Europa atlántica

A Europa Atlántica é un termo xeográfico e antropolóxico empregado para definir á porción occidental de Europa bañada polo Océano Atlántico, designando a unha rexión con certas peculiaridades culturais e bioxeográficas comúns.

Na súa definición máis ampla comprende o todo a fachada nor-atlántica e cantábrica da Península Ibérica a de Francia, as Illas Británicas, os Países Baixos, a Escandinavia occidental, Dinamarca e o norte de Alemaña.

O clima e as condicións físicas son relativamente similares ao longo de toda a área (con excepción de certas partes de Escandinavia e do báltico, dando lugar a paisaxes similares con vexetación e fauna endémicas. Desde un punto de vista estritamente físico, a maior parte da costa da Europa Atlántica pode ser considerada unha mesma rexión bioxeográfica. Xeógrafos físicos denominan esta área bioxeográfica como o Dominio Europeo Atlántico, parte da rexión botánica Euro-Siberiana.

Floristic regions in Europe (english)
Rexións de Europa segundo as flores.

Antropoloxía da rexión

Orixes

Castell Henllys - geograph.org.uk - 67364
Vivendas circulares prerromanas en Gales, da mesma orixe que os castros galegos.

Os arqueólogos observaron nos poboadores prehistóricos da Europa Atlántica varias características comúns, como demostran os achados arqueolóxicos e as construcións que chegaron aos nosos días, o que indica a existencia dalgún tipo de comercio entre as diversas rexións que integran esta rexión. Ademais, un número de estudos xenéticos parecen indicar interrelación entre grupos de poboación do Arco Atlántico, en contraste coa Europa Central ou mediterránea.[1][2]

Algúns exemplos son o cultura megalítica europeo e a cultura do Bronce Atlántico, localizada inicialmente na costa de Bretaña, pero con claras ramificacións nas Illas Británicas e no noroeste da Península Ibérica, como o demostran produtos como as espadas e machadas características desta cultura, que eran mercadas e vendidas ao longo das rutas atlánticas

A Europa Atlántica é un termo utilizado tamén para designar ao territorio ocupado polos pobos célticos ou de orixe celta de Europa Occidental, tendo como base o rexistro arqueolóxico, xenético e cultural.[3]

Cultura euro-atlántica contemporánea

Varios autores defenderon a existencia dun continuum histórico e cultural na Europa atlántica, dando lugar a unha unidade socio-cultural que afunde as súas raíces na prehistoria, pero que aínda pervive na actualidade, grazas sobre todo ao comercio marítimo. Os xeógrafos falan tamén da inluencia do medio natural na construción dunha paisaxe cultural similar nas costas occidentais europeas.

Algúns dos primeiros xeógrafos en considerar esta idea foron Otero Pedrayo e Orlando Ribeiro. Pedrayo afirmou nos seus estudos acerca de Galicia, que este país estaba marcado por un carácter fortemente atlántico, a diferenza do que ocorre co Estado español un estado caracteristicamente mediterráneo. Por outra banda, nas súas investigacións acerca de Portugal, Ribeiro profundou nos conceptos de Europa atlántica e Europa mediterránea, conectando o sur de Portugal coa cultura mediterránea e o centro e o norte do país, xunto con Galicia, cunha cultura europea panatlántica.

Esta idea había ser desenvolvida a partir da década de 1950 por autores como porn, P. Flatrès, Emyr Estyn Evans, A. Bouhier, Meynier, J. García Fernández, Patrick O'Flanagan, Barry Cunliffe, Carlos Ferrás Sexto ou Xoán Paredes (entre outros).

Patrick O'Flanagan, baseándose nas teorías de Pedrayo e Ribeiro, afirma que a Europa atlántica é unha realidade cultural que se estende a todo a longo da franxa costeira de Europa, desde Noruega ao Centro-Norte de Portugal (en torno á área de Coímbra), incluíndo a Gran Bretaña e Irlanda.

