Eslovenia

Eslovenia ( pronunciación ) (en esloveno: Slovenija), oficialmente República de Eslovenia ( pronunciación ) (en esloveno: Republika Slovenija [rɛˈpùːblika slɔˈʋèːnija] ), é un país do sur da Europa central que fai fronteira con Italia polo oeste, co mar Adriático polo suroeste, con Croacia polo sur e o leste, con Hungría polo nordeste e con Austria polo norte. A principal cidade eslovena e capital do estado é Liubliana.

Durante a súa historia Eslovenia formou parte do Imperio Romano, o Imperio Bizantino, a República de Venecia, o Ducado de Carantania (só o a parte norte do país), o Sacro Imperio Romano Xermánico, a monarquía dos Habsburgo, o Imperio Austríaco (máis tarde chamado Imperio Austrohúngaro), o efémero Estado dos Eslovenos, Croatas e Serbios, o Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos (chamado Reino de Iugoslavia a partir 1929) entre a I e a II Guerra Mundial, e a República Federal Socialista de Iugoslavia dende o ano 1945 até o ano 1991, cando o país obtivo a súa independencia.

Hoxe en día, Eslovenia é o único país do ex-bloque comunista que forma parte da Unión Europea, a Eurozona, a Zona Schengen, a Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa, o Consello de Europa e a OTAN.

Coordenadas: 46°07′N 14°49′L / 46.117, -14.817

República de Eslovenia
Republika Slovenija
Bandeira de Eslovenia
Escudo de Eslovenia
BandeiraEscudo
EU-Slovenia
Capital
 Poboación
Liubliana
278 314 (2009)
Cidade máis poboadaLiubliana
Lingua oficialEsloveno1
Forma de gobernoRepública parlamentaria
Borut Pahor
Miro Cerar[1]
 • Declarada
 • Recoñecida
25 de xuño de 1991
1992
SuperficiePosto 154º
 • Total20 273 km²
 • % auga0,6
Fronteiras1 334 km
Costas46 6 km
PoboaciónPosto 144º
 • Total (2009 est.)2 053 355 hab.
 • Densidade99,6 hab./km²
PIB (nominal)Posto 69º
 • Total (2008)54 639 millóns US$
 • per cápita27 148 US$
PIB (PPA)Posto 82º
 • Total (2008)59 413 millóns US$
 • per cápita29 520 US$
MoedaEuro2 (EUR)
IDH (2007)0,929 (29º) – Moi alto
XentilicioEsloveno, eslovena
Fuso horarioCET (UTC+1)
 • Horario de veránCEST (UTC+2)
Dominio de Internet.si
Prefixo telefónico+386
Prefixo radiofónicoS5A-S5Z
Código ISO705 / SVN / SI
Membro de: UE, ONU, OTAN, OSCE, COE
1 O italiano e o húngaro son linguas oficiais nos concellos que contan con esas comunidades: o italiano nas tres localidades costeiras Koper, Piran, Portorož e Izola e o húngaro en Prekmurje.
2 Antes do 1 de xaneiro de 2007 empregábase o tólar como moeda nacional.

Historia

Imperio Romano

Neviodunum1
Asentamento romano de Neviodunum, hoxe Krško

En tempos antigos o territorio actual de Eslovenia foi abarcado pola Cultura dos Campos de Urnas, posteriormente, na idade de ferro desenvolveuse na rexión a Cultura de Hallstatt. No segundo século antes de Cristo as fontes históricas rexistran a existencia do Reino de Noricum nos Alpes Orientais. Este Reino mantiña relacións amigables cos romanos, a quen lles vendían ferro, o cal era moi importante para os romanos para poder producir armas eficaces, necesarias nas súas guerras contra os Celtas. No ano 16 a.C. Noricum asóciase definitivamente co Imperio Romano, mais preservando a súa autonomía nos termos do "ius gentium", o que lles permitía conservar a súa propia organización social. Porén a cultura romana e a romanización foi amplamente difundida.

As cidades máis importantes da época romana na zona eran: Celeia (actualmente Celje), Emona (Liubliana), Nauportus (Vrhnika) e Poetovio (Ptuj) e o actual territorio esloveno atopábase dividido entre as provincias romanas de Dalmatia, Italia, Noricum e Pannonia. No século IV Noricum foi dividida en dúas provincias romanas, Noricum Ripense e Noricum Mediterraneum, esta última tamén chamada Interriore Noricum. Mentres que a primeira destas provincias foi invadida por tribos xermánicas á caída do Imperio Romano, a segunda puido manter a súa estrutura social e tras a ocupación dos ostrogodos declarou a súa propia independencia. Algúns creen que os devanceiros eslavos dos actuais eslovenos establecéronse nesta área ao redor do século VI. Con todo hai outros que sosteñen que descenden dos pobos autóctonos dos Alpes Orientais.

