Estoxo

Un estoxo é unha caixa pequena usada para gardar cousas de forma ordenada. Xeralmente, utilízase para obxectos de pequenas dimensións e de certo valor: xoias, reloxos, plumas estilográficas etc. En ocasións, contan cun acondicionador interior que inmobiliza e presenta o obxecto.

No sector do embalaxe, denomínase xenéricamente estoxo a todo embalaxe de pequenas dimensións. O material de fabricación pode ser calquera: madeira, plástico, cartón ondulado etc. Por exemplo, considérase estoxo ao envase para unha ou dúas botellas de viño ou un feixe de puros. Con todo, o material de fabricación máis habitual é o cartonciño. Así, denomínanse estoxos ás caixas para medicamentos, perfumes, bombóns, colonias etc. A impresión que se emprega é de alta calidade utilizando a técnica offset á que se adoitan engadir tratamentos especiais como relevos, stampings ou vernices ultravioleta.

Cando está deseñado para gardar material escolar, o estoxo perde a forma dura de caixa e adopta outras máis elásticas, para un manexo máis sinxelo e un tacto máis adecuado ao transporte en man.

En moitas ocasións, e dependendo do obxecto, o estoxo conta cun forrado interno para evitar os malos tratos ao obxecto a ser coidado. O forro interior pode ser esponxoso para axudar a amortecer o impacto en caso que, por exemplo, caese o estoxo co obxecto dentro ou durante o seu transportación. Ademais, o forro adoita ser suave para evitar raiar ou alterar o acabado externo dos obxectos.

Shoukadou bentou
Estoxo
Antílope

Antílope é o nome comúm que se aplica a numerosas especies de mamíferos artiodáctilos ruminantes da familia dos bóvidos, especialmente aos das subfamilias dos alcelafinos, antilopinos, cefalofinos e hipotraguinos, pero tamén aos doutras subfamilias próximas (e mesmo a algunhas das especies da subfamilia dos bovinos).

Todos eles caracerízanse polas súas formas esveltas, elegantes, con patas delgadas e cornos longos, arqueados, que viven nas estepas e sabanas de África e Asia, e incluso de Norteamérica (no caso de Antilocapra americana, chamado berrendo polos hispanofalantes), e tamén nos bosques e nos desertos, segundo as especies. O seu tamaño e o seu peso son variábeis, oscilando a súa lonxitude entre os 30 e os 40 cm e o seu peso, entre os 3 a 5 kg dos dicdics (xénero Madoqua) e os 3,80 m e 800 kg do eland do Cabo (Taurotragus oryx).

Os antílopes, como os outros ruminantes, aliméntanse de vexetais, especialmente de gramíneas. Prefiren adoito a herba verde, pero algúns non son exclusivamente herbívoros. e comen de cando en vez, ou mesmo prioritariamente, follas de arbustos.

Os antílopes descenden do Eotragus, que viviu na era secundaria,, no mioceno inferior e medio (hai de 20 a 14 millóns der anos) en Europa, Asia e África. De pequeno tamaño, corpo compacto e patas longas, e con cornos pequenos situados en posición vertical, lixeiramente curvados cara a atrás. O seu aspecto demallaría ao dos actuais duiqueros (xénero Cephalophus) ou talvez ao antílope anano (Neotragus pygmaeus).

As múltiplas variedades de ruminantes evolucionaron rapidamente. Numerosas especies xa desapareceron; todos os animais considerados hoxe como antílopes apareceron hai uns 2 millóns de anos.

Biblia Kennicott

A Biblia de Kennicott, ás veces denominada primeira Biblia de Kennicott, é unha copia manuscrita da Biblia hebrea escrita na cidade da Coruña en 1476, sendo un dos manuscritos iluminados máis exquisitos que se coñecen en lingua hebrea; está considerado como unha das obras cume da ilustración medieval, e mesmo o manuscrito sefardí máis luxosamente ilustrado do século XV. O manuscrito foi redactado na cidade da Coruña polo calígrafo Moisés Ibn Zabarah e iluminado por Joseph Ibn Hayyim e foi descuberto no século XVIII. É considerado por algúns, como o historiador Carlos Barros, o manuscrito relixioso máis importante da Idade Media galega.O manuscrito recibe o seu nome de Benjamin Kennicott, un cóengo da catedral da Igrexa de Cristo de Oxford (Inglaterra), que mercou o manuscrito á Biblioteca Radcliffe, de onde foi transferido á Biblioteca Bodleian en 1872.Un dos aspectos máis destacados do exemplar é a estreita colaboración que amosa entre o autor do texto e o iluminador, algo poucas veces conseguido neste tipo de traballo, segundo o historiador da cultura xudía Cecil Roth.