Notas

  1. Brian Donnelly (2004), We are not Celts at all but Galicians; DNA research links the Scots, Irish and Welsh to north-western Spain, The Herald (Glasgow - UK), p. 15.
  2. Salas A, Comas D, Lareu MV, Bertranpetit J, Carracedo A., mtDNA analysis of the Galician population: a genetic edge of European variation., Eur J Hum Genet. 1998 Jul-Aug;6(4):365-75.
  3. "Modern Celtic realm - National Geographic.". Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2007. Consultado o 08 de marzo de 2010.
Abeleira

A abeleira ou abraira (Corylus avellana) é un arbusto caducifolio das betuláceas, de pólas abundantes e madeira dura e cuxo froito é a abelá.

Ecoloxicamente é moi importante na formación de sebes que choen as leiras na Europa atlántica, especialmente en Galiza, Asturias e sur de Inglaterra. As varas empregábanse tradicionalmente para a construción de valados, cestaría, feche de canastros e na construción, mesturando as pólas con barro para a fabricación de tabiques.

A abeleira común cultívase polos seus froitos comestíbeis. É unha especie común dos bosques galegos, especialmente dos de ribeira.

Acivro

O acivro ou xardón (Ilex aquifolium L.) é unha arboriña ou arbusto perenne da familia aquifoliáceas. Medra en bosques no oeste, centro e sur de Europa. En Galicia dáse sobre todo nas zonas montañosas e chuviosas do centro e interior. Podemos atopalo tamén con frecuencia como planta ornamental nos xardíns, onde se dan numerosas variedades, adoito con follas bordeadas de amarelo (formas variegadas).

O nome do xénero procede do latín ilex, nome co que os romanos designaban a aciñeira (Quercus ilex), pola semellanza das súas follas coas desta árbore. O nome específico procede do latín acus, agulla, e folium, folla, por te-las follas espiñentas. O lugar poboado de acivros coñécese como acevedo.

Amieiro

O amieiro (Alnus glutinosa), tamén coñecido por ameneiro ou abeneiro, é unha árbore do xénero Alnus, da familia das betuláceas. Atópase en toda Europa, Siberia e norte de África. É a árbore por excelencia das ribeiras galegas formando os chamados bosques galería.

Bríxida (deusa)

Bríxida (tamén grafada como Brighid, Brigid ou Brigit) é unha deusa celta moi popular en Irlanda, deusa da inspiración e do lume. Bríxida era representada por tres mulleres, Bríxida, a poetisa, Bríxida, a menciñeira, e Bríxida, a ferreira, sendo coñecida coma a deusa da Tripla Lapa, pois o lume alimenta as forxas, quenta os experimentos dos alquimistas, e incendia a mente dos poetas. Deu lugar a múltiples topónimos na Europa atlántica.

Bríxida é unha das deusas chamadas de pancélticas, pois foi loada por todos os diferentes pobos celtas. Bríxida era filla do deus supremo Dagda, e un dos Tuatha Dé Danann. Era a dona de Bres, rei dos Tuatha Dé Danann, con quen tivo un fillo, Ruadán.

Carballo común

Para consultar o xénero Quercus, ver o artigo carballo.

O Quercus robur L. (ás veces considerado Quercus pedunculata) coñécese normalmente como carballo común, carballo veriño, carballo bravo ou simplemente carballo.

O carballo é unha árbore anxiosperma da familia das fagáceas, caducifolia, que pode chegar aos 15-20 metros de altura. O carballo esténdese tanto por zonas de clima atlántico en calquera tipo de terreo, tanto en chairas como en ladeiras rochosas, dende o nivel do mar ata os 1.000 metros de altitude.

É unha árbore robusta, que pode vivir varios séculos e acadar os 40 metros de altura con pólas que comezan xa desde a parte inferior.

Cando a formación é monoespecífica, só de carballos, o bosque é denoninado carballeira. Se se mesturan outras especies de clima atlántico chamámolo fraga. Foi a especie máis abundante e dominante na Europa atlántica e segue a ser predominante no interior de Galicia.

