Especie pouco preocupante

Unha especie considérase baixo preocupación menor (abreviado oficialmente como LC dende o nome orixinal en inglés Least Concern) cando, tras ser avaliada pola UICN, non cumpre ningún dos criterios das categorías en perigo, en perigo crítico, vulnerable ou case ameazado da Lista Vermella elaborada pola organización. En consecuencia, a categoría preocupación menor da lista inclúe a todos os taxóns abundantes e de ampla distribución, que non se atopan baixo ameaza de desaparecer nun futuro próximo, sendo por tanto o de menor risco na lista.[1]

Status iucn2.3 LC es
A categoría de Preocupación Menor na versión 2.3 de 1994 da Lista Vermella da UICN.

Na versión 2.3 da Lista Vermella, de 1994 e vixente até 2001, preocupación menor era unha subcategoría de «baixo risco» (LR), sendo a súa abreviación oficial LR/lc ou (lc).[2]

A categorización en preocupación menor depende en gran medida da avaliación que se realizou da poboación da especie e a súa distribución, sendo este un dos indicadores máis importantes para realizar unha relación directa ou indirecta co risco de extinción que podería correr esa especie. Na versión 2008 da Lista Vermella, inclúense 16.226 taxóns de animais[3] e 1.449 de plantas[4] na categoría de Preocupación Menor, incluíndo ó propio Homo sapiens.[5]

Status iucn3.1 LC es
A categoría de Preocupación Menor na versión 3.1 de 2008 da Lista Vermella da UICN.

Notas

  1. UICN. (2001). Categorías e Criterios da Lista Vermella da UICN: Versión 3.1. Comisión de Supervivencia de Especies da UICN. Gland, Suíza e Cambridge, Reino Unido. ii + 33 pp. Dispoñible no sitio oficial da UICN.
  2. UICN. "1994 Categories & Criteria (version 2.3)".
  3. UICN. 2008 Red List, Table 3a: Status category summary by major taxonomic group (animals) (PDF) (en inglés).
  4. UICN. 2008 Red List, Table 3b: Status category summary by major taxonomic group (plants) (PDF) (en inglés).
  5. UICN. "Homo sapiens en la Lista Roja".
Aplastodiscus lutzorum

Aplastodiscus lutzorum é unha especie de anuro da familia dos hílidos ou ras arborícolas comúns, endémica do bioma do Cerrado, no Brasil. É a única especie endémica dun só bioma no xénero Aplastodiscus. Posúe de 30 a 36 milímetros de lonxitude, sendo a menor do clado da especie, e diferénciase das outras especies pola duración de súa vocalización e pola cor do iris.

A descrición da especie foi publicada o día 3 de xaneiro de 2017, por cinco investigadores brasileiros. Recibiu o nome de Aplastodiscus lutzorum en homenaxe ós estudosos Adolfo e Bertha Lutz, pioneiros nos estudos das especies do xénero. Aínda non foi catalogada pola IUCN, mais posibelmente será categorizada como especie pouco preocupante.

Raphicerus colonicus

Raphicerus colonicus é unha especie de mamífero artiodáctilo da familia dos bóvidos, subfamilia dos antilopinos e tribo dos neotraguinos, pertencente aos xénero Raphicerus, considerada por algúns autores como a subespecie Raphicerus sharpei colonicus Thomas & Schwann, 1906.Trátase dun pequeno antílope africano que foi descrito como subespecie en 1906 e, aproximadamente un século despois, recoñecido como especie diferenciada. Lixeiramente maior e de pelaxe máis avermellada que Raphicerus sharpei, a súa área de distribución é moito menor ca de este, e o seu estado de conservación é descoñecido. Habita en zonas arbustivas onde se alimenta. É solitario, nocturno e esquivo que, ás veces, utiliza tobos doutros animais para refuxiarse.

Raposo común

O raposo común (Vulpes vulpes), tamén coñecido simplemente como raposo, ou golpe nalgunhas zonas ó norte de Galicia, é a meirande especie de raposo e un dos membros máis espallados no mundo da orde dos carnívoros, estando presente en todo o hemisferio norte dende o círculo polar ártico até o norte de África, América do Norte e Eurasia. Está clasificada como unha especie pouco preocupante pola IUCN. A súa área de distribución medrou paralelamente coa expansión humana, sendo introducido en Australia, onde é considerado prexudicial para os mamíferos nativos e as poboacións de aves. Por mor da súa presenza en Australia, está incluído na lista das 100 especies invasoras máis daniñas do mundo.O raposo común provén de devanceiros máis pequenos de Eurasia durante o período Villafranchiense medio, e colonizou América do Norte pouco despois da glaciación de Wisconsin. Entre tódolos raposos, o raposo común representa a forma máis evolucionada en termos de alimentación carnívora. Ademais do seu tamaño maior, o raposo común diferénciase doutras especies de raposo pola súa grande habilidade de adaptarse a novos ambientes. Malia que tamén é coñecido como raposo vermello, a especie a miúdo produce individuos con outras cores, incluíndo exemplares con leucismo e melanismo. No presente están recoñecidas corenta e cinco subespecies, que están divididas en dúas categorías: os meirandes raposos do norte, e os máis cativos, os raposos basais de Asia e o norte de África.Os raposos adoitan estar xuntos en parellas ou pequenos grupos formados por familias, como dous pais adultos e as súas crías, ou un macho con varias femias con relacións de parentesco. As crías permanecen a carón dos seus pais para axudarlles a coidar novas crías. Aliméntanse principalmente de pequenos roedores, malia que tamén poden cazar coellos, galináceas, réptiles, invertebrados e crías de ungulados. En ocasións tamén comen froitas e vexetais. Malia que o raposo común adoita matar depredadores máis pequenos ca el, como outras especies de raposos, é vulnerable ó ataque de depredadores meirandes, como lobos, coiotes, chacais dourados e félidos de tamaño medio e grande.A especie ten unha longa historia de asociación cos humanos, sendo cazada extensivamente como unha praga e pola súa pelaxe durante séculos, así como a súa representación no folclore e na mitoloxía de moitas culturas. Por mor da súa ampla distribución e gran poboación, o raposo común é un dos animais máis importantes para a industria da peletaría. Pequeno de máis para supoñer unha ameaza para os humanos, beneficiouse amplamente da presenza de hábitats humanos, e tivo moito éxito na colonización de áreas urbanas e suburbanas. A domesticación do raposo común está en proceso en Rusia, e deu como resultado o raposo doméstico.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.