Eucalipto

Eucalipto é a denominación dada ás especies vexetais do xénero Eucalyptus (do grego eu (εὖ), ben, e kalyptos (καλυπτός), cuberto; en alusión ás súas flores: ben cubertas, ben protexidas polo opérculo). O xénero inclúe máis de 600 especies [2] autóctonas de Australia que forman parte da flora característica do continente australiano, existindo apenas un pequeno número de especies propias dos territorios veciños da Nova Guinea e Indonesia. De feito, ningún continente está tan marcadamente caracterizado por un só xénero de árbore como acontece na Oceanía cos eucaliptos.

A especie do xénero eucalipto máis espallada ao longo do país é o eucalipto azul (Eucalyptus globulus Labill.)[3]. A FAO, nunha reclasificación da sistemática desta especie, utiliza a forma E. globulus Labill. subsp. globulus. J. S. Labillardiere foi quen identificou esta especie, en 1792, a partir de mostras recollidas en Tasmania.

Eucalipto (xénero Eucalyptus)
Exemplar de eucalipto

Exemplar de eucalipto
Clasificación científica
Reino: Plantae
(sen clasif.) Anxiospermas
(sen clasif.): Eudicotiledóneas
(sen clasif.): Rosidae
Orde: Myrtales
Familia: Myrtaceae
Subfamilia: Myrtoideae
Tribo: Eucalypteae
Xénero: Eucalyptus
L'Hér.
Especie tipo
'Eucalyptus obliqua'
L'Hér. 1789
Distribución natural

Distribución natural
Sinonimia

Aromadendron Andrews ex Steud.
Eucalypton St.-Lag.
Eudesmia R.Br.
Symphyomyrtus Schauer[1]

Historia

Os eucaliptos foron descritos xa polos exploradores españois, portugueses e holandeses a finais do século XVI, tralas súas expedicións polas costas australianas. No século XVIII, estas expedicións foron acompañadas por botánicos e naturalistas que, seguindo o modelo de Linneo, recolleron exemplares da flora e fauna das terras exploradas. Entre elas, a terceira expedición de Cook forneceu o material sobre o que o botánico francés L'Héritier describiu a especie Eucalyptus obliqua en 1788, inaugurando o xénero. En 1800 coñecíanse xa 19 especies; en 1820 xa se describiran 28 máis; en 1840 o número de especies descritas ascendía a 71 e en 1860 a 149. Estudos posteriores dos botánicos George Bentham, Ferdinand von Mueller e, sobre todo, J. H. Maiden e o seu axudante W. F. Blakely, elevaron as cifras a 500 especies e 138 variedades.

A taxonomía da especie, moi discutida e modificada ao longo dos anos, complícase non só pola similitude de boa parte das especies senón tamén pola facilidade coa que se produce a hibridación, especialmente trala reforestación en Europa e América de especies que crecían moi afastadas na súa terra de orixe.

En 1971, os botánicos de Sydney L. D. Pryor e L. A. S. Johnson publicaron unha revisión sistemática (A classification of the eucalypts) na que se establecen sete subxéneros divididos en seccións, series e subseries, especies e subespecies. Os subxéneros son os seguintes:

  • Blakella
  • Corymbia
  • Eudesmia
  • Gaubaea
  • Idiogenes
  • Monocalyptus
  • Symphyomyrtus

Distribución

  • Eucalipto azul: Tasmania, o Promontorio de Wilson e a costa adxacente de Victoria (Australia), así como as illas do estreito entre Tasmania e Australia.

Desde moi pronto, tralo seu descubrimento se exportou a outros continentes onde gañaron unha importancia económica relevante debida ao feito da súa rendibilidade para producir pasta de celulosa, usada na fabricación de papel. A FAO xa cuantificaba a superficie reforestada en España en 1973 en 390.277 ha, principalmente en Andalucía (269.029 ha).

O eucalipto en Galicia

Eucalipto Galicia
Plantación de eucaliptos en Viveiro. Obsérvese a diferenza entre as follas novas (nas árbores novas da parte inferior da fotografía) e as adultas.

Dis que foi Frei Rosendo Salvado (1814-1900), que evanxelizou Australia, quen trouxo a árbore a Galicia a mediados de século XIX [4], malia que outras fontes aseguran que as nosas árbores foron importadas dende Portugal. Non hai coincidencia na data exacta da súa introdución: Silva Pando afirma que comezou a plantarse en Galicia en 1845-1855; o edafólogo Díaz-Fierros dá como primeira cita en Galicia a de 1863 [5], e tamén supón que procede de plantacións portuguesas, onde se coñecía desde 1839 [6]; Pablo Ramil Rego asegura que Rosendo Salvado enviou as sementes en 1886 [7].

Nun principio cultivouse como árbore ornamental, como os exemplares na Alameda de Santiago, nos xardíns do Gran Hotel da Toxa (O Grove) ou no Pazo de Rubiáns (Vilagarcía); pero axiña se espallou por toda Galicia (e o norte peninsular) para o seu aproveitamento madeireiro, dado o seu rápido crecemento e facilidade de cultivo na climatoloxía galega: se a mediados dos sesenta do século pasado o eucalipto ocupaba en Galicia uns poucos centos de hectáreas [8], contra 1992 eran unhas 40.000 hectáreas [9] e en 2009 tiñamos xa 375.000 [10]. Hoxe está amplamente distribuído por toda Galicia, especialmente na franxa costeira, dado que non medra tan doadamente a alturas superiores aos 500-700 metros de altitude por ser sensible ás xeadas. En calquera caso e aínda que non resiste temperaturas por baixo dos -5 °C, recupérase rapidamente grazas a eses brotes epicórmicos que se mencionaron antes[onde?].

Os distintos autores[quen?] coinciden en que o verdadeiro problema da especie foi a repoboación masiva con eucaliptos que tivo lugar no tardofranquismo, no momento no que cedeu o monocultivo do piñeiro para empezar a subvencionar o eucalipto. Estas subvencións, xunto ao alto prezo que pagaban as papeleiras nun principio, a alta produtividade (que podía chegar a 40 m3 por hectárea e ano) e o abandono do medio rural daqueles tempos de puxante industrialización, fixeron que moitas terras que antes se dedicaban a outros cultivos pasasen a ser sementadas de eucaliptos, mesmo terras agrícolas de alto valor [11].

