Evanxeo de Lucas

O Evanxeo de Lucas é o terceiro libro do Novo Testamento dentro da Biblia. Recolle unidades de predicación constituídas por feitos da vida de Xesús de Nazaret e tamén ditos, a maioría moi probablemente da denominada fonte Q. Constitúe unha unidade literaria cos Feitos dos Apóstolos

P. Chester Beatty I, folio 13-14, recto

Autor

O Evanxeo de Lucas non contén ningunha referencia expresa a un posible único autor. Hai que agardar ao século II cando Ireneo de Lyon menciona a un compañeiro de Paulo de Tarso, Lucas, como o autor dun Evanxeo e o relato das andanzas daquel.

O Canon Muratori confirma o anterior, ao afirmar que Lucas era médico e que non coñeceu a Xesús en persoa. O marcionismo recoñecía como único evanxeo válido o de Lucas. O Prólogo Antimarcionita, ao falar deste e outros evanxeos, menciona a Lucas como oriúndo de Antioquía de Siria, compañeiro de Paulo e morto polo nome de Xesús.

Se se lle da verosimilitude a estas fontes, é doado conectar o personaxe co mencionado polo propio Paulo na súa Carta aos colosenses que denomina a Lucas como o meu querido médico.

A atribución da autoría adoitaba facerse para darlle autoridade a un texto. O feito de escollerse un personaxe secundario e non un apóstolo pode ser un indicio de veracidade.

O que si é seguro é que o autor deste evanxeo é o mesmo que o autor de Feitos dos Apóstolos, que o autor entende como continuación natural do evanxeo.

Como sucede cos outros dous Evanxeos sinópticos, este escrito comparte con eles algunha das súas fontes. Consonte coa teoría das tres fontes, comunmente admitida polos expertos, o Evanxeo de Lucas toma elementos de:

  • O Evanxeo de Marcos, máis antigo e que Lucas coñecía.
  • A chamada Fonte Q, colección de ditos e feitos de Xesús, que circulaba polas primeiras igrexas e que é común aos evanxeos de Mateo e Lucas.
  • As fontes propias de Lucas, por exemplo, o relato da infancia de Xesús, parábolas de especial sona ou himnos que reflicten estilos que evocan moi de preto ás primeiras comunidades xudeocristiáns que contrastan co resto dos textos.

Despois, na súa laboura propia de autor, Lucas ordena este material seguindo unha estrutura de camiño que sae de Nazaret e chega a Xerusalén.

Data de composición

Hai quen sonstén unha data temperá debido a que nos Feitos dos Apóstolos non se cita a morte de Paulo. Con todo, a utilización de materiais do Evanxeo de Marcos situaríao nunha data posterior ao ano 70, no albor da segunda xeración de cristiáns. A data límite a proporcionarían os textos do marcionismo que ao redor do ano 150, ao considerar como único evanxeo o de Lucas, supoñen xa un espallamento significativo do texto.

Lugar de composición

Ireneo considera que foi escrito xa en Roma e o Prólogo Antimarcionita en Acaia. A primeira hipótese pode apoiarse en que Lucas é o único evanxelista cuxo marco referencial é o conxunto do Imperio. Para el, o lago de Xenesaret non é o mar de Galilea, vencella o nacemento de Xesús co Decreto do Emperador Octavio Augusto, a predicación de Xoán o Bautista sitúase no décimo quinto ano do reinado de Tiberio e o camiño de Paulo remata en Roma.

Lingua

O evanxeo está escrito en grego por un autor que dominaba un certo rexistro culto desta lingua e coñecía técnicas de composición propias do helenismo e as súas escolas de retórica. Tiña tamén un bo coñecemento do Antigo Testamento. Ademais do Evanxeo de Marcos, no que introduce subordinadas e un vocabulario máis culto, e o texto dos ditos (Q) centrado no amor ao inimigo e máis conciso que o Evanxeo de Mateo, Lucas ten fontes propias.