A madeira do carballo é de excelente calidade, foi moi empregada na construción (embarcacións, trabes e estruturas das casas (cubertas, forxados), travesas do camiño de ferro etc.), na fabricación de mobles e toneis. Tamén foi e segue a ser o principal combustíbel das lareiras e cociñas galegas.

O carballo tamén tivo uso ornamental nos lugares públicos de Galicia : parques, feiras, arboredas. Algúns exemplares moi vellos (carballas) acadan dimensións importantes.

É a árbore por excelencia de Galicia. A toponimia galega está chea de referencias a esta árbore (fitotoponimia): Carballal, Carballedo, O Carballiño, A Carballa etc. Aparece tamén en moitos apelidos: Carballo, Carballedo, Carbajal etc.

Ademais a cultura e as lendas galegas artéllanse arredor desta árbore, chea de espiritualidade e pasado sagrado, sempre vencellado á forza (rexo ou forte coma un carballo).

Tamén é a árbore sagrada do País Vasco, de Alemaña e en xeral da cultura celta.[Cómpre referencia]O termo carballo en Galicia acolle outras especies ademais do Quercus robur L., como o carballo branco ou albar (Quercus petraea), o carballo cerquiño (Quercus pyrenaica), en menor medida a aciñeira (Quercus ilex) ou a sobreira (Quercus suber) e máis recentemente o carballo americano (Quercus rubra).

Castro (poboado)

Un castro (do latín: castrum) é un tipo de poboado fortificado que se espallou principalmente por Europa entre a Idade de Bronce e a de Ferro, que subsistiu ata a Idade Media. Concretamente na Península Ibérica destaca este tipo de asentamento no noroeste, onde pola súa concentración é un elemento definitorio da cultura prerromana coñecéndose co nome de Cultura castrexa, aínda que os castros seguiron a ser habitados ata ben entrada a Idade Media. Existen, porén, castros (hillforts) en toda a Europa atlántica, dende Finlandia ao Norte de Portugal pasando polas Illas Británicas.

Citania e cividade son sinónimos de castro, aínda que en Portugal designan especialmente castros de maiores dimensións e cun grao de desenvolvemento urbanístico maior, en gran parte polo influxo da romanización.

Non se sabe con exactitude o número de castros que houbo en Galiza pero pode estimarse nun mínimo de 3.000, aínda que non todos estaban ocupados á vez e quizais houbo arredor de 1.500 na época de maior vitalidade, pero tan só hai uns 50 castros escavados arqueoloxicamente.

Cruz celta

A cruz celta é unha cruz cun anel que a rodea por detrás da intersección. É característica do cristianismo irlandés celta. Aparece tamén representada noutras zonas de Europa como Francia (en Normandía e na Bretaña principalmente) ou Galicia.

Ericáceas

As ericáceas (Ericaceae) son unha familia de plantas anxiospermas (plantas con flor - división Magnoliophyta), pertencente á orde Ericales.

O grupo constitúeno 3.995 especies, clasificadas en 126 xéneros, e inclúe, por exemplo, as uces ou carrouchas, as queiroas, os rododendros, as azaleas, as arandeiras e os érbedos. As ericáceas pódense atopar en solos de propiedades acedas, en todos os continentes.

Son un importante grupo na vexetación e na paisaxe arbustiva de Galiza e da Europa atlántica en xeral.

Estripeiro

O estripeiro (Crataegus monogyna), é unha especie de arbusto ou arboriña fanerógama pertencente á familia das rosáceas. É unha arboriña espiñenta común nas fragas de Galiza, abundando en toda a Europa atlántica. Recibe tamén os nomes vulgares de estripo, escambrón, espiño albar ou espiño branco.

