Estado do Río de Xaneiro

O Estado do Río de Xaneiro,[1] localizado na Rexión Sueste do Brasil ten como capital a cidade do Río de Xaneiro. Ten como límites o estado de São Paulo ao suroeste, o Océano Atlántico ao sur e leste, o Espírito Santo ao norte e nordeste e Minas Xerais ao oeste e noroeste.

Estado do Río de Xaneiro
Bandeira de Río de Xaneiro
Escudo de Río de Xaneiro
BandeiraEscudo
Rio de Janeiro in Brazil
Lema: Recte Rem Publicam Gerere
(Latín: Xestionar a cousa pública con xustiza)
Himno: Hino do Rio de Janeiro
EstadoFlag of Brazil.svg Brasil
CapitalRío de Xaneiro
 • Poboación6 323 037 (2010)
Lingua oficialPortugués
Forma de gobernoEstado
Gobernador
Luiz Fernando Pezão (PMDB)
Fundación1889
SuperficiePosto 24º
 • Total43.696 km²
 • % augan/d
Fronteirasn/d km
Costas636 km
PoboaciónPosto 3º
 • Total16 231 365 (2012) hab.
 • Densidade370 hab./km²
Xentiliciofluminense
Fuso horarioBRT (UTC-3)
 • Horario de veránBRST (UTC-2)
Dominio de Internet.br
Código ISOBR-RJ
Estados do Brasil

Historia

Á época do establecemento do sistema de Capitanías Hereditarias en Brasil, o territorio do actual estado do Río de Xaneiro atopábase comprendido en tramos da Capitanía de San Tomé e da Capitanía de São Vicente.

Serigipe 1560 Forte Coligny
Batalla na Baía de Guanabara entre franceses e portugueses en 15 de marzo de 1560, que culminou coa destrución da Fortaleza Coligny.

A rexión non foi inmediatamente colonizada polos portugueses, en virtude da hostilidade dos indíxenas establecidos no litoral. Entre 1555 e 1567, a baía de Guanabara foi ocupada por un grupo de colonos franceses, baixo o mando de Nicolas Durand de Villegaignon, que aquí pretendían instalar unha colonia chamada Francia Antarctica ("France Antartique"). Para evitar esta ocupación e asegurar a posesión do territorio para a Coroa de Portugal, en 1 de marzo de 1565, foi fundada a cidade de Río de Xaneiro, por Estácio de Sá, vindo a constituírse a Capitanía Real do Río de Xaneiro.

Entre 1583 e 1623 a principal rexión produtora de azucre no sur de Brasil desprazouse da Capitanía de São Vicente para a do Río de Xaneiro, preto da baía de Guanabara. A fins do século XVII había 120 grandes plantacións de cana na rexión. A gandería e o cultivo de cana de azucre impulsaron o progreso, definitivamente asegurado cando o porto comezou a exportar ouro extraído de Minas Xerais desde finais do século XVII. De inicio o ouro era transportado desde as rexións mineiras de Vila Rica, actual Ouro Preto, ata o porto de Parati polo chamado Camiño Vello[2] pero a necesidade dunha vía que chegase máis rápido ao litoral fixo con que fose aberto o Camiño Novo, que chegaba á baía de Guanabara moi preto da cidade de Río de Xaneiro.

En 1763, a cidade do Río de Xaneiro foi transformada en sede do Vice-reino de Brasil e capital da colonia. Co cambio da familia real portuguesa cara a Brasil en 1808, tamén na época da ocupación da Península Ibérica por Napoleón Bonaparte, a rexión foi moi beneficiada con reformas urbanas para albergar a Corte portuguesa.

De entre as melloras introducidas, destácanse: a transferencia de órganos de administración pública e xustiza, a creación de novas igrexas, hospitais, cuarteis, fundación do primeiro banco do país - o Banco do Brasil - e a Prensa Real. Os anos seguintes tamén xurdiron o xardín botánico, a Biblioteca Real (hoxe Biblioteca Nacional) e a Academia Real Militar, antecesora da actual Academia Militar das Agulhas Negras.