Estrutura

Lucas estrutura o Evanxeo, igual que despois fará cos Feitos dos Apóstolos, como un camiño, neste caso desde Nazaret, a terra de Xesús, ata Xerusalén, a capital do pobo escolleito. Este xeito de presentar a mensaxe de Xesús fai que, chegado o caso, o autor aporte datos xeográficos incoherentes co que sabemos da Palestina. Podemos facer varios apartados no escrito:

  • Evanxeo de infancia.
  • Predicación en Galilea
  • Camiño de Xerusalén.
  • Predicación en Xerusalén.
  • Paixón e morte de Xesús.
  • Resurrección e relatos de aparicións, Ascensión.

Destinatarios

O mundo vital dos destinatarios semellan as clases humildes do Imperio Romano. No Evanxeo de Lucas existen ameazas e condenas radicais aos ricos que contrastan con certa espiritualización da opción polos pobres que aparece no Evanxeo de Mateo (o nacemento de Xesús nun pesebre, o anuncio aos pastores e non aos magos de oriente, os ais xunto a unhas lacónicas benaventuranzas que proclaman a felicidade dos pobres e esfameados, a parábola do rico epulón e o pobre Lázaro, a conversión de Zaqueo que devolve o froito da extorsión, a figura da Virxe María como a mociña humilde que arela que Deus derrube aos poderosos...). A mensaxe de perdón con independencia do cumprimento da Torá de Moisés aparece en parábolas e feitos de Xesús con especial énfase (a parábola do fariseo e o publicano, escena coa prostituta, o fillo pródigo, loanza do estranxeiro herético samaritano na parábola do mesmo nome, a promesa do Paraíso a un dos crucificados, o perdón dos que o crucificaban e se burlaban..). A mensaxe diríxese, xa que logo, especialmente a xentís ou pagáns de clases baixas, dunha segunda xeración de cristiáns non tanto de medios rurais nos que se moveu Xesús sobre todo, senón de comunidades urbanas inseridas na vida das cidades do Imperio. A mensaxe de solidariedade dirixida aos ricos fala tamén dunha certa heteroxeneidade económica. A todos eles se lles presenta Xesús como o Mesías agardado por Israel que trae unha boa nova, unha mensaxe de perdón universal do que deriva unha conversión que supón o seguimento incondicional de Xesús, o amor ao inimigo, a solidariedade cos pobres e a ameaza aos ricos e farturentos. Albíscase nisto unha certa concomitancia coa mensaxe sobre a fe e a graza en Paulo de Tarso.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Gregory, A. The Reception of Luke and Acts in the Period before Irenaeus. Looking for Luke in the Second Century, Tübingen 2003.
  • Heil, C. Lukas und Q, Berlín 2003.
  • Miquel, E. Amigos de esclavos, prostitutas y pecadores, Estella, 2007
  • Hengel, M. Acts and the History of Erliest Christianity, Philadelphia 1979

Ligazóns externas

Anunciación

A Anunciación (do latín annuntiatio), tamén coñecida como a Anunciación para a benaventurada Virxe María, a Anunciación da Nosa Señora, ou a Anunciación do Señor, é a celebración cristiá do anuncio do anxo Gabriel á Virxe María, en Nazaret, segundo a cal ía concibir e ser a nai de Xesús, o Fillo de Deus, na súa Encarnación. Gabriel dixo a María que o nome do seu fillo sería Yeshua, que significa "YHWH é a salvación".Segundo o Evanxeo de Lucas a Anunciación ocorreu "no sexto mes" do embarazo de Isabel con Xoán Bautista. Moitos cristiáns observan este evento coa Festa da Anunciación, o 25 de marzo.

A Anunciación é un tema clave na arte cristiá en xeral, particularmente durante a Idade Media e o Renacemento. Unha obra de arte que representa a Anunciación é ás veces chamada unha Anunciación.

