Espazo Ecosocialista Galego

Espazo Ecosocialista Galego foi un partido político galego que cualificaba como neogaleguista, ecosocialista, plural e aberto.

Naceu como colectivo cidadán no contexto do Movemento 15-M, que entenderon como evidencia da desafección de parte da sociedade cara á esquerda e ao nacionalismo en particular. Deciden así comezar un traballo que acade poñer en valor os puntos comúns das diferentes forzas sociais e políticas aliñadas baixo un ideario esquerdista e anovador, redefina o concepto clásico de partido e coordine as accións socias existentes en Galicia. O proceso culmina coa constitución dunha nova forza política galeguista e de corte ecosocialista. De cara ás eleccións autonómicas do 2012 decidiron inserirse na coalición electora Alternativa Galega de Esquerda.

Espazo Ecosocialista Galego
Partido político de Galicia
Logo de Espazo
Dirixentes e organización
LíderManel Cardoso Santiago[1]
Historia
Fundación2012
Posicións políticas
IdeoloxíaNeogaleguismo, esquerda, socialismo, ecoloxismo, anticapitalismo, asamblearismo, ecosocialismo, soberanismo, republicanismo, federalismo[2]
Grupo dinamizador de Espazo Ecosocialista Galego
Grupo dinamizador de Espazo Ecosocialista Galego en outubro de 2015.

Ideoloxía

Espazo Ecosocialista Galego é unha organización de esquerda verde e nacional que proclama a unidade e colaboración entre os diferentes suxeitos políticos e sociais para realizar un proceso de superación do capitalismo[3].

Fai unha aposta pola construción dun ideario altermundista que proveña da acción en rede dos novos suxeitos de transformación social galegos: movementos sociais, cidadáns e políticos que participan de xeito activo en foros de reflexión e alianzas de acción[4].

Basean a construción do que chaman "o galeguismo do século XXI" na sustentabilidade ecolóxica, a xustiza social global, a cultura da paz e a radicalidade democrática[3]. Esta radicalidade democrática pasa pola concepción republicana de cidadanía activa, participativa e crítica, entendéndoa como o maior grao de desenvolvemento da democracia[5].

Tamén forma parte do seu ideario o feminismo e o pacifismo[6].

Historia

Orixes e constitución como partido

A orixe de Espazo Ecosocialista Galego pódese remontar á Iniciativa Ben Común[7], plataforma que se inicia a partir da desafección cidadá pola política vixente evidenciada polo 15-M e a grande abstención, voto nulo e en branco nas eleccións municipais do 22 de maio de 2011 (34.5%)[8]. De feito, un dos promotores da Iniciativa Ben Común foi o anterior coordinador de Espazo Ecosocialista Galego, Xoán Hermida González[9].

O 25 de febreiro de 2012 confórmase coma un novo proxecto político baixo o nome de Espazo Ecogaleguista[10], iniciativa que derivará no nacemento do novo partido Espazo Ecosocialista Galego o 26 maio de 2012[11], logo dun proceso de confluencia de militantes da esquerda galega provenientes de diversos movementos sociais, sindicais e políticos[12].

Fundación de Compromiso por Galicia

En maio de 2012 anunciouse a creación de Compromiso por Galicia[13], onde conflúen as correntes e partidos escindidos do BNG a partir de xaneiro dese mesmo ano. Espazo Ecosocialista Galego foi unha das correntes fundadoras desta nova coalición, xunto con Máis Galiza e Acción Galega.

De Compromiso por Galicia a Alternativa Galega de Esquerda

O 25 de xullo de 2012, Xosé Manuel Beiras Torrado, en nome de Anova - Irmandade Nacionalista, convida a todas as formacións de esquerda a crearen unha fronte común[14].

Aínda que se convida a Compromiso por Galicia a formar parte da fronte[15], esta formación decide non se incorporar á coalición, malia que a súas bases votaran positivamente[16].

