Estatua

Unha estatua é a obra escultórica elaborada, polo xeral, a imitación do natural. A escultura é considerada unha das Belas Artes.

As estatuas teñen sido un elemento constante en moitas culturas e sociedades. Con elas, imitando modelos reais, inténtase evocar deuses, personaxes ou conceptos como a liberdade, a xustiza etc. Agrupadas, formando conxuntos escultóricos, poden representar escenas que conmemoran acontecementos históricos, mitolóxicos, relixiosos, ideas simbólicas ou escenas costumistas. Algunhas son creadas para embelecer lugares frecuentados polo público. O que o concepto da estatua inspira, foi incluído en obras creativas, dende o xogo infantil as estatuas de marfíl, até a ópera Don Giovanni de Mozart.

Fotos Galicia II 027
Estatua do escritor Valle-Inclán, na cidade de Pontevedra
Alma máter

Alma máter é unha locución latina que significa literalmente "nai nutricia" (que alimenta) e que se emprega para referirse metaforicamente a unha universidade, aludindo á súa función provedora de alimento intelectual, xeralmente para referirse ao sitio onde determinada persoa cursa ou cursou os seus estudos universitarios.

A locución era empregada na Antiga Roma para describir á deusa nai e, máis tarde, á Virxe María, pero a orixe do seu uso actual é o lema Alma Mater Studiorum («nai nutricia dos estudos») da universidade máis antiga do mundo occidental en funcionamento ininterrompido: a Universidade de Boloña, fundada en 1088. A locución pasou a moitas linguas modernas co significado de academia no sentido de comunidade científica.

En relación, ha de engadirse que a palabra matriculación, por exemplo, derívase tamén de mater. De aí suxírese que a institución universitaria alimenta de coñecementos e coida dos seus alumnos.

Emprégase tamén para describir a unha persoa que é a forza impulsora dunha institución ou iniciativa. Este uso é impropio e derívase de interpretar «alma» como o substantivo equivalente a «espírito vivificador» (do latín anima), e non como o adxectivo latino (almus, -a, -um) que significa «nutricio» (do verbo alere, alimentar).

Basílica de San Pedro

A basílica papal de San Pedro (en latín: Basilica Sancti Petri, en italiano: Basilica Papale di San Pietro in Vaticano), coñecida comunmente como basílica de San Pedro, é un templo católico situado na Cidade do Vaticano. Con 193 metros de lonxitude, 44,5 metros de altura e 2,3 hectáreas de superficie, é a igrexa cristiá máis grande do mundo. A altura que lle confire a súa cúpula fai que sexa unha característica dominante no horizonte de Roma. É considerada como un dos lugares máis sagrados do catolicismo. Describiuse como «ocupante dunha posición única no mundo cristián», e como «a máis grande de todas as igrexas da cristiandade». É unha das catro basílicas maiores.

Na tradición católica, a basílica atópase situada sobre o lugar do enterro de san Pedro, que foi un dos doce apóstolos de Xesús de Nazaret, primeiro bispo de Antioquía, primeiro bispo de Roma e, polo tanto, o primeiro dos pontífices. A tradición e as evidencias históricas e científicas sosteñen que a tumba de San Pedro está directamente debaixo do altar maior da basílica; por mor disto, moitos papas foron enterrados en San Pedro desde a época paleocristiá. No sitio da actual basílica foron construídas igrexas desde o século IV. A construción do actual edificio, sobre a antiga basílica constantiniana, comezou o 18 de abril de 1506, por orde do papa Xulio II, e finalizou o 18 de novembro de 1626.Como obra arquitectónica, é considerada como o maior edificio da súa época. Malia a crenza popular, San Pedro non é unha catedral, xa que a Arquibasílica de San Xoán de Latrán é a catedral de Roma.

Dea Matrona

Na mitoloxía celta, Dea Matrona ("Deusa nai divina") foi unha deusa do río Marne da Galia.