Anunciación (Leonardo, Uffizi)

A Anunciación (Annunciazione, en italiano) é un óleo sobre panel de Leonardo da Vinci, pintado entre 1472 e 1475, cunhas medidas de 98,4 × 217 cm.

Representa o arcanxo Gabriel no momento que anunciaba a María que fora escollida polo Señor para ser a nai de Xesús, de acordo co evanxeo de Lucas 1:26.

A obra permaneceu oculta até 1867, cando foi transferida desde un convento próximo a Florencia á Galería Uffizi, tamén en Florencia.

Desde entón, algúns investigadores mostraron a pintura como o primeiro traballo de Leonardo da Vinci, pero outros atribúena a outros pintores, como Ghirlandaio ou Verrocchio.

As ás do anxo foron pintadas con precisión naturalista, un exemplo da curiosidade científica típica da carreira de Leonardo. Usou o seu coñecemento sobre as ás dos paxaros para facer as do anxo. No primeiro plano, o pintor representa un tipo de tapete en flor no que todas as flores foron pintadas con precisión.

Biblia

A Biblia é o libro que o cristianismo trata como inspirado directamente por Deus. A palabra vén do grego (lingua en que foi escrito o Novo Testamento) «τα βιβλία» tà biblía, ou sexa, os libros. O plural xustifícase, xa que a Biblia non é un libro soamente, senón unha biblioteca composta de 66 libros, sendo 39 pertencentes ao Antigo Testamento e 27 ao Novo Testamento.

Evanxeo

Evanxeo, do grego εὐαγγέλιον (evangélion), de εὐ (eu, que significa 'ben'), e ἀγγέλιον (angélion, que significa 'mensaxe') e en hebreo בשורה, que significa 'noticia' e טובה, que significa 'boa', é a boa noticia do cumprimento da promesa feita por Deus a Abraham, Isaac e Xacob de que redimiría á súa descendencia do pecado (Feitos: 13, 32) por medio da morte do seu Fillo unixénito Xesús (Xénese: 22, 2 ; Salmos: 130, 8 ; Salmos: 2, 7 ) quen morrería en expiación polo pecado de toda a humanidade (Isaías: 53, 10) e resucitaría ao terceiro día (Salmos: 16, 10) para dar arrepentimento e perdón dos pecados a todo aquel que crea nel (Lucas: 24, 47).David profetizou que Xesús resucitaría ao terceiro día sen ver corrupción (Salmos: 16, 10), todos sabemos que David morreu e que o seu corpo viu corrupción (Romanos: 2, 10) e a tumba de David está no Monte Sión, pero Xesús resucitou ao terceiro día (Marcos: 16, 1-6) cumprindo a profecía da súa resurrección e a súa tumba está baleira e é coñecida como o Santo Sepulcro.

Este é o evanxeo que predicaban os primeiros discípulos de Xesús (1 Corintios: 15, 1-12).O cumprimento da promesa de Deus, ou evanxeo, foi escrito polos primeiros discípulos xudeus nos evanxeos, que son os escritos que recollen as primeiras predicacións dos discípulos de Xesús de Nazaret, e cuxo núcleo central da mensaxe é a morte e resurrección de Xesús.

Nun sentido máis xeral o termo evanxeo pode referirse aos evanxeos. Neste sentido existen catro evanxeos contidos no Novo Testamento da Biblia cristiá, chamados Evanxeos canónicos, recoñecidos como parte da Revelación polas diferentes confesións cristiás. Coñécense co nome dos seus supostos autores: Mateo, Marcos, Lucas e Xoán. A maioría dos expertos considera que estes catro evanxeos foron escritos entre os anos 65 e 100 d.C., aínda que outros académicos propoñen datas máis temperás.

Existen outros escritos, coñecidos como Evanxeos apócrifos, non recoñecidos como canónicos polas igrexas cristiás actuais.