Dende hai uns 25 anos estase utilizando nas repoboacións forestais da Galicia interior unha especie resistente ás xeadas e á altitude, o Eucaliptus nitens, que presenta o inconveniente de que a súa madeira non é tan axeitada para a fabricación de pasta de celulosa coma a do eucalipto branco.

O E. globulus representa máis do 95% da especie en Galicia. Outras especies presentes, como ornamentais ou como especie forestal, son o E. obliqua (de casca fibrosa e madeira de moi boa calidade) [12], o E. viminalis (tamén de cortiza rugosa, pero só na base), o E. macarthuri, o E. calophylla (de flor vermella), o E. camaldulensis, o E. delegatensis (unha das especies que alcanza maior altura) ou o E. robusta.

Lista de especies

  • Eucalyptus abdita Brooker & Hopper
  • Eucalyptus absita Grayling & Brooker
  • Eucalyptus acaciiformis H.Deane e Maiden
  • Eucalyptus accedens Fitzg.
  • Eucalyptus acies Brooker
  • Eucalyptus alba Reinw. ex Blume
  • Eucalyptus albens Benth.
  • Eucalyptus amygdalina Labill.
  • Eucalyptus angustissima F.Muell. (eucalipto de follas estreitas)
  • Eucalyptus argutifolia Grayling & Brooker (eucalipto de follas brillantes)
  • Eucalyptus baueriana Schauer (buxo de follas redondas)
  • Eucalyptus baxteri (Benth.) Maiden & Blakely
  • Eucalyptus botryoides Sm.
  • Eucalyptus bridgesiana R.T.Baker
  • Eucalyptus caesia Benth.
  • Eucalyptus caliginosa
  • Eucalyptus calophylla R.Br.
  • Eucalyptus camaldulensis Dehnh. (eucalipto vermello)
  • Eucalyptus canalouensis Dehnh.
  • Eucalyptus capitellata Sm.
  • Eucalyptus chapmaniana F.Muell. (eucalipto bogong)
  • Eucalyptus cinerea F.Muell. ex Benth.
  • Eucalyptus cladocalyx F.Muell.
  • Eucalyptus cneorifolia DC.
  • Eucalyptus cornuta Labill.
  • Eucalyptus conferruminata D.J.Carr & S.G.M.Carr
  • Eucalyptus crebra F.Muell.
  • Eucalyptus crenulata Blakely & Beuzev. (eucalipto buxton)
  • Eucalyptus curtisii Blakely & C.T.White
  • Eucalyptus cypellocarpa R.T.Baker
  • Eucalyptus dalrympleana Maiden (eucalipto branco de montaña)
  • Eucalyptus deanei Maiden
  • Eucalyptus deglupta Blume (eucalipto arcodavella)
  • Eucalyptus delegatensis R.T.Baker
  • Eucalyptus diversicolor F.Muell.- (karri)
  • Eucalyptus dives Schauer
  • Eucalyptus dumosa A.Cunn.
  • Eucalyptus elata - (eucalipto branco de río)
  • Eucalyptus eremophila Maiden
  • Eucalyptus fastigata H.Deane & Maiden (barril pardo)
  • Eucalyptus fibrosa F.Muell.
  • Eucalyptus ficifolia F.Muell.
  • Eucalyptus forrestiana Diels - eucalipto fuxia
  • Eucalyptus fruticetorum F.Muell.
  • Eucalyptus globoidea Blakely
  • Eucalyptus globulus Labill. - eucalipto azul
  • Eucalyptus gomphocephala DC.
  • Eucalyptus goniocalyx F.Muell. ex Miq.
  • Eucalyptus grandis W.Hill ex Maiden
  • Eucalyptus gregsoniana L.A.S.Johnson & Blaxell
  • Eucalyptus gummifera (Sol. ex Gaertn.) Hochr.
  • Eucalyptus gunnii Hook.f. (eucalipto sidra)
  • Eucalyptus halophila D.J.Carr & S.G.M.Carr
  • Eucalyptus jacksonii Maiden
  • Eucalyptus kochii Maiden & Blakely
  • Eucalyptus laeliae Podger & Chippend. (eucalipto pantasma dos Montes Darling)
  • Eucalyptus lansdowneana
  • Eucalyptus largiflorens F.Muell.
  • Eucalyptus leucoxylon F.Muell.
  • Eucalyptus macrocarpa Hook.
  • Eucalyptus maculata Hook.
  • Eucalyptus maidenii F.Muell
  • Eucalyptus mannifera (Mudie) A.Cunn. ex Benth.
  • Eucalyptus marginata Donn ex Sm.
  • Eucalyptus megacarpa F.Muell. - (bullich)
  • Eucalyptus melanophloia F.Muell.
  • Eucalyptus melliodora
  • Eucalyptus michaeliana Blakely (eucalipto manchado de Hillgrove)
  • Eucalyptus microcarpa Maiden
  • Eucalyptus microcorys F.Muell.
  • Eucalyptus microtheca
  • Eucalyptus ×mortoniana Kinney (pro sp.)
  • Eucalyptus mundijongensis Maiden
  • Eucalyptus muelleriana A.W.Howitt
  • Eucalyptus nicholii
  • Eucalyptus nitens H.Deane & Maiden
  • Eucalyptus nova-anglica L'Hér.
  • Eucalyptus obliqua L'Hér. (carballo australiano)
  • Eucalyptus oleosa Miq.
  • Eucalyptus olida L.A.S.Johnson & K.D.Hill (eucalipto amorodo)
  • Eucalyptus ovata Labill. (eucalipto das brañas)
  • Eucalyptus paniculata Sm.
  • Eucalyptus patens Benth.
  • Eucalyptus pauciflora Sieber ex Spreng.
  • Eucalyptus perriniana F.Muell. ex Rodway
  • Eucalyptus pilularis Sm.
  • Eucalyptus piperita (Sm.) Hort. ex DC
  • Eucalyptus platypus Hook.
  • Eucalyptus polyanthemos Schauer
  • Eucalyptus polybractea R.T.Baker
  • Eucalyptus populnea F.Muell.
  • Eucalyptus pulverulenta Sims
  • Eucalyptus punctata DC. (eucalipto cincento)
  • Eucalyptus radiata Sieber
  • Eucalyptus raveretiana F.Muell.
  • Eucalyptus regnans F.Muell.
  • Eucalyptus resinifera Sm.
  • Eucalyptus rigens Brooker & Hopper
  • Eucalyptus robusta Sm.
  • Eucalyptus rubida H.Deane & Maiden
  • Eucalyptus rudis Sm.
  • Eucalyptus salubris F.Muell.
  • Eucalyptus saligna Sm.
  • Eucalyptus sargentii Maiden
  • Eucalyptus scoparia Maiden
  • Eucalyptus sideroxylon A.Cunn.
  • Eucalyptus smithii R.T.Baker
  • Eucalyptus staigeriana F. Muell.ex Bailey
  • Eucalyptus tereticornis Sm.
  • Eucalyptus tetragona (R.Br.) F.Muell.
  • Eucalyptus todtiana F.Muell. - (blackbutt)
  • Eucalyptus torquata Luehm.
  • Eucalyptus toudarqua
  • Eucalyptus tricarpa (L.A.S.Johnson) L.A.S.Johnson & K.D.Hill
  • Eucalyptus viminalis Labill. - eucalipto do maná
  • Eucalyptus wandoo Blakely - (wandoo)