Nalgunhas áreas foi adorada como unha divindade tripla, e era coñecida como Deae Matres (ou Deae Matronae). O teónimo galo Mātr-on-ā interprétase co significado de "gran nai". O nome da figura mitolóxica galesa Modron, nai de Mabon, deriva do mesmo étimo. Por analoxía, Dea Matrona podería ter sido a nai do Maponos galo.

Delfos

Aos pés do monte Parnaso en Focea, Delfos é o lugar dun santuario panhelénico onde falaba o oráculo de Apolo a través da súa profetisa, a Pitia ; tamén albergaba o ónfalos ou «embigo do mundo». Investido cun significado sagrado, Delfos foi do século -VI ao -IV o verdadeiro centro e o símbolo da unidade do mundo grego.

Os santuarios panhelénicos eran complexos arquitectónicos externos ás cidades: constituían os únicos lugares onde todos os antigos gregos, e algúns bárbaros (lidios e etruscos) tomaban parte en celebracións relixiosas comúns.

Erecura

Erecura (tamén chamada Herecura, Aerecura, Eracura) foi unha deusa adora na antigüidade de orixe celta. É representada cos atributos de Proserpina e está asociada co deus romano do inframundo Dis Pater. Aparece con este último nunha estatua atopada en Oberseebach, Suíza e en varios textos máxicos de Austria, na compaña de Cerberus ou de Ogmios. Outra inscrición dedicada a ela foi atopada preto de Stuttgart, Alemaña. Orixinalmente puido ser unha deusa da terra, asociada coa fertilidade, a cornucopia e cestos de mazás.

Estatua da Liberdade

«Liberty Enlightening the World» (A liberdade iluminando o mundo), coñecida como a Estatua da Liberdade (en inglés: The Statue of Liberty; en francés: Statue de la Liberté), é un dos monumentos máis celebres dos Estados Unidos de América localizado na entrada do porto de Nova York desde o 28 de outubro de 1886 (atópase na illa da Liberdade ao sur da illa de Manhattan, xunto á desembocadura do río Hudson e preto da illa Ellis). Conmemora o centenario da sinatura da Declaración de Independencia dos Estados Unidos e é un regalo en xesto de amizade de Francia para cos Estados Unidos de América. Foi proxectada e construída polo escultor alsaciano Frédéric Auguste Bartholdi (1834-1904), que supostamente usou a súa nai como modelo. Para a construción da estrutura metálica interna da estatua, Bartholdi contou coa asistencia do enxeñeiro francés Gustave Eiffel, coñecido como autor da Torre Eiffel de París.

A estatua é dunha figura feminina vestida que representa a deusa romana Libertas que leva un facho na man dereita e unha tabula ansata (unha tableta que evoca a lei) na man esquerda sobre a cal está inscrita a data da Declaración Americana de Independencia, o 4 de xullo de 1776. A os seus pés atópase unha cadea rota.

A Estatua da Liberdade, ademais de ser un monumento importante na cidade de Nova York, converteuse nun símbolo en Estados Unidos e representa, nun plano máis xeral, a liberdade e emancipación con respecto á opresión. Desde a súa inauguración en 1886, a estatua foi a primeira visión que tiñan os inmigrantes europeos ao chegar a Estados Unidos tras a súa travesía polo océano Atlántico. En termos arquitectónicos, a estatua recorda o famoso Coloso de Rodas, unha das «sete marabillas do mundo». Foi nomeada para as «novas sete marabillas do mundo», onde resultou finalista. O nome asignado pola Unesco é «Monumento Nacional Estatua da Liberdade». Desde o 10 de xuño de 1933 encárgase da súa administración o National Park Service dos Estados Unidos.

O 15 de outubro de 1924, a estatua foi declarada como monumento nacional dos Estados Unidos e o 15 de outubro de 1965 engadiuse a illa Ellis. Desde 1984 está considerada Patrimonio da Humanidade pola Unesco.

Fidias

Fidias, en grego Φειδίας / Pheidias (Atenas, 490 a. C. – Olimpia, 430 a. C.), foi un escultor da Antiga Grecia, pintor e arquitecto, pertencente ao primeiro clasicismo grego.