Idade Media

Artigo principal: Carantania.
Véxase tamén: Reino de Samo.
Maria Saal Dom Suedansicht
Igrexa de Maria Saal, onde se coroaba aos duques de Carantania

No ano 595 rexístrase, por parte do historiador longobardo Paulus Diáconus, o primeiro estado estable eslavo e esloveno como "Provincia Sclaborum", que máis tarde sería coñecido como Carantania. No ano 623, os eslavos foron unidos polo Rei Samo na Alianza Eslava, coñecida nas fontes históricas como Marca Vinedorum, a cal incluía os territorios de Carantania. En 658, despois da morte de Samo, a Alianza desintegrouse, mais Carantania sobreviviu e mantivo a súa independencia.

No ano 745 Carantania, que até aquel entón era unha nación pagá, foi seriamente ameazada polos ávaros da veciña Panonia, por iso o duque Borut solicitou axuda militar dos bávaros, a cal estaba xa cristianizada. Os bávaros, que pertencían ao dominio político do rei dos Francos, o protector do Cristianismo de Europa, accederon a axudar mais só coa condición de que esta última aceptase o cristianismo. O duque Borut aceptou a condición e coa axuda dos bávaros derrotaron definitivamente aos ávaros. Así foi que o duque Borut enviou ao seu fillo Gorazd e ao seu sobriño Hotimir para que se educasen na fe cristiá en Baviera.

Nas décadas seguintes á derrota dos ávaros o bispo de Salzburgo, San Virxilio, enviou a Carantania unha serie de monxes irlandeses, destacándose San Modesto como apóstolo dos carantanios. Tras a morte do Santo houbo unha breve restauración pagá debido a que o Tratado polo cal Carantania aceptara asumir o cristianismo fora violado. Así foi que o exército bávaro entrou no país e suprimiu o goberno pagán. A irrupción dos bávaros, con todo, provocou unha imaxe negativa ao Cristianismo crecendo a desconfianza cara esta relixión. Porén, grazas á tarefa do duque Domicijan a conversión ao Cristianismo foi total. Finalmente, na época de Carlomagno, no ano 802, o duque Domitian faleceu sendo recoñecido máis tarde como santo.

Contra o ano 828 o Ducado de Carantania ocupaba o actual territorio de Austria e Eslovenia. Mais Carantania uniuse ao reino dos francos coa súa propia lei (Consuetudo Sclavorum) e preservou o rito de proclamación do seu Knez (príncipe) en lingua eslovena sobre a Knezji Kamen (Pedra do Príncipe) até o ano 1414. Despois, até o ano 1651, a cerimonia de nomeamento do señor tiña lugar no Vojvodski Stol (trono do duque) e finalmente até o ano 1728 na mansión condal de Klagenfurt. O ritual de coroación do gobernante carintio descríbese no libro de Jean Bodin "Les six livres de la République".

Nesta época compre tamén destacar que foron escritos os manuscritos Freising, o que supoñían o primeiro documento escrito en esloveno, sendo o primeiro en dialecto eslavo en escritura latina (ao redor do ano 1000). Durante o século XIV, a maioría das rexións de Eslovenia pasaron á propiedade dos Habsburgo cuxas terras logo formarían o Imperio Austrohúngaro, os eslovenos habitaban totalmente ou maioritariamente as provincias de Carniola, Gorizia e Gradisca, ademais de partes das provincias de Istria e Estiria.

Idade Moderna

Ljubljana-skyline
Liubliana, capital de Eslovenia

En 1848, emerxeu un forte programa para unha Eslovenia unida como parte do movemento "Primavera das Nacións" dentro de Austria-Hungría. Durante as Guerras Napoleónicas constituíronse as Provincias Ilirias con capital na cidade eslovena de Liubliana. Co colapso da monarquía Austro-Húngara en 1918, os eslovenos uníronse baixo o Reino dos serbios, croatas e eslovenos, o cal cambiou o seu nome en 1929 polo de Reino de Iugoslavia.

Logo do restablecemento iugoslavo ao final da Segunda Guerra Mundial, Eslovenia converteuse en parte da República Federal Socialista de Iugoslavia, declarada oficialmente o 29 de novembro de 1945. Despois da rotura da república federal, Eslovenia declarou a súa independencia o 25 de xuño de 1991. Porén para poder facela efectiva, Eslovenia enfrontouse ás forzas armadas federais de Iugoslavia nun breve conflito armado denominado Guerra dos Dez Días, tamén coñecida habitualmente como "Guerra de Eslovenia" ou "Guerra da independencia de Eslovenia" (en esloveno: Slovenska osamosvojitvena vojna). Eslovenia uniuse á OTAN o 29 de marzo de 2004 e á Unión Europea o 1 de maio de 2004, adoptando o euro o 1 de xaneiro de 2007.

Política

Como unha nova república independente, Eslovenia persegue a estabilización económica e a apertura política, pondo de relevo a súa visión occidental e o seu patrimonio da Europa central. O xefe de Estado esloveno é o presidente, cargo que ocupa hoxe Danilo Türk, e é elixido por voto popular cada cinco anos. O Poder Executivo está encabezado polo Primeiro Ministro e o Consello de Ministros ou do gabinete, que son elixidos pola Asemblea Nacional. Dende o 21 de novembro de 2008 ocupa o cargo Borut Pahor.