Consecuencias ecolóxicas

O eucalipto pode ser considerado como a especie arbórea máis controvertida en Galicia [13], con defensores e detractores que non sempre tiveron en conta os datos científicos (Silva Pando). Xa se dixo que os efectos negativos foron máis unha consecuencia das plantacións masivas que se realizaron a partir do último terzo do século pasado, como acontece con calquera monocultivo pero agravados, neste caso, polas características peculiares desta especie.

Entre as críticas que se lle fan destaca, en primeiro lugar, o feito de presentar unha extrema avidez pola auga[15], que pode chegar a causar o desecamento de pozos e leitos de ríos próximos. Nestas elevadas necesidades de auga inflúe a densa rede de raíces, capaz de aproveitar a mínima greta do subsolo.

Monte queimado Brión Galicia
Monte queimado en Brión

Esta afirmación, matizada nos últimos anos, acompaña ao eucalipto desde os primeiros momentos da súa introdución. Desta maneira, Eladio Rodríguez escribía (1949) que "Considérasele útil por varios conceptos, pois polo seu rápido desenvolvemento deseca o terreo, contribúe a sanear as localidades pantanosas e crese que as emanacións das súas follas destrúen os xermes das febres palúdicas" [16]. Tamén se consideraba, pola mesma razón, bo para curar o paludismo: Cuveiro escribía en 1876 que "Úsase con bo resultado nas febres intermitentes [17]. Faise unha infusión teiforme con catro das súas follas pecioladas ou dúas das sentadas, que se dá dúas veces ó día aínda durante o acceso, pois axiña diminúe a forza. O seu extracto está recomendado nas neuralxias" [18].

Opinións semellantes defendían tamén outros autores igualmente distantes das posicións ecoloxistas. Font Quer escribía en 1961 que "A introdución do eucalipto fíxose para sanear terreos baixos e pantanosos, morada das larvas dos mosquitos, e pensando que non só acabarían coas charcas e zonas húmidas senón coas 'miasmas' do paludismo", para concluír que "Saneou extensos territorios palúdicos do mundo enteiro" (Font Quer, pp. 398–399 [19]).

Corredor do Morrazo. A pé de estrada, Galiza
Incendio nun bosque de eucaliptos á beira do Corredor do Morrazo (agosto 2006)

Mesmo na 22ª edición do Diccionario da Real Academia Española (outubro de 2012) mantense a mesma tese: "A árbore é de gran utilidade para sanear terreos pantanosos".[20]

Na controversia que acompaña a esta árbore non faltan estudos que quitan importancia a este dato. Díaz-Fierros estimaba que o consumo de auga dun eucalipal, dun piñeiral e dunha carballeira eran practicamente semellantes: 1.195 litros por m2 e ano no primeiro caso, fronte a 1.149 e 978 nas dúas últimas especies, pero só cando a plantación estaba realizada sobre solos de pouca profundidade (menos de 50 cm), xa que cando se situaba en terras agrícolas, profundas, destinadas tradicionalmente a pradeiras e cultivos, a redución do caudal hídrico era do 60% [21].

Tamén se lle achaca a capacidade de reducir a biodiversidade da flora e fauna asociadas ao sotobosque, e facilitar a propagación de incendios forestais por ser unha especie pirófila, que non só non morre co lume, senón que os incendios forestais facilítanlle a colonización do espazo.

Koala with young
Coala, coa súa cría, comendo follas de eucalipto

Un bosque de eucaliptos pode crear problemas de incendios incontrolables debido á grande altura que acadan estas árbores en pouco tempo de crecemento e á fácil combustión da súa madeira. En bosques mestos de eucaliptos, as lapas dun incendio poden acadar máis de 300 metros de alto, como se pode comprobar en Australia na época da seca. Co incendio poden perder toda a masa foliar, que reaparece sen problemas coas primeiras chuvias [22].

Os eucaliptos son unhas árbores que provocan alosteria, un fenómeno consistente na emanación de certas substancias químicas que fan que non medren árbores ou herbas doutra clase ao seu redor. En Australia, a flora autóctona está adaptada a estas árbores e aos seus fenómenos alostéricos, de xeito que nese país os eucaliptais si teñen sotobosque, estrato fundamental para o ecosistema dun bosque. Ademais a fauna autóctona (coalas) aliméntase destas árbores, de xeito que se alcanza un ecosistema equilibrado.

