Estación da Coruña

A estación da Coruña, tamén coñecida como A Coruña–San Cristovo, é a principal estación de ferrocarril da cidade da Coruña. É de carácter terminal e dela parten servizos de media distancia a todas as cidades galegas e de longa distancia a varios puntos da península. Está chamada a ser a futura estación intermodal da cidade[1][2].

O edificio principal, acabado en 1935 é obra de Antonio Gascué Echeverría, posúe unha arquitectura única nas estacións españolas, e ata europeas, sendo a Estación Central de Helsinki a única que ten similitudes de estilo. Este é unha mestura entre racionalista e de posguerra.

A estación está situada na avenida do Ferrocarril[3] xunto á Rolda de Outeiro, no barrio dos Mallos-Estación[4], relativamente apartada do centro urbano pero comunicada por autobús co mesmo. Hai outra estación na cidade, a de San Diego, adicada ao tráfico de mercadorías.

Coordenadas: 43°21′9.66″N 8°24′34.96″O / 43.3526833, -8.4097111

A Coruña
Estacionrenfeacoruña
Exterior da estación
SituaciónAvenida do Ferrocarril, 2 15007 A Coruña
ServizosAseosServizos adaptadosAparcadoiroCafeteríaCarros portaequipaxesAlugamento de coches Venda de Billetes
Liñas
Longa DistanciaAlvia, Intercity, Trenhotel
Media distanciaAvant, MD, Rexional
Intermodalidade
BSicon CLRV.svg
Bus
5, 11, 14, 20, 22
Aiga taxi.svg
Taxi
Si
Car with Driver-Silhouette.svg
Alugueiro de coches
Si
BSicon BICYCLE.svg
Alugueiro de bicis
Si
Na rede
www.adif.es

Situación ferroviaria

Na Coruña rematan os dous eixes ferroviarios que conectan Galicia coa Meseta. Por un lado a liña férrea 800 da rede, que ten a súa orixe en León, p. k. 550,6 e polo outro a liña férrea 822 que nace en Zamora, p. k. 453.[5]

Historia

O ferrocarril chegou á Coruña o 10 de outubro de 1875 coa apertura do tramo A Coruña-Lugo da liña férrea que pretendía unir Palencia con A Coruña.[6] A Compañía de los Ferrocarriles de Asturias, Galicia y León foi a encargada das obras.[7] Devandita compañía creouse para continuar coas obras iniciadas por Noroeste e xestionar as súas liñas ante a quebra desta. Non obstante, a situación financeira desta última tamén se volveu rapidamente delicada, sendo absorbida por Norte en 1885.[7] Ese mesmo ano marcou a apertura doutro importante tramo entre Brañuelas e Ponferrada que permitía unir A Coruña con Madrid grazas ao empalme de Venta de Baños. Grazas a iso, Norte decidiu construír na cidade a súa primeira estación como tal, xa que as infraestruturas iniciais, como era o costume na época, eran provisionais. Levantouse así un edificio de planta rectangular, dúas alturas e disposición lateral ás vías, dotado dunha pequena marquesiña protexendo parcialmente a plataforma lateral.

Helsinki Hauptbahnhof 2005 08
A Estación Central de Helsinki, construída en 1911 garda similitude coa estación da Coruña.

A principios do século XX, o monopolio ferroviario de Norte viuse ameazado pola aprobación do plan Guadalhorce. Impulsado polo Xeneral Primo de Rivera o plan pretendía completar a rede ferroviaria existente, esencialmente radial, con novos trazados. Entre eles encontrábase unha liña que entraba en Galicia polo sur, dende Zamora a Ourense para seguir ata Santiago e chegar á Coruña.