Campionato de Galicia de fútbol

O Campionato de Galicia foi a máxima competición regular de fútbol do país durante as primeiras décadas do século XX. O seu precursor foi o Campionato de Galicia non oficial organizado polo Vigo Foot-ball Club entre 1905 e 1912. A partir de 1913, a Federación Galega de Fútbol comezou a organizar o campionato galego de xeito oficial. Dende a segunda edición oficial, o torneo outorgaba a clasificación para a Copa de España. A medida que o campionato foi crecendo, fóronse creando varias divisións inferiores (Serie B e Serie C), recibindo o nome de Serie A a primeira categoría. Durante certo tempo, o torneo coexistiu co actual sistema de ligas estatais creado en 1929. Foi eliminado en 1940 por decisión da RFEF.

Cerebelo

O cerebelo (do latín cerebellum, "cerebro pequeno") é unha rexión do encéfalo situado na zona occipital da cabeza debaixo do cerebro e detrás do tronco do encéfalo, que ten a función de integrar as vías sensitivas e as motoras. Existe unha gran cantidade de feixes nerviosos que conectan o cerebelo con outras estruturas encefálicas e coa medula espiñal. O cerebelo integra toda a información recibida para precisar e controlar as ordes que o córtex cerebral manda ao aparato locomotor a través das vías motoras.

As lesións a nivel do cerebelo non adoitan causar parálise pero si desordes relacionadas coa execución de movementos precisos, mantemento do equilibrio e a postura e aprendizaxe motora. Os primeiros estudos realizados por fisiólogos no século XVIII indicaban que os pacientes con dano cerebelar mostraban problemas de coordinación motora e movemento. Durante o século XIX comenzaron a realizarse os primeiros experimentos funcionais, causando lesións ou ablacións cerebelares en animais. Os fisiólogos observaban que tales lesións xeraban movementos estraños e torpes, descoordinación e debilidade muscular. Estas observacións e estudos levaron á conclusión de que o cerebelo era un órgano encargado do control da motricidade. Porén, as investigacións modernas mostraron que o cerebelo ten un papel máis amplo, e está relacionado con certas funcións cognitivas como a atención e o procesamento da linguaxe, a música, a aprendizaxe e outros estímulos sensoriais temporais.

O cerebelo describiuno por primeira vez Herófilo no século IV a. C.

Coleoideos

A dos coleoideos (Coleoidea) é unha subclase de invertebrados protóstomos bilaterais, mariños, do filo dos moluscos e clase dos cefalópodos.Coñécense desde o carbonífero, foron moi abundantes no mesozoico, sobre todo no cretáceo, e hoxe en día a subclase agrupa a todos os cefalópodos vivos a excepción dos nautiloideos. Inclúe animais tan coñecidos como as luras, as sepias e os polbos.

Coleópteros

Os coleópteros (Coleoptera) son un grupo de insectos que constitúen unha orde dentro da superorde Endopterygota. Moitos deles reciben o nome de escaravellos, que se usa ás veces como termo xeral, pero outros teñen outros nomes específicos como gurgullos, vagalumes, couzas da madeira, maruxiñas, vacalouras... O seu par de ás anterior, chamadas élitros, está endurecido formando unha especie de estoxo, o que os distingue da maioría dos outros insecos. Os Coleoptera, cunhas 400 000 especies, son a maior de todas as ordes de insectos, constitúen case o 40% dos insectos descritos e o 25% de todos os animais coñecidos; descóbrense novas especies decote. A máis grande de todas as familias é a dos Curculionidae (gurgullos) cunhas 70 000 especies. Encóntranse en case todos os hábitats excepto no mar e as rexións polares. Interaccionan cos seus ecosistemas de varios modos, xa que hai especies herbívoras, detritívoras e carnívoras: aliméntanse de plantas e fungos, de restos de animais e plantas descompostos, ou comen outros invertebrados. Algunhas especies son graves pragas agrícolas, como o escaravello da pataca ou larvas dalgunhas especies, mentres que outros, como os Coccinellidae (xoaniñas ou maruxiñas) comen áfidos, cochinillas, trips e outros insectos que zugan o zume das plantas ou danan doutros modos as colleitas.