Estudos realizados en Galicia sobre eucaliptais vellos e implantados matizan esta observación no sentido de que, ao madurar a masa de árbores, descende a densidade da masa foliar e permítese o acceso da luz solar ao chan. Así, Silva Pando ofrece os seguintes datos: 21 especies vexetais diferentes no caso dos eucaliptais fronte ás 22 especies nas matogueiras ou nos piñeirais, cifra que se eleva a 29 especies nunha fraga consolidada. Ramil Rego daba diferenzas moito máis significativas referidas a un bosque da Mariña lucense: menos de 20 plantas vasculares nun eucaliptal maduro fronte a 60-70 especies nun bosque autóctono.

Conclusións semellantes obtén Silva Pando respecto á concentración de microorganismos no chan destes mesmos tipos de ecosistemas: 15±7 x 106/g de solo nun eucaliptal, 17±7 nun piñeiral fronte a 25±9 nunha fraga. A flora microbiana e fúnguica do chan resulta imprescindible para a formación de humus e a fertilidade do substrato.

Tamén se comprobou unha diferenza significativa na avifauna: mentres que nunha fraga media poden observarse 12,92 especies diferentes de aves, nun eucaliptal só hai 7,84 especies diferentes, segundo estudos realizados pola Sociedade Galega de Ornitoloxía en 2003 [23]. Tamén a diferenza no número de aves é similar: 52,1 aves por km2 nunha fraga fronte as 28,5 exemplares nun eucaliptal.

Predadores

Gonipterus scutellatus, Galicia
Gonipterus scutellatus. Orixinario de Australia, é unha praga do eucalipto en España dende a década de 1990.

Dende 1990, o eucalipto galego é vítima do ataque dun insecto defoliador, o gorgullo do eucalipto (Gonipterus scutellatus), que se estendeu rapidamente por tódalas plantacións ao non contar con inimigos naturais que controlasen a súa expansión. Dende 1999 combátese con éxito esta praga mediante a liberación controlada dunha pequena avespa, tamén natural de Australia, Anaphes nitens, que actúa como parasitoide específico do gorgullo.

En Andalucía existen outros insectos que actúan como pragas do eucalipto. O Phorocanta semipunctata e P. recurva, chamado taladro ou perforador do eucalipto,[24] foi importado en Europa coas primeiras árbores xa no século XIX, se ben aínda non se detectou en Galicia a causa das condicións climatolóxicas galegas, que non permiten o seu desenvolvemento [25]. Neste caso, o dano prodúceo o desenvolvemento da larva que escava longas galerías baixo a cortiza da árbore e provoca que seque. A praga afecta normalmente a árbores con algún tipo de lesión ou que sofren longos períodos de seca, pero tamén se atopou en exemplares sans e en troncos acabados de cortar.

Outra praga presente en España e Portugal, e ausente tamén en Galicia, é o Ctenarytaina eucalypti (Rhinocola eucalypti), cuxas ninfas se alimentan da saiba das follas. En Portugal tamén está presente o Melolontha sp., cuxas larvas aliméntanse das raíces da árbore.

Tamén hai fungos que afectan os eucaliptos. O Mycosphaerella provoca a putrefacción das follas. Máis común, pero menos daniño é o Botrytis cinerea, que provoca o chamado mal azul; afecta a exemplares novos (antes da aparición das follas adultas) nos que causa a aparición de manchas verde-azulentas no talo e morte das follas.

Aproveitamento

As Sinas Vilanova bateas 13
Longos toros de eucalipto preparados para a construción de bateas de mexillón.

O principal uso comercial do eucalipto consiste no aproveitamento madeireiro, tanto na obtención de madeira como, fundamentalmente, na obtención de pasta de papel, pero tamén para fabricar serraduras, taboleiros de partículas, laminados tipo formica, fibras téxtiles, aceites etc. A madeira non é boa para ebanistería pero, ao ser moi resistente á humidade, vai ben para postes ou para vigas de batea. Outros uso, como o decorativo ou o medicinal, son secundarios e testimoniais.

No ano 2005 [26], o volume de madeira cortada de eucalipto representaba en Galicia o 47,12 % do total das especies forestais, cun total de 2.697.627 m³ (na Coruña ascendía ao 66,29 %). Estudando a serie histórica obsérvase un mantemento nas cifras desde 1997, cando se cortaron 2.730.002 m³. Nese mesmo ano 2005, o prezo medio da madeira de eucalipto foi de 20,41 €/m³, fronte aos 27,08 € no caso do piñeiro.

Usos medicinais

O uso terapéutico das follas do eucalipto é anterior á chegada dos europeos ao continente australiano: os aborixes nativos bebían o cocemento de follas para combate-la febre [27]. Este aproveitamento medicinal acompañou logo á especie segundo se ía expandindo polo mundo e queda reflectido en nomes populares como árbore da saúde ou árbore da febre. Hoxe en día forma parte da farmacopea popular e mais da oficial, tanto en forma de follas desecadas como de aceite esencial [28].

As follas adultas teñen propiedades balsámicas e antisépticas, polo seu contido en aceites esenciais: eucaliptol (o 1-3%).

En medicina utilízanse as follas, directamente ou trala súa destilación para obter a esencia. O uso máis habitual é por inhalación dos vapores que desprende á cocción, para catarreiras, bronquite, sinusite ou farinxite.

Mediante uso externo (a auga de cocer as follas ou a esencia) utilízase como antiséptico e cicatrizante de feridas. O eucaliptol é un dos ingredientes característicos da pomada Viks VapoRub, xunto ao alcanfor e o mentol, utilizada contra arrefriados e conxestión nos meniños [29].

Tamén contén substancias tóxicas: a eucaliptina (unha flavona, de acción estroxénica), e desaconséllase o seu uso en embarazadas, durante a lactación e nos meniños. Pode acelerar o metabolismo hepático dalgúns medicamentos, polo que é incompatible co consumo de sedantes, analxésicos ou anestésicos.

Outros usos

O mel de eucalipto, producido a partir do seu néctar, é moi estimado [30].

