Evanxeo de Xoán

O Evanxeo de Xoán é un libro da Biblia no Novo Testamento que contén a mensaxe de Xesucristo. O apóstolo Xoán o evanxelista é considerado tradicionalmente como o seu autor.

San xoán evanxelista de Xosé Ferreiro
San Xoán Evanxelista de Xosé Ferreiro na sancristía de San Martiño Pinario en Santiago de Compostela

O Evanxeo de Xoán e o Corpus Xoánico

O Evanxeo de Xoán, dentro do conxunto dos Evanxeos, resulta moi distinto aos Sinópticos: Mateo, Lucas e Marcos. Se os sinópticos se constrúen con pezas breves: milagres e parábolas, Xoán opta por relatos moi detallados dos milagres e grandes discursos. No canto dos Evanxeos da Infancia con que comezan Mateo ou Lucas, ábrese cunha reflexión sobre o significado teolóxico que para os cristiáns ten a figura de Xesús de Nazaret. Incluso a cronoloxía da predicación e da paixón de Cristo varían respecto aos sinópticos.

Pola contra, está moito máis achegado dos outros textos que tradicionalmente foron atribuídos ao apóstolo Xoán: as tres cartas e a Apocalipse, tanto pola teoloxía de fondo como polos termos usados. Por iso os estudosos fan unha subdivisión dentro do Novo Testamento e engloban todo este material baixo o nome de Corpus Xoánico.[Cómpre referencia]

Data de composición e destinatarios

Tódolos investigadores coinciden en que é o máis serodio dos Evanxeos, o máis común é situar a súa composición arredor do ano 100.

Tradicionalmente, o lugar de composición era a cidade de Éfeso, situada preto da actual Selçuk, en Turquía. Sen poder precisar este dato, si se pode afirmar, tendo en conta o idioma e as frecuentes explicacións sobre costumes e leis xudeas, que foi composta no contexto dunha comunidade cristiá de orixe grega.

O autor

Tradicionalmente, a súa autoría foi atribuída ao Apóstolo Xoán, así, San Ireneo escribía no século II: "Segundo isto, Xoán, o discípulo de Xesús (...), deu tamén á luz o seu evanxeo cando residía en Éfeso, en Asia"[1]. No mesmo senso falarían Policarpo de Esmirna ou Polícrates de Éfeso. Aínda que, hai que ter en conta que estas referencias son sempre de segunda man. Ningún deste autores coñeceu a Xoán, e todos fundamentan as súas palabras sobre o testemuñol doutros.

Ademais, unha serie de datos fan pensar nun proceso de elaboración e, polo tanto, nunha atribución máis complexa:

  • Tendo en conta a data de composición, Xoán tería que ter polo menos 80 anos cando o rematou. Unha idade moi alta para a época.
  • O manexo do grego, idioma orixinal do evanxeo, a profundidade teolóxica e o fondo coñecemento que ten de tódalas escrituras, non parece corresponder co nivel cultural que tería un mariñeiro de Galilea.
  • O texto que conservamos ten dous finais, un en (Xn 20, 30-31) e outro en (Xn 21, 24-25), o que evidenciaría a existencia de, polo menos, dous autores.

Pola contra o texto contén descricións de lugares ou detalles da vida de Xoán e da súa relación con Xesús cunha forte carga autobiográfica. Por exemplo, cando fala do primeiro encontro de Xoán con Xesús: e eles foron e viron onde paraba, eran contra as catro da tarde (Xn 1, 39). O que apontaría a que o outor tivo acceso a unha testemuña directa de Xesús.

O autor podería ser, polo tanto, un discípulo ou un grupo de discípulos de Xoán, que recolleron a predicación e a testemuña do apóstolo e que formaban parte da súa comunidade cristiá. Dentro dese ambiente, nacido do liderazgo do apóstolo e a partir da súa testemuña, elaboraron o Evanxeo.

