Estatuto de autonomía de Galicia de 1981

Véxase tamén: Estatuto de autonomía de Galicia de 1936.

O Estatuto de autonomía de Galicia (ou sinxelamente Estatuto de Galicia), é a norma institucional básica de Galicia. No marco da Constitución española de 1978, o Estatuto de Galicia, recoñece a esta comunidade autónoma a súa condición de nacionalidade histórica. Di que os poderes nos que se basea son o propio Estatuto, a Constitución e o pobo galego. Establece un marco democrático de solidariedade entre todos cantos integran o pobo galego.

Tivo o seu precedente no Estatuto de autonomía de Galicia de 1936, aprobado o 28 de xuño de 1936 por maioría en referendo, cando era xefe do goberno da Segunda República Española o galego Santiago Casares Quiroga.

No estatuto recóllese entre outras cousas:

Flag of Galicia
  • O recoñecemento do galego como lingua propia de Galicia (e a cooficialidade co castelán)
  • Os símbolos propios do país galego: bandeira, escudo,...
  • A división e organización administrativa do territorio en provincias, comarcas e parroquias rurais
  • O recoñecemento das comunidades galegas no estranxeiro
  • Facenda e patrimonio propios
  • Diversas competencias de acordo coa Constitución e as leis de solidariedade entre as comunidades que conforman España.

Logo de ser aprobado en referendo polo pobo galego o 21 de decembro de 1980, aínda que cunha moi baixa participación na votación, o 6 de abril de 1981, este estatuto foi asinado por O rei Xoán Carlos I de España, e polo presidente do goberno Leopoldo Calvo Sotelo Bustelo, no Palacio Real de Madrid.

Historia

A Asemblea de Parlamentarios galegos constituída o 25 de xullo de 1979, que de acordo co artigo 151 da Constitución Española de 1978, tiña as competencias para elaborar e aprobar o proxecto de autonomía, acordou nomear unha comisión composta por 16 representantes de partidos con e sen representación parlamentaria para elaborar un primeiro texto. 8 dos membros pertencían á UCD, 2 ao PSOE, 2 a AP, 1 ao PCG, 1 ao POG, 1 ao PG e 1 ao PTG. O texto que elaborou esa comisión coñeceuse como o Estatuto dos 16 e foi considerado por partidos nacionalistas e de esquerdas como pouco ambicioso e de segunda orde en relación a Cataluña e o País Vasco, polo que se convocou unha manifestación en Vigo para o 4 de decembro de 1979 que resultou multitudinaria, dando lugar a que Adolfo Suárez recoñecera que se errara na elaboración do estatuto galego.

Véxase tamén

Outros artigos

Bibliografía

  • Díaz, Ceferino (2007). A esforzada conquista da autonomía, 1979-1981. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 978-84-9865-042-6.

Ligazóns externas

21 de decembro

O 21 de decembro é o 355º día do ano do calendario gregoriano e o 356º nos anos bisestos. Quedan 10 días para finalizar o ano.

Camilo Nogueira Román

Camilo Nogueira Román, nado o 22 de novembro de 1936 na parroquia e -daquela- concello de Lavadores (hoxe integrado no de Vigo) é un enxeñeiro e economista galego, máis coñecido pola súa faceta política, historicamente vinculada a partidos nacionalistas galegos de esquerda e desde 1994 ao Bloque Nacionalista Galego (BNG).

Centro Superior Bibliográfico de Galicia

O Centro Superior Bibliográfico de Galicia (CSBG) foi un organismo creado pola lei 14/1989, do 11 de outubro, de bibliotecas, e que en 2011 foi incorporado á Biblioteca de Galicia.

As súas funcións eran a de ser a cabeceira do Sistema Bibliotecario de Galicia, así como a de conservar e difundir o patrimonio bibliográfico do país.

Consello de Contas

O Consello de Contas de Galicia é unha institución da Xunta de Galicia que depende organicamente do Parlamento de Galicia, segundo a Lei Orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de Autonomía. O Consello de Contas é o organismo encargado de fiscalizar a xestión económica, financeira e orzamentaria do sector público galego, e de control de eficiencia da Xunta. O inicio das súas actividades produciuse o 1 de marzo de 1991, ao tomaren posesión dos seu cargo os cinco conselleiros designados polo Parlamento de Galicia. A súa sede atópase en Santiago de Compostela.

A función fiscalizadora do Consello de Contas, que opera con plena independencia do poder político, pode ser exercida directamente, tanto de oficio como por pedimento, no Parlamento Galego; tamén, por outra banda, pode delegar as súas funcións ao Tribunal de Cuentas do Estado español, ou aos órganos de control externo da Comunidade Económica Europea, de conformidade coa lexislación que fose aplicable.O seu presidente é José Antonio Redondo López.

Estatuto de Galicia

Estatuto de Galicia pódese referir a:

o Estatuto de Galicia de 1936;

o Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981.