Do eucalipto pode extraerse tamén o xilitol, un alcohol de azucres amplamente utilizado como edulcorante na industria alimentaria, especialmente para facer goma de mascar [31].

Os eucaliptos na cultura popular galega

Eucalipto, Vilasobroso
Eucalipto centenario en Vilasobroso.

Disque a sombra do castiñeiro (por húmida e fría) e da nogueira son malas; a do carballo, do eucalipto e doutras árbores é boa, pero a mellor é a do piñeiro (Rodríguez López).

Os vapores de eucalipto son desinfectantes e serven para curar os arrefriados; para curar a diabetes úsase o viño quente con estrugas e follas de eucalipto. Tamén se utiliza na medicina veterinaria popular: as espullas do gando cúranse con auga de eucalipto.

Sinonimia (dialectalismos)

  • acalito (Verín)
  • acolito (Oirós, Verín)
  • alcalito (Ramirás, Verín)
  • alcolito (Caabeiro, Curtis, Razo, Laxe, Santa Comba, Santaia, Santiago, Codeseda, O Grove, Guitiriz, Friol, Pereiramá, O Incio, Monterroso, Pantón, Montederramo, Verín)
  • alcolitro (Feás, Novefontes, Sobrado)
  • ancolito (Santiago)
  • aquelito (Verín)
  • arcalitro (Dumbría)
  • arcolito (O Grove, Santiago)
  • arcolitro (Melide)
  • aucolito (Curtis, Santiago)
  • calitro (Verín)
  • cálitro (Verín)
  • colito (Santiago)
  • eucalito (Cabalar, Feás, Santiago, Sobrado, Burón)
  • eucalitro (Dumbría, Lourenzá)
  • eucaliuto (Bierzo occidental)
  • eucolito (Curtis, Santiago)
  • ocalito (Verín)
  • ocálitro (Valadouro)
  • oucalito (Friol, Verín)
  • oucolito (Oirós, Santiago)
  • alcolito (Campolongo,Pontedeume)

Refraneiro

  • Planta eucaliptos para ti, piñeiros para os fillos e carballos para os netos.

Adiviñas

  • ¿O que é, que é,/ máis alto que un eucalipto,/ e cabe nun niño de carrizo? [32]

Curiosidades

A illa de San Martiño, en San Miguel de Negradas (O Vicedo) é a illa coa concentración máis alta de Europa de árbores, en concreto de eucaliptos.

O Avó de Chavín, duns 7,6 metros de circunferencia na base e máis 61,8 metros de altura, é a árbore máis alta da Península e unha das máis altas de Europa [33]. Encóntrase nun eucaliptal de máis de cen anos: o Souto da Retorta, en Chavín, Viveiro, declarado no ano 2000 Monumento natural.[34]

Notas

  1. "Eucalyptus L'Hér.". Germplasm Resources Information Network. United States Department of Agriculture. 2009-01-27. Arquivado dende o orixinal o 29 de maio de 2010. Consultado o 2010-02-28.
  2. Especies de eucaliptos en Botanical-online (en castelán).
  3. Sinonimia: E. cordata, E. glauca, E. diversifolia.
  4. Silva Pando non ve verosímil esta teoría porque o lugar de residencia do misioneiro estaba a máis de 3.000 km da zona australiana onde medra o E. globulus, e supón que, de mandar algo, sería outra especie.
  5. En Asturias, en 1865; en Cantabria, 1866; no País Vasco, 1867.
  6. Francisco Díaz-Fierros Viqueira, La Voz de Galicia (1.09.1989).
  7. La Voz de Galicia, 3.02.2009.
  8. Pablo Damil Rego, director do Instituto de Biodiversidade Agraria (La Voz de Galicia, 3.02.2009).
  9. Silva Pando. Refírese a eucaliptais puros, aos que habería que sumar outras 100.000 ha de superficie arborada mixta, con piñeiros e frondosas autóctonas.
  10. Tomás Fernández Couto, Director Xeral de Montes da Xunta de Galicia (La Voz de Galicia, 10.05.2009).
  11. É frase célebre desta época que se plantaban eucaliptos ata na horta da casa.
  12. Esta especie foi a primeira descrita para este xénero.
  13. Como se reflicte nas denominacións ideolóxicas que por veces recibe: vampiro vexetal para uns, ouro verde para outros (El Independiente (Madrid), 8.06.1990).
  14. "La introducción masiva de esta especie (y hoy existe una práctica unanimidad al respecto) fue una de las más desafortunadas iniciativas forestales de nuestra historia'".
  15. R.Romar (25/04/2007). "Plantar eucaliptos en tierras de cultivo reduce el agua en un 60%". Consultado o 25/08/2017.
  16. "Se le considera útil por varios conceptos, pues por su rápido desarrollo deseca el terreno, contribuye a sanear las localidades pantanosas y se cree que las emanaciones de sus hojas destruyen los gérmenes de las fiebres palúdicas".
  17. Cos nomes de febres intermitentes ou tercianas designábase o paludismo ou malaria.
  18. "Se usa con buen resultado en las fiebres intermitentes. Se forma una infusion teiforme con cuatro de sus hojas pecioladas ó dos de las sentadas, que se dá dos veces al dia aun durante el acceso, pues en seguida disminuye la fuerza. Su extracto es recomendado en las neuralgias".
  19. "La introducción del eucalipto se hizo para sanear terrenos bajos y pantanosos, morada de las larvas de los mosquitos, y pensando que no sólo acabarían con las charcas y humedales sino con las 'miasmas' del paludismo", "ha saneado extensos territorios palúdicos del orbe entero"
  20. Diccionario de la lengua española (en castelán).
  21. "A inmerecida lenda negra dos eucaliptos", en La Voz de Galicia (3.06.1990); "Plantar eucaliptos en tierras de cultivo reduce el agua en un 60%", en La Voz de Galicia (26.03.2007).
  22. Nesta páxina web pode verse unha fotografía da recuperación dun eucaliptal queimado en Porto do Son ao cabo dun ano do incendio. As novas árbores xa superaban os dous metros de altura.
  23. O estudo realizouse en 16 puntos de Galicia (8 da Coruña, 4 de Pontevedra e 1 de Lugo), en dúas sondaxes sucesivas en cada punto e en fragas e eucaliptais próximos xeograficamente [1] Arquivado 23 de febreiro de 2009 en Wayback Machine..
  24. Eucalyptus Longhorned Borer, Universidade de California Riverside, (en inglés).
  25. Naturalmente, tamén está presente noutros países onde se reforestou con eucaliptos, como Chile, Perú, Uruguai ou Suráfrica.
  26. Anuario de Estatística Agraria 2005, Consellería do Medio Rural.
  27. Ginkel, 1999.
  28. As follas, na Farmacopea alemá, belga, francesa e holandesa; o aceite esencial, na alemá, austríaca, belga, brasileira, checa, china, francesa, inglesa, holandesa, italiana, portuguesa, rusa, suíza e xaponesa; forma parte da Farmacopea española desde 1997.
  29. Coa contraindicación do seu emprego en menores de 3 anos.
  30. Dentro da Identificación Xeográfica Protexida Mel de Galicia, unha das presentacións é o Mel monofloral de eucalipto, de cor ámbar, aromas céreos e sabor lixeiramente ácido e pouco persistente.
  31. "Descuberto un edulcorante que non provoca carie a partir das madeiras de eucalipto e piñeiro" (5.05.1992).
  32. A liña.
  33. Datos da Consellería do Medio Rural. Outras fontes dan medidas diferentes: 10,5 metros de perímetro e 67 metros de altura (La Voz de Galicia (31.01.2009) [2][Ligazón morta], que di basearse en datos oficiais), ou máis de 80 metros de altura (Turgalicia [3]).
  34. Monumento Natural, Souto da Retorta Arquivado 22 de decembro de 2009 en Wayback Machine., Consellería do Medio Rural.

