Especie

En bioloxía denomínase especie[1] (do latín Species) a cada un dos grupos en que se dividen os xéneros.

Carolus Linnaeus (cleaned up version)
Retrato de Carl von Linné, quen estableceu os fundamentos da nomenclatura binomial para a clasificación das especies.

Características

Componse de individuos que, ademais dos caracteres xenéricos, teñen en común outros caracteres polos cales se asemellan entre si e poden ser distinguidos de individuos pertencentes ás demais especies. De acordo con John Ray, que introduciu o concepto, sería o conxunto de individuos que se poden reproducir entre si, producindo descendencia fértil, o que daría un criterio claro e limitante do concepto. A pesar de que en moitos casos esta definición é adecuada, a miúdo é difícil demostrar se dúas poboacións poden cruzarse e dar descendentes fértiles (por exemplo, moitos organismos non poden manterse no laboratorio o suficiente tempo). Ademais, é imposible aplicala a organismos que non se reproducen sexualmente, como as Bacterias, ou aos organismos extintos, coñecidos só polos seus fósiles. Por iso, na actualidade adoitan aplicarse técnicas moleculares, como as baseadas na semellanza do ADN. Desde o punto de vista estritamente sistemático ou da taxonomía, é a xerarquía comprendida entre o xénero (ou o subxénero, se existise) e a variedade (ou, no seu caso, a subespecie).

Especie é a limitación do xenérico nun ámbito morfoloxicamente concreto.

Determinación dos límites

A determinación dos límites dunha especie é puramente subxectiva e, polo tanto, exposta ás modalidades da interpretación persoal. Algúns conceptos usuais son moi antigos, moi anteriores ao establecemento científico desta categoría sistemática. Pola contra, existen outros de límites moi vagos, nos cales os sistemáticos están en completo desacordo. Se as especies fosen inmutables, poderíase definir facilmente cada unha delas dicindo que é o conxunto de individuos (que foron, que son e que, de non extinguírense, serán) de caracteres cualitativamente idénticos. Unha entidade así determinada non é realmente unha especie, senón o que usualmente se chama unha liña pura ou un clon.

A tradición aristotélica establecía que os xéneros se dividen en especies pero que a especie, á súa vez, pode converterse en xénero con respecto ás subdivisións secundarias.

Outras definicións de especie

Existen multitude de definicións de especie:

Linneo: «Contamos tantas especies cantas formas distintas foron creadas no principio» (Linneo, Phylosophya botanica, traducida por Palau, páxina 83).
Cuvier: «Especie é o conxunto dos individuos descendentes un doutro ou de pais comúns e dos que se lles parecen tanto coma aqueles entre si»
de Candolle: «Especie é a colección de todos os individuos que se parecen máis entre si que a outros; que por fecundación recíproca poden dar individuos fértiles, e que se reproducen por xeración, de tal xeito que, por analoxía, se lles pode supoñer a todos procedentes orixinariamente dun só individuo».
Le Dantec: «Especie é o conxunto de todos os individuos cualitativamente idénticos que non presentan entre si, nos seus elementos vivos, máis que diferenzas cuantitativas».
Laumonier: «Todos os individuos fecundos entre si e que teñen descendentes tamén indefinidamente fecundos»

Historia

John Ray from NPG
John Ray

O vocábulo especie alude a tres conceptos distintos aínda que relacionados: o rango especie, que é o nivel máis básico da taxonomía de Linneo; os taxons especie, que son un grupo de organismos descritos e asignados á categoría especie, e as especies biolóxicas que son entes capaces de evolucionar. Respecto a isto, cómpre dicir que a idea de «evolución» xa se atopaba na antigüidade clásica. Así, Anaximandro afirma que as primeiras criaturas xurdirían da auga para pasar á terra, mentres que Empédocles asegura que eran partes separadas que, nun momento dado, chegaron a xuntarse, o que lembra a teoría da simbioxénese.[2][3] Cicero escolleu o vocábulo latino species ("aspecto característico, forma") para traducir a expresión grega ἰδέα, idéa, ("aspecto, aparencia, forma"), ​ relacionado con εῖδος, eîdos ("vista, visión, aspecto"), vocábulo platónico cargado de connotacións dialécticas e lóxicas.

