Espazos naturais de interese local

Os espazos naturais de interese local (ENIL)[1] e os espazos privados de interese natural (EPIN)[2] son figuras de protección de espazos naturais públicos e privados recoñecidos polo goberno galego. Son espazos naturais, que pola súa fauna ou flora, hábitats ou interese locais de conservación, os concellos, mancomunidades ou propietarios particulares lle propoñen ao goberno galego para a súa declaración acompañados dun plano de conservación. Se o goberno avalía como válido o plano de actuacións decláranse o ENILs ou EPINs. O goberno galego vela polo cumprimento dos compromisos de conservación que as entidades públicas ou privadas adquiriron. Porén, estes espazos non forman parte da rede galega de espazos naturais.[3][4]

Paseo marítimo e Illas de San Pedro
O espazo natural de interese local das Illas de San Pedro en Visma, A Coruña

Espazos naturais de interese local

Ecosistema dunar Praia América-Panxón

O sistema de dunas das praias de América e Panxón, en Panxón, Nigrán, declaráronse en 2014 como de interese local. É un espazo natural de 3,58 ha. que salvagarda ás dunas das praias.[1]

Illas de San Pedro

As illas de San Pedro, en Visma, A Coruña foron declaradas como de interese local en 2009. Estas illas son de 10.40 ha. e atópanse en fronte do monte de San Pedro, na cidade da Coruña.[1]

Loio-Ruxidoira

O espazo natural de Loio-Ruxidoira atópase no río Loio do encoro de Belesar en Paradela. Ocupa 437 ha. e foi declarado en 2013 de interese local.[1]

Puzo do Lago

O Puzo do Lago está no Lago, Maside. Este espazo natural abrangue un lago e a súa contorna. Ocupa 30.6 ha. e foi declarado en 2014.[1]

Ribeiras do Mero-Barcés

As ribeiras do Mero-Barcés é un espazo natural que abrangue as cuncas do río Barcés, Gobia e Mero ao seu paso por Abegondo. O ENIL abrangue as cabeceiras dos río Mero antes da súa chegada ao encoro de Abegondo - Cecebre, que está declarado como zona especial de conservación (ZEC).[1]

Río Gafos

O río dos Gafos están en Pontevedra, entre Cabanas e Lusquiños. Este ENIL ocupa 49,80 ha. das ribeiras deste río pontevedrés.[1]

Voutureira

Voutureira atópase en Soutopenedo, San Cibrao das Viñas. Este espazo natural ocupa 183,78 ha. e declarouse en 2008.[1]

Xunqueira de Alba

Xunqueira de Alba acolle estas ribeiras da cidade de Pontevedra. Ocupa 67 ha. e foi declarado como ENIL en 2012.[1]

Espazos privados de interese natural

Sobreiras do Faro

As sobreiras do Faro son un espazo privado que se atopa en Viladesuso, Oia. Este espazo é propiedade dunha macomunidade local de Viladesuso que ten propiedades nos montes de Faro e Pousiño. É o único EPIN galego e foi declarado en 2011.[2]

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 Consellaría de Medio Ambiente, Ordenación e Territorio, Xunta de Galicia (eds.). "Espazos naturais de interese local". Consultado o 27 de outubro de 2017.
  2. 2,0 2,1 Consellaría de Medio Ambiente, Ordenación e Territorio, Xunta de Galicia (eds.). "Espazos privados de interese natural". Consultado o 27 de outubro de 2017.
  3. Consellería de Medio Ambiente, Xunta de Galicia (23 de maio de 2005). DOG, eds. Decreto 124/2005, do 6 de maio, polo que se regula a figura de espazo natural de interese local e a figura de espazo privado de interese natural. DOG Num. 97. p. 8706.
  4. Véxase o sistema de espazos protexidos de Galicia.
Carballa da Rocha

A Carballa da Rocha é un carballo situado na Saínza de Abaixo, en Rairiz de Veiga, no concello de Rairiz de Veiga, Ourense, declarado Monumento natural pola Xunta de Galicia o 1 de marzo do ano 2007, englobando seis leiras lindeiras que suman 0,6429 ha. Tamén foi declarada árbore senlleira o 17 de abril do 2007 .

