Estrela Polar

A Estrela Polar é unha estrela que pola súa posición no firmamento, directamente enriba dun dos polos da Terra, é utilizada para auxiliar a navegación. Estrela Polar pode referirse tanto a Estrela do Norte como a Estrela do Sur, aínda que a expresión sexa normalmente utilizada en referencia a Polaris, a estrela máis brillante da constelación Osa Menor (en latín Ursa Minor), que é actualmente a Estrela do Norte.

A Estrela do Sur, a equivalente de Polaris no hemisferio sur, é σ Octantis, denominada tamén Polaris Australis. Non obstante, ao ser unha estrela de quinta magnitude apenas visible a simple vista, na práctica utilízase a constelación da Cruz do Sur como para atopar o polo sur celeste.

Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre astronomía é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.
Ursa Minor constellation map
Mapa da constelatíon Osa Menor.
Alfred Nobel

Alfred Bernhard Nobel, nado en Estocolmo o 21 de outubro de 1833 e finado en San Remo o 10 de decembro de 1896, foi un inventor e químico sueco, famoso principalmente polos premios que levan o seu nome.

Antártico

O sur é un punto cardinal que vén orientado pola oposición á Estrela Polar ou en base á Cruz do Sur. A orientación determinada polo sur tamén se adxectiva coma antártico, austral ou meridional. O seu punto cardinal oposto é o norte.

Antártico (do grego ante arcthos, "o lugar oposto (anti) ó arcthos ou Osa Maior", e polo tanto en contraposición ó ártico), é un sinónimo do punto cardinal do Sur, que tamén se adxectiva coma antártico, austral ou meridional.

Astrolabio

Un astrolabio é un instrumento antigo usado con fins astrolóxicos e astronómicos coma medir a altura dos astros por riba do horizonte. Foi inventado por Hipatia de Alexandría, e máis tarde foi simplificado e substituído polo sextante.

Tamén era utilizado para resolver problemas xeométricos, como calcular a altura dun edificio ou a profundidade dun pozo. Formábao un disco de latón graduado no seu bordo, un anel de suspensión e unha mediclina (especie de punteiro). O astrolabio náutico era unha versión simplificada do tradicional e tiña a posibilidade de medir a altura dos astros para axudar na localización en alto mar.

A vantaxe do astrolabio en relación ao cuadrante é o feito de que é máis doado para traballar á luz do día e tamén porque a Estrela Polar non era visible no hemisferio sur. Era tan pesado que era capaz de permanecer pendurado verticalmente a pesar do abaneo do navío

O astrolabio moderno de metal inventouno Abraham Zacuto en Lisboa, a partir de versións árabes pouco precisas.

Cefeida

Unha cefeida é unha estrela variable, xigante ou superxigante amarela, de 4 a 15 veces máis masiva que o Sol e de 100 a 30 000 máis luminosa, cuxo brillo varía de 0,1 a 2 magnitudes segundo un período ben definido de entre 1 e 135 días (deste feito deriva o seu nome de estrela variable). Nomeáronse a partir do prototipo que supuxo a estrela δ da constelación de Cepheus. A estrela Polar considerouse unha cefeida, polo menos ata 1994, cando parecía que o seu brillo se volvera estable, sen que aparecese explicación ningunha para ese cambio.

Cidade Prohibida

A Cidade Prohibida (紫禁城, pinyin: Zǐjìn Chéng : "Cidade Púrpura Prohibida"), está localizada no centro exacto da antiga Pequín, foi o palacio imperial durante as dinastías Ming e Qing, así como sede do goberno chinés até 1911.

O seu nome orixinal Cidade Púrpura Prohibida, procede do seu paralelismo coa Constelación Luminosa Púrpura na que a Estrela Polar, ó igual có emperador na terra, atópase no centro. A súa construción débese ó traslado de capitalidade de Nanjing a Pequín que decidiu o emperador Yongle cando obtivo o trono imperial en 1404.