En 1935, Antonio Gascué Echeverría concluía as obras do novo recinto destinado a recibir os trens da nova liña.[8] Para distinguir ambas as dúas estacións, decidiuse chamar A Coruña-Término á de Norte, e A Coruña-San Cristovo á nova, situada a apenas 400 metros da anterior. Construída a estación só faltaban as vías, un elemento esencial que non obstante se atrasou, principalmente por dous factores: a guerra civil e a enorme complexidade dalgúns tramos. O 14 de abril de 1943, con RENFE como operador exclusivo da rede dende 1941, logrouse concluír o tramo Santiago de Compostela-A Coruña. Desta forma chegaban os primeiros trens a San Cristovo. Non obstante, houbo que esperar ata 1957 para que por fin se completase a liña Zamora-A Coruña. Con ela a estación pasou de ser unha estación de trens rexionais a recibir trens de longo percorrido que viñan de Madrid.[9] Por iso considerouse necesario concentrar todo o tráfico ferroviario de pasaxeiros nun mesmo recinto. Apelando á súa maior modernidade, o seu mellor equipamento e as súas amplas dimensións, San Cristovo non tivo problemas en gañarlle a batalla á antiga e vetusta estación de Norte. En 1958 construíuse un ramal que permitía que a liña do norte enlazase directamente co novo trazado desprazando case definitivamente á antiga estación, que recibiu o seu golpe de graza en 1964 ao ser devastada por un incendio.[9]

Na década dos anos 80, a marquesiña orixinal de fibrocemento foi substituída por outra que dotaba de maior luminosidade ao feixe de vías. En maio de 2018 concluíron as obras para anovar por completo a cuberta da nave principal, o que incluíu o repintado da estrutura de metálica; o investimento foi superior ao millón de euros.[10]

Futura estación intermodal

Nos anos 2000, o futuro da estación someteuse a diferentes estudos baseándose principalmente nas directrices do urbanista Joan Busquets, para agrupar nun mesmo recinto a estación de tren, de autobuses, taxis e metro lixeiro, barallándose posibilidades de incluír vivendas e ata un parque botánico nela. De todas as opcións presentadas ao concurso da nova estación intermodal, preseleccionáronse sete, das cales se debía elixir unha para maio de 2011. As sete propostas foron presentadas por Rafael Moneo, Richard Rogers, MVRDV, Toyo Ito, Juan Herreros, Cruz y Ortiz e César Portela[11], resultando esta última elixida por unanimidade. A finais do 2012, o Goberno central solicitou aos gañadores do proxecto a presentación dunha nova proposta de cara a abaratar o seu custo.[12]

Predio de viaxeiros

Interior Estación San Cristovo
Interior da estación

Deseñado polo arquitecto Antonio Gascué Echeverría, foi rematado en 1935. É de estilo neorrománico, dentro do movemento chamado arquitectura de pastas. Ergueiro en pedra, vidro e ferro de fundición, ten forma de U, como a maioría de estacións terminais. A fachada é de granito sen traballar e ten unha torre de reloxo colocada nunha esquina. O reloxo dá as horas tocando "Negra Sombra".

A nave que alberga as vías ten unha lonxitude de 100 metros. Os seus 33 m de ancho serven para situar catro plataformas, dúas laterais e dúas centrais ás que acceden seis vías. Todo iso está cuberto por unha estrutura metálica de grandes luces, con 11 arcos remachados.[13] Fóra da gran marquesiña as plataformas gozan dunha protección adicional que se prolonga outros 160 m máis.

Conta cun amplo vestíbulo, sala de espera, puntos de información, venda de billetes, comisaría, cafetaría, libraría, diversos locais comerciais, aseos, servizos adaptados a persoas con mobilidade reducida, alugamento de coches e varios aparcadoiros exteriores.

Servizos ferroviarios

Longa Distancia

Actualizados a 18 de xuño de 2016.