Logo da transferencia da Corte portuguesa para a cidade do Río de Xaneiro, a autonomía que a súa provincia tanto aspiraba non foi alcanzada da mesma forma que nas demais, xa que ao ministro do Reino, cargo que foi practicamente un substituto para o de Vice-Rei con relación á provincia, era confiada a súa administración. Ademais a cidade do Río era a capital do Imperio, e un ministro administraba a provincia enteira por medio de decretos dirixidos ás Cámaras Municipais das outras cidades. Estas crecían rapidamente, debido ao crecemento do cultivo de café, que xa superaba o plantío de cana no norte da provincia.

Rio de Janeiro - Pão de Açucar - Cablecar
Pan de Azucre.

Estas diferenzas en relación á demais unidades administrativas do país fixeron con que, o ano de 1834, a cidade do Río fose transformada en Municipio Neutro e desmembrada da provincia, permanecendo como capital do país. Xa a Provincia do Río de Xaneiro pasou a ter a mesma organización política e administrativa das outras, e a súa capital pasou a ser Vila Real da Praia Grande, localidade bautizada en 1835 de Niterói. Así continou cando da proclamación da república en Brasil, o 1889, cando a provincia do Río de Xaneiro tornouse estado. Cando da transferencia da capital do Brasil para Brasilia, o 21 de abril de 1960. Dende o día da transferencia da capital brasileira ata o ano 1975, a cidade do Río de Xaneiro tornouse un estado, formado por unha única cidade, o estado da Guanabara.

Logo da edición da Lei Complementaria nº20 en 1974, asinada polo presidente Ernesto Geisel, fundíronse os estados da Guanabara e do Río de Xaneiro, en 15 de marzo de 1975. A capital do novo estado (que mantivo o nome do Río de Xaneiro) pasou a ser a cidade do Río de Xaneiro, volvéndose a situación política e territorial anterior a 1834, ano da creación do Municipio Neutro. Foron mantidos aínda os símbolos do antigo estado do Río de Xaneiro, mentres os símbolos da Guanabara pasaron a ser os símbolos da cidade do Río de Xaneiro.

Xeografía

O clima predominante é o tropical quente e húmido, pero atenuado nas cidades situadas nas montañas que cortan o estado.

Relevo

Itatiaia national park
Montañas do Parque Nacional do Itatiaia, na divisa co Minas Xerais.

O estado é atravesado por baixadas e montañas paralelas ó litoral. Ó sur do estado, estas montañas quedan máis próximas ó mar, nas cidades de Paratí e Angra dos Reis. Próximo á cidade do Río de Xaneiro o relevo ábrese nunha extensa planicie cortada por ríos, chamada Baixada Fluminense. Esta rexión é cortada pola estrada Presidente Dutra, que liga a cidade do Río de Xaneiro á cidade de São Paulo e ten moitas industrias, pero a maioría de súa poboación traballa na cidade do Río de Xaneiro.

Dedo de Deus Teresopolis
Montaña Dedo de Deus, co 1692 m de altitude no cumio, na rexión serrana do estado do Río de Xaneiro.

Non moi lonxe da cidade do Río de Xaneiro sitúanse tres cidades de clima de montaña, máis ameno e un pouco máis frío nos invernos: Petrópolis, Teresópolis e Nova Friburgo. Estas tres cidades serven de refuxios para os cariocas, habitantes da cidade do Río de Xaneiro, cando buscan un clima menos quente, lonxe das praias.

Próximo da divisa do estado do Río de Xaneiro co estado de São Paulo e co Minas Xerais sitúanse dúas outras cidades de montaña: Itatiaia e Penedo (esta última e unha pequena freguesía da cidade de Resende).

Economía

Industria

O estado do Río de Xaneiro ten un antigo pero importante parque industrial, concentrado no Vale do Río Paraíba do Sul (cidades de Resende, Porto Real e Volta Redonda) e na Baixada Fluminense (Duque de Caxias, Nova Iguaçu, Queimados). A máis coñecida industria do estado é a Compañía Siderúrxica Nacional (CSN), produtora de aceiro situada en Volta Redonda. En Porto Real sitúase a fábrica brasileira da Peugeot, e en Resende, unha fábrica de camións da Volkswagen. Tamén se pode destacar a industria naval na cidade do Río de Xaneiro e na veciña Niterói. Xa na Baixada Fluminense podemos salientar o refino de petróleo e a industria petroquímica, na cidade de Duque de Caxias.

