Exequias da Raíña Margarida

A Relación de las Exequias que hiço la Real Audiencia del Reyno de Galiçia, á la Magestad de la Reyna D. Margarita de Austria nra Señora (q Dios tiene), coñecida mellor como as Exequias da Raíña Margarida son un conxunto de escritos tanto en verso como en prosa, en castelán, galego e latín, dedicados á raíña Margarida de Austria-Estiria tras a súa morte no ano 1611, baixo a autoría de Xoán Gómez Tonel (coordinador) e Pedro Vázquez de Neira, entre outros.  A obra recolle as honras fúnebres de Margarida celebradas pola Real Audiencia de Galicia no mosteiro de San Francisco da Coruña.

Relación de las Exequias que hico la real Audiencia del Reyno de Galiçia a la Magestad de la Reyna D. Margarita de Austria nra Señora descriptas y puestas en stilo por Ioan Gomez Tonel.pdf
Relación de las Exequias que hico la real Audiencia del Reyno de Galiçia a la Magestad de la Reyna D. Margarita de Austria nra Señora descriptas y puestas en stilo por Ioan Gomez Tonel.

Información previa

A raíña Margarida de Austria-Estiria

Juan van der Hamen y León - Königin Margaret von Österreich
Margarida de Austria-Estiria.

Margarida de Austria-Estiria (Graz, Austria, 1584 - San Lorenzo de El Escorial, 1611) foi a filla do arquiduque Carlos de Austria-Estiria e de María de Baviera. En 1598 casou por poderes en 1598 en Ferrara (Italia) con Filipe III de Austria, rei de España. O nacemento do seu último fillo provocoulle febres pauperais, que foron a causa da súa morte [1].

As relacións de sucesos

As relacións de sucesos poderían definirse como un subxénero histórico-literario composto por crónicas en verso e prosa nas cales os acontecementos efémeros son recollidos en detalle “co fin de deixar constancia do comportamento das diferentes cidades e institucións alén do lugar concreto da celebración e de conserva-la súa memoria para o futuro”[2]. A causa da aparición deste xénero, que sería cultivado até o século XIX [2], foi a importancia da difusión dos actos institucionais a partir do século XVI. O século XVII sería o momento de máis desenvolvemento das relacións de sucesos[2].

En primeiro lugar, poderíase afirmar que existen unha serie de características formais constantes: o carácter laudatorio; a estereotipación de fórmulas lingüísticas, o ton triunfal tanto da celebración como de quen promove as relacións; a presentación prototípica dos festexos; a idealización das situacións tratadas etc [3].

O segundo aspecto que hai de ter en conta é a finalidade: son obras promovidas por e para o poder, empregadas para facer propaganda. Isto implica unha probábel deformación dos feitos relatados por parte de quen os recolle —subxectividade, hiperbolismo...—, razón pola cal a historiografía cuestiona a fiabilidade literal destas crónicas[4]. Estes fragmentos de Yolanda Barriocanal explican o citado anteriormente:

A obra

Autoría

Aínda que na autoría das Exequias da Raíña Margarida destacan as figuras de Xoán Gómez Tonel e Pedro Vázquez de Neira, tamén colaboran con menos cantidade de composicións Alonso Ordóñez das Seijas y Tobar e dous relixiosos: o dominico frei Luís de Tapia, superior e predicador no Convento de San Domingos da Coruña, e o franciscano frei Antonio Bañales.

É importante dicir que Gómez Tonel, ademais de participar na redacción, foi o encargado da súa edición e coordinación. É o principal autor, creador do “Soneto con falda”, chamado así por conter, ademais dos dous cuartetos e dous tercetos, un estrambote (a “falda”) final de oito versos, cinco hendecasílabos e tres heptasílabos. Se ben tanto Gómez Tonel como Vázquez de Neira teñen na obra cadanseu soneto en lingua galega, o primeiro deles compuxo, ademais, sete poemas en español e sete en latín; e o segundo, tres sonetos en español, tres en latín, e outro no que combina ambas linguas. A Vázquez de Neira outórgaselle tamén a autoría do “Respice finem”, cuxo tema principal é a fugacidade do tempo así como o poder igualatorio da morte.

As Exequias da Raíña Margarida foi impreso en Santiago por Ioan Pacheco, o 28 de febreiro de 1612, tras recibir a aprobación eclesiástica e a licenza de publicación o día anterior. A publicación sería levada a cabo pola Real Audiencia de Galicia.

Xénero

O principal xénero das Exequias da Raíña Margarida é o pranto, término procedente do "plahn" da literatura medieval occitana. Ten como finalidade o lamento ritual pola perda de algo ou alguén. No caso destas composicións, compoñen unha laudatio á figura de Margarida de Austria-Estiria (Raíña Margarida no título da obra), despois da súa temperá morte.