A fronte ampla concrétase baixo o nome de Alternativa Galega de Esquerda sen a participación de Compromiso por Galicia[17]. Isto provoca que Espazo Ecosocialista Galego escíndase de Compromiso por Galicia para iniciar as conversas con Alternativa Galega de Esquerda[18]. Finalmente, pasan a formar parte da coalición [19], coa que participarán nas eleccións autonómicas galegas do 21 de outubro de 2012.

Disolución

Logo da súa V Asemblea Nacional no ano 2017, o partido disolveuse animando aos membros a se integrar no partido En Marea[20].

Notas

  1. "Manel Cardoso Santiago, novo coordinador de Espazo, que foxe "do formato de partido tradicional"". Praza.gal. 3 de outubro de 2015. Consultado o 3 de outubro de 2015.
  2. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 12 de novembro de 2012. Consultado o 11 de xaneiro de 2013.
  3. 3,0 3,1 Manifesto: “Novas ideas para o século XXI. Un partido 2.0 para a cooperación política”. Asemblea Constituínte. Compostela. (p.7)[Ligazón morta] 26 de maio de 2012
  4. Manifesto: “Novas ideas para o século XXI. Un partido 2.0 para a cooperación política”. Asemblea Constituínte. Compostela. (p.11)[Ligazón morta] 26 de maio de 2012
  5. Manifesto: “Novas ideas para o século XXI. Un partido 2.0 para a cooperación política”. Asemblea Constituínte. Compostela. (p.10)[Ligazón morta] 26 de maio de 2012
  6. Manifesto: “Novas ideas para o século XXI. Un partido 2.0 para a cooperación política”. Asemblea Constituínte. Compostela. (p.12)[Ligazón morta] 26 de maio de 2012
  7. http://bencomun.org/[Ligazón morta]
  8. Resultados de las elecciones municipales del 22 de mayo de 2011 en Galicia El País (en castelán).
  9. "Ben Común". Arquivado dende o orixinal o 18 de setembro de 2012. Consultado o 02 de outubro de 2012.
  10. Un hijo de Beiras promueve el grupo Ecogaleguistas, abierto a confluir con los irmandiños, una nueva fuerza nacionalista con "vocación de gobierno" y que pide listas abiertas La Voz de Galicia (en castelán)
  11. Constitúese o Espazo EcoSocialistaEl Correo Gallego 27/5/2012
  12. Quen somos
  13. Nace 'Compromiso por Galicia', una nueva fuerza nacionalista con "vocación de gobierno" y que pide listas abiertas EuropaPress (en castelán).
  14. ANOVA Día da Patria 2012
  15. Beiras insta a CxG a sellar un pacto que será una ´bomba´ contra Feijóo La Opinión de Coruña (en castelán).
  16. Compromiso se suma a la Syriza gallega con Anova y Esquerda Unida El Correo Gallego(en castelán).
  17. El PP ya teme a la Syriza gallega Cuarto poder(en castelán).
  18. Espazo Ecosocialista deja CxG "por unanimidad" y abre el "diálogo político" con Alternativa Galega de Esquerdas EuropaPress(en castelán).
  19. Espazo Ecosocialista incorpórase a Alternativa Galega de Esquerda El Correo Gallego.
  20. "O Espazo Ecosocialista disólvese e sitúa a En Marea como o "proxecto político de cambio" en Galicia". Galicia Confidencial.
Alternativa Galega de Esquerda

Alternativa Galega de Esquerda é unha coalición política galega creada para as eleccións ao Parlamento de Galicia de 2012 polo partido nacionalista galego Anova - Irmandade Nacionalista, Esquerda Unida (federación galega de EU), EQUO Galicia (federación galega de EQUO) e Espazo Ecosocialista Galego. Actualmente só segue activa a nivel do Parlamento Europeo, onde está representada pola eurodeputada Lidia Senra, de Anova

Ames Novo

Ames Novo é un movemento cidadán e político creado no concello de Ames que se presentou ás eleccións municipais de maio de 2015.