Os coleópteros teñen un exoesqueleto especialmente duro, incluíndo os élitros, aínda que algúns, como os estafilínidos teñen élitros moi curtos, e os meloidos teñen élitros brandos. A anatomía xeral dun coleóptero é bastante uniforme e típica dos insectos, aínda que hai varios exemplos novidosos, como as adaptacións que se observan nos escaravellos acuáticos, que atrapan burbullas de aire baixo os élitros para usalo mentres están mergullados. Os coleópteros son endopterigotos, o cal significa que sofren unha metamorfose completa, experimentando unha serie de cambios ben aparentes e relativamente abruptos na estrutura corporal entre a eclosión do ovo e a etapa adulta, despois de pasaren por unha fase pupal relativamente inmóbil. Algúns, como os lucánidos (por exemplo as vacalouras), teñen un marcado dimorfismo sexual, os machos posúen mandíbulas enormemente agrandadas que utilizan para loitar con outros machos. Moitos coleópteros son aposemáticos, polo que teñen cores rechamantes e padróns de coloración de advertencia da súa toxicidade, mentres que outros son imitadores batesianos inofensivos de ditos insectos. Moitos coleópteros, incluíndo os que viven en lugares areosos, teñen camuflaxes efectivas.

Os escaravellos son insectos moi importantes na cultura humana, desde os escarabeos sagrados do Antigo Exipto á antiga arte asiática de ás de escaravellos (utiliza ás de escaravellos iridescentes para decorar) e o uso como mascotas ou na loita de insectos para o entretemento e apostar. Moitos grupos de coleópteros teñen coloracións vivas e atractivas, polo que son coleccionados ou usados con fins decorativos. Unhas 300 especies son utilizadas como alimento humano, especialmente as larvas; entre as especies máis consumidas están as larvas do escaravello da fariña e do escaravello rinoceronte. Porén, o maior impacto dos coleópteros na vida humana é na agricultura, explotación forestal e horticultura, xa que algúns son importantes pragas. Entre as pragas máis graves están as do gurgullo do algodoeiro, o escaravello da pataca, o escaravello do coqueiro e o escaravello do piñeiro. Porén, a maioría dos coleópteros, non causan danos económicos e moitos, como as xoaniñas (predadoras) e escaravellos peloteiros (que se alimentan de feces), son beneficiosos e axudan a controlar as pragas de insectos ou son bos para os ecosistemas.

Escama de peixe

As escamas de peixe son as estruturas con forma de plaquiñas que cobren a superficie corporal dos peixes. Hai peixes que non teñen escamas, pero a pel da maioría dos peixes óseos e cartilaxinosos, está cuberta por elas. As escamas varían enormemente en tamaño, forma, estrutura e extensión, e van desde placas de armadura ríxida en peixes como Aeoliscus strigatus e os Ostraciidae ou peixes cofre, ata microscópicas ou ausentes en peixes como as anguías e os peixes sapos. A morfoloxía da escama pode utilizarse para identificar as especies de peixes.

As escamas dos peixes orixínanse a partir da capa de mesoderma correspondente á derme, o que as distingue das escamas dos réptiles, que son epidérmicas. Os mesmos xenes que participan no desenvolvemento dos dentes e o pelo dos mamíferos tamén están implicados no desenvolvemento das escamas.

Francisco de Sales

Francisco de Sales, nado no castelo de Sales, en Savoia, en 1567 e falecido preto de Lión o 28 de decembro de 1622, foi un misioneiro católico.

Bautizado co nome de Francisco Buenaventura, despregou unha vigorosa actividade misioneira en terras calvinistas malia ter unha saúde precaria. Beatificado por Alexandre VII en 1665 e declarado Doutor da Igrexa en 1878 por Pío X como doutor da amabilidade. Na actualidade é o patrón dos xornalistas.