O parlamento bicameral de Eslovenia componse da Asemblea Nacional (Državni zbor) e o Consello Nacional (Državni svet). A Asemblea Nacional ten 90 asentos, parcialmente ocupados por representativos elixidos directamente, e parcialmente con representativos elixidos proporcionalmente (dous asentos están reservados para as minorías húngara e italiana). O Consello Nacional ten 40 asentos, e está composta por representativos dos grupos intereses locais sociais, económicos, profesionais .As eleccións parlamentarias teñen lugar cada catro anos.

O goberno e a maioría do sistema político esloveno comparte unha visión común sobre a conveniencia dunha estreita asociación con occidente, sobre todo coa Unión Europea e a OTAN. Porén, toda a aparente amargura que divide á esquerda e dereita, a sociedade eslovena baséase no consenso, que converxeu nun modelo socialdemócrata. As diferenzas políticas tenden a ter as súas raíces nos roles que os grupos e os particulares tiveron durante os anos de réxime comunista e a loita pola independencia. Despois da fin do réxime socialista a primeira fase da privatización está xa completa e comercio diversificouse cara occidente (o comercio con países da UE supón o 66% do comercio total en 2000) e a economía ofrece aos cidadáns cun bo nivel de vida.

Divisións administrativas

Eslovenia está dividida en 210 concellos, dos cales 11 teñen o rango de urbanos. Porén, tamén se pode dividir ao país nunha serie de rexións tradicionais, baseadas nas antigas catro divisións feitas polos Habsburgo, é dicir, Carniola, Carintia, Estiria e o Litoral esloveno. Así pois as divisións son as seguintes:

Pokrajine
Nome galego[Cómpre referencia] Nome esloveno Cidade principal
Alta Carniola Gorenjska Liubliana
Estiria Štajerska Maribor
Prekmurje Prekmurje Murska Sobota
Carintia Koroška Ravne na Koroškem
Carniola Interior Notranjska Postojna
Baixa Carniola Dolenjska Novo Mesto
Litoral esloveno Primorska Koper

Ademais destas divisións tradicionais, Eslovenia está dividida en doce entidades administrativas creadas en 2007 con fins legais e estatísticos (NUTS), ademais as doce rexións están agrupadas en dúas subdivisións de maior rango:

  • Vzhodna Slovenija (Eslovenia Oriental), que agrupa ás rexións de Pomurska, Podravska, Koroška, Savinjska, Zasavska, Spodnjeposavska, Jugovzhodna Slovenija e Notranjsko-kraška.
  • Zahodna Slovenija (Eslovenia Occidental), que agrupa ás rexións de Osrednjeslovenska, Gorenjska, Goriška e Obalno-kraška.
Mapa Rexións estatísticas
Flag of Slovenia.svg
Nome Código Cidade principal
Mapa das rexións
Pomurska SI011 Murska Sobota
Podravska SI012 Maribor
Koroška SI013 Slovenj Gradec
Savinjska SI014 Celje
Zasavska SI015 Trbovlje
Spodnjeposavska SI016 Krško
Jugovzhodna Slovenija SI017 Novo Mesto
Notranjsko-kraška SI018 Postojna
Osrednjeslovenska SI021 Liubliana
Gorenjska SI022 Kranj
Goriška SI023 Nova Gorica
Obalno-kraška SI024 Koper

Xeografía

SLO-Landscape10
Val de Savinja

Eslovenia é un pequeno estado da Europa Central de 20.273 km², que se atopa entre Italia, Austria, Hungría e Croacia. É un país cunha costa moi pequena ao Mar Adriático polo Golfo de Trieste, a través do porto de Koper, na península de Istria. Trátase dunha zona poboada en parte por eslovenos que falan italiano.

Atópanse en Eslovenia catro grandes rexións xeográficas europeas: os Alpes, a área Dinárica, a planicie da Panonia e o Mediterráneo. O punto máis elevado de Eslovenia é o monte Triglav (2 864 m) e a altitude media do país é de 557 m por riba do nivel do mar.

Preto da metade do país (10 124 km²) está cuberta por bosques, o que torna a Eslovenia no terceiro país europeo máis arborado, despois de Finlandia e de Suecia. Aínda poden ser atopados restos dos bosques primitivos, os maiores dos cales situados na zona de Kočevje. Os cultivos cobren 5.593 km² do país, e os prados e xardíns 2 471 km². Tamén existen 363 km² de pomares e 216 km² de viñedos. As formacións kársticas, estendidas desde Liubliana até o litoral, están escavadas por ríos subterráneos e constitúen enormes cavidades, como as covas de Postojna, de 19 km de lonxitude. Á parte do Drava e o Sava, cabe citar o río Kolpa.

Clima

O clima é mediterráneo na costa, alpino nas montañas e continental con veráns entre suaves e quentes e invernos fríos nos planaltos e vales do leste do país. As temperaturas medias son de -2 °C en xaneiro e 21 °C en xullo. As precipitacións medias son de 1000 mm na costa, 3500 mm nos Alpes, 800 mm na rexión sueste e 1400 mm na Eslovenia central.