A candidata á alcaldía foi Pilar Candocia, anteriormente concelleira de Educación vencellada ao BNG. No movemento participan diversos partidos políticos, coma Anova, Compromiso por Galicia, Esquerda Unida, Equo e Espazo Ecosocialista Galego. A diferenza de noutras candidaturas cidadás Podemos non participa nesta lista, senón que promoveu outra candidatura: Contigo Pódese. Nas eleccións, Ames Novo foi a terceira forza máis votada con 2474 votos (17,94%) e 4 concelleiros.

Colectivo Socialista

O Colectivo Socialista é unha organización política que forma parte do BNG. Conta con arredor de 150 militantes (2002). Os seus dirixentes son Mario López Rico e Francisco Trigo Durán.

Cando o Partido Socialista Galego decidiu saír do BNG no congreso extraordinario do 15 de xaneiro de 1983 un grupo de militantes desconformes formaron o Colectivo Socialista, ingresando no seo do BNG.

Compromiso por Galicia

Compromiso por Galicia é unha formación política galega de orientación nacionalista, constituída en maio de 2012 por Máis Galiza, o Espazo Ecosocialista e Acción Galega (Rafael Cuíña, Teresa Táboas, Xosé Manuel Pérez Bouza), así como por outras pequenas formacións como Terra Galega, PNG-PG, PG, PGD e CG.

Máis Galiza, algúns integrantes de Acción Galega, e o PNG-PG, proveñen do BNG. Unha das formacións fundadoras, o Espazo Ecosocialista, decidiu posteriormente a súa saída da organización.No momento da súa fundación definíase como galeguista, progresista e socialdemócrata. En 2019 desbotou a socialdemocracia da súa ideoloxía e engadiu o europeísmo.

Confederación Xeral de Traballadores Galegos

A Confederación Xeral de Traballadores Galegos (CXTG) foi un sindicato nacionalista galego que se formou en 1985 como unha escisión da INTG. En outubro celebrou o seu primeiro congreso, no que Fernando Acuña foi elixido secretario xeral. Nas eleccións sindicais de 1986 conseguiu 1.087 delegados.

Editou a revista Adiante entre 1987 e 1993.

En 1990 formou coa INTG a Converxencia Intersindical Galega para concorreren as dúas en coalición ás eleccións sindicais. En 1994, ao se fusionaren as dúas organizacións, a Converxencia Intersindical Galega deu paso á Confederación Intersindical Galega (CIG).

Esquerda Galega

Esquerda Galega (EG) foi un partido nacionalista galego de esquerdas.

Fala Ceibe

Fala Ceibe, tamén coñecida coma Fala Ceive é unha asociación cultural (aínda que non figura no rexistro de asociacións da Xunta de Castela e León) que promove o uso e a defensa da lingua e culturas galega no Bierzo.

Federación Rural Galega

A Federación Rural Galega, FRUGA, é un sindicato agrario galego creado en 2009 coma unha escisión do Sindicato Labrego Galego.

Intersindical Nacional Galega

A Intersindical Nacional Galega (ING) foi un sindicato nacionalista galego que se formou en marzo de 1977 da unión do Sindicato Obreiro Galego, UTEG, UTSG, UTBG e o SGTM. Francisco García Montes foi o seu secretario xeral. Celebrou o seu primeiro Congreso en outubro de 1977.

Nas primeiras eleccións sindicais de 1978 a ING converteuse no terceiro sindicato de Galicia con 722 delegados (13'5%). En setembro de 1980 fusionouse coa Central de Traballadores Galegos, co que a finais de ano conseguiron o status de sindicato máis representativo ao superar o 15% e obteren 1.679 delegados (17'5%). Denominouse Intersindical Nacional dos Traballadores Galegos (INTG) a partir de 1981.

Inzar

Inzar foi unha formación política galega de esquerdas que estivo activa entre 1991 e 2012.

Liga Gallega (Santiago de Compostela)

A Liga Gallega foi unha organización rexionalista católico tradicionalista fundada en Santiago de Compostela. Activa entre 1898 e 1900. Presidida por Alfredo Brañas e con Salvador Cabeza de León na secretaría. Tivo escasa actividade.