Tren Orixe Paradas intermedias Destino Observacións
Alvia Madrid-Chamartín Segovia-Guiomar · Medina del Campo · Zamora · Pobra de Seabra · A Gudiña · Ourense-Empalme · Santiago de Compostela A Coruña 2 trens de luns a venres 1 tren sábados e domingos
Alvia Alacant-Terminal Villena AV · Albacete-Los Llanos · Cuenca-Fernando Zóbel · Madrid-Puerta de Atocha · Madrid-Chamartín · Segovia-Guiomar · Medina del Campo · Zamora · Pobra de Seabra · A Gudiña · Ourense-Empalme · Santiago de Compostela A Coruña 1 tren semanal por sentido
Alvia Barcelona-Sants Camp de Tarragona · Lleida-Pirineus · Zaragoza-Delicias · Tudela de Navarra · Castejón de Ebro · Tafalla · Pamplona · Vitoria · Miranda de Ebro · Burgos-Rosa de Lima · Palencia · Sahagún · León · Astorga · Bembibre · Ponferrada · O Barco de Valdeorras · A Rúa-Petín · San Clodio-Quiroga · Monforte de Lemos · Ourense-Empalme · Santiago de Compostela A Coruña 4 trens semanais por sentido
Intercity Hendaia Irún · Donostia · Zumarraga · Altsasu · Vitoria · Miranda de Ebro · Briviesca · Burgos-Rosa de Lima · Palencia · Sahagún · León · Astorga · Bembibre · Ponferrada · O Barco de Valdeorras · A Rúa-Petín · Monforte de Lemos · Ourense-Empalme · O Carballiño · Santiago de Compostela A Coruña 1 tren diario por sentido
Trenhotel Rías Galegas Madrid-Chamartín Ávila · Medina del Campo · Zamora · Pobra de Seabra · A Gudiña · Ourense-Empalme · O Carballiño · Santiago de Compostela A Coruña 1 tren diario por sentido
Trenhotel Galicia Barcelona-Sants Camp de Tarragona · Lleida-Pirineus · Zaragoza-Delicias · Tudela de Navarra · Castejón de Ebro · Logroño · Miranda de Ebro · Burgos-Rosa de Lima · Palencia · León · Astorga · Ponferrada · O Barco de Valdeorras · A Rúa-Petín · San Clodio-Quiroga · Monforte de Lemos · Sarria · Lugo · Curtis · Betanzos-Infesta A Coruña 1 tren diario por sentido

Media distancia

Actualizado a 1 de xaneiro de 2018.

Liñas Trens Orixe/Destino <> Destino/Orixe
Avant A Coruña <> Ourense-Empalme
MD A Coruña <> Vigo-Urzáiz
1 Rexional A Coruña <> Vigo-Guixar
4 MD A Coruña <> Monforte de Lemos
Ourense-Empalme
5 MD A Coruña <> Ferrol

Galería de imaxes

Artigo principal: Galería de imaxes da Estación da Coruña - San Cristovo.
RN 354-0031

Vista dunha locomotora Talgo da serie 354 na estación da Coruña.

RN354-0032

Cruce dun servizo TRD cun Talgo traccionado cunha 354 na estación da Coruña.

Estación de San Cristovo, A Coruña

Reloxo

A Coruña station 2015 (5)

S-594 estacionado na vía 1.

A Coruña station 2015 (2)

S-594 reformado, estacionado na vía 1, de onde adoitan partir os servizos a Ferrol e Lugo.

MD S-598 La Coruña

S-598 estacionado na Coruña.

MD S-599 La Coruña

S-599 estacionado na Coruña, de fondo a Avenida da Sardiñeira.

A Coruña station 2015 (3)

S-121 estacionado na Coruña.

A Coruña - Estación de San Cristóbal 1

Vista da estación desde as plataformas.

Estación A Coruña 2

Aspecto da cuberta logo da rehabilitación de 2018.

Alvia 730 Talgo A Coruña

Trens de Longa Distancia.

A Coruña station 2015 (1)

Vehículo de Media Distancia estacionados en 2015.

Bf La Coruña, 354 003 »Virgen de la Encarnación«

Tren de Longo Percorrido e tras del un Rexional estacionados na Década de 1990.

06 165 Bf La Coruña, TB4z-408005, (9 592 127)

Talgo IV e e S-593 Rexional estacionados na Coruña na década de 1990.

A Coruña - Estación de San Cristóbal 5

Monolito conmemorativo da primeira pedra.