Deseñou as xigantescas estatuas da deusa Atenea no Partenón de Atenas e a colosal Estatua de Zeus en Olimpia, no décimo V a.C.. Parece ser que parte das súas obras foron executadas en tempo de Pericles, que exerceu o goberno en solitario despois do ano 447 a.C..

Francisco Pizarro

Francisco Pizarro, nado en Trujillo (Cáceres) o 16 de marzo de 1478 e finado en Lima o 26 de xuño de 1541, foi un explorador e conquistador castelán.

Homero

Homero (en grego antigo Ὅμηρος Hómēros; c. século VIII a. C.), é o suposto autor das obras literarias máis antigas coñecidas en Europa, os poemas orais épicos a Ilíada e a Odisea. Considerado o pai da cultura grega, foi o primeiro gran poeta grego que consagrou o xénero, ademais consérvanse del a épica menor cómica Batrachomyomachia (literalmente:"A batalla das rás e dos ratos») e os corpus dos himnos homéricos.

É difícil establecer con certeza se Homero foi un individuo histórico ou unha identidade construída, e se é o autor das dúas célebres epopeas que son os alicerces da literatura occidental. Todo isto é o tratado na cuestión homérica. Malia isto, numerosas vilas xónicas (Quíos, Esmirna, Cime ou mesmo Colofón) dispútanse a orixe do aedo. Por outra banda, a tradición individualízao ó atribuírlle que era cego.

Mesopotamia

Mesopotamia (do grego, mésos e potamós: entre ríos) é unha rexión xeográfica histórica do Oriente Medio, delimitada entre os ríos Tigris e Éufrates, ocupada polo actual territorio do Iraq. Os ríos desembocan no Golfo Pérsico e a rexión está rodeada por desertos.

Naria

Naria é unha deusa celta que foi adorada na parte oeste do que hoxe se coñece como Suíza. A súa natureza e atribucións son descoñecidas.

É mencionada un par de veces en inscrición atopadas pertencentes á era galo-romana. Unha delas, unha pedra altar de Cressier, lese Nariae Novsantiae T. Frontin. Hibernvs V.S.L.M, que significa: "A Naria Nousantia, Titus Frontinius Hibernus de bo grado e con razón cumpriu a súa promesa". O epíteto 'Nousantia' é tamén descoñecido. A outra inscrición está na base dunha estatua. Nesa inscrición lese Deae Nariae Reg(io) Arvre(nsis) Cvr(ante) Feroc(e) L(iberto).

Palencia

Palencia é unha cidade e concello español situada na comunidade de Castela e León, capital da provincia do mesmo nome situada na chaira de Terra de Campos, na beira do río Carrión. Situada a 749 m de altitude, dista 235 km de Madrid e conta cunha poboación de 80.649 habitantes (INE 2013) sobre unha extensión de 94,71 km². É a terceira cidade máis industrializada de Castela e León tras os focos de Valladolid, Burgos e diante de Miranda de Ebro.

Reims

Reims é unha cidade do nordés de Francia, situada a 129 km de París. É a maior cidade da rexión de Gran Leste, aínda que non é capital do seu departamento, Marne.

Está situada nunha chaira na ribeira dereita do Vesla, afluente do Aisne, e sobre a canle que conduce o Aisne ao Marne. Ao sur e ao oeste elévase a Montaña de Reims, e nesa mesma dirección atópanse os viñedos de Champaña. Os principais lugares de Reims son a Place Drouet d'Erlon, a Place Royale, no centro, onde se atopa unha estatua de Luís XV, e a place du Parvis, onde hai unha estatua de Xoana de Arco. A Rue de Vesle, a arteria máis importante, atravesa a cidade de suroeste a nordés.

A superficie da cidade é de 47,02 km² e a súa poboación en 2008 era de 188.078 habitantes.

