Escudo de Lugo

O escudo de Lugo é a representación das armas da cidade, no que figuran varios elementos relacionados co pasado e a historia do concello.

Escudo de Lugo
Escudo de Lugo (Galicia)
Versións
Escudo de Lugo 3pergamiño

Versión con lambrequíns
Detalles
ArmigerLugo Lugo
ElmoCoroa de marqués
EscudoEn campo azur:
Torre de ouro con terraza de goles
• Dous leóns rampantes de ouro
• Cáliz de ouro e hostia de prata
• Dous anxos en adoración
DivisaHoc hic mysterium fidei firmiter profitemur
OutrosPode levar lambrequíns
Uso• Concello de Lugo

Descrición

Segundo Jaime Bugallal y Vela, a Moi Nobre e Leal Cidade de Lugo ten coma escudo,[1] en campo de azur, unha torre de ouro, con dous corpos, aclarada e con terraza de goles, entre dous leóns enfrontados, de ouro, rampantes contra a torre, e sumada dun cáliz de ouro, sumado á súa vez de hostia de prata, radiante de ouro, entre dous anxos en adoración enfrontados, de prata, sobre senllas nubes do mesmo metal. Leva un bordo de prata coa divisa Hoc hic mysterium fidei firmiter profitemur, en letras de sable e, ó timbre, unha coroa de marqués.

Historia

O escudo da cidade non foi sempre tal como se coñece agora.[2][3][4] A primeira versión coñecida, da que e descoñece a data, apareceu na Rúa do Miño, na coñecida como Casa do Sangro. Este escudo atópase actualmente no Museo Provincial. En dito escudo non figuran os actuais anxos, saíndo só os leóns e a torre, o que demostra a súa primitiva vinculación co selo do Cabido Catedralicio. O primeiro escudo do que se ten constancia cos anxos custodios é o que se atopa enriba da Porta de San Pedro na Muralla. Esta representación data de 1781. Despois de diversas modificacións, o escudo actual, que data de 1942, xa non contén os leóns exteriores. Con todo, o Concello está a estudar a súa recuperación.

Elementos

O cáliz e os anxos

O cáliz e a hostia figuran no escudo por mor do privilexio papal da catedral de Santa María:[5] a exposición permanente e pública do Santísimo Sacramento. Este privilexio é só ostentado por esta basílica no mundo, e estímase que a tradición data polo menos dende o século XV. Así, o que o Sacramento atópase en exposición día e noite, sen interrupción, dende polo menos fai seis séculos. Por este motivo coñécese ás veces á cidade como A cidade do Sacramento.

Con todo a orixe dista tradición é imprecisa. Algúns investigadores remóntanse mesmo até os primeiros anos do cristianismo, aínda que non hai probas de que fose anterior aos comezos do século XV. Segundo o historiador Xaime Delgado, é probable que o inicio da exposición date aproximadamente de 1400. Os anxos adoradores aparecen xa no escudo lucense a finais do século XVII, como consta na descrición de Mateo de Cisneros. A súa introdución no escudo foi, probablemente, só para encher os ocos que quedaban baleiros ao redor do cáliz.

A torre e os leóns

A torre donxonada foi engadida ao escudo posteriormente aos símbolos eucarísticos da hostia e os anxos, quizais antes do século XVII. Para algúns autores a torre representa o antigo castelo de Lugo, para outros, a Torre Augusta e hai quen a ve como unha representación heráldica da muralla.

En canto ao uso dos leóns tamén existen varias teorías. Por un lado o cóengo Pallares (século XVII) viu neles unha representación do valor dos católicos que se opuxeron aos herexes, con todo hoxe prefírese pensar que teñen a súa orixe como símbolo do valor amosado polos lucenses durante os distintos asedios que sufriu a cidade no transcurso da súa historia. Outra teoría sobre o uso do castelo e os leóns é que figuren como lembranza dun persoeiro medieval cuxos restos xacerían na igrexa do convento de San Francisco. Trataríase do neto do rei de Galicia Afonso IX, Pedro Enríquez, conde de Trastámara, de Lemos e Sarria.