A Coruña - Estación de San Cristóbal 4

Vista da torre do reloxo e cuberta para parada de taxis.

A Coruña - Estación de San Cristóbal 8

Vista frontal desde a Praza da Estación.

A Coruña - Estación de San Cristóbal 3

Acceso ao recibidor principal e despacho de billetes pola Avenida do Ferrocarril.

A Coruña - Estación de San Cristóbal 6

Interior do vestíbulo principal.

A Coruña - Estación de San Cristóbal 7

Escudos e vidreiras no vestíbulo principal.

Notas

  1. Foto da estación na web dos Mallos
  2. Foto aérea da estación
  3. "Las calles Joaquín Planells y Salvador y Merino cambian de nombre". La Opinión de A Coruña (en castelán). 25-2-2016. Consultado o 18-3-2016.
  4. Páxina do Barrio dos Mallos-Estación
  5. Rede ferroviaria española Arquivado 18 de outubro de 2013 en Wayback Machine. 'Ministerio de Fomento
  6. Cronoloxía básica do ferrocarril español de vía ancha Arquivado 14 de outubro de 2013 en Wayback Machine. Fundación de los Ferrocarriles Españoles
  7. 7,0 7,1 Asturias á Galicia y León (A.G.L.) Compañía del Ferrocarril del Noroeste de España Arquivado 29 de agosto de 2018 en Wayback Machine. Spanishrailway
  8. "Coñece a túa cidade - Estación de San Cristovo". Consultado o 14 de maio de 2011.
  9. 9,0 9,1 Estación de La Coruña Revista Vía Libre
  10. Emiliano Mouzo (2018-05-16). "El final de las obras en la cubierta deja a la vista una iluminación espectacular". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 2018-10-12.
  11. "Estación intermodal A Coruña". cesarportela.com (en castelán). Consultado o 2018-10-12.
  12. Gabriel Lemos (2012-11-11). "El Gobierno ordena abaratar el proyecto de la intermodal". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 2018-10-12.
  13. La estación de San Cristobal. Concello da Coruña

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Apeadoiro de Figueirido

Figueirido foi un apeadoiro de Adif, situado na vila de Figueirido, no concello de Vilaboa, provincia de Pontevedra. O antigo predio de viaxeiros consérvase na beira da liña Santiago - Redondela e actualmente non presta servizos de pasaxeiros.

Apeadoiro de Guísamo

Guísamo foi un apeadoiro da liña León - A Coruña localizado en Guísamo (Bergondo). A el se accedía por unha escaleira desde a estrada DP-01810, que salva a vía férrea mediante un paso superior. As súas instalacións foron eliminadas.

Estación da Coruña-San Diego

A Coruña–San Diego é unha estación de ferrocarril da cidade da Coruña, dedicada exclusivamente ao tráfico de mercadorías, que dá servizo ao porto. Entrou en servizo en 1967.

As súas principais actividades son ou foron a exportación de peixe, madeiras, ferro, cinc, carbón e contedores procedentes do porto. Existe outra estación na cidade, a de San Cristovo, dedicada exclusivamente ao tráfico de viaxeiros.

En 2014 foi suprimida a liña regular de contedores e o PXOUM prevé a desafectación destes terreos para o tráfico ferroviario unha vez se poña en servizo unha nova terminal que se ha construír no Porto Exterior.

Estación da Coruña-Término

A estación da Coruña-Término (denominación oficial), máis coñecida como a estación do Norte, foi unha estación de RENFE na cidade da Coruña até o ano 1964, cando un lume arrasou o predio de viaxeiros e todos os servizos pasaron a se concentrar na estación de San Cristovo.

Estación da Sionlla

A Sionlla é un apeadoiro de Adif, situado na Sionlla de Arriba, no concello de Santiago de Compostela, provincia da Coruña. Está situada na liña A Coruña-Vigo e actualmente non presta servizos de pasaxeiros.