Segundo o Fondo Mundial para a Natureza, o territorio de Eslovenia pódese repartir en catro ecorrexións:

  • Bosque temperado de frondosas
  • Bosque temperado de coníferas
    • Bosque dos Alpes, nas montañas do norte
  • Bosque mediterráneo
    • Bosque caducifolio de Iliria, no suroeste

Rexións naturais

Os xeógrafos Anton Melik e Svetozar Ilešič foron os primeiros en rexionalizar Eslovenia. Unha rexionalización posterior, obra de Ivan Gams, divide a Eslovenia nas seguintes macrorrexións:

  • Alpes (visokogorske Alpe)
  • Cumes prealpinos (predalpsko hribovje)
  • Conca de Liubliana (Ljubljanska kotlina)
  • Eslovenia submediterránea ou litoral (submediteranska - primorska Slovenija)
  • Karst dinárico de Eslovenia interior (dinarski kras notranje Slovenije)
  • Eslovenia subpanónica (subpanononska Slovenija)

Segundo unha rexionalización xeográfico-natural máis recente, o estado consta de catro macrorrexións: alpina, mediterránea, dinárica e panónica, que se definen así a partir de características importantes do relevo e dos tipos de clima. As macrorrexións constan de múltiples e diversas mesorrexións. O factor principal que as define é o relevo e a composición xeolóxica. As mesorrexións, á súa vez, comprenden numerosas microrrexións.

Economía

Artigo principal: Economía de Eslovenia.

Eslovenia posúe a economía máis próspera de tódolos estados membros que se uniron á Unión Europea no 2004 e no 2007, cun PIB per capita de 23.250$ no 2006. A relativamente alta inflación do país caeu do 3.6% no 2004 ó 2.3% no 2006, sendo hoxe en día comparable á de tódolos países membros. Eslovenia é o único dos 12 novos membros que adoptou o Euro, o 1 de xaneiro do 2007. Ademais tamén foi o primeiro novo membro en ter a Presidencia do Consello da Unión Europea, ocupando o cargo na primeira metade do 2008. O Produto Interno Bruto per cápita esloveno é superior ao de Portugal ou Hungría, e practicamente igual ao de España ou Italia,[2] cunha taxa de paro do 5,7%, menor que a de Alemaña ou Francia.

Durante o 2000, Eslovenia estivo levando a cabo privatizacións nos eidos da banca, telecomunicacións e servizos públicos. As restricións dos investimentos estranxeiros estanse a desmantelar e agárdase que o investimento estranxeiro medre nos próximos anos. Nos últimos anos a economía está a medrar a un ritmo moi forte, 5,2% nos primeiros 9 meses do 2006, 4,0% no 2005, 4,4% no 2006 e un 4,8% no 2007 segundo estimacións, en comparación co 2,7% de 2003.

Eslovenia conta con importantes reservas de petróleo, carbón e zinc. A pesar de que só o 2% da poboación se dedica á agricultura, a produción de cereais satisfai a demanda interna e mesmo exporta a maior parte das súas colleitas de trigo a Rusia e a antiga Iugoslavia. Tamén é líder mundial na fabricación de elementos para deportes de inverno, tamén é de destacar que o 20% dos xenéricos que se venden no mundo son producidos por farmacéuticas eslovenas.

En canto ao sector industrial as fábricas situadas en Liubliana e Maribor producen automóbiles, motores e autopartes, material eléctrico, aparellos ópticos, medicamentos, papel e derivados. A filial eslovena de Renault (Revoz) conta en 2004 cun persoal de 2.100 empregados e en 2003 destinou a exportacións o 95% da produción da súa factoría eslovena en Novo Mesto. O principal socio comercial de Eslovenia é Alemaña.

Demografía

Artigo principal: Demografía de Eslovenia.
Novo mesto Breg 2
Novo Mesto, principal cidade de Baixa Carniola, ao sur do país

O grupo étnico maioritario na Eslovenia son os eslovenos (83%) a estes lles seguen as nacionalidades da antiga Iugoslavia (serbios, croatas, bosníacos e musulmáns) os que representan o 6,3% da poboación. As minorías húngaras italianas e xitanas forman parte do 0,6% da poboación, o 8,9% restante representa a aqueles que non declararon etnia. No 2003, a esperanza de vida no país era de 72.2 para os homes e de 80 anos para as mulleres.

Cunha densidade de poboación de 99 habitantes por km², Eslovenia posúe unha das densidades de poboación máis modestas da Unión Europea,comparándoa cos 320/km² habitantes dos Países Baixos e os 195/km² de Italia. A rexión de Notranjsko-kraška ten a menor densidade de poboación , mentres que Osrednjeslovenska posúe a maior. Ao redor do 51% da poboación vive en áreas urbanas mentres que o 49% vive no rural.

A lingua oficial de Eslovenia é o esloveno, membro da familia das linguas eslavas do sur de Europa. O húngaro e o italiano son cooficiais co esloveno nas rexións veciñas con Hungría e Italia.