Non obstante, para o biólogo Ernst Mayr, foi Platón "o grande antiheroe do evolucionismo" a causa da súa crenza no mundo das Ideas.[4] Aristóteles, en cambio, mantívose nunha posición ambigua: achegou o que el consideraba probas dunha xeración espontánea mais falou dunha "causa final" de toda especie,[5] a súa entelequia, e rexeitou explicitamente a idea de Empédocles que dicía que as criaturas viventes foran orixinadas por casualidade.[6] Zenón de Citio, segundo Cicero, seguiu nesta liña.

Dos datos que achega Lucrecio, extráese que Epicuro se anticiparía á lei da selección natural.[7] O degradacionista Agostiño de Hipona di en cambio que o libro da Xénese debe interpretarse e non se ten que supor que Deus crease as especies que se ven agora coas súas imperfeccións. Este feito e o proceso contra Galileo foi clave, séculos máis tarde, na rápida aceptación pola Igrexa católica da teoría da evolución. Durante a Idade Media, nunha época de indeterminación fomentada pola inestabilidade política, confundíronse frecuentemente os vocábulos "especie" e "xénero". Isto podería xustificarse en base ao texto da Vulgata:

Deixouse aberta a posibilidade de que houbese especies e xéneros non creados por Deus ou non descubertos polos europeos. O nominalismo tivo os seus alicerces no século XIV con William de Ockham. Esta doutrina sinalaba que non existía ningunha entidade entre o vocábulo e os individuos aos que este se refería, é dicir, só existían os individuos. Segundo esta doutrina, as especies son froito da nosa razón e o concepto de especie emprégase só coa fin de agrupalos pola súa semellanza e darlles un nome. En poucas palabras, o nominalismo non recoñece as especies como entidades reales.

Linneo e John Ray, pola súa banda, afianzaron a idea do carácter discreto e da posesión de atributos obxectivos das especies que permitían a súa delimitación, é dicir, a realidade das especies. A partir da publicación da Orixe das especies por Charles Darwin en 1859, comezouse a considerar a especie como un agregado de poboacións morfoloxicamente variables e con capacidade de evolucionar. O concepto aristotélico-linneano foi gradualmente substituído por unha concepción evolutiva baseada na selección natural e no illamento reprodutivo.

John Ray definiu a especie como un grupo de individuos semellantes, con antepasados comúns. Igualmente, expresou que "unha especie nunca nace da semente doutra especie", é dicir, os coellas non nacen dos monos, nin as no nacen de monos, nin as ervellas dan rosas.

A mediados do século XX formuláronse dúas posturas respecto das especies: o realismo evolutivo e o nominalismo. Os últimos mantiveron que na natureza só existen os organismos individuais e segundo os taxónomos evolutivos as especies son entidades reais da natureza e constitúen unidades de evolución. A partir da década de 1980 afianzouse a postura realista con respecto ás especies biolóxicas, conxuntamente co enfoque filoxenético da clasificación.[8]

De acordo con Häuser (1987) os atributos xerais do concepto especie deben ser: universalidade, aplicabilidade práctica e criterio decisivo.[9] A maioría dos biólogos que se ocupan da sistemática de plantas e animais empregan o CBE xunto coa descrición da morfoespecie.[10]

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para especie.
  2. Kirk, Geoffrey; Raven, John; Schofield, John (1984). The Presocratic Philosophers: A Critical History with a Selection of Texts (3.ª ed.). Chicago: The University of Chicago Press. pp. 100–142. ISBN 0-521-27455-9.
  3. Kirk, Geoffrey; Raven, John; Schofield, John (1984). The Presocratic Philosophers: A Critical History with a Selection of Texts (3.ª ed.). Chicago: The University of Chicago Press. pp. 280–321. ISBN 0-521-27455-9.
  4. Mayr 1982, p. 304
  5. Boylan, Michael. "Aristotle: Biology". Internet Encyclopedia of Philosophy. Consultado o 25 de setembro de 2011.
  6. Hardie, R. P.; Gaye, R. K. "Physics by Aristotle". Consultado o 15 de xullo de 2008.
  7. Cicero. De Natura Deorum, 2.22. Loeb Classical Library. Harvard University Press, 1956, p. 179.
  8. Crisci, J. V. 1981. «La especie: realidad y conceptos». SYMPOSIA, VI Jornadas Argentinas de Zoología, La Plata. Pp. 21-32. Reeditado en: Llorente Bousquets, J. e I. Luna Vega (eds.) Taxonomía biológica. Fondo de Cultura Económica, Universidad Nacional Autónoma de México. Pp. 207-225. 1994. (en castelán)
  9. Häuser, C. L. (1987). "The elebate about the biological species concept; A review" 25 (4): 241–257.
  10. King 1993

