Espírito Santo

O Espírito Santo é, para a maioría de confesións cristiás, a terceira persoa da Santa Trindade. Verdade fundamental do cristianismo, contido dun dogma apuntado xa no Concilio de Nicea e definido definitivamente polo primeiro concilio de Constantinopla. Recóllese, xa que logo, no chamado símbolo niceno-constantinopolitano ou Credo. Os cristiáns que non aceptan esta doutrina chámanse non trinitarios.

Segundo esta doutrina Deus, na súa Unidade, é Amor e, xa que logo, Comuñón interpersoal. A expresión difusiva e gratuíta dese Amor é o Espírito, que fai experimentar ao crente a entraña da divindade. O Home, en canto criatura feita a imaxe e semellanza de Deus, arela unha comuñón plena cos seus irmáns e con Deus no Espírito. O cumprimento desa arela é a Salvación.

Espírito Santo en forma de pomba
Representación do Espírito Santo na igrexa de Nosa Señora dos Remedios de Santiago de Compostela

O Espírito na Escritura

No Antigo Testamento, o Espírito é a forza vivificadora de Deus nas súas criaturas e no Universo enteiro. É a enerxía inspiradora das palabras dos Profetas (Is 61, 1-2). Forma parte das promesas de Deus a Israel: Dareivos un corazón novo e infundireivos un Espírito novo; arrincareivos o corazón de pedra, e dareivos un corazón de carne. Infundirei o meu Espírito en vós (Ez 36 26-27).

O termo hebreo é ruah, que significa alento. É unha palabra en feminino que expresa a atmosfera divina na que a súa palabra é pronunciada é a súa acción é realizada.

Xesús de Nazaret emprégaa nese mesmo sentido ao comezo da súa predicación: O Espírito de Deus está sobre min (Lc 4, 18-19). No seu bautismo por Xoán Bautista, acada á plena conciencia da súa misión e recibe o impulso para anunciar a boa noticia (evangelion) do Reino de Deus.

Nos evanxeos a palabra tradúcese ao grego como pneuma. No evanxeo de Xoán, Xesús promete, antes da súa morte, o Espírito como Paráclito, é dicir, como consolador e fonte de alegría, que dará a entender os ditos e feitos de Xesús. Segundo os Feitos dos Apóstolos, trala resurrección, os discípulos terán unha experiencia inefable que os impulsa a proclamar a salvación en todas as linguas. É a vivencia do Pentecoste.

Evolución da crenza

Cristianismo primitivo

Xa as primeiros cristiáns bautizaban no nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo entendendo que o facían por mandato de Xesús mesmo tal como se recolle nos evanxeos. Nun texto do século II composto en Siria, denominado a Didaqué, dáse testemuño deste rito. Segundo a Tradición Apostólica de Hipólito de Roma, de comezos do século III, a terceira inmersión na auga realizábase trala confesión de fe no Espírito Santo. No cristianismo primitivo era a forza do Espírito a que perdoaba os pecados e transfiguraba ao crente para unha vida nova. Nos primeiros textos, fálase como dunha primicia de Vida Eterna que arrinca da escravitude do pecado para unha vida plena no amor e permite superar o medo á morte ata o mesmo martirio. Onde está o Espírito de Señor hai liberdade (2 Cor 3,17).

Definición dogmática

Serán os Pais da Igrexa os que sacarán as consecuencias desta experiencia. Para Ireneo de Lión o Espírito é quen constantemente rexuvenece a fe e á comunidade dos crentes. Na súa polémica contra Ario e o arianismo, Atanasio de Alexandría atribuíu xa ao Espírito unha actividade e uns froitos propios de Deus mesmo. Isto será desenvolvido polo Pai da Capadocia Basilio o Grande no seu Tratado Sobre o Espírito Santo: toda graza e toda forza, o senso moral, o consolo, a transformación que conduce á inmortalidade, o paso á liberdade e todos os demais bens son tamén obra do Espírito. Isto abrirá paso á profesión de fe no Espírito Santo, Señor e vivificante, que procede do Pai, e co Pai e co Fillo, recibe a mesma adoración e Gloria. do primeiro Concilio de Constantinopla no ano 381.