Estatuto de autonomía

O estatuto de autonomía é a norma básica dos distintos gobernos das comunidades autónomas do Estado español, e como tal figura na Constitución española de 1978 no seu artigo 81. Nos estatutos recóllese o nome da comunidade, a súa delimitación territorial, os nomes e sedes dos seus órganos autonómicos, as competencias que asumen e as linguas oficiais do territorio.

Estatuto de autonomía de Galicia de 1936

O Estatuto de autonomía de Galicia de 1936 foi un estatuto de autonomía, apoiado maioritariamente en referendo o 28 de xuño, pero que non chegou a ser aprobado en Cortes, e tan só foi admitido a trámite, por mor da guerra civil española e tamén debido a que Galicia foi territorio en poder dos sublevados dende o inicio da contenda.

O proceso autonómico galego foi protagonizado nun primeiro momento polos republicanos da Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA), entre eles os nacionalistas Villar Ponte e Lois Peña Novo . A ORGA foi sempre maioritaria nas comisións redactoras, nas Asembleas etc. ata 1932. Porén, a partir da aprobación do proxecto estatutario na Asemblea de municipios celebrada en Santiago de Compostela a finais de 1932, foi o Partido Galeguista o verdadeiro impulsor e dinamizador do proceso estatutario, especialmente na preparación e desenvolvemento do plebiscito de 1936 e en tódolos pasos seguintes.

Francisco Vázquez Vázquez

Francisco José Vázquez Vázquez, nado na Coruña o 9 de abril de 1946, é un político galego. Foi alcalde da Coruña durante vinte e tres anos, entre 1983 e 2006, e até 2011 foi o embaixador español no Vaticano.

Galicia

Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal.

Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.

Santiago de Compostela é a capital, cun estatuto especial dentro da provincia da Coruña. Galicia posúe 2 718 525 habitantes (2016), cunha distribución poboacional que aglomera a meirande parte na franxa entre Ferrol e Vigo. En Galicia, os núcleos urbanos con rango de cidade son sete, que segundo criterios poboacionais son os seguintes: Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo, Santiago de Compostela, Pontevedra e Ferrol. Ten unha superficie de 29 574,4 km².

O concello máis poboado é o de Vigo con 292 817 habitantes e o menos poboado o de Negueira de Muñiz con 215 habitantes no 2016. O concello máis extenso é o da Fonsagrada cunha superficie de 438,4 km² e o máis pequeno o de Mondariz-Balneario con 2,3 km². A Coruña é o concello con maior densidade de poboación con 6449,32 hab./km² e Vilariño de Conso é o que ten menor densidade de poboación con 2,92 hab./km² no 2016.

Historia de Santiago de Compostela

A historia de Santiago de Compostela remóntase a prehistoria, a cultura castrexa, a pegada dos romanos, e como punto de inflexión o achado do enterramento do Apóstolo Santiago. A partir dese momento a cidade conformarase entorno ao centro de poder representado polo Arcebispo de Santiago e a súa representación física, a Catedral. O Camiño de Santiago marcou dende entón o devir da cidade.

Lingua galega

O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.

O galego moderno forma parte do grupo de linguas ibero-occidentais, unha familia de linguas románicas que inclúen o portugués, e que se desenvolveu dende o latín vulgar falado na provincia de Gallaecia, e evolucionou ao que os lingüistas chaman galaico-portugués, falado no Reino de Galicia. As diverxencias dialectais son observables entre as formas do norte e do sur do galaico-portugués en textos do século XIII, mais as dúas variedades eran semellantes abondo para manter un alto grao de unidade até mediados do século XIV, coa literatura galego-portuguesa medieval. A diverxencia continuou até o presente, producindo as modernas linguas galega e portuguesa.O léxico do galego é predominantemente de orixe latina, malia que tamén contén un certo número de palabras de orixe celta e xermánica, entre outros substratos e adstratos. Tamén incorporou certo número de palabras do árabe de Al-Andalus, principalmente a través do castelán.

A Real Academia Galega é consonte a Lei de Normalización Lingüística vixente, a entidade competente para a fixación das normas da lingua galega, non obstante as actuais normas elaboráronse na súa orixe conxuntamente co Instituto da Lingua Galega, teñen tamén un papel destacado o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e o Consello da Cultura Galega.

Os Pinos

Os Pinos é o himno galego, un texto poético de Eduardo Pondal de 1890, incluído, dende 1935, nas edicións do libro de poemas Queixumes dos pinos (1886), concretamente das dúas primeiras partes, musicado por Pascual Veiga. Foi adoptado oficialmente como himno trala aprobación do Estatuto de autonomía de Galicia de 1981.

Partido Socialista Galego

O Partido Socialista Galego ou PSG foi un partido galego nacionalista de esquerdas fundado na clandestinidade en 1963 e fusionado con Esquerda Galega en 1984.

Presidencia da Xunta

A presidencia da Xunta é ostentada pola persoa encargada de liderar a Xunta de Galicia, o máximo órgano executivo do ámbito competencial galego, e de representar a Galicia no exterior. É elixida polo Parlamento de Galicia, entre os seus deputados (artigo 15.2, do Estatuto de Autonomía) escollidos á súa vez por sufraxio universal.