Véxase tamén

Ligazóns externas

Clasificación científica

Clasificación científica ou clasificación biolóxica é a maneira en que os biólogos agrupan e categorizan especies extinguidas ou actuais de organismos. A clasificación moderna ten as súas raíces no sistema de Carl von Linné, que agrupou as especies de acordo con características físicas compartidas. Estas agrupacións foron revisadas dende a época de Linneo para mellorar a consistencia co principio de descendencia común de Charles Darwin. A sistemática molecular, que utiliza a análise do ADN xenómico, levou a moitas revisións recentes e é probable que o continúe facendo. A clasificación científica pertence á ciencia da taxonomía ou bioloxía sistemática.

Cromosoma

Un cromosoma (do grego chroma, "cor", e soma, "corpo" ou "elemento") é unha estrutura organizada de ADN e proteínas que se atopa no núcleo das células. Trátase dun estado temporal no que se encontra o material xenético durante a fase de división celular, tanto na mitose como na meiose, que facilita a repartición equitativa deste nas células resultantes. Os cromosomas son visíbeis ao microscopio óptico, e o mellor momento para a súa observación é na metafase, xa que é cando están situados no plano ecuatorial do citoplasma celular. A organización do ADN que conteñen é sempre a mesma grazas á axuda dunhas proteínas chamadas histonas. Ademais, os cromosomas son empregados para localizar xenes e outras secuencias, xa que, ao estar a información xenética condensada, é cando mellor se aprecian. Serven tamén para explicar dun xeito máis docente o funcionamento da reprodución celular eucariótica, aínda que estes non existan durante o estado de repouso, a interfase. Nese período, o cromosoma aparece desorganizado, atopándose en forma de pequenos filamentos entrelazados, a cromatina, que está suspendida no nucleoplasma e definida en territorios cromosómicos.

Os cromosomas están formados por dúas cromátides irmás unidas por un centrómero. Os máis coñecidos son os chamados comosomas sexuais, X e Y, pola forma característica que teñen. Estes dous cromosomas van determinar o sexo do individuo; as mulleres teñen dous do tipo X (polo tanto terán un xenotipo XX), e os homes un de cada (así que serán XY). O número de cromosomas totais depende da especie; por exemplo, a especie humana posúe 22 pares de cromosomas homólogos e un último para que determina o sexo, ou ben XX ou XY.

O primeiro investigador a observar cromosomas foi Karl Wilhelm von Nägeli en 1842 e o seu comportamento foi descrito en detalle por Walther Flemming en 1882. No ano 1910, Thomas Hunt Morgan probou que os cromosomas son os portadores dos xenes.

Depredación

Depredación é, en ecoloxía e bioloxía, unha relación interespecífica na que un individuo (depredador) dunha especie mata a outro doutra especie (presa) para alimentase del.

Un mesmo individuo pode ser depredador duns organismos, e presa doutros. En caso de non ser presa de ningún organismo, falaríamos dun superdepredador.

Na relación de depredación, unha especie sae beneficiada, a especie depredadora, e outra sae prexudicada, a especie presa, pasando a enerxía deste último ao primeiro (da presa ao depredador).

Son exemplos o león e maila cebra. O primeiro sería o depredador do segundo, que sería a presa.

Especie tipo

Na nomenclatura zoolóxica, unha especie tipo (species typica) é o nome da especie co cal está taxonomicamente asociada de forma permanente o nome dun xénero ou subxénero, é dicir, a especie que contén o(s) espécime(s) tipo. Utilízase un concepto similar para grupos supraxenéricos denominado xénero tipo.