Cismas

A Igrexa Católica afastaríase das demais Igrexas ao engadir a expresión latina: filioque. A concepción do Espírito como procedente do Pai pero tamén do Fillo, deriva do pensamento cristiá latino, que concibe a xeración do Fillo primariamente como un acto de coñecemento do Pai do seu propio Verbo (en grego Logos), onde o coñecer precede e posibilita o amar. Do amor recíproco entre o Pai e o Fillo procede o Espírito.

Co gallo deste engadido, Constantinopla e Roma cruzáronse anatemas e deron lugar ao Gran Cisma de Oriente (1054), que chega aos nosos días. As Igrexas ortodoxas consideraron o termo filioque como unha traizón aos concilios da Igrexa indivisa. Puña en cuestión a monarquía do Pai como creador dende toda a eternidade; o Fillo e o Espírito participan plenamente da omnipotencia divina dada antes de tódolos séculos pola orixe paterna. Se Deus é Amor, o Pai, na entrega que fai de si mesmo no seo da Trindade, doa o seu Amor, xa que logo, o Espírito procede del. Hoxe en día, as xerarquías das Igrexas católica e ortodoxa teñen afirmado que esta diversidade terminolóxica non manifesta unha fe diferente, máxime cando, como afirman os teólogos de ámbalas confesións, na vida divina non é concibible un antes e un despois temporal.

Nas Igrexas ortodoxas a vida cristiá é, ante todo, unha vida no Espírito. Isto desenvolveuse en maior grao que no catolicismo, onde se veu insistindo máis no cumprimento de preceptos morais en orde a gañar a Vida Eterna. Na ortodoxia, xa dende autores medievais como Nicolás Cabasilas ou Gregorio Palamas ten un papel central a recepción das enerxías divinas a través da oración do corazón. Elas son expresión da acción do Espírito que nos fai vivir, xa neste mundo, a divinohumanidade como manifestación do don gratuíto da salvación.

Para o protestantismo, dende o propio Martiño Lutero, o gran don do Espírito é a Fe en Xesús. Ela soa, por pura Graza, regálanos a salvación sen necesidade das boas obras e sen mediación eclesial a través do falso sacramento da orde sacerdotal. A xustificación pola Fe será a afirmación central que o leve a romper con Roma e dar comezo á Reforma.

Teoloxía contemporánea

Son moitos e moi importantes os teólogos contemporáneos que estudaron a crenza no Espírito; no eido do protestantismo evanxélico salienta Jürgen Moltmann que concibe ao Espírito Santo como o Espírito da vida real do home concreto aberto a acción de Deus pola fe en Xesucristo.Para el o si total e sen reservas á vida e o amor total e sen reservas a todo o que vive son as primeiras experiencias do Espírito de Deus. Dende o ámbito ortodoxo, salienta Pavl Evdokimov que ve no Espírito o impulsor das idades da vida espiritual do crente que ten o seu comezo na humildade. Dende a teoloxía católica, debe mencionarse a Yves Congar que ve nel a forza que dinamiza toda a existencia cristiá e, en canto Persoa, é o Visitante que arela o corazón baleiro do home.Karl Rahner chegou a desenvolver unha teoría da acción do Espírito noutras relixións e mesmo nos non crentes, os cristiáns anónimos. A visión da teoloxía contemporánea, se cadra pode resumirse nestas palabras de Hans Urs von Balthasar: O máis íntimo de Deus ¿non é o Amor?, polo tanto ¿non está presente o Espírito onde iso máis íntimo acontece?

Acción do Espírito

Xa en San Paulo, descríbese ao Espírito como a acción do Amor de Deus que sondea os corazóns e nos da un sentido de fillos que nos permite chamalo con confianza, como Xesús: Abba, en arameo, papá (Gal 4,6). De feito ninguén pode afirmar con fe que Xesús é o Señor senón por influxo do Espírito (1 Co 12,3)

No evanxeo de Xoán aparece como un don misterioso de Deus que sopra onde quere, oes o seu rumor, pero non sabes de onde vén e a onde vai (Xn 3,8). Expresa a soberana liberdade da acción salvadora de Deus, da que ninguén pode apropiarse nin someter a manipulación.