Extracción mineral

O estado ten grandes reservas de petróleo e gas natural na chamada Bacia de Campos situada na costa, próximo á cidade de Campos dos Goitacazes. Este xacemento submarino é responsábel dun 83 % da produción de petróleo brasileira, e axudou o Brasil a case tornarse autosuficiente en petróleo cru. Outra grande produción no estado do Río de Xaneiro é de sal mariña, nas cidades de Cabo Frio e Araruama.

Agricultura e gandería

A cidade de Campos, ó norte do estado, destaca pola produción de cana de azucre e pola creación de gando leiteiro. Parte desta produción é exportada para outros estados.

Angel beach
Praia dos Anjos, en Arraial do Cabo, cidade a 160 km do Río.

Pero unha das máis importantes actividades económicas do estado é o turismo. Especialmente o dirixido á capital do estado, coas súas praias (Copacabana, Leme, Leblon, Ipanema, Barra da Tijuca), o Cristo Redemptor e a montaña Pan de Azucre. Pero outras cidades litorais tamén merecen ser salientadas:

  • Niterói, antiga capital do estado, coas súas praias, unida ó Río de Xaneiro pola Ponte Río-Niterói.
  • Paratí e Angra dos Reis, situadas ó litoral sur do estado, co súas praias, illas que poden ser visitadas de barco e montañas cubertas de vexetación tropical nas proximidades.
  • Cabo Frio, Arraial do Cabo e Búzios, ó leste da cidade do Río de Xaneiro, sitúadas na chamada Rexión dos Lagos.

Cando se desexar fuxir do movemento do litoral no verán brasileiro pódese ir para as cidades de montaña:

  • Petrópolis, antigo refuxio do emperador Pedro II do Brasil
  • Teresópolis, situada a 800 m sobre o nivel do mar e bautizada en homenaxe á esposa de Pedro II, emperatriz Tereza Cristina.
  • Nova Friburgo, fundada por inmigrantes suízos ó comezo do século XIX, hoxe tamén coñecida como capital da lingerie (lencería), por causa de súas pequenas industrias familiares.
  • Itatiaia situada próxima do Parque Nacional do Itatiaia, unha das máis antigas reservas forestais nacionais do Brasil. No parque está a montaña máis alta do estado do Río de Xaneiro, o Pico das Agulhas Negras, co 2789 m sobre o nivel do mar. As nacentes dos ríos que xorden próximos do seu cume conxélanse nos días máis fríos de inverno.
  • Penedo: unha pequena freguesía fundada por inmigrantes finlandeses ó redor de 1929. Hoxe famosa pola súa paisaxe, creacións de troita (peixe de orixe europea, da familia do salmón), culinaria e locais de ecoturismo.

A cidade do Río de Xaneiro destacou no pasado como centro financeiro (o segundo en volume de negocios do Brasil), pero perdeu moitos negocios a favor da cidade de São Paulo nos últimos anos. O estado ten un grande comercio e servizos, compatíbel co tamaño de súa poboación (máis de 12 millóns de persoas). A cidade do Río de Xaneiro tamén ten relevancia no turismo de eventos (convencións empresariais, feiras de negocios, exposicións) a pesar da concorrencia da cidade de São Paulo, no Brasil, e doutras cidades do mundo. Espérase unha grande afluencia de turistas coas realizacións da Copa do Mundo de Fútbol de 2014 e dos Xogos Olímpicos de 2016.

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para fluminense.
  2. ESTRADA REAL | Estamos no caminho certo

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Baía de Guanabara

A baía de Guanabara é unha baía do Océano Atlántico localizada na costa brasileira, con 412 km² de superficie. Considerada a máis importante do país, no seu interior atópase o porto da cidade do Río de Xaneiro. Non é a máis grande do país, senón a segunda, despois da Baía de Todos Os Santos, no estado de Baía.

A baía orixinouse por unha depresión tectónica ocorrida durante o cenozoico entre dous conxuntos de bloques de falla da serra dos Órgãos e pequenos macizos costeiros.

A súa área é de aproximadamente 412 km² e esténdese entre as puntas de Copacabana e Itaipu, en Niterói. A súa costa sofre un estreitamento entre a punta de São João no Río de Xaneiro e a punta de Fortaleza en Niterói, cunha largura de 1,6 km.

No medio desta estreita pasaxe atópase unha zona rochosa que foi utilizada durante moitos anos como forte auxiliar para a defensa da baía.