Véxase tamén

Bibliografía

  • CASTRO, M., FREIRE, L. e PRUNELL, A.: Guía das árbores de Galicia. Xerais, Vigo 1989.
  • Consellería do Medio Rural: Anuario de Estatística Agraria 2005. Dirección Xeral de Investigación.
  • CUVEIRO PIÑOL, J.: Diccionario Gallego (1876). En Diccionario de Diccionarios, 2003.
  • FONT QUER, Pío: Plantas medicinales. El Dioscórides renovado, Labor, Barcelona 1961.
  • GARCÍA, Constantino: Glosario de voces galegas de hoxe. Anexo 27 de Verba. Anuario Galego de Filoloxía. Secretariado de Publicacións da Universidade, Santiago de Compostela 1985.
  • GINKEL, Astrid van: "Eucalipto", en Fitomédica nº 25, xullo-agosto 1999, 64-75.
  • LEIRO LOIS, Adela (dir.): Cambados: a tradición oral. Colexio Público Castrelo, Cambados 1986.
  • RAMIL REGO, Pablo: "Eucalyptus" en La Voz de Galicia 3.02.2009.
  • RIGUEIRO RODRÍGUEZ, Antonio: Guía de plantas medicinais de Galicia. Galaxia, Vigo 1996.
  • RIVAS QUINTAS, Elixio: Frampas III en Diccionario de Diccionarios, 2003.
  • RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo 1958-1961.
  • RODRÍGUEZ LÓPEZ, Jesús: Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares. Ed. Celta, Lugo 1974.
  • SILVA PANDO, Francisco Javier, e RIGUEIRO RODRÍGUEZ, Antonio: Guía das árbores e bosques de Galicia, Galaxia, Vigo 1992.

Ligazóns externas

Carballo (árbore)

Para atopar máis información ou consultar a especie normalmente chamada "carballo", véxase o artigo Carballo común.

Carballo é a designación común das cerca de seiscentas especies de árbores e arbustos do xénero Quercus da familia Fagaceae. O xénero é nativo do hemisferio norte e inclúe tanto especies caducifolias coma persistentes. Os Querci (carballos) esténdese tanto por zonas de clima atlántico como clima continental ou clima mediterráneo, dende Eurasia até América e medran en calquera tipo de terreo, tanto en chairas como en ladeiras rochosas. En xeral, as especies de folla caduca distribúense máis cara ao norte e as de folla persistente, cara ao sur. Caracterízanse por ser árbores rexas e fortes e polos froitos: as landras.

Cómpre ter en conta que tamén se denominan carballos as especies tropicais doutros xéneros relacionados, principalmente Lithocarpus.

Diferentes especies de carballos son moi frecuentes en toda Galicia, salientando o carballo común (ver lista de especies habituais en Galicia abaixo). De feito os carballos constitúen a formación forestal máis representativa do país: a carballeira.

As carballeiras teñen estado en regresión debido sobre todo á actividade humana e á substitución destes bosques por reforestacións de especies foráneas coma o piñeiro bravo ou o eucalipto; con todo, a extensión das carballeiras incrementouse nos últimos anos, especialmente nas zonas do interior.

Chavín, Viveiro

Santa María de Chavín é unha parroquia do concello lugués de Viveiro na comarca da Mariña Occidental. No ano 2007 tiña 228 habitantes (101 homes e 127 mulleres) distribuídos en 37 entidades de poboación, o que supón unha diminución de 55 habitantes en relación ao ano 2000.

No Souto da Retorta atópase O Avó de Chavín, un eucalipto duns 150 anos e que ronda os 62 m de altura.

Na parroquia está tamén o castro de Lourido.

Deforestación

A deforestación é o proceso de desaparición de masas forestais (bosques), fundamentalmente causada pola actividade humana. A deforestación está directamente causada pola acción do ser humano sobre a natureza, principalmente debido ós cortes de árbores, tanto as realizadas pola industria madeireira, como aquelas que pretenden a obtención de solo para cultivos agrícolas.

Nos países máis desenvolvidos, prodúcense outras agresións como a chuvia ácida que comprometen a supervivencia dos bosques, situación que se pretende controlar mediante a esixencia de requisitos de calidade para os combustibles, como a limitación do contido de xofre.