A acción non é evanescente senón que se traduce en froitos concretos, estes son: o amor, a alegría, a paz, a paciencia, a afabilidade, a bondade, a fidelidade, a mansedume, a temperanza (Ga 22-23).

O Espírito na vida das Igrexas maniféstase de diversos modos:

  • No entendemento das Escrituras que El inspirou.
  • Na Tradición que el conduce, especialmente a través dos Pais da Igrexa.
  • Na liturxia que El vivifica.
  • Na oración onde se une ao máis íntimo do corazón do crente.
  • Nos carismas e ministerios que se poñen ao servizo do Pobo de Deus.

Na liturxia sacramental existen determinados símbolos que expresan a súa acción:

  • A auga que limpa a sucidade e é fonte de vida.
  • O aceite que alivia as feridas e co cal se unxe ao crente como novo sacerdote, profeta e rei.
  • O lume que fai arder os corazóns no amor de Deus.
  • A imposición das mans como doazón, acollida e bendición.

Na teoloxía ortodoxa, insístese en que a acción do Espírito afirma a liberdade e a pluralidade; segundo Berdiaev, o Espírito da a cada cristián unha xenialidade que lle é propia. Para Olivier Clément o Espírito innova en cada un unha existencia persoal afirmando, en e pola comuñón, unha novidade sen precedentes. Fálase da ilimitada diversidade do Espírito.

Na ortodoxia tamén ten un lugar importante, como acción do Espírito, a creación da Beleza. A Igrexa ortodoxa rusa concibe o seu nacemento como unha subxugación da Beleza manifestada na liturxia bizantina. Así o Espírito inspira ao músico e leva a man do artista. Para Pavel Florenskii a beleza transcendente e esencializada dunha icona pode ser vehículo da enerxía vivificante e sandadora do Espírito.

Representacións

A máis frecuente é como unha pomba. Símbolo dunha vida nova rescatada das augas da morte. No antigo testamento tras o Diluvio, Noé solta unha pomba que volta cunha pola de oliveira, signo dunha vida renacida. Esta simboloxía exprésase tamén nos evanxeos para visualizar a compracencia de Deus en Xesús, no seu bautismo por Xoán no río Xordán.

As linguas de lume ou chamas, expresan a experiencia de Pentecoste, que impulsa aos primeiros discípulos á saír á luz e proclamar a salvación en Xesús crucificado, morto e resucitado. O Espírito é un fogo devorador que se difunde por toda a terra para transfigurala no amor de Deus. Nas igrexas de Oriente, onde os fieis comungan o sangue de Cristo, botan no viño unha pinga de auga quente, símbolo do lume do Espírito Santo.

Himnoloxía

Debido a que a crenza no Espírito concíbese como unha experiencia de exultación inefable, para achegarse ao seu sentido místico, resulta imprescindible coñecer como se expresa nos himnos das diferentes Igrexas. O sistema hímnico de Bizancio é como unha enciclopedia poética de espiritualidade e teoloxía. Así, nos himnos poéticos de Simeón o Novo Teólogo fálase do Espírito con frases como:

  • alimento indicible que agroma abundantemente das fontes do corazón
  • vestidura esplendente que cobre e protexe
  • día sen crepúsculo
  • sol sen solpor.

Pola súa parte, o cristianismo occidental, expresou experiencias análogas a través do canto gregoriano. Así, no himno de Pentecoste Veni Creator Spiritus, do século IX, encontramos frases como:

  • fonte viva, lume, amor
  • dedo da destra do Pai
  • acende a luz dos sentidos
  • infunde amor aos corazóns

Noutro canto titulado Veni Sancte Spiritus, do século XIII, interprétanse sentenzas como:

  • pai dos pobres
  • doador espléndido
  • luz dos corazóns
  • Consolador óptimo
  • doce hóspede da alma
  • doce refrixerio
  • descanso no traballo
  • calor de vida no xeo
  • auga no árido
  • lume no frío

Probablemente, sexa nestes himnos onde mellor se poida captar o significado dunha crenza alén do frío siloxismo especulativo escolástico, da teoloxía sistemática ou da fenomenoloxía das relixións.