A Carballa da Rocha atópase dentro da reserva da biosfera Área de Allariz.

Dobramento xeolóxico de Campodola-Leixazós

O dobramento xeolóxico de Campodola-Leixazós é un dobramento recorrente nas montañas do Courel, en Quiroga, que se formou no carbonífero.Este elemento xeolóxico foi catalogado como monumento natural e ocupa un espazo de 90 hectáreas entre os lugares de Campodola, O Hospital, e Leixazós, Pacios da Serra. É ademais un Geosite español e parte do Xeoparque das Montañas do Courel.

Fraga de Catasós

A fraga de Catasós é unha fraga declarada monumento natural no ano 2000, situada no lugar de Quintela, Catasós, no concello pontevedrés de Lalín. Tamén se coñece co nome de carballeira de Quiroga, xa que a maior parte dos exemplares dominantes son carballos, aínda que salienta polos seus senlleiros castiñeiros (tamén se lle chamaba souto), algúns de varios centos de anos, 5 metros de circunferencia e máis de 30 metros de altura (os máis altos de Europa).

Illas Briñas

As Illas Briñas son un subarquipélago galego na provincia de Pontevedra que forma parte do arquipélago de Cortegada, e con ela integradas no Parque nacional das Illas Atlánticas. Sitúanse a poñente das Illas Malveiras, ao oeste da Illa de Cortegada. Son dous illotes que suman no seu conxunto 5,5 hectáreas: A Briña e O Con Branco. A maior é a Briña (4 hectáreas), que é baixa, alargada e alternando area con zonas pedregosas. Está cuberta de vexetación herbácea e carece, como o espido Con Branco, de construcións.

Illas Estelas

Non confundir coa Ilhas Estelas, do arquipélago portugués das Berlengas.As Illas Estelas, ou As Estelas, son un arquipélago pontevedrés situado fronte á península de Monteferro, Panxón, en Nigrán. O arquipélago é pequeno pero ten uns fondos mariños ben conservados e é un punto de parada de aves con interese de conservación polo que foi declarado como zona especial de conservación (ZEC).

Lagoa e areal de Valdoviño

A lagoa e areal de Valdoviño é un espazo natural galego declarado como zona húmida protexida e que ocupa 490 ha. da lagoa da Frouxeira e a praia da Frouxeira, Valdoviño.

Esta zona húmida forma parte da zona especial de conservación (ZEC) "Costa Ártabra" e da zona de especial protección para as aves (ZEPA) da "Costa de Ferrolterra - Valdoviño". É ademais unha das zonas húmidas galegas incluídas na Lista das zonas húmidas de importancia internacional, da Convención de Ramsar..

Monumento natural

Un monumento natural é un elemento da natureza que ten un valor paisaxístico, xeolóxico, histórico ou social e é único a causa da súa rareza, das súas cualidades estéticas, ou do seu significado cultural.Os monumentos naturais están nalgúns países suxeitos a unha protección legal, que define as características dos monumentos, identifícaas, e realiza o inventario dese patrimonio para logo reforzar a protección ofrecida.

Paisaxe protexida

Unha paisaxe protexida é un espazo natural que polo seu valor estético, ou singularidade no aproveitamento humano do medio natural, se lle outorga unha protección. Esta figura e protección pretende conservar a paisaxe e os elementos socio-económicos que a orixinaron e a mantiveron.O marco lexislativo galego recoñece esta categoría seguindo a Lei 42/2007 do patrimonio natural e da biodiversidade española e o Convenio da paisaxe do Consello de Europa.

Parque nacional

Un parque nacional é, no marco lexislativo español, un espazo natural declarado como parque por estar pouco transformado pola explotación ou pola ocupación humana e que, en razón á beleza das súas paisaxes, a representatividade dos seus ecosistemas ou a singularidade da súa flora, da súa fauna ou das súas formacións xeomorfolóxicas, posúe uns valores ecolóxicos, estéticos, educativos e científicos, co cal a súa conservación merece unha atención preferente. Poden ser marítimos ou terrestres, e encontrarse na montaña, no mar, no deserto ou en calquera outro espazo definido xeograficamente.