Frauta travesa

A frauta travesa é un instrumento de vento madeira de timbre suave e doce. Chegou a Europa durante o século XII, usándose sobre todo para a música militar. Cara mediados do século XVII xa se converteu nun elemento importante da orquestra barroca, desprazando á frauta doce. Durante o século XIX sufriu unha profunda transformación, engadíndoselle varias teclas extras e substituíndo o corpo, tradicionalmente de madeira escura, por outro de metal prateado. Algunhas veces vai acompañada por unha pequena frauta denominada frautín ou piccolo, máis raramente polas modalidades alta o baixa (con un son unha cuarta e unha oitava máis baixa, respectivamente).Ten un rexistro de 3 oitavas e media, o son mais grave é o do.

En Galicia temos un tipo de frauta travesa de madeira que se chama requinta.

Laurie Anderson

Laurie Anderson naceu o 5 de xuño de 1947 en Glen Ellyn, Illinois, Estados Unidos. Música, poeta, debuxante e artista experimental de performance, nos que combina música minimalista, diapositivas e reflexións irónicas sobre a linguaxe, a política norteamericana, o rol dos sexos e a civilización occidental moderna no seu conxunto. Inventou varios instrumentos, entre eles o violín de arco de cinta, o cal ten un cabezal magnético en lugar de cordas, unha cinta de son en lugar dos pelos do arco, e un traxe con sensores que disparan diversos sons de batería electrónica.

Ovo (alimento)

Este artigo trata sobre o alimento, para o concepto biolóxico véxase ovo (bioloxía).

Os ovos son un alimento de orixe animal, procedente das aves domésticas, e particularmente da galiña. Interésannos sobre todo como alimento, ó ser un ingrediente fundamental en calquera cociña, admitindo numerosas formas de preparación. Poden utilizarse como ingrediente principal ou como complemento en distintos pratos.

Son un dos alimentos máis consumidos polo ser humano e a súa produción constitúe un sector gandeiro específico, a avicultura, de considerable importancia económica.

A efectos legais, e de acordo coa regulamentación europea vixente, só pode aplicarse a denominación de ovos ós da especie Gallus gallus, sen romper, incubar nin cocer, e aptos para o consumo humano directo ou trala súa transformación en ovoprodutos. Quere isto dicir que a denominación xenérica de ovos debe aplicarse unicamente ós procedentes da galiña, mentres que para os doutras aves deberá especificarse na denominación a especie de procedencia. A práctica totalidade dos ovos comercializados, tanto en Galicia como no resto de España, son de galiña, mentres que os de paspallás, pata, pava ou ganso apenas chegan ó 0,1%.

Pavel Bazhov

Pavel Petrovich Bazhov, en ruso Павел Петрович Бажов, nado en 1879 e finado en 1950, foi un escritor ruso.

Pupa

Unha pupa (do latín pūpa, 'boneca') é un dos estadios vitais dalgúns insectos que sofren transformacións (metamorfose) entre os estados inmaturos e maduros. O estadio pupal encóntrase só nos insectos holometábolos, que experimentan unha metamorfose completa e pasan por catro estadios vitais: ovo, larva, pupa e imago (adulto). Os procesos necesarios para entrar e completar o estadio pupal están controlados polas hormonas dos insectos, especialmente a hormona xuvenil, a hormona protoracicotrópica e a ecdisona.

As pupas de diferentes grupos de insectos teñen diferentes nomes, como crisálide no caso das pupas das bolboretas. As pupas poden estar cubertas nalgúns grupos de insectos por outras estruturas como casulos, niños ou cubertas exoesqueléticas.

Relicario

Chámaselle relicario á caixa ou estoxo para gardar reliquias ou recordos dos santos e expoñelas á veneración dos fieis.

Roubo

O roubo é un crime no que se tenta tomar cousas de valor pola forza, a ameaza e o medo contra a vítima. Segundo a dereito anglosaxón, defínese o roubo como tomar a propiedade doutro, co obxectivo de privar permanentemente a esa persoa da propiedade, por medios como a forza e o medo; é dicir, é un furto acompañado por un asalto. As definicións precisas do crime poden variar entre as diferentes xurisdicións. O roubo diferénciase doutras formas de furto pola súa inherente natureza violenta; mentres que outras formas menores de furto son castigadas como delitos penais, o roubo é sempre un crime nas xurisdicións que diferencian entre os dous. Segundo a lei inglesa, moitas formas de furto son ofensas, mentres que o roubo é un acto criminal.

