN 9788482893419.
  7. Anaír Rodríguez Rodríguez, Montserrat Davila Ventura. Lingua galega: dúbidas lingüísticas (PDF). Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo. p. 103. ISBN 84-8158-266-2.
  8. Midant-Reynes, Béatrix. The Prehistory of Egypt: From the First Egyptians to the First Kings. Oxford: Blackwell Publishers.
  9. "Constitution of The Arab Republic of Egypt 2014" (PDF). sis.gov.eg. Arquivado (PDF) dende o orixinal o 18 de xullo de 2015. Consultado o 13 de abril de 2017.
  10. "Lessons from/for BRICSAM about south–north Relations at the Start of the 21st Century: Economic Size Trumps All Else?". International Studies Review 9.
  11. "South Africa just lost its spot as Africa's second largest economy". Arquivado dende o orixinal o 13 de novembro de 2017. Consultado o 11 de novembro de 2017.
  12. "South Africa's Economy Falls To Third Behind Nigeria, Egypt". Arquivado dende o orixinal o 1 de decembro de 2017. Consultado o 19 de novembro de 2017.
  13. Hoffmeier, James K (1 de outubro de 2007). "Rameses of the Exodus narratives is the 13th B.C. Royal Ramesside Residence". Trinity Journal: 1. Arquivado dende o orixinal o 24 de novembro de 2010. Consultado o 30 de setembro de 2012.
  14. Z., T. (1928). "Il-Belt (Valletta)" (PDF). Il-Malti (en maltés) (2 ed.) (Il-Ghaqda tal-Kittieba tal-Malti) 2 (1): 35. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 17 de abril de 2016.
  15. p. 128) and Nadav Na’aman ("Shaaraim – The Gateway to the Kingdom of Judah" in The Journal of Hebrew Scriptures, Vol. 8 (2008), article no. 24 Arquivado 2014-10-17 en Wayback Machine., pp. 2–3).
  16. "On the So-Called Ventive Morpheme in the Akkadian Texts of Amurru". www.academia.edu. p. 84. Arquivado dende o orixinal o 18 de xaneiro de 2016. Consultado o 18 de novembro de 2015.
  17. Black, Jeremy A.; George, Andrew; Postgate, J.N. (2000). A Concise Dictionary of Akkadian. Otto Harrassowitz Verlag. ISBN 978-3-447-04264-2.
  18. Rosalie, David (1997). Pyramid Builders of Ancient Egypt: A Modern Investigation of Pharaoh's Workforce. Routledge. p. 18.
  19. Muḥammad Jamāl al-Dīn Mukhtār. "Ancient Civilizations of Africa". Books.google.co.za. p. 43. Arquivado dende o orixinal o 31 de xaneiro de 2017. Consultado o 28 de maio de 2016.
  20. Antonio Loprieno, "Egyptian and Coptic Phonology", in Phonologies of Asia and Africa (including the Caucasus). Vol 1 of 2. Ed: Alan S Kaye. Winona Lake, Indiana: Eisenbrauns, 1997: p. 449
  21. "A Brief History of Alchemy". University of Bristol School of Chemistry. Arquivado dende o orixinal o 5 de outubro de 2008. Consultado o 21 de agosto de 2008.
  22. Breasted, James Henry; Peter A. Piccione (2001). Ancient Records of Egypt. University of Illinois Press. pp. 76, 40. ISBN 978-0-252-06975-8.

Véxase tamén

Ligazóns externas

Goberno
Xeral

Outros artigos

.eg

.eg é o Dominio de Nivel Superior xeográfico (ccTLD) para Exipto.

Ahmed H. Zewail

Ahmed Hassan Zewail (en árabe: أحمد زويل), nado o 26 de febreiro de 1946 en Damanhur (Exipto), é un químico e profesor universitario estadounidense, de orixe exipcia, galardoado co Premio Nobel de Química do ano 1999.

Alexandría

Alexandría (en árabe, الإسكندرية — al-Iskandariyyah) é a segunda cidade e principal porto de Exipto, situada no delta do río Nilo na costa do Mar Mediterráneo. Conta cuns 3 341 000 habitantes.