A súa profundidade media é duns 3 m, alcanzando os 8,3 m á altura da Ponte Río-Niterói e de 17 m na canle de entrada ao porto. No seu interior hai un total de 130 illas e illotes. A máis grande destas illas é a Ilha do Governador (Illa do Gobernador), onde foi construído o aeroporto internacional da cidade de Río de Xaneiro, chamado Aeroporto Internacional Tom Jobim e tamén Aeroporto Internacional do Galeão.

Foi encontrada pola primeira vez polos portugueses Gaspar de Lemos e Gonçalo Coelho o día 1 de xaneiro de 1502. Segundo algúns historiadores o nome dado polo equipo de exploradores á rexión foi Ría (co mesmo significado en galego) de Xaneiro, que co tempo mudouse para Río de Xaneiro e pasou a designar a rexión. Despois a baía recibiu o nome de Guanabara, modificación das palabras en lingua tupí goanã (baía) e pará ou mbará (mar).

A baía de Guanabara é a máis contaminada de Brasil, sendo o binomio urbanización/industrialización o principal causante desta polución, agravada pola falta ata o ano 1990 dunha política de saneamento e recuperación ambiental.

Espírito Santo, Brasil

Espírito Santo é un estado brasileiro ao leste da Rexión Sudeste. Limita ao leste co océano Atlántico, ao norte cos estados de Baía e Minas Xerais, ao oeste con Minas Xerais, e ao sur co estado do Río de Xaneiro. A súa capital é Vitória.

Estádio do Maracanã

O Estádio Jornalista Mário Filho, máis coñecido como Maracanã ("semellante a un chocallo" en tupí-guaraní, debido ao son dos paxaros que vivían por alí), é un estadio de fútbol brasileiro localizado no Río de Xaneiro e inaugurado en 1950, utilizándose para a Copa do Mundo de fútbol daquel ano. Desde entón, o Maracanã foi palco de grandes momentos do fútbol brasileiro e mundial, como o milésimo gol de Pelé, finais do Campionato Brasileiro, Carioca de Fútbol, Taça Libertadores da América, do primeiro Campionato Mundial de Clubs da FIFA, competicións internacionais e partidos da selección brasileira. Foi un dos locais de competición dos Xogos Panamericanos de 2007, recibendo o fútbol, as cerimonias de apertura e de clausura. Tamén será sede e albergará as cerimonias de apertura e clausura dos Xogos Olímpicos de 2016, que serán disputados na cidade de Río de Xaneiro.

Ao longo do tempo, porén, o estadio tamén pasou a asumir carácter de espazo multiuso ao recibir outros eventos como espetáculos e partidos de outros deportes, como o voleibol nunha ocasión. Tras diversas obras de modernización, a capacidade actual do estadio é de 78.838 espectadores, sendo o maior estadio de Brasil.

Garrincha

Garrincha redirixe aquí. Para o futbolista galego tamén alcumado así, véxase Domingo Diéguez Cerqueiro

Manuel Francisco dos Santos, coñecido como Garrincha, nado o 28 de outubro de 1933 en Magé e finado o 20 de xaneiro de 1983 no Río de Xaneiro, foi un futbolista brasileiro. Xogaba de dianteiro e foi internacional coa selección brasileira.

Gérson

Gérson de Oliveira Nunes, coñecido simplemente como Gérson, nado o 11 de xaneiro de 1941 en Niterói, é un futbolista brasileiro. Xogaba como mediocampista. O seu alcume era "O Canhotinha de Ouro". Está considerado coma un dos mellores pasadores da historia do fútbol brasileiro.

Júlio César Soares Espíndola

Júlio César Soares de Espíndola, máis coñecido como Júlio César, nado en Duque de Caxias, Estado do Río de Xaneiro, o 3 de setembro de 1979, é un futbolista internacinoal brasileiro que xoga como gardameta para o SL Benfica.

En 2009, a Federación Internacional da Historia e Estatística de Fútbol (IFFHS) nomeouno como o terceiro mellor gardameta do mundo, atrás só de Iker Casillas e Gianluigi Buffon, sendo tamén premiado como o mellor gardameta do campionato italiano en 2009 e 2010. No ano 2009 foi nomeado para o Balón de Ouro, rematando finalmente como vixésimo primeiro nas votacións, sendo o segundo mellor gardameta da lista só detrás de Casillas, que rematou décimo sexto.