Relixión

Radovljica Brezje Bazilika Sv Vida 28082012 122
Basílica de Santa María Auxiliadora en Brezje, declarada Santurario Nacional Esloveno, é o principal centro de peregrinaxe católico no país

Antes da segunda guerra mundial o 97% dos eslovenos considerábanse católicos, o 2,3% protestantes e o 0,6% ortodoxos[3], o catolicismo como relixión tradicional dos eslovenos tiña unha grande importancia na vida social e política. Despois de 1945 o país foi cara a un proceso de gradual pero continua secularización, e tras unha época de persecución da vida relixiosa, o réxime comunista adoptou unha política de relativa tolerancia cara ás igrexas, limitando porén as súas funcións sociais. Na década de 1990 logo da caída do comunismo, a igrexa católica renovou algo a súa antiga influencia, pero Eslovenia permanece con moito unha sociedade secularizada. Segundo o censo de 2002 un 57,8% da poboación declárase católica, como no resto de Europa é unha porcentaxe que está a diminuír, así no censo de 1991 era do 71,6%. A inmensa maioría dos católicos son do rito latino, hai uns 1600[4] greco católicos, pero as dúas únicas igrexas, con arredor de 500 fieis, están na rexión de Carniola Branca[5].

A pesar de ser os protestantes relativamente poucos, historicamente exerceron unha grande influencia na conformación da lingua estándar eslovena e na súa literatura, que ten a súa orixe na reforma protestante do século XVI. Un 0.9% dos eslovenos declarábanse protestantes en 2002, a maioría pertencentes á Igrexa luterana eslovena que ten un bispo e que ten unha presenza significativa no leste da rexión de Prekmurje. Os xudeus, aínda que sen formar unha gran comunidade, estiveron presentes historicamente no país pero tras o Holocausto e a desaparición de Iugoslavia só quedou unha sinagoga activa na capital[6].

Segundo o censo de 2002 o islam é a segunda comunidade relixiosa do país, á que pertencen arredor do 2,4% da poboación, a maioría procede de Bosnia, Kosovo e Macedonia do Norte.[7] A terceira denominación, con arredor do 2,2% da poboación é a ortodoxa, a maioría membros da Igrexa ortodoxa serbia e unha minoría da Macedonia.

En 2002 o 10% dos eslovenos declaráronse ateos, ooutro 10% non profesaba unha denominación específica, e o 16% non responderon á pregunta do censo sobre afiliación relixiosa. Consonte o Eurobarómetro de 2010,[8] 32% dos eslovenos responderon que crían que existía un deus, un 36% que existía algunha clase de espírito ou forza vital e 26% que non crían en clase ningunha de espírito, deus ou forza vital.

Cultura

Literatura

Univerza Ljubljana
Edificio da Universidade de Liubliana

O primeiro libro en esloveno foi impreso polo reformador protestante Primož Trubar (1508-1586). Eran en realidade dous libros, Catechismus (un catecismo) e Abecedarium, que foi publicado en 1550 en Tubinga, Alemaña.

Os escritores considerados máis importantes nas letras eslovenas foron o poeta France Prešeren (1800-1849) e os prosistas Janez Mencinger (1838-1912) e Ivan Cankar (1876-1918). Do primeiro existe unha escultura feita polo arquitecto Jože Plečnik no centro de Liubliana, fronte ao Tromostovje (en esloveno, Ponte Tripla).

Outros escritores que cabe destacar son o dramaturgo e historiador Anton Tomaž Linhart, o lingüista Matija Čop, os sacerdotes Anton Aškerc e Fran Saleški Finžgar, o novelista Josip Jurčič, o modernista Oton Župančič, o poeta e novelista France Bevk, o pensador Vladimir Bartol, os poetas Edvard Kocbek e Srečko Kosovel, o novelista Boris Pahor, os poetas Alojz Rebula e Drago Jančar, o ensaísta e crítico cultural Aleš Debeljak e o filósofo Slavoj Žižek.

Pintura

Os dous pintores eslovenos máis destacados son Ivan Grohar e Ivana Kobilca.

Música

Eslovenia foi berce de numerosos músicos, incluíndo ao compositor renacentista Jacobus Gallus Carniolus (1550-1591), quen exerceu grande influencia na música clásica de Europa central e, no século XX, a Bojan Adamič, compositor de música para películas.

Entre os músicos populares contemporáneos atópanse Slavko Avsenik, Laibach, Vlado Kreslin, Zoran Predin, Pero Lovšin, Silence (grupo), New Swing Quartet, DJ Umek, Melodrom, Siddharta, Magnífico.

Festividades

En Eslovenia, ademais de varias festas celebrados en varios países do mundo (como o Aninovo, a Pascua, o Día do traballo ou o Nadal), tamén existen festas nacionais como o Día de Prešeren, durante o cal se conmemora a morte do poeta France Prešeren ou o da Sublevación contra a Ocupación.