Antigo Exipto

O antigo Exipto foi unha civilización do nordeste de África que se desenvolveu ao redor do curso medio e baixo do río Nilo, nos territorios que hoxe en día ocupan o actual estado de Exipto e o norte de Sudán. A civilización constituíse cara a 3150 a.C. coa unificación do Alto e Baixo Exipto baixo o primeiro faraón e persistiu durante os seguintes tres milenios ata a época romana.

Entre todas as antigas civilizacións do Oriente Próximo a exipcia destaca pola súa singularidade; constituída por poboacións de orixe norteafricano, engadíronse pobos semitas procedentes da rexión de Siria e Palestina, libios vindos do oeste e individuos de Nubia, que descenderon Nilo abaixo.

A súa historia divídese nunha serie de períodos estables ("imperios"), separados por períodos de relativa inestabilidade ("períodos intermedios"). Tralo fin do último imperio, o Imperio Novo, a civilización do antigo Exipto entrou nun período dun lento e constante declive, durante o cal Exipto foi conquistado por unha sucesión de poderes estranxeiros. O dominio dos faraóns acabouse o ano 31 a.C. cando o entón recente Imperio Romano liderado por Pompeu conquistou o Exipto tolemaico e incorporou o territorio como unha provincia romana.A civilización do antigo Exipto prosperou adaptándose ás condicións da val do río Nilo. Os antigos exipcios controlaron a irrigación dun val fértil que, ao producir excedente de colleitas, impulsou un gran desenvolvemento social e cultural. Cos recursos aforrados, a administración investiu na explotación mineral da zona, desenvolveuse un sistema de escritura, realizáronse construcións colectivas e proxectos agrícolas, impulsouse o comercio coas rexións veciñas, e formouse un poderoso exército que consolidou o dominio exipcio. Exercendo o control destas actividades había unha burocracia de escribas de elite, líderes relixiosos e administradores baixo a xerarquía do divino faraón, que garantía a cooperación e a unidade dos exipcios a través dun elaborado sistema de crenzas relixiosas.Entre a gran cantidade de progresos conseguidos pódense destacar a creación dun sistema matemático, do traballo na pedra, das técnicas de enxeñaría e arquitectura que facilitaron a construción de pirámides monumentais, templos e obeliscos, así como o desenvolvemento dunha actividade artesanal de faienza e vidro, un sistema sanitario práctico e efectivo, novas formas de literatura, sistemas de irrigación, técnicas de produción agrícolas e o tratado de paz máis antigo.Exipto deixou un legado duradeiro. A arte e a arquitectura foron imitados por outros pobos, e as ruínas monumentais que sobreviviron durante séculos inspiraron a imaxinación de turistas e escritores. O descubrimento das antigüidades e varias escavacións realizadas desde os inicios da Idade Moderna dirixiron a atención científica cara á civilización exipcia e espertou un grande interese en todo o mundo.

Anwar el-Sadat

Muḥammad Anwar as-Sādāt, en árabe, محمد أنور السادات, transcrito frecuentemente como Anwar el-Sadat ou Anwar Sadat, nado en Mit Abu l-Kum o 25 de decembro de 1918 e finado no Cairo o 6 de outubro de 1981, foi un político e militar exipcio.

Bandeira de Exipto

A bandeira de Exipto (en árabe: علم مصر), adoptada o 4 de outubro de 1984, é unha bandeira tricolor consistente en tres franxas horizontais do mesmo tamaño: vermella branca a intermedia e negra; cores da bandeira da Liberación Árabe que data da Revolución Exipcia de 1952. A bandeira tamén conta no centro o emblema nacional, a Aguia de Saladino. No escudo está escrita a lenda en árabe: جمهورية مصر العربية (Gumhūriyyat Miṣr al-ʿArabiyyah, República Árabe de Exipto).

Bibliotheca Alexandrina

A Bibliotheca Alexandrina (en árabe: مكتبة الإسكندر; Maktabat al-Iskandarīyah) é unha gran biblioteca e centro cultural da cidade exipcia de Alexandría. A biblioteca foi fundada como un conmemoración e lembranza da antiga Biblioteca de Alexandría, e é tamén un intento de recuperar a antiga gloria da cidade como centro de estudo e erudición.