Estrutura

A principal característica distintiva de Xoán respecto aos outros evanxeos radica en que se elabora a partir con unidades temáticas de gran tamaño.

O autor constrúe o Evanxeo mediante parellas formadas por un milagre máis un discurso. A isto engade un prólogo e remata coa actuación de Xesús e Xerusalén. predicación e paixón, morte e resurección.

Capítulos Denominación Contido
1 Prólogo Xesús é o Verbo de Deus
2 Vodas de Caná Milagre da auga convertida en viño
Discurso sobre a "hora" de Xesús
--- Xesús e a Lei Curación do paralítico
Discurso sobre a nova Lei
6 Xesús, Pan de Vida Multiplicación dos pans e os peixes
Discurso do Pan de Vida
--- Xesús, Luz do mundo Curación do cego de nacemento
Discurso da Luz do Mundo
--- Xesús, a Vida Resurreción de Lázaro
Discurso da Vida do Mundo
--- Predicación en Xerusalén Xesús, Bo Pastor
Episodio da adúltera
--- Paixón e morte Apresamento e xuízo no Sanedrín
Ante Pilatos
No pazo de Herodes
Crucifixión e morte
--- Resurrección O sepulcro baleiro
Aparición á Magadalena
Aparicións aos Doce
Primeiro final do Evanxeo
21 Epílogo Derradeira aparición
Misión de Pedro e os Doce
Peche

Notas

  1. IRENEO, Adversus haereses, III, 1, 2

Véxase tamén

Bibliografía

  • MATEOS, J e BARRETO, J: El Evangelio de Juan (análisis lingüistico y comentario exegético), Ed. Cristiandad, Madrid, 1982 (2ª ed.)
  • A BIBLIA: Ed. SEPT, Vigo, 1989.
  • SCHNACKENBURG, R.: El Evangelio según San Juan, 4 vol., trad. A. Esteban Lator, Ed. Herder, Barcelona, 1980.

Outros artigos

Ligazóns externas

A Última Cea

Na fe cristiá, A Última Cea foi a última ocasión na que Xesús de Nazaret se reuniu cos seus apóstolos para compartir o pan e o viño antes da súa morte.

Considérase, para a Igrexa católica, que é o momento en que se institúe a eucaristía.

A Última Cea, foi o tema de numerosas pinturas, sendo quizais a obra de Leonardo da Vinci máis coñecida de todas.

André Apóstolo

André Apóstolo foi un xudeu da Galilea do século I, discípulo de Xoán o Bautista e despois de Xesús de Nazaret, que o escolleu como un dos doce para restaurar e xulgar ás doce tribos de Israel. Patrón de Constantinopla, Rusia, Romanía, Ucraína, Xeorxia, Escocia e a cidade grega de Patras.

Caná

Caná[Cómpre referencia] era unha cidade de Galilea citada algunhas veces polo Evanxeo segundo Xoán como o lugar onde se realizou o primeiro milagre de Xesús de Nazaret, a conversión da auga en viño durante un casamento, feito coñecido coma as vodas de Caná.

O Evanxeo de Xoán cita tamén Caná porque aló se atopaba Xesús Cristo cando lle van pedir de sandar ao fillo do funcionario real de Cafarnaúm (4, 46) e coma cidade natal de Natanael, identificado co apóstolo Bertomeu. Algunhas tradicións indican que Caná sería tamén a cidade onde naceu Simón o Celote, outro dos doce apóstolos de Xesús Cristo. Porén en toda a Biblia non se fai máis referencia ao lugar.

Non se coñece a localización topográfica, xa que o evanxelista non a indica. Unha tradición que se remonta ao século XIII identifícaa coa vila de Kafr Kanna, sete quilómetros ao nordés de Nazaret; outros sitúana en Kenet al-Jalil (literalmente, en lingua árabe, 'Caná de Galilea'), máis ao norte; en Aín Kana, máis achegada que as outras dúas localidades e máis probábel pola etimoloxía do nome; ou incluso en Qana, ao sur do Líbano.