Templo

Un templo é un edificio destinado ao culto relixioso ou a actividades espirituais, tales como a oración, a realización de sacrificios, ou a celebración doutro tipo de rituais relixiosos. Algunhas tradicións relixiosas manteñen nomes específicos para os seus templos primarios, igrexa no caso do cristianismo, mesquita no islam, pagode no caso de certas tradicións do budismo, sinagoga no caso do xudaísmo, salón do Reino nas Testemuñas de Xehová.

Os primeiros templos dos que se teñen noticia foron os de Mesopotamia. Tratábase de edificios rectangulares que co tempo evolucionaron a edificios sobre unha plataforma, dentro dela quedaban os restos do templo anterior, así ata que no século XXI a.C. surdiu o Cigurat, un templo situado sobre varias plataformas de tamaño decrente.

Os templos exipcios eran edificios longos, o seu interior dividíase en varias estancias, algunhas con columnas, ata o extremo final onde se atopaba a cela coa estatua do deus onde os exipcios idolatraban aos seus deuses a través de sacerdotes especializados.

O helenismo expandiu por todo Occidente e Oriente Medio o templo grego, un edificio rectangular dunha soa habitación cun portal columnado con diferentes capiteis dos tres estilos decorativos gregos(dórico, xonio e corintio). De Grecia pasou a Roma, onde estes colocaron o templo grego sobre unha plataforma.

Na idade media o cristianismo adoptou un edificio romano civil,a basílica, ata que adoptou a planta en forma de cruz. Este modelo mantívose ata o século XX, pasando polos estilos prerrománico, románico, gótico, renacentista, barroco e neogótico ata o Movemento Moderno.

Mentres no outro lado do mundo o budismo reutilizaba a arquitectura de relixións anteriores par as súas stupas, pagodas e wans e así o túmulo no que rezaban aos antergos converteuse nas stupas e os templos das relixiósn animistas pasaron a sincretizarse co Buda erguendo templos cun altar coa súa estatuaria en diferentes posturas e tamaños.

No Islam adoptous eo modelo xudeu da Sinagoga pero con engadidos das igrexas cristiás orientais, sumándolle así o minarete á mesquita, que encheron con decoración abstracta de motivos xeométricos e versículos do Corán.

Vilalba, Vilalba

Santa María de Vilalba é unha parroquia metropolitana do concello de Vilalba (Lugo). Segundo o IGE en 2015 tiña 5924 habitantes (2827 homes e 3097 mulleres), 1238 máis ca en 1991.

O único lugar da parroquia é a vila de Vilalba, capital do concello ao que dá nome.

Ábsida

A ábsida é a parte rectangular, semicircular ou poligonal detrás do altar e que sobresae da cabeceira dunha igrexa. Orixinalmente era un nicho no que se colocaba a estatua dunha deidade nos templos romanos. Os templos paleocristiáns construíronse baseados nas basílicas romanas, e na ábsida integrouse o presbiterio e o altar. Na Idade Media xeralizouse o emprego da ábsida, converténdose nun dos elementos máis característicos da arquitectura románica, bizantina e gótica.

As ábsidas pequenas nas que remata unha nave lateral ou que se abren no deambulatorio ou, por veces, no transepto, denomínanse absidiolas.

Óscar Honorífico

O Óscar Honorífico (Academy Honorary Award) , creado en 1948 na 21ª edición dos Óscar (chamado previamente Special Award), é un dos premios entregados anualmente pola Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas. Os receptores do premios son elixidos pola administración da Academia.

O Óscar Honorífico entrégase na cerimonia anual dos Governors Awards.

Óscar Xuvenil

O Óscar xuvenil (Academy Juvenile Award ou Juvenile Oscar) foi un Óscar honorífico entregado pola Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas segundo decisión da Xunta de Gobernadores para recoñecer actores de menos de dezaoito anos pola súa "importante contribución ao entretemento".O trofeo era unha estatua en miniatura dun Óscar que medía aproximadamente sete polgadas de alto. O premio entregouse entre 1935 e 1961.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.