Evanxeo de Marcos

O Evanxeo de Marcos é o segundo libro do Novo Testamento dentro da Biblia cristiá; céntrase na actividade pública de Xesús de Nazaret e apenas recolle os seus ditos e predicacións. Depende de tradicións anteriores, unidades de predicación sobre os feitos de Xesús que procura ensamblar a través de suturas redaccionales e sumarios para construír un relato (diégesis).

Evanxeos apócrifos

Os evanxeos apócrifos son escritos redactados e recompilados nos primeiros séculos do cristianismo que recollen ditos e feitos de Xesús de Nazaret, as súas ensinanzas, a natureza de Deus ou as ensinanzas dos Apóstolos e as súas vidas. Estes escritos non foron recoñecidos pola Igrexa Ortodoxa, a Igrexa Siríaca, a Igrexa Ortodoxa Copta, a Igrexa Apostólica Asiria, a Igrexa Apostólica Armenia, a Igrexa Etíope Tewahedo e a Igrexa Católica nin polo protestantismo como expresión da fe.

Evanxeos sinópticos

Evanxeos sinópticos é o termo co que se coñece o conxunto que forman os evanxeos de Mateo, Marcos e Lucas. Etimoloxicamente provén do grego σύν (syn, "xunto") e ὄψις (opsis, "ollar"), é dicir, que se poden ver os tres dunha ollada simultánea, posto que teñen moito texto común.

Inferno

O inferno é, desde o punto de vista de varias relixións, mitoloxías e filosofías, un lugar onde van as almas dos pecadores que morreron en pecado mortal. A orixe do termo é latina infernum 'as profundidades' ou 'mundo inferior'.

Dende moi cedo o inferno acadou un significado negativo, xa que era o lugar onde ían parar as almas condenadas despois da vida, a diferenza do ceo, lugar de eterna salvación.

Ao longo da historia houbo moitas interpretacións sobre o inferno. Destaca a obra cumio de Dante Alighieri, a Divina Comedia.

O xardín das delicias de Hieronymus Bosch adopta unha representación tríptica do dualismo entre a harmonía do ben e a anarquía, desorde e caos do mal.

Isabel

Sabela, Isabel ou Elisabete é un antropónimo feminino de orixe grega resultante da tradución do hebraico Elisheva (אֱלִישֶׁבַע), que significa 'Deus é o meu xuramento'. Entre outras versións abreviadas dese nome inclúense: Elisa, Isabela, Bete, Zabete, Zabel e Lisa.

Lucas o Evanxelista

San Lucas Evanxelista foi un médico xudeu helenizado do século I, nado en Antioquía (actual Turquía), coñecido por ser un dos catro evanxelistas. Como san Marcos, non foi un dos doce apóstolos. Ademais de considerárselle autor do terceiro evanxeo, tamén se lle atribúe a autoría dos Feitos dos Apóstolos.

O nome procede do grego Λουκᾶς Loukás, Lukas, latinizado como Lucas ou Luca .

É patrón dos médicos e da Facultade de Medicina de Santiago. Tamén o é dos pintores, doutores e cirurxiáns (pola súa profesión), solteiros (morreu solteiro), carniceiros e encadernadores (pola súa identificación co boi), cervexeiros e notarios [1].

Magníficat

O magníficat (tamén coñecida coma canción de María ou canto de María) é un cántico entoado (ou recitado) adoito na liturxia dos servizos eclesiásticos cristiáns. O texto do cántico vén directamente do Evanxeo de Lucas, onde é recitado pola Virxe María na ocasión da Visitación da súa prima Sabela. Na narrativa, despois de que María saudase a Sabela, que está embarazada con aquel que será coñecido coma Xoán o Bautista, o neno se mexe dentro do útero de Sabela. Cando esta loa María pola súa fe, María entoa o magníficat como resposta.