Na nomenclatura botánica, estes termos non teñen consideración formal baixo o actual código de nomenclatura, pero utilízase ás veces imitando o uso que se fai na nomenclatura zoolóxica. En botánica, o tipo dun xénero é un espécime (ou, raramente, unha ilustración); os rangos de xénero e familia e as súas subdivisións, así como algúns nomes de rango superior baseados nos nomes dos xéneros, teñen ditos tipos.En bacterioloxía, asígnase unha especie tipo a cada xénero.Cada xénero ou subxénero nomeado en zooloxía, tanto se actualmente está recoñecido como válido coma se non, está teoricamente asociado cunha especie tipo. Porén, na práctica hai acumulados moitos nomes pendentes de tipificar por un atraso ou lentitude na tipificación, que foron definidos en publicacións antigas cando non se requiría especificar un tipo.

Estado de conservación

Estado de conservación fai referencia á dinámica das poboacións de determinada especie, ou taxon superior, dun ser vivo.

Xeralmente, a ameaza ás especies débese na actualidade á acción antrópica, sexa pola agricultura intensiva, a construción de cidades ou de estradas, centrais hidroeléctricas e outras obras.

O estudo das poboacións permite coñecer o seu estado de conservación, aínda que a protección delas depende de medidas de preservación que son tomadas polos poderes públicos ou, ás veces, por particulares.

Extinción

En bioloxía, extinción é a desaparición de todos os individuos dunha especie ou xénero. Pode considérase unha especie como extinta unha especie a partir do intre en que morre o seu último individuo, inda que de facto pode estalo desde que a comunidade perdeu a capacidade de reprodución ou recuperación.

Debido a que o seu rango de distribución potencial pode ser moi grande, determinar ese momento pode non ser doado, polo que decote faise en retrospectiva. Estas dificultades poden conducir a fenómenos como o taxon Lazarus, no que unha especie que se presumía extinta reaparece tras un período de aparente ausencia. No caso de especies que se reproducen sexualmente, a extinción é xeralmente inevitábel cando só queda un individuo da especie ou unicamente individuos do mesmo sexo.

Segundo datos da Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (IUCN) no planeta hai 17 mil especies de animais e plantas ameazadas de extinción incluíndo un terzo dos anfibios, máis dunha de cada oito especies de aves e preto dun cuarto dos mamíferos.

Folla

En botánica, as follas son órganos das plantas especializados na captación de luz e nos intercambios gasosos coa atmosfera para realizar a fotosíntese e a respiración. Con raras excepcións, en xeral asociadas a plantas de climas áridos, as follas tenden a maximizar a superficie en relación ó volume, para así aumentar a área da planta exposta á luz ou a área da planta onde os intercambios gasosos son posibles por estar exposta á atmosfera.

Especies diferentes de plantas teñen follas diferentes e incluso unha mesma especie pode presentar follas de formas diferentes en idades distintas (como é o caso do eucalipto ou da acacia negra). Tamén existen varios tipos especializados de follas, con fins diferentes dos das follas comúns, como por exemplo os pétalos das flores.

Este artigo concéntrase nas follas das plantas vasculares, as únicas que posúen "verdadeiras" follas. As restantes plantas verdes, coma os musgos, posúen órganos equivalentes, pero con estrutura e, ás veces, denominacións diferentes.

Hábitat

En ecoloxía, un hábitat é o lugar ou o tipo de lugares onde vive unha especie de organismo particular ou onde a súa poboación aparece de xeito natural. Pódese entender que é tamén o ambiente e o conxunto de condicións de ese ambiente que permiten a especie estea presente alí.Un hábitat está caracterizado por características tanto físicas como biolóxicas. Para unha especie os seus hábitats son aqueles onde poden atopar os seus alimentos, un lugar onde acollerse ou medrar, protección para a súa supervivencia ou un lugar onde propagarse ou reproducirse, como é atopando parella. Os factores físicos que determinan un hábitat poden ser algúns como o tipo de solos ou augas, a humidade do ambiente, o abano de temperaturas dese espazo ou a intensidade de luz. Pola outra banda, os factores biolóxicos son aqueles como a dispoñibilidade de nutrientes ou alimentos, ou a presenza ou ausencia de depredadores. Cada especie e cada organismo teñen certas necesidades e precisan duns ou doutros hábitats para poder prosperar. Algunhas especies son tolerantes a grandes variacións na presenza desas variables físicas ou biolóxicas, namentres que outras especies están especializadas e precisan dunhas condicións concretas para persistir.