Despois de ser moi criticado no Brasil e nos seus clubs por algunhas actuacións desafortunadas, o 28 de xuño de 2014 foi o heroe do partido de oitavas de final entre Brasil e Chile da Copa do Mundo de 2014, tras salvar ao seu equipo de caer eliminado nos penaltis.

Minas Xerais

Minas Xerais (en portugués, Minas Gerais) é o cuarto maior estado do Brasil, cunha extensión semellante á de Francia: 588 384,30 km². Localízase no Sueste e ten coma límites ó norte e nordeste a Baía, ó leste o Espírito Santo, ó sursueste o Estado do Río de Xaneiro, ó sur e suroeste o estado de São Paulo, ó oeste o Mato Groso do Sur e ó noroeste o estado de Goiás.

Nilo Peçanha

Nilo Procópio Peçanha, avogado nado o 1867 e falecido o 1924 foi presidente do Brasil. Asumiu o goberno despois da morte de Afonso Pena e gobernou ata o 15 de novembro de 1910.

Terminou os estudos preliminares en súa cidade. Estudou na Facultade de Dereito de San Paulo e despois na de Recife, onde formouse. Iniciou a súa vida política elixíndose senador e despois gobernador do estado do Río de Xaneiro. Permaneceu nese último cargo ata o 1906 cando elixiuse vicepresidente de Afonso Pena. Coa morte deste, tornouse presidente.

Niterói

Niterói é unha cidade do estado brasileiro do Río de Xaneiro, situada a 5 km en liña recta da cidade do Río de Xaneiro, capital do estado, á cal está unida por unha ponte de 14 km de lonxitude. Cando a cidade de Río se converteu en municipio neutro e capital do Brasil independente, Niterói pasou a ser capital da entón Provincia do Río de Xaneiro, actualmente estado do Río de Xaneiro. En 1960 a capital do Brasil foi transferida a Brasilia e, 14 anos despois, en 1974, coa fusión entre o estado do Río de Xaneiro e o estado da Guanabara (formado pola cidade do Río de Xaneiro), Niterói perdeu o status de capital.

Posúe como actividades económicas o comercio e os servizos, a industria (destacando a industria naval) e en menor escala o turismo. Nela sitúase o Museo de Arte Contemporánea, proxecto do arquitecto Oscar Niemeyer, con vistas á baía de Guanabara.

Petrópolis

Petrópolis é unha cidade brasileira situada no Estado do Río de Xaneiro, nas montañas da Serra dos Órgãos. Ten unha área de 774,606 km² e unha poboación estimada de 302.477 habitantes para o ano de 2004. Sitúase a uns 68 km da capital do estado, Río de Xaneiro pola estrada BR-040 e a 463 km da cidade de São Paulo.

Ramires

Ramires Santos do Nascimento, máis coñecido como Ramires, nado en Barra do Piraí, Estado do Río de Xaneiro, o 24 de marzo de 1987, é un futbolista profesional internacional brasileiro que xoga como centrocampista para o Chelsea da Premier League inglesa. Coa selección absoluta do Brasil conseguiu o bronce nos Xogos Olímpicos de 2008 en Pequín e a vitoria na Copa das Confederacións 2013.

Redonda

O termo redonda fai referencia a algo de forma circular. Pode referirse a:

Redonda, figura musical;

Reino de Redonda, nación semificticia;

Os Cabaleiros da Táboa Redonda do Ciclo Artúrico;

Mesa redonda de debate, espazo de discusión.Como topónimo pode referirse a:

En Galicia

Redonda, parroquia do concello de Corcubión;

Redonda, lugar de dita parroquia;

A Redonda, lugar da parroquia de Berdillo, no concello de Carballo;

A Redonda, lugar da parroquia de Entrecruces, no concello de Carballo;

A Redonda, lugar da parroquia de Corredoira, no concello de Cerdedo-Cotobade;

A Redonda, lugar da parroquia de Mugardos, no concello de Mugardos;

A Redonda, lugar da parroquia de Senra, no concello de Ortigueira;

A Redonda, lugar da parroquia da Faeira, no concello das Pontes de García Rodríguez.