Actualmente se coñece como o Museo Palacio (故宫博物院, pinyin: Gùgōng Bówùyùan), ocupa 0,72 km², 800 edificios e máis de 9.000 habitacións. É a maior colección de estruturas de madeira antigas que se conservan no mundo, e foi declarada pola UNESCO Patrimonio da Humanidade en 1987. O Palacio Imperial está situado ó norte da Praza Tian'anmen e pódese acceder a el a través da Porta de Tian'anmen. Está rodeado dun barrio denominado Cidade Imperial.

A pesar de que xa non está ocupada pola realeza, é un símbolo da soberanía chinesa e de Pequín, e aparece nos selos da República Popular Chinesa. O Palacio é unha das meirandes atraccións turísticas do mundo.

O filme The Last Emperor foi o primeiro en recibir autorización do goberno chinés para filmar na Cidade Prohibida e retrata, entre outras cousas, a cerimonia de nomeamento do Emperador e a vida na Cidade Prohibida.

Compás (navegación)

O compás, agulla de marear ou búsola é un instrumento de navegación para atopar direccións na Terra. O compás está composto por unha agulla magnética na horizontal, suspensa polo centro de gravidade, que se aliña de maneira precisa co campo magnético da Terra.

Un compás fornece a unha dirección de referencia coñecida, a dirección do centro magnético da Terra, aproximadamente o eixo norte-sur, sendo de grande axuda na navegación. Un compás pode usarse cun reloxo e un sextante para fornececer unha capacidade de navegación precisa. Ese dispositivo mellorou bastante o comercio marítimo tornando as viaxes máis seguras e máis eficientes.

De Magnete

De magnete, magneticisque corporibus, et de magno magnete tellure (Sobre os imáns, os corpos magnéticos e o gran imán terrestre), máis coñecido como De magnete, é un traballo científico realizado en 1600 polo médico, físico e científico inglés William Gilbert.

Neste traballo Gilbert describe varias das súas experiencias co seu modelo da Terra denominado terrella. A partir dos experimentos chegou á conclusión de que a Terra era magnética e que este era o motivo polo cal os compáses apuntaban ao norte (naquel momento pensábase que a Estrela Polar ou unha gran illa magnética situada no polo norte atraía a agulla do compás). En De magnete tamén publicou os seus estudos sobre a electricidade estática producida polo ámbar. O ámbar en grego denomínase elektron e electrum en latín, por iso Gilbert referiuse ao fenómeno co adxectivo electricus e o nome electricitas, que darían paso aos termos modernos eléctrico e electricidade.

De magnete tivo gran influencia, non tan só polo interese inherente ao tema que trataba, senón polo rigor co que Gilbert describiu os seus experimentos e as súas obxeccións ás antigas teorías sobre o magnetismo. Gilbert recoñeceu o legado científico dos traballos de Pierre de Maricourt e incorporou os experimentos deste científico francés do século XIII ao seu tratado. A pesar de que o seu pensamento foi fortemente influenciado polo misticismo da súa época, Gilbert foi un dos pioneiros da física experimental, atendendo que realizar estudos e experimentos que puidesen atentar contra a doutrina da Igrexa Católica era perigoso e arriscado (o mesmo ano que se publicou De magnete, Giordano Bruno foi queimado no Campo de' Fiori de Roma pola Inquisición).

Draco

Draco ou Dragón é unha constelación que está moi ó norte, que é circumpolar para moitos observadores do Hemisferio Norte. É unha das 88 constelacións modernas, e tamén é unha das 48 constelacións listadas por Tolomeo.

Aínda que é moi grande, Draco non ten estrelas especialmente brillantes. A cabeza do dragón está representada por un cuadrilátero de estrelas situadas entre Hércules e a Ursa Minor.

Estrela

Estrela ( pronunciación ) pode referirse a:

en astronomía unha estrela é un corpo celeste ou astro que emite luz debido ás reaccións termonucleares producidas no seu interior, o que xera altísimas temperaturas, que quentan o material (xeralmente gas) que emite radiación luminosa. Véxase Sol, estrela Polar...

unha estrela de mar (ou estrelamar ou rañacú) é un animal mariño da clase Asteroidea.