O goberno de Galicia foi establecido o 16 de marzo de 1978 e foi reforzado polo Estatuto de autonomía de Galicia de 1981, ratificado o 28 de abril de 1981. O seu período de goberno é de catro anos, que poden ser renovables as veces que os galegos e as galegas queiran.

Dende 2009, a presidencia da Xunta de Galicia está rexida polo ourensán Alberto Núñez Feijóo.

Referendo do estatuto de autonomía de Galicia de 1980

O referendo de autonomía de Galicia de 1980 celebrouse o 21 de decembro, no que votou o 28,26% do censo electoral (2 172 898 electores inscritos). Dos 614 218 votos emitidos, 450 556 foron a prol (o 73,35%), 121 448 en contra e 28 381 en branco. A pregunta do referendo foi “Acepta o proxecto de autonomía para Galicia?”.A participación xa se supuña que sería baixa polo que na campaña oficial se empregou o lema “Aínda que chova, vota”.

Unidade Galega (coalición)

Para o partido político formado en 1991, vexa Unidade Galega (partido)

Unidade Galega (UG), foi unha coalición formada polo Partido Obreiro Galego, o Partido Socialista Galego e o Partido Galeguista en 1979.

A fin da coalición era a defensa dunha autonomía semellante á de Cataluña e o País Vasco e a consecución dun grupo nacionalista no Congreso dos Deputados para negociar o Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981. Aínda que nas eleccións xerais de 1979 obtivo 58.391 votos (5'35 %) non conseguiu representación parlamentaria. Nas eleccións municipais de 1979 tivo 68.759 votos (6'35 %) e conseguiu 141 concelleiros e a alcaldía da Coruña para Domingos Merino.

As diferenzas no seo da Unidade Galega sobre a estratexia a seguir no proceso autonómico e a diferente postura dos partidos integrantes sobre a conveniencia de entrar na Comisión dos 16 (encargada de elaborar o proxecto de Estatuto) levaron á desaparición da coalición a finais de 1980.

Valedor do Pobo de Galicia

O Valedor do Pobo é o comisionado do Parlamento de Galicia para a defensa dos dereitos e liberdades dos galegos, de acordo co establecido no título I da Constitución española e no Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981.

Xunta de Galicia (homónimos)

Xunta de Galicia é o nome de varias estruturas nas que se organizou o poder político en Galicia ao longo da súa historia:

Xunta do Reino de Galicia, institución creada en 1528, que foi a representación do Reino de Galicia cando este formaba parte da Coroa de Castela, e que perdurou, con algunhas interrupcións, até a reforma liberal do Estado, en 1833. Era un organismo colectivo formado polos deputados das 7 cidades ou provincias (Santiago, Betanzos, A Coruña, Lugo, Mondoñedo, Ourense e Tui) que se reunían para trataren asuntos relacionados co conxunto do Reino. A súa orixe non está clara, e hoxe en día acéptase que hai unha relación directa entre a Xunta e as reunións da Santa Irmandade, das que partiría o costume de manter reunións periódicas entre os representantes das principais cidades para resolver as cuestións relativas ao repartimento de tributos e ás levas militares.

Xunta Suprema do Reino de Galicia ou Xunta Suprema de Galicia, goberno realmente soberano de Galicia durante o ano 1808, ao comezo da Guerra da Independencia, cando Galicia era o único territorio do Reino de España libre (aínda) da presenza do exército francés, e que foi creada para dirixir a loita contra os franceses e manter a orde pública. A Xunta Suprema asumiu funcións militares, lexislativas e de relacións internacionais até a creación da Xunta Central Española.

Xunta Superior de Galicia, creada en decembro de 1809 en canto saíron de Galicia os franceses e se lle encargou, pola Xunta Central ao Capitán Xeneral de Galicia que recuperara o poder que tradicionalmente exercera. Nalgunhas atribucións foi a sucesora da Xunta Suprema (que desapareceu en decembro de 1808), pero sen nigún poder político, sendo máis ben unha delegación da Xunta Central no país.

Xunta Superior de Galicia, xunta que, en 1836, constituíron os carlistas galegos na Coruña, ao comezo da primeira guerra carlista.

Xunta Central de Galicia, constituída en 1843 (pouco despois da supresión da Xunta do Reino de Galicia) e presidida por Xosé Maria Suances, oposta á rexencia de Baldomero Espartero.

Xunta Superior de Galicia, organizada no curso da Revolución de 1846 impulsada por Miguel Solís e fundada en Santiago baixo a presidencia de Pío Rodríguez Terrazo e da que era secretario Antolín Faraldo; remataría co fusilamento dos Mártires de Carral (Solís incluído).

Xunta de Galicia, órgano do poder executivo de Galicia desde 1978, ao abeiro da Constitución española de 1978 e do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981, actualmente vixentes.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.