Estación da Susana

A Susana é un apeadoiro de Adif, situado na Susana, no concello de Santiago de Compostela, provincia da Coruña. Está situada na liña A Coruña-Madrid e actualmente non presta servizos de pasaxeiros.

Estación de Gorgullos-Tordoia

Gorgullos-Tordoia é un apeadoiro de Adif, situado en Gorgullos, no concello de Tordoia, provincia da Coruña. Está situada na liña A Coruña-Vigo e actualmente non presta servizos de pasaxeiros.

Estación de Maside

Maside é un apeadoiro de Adif, situado no centro da vila de Maside, provincia de Ourense. Está situada na liña A Coruña-Madrid e actualmente non presta servizos de pasaxeiros.

Estación de Padrón

Padrón é unha estación de tren de Adif, situada na cidade de Padrón, na provincia da Coruña. Está situada na liña A Coruña-Vigo.

Estación de Pontecesures

Pontecesures é unha estación de tren de Adif, situada na vila de San Xulián, no concello de Pontecesures, na provincia de Pontevedra. Está situada na liña A Coruña-Vigo.

Estación de Portas

Portas é un apeadoiro de Adif, situado na vila de Portas, provincia de Pontevedra. Está situada na liña A Coruña-Vigo e actualmente non presta servizos de pasaxeiros.

Estación de Portela

Portela é un apeadoiro de Adif, situado en Portela, no concello de Barro, provincia de Pontevedra. Está situado na liña A Coruña-Vigo.

Estación de Silleda

Silleda é un apeadoiro de Adif, situado na parroquia do Castro, preto da vila de Silleda, provincia de Pontevedra. Está situada na liña A Coruña-Madrid e actualmente non presta servizos de pasaxeiros.

Estación de Tui

Tui é unha estación de tren de Adif, situada na cidade de Tui, provincia de Pontevedra. Está situada na liña Vigo-Porto.

Estación de Verdía

Verdía é un apeadoiro de Adif, situado en Verdía, no concello de Santiago de Compostela, provincia da Coruña. Está situada na liña A Coruña-Vigo e actualmente non presta servizos de pasaxeiros.

Estación de Vigo-Urzáiz

A estación de Vigo-Urzáiz é unha estación de ferrocarril de Adif na cidade de Vigo, constitúe unha das cabeceiras da liña 06-850 "Vigo-Urzáiz - Bifurcación de Arcade", integrada no Eixe atlántico de alta velocidade. Foi inaugurada oficialmente o 16 de abril de 2015 e dous días máis tarde abríu ao público.Está situada na Praza da Estación, no céntrico barrio de Casablanca da cidade, próxima á rúa Urzáiz (que da nome á terminal) e no mesmo lugar onde se atopaba a antiga estación de Vigo, derrubada en 2011 e substituída provisionalmente pola estación de Vigo-Guixar. Actualmente, Guixar concentra os servizos de Longa Distancia, Rexionais e internacionais; mentres que Urzáiz é punto de chegada e partida dos trens directos entre Coruña e Vigo.

Liña León - A Coruña

A liña León-A Coruña é unha liña de ferrocarril de 428,2 quilómetros de lonxitude que pertence á rede ferroviaria española. Une a Meseta con Galicia polo leste percorrendo as provincias de León, Ourense, Lugo e A Coruña. Seguindo a catalogación de Adif é a liña 06-800.

Liña Monforte de Lemos - Vigo

A liña ferroviaria Monforte de Lemos-Vigo é unha liña de ferrocarril de ancho ibérico, que une as cidades de Monforte de Lemos (Lugo) e Vigo, pasando por Ourense.

TRD (Renfe)

TRD (Tren Rexional Diésel) foi un servizo ferroviario de Media Distancia (orixinariamente da Unidade de Negocio de Rexionais RENFE) convencional prestado por Renfe Operadora en España. De gama media e baixa capacidade para traxectos directos ou semidirectos en liñas non electrificadas, todos os trens deste tipo foron servidos sempre con material da serie 594.

Sistema ferroviario galego
Empresas
Liñas
e
paradas
Servizos

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.