Fraga (botánica)

Unha fraga é unha extensión de monte, polo xeral illado e de difícil acceso, poboado de distintas especies caducifolias, de herbas, mofos, fentos e liques e na que convive así mesmo unha gran diversidade de fauna. Sería polo tanto, un bosque ou unha foresta virxe ou primaria. Adoita referirse ao bosque atlántico, do que hoxe só quedan pequenas manchas por mor da acción do home.

Ás veces o termo fraga refírese simplemente a un bosque mixto ou simplemente unha arboreda brava.

Gaita

Este artigo trata sobre o instrumento en xeral, para a versión galega véxase o artigo: Gaita galega.

A gaita é un instrumento musical de vento que na súa forma máis simple consiste nunha bolsa de coiro (fol), no que se almacena o ar que fai que soe o instrumento, ao que se ligan varios tubos, un polo que se sopra (soprete) e un ou varios tubos sonoros, como o tubo melódico (punteiro) e as varas, que varían entre cero e tres (na gaita galega denomínase roncón).

Idade de Bronce

A Idade de Bronce é un período na civilización en que se desenvolveu o emprego deste metal na metalurxia, resultado da mestura de cobre e estaño. O bronce foi inventado en oriente medio cara ao IV milenio a. C. substituíndo ao cobre, que dera lugar ao período Calcolítico, aínda que noutros lugares esta última idade foi descoñecida e o bronce substituíu directamente ao período Neolítico. Na África negra o Neolítico foi seguido da Idade de Ferro.

A data de adopción do bronce varía segundo as culturas:

Na Asia central o bronce chega ao redor do 2000 a.C. en Afganistán, Turkmenistán e Irán.

Na China adóptao a dinastía Shang (1766 a.C.- 1122 a.C.).

Nó celta

O Nó celta é un estilo de decoración a base de nós estilizados, empregados amplamente na arte insular dos pobos celtas. Estes nós son máis coñecidos pola súa adaptación para o seu uso na ornamentación de monumentos cristiáns e manuscritos, como os do século VIII nos Evanxeos de Lichfield, o Libro de Kells e os Evanxeos de Lindisfarne.

Ostra

O nome de ostra é usado para grupos diferente de moluscos que medran maiormente en augas mariñas. As ostras verdadeiras pertencen á orde Ostreoida, familia Ostreidae.

Algunhas subespecies son capaces de producir perlas no transcurso do tempo, que se forman a partir de partículas que se sedimentan na ostra. Existen diferentes tipos de perla dependendo do sedimento acumulado.

A ostra é un prato común na cociña litoral galega e doutros sitios da Europa Atlántica, onde se serven crúas cun pouco limón. Salientan Vigo e Arcade (do concello de Soutomaior) como vilas tradicionalmente ostreiras .

Pazo

Un pazo (paço en portugués) é un tipo de casa señorial tradicional galega, grande para o seu tempo, posuidora de signos heráldicos (escudo ou brasón) e de proporcións e riscos suntuarios que a diferenza das demais do hábitat rural da zona. Eran a residencia de persoas importantes na súa comunidade (baixa nobreza galegae s fidalgos, e antes, de reis ou nobres). Estes posuían os foros (cesión das terras aos campesiños nos séculos XVII e XVIII a cambio de recibir rendas) e polo tanto tiñan un gran poder económico. Foron de importancia crucial nos séculos XVII a XIX, relacionados coa arquitectura rural e monástica e o sistema de organización feudal, xa que constituían unha especie de unidades de xestión local ao redor dos cales transcorría a vida dos aldeáns. Co tempo foi converténdose na marca social e refuxio da decrecente clase fidalga, que retrataron nas súas novelas escritores coma Otero Pedrayo, Emilia Pardo Bazán e Valle-Inclán.

Ao pazo coma estrutura arquitectónica asociábaselle unha rede social: a dos serventes do fidalgo e dos tributarios de foros, que mesmo chegaban a vivir no mesmo recinto (sobre todo os primeiros). Como palabra, pazo (en portugués: paço) é un cognado de palacio, pois procede do latín palatiu(m). Os pazos de Galiza son un excelente exemplo de arquitectura civil tradicional, aínda que moitos tamén teñen unha capela propia para celebracións relixiosas.