O cántico fai eco de diversas pasaxes do Antigo Testamento, porén, as alusións máis notábeis son as feitas á Canción de Ana, dos Libros de Samuel. Xunto co Benedictus e o Nunc dimittis, e diversos outros cánticos do Antigo Testamento, o magníficat foi incluído no Libro de Odes, unha antiga colectánea litúrxica atopada nalgúns manuscritos da Biblia dos Setenta.

No cristianismo, o magníficat é recitado con máis frecuencia dentro da Liturxia das Horas. No cristianismo occidental o magníficat é máis cantado ou recitado durante o principal servizo vespertino: as Vésperas, no catolicismo romano, e a Oración Vespertina (Evening Prayer ou Evensong, en inglés), dentro da comuñón anglicana. No cristianismo oriental o magníficat acostuma ser cantado durante as mañás de domingo. En certos grupos protestantes o magníficat pode ser cantado durante os servizos de culto.

Marcionismo

O marcionismo é unha doutrina cristiá do século II defendida por Marción.

Nosopai

O Nosopai (tamén coñecido pola súa forma latina paternóster) é a máis coñecida oración do cristianismo. Segundo o Novo Testamento déullela Xesús aos apóstolos despois de que estes lle pedisen que lles aprendese a orar.

A oración atópase no Evanxeo de Mateo (6:9-13), onde aparece como parte do Sermón da Montaña. Unha oración semellante aparece no Evanxeo de Lucas 11:2-4.

Aínda que a oración orixinal era en arameo, o texto máis antigo que se conserva está en grego. No cristianismo occidental rezouse en latín durante moitos séculos.

Resurrección de Xesús

A Resurrección de Xesús é o nome dado á fe cristiá de que Xesús de Nazaret retornou á vida o domingo seguinte ao venres na cal el foi crucificado. É unha doutrina central da fe e da teoloxía cristiá e parte do Credo Niceno: "Resucitou dos mortos ao terceiro día, conforme as Escrituras."Segundo o Novo Testamento, ocorreu ao terceiro día de que Xesús fose crucificado, morto e sepulto nunha tumba. O momento preciso da resurrección non se describe, nin aparece como presenciado por ninguén (nin sequera polos soldados que custodiaban o lugar); si a súa consecuencia: as miróforas (tres Marías o santas mulleres) encontran a tumba baleira (nun dos evanxeos, o de Mateo, no medio dun estrondo causado pola chegada dun anxo -nos demais evanxeos tamén aparecen anxos, aínda que noutra actitude-). A partir dese momento menciónanse varias aparicións de Xesús resucitado en diversas ocasións, tanto a María Madalena (Noli me tangere) como aos apóstolos (Tomé, que mostrara a súa incredulidade, é invitado polo propio Xesucristo a meter a man na chaga do costado) e a outros discípulos (aos discípulos de Emaús e a un grupo de máis de cincocentos "irmáns").A resurrección de Xesucristo celébrase no calendario cristián coa festividade do Domingo de Pascua ou de resurrección. O domingo de resurrección denomínase tamén nos Συναξάριον synaxarion e calendarios litúrxicos da igrexa ortodoxa "domingo das miróforas co nobre Xosé.

Os textos evanxélicos datan o descubrimento da tumba baleira en o primeiro día da semana seguinte á celebración da pascua xudía (que é a festividade que se celebrou na Última Cea). A expresión ao terceiro día, que suscita unha curiosa controversia cronolóxica (menos de corenta e oito horas cóntanse como tres días), é a máis utilizada por recollerse no Credo: resucitou ao terceiro día, segundo as Escrituras; e provén dun fragmento do Evanxeo de Lucas: xa van tres días que sucederon estas cousas (a morte de Xesús)

Teófilo

O antropónimo masculino Teófilo pode referirse a:

Teófilo, arconte epónimo de Atenas en -348 e -347.

Teófilo, personaxe a quen están dedicados o Evanxeo de Lucas e os Feitos dos Apóstolos.

Teófilo de Antioquía, sexto bispo de Antioquía (Siria) no século II.