De todos os xeitos, non está claro que a cidade existise realmente. Algúns historiadores e estudosos da Biblia[Cómpre referencia] coidan que o Evanxeo de Xoán foi escrito para un público culto mais non necesariamente coñecedor da xeografía de Palestina, os cales afirman que Caná podería ser tan só un nome cunha función teolóxica e simbólica, mais ca histórica.

Corpus Xoánico

O Corpus Xoánico é o nome co que se coñece aos libros do Novo Testamento que teñen como autor, ou que se atribúe como autor, a Xoán o Evanxelista.

Descendemento de Xesús

O Descendemento da Cruz ou Descendemento de Xesús é a escena, representada na arte, da retirada do corpo xa morto de Xesús da Cruz por Xosé de Arimatea e Nicodemos, relatado en Xoán 19,38-42. Na arte bizantina, o tema tornouse moi popular no século IX e, no occidente, a partir do século X. O descendemento é a décimo terceira das estacións da Cruz.

Outras figuras, non mencionadas nos evanxeos canónicos e que son xeralmente incluídas nas representacións, son Xoán o Evanxelista, que aparece ás veces axudando a Virxe María (no tema coñecido como Desmaio da Virxe), como é o caso na obra de Rogier van der Weyden, e María Madalena. O Evanxeo de Xoán menciona un número indefinido de mulleres que asistirían á crucifixión de Xesús, incluíndo as chamadas "Tres Marías". Elas e outras, ademais doutros homes tampouco nomeados, xeralmente aparecen nas representacións.

Ecce Homo

Ecce Homo é unha locución latina de uso contemporáneo en varias linguas que significa literalmente "Velaquí o home", simboliza o Cristo coa coroa de espiñas na Paixón de Cristo. No uso contemporáneo representa un home maltratado e con feridas.

A expresión atópase, en tradución do hebreo, na Vulgata, sendo o equivalente da frase grega ιδου ο ανθρωπος (Idou ho Anthrōpos) do Evanxeo de Xoán. Esta locución acadou un simbolismo importante na cultura occidental coa representación do Cristo sufrindo.

Espírito Santo

O Espírito Santo é, para a maioría de confesións cristiás, a terceira persoa da Santa Trindade. Verdade fundamental do cristianismo, contido dun dogma apuntado xa no Concilio de Nicea e definido definitivamente polo primeiro concilio de Constantinopla. Recóllese, xa que logo, no chamado símbolo niceno-constantinopolitano ou Credo. Os cristiáns que non aceptan esta doutrina chámanse non trinitarios.

Segundo esta doutrina Deus, na súa Unidade, é Amor e, xa que logo, Comuñón interpersoal. A expresión difusiva e gratuíta dese Amor é o Espírito, que fai experimentar ao crente a entraña da divindade. O Home, en canto criatura feita a imaxe e semellanza de Deus, arela unha comuñón plena cos seus irmáns e con Deus no Espírito. O cumprimento desa arela é a Salvación.

Evanxeo

Evanxeo, do grego εὐαγγέλιον (evangélion), de εὐ (eu, que significa 'ben'), e ἀγγέλιον (angélion, que significa 'mensaxe') e en hebreo בשורה, que significa 'noticia' e טובה, que significa 'boa', é a boa noticia do cumprimento da promesa feita por Deus a Abraham, Isaac e Xacob de que redimiría á súa descendencia do pecado (Feitos: 13, 32) por medio da morte do seu Fillo unixénito Xesús (Xénese: 22, 2 ; Salmos: 130, 8 ; Salmos: 2, 7 ) quen morrería en expiación polo pecado de toda a humanidade (Isaías: 53, 10) e resucitaría ao terceiro día (Salmos: 16, 10) para dar arrepentimento e perdón dos pecados a todo aquel que crea nel (Lucas: 24, 47).David profetizou que Xesús resucitaría ao terceiro día sen ver corrupción (Salmos: 16, 10), todos sabemos que David morreu e que o seu corpo viu corrupción (Romanos: 2, 10) e a tumba de David está no Monte Sión, pero Xesús resucitou ao terceiro día (Marcos: 16, 1-6) cumprindo a profecía da súa resurrección e a súa tumba está baleira e é coñecida como o Santo Sepulcro.