Bautismo

O bautismo é un rito polo cal unha persoa se inicia nunha relixión.

Baía, Brasil

Baía (en portugués: Bahia, pronunciado [baˈi.ɐ]) é un estado do Brasil, situado ao sur da Rexión Nordeste. Limita ao norte con Alagoas, Sergipe, Pernambuco, Piauí, ao leste co océano Atlántico, ao sur con Minas Xerais e Espírito Santo, e ao oeste con Goiás e Tocantins. Ocupa unha área de 567.295,3 km². A capital é Salvador. As cidades máis poboadas son Salvador, Feira de Santana, Vitória da Conquista, Itabuna, Ilhéus e Juazeiro.

Camelle, Camariñas

O Espírito Santo de Camelle é unha parroquia do concello de Camariñas. Segundo o IGE en 2013 tiña 1290 habitantes (602 homes e 682 mulleres), distribuídos en 6 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 1613 habitantes.

Catolicismo

Catolicismo (do grego καθολικός, katholikós, 'universal, que comprende todo') é un termo que fai referencia á principal rama actual do cristianismo, xurdida tralo Cisma de Oriente. Os católicos son fieis á Igrexa católica, como así tamén á teoloxía, doutrina, liturxia, principios éticos e normas de comportamento derivadas, do mesmo xeito que ao conxunto dos seus seguidores como un todo, a quen se lles denomina «católicos». O vocábulo «catolicismo» úsase polo xeral para facer alusión á experiencia relixiosa compartida polas persoas que viven en comuñón coa Igrexa de Roma.O termo refírese aos cristiáns pertencentes á Igrexa católica, composta por 23 igrexas sui iuris que se atopan en completa comuñón co Papa e que en conxunto reúnen a máis de mil millóns de fieis (unha sexta parte da poboación mundial e máis da metade de todos os fieis cristiáns). A principal característica distintiva da Igrexa católica é o recoñecemento da autoridade e primacía do papa, bispo de Roma. Con todo hai varias igrexas que comparten tamén o adxectivo cualificativo de «católicas», como a Igrexa ortodoxa e as Antigas igrexas orientais, a Igrexa asiria do Oriente e as Igrexas que constitúen a Comuñón anglicana

Cristianismo

O cristianismo (da verba en grego antigo Χριστός, Khristós (Cristo)) é unha relixión monoteísta baseada na vida e ensinanzas de Xesús Cristo como aparecen nos evanxeos canónicos e noutros escritos do Novo Testamento. Actualmente é a relixión, se contamos tódalas súas ramas, que conta con maior número de practicantes, coñecidos como cristiáns.

Os cristiáns cren que Xesús é o Fillo de Deus, Deus feito home, e o salvador da humanidade. Por mor disto, refírense a Xesús como Cristo, o Mesías profetizado nos textos xudeus que compoñen o Antigo Testamento. A doutrina teolóxica básica aparece nos primeiros textos cristiáns, cuxo contido é aceptado pola maioría das confesións cristiás. Estas profesións de fe din que Xesús sufriu, morreu e resucitou de entre os mortos para garantir a vida eterna a aqueles que cren nel e que confían nel para o perdón dos seus pecados. A maioría sosteñen tamén que Xesús subiu ao Ceo e que alí goberna xunto con Deus Pai. Aínda que o cristianismo é unha relixión monoteísta a maioría dos cristiáns cren que Deus existe en tres persoas, Deus Pai, Deus Fillo e Deus Espírito Santo que constitúen unha mesma substancia de Deus, o que constitúe o misterio da Santa Trindade.