Nos países menos desenvolvidos, as masas boscosas redúcense ano tras ano, mentres que nos países industrializados estanse recuperando debido ás presións sociais, reconverténdose os bosques en atractivos turísticos e lugares de esparexemento.

Así a todo, debe terse en conta que as plantacións de reforestación non substitúen en ningún caso o bosque, xa que este é un ecosistema que tarda décadas e nalgúns casos séculos en formarse, constituíndo o bio-sistema óptimo de aproveitamento da luz solar. En cambio, a reforestación no mellor dos casos é un conxunto de árbores situadas segundo unha separación fixada artificialmente, entre as cales xorde unha vexetación herbácea ou arbustiva que non acostuma darse no bosque. E no peor dos casos, plántanse árbores non autóctonas que en ocasións danan o substrato, como ocorre en moitas plantacións de piñeiro, abeto ou eucalipto.

Unha consecuencia da deforestación é a desaparición de sumidoiros de dióxido de carbono, reducíndose a capacidade do medio de absorber as inxentes cantidades deste gas causante do efecto invernadoiro, e agravando o problema do quentamento global.

Como medida de contención, diversos organismos internacionais propoñen a reforestación, medida parcialmente aceptada polos movementos ecoloxistas, ó entender estes que na repoboación debe considerarse non só a eliminación do dióxido de carbono, senón ademais, a biodiversidade da zona a repoboar.

Eucalipto azul

O eucalipto azul (Eucalyptus globulus) é unha árbore perennifolia da familia das mirtáceas pertencente ao xénero eucalipto. Constitúe unha das especies de árbores nativas de Australia máis espalladas ao longo do mundo. Estas árbores adoitan medrar até os 30 ou 55 m de altura. O meirande espécime desta especie atópase na illa de Tasmania e mide 90,7 m. Existen rexistros antigos de árbores aínda máis altas, chegando a meirande aos 101 m. O Avó de Chavín (Viveiro), cuns 7,6 metros de circunferencia na base e máis 61,8 metros de altura, é o eucalipto máis alto da Península Ibérica e un dos máis altos de Europa . A distribución natural desta árbore abrangue a illa de Tasmania e o sur do estado australiano de Victoria (particularmente no sur do estado). Existen poboacións nativas illadas en King Island e Flinders Island, ambas as dúas illas no estreito de Bass. Froito das repoboacións con fins económicos ou ornamentais, existen na actualidade poboacións establecidas no sur de Europa (particularmente en Galicia e Portugal), sur de África, Nova Zelandia, oeste dos Estados Unidos (California), Hawaii e a Macaronesia.

En inglés denomínase Tasmanian Blue Gum, Southern Blue Gum ou Blue Gum. Os termos Tasmanian (con orixe en Tasmania) e Southern (sureño ou meridional) fan referencia á orixe meridional da árbore (sur de Australia e norte de Tasmania). Blue Gum refírese á cor (blue=azul) do zume que sae de xeito abondoso da codia da árbore cando se lle fan cortes. Gum é o caucho que se forma cando o zume supura. En galego coñécese coma eucalipto azul ou tamén eucalipto branco (pola cor da súa codia). Existen tamén segundo a zona unha ampla sinonimia para denominar á especie.

O eucalipto azul foi proclama emblema floral do estado de Tasmania o 27 de novembro de 1962. O nome da especie vén do latín globulus, pequeno botón, e fai referencia á forma do opérculo.

Eucalipto de flor

O eucalipto de flor (Corymbia ficifolia, previamente Eucalyptus ficifolia) é unha árbore da familia Myrtaceae (a mesma familia na que se inclúen os eucaliptos verdadeiros). Emprégase coma ornamental en Galicia.

Eucalipto do maná

O eucalipto do maná (Eucalyptus viminalis) é unha árbore perennifolia da familia das mirtáceas pertencente ao xénero eucalipto. Diferénciase da especie predominante en Galiza, o Eucalyptus globulus, na súa casca de cor branca-crema, nas súas follas máis estreitas e nas súas flores máis cativas.

Eucalipto nitens

O eucalipto nitens (Eucalyptus nitens), coñecido en inglés coma shining gum, é unha especie nativa de Victoria e o leste de Nova Gales do Sur en Australia. Medra en bosques húmidos tépedos e nas súas marxes, en solos fértiles de áreas de clima fresco. Atópase naturalizado en Galicia, aínda que en menor medida ca o eucalipto azul. Atura mellor as xeadas ca este último.

Eucalipto vermello

O eucalipto vermello (Eucalyptus camaldulensis) é unha árbore perennifolia da familia das mirtáceas pertencente ao xénero eucalipto. Diferénciase da especie predominante en Galiza, o Eucalyptus globulus, na súa casca avermellada, que se desprende en anacos irregulares cando é vello. Igualmente presentan un ton avermellado as follas, sendo as súas flores e os seus froitos máis pequenos.

É unha especie plantada en moitas partes do mundo. É nativa de Australia onde está amplamente espallada, en especial preto dos regueiros.

En Galiza cultívase escasamente, aparecendo ocasionalmente naturalizado en zonas litorais.

Foi bautizada así polo mosteiro Camaldoli preto de Nápoles, de onde era o primeiro espécime descrito.

É unha árborl familiar e icona de Australia. Produce boa sombra para as extremas temperaturas en Australia central, e estabiliza bancos de río, retendo o solo.

Flora

O termo flora designa o conxunto de especies vexetais presentes nun espazo xeográfico ou ecosistema determinado (por oposición a fauna). Por extensión, designa tamén os atlas que listan e describen as especies, identificando as plantas.

O número de especies é moi grande, pero tales repertorios a miúdo limítanse aos vexetais vasculares ou ás plantas de grans e ás súas principais especies. As coleccións de espécimes que serven para definir as diferentes especies son conservadas en herbarios. A rede de herbarios é importante a través do mundo, sendo a referencia que permite un encontro ós botánicos relacionando as denominacións e descubrimentos antigos e as identificacións actuais.