Teófilo de Cesarea, bispo de Cesarea Palestina (ou Cesarea Marítima), morto en 195.

Teófilo, patriarca de Alexandría entre 385 e 412.

Teófilo, emperador bizantino entre 829 e 842, o segundo da chamada dinastía frixia.

Teófilo Presbítero, beneditino do século XII, autor de varios tratados artísticos considerados precedentes da historiografía da arte.

Teófilo Braga, político, escritor e ensaísta portugués (1843-1924).

Teófilo Caamaño, mariñeiro e guerrilleiro antifascista galego (1912-1997).

Teófilo Borunda, político mexicano, membro do Partido Revolucionario Institucional (n. en 1912).

Teófilo Cubillas, futbolista peruano (n. en 1949).

Teófilo Comunicación, editorial de Santiago de Compostela.

Xesús de Nazaret

Este artigo é sobre a figura histórica de Xesús e os seus aspectos biográficos. Para informacións acerca das múltiples versións de Cristo, vexa ese artigo.

Xesús de Nazaret, tamén coñecido como Xesús, Cristo, Xesucristo ou Xesús Cristo, é a figura central do cristianismo e unha das figuras máis influentes da cultura occidental. Para a maioría das denominacións cristiás, é o Fillo de Deus, a segunda Persoa da Santa Trindade, sendo ao mesmo tempo plenamente humano (Deus encarnado). A súa importancia estriba así mesmo na crenza de que -coa súa morte e posterior resurrección- redimiu o xénero humano. O xudaísmo nega a súa divindade, que é incompatible coa súa concepción de Deus. No islam, onde é coñecido como Isa, é considerado un dos profetas máis importantes.

Segundo a opinión maioritariamente aceptada en medios académicos, baseada nunha lectura crítica dos textos sobre a súa figura, Xesús de Nazaret foi un predicador xudeu que viviu a comezos do século I nas rexións de Galilea e Xudea, e foi crucificado en Xerusalén en torno ao ano 30, baixo o goberno de Poncio Pilato.

O que se coñece de Xesús depende case exclusivamente da tradición cristiá (aínda que aparece mencionado en fontes non cristiás), especialmente da utilizada para a composición dos Evanxeos sinópticos, redactados, segundo opinión maioritaria, uns 30 ou 40 anos, como mínimo, logo da súa morte. A maioría dos estudosos considera que mediante o estudo dos evanxeos é posible reconstruír tradicións que se remontan a contemporáneos de Xesús, aínda que existen grandes discrepancias entre os investigadores en canto aos métodos de análises dos textos e as conclusións que deles poden extraerse. Existe unha minoría que nega a existencia histórica de Xesús de Nazaret.

Xosé de Nazaret

Xosé de Nazaret (en hebreo: יוֹסֵף, transliterado Yosef‎) foi, segundo a relixión cristiá, o esposo de María, a nai de Xesús de Nazaret e, xa que logo, pai putativo de Xesús. Era de oficio carpinteiro, profesión que lle ensinou ao seu fillo, e de extracción humilde, aínda que as xenealoxías de Mateo 1,1-17 e Lucas 3,23-38, fano descendente do Rei David. Ignórase a data da súa morte (tradicionalmente, acéptase que morreu cando Xesucristo tiña máis de 12 anos), pero non está presente no relato evanxélico da predicación de Xesús, polo que se presume que morreu antes de que esta tivese lugar.

Xuízo Final

O Xuízo Final ou o Día do Xuízo Final é a denominación relixiosa da fin do mundo, na que toda a humanidade será xulgada polos seus actos.

Nas crenzas cristiás é un día no que deus xulgará todos os seres humanos e creará a nova terra segundo a Apocalipse, a cal será gobernada polo mesmo deus dende a Nova Xerusalén. Esta crenza inspirou numerosas representacións artísticas.

Libros da Biblia
Divisións maiores
Canon
Máis divisións
Versións e Manuscritos
Véxase tamén

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.