Este é o evanxeo que predicaban os primeiros discípulos de Xesús (1 Corintios: 15, 1-12).O cumprimento da promesa de Deus, ou evanxeo, foi escrito polos primeiros discípulos xudeus nos evanxeos, que son os escritos que recollen as primeiras predicacións dos discípulos de Xesús de Nazaret, e cuxo núcleo central da mensaxe é a morte e resurrección de Xesús.

Nun sentido máis xeral o termo evanxeo pode referirse aos evanxeos. Neste sentido existen catro evanxeos contidos no Novo Testamento da Biblia cristiá, chamados Evanxeos canónicos, recoñecidos como parte da Revelación polas diferentes confesións cristiás. Coñécense co nome dos seus supostos autores: Mateo, Marcos, Lucas e Xoán. A maioría dos expertos considera que estes catro evanxeos foron escritos entre os anos 65 e 100 d.C., aínda que outros académicos propoñen datas máis temperás.

Existen outros escritos, coñecidos como Evanxeos apócrifos, non recoñecidos como canónicos polas igrexas cristiás actuais.

Malco

No Novo Testamento da Biblia, Malco é o nome dun servinte do sumo sacerdote, que colaborou no Arresto de Xesús. Simón Pedro, un dos discípulos de Xesucristo, ía armado cunha espada, e no acto cortoulle a orella dereita. Xesús lle curou a ferida e el quedouse sorprendido ante tal milagre.A historia é relatada nos catro evanxeos, pero Malco só é citado polo seu nome no Evanxeo de Xoán.

María Madalena

María Madalena (ás veces escrito María Magdalena e mesmo María Madanela) foi segundo os evanxeos sinópticos, o Evanxeo de Xoán e varios evanxeos apócrifos, entre eles un que leva o seu nome, unha seguidora de Xesús.

Noli me tangere

Noli me tangere é unha locución latina que significa literalmente 'non me toques' ou 'non me queiras tocar'. Estas palabras díxollas Xesucristo a María Madalena despois da súa resurrección. A cita corresponde ao versículo 17 do capítulo 20 do Evanxeo de Xoán. A expresión orixinal en grego (Μή μου ἅπτου) suxire unha acción que continúa no tempo, por iso a tradución máis axeitada sería: "non me reteñas".

Ademais, Noli me tangere é un dos cadros máis coñecidos do pintor italiano Antonio Allegri da Correggio. Está realizado en óleo sobre unha táboa; foi pintado cara ao 1518 e foille regalado a Filipe IV de España polo príncipe Ludovisi. Actualmente encóntrase no Museo do Prado en Madrid. Este episodio da Resurreción de Xesús foi un tema recorrente na iconografía tardomedieval e no Renacemento. Ademais inspirou a varios pintores, entre eles Duccio di Buoninsegna ou Paolo Veronese en Italia e Hans Memling ou Hans Holbein na área flamenga e alemá. A pintura de Correggio foi famosa dende a súa chegada a España, e Alonso Cano realizou unha interpretación libre da mesma que se conserva actualmente no Museo de Belas Artes de Budapest.

Richard Bauckham

Richard Bauckham, nado en Londres o 22 de setembro de 1946, é un teólogo anglicano, historiador teolóxico e investigador do Novo Testamento inglés. É especialista en Cristoloxía do Novo Testamento e no Evanxeo de Xoán.

San Xoán

O nome de san Xoán pode referirse a o mes de xuño e a:

O apóstolo Xoán, xeralmente identificado con Xoán Evanxelista, a quen se lle atribúe o Evanxeo de Xoán, as epístolas de Xoán e a Apocalipse.