Data Nome en galego Nome en esloveno Observacións
1 e 2 de xaneiro Aninovo Novo leto Festividade polo novo ano
8 de febreiro Día de Prešeren/Día da cultura eslovena Prešernov dan/slovenian kulturni praznik Morte de France Prešeren
27 de abril Día da Rebelión contra o Ocupante Dan upora proti okupatorju Día do Osvobodilna Fronta
1 e 2 de maio Festividade do traballo Praznik dela Festivo internacional
25 de xuño Día do Estado Dan državnosti Declaración de independencia da Eslovenia de 1991
1 de novembro Día dos finados Dan spomina na mrtve Festa coincidente co católico Día de Tódolos Santos
26 de decembro Día da independencia Dan samostojnosti Conmemora o referendo de independencia esloveno
Domingo despois da primeira lúa chea de primavera Pascua Velikonočna nedelja Conmemoración cristiá da resurrección de Xesús de Nazaret
Domingo despois de sete semanas desde a Pascua Pentecoste Binkošti Fin do tempo de Pascua
15 de agosto Asunción de María Marijino vnebovzetje Festa cristiá que conmemora o ascenso da Virxe María ao ceo
31 de outubro Día da Reforma Dan reformacije Festa protestante a nivel nacional
25 de decembro Nadal Božič Conmemoración do nacemento de Xesús de Nazaret

Notas

  1. Novak, Marja (14 de marzo de 2018). "Slovenian PM Cerar resigns as pressure mounts ahead of election". Reuters.com. Consultado o 3 de xullo de 2018.
  2. World Economic Outlook Database-October 2009, Fondo Monetario Internacional
  3. Šircelj, Milivoja (2003). Verska, jezikovna in narodna sestava prebivalstva Slovenije: Popisi 1921-2002 (PDF) (2). Statistični urad Republike Slovenije
  4. "Vzhodna liturgija v ljubljanski stolnici ob 400. obletnici Križevske eparhije" Družina, 6 de maio de 2011
  5. "Pogovarjamo se z ... Mihajlom Jozafatom Hardijem" Belokrajec na spletu, 21 de decembro de 2010
  6. "The Virtual Jewish History Tour - Slovenia". Jewishvirtuallibrary.org. 4 de marzo de 2003. Consultado o 30 de marzo de 2014.
  7. "Islamska Skupnost v Republiki Sloveniji". Islamska-skupnost.si. Consultado o 2 de xuño de 2012.
  8. "Special Eurobarometer, biotechnology, page 204" (PDF). Fieldwork: Xan-Feb 2010.

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

.si

.si é o Dominio de Nivel Superior xeográfico (ccTLD) para Eslovenia.

Alpes

Os Alpes (alemán: Alpen; italiano: Alpi; francés: Alpes; grego: Αλπεις; occitano: Aups/Alps; romanés: Alps; eslovaco. Alpe) son o sistema de montañas máis altas e estensas situadas totalmente en Europa. Exténdense dende Francia ó oeste ata Austria e Eslovenia ó leste, e dende Alemaña o norte ata Italia e Mónaco no sur así mesmo tamén atravesa a meirande parte de Suíza e Liechtenstein. O seu pico máis alto é o Mont Blanc con 4.810,45 metros de altitude, situado na fronteira franco-italiana ou moi preto dela, xa que a masiva demarcación da fronteira nunca foi consensuada. Os Alpes forman unha barreira de 1 200 quilometros entre o Mediterráneo e o Danubio

Debido á súa importancia de abastecemento dos caudais de ríos importantes europeos, como o Po ou o Rin, regando ricas terras de cultivo, ó seu redor situáronse desde a prehistoria diversos pobos, principalmente celtas como os borgoñóns, leucos, longobardos, helvecios e posteriormente, xermánicos no noroeste ou pobos itálicos logo da conquista da Gallia Cisalpina por Xulio César.

Hai unha organización especial para a protección dos Alpes chamado o Convenio dos Alpes.

Bandeira de Eslovenia

A bandeira de Eslovenia (en esloveno: Zastava Slovenije) foi declarada oficial pola Asemblea de Eslovenia o 24 de xuño de 1991 e foi empregada por vez primeira en Ljubljana o 26 de xuño de 1991, un día despois da declaración de independencia de Eslovenia.

Croacia

Croacia ( pronunciación ) (en croata: Hrvatska [xř̩ʋaːtskaː] ), oficialmente República de Croacia ( pronunciación ) (en croata: Republika Hrvatska ( pronunciación )), é un país de Europa central, rodeado pola chaira Panónica, os Balcáns e o mar Mediterráneo. A súa capital e cidade máis grande é Zagreb. Comparte fronteiras con Eslovenia e Hungría ao norte, Bosnia e Hercegovina ao sueste e Serbia e Montenegro ao leste.

Antigo membro da República Federal Socialista de Iugoslavia, o 25 de xuño de 1991 Croacia declarou a súa independencia converténdose nun Estado soberano. O 1 de xullo de 2013 Croacia entrou na Unión Europea. Ademais é membro das Nacións Unidas, o Consello de Europa, a OTAN, a Organización Mundial do Comercio e membro non permanente do Consello de Seguridade das Nacións Unidas durante o período 2008 e 2009. Croacia está clasificada como unha economía emerxente e en desenvolvemento polo Fondo Monetario Internacional e país de alta renda polo Banco Mundial.