Espírito Santo, Brasil

Espírito Santo é un estado brasileiro ao leste da Rexión Sudeste. Limita ao leste co océano Atlántico, ao norte cos estados de Baía e Minas Xerais, ao oeste con Minas Xerais, e ao sur co estado do Río de Xaneiro. A súa capital é Vitória.

Estreito de Magalláns

O estreito de Magalláns ou estreito de Magallanes é un paso marítimo localizado no extremo sur de Suramérica, entre a Patagonia, Illa Grande da Terra do Fogo e varias illas situadas ao oeste desta, cara ao océano Pacífico.

É o principal paso natural entre os océanos Pacífico e Atlántico.

De acordo coa Organización Hidrográfica Internacional, a súa boca oriental está determinada pola liña que une o cabo Vírgenes co cabo do Espírito Santo.Porén, este límite non foi aceptado nin por Arxentina nin por Chile, que asinaron o Tratado de paz e amizade entre Arxentina e Chile, que estableceu no seu artigo 10º que «o extremo oriental do Estreito de Magalláns [está] determinado por Punta Dungeness no norte e o Cabo do Espírito Santo no sur», considerándoo integramente dentro da xurisdición de Chile, na Rexión de Magallanes e da Antártica Chilena.

De acordo con tratados arxentino-chilenos de 1881 e 1984, o acceso pola súa boca oriental e a navegación polo mesmo encóntranse asegurados aos buques de todas as bandeiras en todo tempo e circunstancia.

Fontarón, Becerreá

Sancti Spiritus de Fontarón é unha parroquia do concello de Becerreá. Segundo o Instituto Galego de Estatística en 2018 tiña 46 habitantes (23 homes e 23 mulleres). Segundo o Nomenclátor da Xunta de Galicia, ten nove entidades de poboación.

Minas Xerais

Minas Xerais (en portugués, Minas Gerais) é o cuarto maior estado do Brasil, cunha extensión semellante á de Francia: 588 384,30 km². Localízase no Sueste e ten coma límites ó norte e nordeste a Baía, ó leste o Espírito Santo, ó sursueste o Estado do Río de Xaneiro, ó sur e suroeste o estado de São Paulo, ó oeste o Mato Groso do Sur e ó noroeste o estado de Goiás.

Nuno Espírito Santo

Nuno Herlander Simões Espírito Santo, nado en San Tomé o 25 de xaneiro de 1974, é un ex futbolista e actual adestrador de fútbol santomense, naturalizado portugués. Xogaba de porteiro e actualmente adestra o FC Porto.

O Espírito Santo, Coiro, Cangas

O Espírito Santo é un lugar da parroquia de Coiro no concello pontevedrés de Cangas na comarca do Morrazo. Segundo o IGE, en 2011 tiña 1713 habitantes (861 homes e 852 mulleres).

Orde sacerdotal

A Orde sacerdotal, na Igrexa ortodoxa, na Igrexa católica e na Comuñón Anglicana é un sacramento mediante o cal un varón recibe a través da Igrexa un don do Espírito Santo ao servizo da comunidade eclesial e de todos os homes consistente na función de ensino, a entrega da vida aos demais en plenitude e, moi particularmente, a consagración da Eucaristía e a administración do sacramento da reconciliación ou penitencia mediante o cal Deus perdoa o pecado a través da asemblea (ecclesia) de crentes.

Este sacramento é un don e un servizo que implica un cargo e unha función: o sacerdocio especial fronte ao sacerdocio xeral de todo bautizado. Como tal don, o sacerdocio non actúa en virtude dun poder propio do sacerdote ou da súa perfección moral ou virtude persoal, senón como servidor a través do cal, dun xeito singular, se transmite o poder curador e transformador de Cristo. O sacerdote non é un mediador, pois só Cristo o é, pero representa a Cristo nas celebracións litúrxicas, facendo patente a presenza deste no medio da asemblea. Segundo Tomé de Aquino só Cristo é o verdadeiro sacerdote, os demais son ministros seus.

Pentecoste

Esta páxina trata da festa de Pentecoste. Para a illa pertencente a Vanuatu véxase Illa de Pentecoste

Pentecoste (do grego pentekosté (heméra) "o quincuaxésimo día") describe a festa do quincuaxésimo día logo da Pascua (Domingo de Resurrección) e que pon termo ao tempo pascual.