Xoán Bautista, curmán de Xesús.

Xoán Crisóstomo (347-407), arcebispo de Costantinopla.

Xoán Casiano (c. 360-433).

Xoán I, papa (ca. 470-526).

Xoán Clímaco (ca. 579-649), monxe e escritor grego.

Xoán Damasceno (ca. 676-749), padre da Igrexa.

Xoán Gualberto (ca. 995-1073) abade italiano.

Xoán de Mata (1160-1213), teólogo provenzal, fundador da Orden da Santísima Trinidad (Trinitarios).

Xoán Nepomuceno (Jan Nepomucký, ca. 1330 ó 1340 - 1393), sacerdote bohemio, confesor da raíña Xoana.

Xoán Capistrano (1382-1456), gobernador de Perugia, sacerdote franciscano e inquisidor italiano.

Xoán de Cancio, Xoán de Kenty ou Xoán de Kety (1397-1473), sacerdote e teólogo polaco.

Xoán de Sahagún (1430-1479), sacerdote e predicador leonés.

Xoán Fisher (1469-1535), cardeal humanista inglés.

Xoán de Deus (João Ciudad, 1495-1550), soldado portugués. Logo de oír a predicación de San Xoán de Ávila, converteuse, ordenouse sacerdote e fundou a orde dos Irmáns Trinitarios de San Xoán de Deus.

Xoán de Ávila (1500-1569), sacerdote e teólogo castelán. Predicou diante de quen máis tarde sería chamado San Xoán de Deus, e foi mestre de San Xoán da Cruz.

Xoán Diego Cuauhtlatoatzin ou Xoán Diego, primeiro santo indíxena de América Latina (9 de decembro 1474 - 30 de maio 1548) quen, segundo a tradición católica en México, presenciou a aparición da Virxe de Guadalupe en 1531. Foi canonizado en 2002 por el papa Xoán Paulo II.

Xoán de Ribera (1532-1611), arcebispo de Valencia e patriarca de Antioquía.

Juan de Yepes Álvarez, chamado Xoán da Cruz, 1542-1591) escritor e relixioso español.

Xoán Sarkander, sacerdote moravo.

Xoán Francisco Regis (1579-1640), misioneiro xesuíta francés.

Xoán Ogilvie (1580-1615), xesuíta escocés.

Xoán de Brébeuf (1579-1640), misioneiro xesuíta francés.

Xoán Berchmans (1599-1621), novizo xesuíta flamengo.

Xoán Eudes (1601-1680), misioneiro francés.

Xoán de Lalande (1615-1646), misioneiro xesuíta francés.

Xoán Bautista de La Salle (San Xoán Bautista de la Salle, 1651-1719) relixioso e pedagogo francés.

Xoán María Vianney (1786-1859), párroco francés.

Xoán Neumann (1811-1860), bispo de Filadelfia, EE.UU.

Xoán Bosco (Giovanni Melchior Bosco, 1815-1888), sacerdote italiano.

Santiago o Maior

Xacobe (en arameo Yaqob bar Zibhdi, en hebreo עֲקֹב Yahăqōb ben Zebdi e en grego Iάκωβος Iàkovos), máis coñecido como Santiago o Maior, morto en 44, era fillo de Zebedeo e Salomé. Discípulo de Xesús, foi un dos Doce Apóstolos ou principais seguidores de Cristo. Chámaselle o Maior para distinguilo de Santiago o Menor, tamén discípulo de Xesús. Era irmán de san Xoán o Evanxelista.

O nome de Santiago en latín era Iacobus, unha derivación a través do grego do nome hebreo do patriarca Xacob. É a forma do primeiro romance occidental que daría lugar ao galego e que, debido á súa relevancia relixiosa e política, sería adoptado en todas as linguas romances hispanas. Deste xurdirían os nomes de Iago, Xacobe e Xaime, o inglés James e o francés Jacques; e de Sant Iacobus virían Santiago e o portugués Tiago.