Eslovenia no Festival de Eurovisión

Eslovenia participou como Iugoslavia nos anos 1966, 1967, 1970 e 1975; e como país soberano dende 1993. O festival o retransmite RTVSLO para todo o país e o proceso habitual de selección de intérprete é unha gala televisada chamada Evrovizijska Melodija. Nunca gañou o festival e a súa mellor posición foron dous sétimos lugares no Festival de Eurovisión 1995 e no Festival de Eurovisión 2001, como mellor resultado en términos absolutos o conseguiu no ano 2007, iso si, na semifinal, Alenka Gotar pese a ser unha gran favorita do festival de 2007 tivo que conformarse coa décimo quinta posición.

No ano 2011 saíu elixida a cantante Maja Keuc coa canción "Vanilija", onde despois ao participar no festival pasou a ser "No one" (en inglés). Tanto en 2012 como en 2013 non logrou clasificarse para a final.

No Festival de Eurovisión 2014, Tinkara Kovač, co seu tema "Spet (Round and round)" clasificouse á final quedando penúltima e con 9 puntos, sendo o seu peor resultado nunha final.

Fritz Pregl

Fritz (Friderik) Pregl, nado en Ljubljana (hoxe en Eslovenia), Imperio Austrohúngaro, o 3 de setembro de 1869 e finado en Graz (Austria), o 13 de decembro de 1930, foi un químico austríaco de orixe eslovena.

Hungría

Hungría ( pronunciación ) (en húngaro: Magyarország [ˈmɒɟɒrorsaːɡ] ) é un país de Europa central. Fai fronteira con Austria ao oeste, Eslovaquia e Ucraína ao norte, Romanía ao leste e Serbia, Croacia e Eslovenia ao sur. Ten unha poboación de ao redor de dez millóns de habitantes distribuídos en 93.030 quilómetros cadrados.

A súa capital é Budapest, a maior cidade do país que concentra o 25% de toda a poboación húngara. A poboación é das máis homoxéneas etnicamente de toda Europa, estando composta na súa maioría polos maxiares, termo polo cal os húngaros se chaman. Os maxiares eran un pobo nómade que ocupou o planalto dos Cárpatos no século IX, loitando contra outros pobos durante séculos para manterse no mesmo lugar. Mesmo oprimidos por austríacos, turcos e rusos, os maxiares permaneceron unidos.

O nome Hungría vén do turco On-ogur que significa Dez lanzas e simbolizaba a unión das dez tribos que ocuparan o territorio húngaro no século IX, sete tribos maxiares e tres khazares. O termo latino hunni para os hunos, antigo pobo que dominou Hungría ata o século IV, xerou os termos latinos para definir Hungría. O termo maxiar probablemente vén das palabras magi e eri, a primeira de raíz proto-úgrica significa home ou pobo e a segunda do turco, co mesmo significado de pobo. O 1 de xaneiro do 2004 Hungría pasou a formar parte da Unión Europea, xunto a outros dez países, a maioría do leste europeo, entre os que se atopaban os países bálticos, a República Checa, Eslovaquia e Polonia.

Imperio Austrohúngaro

O Imperio Austrohúngaro, Austro-húngaro ou Austria-Hungría (Österreichisch-Ungarische Monarchie en alemán, Osztrák–Magyar Monarchia en húngaro) foi un estado histórico europeo nado en 1867, tralo Compromiso austrohúngaro que reconoñecía o Reino de Hungría como unha entidade autónoma dentro do Imperio Austríaco, a partir dese intre, austrohúngaro. En 1914 tiña unha extensión de 676.615 km² e contaba con 52 799 000 habitantes.

O que fora o Imperio Austrohúngaro repártese na actualidade en trece estados europeos: Austria, Hungría, República Checa, Eslovaquia, Eslovenia, Croacia, Bosnia e Hercegovina e as rexións de Voivodina en Serbia, Bocas de Kotor en Montenegro, Trentino-Alto Adige e Trieste en Italia, Transilvania e parte do Bánato en Romanía, Galitsia en Polonia e Rutenia (rexión Subcarpática na Ucraína).

Iugoslavia

Iugoslavia (serbocroata: Југославија ou Jugoslavija: etimoloxicamente eslavos do sur) foi un estado situado na cordilleira dos Balcáns tras a disolución do Imperio Austrohúngaro.

En 1918 fundouse o Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos. En 1929 trocou o nome a Reino de Iugoslavia, ata que foi invadido polas potencias do eixe en 1941, pasando a ser dividido entre elas, quedando só, cunha certa autonomía, o Reino de Croacia, un estado títere de Italia, e unha pequena parte de Serbia, como protectorado alemán.

Tras a derrota do eixe, esa zona foi liberada por guerrilleiros partisanos e, a última hora, tropas do Exército Vermello en 1945. Estableceuse un estado comunista co nome República Federal Socialista de Iugoslavia.