Un hábitat non é necesariamente unha área xeográfica: pode ser o interior dun toro que podrece, o interior dunha rocha ou no musgo dun monte, o corpo ou un tracto dixestivo dun hóspede para aqueles organismos parasitos o corpo do seu hóspede etc. Os grandes tipos de hábitat terrestres van desde condicións de rexións polares, a temperadas, subtropicais e tropicais. O tipo de vexetación terrestre pode ser bosque, estepas, prados, semiárido ou desértico. Os hábitats das augas fresca inclúen a marismas, regatos, ríos, rías, lagos e lagoas; e os hábitats mariños inclúen a marismas, costa, as zonas intermareais, arrecifes, rías e baías, o mar aberto, os leitos mariños, as augas profundas e as augas submariñas.

Os hábitats mudan co paso do tempo, tanto por cambios estacionais como por outras causas que os fan mudar definitivamente. Nese último caso poden deberse a evento violentos como erupción de volcáns, a terremotos, a tsunamis, a incendios forestais, a cambios nas correntes oceánicas ou a morte dos hóspedes. Os outros cambios poden ser estacionais ou ser máis gradual, que fan mudar os hábitats. Esa mudanza pódese dar ao longo de milenios por alteracións no clima, xa que os xeos e os glaciares avanzan e retroceden, e por patróns climáticos diferentes que implican cambios das precipitación e da radiación solar. Outros cambios nos hábitats son resultado directo das actividades humanas, como o son a deforestación, o arado de pastos ou agricultura intensiva, os cambios nos caudais dos ríos e rías, a drenaxe das marismas, o dragado do litoral ou dos fondos do mar. A introdución de especies exóticas pode ter un efecto devastador na fauna e flora nativa; por implicar unha maior depredación, maior competencia polos recursos ou porque supoñan a introdución de pragas e enfermidades ás que as especies nativas non teñen inmunidade.

Un dos maiores problema nas conservacións dos ambientes e da biodiversidade é a fragmentación dos hábitats. Ademais, ante a degradacións dos hábitats non todas as especies responden igual xa que algunhas dependen doutras nos ecosistemas, como é o caso da dispersión de vexetación en bosques ligada aos desprazamentos de animais.

International Plant Names Index

O International Plant Names Index (IPNI, Índice de Nomes de Plantas Internacional) descríbese el mesmo como "unha base de datos dos nomes e detalles bibliográficos básicos asociados de plantas con sementes, fentos e licófitas." A cobertura que fai dos nomes de plantas é mellor no nivel de especie e xénero. Inclúe detalles bibliográficos básicos asociados cos nomes, e os seus obxectivos son eliminar a necesidade de facer repetidas referencias ás fontes primarias para dar información bibliográfica básica sobre nomes de plantas.O IPNI tamén mantén unha lista de abreviacións dos nomes de autores estandarizadas. Estas estaban inicialmente baseadas en Brummitt & Powell (1992), pero estanse a engadir decote novos nomes e abreviacións.

Nomenclatura binomial

En bioloxía, a nomenclatura binominal (tamén chamada nomenclatura binaria ) é un convenio estándar empregado para denominar as diferentes especies de organismos (vivos ou xa extintos). Ás veces faise referencia á nomenclatura binominal como Sistema de clasificación binominal.

Como suxire a palabra binominal, o "nome científico" asignado a unha especie esta formado pola combinación de dúas palabras ("nomes" —substantivos e adxectivos— en latín ou de raíz grecolatina): o nome do xénero e o nome específico. O conxunto de ambos é o nome científico que permite identificar a cada especie como se tivera "nome e apelido".

A nomenclatura binominal é unha norma puntual que se aplica á denominación dos taxons específicos, pero representa só uno dos estándares da nomenclatura biolóxica, que se ocupa tamén da denominación formal (científica) de taxons doutras categorías.

Nomenclatura binominal

En bioloxía, a nomenclatura binominal (tamén chamada nomenclatura binaria) é un convenio estándar empregado para denominar as diferentes especies de organismos (vivos ou xa extintos). Ás veces faise referencia á nomenclatura binominal como Sistema de Clasificación binominal.

Como suxire a palabra «binominal», o nome científico asignado a unha especie está formado pola combinación de dúas palabras (nomes en latín ou de raíz grecolatina): o nome do xénero e o epíteto ou nome específico. O conxunto de ambos os dous é o nome científico que permite identificar cada especie coma se tivese "nome e apelido".