Bérberes

Os bérberes (en bérber: ⵉⵎⴰⵣⵉⵖⵏ Imaziɣen, singular: ⴰⵎⴰⵣⵉⵖ Amaziɣ/Amazigh) son un conxunto de pobos do norte de África que falan linguas bérberes, da familia de linguas afroasiáticas. Estímanse en entre 14 e 25 millóns de persoas que falan estas linguas, principalmente en Marrocos, Alxeria, Melilla e Tunicia mais tamén fan parte deste grupo os tuaregs, predominantemente nómades do Sahara.

De acordo cos rexistros máis antigos, os bérberes foron os primeiros habitantes desta rexión, chegando a dominar o Exipto antigo arredor do 945 a.C.

Faraón

Denomínase Faraón á máxima autoridade política do Antigo Exipto. O primeiro foi Narmer, denominado Menes segundo Manetón, quen gobernou cara ao ano 3100 a.C., e a última foi Cleopatra VII, de ascendencia helénica, reinando do ano 51 ao 30 a.C.

Igrexas católicas orientais

O termo Igrexas católicas orientais, tamén coñecidas como uniatas, refírese colectivamente ás 22 igrexas particulares autónomas en comuñón coa Santa Sé que, xunto coa Igrexa Latina, forman a Igrexa Católica universal. Conservan moitas antigas tradicións teolóxicas, litúrxicas e devocionais que, en moitos casos, comparten co resto das igrexas cristiás orientais coas que estiveron unidas no pasado, como a Igrexa Ortodoxa ou as igrexas ortodoxas orientais.

Aínda que comparten tradicións similares con estas igrexas ortodoxas, afástanse delas en temas doutrinais e teolóxicos, polo que non admiten a participación de membros destas outras igrexas nos sacramentos, agás baixo as circunstancias previstas polo dereito canónico. No caso da Igrexa Ortodoxa isto é consecuencia, de xeito principal mais non exclusivo, de diferenzas conceptuais en canto ao papel e á autoridade do Bispo de Roma.

Historicamente, estás igrexas tiñan o seu ámbito de actuación en Europa do Leste, Oriente Medio, o Norte de África e a India. Por mor da emigración, teñen presenza tamén en Europa Occidental, América e Oceanía, onde teñen creado eparquías de xeito paralelo ás dioceses latinas.

O Cairo

O Cairo (‏القاهرة‎, Al-Qāhira en árabe) é a capital e maior cidade do Exipto, situada nas marxes do río Nilo. Foi fundada no 969 para servir de capital do Exipto árabe. Foi conquistada en 1517 polos turcos. Entre 1798 e 1801 foi ocupada polos franceses. É a sede da Liga Árabe. Unha cidade que é un museo aberto composto por unha mistura de antigo e moderno, que conviven nos seus barrios, rúas, ruelas e becos. O Cairo relixioso, cheo de vida e de contrastes, cidade cosmopolita en culturas e xentes, que revela diferentes civilizacións.

A súa área metropolitana inclúe unha poboación aproximada de mais de 20 millóns de habitantes,​ sendo a urbe máis poboada do continente africano e doceava do mundo.​ É coñecida polos exipcios como a "nai de tódalas cidades" e a "cidade dos mil minaretes".

Occidente

Occidente (do latín occĭdens, "lugar da caída do Sol") significa oeste, e en xeral refírese a un conxunto de culturas. Existen distintas acepcións sobre o significado do Mundo Occidental:

Na súa acepción máis restritiva, abrangue a Europa Occidental xurdida durante a Idade Media.

Na súa acepción ampla, inclúe a toda a cultura grecorromana, e incluso as primeiras civilizacións de Mesopotamia, como os sumerios e o Antigo Exipto.O concepto de Occidente adoita contrapoñerse ao concepto das civilizacións de Oriente (leste, en latín).

Persia

Persia é o nome dado ao territorio ocupado polo Imperio Persa que se desenvolveu no Medio Oriente (na rexión dos Montes Zagros), entre os séculos VII e IV a.C.. Tamén é o nome dado á rexión actual do Irán; a cultura e o pobo iraniano tamén son descritos co adxectivo persa.