A coroa

O escudo está timbrado por unha coroa de marqués polos servizos prestados á cidade pola antiga familia lucense de Prado, marqueses de San Martiño de Ombreiro.

A divisa

Artigo principal: Hoc hic mysterium fidei firmiter profitemur.

A divisa latina "Hoc hic mysterium fidei firmiter profitemur" ten,[6] ao igual co cáliz, ten a súa orixe na Catedral de Lugo e no privilexio papal de exposición permanente do "Santísimo Sacramento". Polo tanto, a lenda fai referencia ao misterio da consagración do corpo de Xesús Cristo. Este mesmo lema foi adoptado e trasladado con posterioridade ao escudo do Reino de Galicia, onde o atopamos en representacións gráficas a partir do século XVII. A súa tradución literal é: "Aquí confesamos firmemente este misterio da fe".

Galería

Escudo de Lugo 3

Escudo de Lugo

Escudo de Lugo 3pergamiño

Escudo con lambrequíns

Escudo Lugo

Versión do escudo[7]

Notas

  1. Lugo (concello). Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada. Edición en DVD. 2010.
  2. Historia heráldica da Provincia de Lugo[Ligazón morta]
  3. "Que escudo de Lugo lle gusta máis, o actual ou o antigo?". Arquivado dende o orixinal o 03 de agosto de 2008. Consultado o 01 de decembro de 2010.
  4. De feito, en documento sen data, o Concello de Lugo xa "aprobou inicialmente a modificación do escudo e da bandeira municipais nos termos do estudo-memoria redactado por don Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, presidente do Consello Superior de Investigacións Científicas, e aprobar o proxecto de escudo e bandeira que se xunta a aquela". O novo escudo aínda non foi feito público.
  5. Galicia en cen prodixios, Henrique Alvarellos. Edicións Xerais 2004[Ligazón morta]
  6. A Festa do Corpus
  7. Non encaixa coa definición heráldica, con todo é utilizado ás veces polo Concello.

Véxase tamén

Outros artigos

Galería de imaxes de Lugo zona 3

Galería de imaxes de Lugo

Hoc hic mysterium fidei firmiter profitemur

Hoc hic mysterium fidei firmiter profitemur é o lema latino que aparece no escudo da cidade de Lugo e tardiamente no escudo do Reino de Galicia.

Lugo

Lugo é unha cidade e concello de Galicia, capital da provincia de Lugo e da comarca homónima. Fundada no ano 25 a.C. por Paulo Fabio Máximo, é unha cidade de orixe romana e a máis antiga de Galicia. Construída nas proximidades dun castro, na época romana recibiu o nome de Lucus Augusti. Son testemuña dos seus primeiros anos de historia os numerosos restos romanos, moitos deles conservados no Museo Provincial, e sobre todo a Muralla Romana, única no mundo que conserva todo o seu perímetro e declarada Patrimonio da Humanidade no ano 2000.

Ao longo da súa historia ocorreron tanto épocas de abandono como importantes momentos na historia do país, dende a xuntanza no ano 842 dun grande exército galego para conquistar Oviedo e entronizar a Ramiro I como primeiro rei da dinastía galega, ata o pronunciamento do Coronel Miguel Solís, que daría comezo á Revolución Galega de 1846.

Xeograficamente, a cidade atópase situada nun outeiro, nas terras do Alto Miño, e circundada polo propio río Miño, ademais doutros máis pequenos como o Mera. O concello, incluído na Reserva da Biosfera "Terras do Miño", é o segundo máis extenso de Galicia, e no que no ano 2014 habitaban 98.560 persoas, o que supón que sexa o cuarto de Galicia en poboación despois de Vigo, A Coruña e Ourense.

O xentilicio dos habitantes é lucense ou tamén lugués. Lugo é unha cidade comercial e de servizos, cun campus universitario especializado en Ciencias Agrarias (Veterinaria, Montes...). Destacan tamén as populosas festas realizadas na cidade como o Arde Lucus, que relembra o pasado romano e castrexo da cidade, e o San Froilán, que cada ano atrae á cidade do 4 ao 12 de outubro a máis dun millón de visitantes.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.