No mundo do espectáculo, coñécese como Estrela unha persoa moi brillante que sobresae na súa profesión.

En informática, estrela é unha topoloxía de redes de computadores.

En xeometría, unha estrela é un tipo de polígono.

Fotometría (astronomía)

A fotometría é a rama da astronomía que se dedica a medir o brillo dos diferentes astros: estrelas, planetas, satélites, asteroides, cometas etc.

A escala de brillos das estrelas foi establecida polo astrónomo grego Hiparco de Nicea, quen dividiu estes brillos en cinco graos ou magnitudes. Máis tarde, coa introdución do telescopio por Galileo en 1609, ampliouse a escala para incluír os astros telescópicos, invisíbeis para o ollo humano pola súa extrema debilidade.

Os astros máis brillantes (como o Sol) teñen magnitude negativa, mentres que os máis débiles téñena positiva, sendo esta tanto maior canto máis débiles son: o Sol ten magnitude -26,8, Sirio -1,5, a Estrela Polar 2,12, Urano 5,8, Neptuno 7,2 e Plutón 13,6. A das estrelas máis débiles que un telescopio profesional pode capturar é superior a 25.

No século XIX Norman Pogson determinou correctamente a escala de magnitudes, de tal maneira que o salto dunha magnitude a outra (por exemplo, da 1ª á 2ª, ou da 2ª á 3ª) corresponde a un cambio igual a 2,512 veces, sendo este valor a raíz quinta de 100.

Existen distintos métodos empregados na fotometría: fotometría visual, fotográfica, con fotómetro fotoeléctrico (fotometría fotoeléctrica) e, máis recentemente, con cámaras CCD (fotometría CCD); todos eles traballan en distintas bandas (Banda V, Banda B etc.) segundo o filtro utilizado ao efectuar as medicións.

Para efectuar estas mediciones definíronse uns sistemas fotométricos, os máis coñecidos dos cales son o UBV de W. W. Morgan e Harold Johnson e o UBVRI de A. Cousins e J. Menzies.

Se a precisión coa que se medían as magnitudes a mediados do século XX era dunha centésima, co uso da fotometría CCD ampliouse esta precisión a milésimas de magnitude: en 2006, a dezmilésimas de magnitude, nun estudo fotométrico do cúmulo aberto M67. En 2009 lanzouse ao espazo o satélite Kepler levando un sensor capaz de detectar cambios de 20 partes por millón (1/50.000).

Norte

Norte ou setentrión, símbolo N, é un dos catro puntos cardinais da Rosa dos Ventos, que ven orientado pola Estrela Polar. A orientación determinada polo norte tamén se adxectiva coma ártico, boreal ou setentrional. O seu punto cardinal oposto é o sur.

Octans

Octans ou Octante é unha constelación discreta presentada por Nicolas Louis de Lacaille. É, fundamentalmente, coñecida por se-lo lugar onde fica o polo sur celeste.

A súa estrela Sigma Octantis (σ Oct) é a estrela máis próxima ó polo que pode ser vista a simple vista, pero é tan feble, que é practicamente inútil coma estrela polar para efectos da navegación. Afortunadamente, a constelación Crux, A Cruz do Sur, sinala o polo.

A constelación é circumpolar ó Polo Sur Celeste, así que pode ser vista nos ceos do Hemisferio Sur durante as noites de calquera mes do ano. A ascensión recta e mes de maior visibilidade dadas son para as tres estrelas máis brillantes, as cales son as máis altas no ceo durante as noites de novembro.

Océano Atlántico

O océano Atlántico é o océano que separa Europa e África, ao leste, de América, ao oeste. Ten unha área de 82.400.000 km² (106.200.000 km², incluíndo os mares locais como o mar Mediterráneo, o que corresponde a aproximadamente un terzo das augas oceánicas mundiais).

Osa Menor

Osa Menor, Carriño ou Carro Pequeno, é unha das constelacións máis coñecidas do hemisferio norte. Consta de sete estrelas coa forma de carro; catro delas formarían o que sería a parte fonda do carro e as outras tres serían o que sería o mastro do carro.