Simón de Cirene

Simón de Cirene ou O Cirineo foi, segundo os evanxeos de Marcos

, Mateo e Lucas, a persoa que lle axudou a Xesús a levar a súa cruz até o Gólgota, onde logo sería crucificado. Dise que "viña do campo", e no evanxeo de Marcos faise referencia a el como "pai de Alexandre e de Rufo". Non hai ningún dato máis acerca del no Novo Testamento. Non aparece no Evanxeo de Xoán.

A súa cidade de orixe, Cirene, estaba situada no norte de África. Segundo a tradición, seus fillos Rufo e Alexandre fixéronse misioneiros. O feito de que se mencionen os seus nomes suxire que puideron tratarse de personaxes relevantes no cristianismo primitivo.

Moitos musulmáns cren que Xesús escapou da crucifixión e que Simón de Cirene (ou Xudas Iscariote) foi crucificado no seu lugar.

Xesús de Nazaret

Este artigo é sobre a figura histórica de Xesús e os seus aspectos biográficos. Para informacións acerca das múltiples versións de Cristo, vexa ese artigo.

Xesús de Nazaret, tamén coñecido como Xesús, Cristo, Xesucristo ou Xesús Cristo, é a figura central do cristianismo e unha das figuras máis influentes da cultura occidental. Para a maioría das denominacións cristiás, é o Fillo de Deus, a segunda Persoa da Santa Trindade, sendo ao mesmo tempo plenamente humano (Deus encarnado). A súa importancia estriba así mesmo na crenza de que -coa súa morte e posterior resurrección- redimiu o xénero humano. O xudaísmo nega a súa divindade, que é incompatible coa súa concepción de Deus. No islam, onde é coñecido como Isa, é considerado un dos profetas máis importantes.

Segundo a opinión maioritariamente aceptada en medios académicos, baseada nunha lectura crítica dos textos sobre a súa figura, Xesús de Nazaret foi un predicador xudeu que viviu a comezos do século I nas rexións de Galilea e Xudea, e foi crucificado en Xerusalén en torno ao ano 30, baixo o goberno de Poncio Pilato.

O que se coñece de Xesús depende case exclusivamente da tradición cristiá (aínda que aparece mencionado en fontes non cristiás), especialmente da utilizada para a composición dos Evanxeos sinópticos, redactados, segundo opinión maioritaria, uns 30 ou 40 anos, como mínimo, logo da súa morte. A maioría dos estudosos considera que mediante o estudo dos evanxeos é posible reconstruír tradicións que se remontan a contemporáneos de Xesús, aínda que existen grandes discrepancias entre os investigadores en canto aos métodos de análises dos textos e as conclusións que deles poden extraerse. Existe unha minoría que nega a existencia histórica de Xesús de Nazaret.

Xoán o Evanxelista

San Xoán o Evanxelista foi un dos doce apóstolos de Xesús Cristo. Escribiu o Evanxeo de Xoán e as tres epístolas de Xoán. Atribúellese tamén o libro da Apocalipse.

Xudas Iscariote

Xudas Iscariote, finado contra o ano 30 d.C., foi, de acordo co Novo Testamento, un apóstolo de Xesús de Nazaret, a quen traizoou por trinta moedas de prata.

Xuízo Final

O Xuízo Final ou o Día do Xuízo Final é a denominación relixiosa da fin do mundo, na que toda a humanidade será xulgada polos seus actos.

Nas crenzas cristiás é un día no que deus xulgará todos os seres humanos e creará a nova terra segundo a Apocalipse, a cal será gobernada polo mesmo deus dende a Nova Xerusalén. Esta crenza inspirou numerosas representacións artísticas.

Libros da Biblia
Divisións maiores
Canon
Máis divisións
Versións e Manuscritos
Véxase tamén

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.