O único parque nacional galego é o Parque Nacional das Illas Atlánticas.

O termo de parque nacional pode ser unha figura legal similar noutros estados para a conservación de espazos naturais.

Parque natural

Un parque natural é, no marco lexislativo galego, un espazo natural declarado como parque por estar pouco transformado pola explotación ou pola ocupación humana e que, en razón á beleza das súas paisaxes, a representatividade dos seus ecosistemas ou a singularidade da súa flora, da súa fauna ou das súas formacións xeomorfolóxicas, posúe uns valores ecolóxicos, estéticos, educativos e científicos, co cal a súa conservación merece unha atención preferente. Poden ser marítimos ou terrestres, e encontrarse na montaña, no mar, no deserto ou en calquera outro espazo definido xeograficamente.

Pena Corneira

Pena Corneira é un espazo natural de 998 hectáreas declarado monumento natural da comarca ourensá do Ribeiro, entre Avión, Carballeda de Avia e Leiro, e que se caracteriza por se asentar sobre un vasto macizo granítico senlleiro cun grande interese pola súa singularidade e importancia dos seus valores científicos, culturais e paisaxísticos. Carballeda de Avia o municipio que alberga unha maior superficie, seguido dos concellos de Leiro e Avión, todos na comarca do Ribeiro.No cumio do monte existe a a Pena Corneira, un penedo vertical de dez metros de altura.

Río Belelle

O río Belelle é un curso fluvial da provincia da Coruña, que transcorre polos concellos da Capela, Cabanas, Fene e Neda. Dá acobillo a distintas zonas de grande riqueza paisaxística e ecolóxica. É coñecido pola súa fervenza (fervenza do río Belelle), e tamén pola súa idoneidade para a pesca da troita.

Río Landro

O río Landro ou Landrove é un curso fluvial galego, pertencente á vertente cantábrica. Segue unha dirección S-N e desemboca na ría de Viveiro. Ten un percorrido de 42 km e a súa bacía esténdese por 268 km².

Río Lérez, ría de Pontevedra

O río Lérez pertence á vertente atlántica e na súa desembocadura forma a ría de Pontevedra.

Río Tea

O río Tea é un afluente do río Miño, duns 50 quilómetros de longo, que atravesa a bisbarra do Condado, no sur da provincia de Pontevedra.

Río Támega

O río Támega (Tâmega en portugués), é un curso fluvial que nace en Galiza, e percorre parte do norte de Portugal, ata desembocar no río Douro, logo dun percorrido de 145 km. É o único río galego, xunto cos seus afluentes, que pertence á Confederación hidrográfica do río Douro.

Serra da Cova da Serpe

A serra da Cova da Serpe é unha serra galega situada entre as provincias de Lugo e A Coruña, en Galiza. Acada a súa maior altura no Monte da Cova da Serpe, con 841 m.

Serra das Penas Libres

A serra das Penas Libres é unhas das serras do sur de Galiza, está orientada con sentido NO-SO, na comarca de Vilardevós, e limita con Portugal ao sur. Nesta cadea nacen polo sur afluentes do río Mente, e polo oeste afluentes do río Támega.

Está conformada por pedra de gra e granitos ao norte, lousas e cuarcitas ao leste, e materiais varios como xistos cara ao sur.

O punto de maior altura é o Mairos, con 1.083 metros sobre o nivel do mar, así como tamén o Salto do Cabalo, con 1.061 m.

Souto de Rozavales

O Souto de Rozavales, tamén nomeado Souto de Rozabales, é un monumento natural que se atopa no lugar ourensá do Souto de Rozavales, San Martiño de Manzaneda, Manzaneda. Foi declarado monumento natural polo Decreto 78/2000, do 25 de febreiro. Tamén o castiñeiro de Pumbariños, que está aí, se incluíu no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galiza.

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.