O nome, usado no Occidente, foi unha herdanza do nome grego para o Irán, Persis, centro do imperio, aínda que o mesmo teña se estendido a lugares actuais como Turquía, noroeste da India e Exipto.

Persa é tamén unha etnia; os persas descenden dos arianos, un pobo indoeuropeo que migrou para a rexión da Persia a partir da Asia Central, no inicio do primeiro milenio a.C. A súa lingua chámase persa, ou farsi. De acordo con fontes do goberno estadounidense, 51% da poboación actual do Irán é da etnia persa. Outras estimativas chegan a colocar esa parcela en 70%. Existen minorías persas tamén no Afganistán, Taxiquistán e Uzbekistán. Moitas outras etnias existen no Irán, incluíndo grupos arianos non-persas, como os g; as etnias de ascendencia turca, como os acerbaixanos, curdos, e turcománs; árabes e algunhas outras minorías. Vexa Demografía do Irán para máis detalles.

Para informacións sobre a moderna historia do Irán, vexa Historia do Irán.

O antigo país de Persia foi ocupado sucesivamente por unha serie de pobos e imperios:

Gutis.

Imperio Elamita

Media.

Imperio Persa.

Reino Parto.

Imperio Sasánida.

Califato Omeia.

Califato Abasida.

Il-Khanes.

Imperio Safavida.

Irán.

Río Nilo

O río Nilo (النيل en árabe) é un dos dous ríos máis longos do mundo (o outro é o Amazonas). Situado no nordeste de África, o río Nilo flúe desde a súa principal fonte, o lago Vitoria na parte leste da África central, ata o mar Mediterráneo a través de Uganda, o Sudán e Exipto unha distancia de aproximadamente 6650 quilómetros até desembocar no delta do Nilo.

A bacía do Nilo cobre 3.254.555 km², preto do 10% da superficie de África.

O Nilo ten dous tributarios claros, o Nilo Branco e o Nilo Azul, dos cales o primeiro é máis longo. O Nilo Branco nace nos Grandes Lagos de África, coa fonte máis distante en Ruanda (2°16′55.92″S, 29°19′52.32″E) e flúe cara o norte a través de Tanzania, o Lago Vitoria, Uganda e o sur do Sudán; o Nilo Azul nace no Lago Tana, Etiopía, e flúe cara o oeste desde o Sudán. As dúas seccións atópanse preto de Khartún.

A sección norte do río flúe case enteiramente a través do deserto, desde o Sudán até Exipto, un país cuxa civilización dependeu sempre do río. A maioría da poboación de Exipto e todas as súas cidades, a excepción das costeiras, reside nas zonas do val do Nilo ao norte de Asuán; e practicamente todos os lugares arqueolóxicos e culturais do Exipto Antigo se atoan nas súas ribeiras.

En exipcio, os xeróglifos que o nomean son "itrw", que se transliteran como iteru. A palabra Nilo provén do grego Neilos (Νειλος), que significa "val do río".

Século -IV

século V a. C. < Século IV a. C. > século III a. C.

Tolomeo

Claudius Ptolomaeus ou Tolomeo, nado en Exipto no ano 100 e falecido no 178, foi un polígrafo grego, recoñecido polos seus traballos en astroloxía, astronomía e cartografía (onde ficou coñecido por ser un dos primeiros cartógrafos, se non o primeiro, en usar escala nos mapas).

África do Norte

África do Norte é a rexión máis ao norte do continente africano, separada polo deserto do Sáhara da África Subsahariana. Segundo a ONU o norte de África abrangue os territorios seguintes: Alxeria, Exipto, Libia, Marrocos, Sudán, Tunisia e o territorio disputado do Sáhara Occidental. As cidades autónomas españolas de Ceuta e Melilla son xeograficamente parte da África do Norte xunto con enclaves menores como: Perejil, Peñón de Vélez de la Gomera, Illa de Alhucemas e as Chafarinas, así como as illas Canarias, Madeira e Salvaxes, Mauritania, Malí, Níxer e Chad. Máis raramente aparecen formando parte de África do Norte, Etiopía e Eritrea.

Países
Países con parte africana
Outros territorios
Países
Países con parte asiática
Países e territorios do Mediterráneo
Membros
Observadores
Membro dun acordo bilateral de cooperación

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.