Este estado non puido sobrevivir á caída do bloque oriental, e na Terceira Guerra dos Balcáns (1991 - 2001), Bosnia e Hercegovina, Croacia, Eslovenia e Macedonia do Norte pasan a ser nacións independentes.

O resto do país refundouse como República Federal de Iugoslavia para, despois, ser coñecido como Serbia e Montenegro, ata a separación destes dous países, en 2006.

Lingua croata

O croata é unha lingua eslava meridional falada principalmente por croatas en Croacia e rexións próximas. É oficial nos países de Croacia e Bosnia e Hercegovina. É moi próximo ao serbio e os falantes dos dous idiomas enténdense e conséguense comunicar perfectamente.

Lingua eslovena

O esloveno é unha lingua eslava meridional falada principalmente na República de Eslovenia, así como en zonas adxacentes de Italia, Austria e Hungría nas que viven minorías históricas de eslovenos.

Lingua húngara

O húngaro e unha lingua da familia fino-úgrica. Fálase en Hungría e áreas adxacentes de Romanía, Serbia, Eslovaquia, Croacia, Austria e Eslovenia. O nome da lingua en húngaro e Magyar. Dos 14,5 millóns de falantes, uns 10 millóns viven na Hungría. O pobo que orixinou a lingua, os maxiares, emigraron dos Montes Urais no século IX para o oeste, fixándose na actual Hungría.

Lingua nórica

A lingua nórica era unha das linguas célticas continentais. Suponse que se falaba na rexión do que posteriormente constituíu a provincia romana de Noricum. Só está testemuñada por dúas inscricións fragmentarias que non ofrecen suficiente información para tirar delas demasiadas conclusións sobre a natureza e características desta lingua.

Lingua serbocroata

O serbocroata ou bosníaco-croata-serbio, é unha lingua eslava a falada principalmente en Serbia, Montenegro, Croacia e Bosnia e Hercegovina. É unha lingua pluricéntrica con catro variedades estándar mutuamente intelixibles.

Historicamente, os dialectos eslavos meridionais formaron un continuo dialectal. A turbulenta historia da área, particularmente despois da expansión do Imperio Otomán, deu lugar a un mosaico de diferenzas dialectais e relixiosas. Por mor das migracións de poboación, o dialecto štokavski converteuse no máis estendido nos Balcáns occidentais, introducíndose nas áreas ocupadas polos dialectos čakavica e kajkavica (ó tempo que formaba a lingua eslovena no noroeste). Bosníacos, croatas e serbios diferéncianse pola relixión, e historicamente estiveron baixo o poder de señores estranxeiros. Durante este período, a lingua tiña gran variedade de nomes, como "eslavo", "ilirio", ou dependendo da rexión "bosníaco", "serbio" e "croata", este último en combinación con "eslavonio" ou "dálmata".

Liubliana

Liubliana (en esloveno: Ljubljana, literalmente: A cidade que se ama, en alemán: Laibach, en italiano: Lubiana) é a capital de Eslovenia, situada entre os ríos Ljubljanica e Sava. A súa poboación é de 310.000 habitantes.

Maribor

Maribor (en alemán Marburg an der Drau, en italiano Maribor ou Marburgo) é unha cidade de 110.000 habitantes de Eslovenia, segundo centro máis poboada do país despois da capital Liubliana. Está situada á beira do río Drava, no punto no que se encontran os montes Pohorje, o val do Drava e a chaira do Drava e os outeiros do Kozjansko e do Slovenske gorice.

República Federal Socialista de Iugoslavia

A República Federal Socialista de Iugoslavia (abreviado: RFSI, en croata e esloveno: Socijalistička Federativna Republika Jugoslavija, en serbio e mecedonio: Социјалистичка Федеративна Република Југославија, en albanés: Republika Socialiste Federative e Jugosllavisë, en húngaro: Jugoszláv Szocialista Szövetségi Köztársaság) foi un estado socialista europeo que existiu entre os anos 1963 e 1992, substituíndo na súa creación á República Federal Popular de Iugoslavia.

Estaba formada por Eslovenia, Bosnia e Hercegovina, Croacia, Serbia, Macedonia e Montenegro. Foi gobernada ata o ano 1980 por Josip Broz Tito, quen a diferenza doutros países comunistas de Europa, elixiu un camiño independente ao da Unión Soviética, manténdose así distanciado dos países do Bloque do Leste, chegando a criticar as intervencións en Hungría, Checoslovaquia e Afganistán. Así pois non foi membro nin do Pacto de Varsovia nin da OTAN, sendo un dos creadores do Movemento de Países Non Aliñados no ano 1956.

Zdravljica

Zdravljica (en esloveno: un brinde) é o himno nacional de Eslovenia dende o 27 de setembro de 1989.

É a sétima estrofa da poesía "Zdravljica", escrita en 1844 por France Prešeren (1800-1849), para a que Stanko Premrl realizou unha composición coral co mesmo nome.

Eslavos do oeste
Eslavos do sur
Eslavos do leste
Países e territorios do Mediterráneo

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.