A nomenclatura binominal é a norma puntual que se aplica á denominación dos taxóns específicos, mais representa só un dos estándares da nomenclatura biolóxica, que se ocupa tamén da denominación formal (científica) de taxóns doutras categorías.

Poboación

En socioloxía e bioloxía, unha poboación é un grupo de persoas, ou organismos dunha especie particular, que viven nunha área xeográfica, ou espazo, e cuxo número se determina normalmente por un censo.

A demografía é o estudo estatístico das poboacións humanas. Aspectos varios do comportamento humano nas poboacións estúdanse en socioloxía, economía, e xeografía, en especial, na xeografía da poboación. O estudo de poboacións normalmente está gobernado polas leis da probabilidade, e as conclusións dos estudos pode non ser sempre aplicables a algúns individuos.

Reino (bioloxía)

En bioloxía, reino é cada unha das grandes subdivisións en que se consideran distribuídos os seres naturais, por razón dos seus caracteres comúns.

Foi Aristóteles quen deu en facer a primeira clasificación en Reinos de tódalas entidades que se manifestan na Natureza. En base ás diferenzas entre estas entidades establécese a clásica distinción entre os reinos animal, vexetal e mineral. Na actualidade, case tódalas clasificacións deixan á parte ós minerais. Isto non simplificou a taxonomía dos entes naturais, senón que propiciou para os virus unha especie de non clasificación, xa que non se consideran seres vivos en sentido estrito, a pesar de que «paradoxalmente, todo o mundo quere matalos» . Así pois, a primera subdivisión dos entes da natureza debe distinguir entre seres vivos, virus e minerais. En bioloxía, a clasificación en reinos céntrase nos seres vivos.

A seguinte é unha comparativa dos sistemas de clasificación en reinos biolóxicos máis salientables:

Debido á enorme variedade da vida establecéronse numerosos niveis de clasificación denominados taxóns. O nivel de Reino era ata hai pouco o nivel superior da clasificación biolóxica. Nas clasificacións modernas o nivel superior é o Dominio. Cada un dos Dominios subdivídense en Reinos; os Reinos, á súa vez, poden organizarse en Subreinos etc. Os niveis superiores da clasificación biolóxica amósanse a continuación (de xeral a concreto, os niveis obrigatorios marcáronse con fondo rosa):

As diferenzas básicas dos seres vivos danse a nivel molecular (estrutura dos lípidos, proteínas e xenoma) e permiten distinguir os dominios Archaea, Bacteria e Eukarya (dende este punto de vista, unha planta e un animal son máis semellantes entre si ca unha archaea e unha bacteria). Os dominios Archaea e Bacteria inclúen só organismos unicelulares procariotas (organismos con células sen núcleo). O dominio Eukarya inclúe tódalas eucariotas (organismos con células con núcleo) e comprende numerosos reinos, entre os cales se atopan os protozoos (clasificados en varios reinos), plantas, fungos e animais.

A continuación amósase a clasificación en reinos dos seres vivos segundo os últimos datos moleculares. Os virus clasifícanse á parte.

Satélite artificial

Enténdese por satélite artificial calquera dos obxectos postos en órbita periódica arredor da Terra de xeito artificial (pola nosa especie). Os obxectivos son variados e van dende os fins científicos ou tecnolóxicos ós militares.

Agora ben, se o definimos dende un punto de vista rigoroso, un satélite artificial é un obxecto non tripulado posto en órbita arredor da Terra, quedando fóra desta definición os foguetes lanzadores como as cápsulas tripuladas ou de carga, os transbordadores espaciais e mailas estacións orbitais. Tampouco son considerados satélites artificiais as sondas espaciais enviadas a calquera outro destino do Sistema Solar, pois non teñen unha órbita periódica.

O satélite artificial é unha das ferramentas máis útiles que ata a data creou o home. Posibilita observar e controlar o noso planeta e ollar o cosmos sen a interposición da atmosfera.

Subespecie

En bioloxía denomínase subespecie a cada un dos grupos nos que se dividen as especies, e que se compoñen de individuos que, ademais dos caracteres propios da mesma, teñen en común outros caracteres morfolóxicos polos cales aseméllanse entre si e distínguense dos das demais subespecies. Dende o punto de vista estritamente sistemático ou da taxonomía, é a categoría taxonómica comprendida entre a especie e a raza.