Folla

En botánica, as follas son órganos das plantas especializados na captación de luz e nos intercambios gasosos coa atmosfera para realizar a fotosíntese e a respiración. Con raras excepcións, en xeral asociadas a plantas de climas áridos, as follas tenden a maximizar a superficie en relación ó volume, para así aumentar a área da planta exposta á luz ou a área da planta onde os intercambios gasosos son posibles por estar exposta á atmosfera.

Especies diferentes de plantas teñen follas diferentes e incluso unha mesma especie pode presentar follas de formas diferentes en idades distintas (como é o caso do eucalipto ou da acacia negra). Tamén existen varios tipos especializados de follas, con fins diferentes dos das follas comúns, como por exemplo os pétalos das flores.

Este artigo concéntrase nas follas das plantas vasculares, as únicas que posúen "verdadeiras" follas. As restantes plantas verdes, coma os musgos, posúen órganos equivalentes, pero con estrutura e, ás veces, denominacións diferentes.

Gurgullo do eucalipto

O gurgullo do eucalipto, tamén denominado defoliador do eucalipto (Gonipterus scutellatus), é un pequeno insecto coleóptero orixinario de Australia, que se alimenta das follas e gromos novos do eucalipto provocando fortes danos nas plantacións desta especie forestal. Está presente en Galicia desde 1991.

Mel de Galicia

O Mel de Galicia é unha Indicación Xeográfica Protexida baixo a cal preténdese destacar a excelencia do mel producido en Galicia que, reunindo as características definidas no seu regulamento, cumpre os requisitos de produción, procesado e envasado.

Este mel prodúcese en colmeas de cadros móbiles, por decantación ou centrifugación. Preséntase en estado líquido, cristalizado ou cremoso, podendo conter ademais, no primeiro dos casos, froitos secos. Tamén pode presentar en panais ou seccións.Dende 1997, a entón Consellería de Agricultura recoñece a denominación específica Mel de Galicia, rexistrada como indicación xeográfica protexida europea en 2007.

A denominación de orixe amparaba en 2008 a 405 apicultores (con 31.784 colmeas) e 37 envasadores, cunha produción total certificada de 620 toneladas (169 toneladas no ano 2000).

Monte Mondigo

O monte Mondigo, localizado no Concello de Ribadeo, entre as parroquias de Covelas e Piñeira, é o pico máis alto da barreira montañosa que separa a costa do interior na comarca da Mariña Oriental, con 569 metros de altitude. Dende el poden apreciarse vistas cara ó Mar Cantábrico a rasa Cantábrica, e ó val dos ríos Grande e Pequeno.

As súas ladeiras están adicadas ó cultivo do eucalipto. No seu cumio hai antenas de repetición.

Montes de Carracedo

Os montes de Carracedo limitan entre Riotorto, A Pastoriza, Lourenzá e Mondoñedo e forma parte polo tanto das serras setentrionais de Galiza. Están cubertos por pasteiros, agás no litoral, onde aínda existen fragas en bos estado de conservación ou áreas de repoboación con piñeiro e eucalipto.

O punto máis elevado é O Carracedo, con 883 metros sobre o nivel do mar.

Serra da Coriscada

A serra da Coriscada, que no seu tramo norte inicial ás veces é chamada serra de Solleiro, é unha serra galega que comeza en Estaca de Bares e limita entre os concellos de Mañón e Ortigueira. Polo leste da serra pasa o río Sor.

A vexetación da zona son plantación de eucalipto, algunha carballeira pequena e na parte máis afastada o litoral así como nos cimos matogueira de breixos e toxos.

O punto de maior altitude é o monte de Coriscada, con 523 metros sobre o nivel do mar.

Serra da Faladoira

A serra da Faladoira é unha serra galega pertencente á chamada dorsal galega. Esténdese entre os concellos de Mañón e Ortigueira e pecha ao norte na depresión das Pontes. Está conformada por lousas negras xuntos con gneis "ollos de sapo", xistos cristalinos e areíscas das cales sobresaen cristas de granito e cuarcitas.

Conserva algunhas carballeiras mais sobre todo está ocupada por plantacións de eucalipto.

O punto de maior altitude é o monte Caxado, con 756 metros sobre o nivel do mar.

Serra do Cando

A serra do Cando é unha serra galega pertencente á cordilleira dorsal galega que ten montes a unha altura media de entre 600 e 1.000 metros sobre o nivel do mar. Esténdese polos concellos de Cerdedo-Cotobade, Forcarei, A Lama e Beariz. Está unida á serra do Candán polos montes de Costoia. Nesta serra nacen os ríos Verdugo e Almofrei. É un espazo natural declarado como zona especial de conservación (ZEC).

A vexetación da serra son as xestas, o mato de toxos, breixos e carqueixas. Hai importantes plantacións de piñeiro e eucalipto. Existe un ecosistema de gran valor nos altos da serra, así como nas carballeiras do río Verdugo e os seus afluentes.

Árbores senlleiras de Galicia

Unha árbore senlleira é unha árbore que, polas súas características extraordinarias ou destacábeis (tamaño, idade, significación histórica ou cultural, rareza, beleza etc.) é considerada reliquia botánica, obxecto de respecto veciñal e con valor científico, cultural, didáctico, paisaxístico ou ornamental. En Galiza aparecen no Catálogo galego de árbores senlleiras elaborado e regulado pola Xunta de Galicia desde o ano 2007 a través do Decreto 67/2007, do 22 de marzo coa finalidade de protexelas de riscos e ameazas, garantindo a súa conservación.

En Galiza salientan os carballos, castiñeiros, teixos e sobreiras como árbores autóctonas. Tamén aparecen moitas especies ornamentais como camelias, sequoias ou alciprestes.

Á hora de seleccionar os exemplares ou formacións senlleiras estúdase a idade dos exemplares, relevancia cultural (criterios históricos e tradicionais), valor estético (criterios estéticos e dendrométricos), rareza (criterios biolóxicos e ecolóxicos) na súa situación ou na súa distribución (criterios de situación) etc.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.