Durante Pentecoste celébrase o descenso do Espírito Santo e o inicio da actividade da Igrexa, por iso tamén se lle coñece como a celebración do Espírito Santo. Na liturxia católica é a festa máis importante logo da Pascua e a Nadal. A liturxia inclúe a secuencia medieval Veni, Sancte Spiritus.

O fondo histórico de tal celebración baséase na festa semanal xudía chamada Shavuot (festa das semanas), durante a cal celébrase o quincuaxésimo día da aparición de Deus no monte Sinaí, polo tanto no día de Pentecoste tamén se celebra a entrega da Lei (mandamentos) ao pobo de Israel.

Nas Igrexas ortodoxas existe ademais a celebración das Tres Divinas Persoas ou da Santa Trindade; as Igrexas occidentais celebran para esta ocasión desde o século XIV a súa propia festa chamada Trinitatis (a festa da Santísima Trindade) unha semana despois do Pentecoste.

No calendario cristián con Pentecoste termina o tempo pascual dos 50 días.

Nas narracións sobre Pentecoste de Feitos dos Apóstolos (2,1 - 41) adxudícaselle ao Espírito Santo, en congruencia co Antigo Testamento, características milagrosas (carismas): el ofrece valentía e liberdade, posibilita a comprensión (glosolalia) e fortifica unha comunidade universal.

O luns logo de Pentecoste é día de festa en moitos países como Alemaña, Austria, Bélxica, Dinamarca, Francia, Hungría, Islandia, Liechtenstein, Noruega, os Países Baixos ou Suíza. Tamén é festivo nalgunhas comunidades autónomas de España como en Cataluña.

Persoa

O termo persoa provén do latín persōna, e este probablemente do etrusco phersona ('máscara do actor', 'personaxe'). O concepto de persoa é un concepto principalmente filosófico, que expresa a singularidade de cada individuo da especie humana en contraposición ao concepto filosófico de 'natureza humana' que expresa o común que hai neles.

O significado actual de persoa ten a súa orixe nas controversias cristolóxicas dos séculos IV e V. No transcurso do debate entre as diferentes escolas teolóxicas, desenvolvéronse conceptos até entón non coñecidos. Tratábase de dispor de ferramentas de pensamento filosófico, sobre as que manter un debate intelectual honesto e rigoroso acerca dos dogmas referidos ao Λóγος (Logos: “Palabra”), e que permitisen esclarecer as súas diferenzas ou similitudes con Deus Pai. Para iso a filosofía tomou prestado do teatro grego o termo πρόσωπον [prósôpon], e converteuno nun termo filosófico, definindo ao Λóγος (Logos) como Persoa divina. Por afinidade, o concepto foi posteriormente aplicado ao Espírito Santo, aos anxos e aos homes.

Santa Trindade

A Santa Trindade é un concepto relixioso cristián que se refire á crenza de que Deus é un e tres ó mesmo tempo. Así, o Deus dos cristiáns é Pai (Deus mesmo), Fillo (Xesucristo) e Espírito Santo (representado como unha pomba, ou como linguas de lume e incorpóreo e que lles dá poderes ós apóstolos en Feitos dos Apóstolos como curación, poliglotismo...).

Soñeiro, Sada

San Xián de Soñeiro é unha parroquia localizada no sur do concello coruñés de Sada. Segundo o padrón municipal (INE 2012) ten 802 habitantes (420 homes e 382 mulleres), o que supón unha diminución en 4 habitantes en relación ao ano anterior.

Vanuatu

A República de Vanuatu é un país localizado no Océano Pacífico Sur. O arquipélago está localizado a uns 1.750 km ao leste de Australia, 500 km ao nordés de Nova Caledonia, ao oeste de Fidxi e ao sur das Illas Salomón. O seu nome colonial era Novas Hébridas; este nome só é usado para referencias históricas.