A subespecie é unha parte da especie formada por unha ou máis poboacións, pouco diferenciadas e cunha distribución xeográfica concreta. Esta definición inclúe as razas xeográficas de moitos autores ('Rassenkreis'). Con todo, non está moi clara a liña de separación entre os conceptos de raza e subespecie, pois ambos taxons manteñen as características propias da especie, é dicir, que parellas de individuos de distintas subespecies ou razas (pero da mesma especie) poden emparentar e producir descendencia viábel e fértil; e só acostuman diferenciarse en caracteres externos menores aínda que recoñecibles e regularmente presentes. O termo raza utilízase con máis frecuencia fóra do ámbito científico, polo que, en taxonomía, só se emprega (por costume) para a distinción morfolóxica nun número moi limitado de especies, esencialmente os seres humanos e os animais domésticos.

Taxon

En bioloxía, un taxon (do grego τάξις, transliterado como táxis, "ordenamento") é un grupo de organismos emparentados, que nunha clasificación dada foron agrupados, asignándolle ao grupo un nome en latín, unha descrición, e un "tipo" que, se o taxon é unha especie, é un espécime ou exemplar concreto. Cada descrición formal dun taxon está asociada ao nome do autor ou autores que a realizan, os cales fanse figurar detrás do nome. En latín o plural de taxon é taxa, sendo así como adoita usarse en inglés, pero en galego o plural adecuado é taxons. A ciencia que define aos taxons chámase taxonomía ou taxinomía.

A finalidade de clasificar os organismos en taxons formalmente definidos en lugar de grupos informais, é a de prover grupos cuxa circunscrición sexa estrita ou cunha denominación con valor universal, independentemente da lingua empregada para a comunicación. Os taxons existen dentro dunha clasificación dada, suxeita a cambios onde poden presentarse discrepancias, o que obriga respecto a algunhas denominacións problemáticas a especificar o autor da clasificación en cuestión.

Taxonomía

A taxonomía ou taxinomía (do grego ταξις, taxis, "ordenamento", e νομος, nomos, "norma" ou "regra") é a ciencia da clasificación. Xeralmente se emprega o termo para designar a taxonomía biolóxica, ciencia que ordena os organismos vivos nun sistema de clasificación composto por taxons agrupados en categorías taxonómicas.

Xene

Un xene é a unidade básica de herdanza dos seres vivos. Dende o punto de vista molecular, un xene é unha secuencia lineal de nucleótidos na molécula de ADN (ou ARN no caso dalgúns virus), que contén a información necesaria para a síntese dunha macromolécula con función celular específica. Por exemplo: Proteínas, ARNm, ARN ribosómico, ARN de transferencia e ARN pequenos. Esta función pode estar vinculada ó desenvolvemento ou funcionamento dunha función fisiolóxica normal. O xene é considerado como a unidade de almacenamento de información e unidade de herdanza ó transmitir esa información á descendencia. Os xenes dispóñense, pois, ao longo de cada un dos cromosomas. Cada xene ocupa no cromosoma unha posición determinada chamada locus. O conxunto de cromosomas dunha especie denomínase xenoma.

Algunhas enfermidades como a anemia drepanocítica (ou anemia falciforme) poden ser ocasionadas por un cambio nun só xene (un dos 30.000 'xenes que constitúen o plano para todo o corpo humano).

Os organismos diploides (entre eles, case todos os animais e plantas) dispón de dous xogos de cromosomas homólogos, cada un deles proveniente dun dos pais. Cada par de cromosomas ten, pois, un par de copias de cada xene, unha procedente da nai e outra do pai.

Os xenes poden aparecer en versións diferentes, con variacións pequenas na súa secuencia, denominadas alelos. Os alelos poden ser dominantes ou recesivos. Cando unha soa copia do alelo fai que se manifeste o trazo fenotípico, o alelo é dominante. Cando son precisas dúas copias do alelo (unha en cada cromosoma do par), o alelo é recesivo.

Xénero (bioloxía)

O xénero, no campo da bioloxía, é unha unidade sistemática das clasificacións por categorías taxonómicas.

Conceptos base
Taxons
Conceptos asociados
Normas

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.