O elemento máis coñecido da Osa Menor é a estrela Polar, a cal atopase situada na prolongación do eixe da terra, de modo que está fixa no ceo e sinala o Polo Norte xeográfico, polo que ten sido empregada polos navegantes coma punto de referencia na súas viaxes. Á parte da estrela Polar, a Osa Menor carece de elementos de interese para o afeccionado á astronomía.

Dada a súa situación, a Osa Menor só pode verse no hemisferio norte, pero a cambio, nese hemisferio pódese ver todo o ano. Xunto coa súa compañeira a Osa Maior, é un dos elementos máis característicos do firmamento do hemisferio norte.

Polaris

Polaris, designada Alfa Ursae Minoris (α Ursae Minoris), e comunmente referida como Estrela do Norte ou a Estrela Polar por antonomasia (no hemisferio norte), é a estrela máis brillante na constelación da Osa Menor. Está moi próxima ao polo celeste setentrional, o que a converte na Estrela Polar setentrional contemporánea. Sitúase a 433 anos luz (133 parsecs).

Polaris é unha estrela múltiple que engloba a estrela principal (Polaris Aa, unha superxigante amarela) que orbita cunha compañeira máis pequena (Polaris Ab), é á vez a parella orbita con Polaris B, que descubriu en 1780 por William Herschel.

Polo celeste

Os polos celestes son os puntos mais ao norte, o Polo Norte celeste, e mais ao sur, o Polo Sur celeste, da esfera celeste.

Setestrelo

Setestrelo é o nome tradicionalmente dado en Galicia ó asterismo da Osa Maior debido a que ten sete estrelas ben visibles. As estrelas que conforman este asterismo son Dubhe, Merak, Phecda, Megrez, Alioth, Mizar e Benetnasch. Noutras culturas este asterismo tamén é coñecido polo nome de Gran Carro ou o Cazo.

β Ursae Majoris (Merak), xunto con α Ursae Majoris Dubhe (as dúas estrelas máis a dereita na imaxe), sinalan a dirección da estrela polar do norte (Polaris, ou α Ursae Minoris), e polo tanto sinalan tamén o polo norte.

Sur

O sur é un punto cardinal que vén orientado pola oposición á Estrela Polar ou en base á Cruz do Sur. A orientación determinada polo sur tamén se adxectiva coma antártico, austral ou meridional. O seu punto cardinal oposto é o norte.

Ártico

O Ártico (do grego ἄρκτος "oso, osa", en referencia á constelación da Osa Menor á que pertence a Estrela Polar) é a rexión que rodea o Polo Norte da Terra. Inclúe partes de Canadá, Groenlandia (que é un territorio dinamarqués), Noruega, Suecia e Finlandia, así como o océano Ártico.

Existen numerosas definicións da rexión ártica. Considérase xeralmente que o seu límite está ao norte do Círculo Polar Ártico (66° 33’N), que é o límite do sol de medianoite e a noite polar. Outras definicións baséanse no clima e a ecoloxía, como a isoterma 10 °C de xullo, que tamén corresponde aproximadamente coa liña de árbores na maior parte do Ártico. Socialmente e politicamente, a rexión ártica inclúe os territorios setentrionais de oito estados, incluíndo Laponia, aínda que, segundo as definicións científicas, moito deste territorio é realmente subártico.

O Ártico é fundamentalmente un océano recuberto de xeo e rodeado de terra xeada e desprovista de árbores. A vida é abondosa e inclúe organismos que viven no xeo, peixes e mamíferos mariños, paxaros, animais terrestres e comunidades humanas.

A rexión ártica é, pola súa natureza, unha área única. As culturas da rexión e os pobos indíxenas do ártico téñense adaptado ás súas condicións frías extremas. Ten un papel relevante no equilibrio físico, químico e biolóxico do mundo. Reacciona sensibelmente ás mudanzas no clima, que repercuten de volta na situación global do ambiente. Desde a perspectiva da investigación na mudanza climática, a rexión ártica considérase un sistema de aviso temperán.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.