A Carballa Redonda, lugar da parroquia de Montemaior no concello da Laracha;

Fraga Redonda, lugar da parroquia de Rioaveso, no concello de Cospeito;

A Fraga Redonda, lugar da parroquia de Verís, no concello de Irixoa;

Fraga Redonda, lugar da parroquia de San Pedro de Eume, no concello das Pontes de García Rodríguez;

Lama Redonda, lugar da parroquia de Guntín, no concello de Bóveda;

Lama Redonda, lugar da parroquia de Foilebar, no concello do Incio;

Lama Redonda, lugar da parroquia de Sindrán, no concello de Monforte de Lemos;

Lama Redonda, lugar da parroquia de Galdo, no concello de Viveiro;

Pena Redonda, lugar da parroquia de Budián, no concello do Valadouro;

A Pena Redonda, lugar da parroquia de Vilar, no concello de Guitiriz.En España

Quintana Redonda, concello da provincia de Soria, na comunidade de Castela e León;

Illa Rondella ou Redonda, na Rexión de Murcia.En América

Volta Redonda, municipio brasileiro do estado do Río de Xaneiro.

Illa Redonda, illote deshabitado do mar Caribe, pertencente a Antiga e Barbuda.

Rodrigo Santoro

Rodrigo Junqueira dos Reis Santoro, nado o 22 de agosto de 1975 en Petrópolis, Estado do Río de Xaneiro, é un actor brasileiro.

Río de Xaneiro

Para o estado homónimo véxase: Estado do Río de Xaneiro.O Río de Xaneiro, (en portugués: Rio de Janeiro), ás veces coñecida simplemente como Río e fundada como São Sebastião do Rio de Janeiro, é a capital do estado do Río de Xaneiro, a segunda cidade máis grande do Brasil e a terceira área metropolitana de América do Sur, con aproximadamente 6,5 millóns de habitantes (2017) na súa área municipal e 12,3 millóns na área metropolitana, converténdoa na sexta cidade de América e a vixésimo sexta do mundo. É o principal destino turístico internacional no Brasil, de América Latina e de todo o hemisferio sur. A capital fluminense é a cidade brasileira máis coñecida no exterior, funcionando como un "espello", ou "retrato" nacional, ora positiva ora negativamente. Parte da cidade está considerada como lugar Patrimonio da Humanidade pola UNESCO dende o 1 de xullo de 2012 na categoría de paisaxes culturais coa denominación Río de Xaneiro: paisaxes cariocas entre a montaña e o mar. O himno da cidade leva por nome Cidade Maravilhosa e os seus habitantes chámanse cariocas (tamén son fluminenses, aínda que este xentilicio é máis amplo e refírese aos habitantes do Estado do Río de Xaneiro).

Fundada en 1565 polos portugueses, a cidade foi inicialmente a sede da Capitanía do Río de Xaneiro, unhas das distintas capitanías do Imperio. Máis tarde, en 1793, converteuse na capital do Estado do Brasil, un dos múltiplos territorios coloniais portugueses. Uns anos máis tarde, en 1808, cando a casa real portuguesa se trasladou ao Brasil, Río converteuse na sede da corte de María I que, posteriormente en 1815, baixo o a dirección do seu fillo o Principe rexente e futuro Rei Xoán VI, elevou o Brasil á categoría de Reino dentro do Reino Unido de Portugal, Brasil e o Algarve. Así, Río converteuse na capital da pluricontinental monarquía portuguesa até 1822, cando comezou a guerra da Independencia brasileira. Despois serviría como capital do independizado Imperio do Brasil até 1889, e posteriormente capital republicana até 1960, cando a sede do goberno foi trasladada para a entón recentemente construída Brasilia.

É un dos principais centros económicos, culturais e financeiros do país, sendo internacionalmente coñecida por diversas iconas culturais e paisaxísticas, coma o Pão de Açúcar, o cerro do Corcovado coa estatua do Cristo Redentor, as praias dos barrios de Copacabana, Ipanema e Barra da Tijuca (entre outras), o Estádio do Maracanã, o Estádio Nilton Santos, o barrio bohemio da Lapa e seus arcos, o Teatro Municipal do Rio de Janeiro, os bosques da Tijuca e da Pedra Branca, a Quinta da Boa Vista, a Biblioteca Nacional, a ilha de Paquetá, o Aninovo de Copacabana, o carnaval carioca, a Bossa nova e a samba.