Sitúanse sempre no rural, en zonas de microclima benigno e solos fértiles. Erguíanse nas abas dunha ladeira ou nun outeiro, sempre en locais estratéxicos dende onde o señor puidese ollar as súas posesións.

A orixe dos pazos son castelos da Idade Media, polo que soen ir asociados a unha antiga torre, que os seus donos ampliaron para facer unha estancia máis confortábel na época moderna. Non se coñecen os nomes dos arquitectos, polo que debían ser simples canteiros ou arquitectos que copiaban outros modelos de arquitectura culta, como igrexas; é por iso que a súa arquitectura está a medio camiño entre a culta (influencias renacentistas, barrocas e neoclásicas) e a vernácula.

Os pazos salientan hoxe en día, ademais dende o punto de vista arquitectónico, pola súa xardinaxe, con bos exemplos de formacións de buxos e plantas e árbores senlleiras exóticas coma palmeiras, camelias etc.

Pedra de abalar

As pedras de abalar ou pedras abaladoiras son enormes pedras habitualmente situadas preto da costa que están apoiadas gravitacionalmente só en dous puntos de xeito que o centro de gravidade se pode modificar cun esforzo moi pequeno. O significado antropolóxico e etnográfico destas pedras é grande, pois ás veces serven coma lugar de rito de iniciación ou curación. Son coñecidas no noroeste da Península Ibérica (principalmente en Galicia), Francia (principalmente na Bretaña e no Macizo Central: pierres branlantes) e na Gran Bretaña (rocking ou logan stones), principalmente en Escocia, Gales e Cornualla.

Son as máis das veces de orixe natural, formadas pola erosión ou por efecto dos glaciares. É por isto que son moi frecuentes preto do mar, pois responden a unha erosión salina que vai creando alvéolos nas súas rexións máis periféricas, e que lle van dando formas redondeadas á rocha e eventualmente trasladan as forzas de apoio a puntos que non eran os iniciais. Noutros casos son megálitos realizados polo ser humano.

Plinio o Vello (23–79) xa escribira no século I sobre un penedo preto de Harpasa (en Caria, Asia Menor) que se podía abalar cun dedo, pero non se podía desprazar coa forza de todo o corpo. Tolomeo (circa 90–168) falaba da rocha xigonia, que, dicía, se podía abalar co talo dunha abrótea, mais non mover por toda a forza que fixeses.

Pedro Chosco

Pedro Chosco ou Pedro Chusco é un personaxe mítico galego. Ten figura de home de barba branca, de maneiras doces e de voz grave. Pedro Chosco é o encargado de facer durmir os nenos con suaves aloumiños, aínda que prefire anainar mozas e sobre todo criadas de servir. Ronda as rapazas polo día entreténdoas e impedíndolles traballar.

Vaite de aí, Pedro Chosco

non me tentes a criada,

nin ma vistes, nin ma calzas,

nin lle pagas a soldada.Os nenos ven a Pedro Chosco cando teñen un ollo pechado e o outro non o poden abrir. En Dinamarca existe Ole Kolpoje, ou sexa Ole Pechaollos, análogo ó galego. En Inglaterra é Billy Winker, en Escocia Wee Willie Winkie.

Tríscele

Un tríscele (do grego τρισκέλιον [triskélion]; τρισκελής [triskelís], "con tres pernas") é un símbolo celta formado por tres espirais entrelazadas, por tres pernas humanas flexionadas ou por calquera deseño similar que conteña a idea de simetría rotacional.

Uceira

Unha uceira ou uzal é un monte ou terreo poboado principalmente de uces (especies dos xéneros Erica e/ou Calluna). Outros nomes destas formacións son breixeira, moural e urceira.Atopamos uceiras en diferentes partes do mundo, sendo moi abundantes na Europa atlántica, como nas Illas Británicas e Galicia.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.