Foi unha das correntes nas que se bifurcou a Asociación Regionalista Gallega, presidida por Manuel Murguía. A Liga Gallega de Santiago tivo unha inspiración conservadora, fronte á Liga Gallega da Coruña, máis liberal.

Lugonovo

Lugonovo é un movemento cidadán e político creado na cidade de Lugo que se presentou ás eleccións municipais de maio de 2015 obtendo tres concelleiros. Xurdiu da confluencia de Gañemos Lugo e Lugo en Común como ferramenta política de loita contra o que identificaba como un proceso de "descomposición institucional".

O candidato nas eleccións de 2015 foi o mestre de Abadín Santiago Fernández Rocha. Logo das Eleccións municipais de 2015 en Galicia Lugonovo conseguiu tres representantes na corporación. Para a investidura do candidato do Partido dos Socialistas de Galicia puxo como condición a renuncia de Xosé López Orozco, alcalde até aquel momento, pola súa vinculación con varios casos de corrupción, negándose a apoiar a persoas imputadas como representantes públicas. Finalmente, Lara Méndez foi elixida alcaldesa de Lugo.

Na creación do movemento participaron diversos partidos políticos, como Anova, Podemos e Espazo Ecosocialista Galego, mais a diferenza doutros municipios non Esquerda Unida que decidiu apoiar á candidatura Alternativa Cidadá de Esquerdas.

Manel Cardoso Santiago

Manel Cardoso Santiago, nado en 1957, é un político galego. É o coordinador de Espazo Ecosocialista Galego dende o ano 2015 e traballador de Navantia, onde é responsable de Medio Ambiente.

Marea Pontevedra

Marea Pontevedra é un movemento cidadán e político creado na cidade de Pontevedra que se presenta ás eleccións municipais de maio de 2015.

O candidato é o escritor e xornalista, Luís Rei Núñez. No movemento participan diversos partidos políticos, como Anova, Esquerda Unida, Podemos, Espazo Ecosocialista Galego e Equo.

Nas eleccións municipais de 2015 obtivo dous escanos.Nas eleccións municipais de 2019 non obtivo escanos.

Movemento Estudantil Universitario

A asociación estudantil Movemento Estudantil Universitario é unha organización de representación de estudantes universitarios con presenza na universidade galega. Nada en decembro do 2010, aposta por unha universidade única, pública, galega, internacional, cogobernada e corresponsábel.

Movimento Defesa da Língua

O Movimento Defesa da Língua é unha organización reintegracionista e asemblearia, de acción social de base, que ten como obxectivo a normalización e naturalización da lingua portuguesa en Galiza.

Sindicato Obreiro Galego

O Sindicato Obreiro Galego (SOG) foi un sindicato galego de orientación nacionalista e de esquerdas. O seu voceiro era O Eixo e editaba outros voceiros comarcais e sectoriais.

Unidade Galega (coalición)

Para o partido político formado en 1991, vexa Unidade Galega (partido)

Unidade Galega (UG), foi unha coalición formada polo Partido Obreiro Galego, o Partido Socialista Galego e o Partido Galeguista en 1979.

A fin da coalición era a defensa dunha autonomía semellante á de Cataluña e o País Vasco e a consecución dun grupo nacionalista no Congreso dos Deputados para negociar o Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981. Aínda que nas eleccións xerais de 1979 obtivo 58.391 votos (5'35 %) non conseguiu representación parlamentaria. Nas eleccións municipais de 1979 tivo 68.759 votos (6'35 %) e conseguiu 141 concelleiros e a alcaldía da Coruña para Domingos Merino.

As diferenzas no seo da Unidade Galega sobre a estratexia a seguir no proceso autonómico e a diferente postura dos partidos integrantes sobre a conveniencia de entrar na Comisión dos 16 (encargada de elaborar o proxecto de Estatuto) levaron á desaparición da coalición a finais de 1980.

Vangarda Nazonalista Galega

Vangarda Nazonalista Galega foi un partido independentista galego que actuou no ano 1933.

Partidos políticos
Sindicatos
Organizacións armadas
Asociacións xuvenís e de estudantes
Movementos sociais

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.