Partes

A relación das Exequias… constitúese en catro “discursos”, adornados con símbolos, imaxes, xeróglifos e pasatempos. O “Discurso Primeiro” trata "De las prevenciones que se hicieron para las exequias" (Das prevencións que se fixeron para as exequias), recollendo a actividade da Audiencia desde a chegada da orde ata os primeiros pasos dados na realización da cerimonia. O segundo fai unha descrición da ornamentación, así como das características arquitectónicas da igrexa. O terceiro discurso recolle as composicións poéticas dos varios autores (parte que á súa vez se pode subdividir segundo a lingua empregada: castelán, latín ou galego); e, por último, o “Discurso Cuarto”, co cal se relata o papel desenvolvido por cada unha das institucións presentes no acto.

Crítica posterior

Tras o seu estudo, a parte en galego da Relación de las Exequias que hiço la Real Audiencia del Reyno de Galiçia, á la Magestad de la Reyna D. Margarita de Austria nra Señora (q Dios tiene) constitúese como unha mostra de poesía galega renacentista. Á súa vez, a introdución que fan Vázquez de Neira e Gómez Tonel dos dous sonetos en galego nunha composición poética principalmente en castelán e latín, deu á lingua galega a posibilidade de marcarse a si mesma como vehículo literario.

Como recolle Anxo Tarrío na súa “Síntesis de la historia de la literatura gallega (siglos XV-XX)”, o Respice finem sería categorizado como un soneto “de tendencia claramente barroca, representa a cima literaria en lingua galega dos Séculos Escuros, segundo a crítica”. Porén, outros críticos como Xesús Alonso Montero[Cómpre referencia] ou Xosé María Paz Dobarro[Cómpre referencia] consideran estraña esta aparición simbólica en idioma galego, chegando á conclusión de este ser utilizado por motivos estéticos (do mesmo xeito que se emprega certo tipo de rima ou de verso).

Exemplares conservados

Consérvanse cando menos seis exemplares actualmente: un está localizado no Museo Británico, procedente do tesouro bibliográfico do conde de Benhais en París (adquirido en 1892) [7]; outro está na Biblioteca Nacional de Lisboa, que estaba anteriormente no Mosteiro de Alcobaça (Portugal)[7]; o terceiro está na Biblioteca Xeral da Universidade de Santiago de Compostela, legado polo ferrolán Santiago de la Iglesia Santos[7]. O cuarto está na Biblioteca Nacional de Madrid[8], o quinto na Biblioteca do Palacio Real de Madrid[9] e foi propiedade do conde de Gondomar. O sexto atópase na Biblioteca Real Dinamarquesa en Copenhaguen (Dinamarca)[10].

Notas

  1. Barriocanal 31; Muñoz Santos 254-255
  2. 2,0 2,1 2,2 Barriocanal 16
  3. Barriocanal 16-17
  4. Barriocanal 18
  5. 5,0 5,1 Barriocanal 17
  6. Barriocanal 16-18
  7. 7,0 7,1 7,2 Barriocanal 33
  8. Gomez Tonel, Juan (1612). Relacion de las exequias que hico la Real Audiencia del reyno de Galiçia a la ... reyna D. Margarita de Austria ... [Texto impreso]. Impreso ... en Santiago: por Io¯a Pacheco.
  9. "Relacion de las exequias que hico [sic] la Real Audiencia del reyno de Galiçia a la...reyna D. Margarita de Austria.../descriptas y puestas en stilo por Ioan Gomez Tonel.. Santiago porIoa Pacheco: ,librero,1612 | Biblioteca Gondomariensi". inventarios.realbiblioteca.es. Consultado o 2019-05-19.
  10. rex.kb.dk https://rex.kb.dk/primo-explore/fulldisplay?docid=KGL01006735345&context=L&vid=NUI&lang=en_US&search_scope=KGL&adaptor=Local%20Search%20Engine&tab=default_tab&query=any,contains,exequias%20Margarita%20Austria&sortby=rank&offset=0. Consultado o 2019-05-28. Falta o |title= (Axuda)

Véxase tamén

Bibliografía

  • Barriocanal, Yolanda (1997). Exequias reales en la Galicia del Antiguo Régimen. Poder ritual y arte efímero. Universidade de Vigo.

Ligazóns externas

Juan Gómez Tonel

Juan Gómez Tonel, coruñés ou aveciñado na Coruña no primeiro cuarto do século XVII, foi un escritor e poeta en lingua galega, lingua castelá e latín, coordinador das Exequias da Raíña Margarida.

Pedro Vázquez de Neira

Pedro Vazquez de Neira y Santiso, nado na segunda metade do século XVI en Lugo, foi un poeta galego. Era fillo de Pedro Santiso (Señor de casa de Covas) e Inés Díaz de Neira. Casou con Catalina de Aguiar y Baamonde. Licenciado en Medicina ao servizo da Real Audiencia da Coruña, pouco se sabe da súa vida. Habida conta de que a meirande parte dos autores da época eran relixiosos, o feito de que escribise en galego convérteo nun dos poucos homes de ciencia que escribiu na nosa lingua nos Séculos Escuros.

Pranto

Este artigo trata sobre o subxénero lírico, para o artigo sobre o verquido de bágoas véxase Choro.O pranto é un xénero da lírica consistente nunha composición na que se chora ritualmente a morte de algo ou alguén.

Na literatura occitana medieval existía un tipo propio deste xénero, chamado Planh.

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.