Representa o segundo maior PIB do país (e o trixésimo maior do mundo), e é sede das dúas maiores empresas brasileiras - a Petrobras e a Vale, e das principais compañías de petróleo e telefonía do Brasil, alén do maior conglomerado de empresas de medios de comunicación de América Latina, o Grupo Globo. É a sede de gran número de universidades e institutos, é o segundo maior polo de investigación e desenvolvemento do Brasil, responsábel do 19% da produción científica nacional, segundo datos de 2005. Destaca para a Universidade Federal do Rio de Janeiro que publicou 5.952 artigos entre 1998 e 2002. Río de Xaneiro está considerada unha cidade global beta polo inventario de 2008 Globalization and World Cities Research Network (GaWC) da Universidade de Loughborough.

A súa rexión metropolitana (Grande Río) concentra moitas industrias químicas e de metalurxia. Está a 430 km da cidade de São Paulo, a máis grande do país, a cal é ligada pola estrada Rodovia Presidente Dutra. Ten dous importantes aeroportos: o Aeroporto Internacional Tom Jobim, moi utilizado para voos internacionais e domésticos, e o segundo en movemento do país; e máis o Aeroporto Santos Dumont, próximo ó centro da cidade, que é usado só por voos cara a São Paulo, Belo Horizonte e Brasilia.

Sienita

A sienita é unha rocha magmática plutónica que se encontra constituída principalmente por minerais como feldespatos, oligoclasios, albita, e raramente con minerais máficos como a biotita e os piroxenos (auxita). Ten baixo contido de cuarzo.

É unha rocha relativamente rara, porén común na rexión litoral do Brasil. No Estado do Río de Xaneiro, extráese un tipo de sienita como rocha ornamental. En Portugal áchase un importante macizo sienítico na Serra de Monchique.

Universidade Federal do Río de Xaneiro

A Universidade Federal do Río de Xaneiro (en portugués: Universidade Federal do Rio de Janeiro), tamén denominada Universidade do Brasil, é un dos centros brasileiros de excelencia no ensino superior e na investigación e está entre as mellores institucións de América Latina.

Cunha alta produtividade científica, a investigación está entre o máis destacado da UFRJ, sendo unha das universidades iberoamericanas que máis artigos científicos publican: entre 2003 e 2008 foron máis de doce mil publicacións.

Foi a primeira institución oficial de ensino superior do Brasil (posúe actividades ininterrompidas desde 1792), coa fundación da Real Academia de Artilharia, Fortificação e Desenho, unha das escolas que virían a formar parte da universidade. Por ser a primeira universidade federal creada no país en 1920, serviu como modelo para todas as outras.

Ademais dos cursos de grao e de posgrao, comprende sete museos, entre os que destacan o Museo Nacional, oito hospitais universitarios, centos de laboratorios e máis de corenta bibliotecas.

A universidade está situada principalmente na cidade de Río de Xaneiro, con actuación en once municipios. Os seus principais campus son o histórico campus da Praia Vermella e a Cidade Universitaria, que alberga o Parque Tecnolóxico do Río -un complexo de desenvolvemento da ciencia, tecnoloxía e innovación. Hai tamén diversas unidades illadas na capital fluminense: a Escola de Música, a Facultade de Dereito, o Instituto de Filosofía e Ciencias Sociais, o Museo Nacional, o Observatorio do Valongo e o Colexio de Aplicación.

En Duque de Caxias foi implantado o Polo Avanzado de Xerém en colaboración co Instituto Nacional de Metrologia, Normalización e Calidade Industrial (Inmetro). Xa en Macaé foi deseñado un centro de investigación e ensino centrado nos potenciais ambientais e petrolíferos do norte fluminense.

En 2010, a institución alcanzou a nota máxima no Índice Xeral de Cursos do Ministerio de Educación do Brasil. Non sorprende, logo, que esta universidade sexa unha das grandes responsables da formación da elite intelectual brasileira.

Vinícius Júnior

Vinícius José Paixão de Oliveira Júnior, nado o 12 de xullo de 2000, en São Gonçalo, Río de Xaneiro, é un futbolista brasileiro que xoga no Real Madrid dende o 2018.

Washington Luís Pereira de Sousa

Washington Luís Pereira de Sousa, nado en Macaé (Río de Xaneiro) o 26 de outubro de 1869 e finado en São Paulo o 11 de agosto de 1957, foi un avogado e político brasileiro, presidente do seu país entre 15 de novembro de 1926 e 26 de outubro de 1930, cando foi derribado polo golpe de estado chamado no Brasil Revolución de 1930.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.