Entre os diferentes tipos de roubo están o roubo á man armada, que implica unha arma e o roubo agravado, que implica o uso de armas mortais. Os atracos adoitan ter lugar no exterior e en espazos públicos como beirarrúas, rúas ou aparcadoiros. O roubo dun coche é o acto de roubar un coche á vítima pola forza. A extorsión é a ameaza de facer algo ilegal, ou a oferta de non facer algo ilegal no caso de que os bens non sexan entregados. Neste caso empréganse principalmente as palabras no canto de accións.

Seta

Unha seta ou frecha é unha arma ou proxectil que consiste nunha barra fina rematada en punta, que ten unha peza feita xeralmente de plumas no outro extremo para manter a estabilidade e que se lanza mediante un arco ou unha bésta. Empregado dende a prehistoria, é común á maioría das culturas.

Unha seta consiste nunha hasta longa e fina, con sección circular, feita orixinalmente de madeira e agora tamén de aluminio, fibra de vidro ou de carbono. É afiada na punta ou armada cunha punta de frecha nunha extremidade, dispondo na outra dun engaste (nock) para fixación na corda do arco. Hai unha gran variedade dispoñíbel de tipos de puntas de seta, axeitándose ao uso que se dará á frecha: deportivo, caza ou militar. Achegado á extremidade posterior da seta colócanse superficies de estabilización que constitúen a plumaxe da frecha, a fin de axudaren na estabilización da traxectoria de voo. Xeralmente en número de tres, as plumas dispóñense ao redor da hasta formando un ángulo de 120º entre si. Nas frechas modernas as plumas fabrícanse en plástico e fíxanse cunha cola especial.

Os artesáns que fabrican setas son coñecidos como seteiros ou frecheiros, este último termo relacionado coa palabra francesa: flèche.

Tricópteros

Os tricópteros (Trichoptera) son unha orde de insectos que teñen larvas acuáticas e adultos terrestres. O nome "Trichoptera" deriva do grego θρίξ thrix, 'pelo' e de πτερόν, pteron 'á', e indica que as súas ás son peludas. Describíronse aproximadamente 14 500 especies de tricópteros, a maioría das cales poden clasificarse nas subordes Integripalpia e Annulipalpia baseándose nas pezas bucais adultas. As larvas integripalpias destes animais constrúen un estoxo portátil para protexerse cando se desprazan na procura de comida, mentres que as larvas anulipalpias contrúen un refuxio fixo no cal permanecen, esperando a que a comida se achegue a elas. Os adultos son insectos pequenos con certo parecido a avelaíñas con dous pares de ás membranosas peludas. Están estreitamente emparentados cos Lepidoptera (avelaíñas e bolboretas), os cales teñen escamas nas ás derivadas de pelos, e, de feito, as dúas ordes forman a superorde Amphiesmenoptera.

A larvas acuáticas encóntranse en diversos hábitats como regatos, ríos, lagos, lagoas, fontes e augas temporais (pozas vernais). As larvas de moitas especies usan seda para facer estoxos protectores, que adoitan estar reforzados con grava, area, paus, cachos de plantas mordidos ou outros residuos. As larvas mostran diversas estratexias de alimentación, e varias especies son predadoras, outras comen follas trituradas ou algas ou recollen partículas da columna de auga e do bentos. A maioría dos adultos teñen vidas de curta duración durante as cales non se alimentan.

Na pesca de cana con mosca, as moscas artificiais usadas con frecuencia imitan tricópteros adultos, mentres que as larvas e pupas utilízanse como isco. Os xéneros máis comúns e estendidos como Helicopsyche e Hydropsyche son importantes neste tipo de pesca. Os tricópteros son útiles como bioindicadores, xa que son sensibles á contaminación da auga e son grandes dabondo como para ser avaliados no campo.

Winky Dink and You

Winky Dink and You foi un programa infantil da televisión norteamericana que emitiu a CBS entre 1953 e 1957 presentado por Jack Barry e que protagonizaba un debuxo animado de nome Winky Dink (ao que puña voz Mae Questel) e o seu can Woofer.

Ángela Ruiz Robles

Ángela Ruiz Robles, nacida en Villamanín, León o 28 de marzo de 1895 e finada en Ferrol o 27 de outubro de 1975, foi unha mestra e inventora, precursora do libro electrónico.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.