Virxe María

A Virxe María, Santa María ou simplemente María (Mariam: grego: Μαριάμ; hebreo: מרים; árabe: مَريَمْ) foi unha muller xudía de Nazaret (Galilea), considerada segundo as tradicións cristiá e musulmá a nai de Xesús de Nazaret e, polo tanto, para a meirande parte dos cristiáns, a nai de Deus. Entre outros dos seus nomes e títulos están o de Benaventurada Virxe María e Nai de Deus nas igrexas occidentais, e o seu equivalente Theotokos no cristianismo oriental, e Maryam, nai de Isa (Xesús) no islam. Os cristiáns manteñen que o seu fillo Xesús é Cristo (é dicir, o mesías prometido ao pobo xudeu) e Deus Fillo encarnado, mentres que para os musulmáns é o mesías e un dos profetas más importantes enviados por Deus á humanidade.

Segundo os Evanxeos canónicos de Mateo e Lucas, María era unha virxe (en grego παρθένος, parthénos) que concibiu ó seu fillo Xesús sen intervención de ningún home (de aí o título de "Virxe"), por obra do Espírito Santo. Os musulmáns cren que concibiuno de xeito milagroso por intervención divina. Isto tivo lugar cando ela xa estaba prometida a San Xosé mais aínda non estaba casada. Casou con el e acompañouno a Belén, onde naceu Xesús.

O Novo Testamento comeza a súa crónica da vida de María coa Anunciación, cando o arcanxo Gabriel se lle apareceu e lle anunciou a súa escolla divina para ser nai de Xesús. A tradición da Igrexa e o Protoevanxeo de Santiago (apócrifo) falan dos seus pais como unha parella de avanzada idade, San Xoaquín e Santa Ana.

Os cristiáns da Igrexa católica, da Igrexa Ortodoxa, da ortodoxia oriental, da Comuñón Anglicana e das igrexas luteranas cren que María, como nai de Xesús, é Nai de Deus (Μήτηρ Θεοῦ) e a Theotokos, "portadora de Deus". María ten recibido veneración dende os comezos do cristianismo, a través de numerosas advocacións (Virxe de Fátima, de Lourdes etc.). Hai unha grande diversidade na marioloxía e prácticas devocionais das diferentes tradicións cristiás. A Igrexa católica ten unha serie de dogmas marianos, como a Inmaculada Concepción, a Virxindade perpetua de María e a súa Asunción ao Ceo.

Vitória, Espírito Santo

Vitória é unha cidade brasileira, capital do estado do Espírito Santo, e unha das tres illas-capitais do Brasil (as outras son Florianópolis e São Luís do Maranhão). Está localizada na Rexión Sudeste. Limita ao norte co municipio da Serra, ao sur con Vila Velha, ao leste co océano Atlántico e ao oeste con Cariacica.

Cunha poboación de 327.801 habitantes, segundo estimacións de 2010 do IBGE, a cidade é a cuarta mais poboada do estado (tralos municipios limítrofes da súa área metropolitana: Vila Velha, Serra e Cariacica) e integra unha área xeográfica de gran nivel de urbanización denominada Rexión Metropolitana da Gran Vitória, formada polos municipios de Vitória, Cariacica, Fundão, Guarapari, Serra, Viana e Vila Velha.

Vitória está cercada pola Baía de Vitória, é unha illa de tipo fluviomariño. Ademais da illa principal, Vitória, fan parte do municipio outras 34 illas (algunhas a máis de 1100 km da costa) e unha porción continental, obtendo un total de 93,381 km². Orixinalmente eran 50 illas.

Entre as capitais do Brasil, Vitória posúe o 3° mellor IDH e o maior PIB per capita.

Vitória posúe dous grandes portos, o Porto de Vitória e o Porto de Tubarão. Eses portos fan parte do maior complexo portuario do Brasil, que inclúe varios portos do estado, e son considerados os mellores do Brasil.

A cidade administra a Illa de Trindade e a Illa de Martim Vaz, a 1100 km da costa, que son importantes bases meteorolóxicas por causa da súa posición estratéxica, en área de dispersión de masas de aire.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.