Escola Lubiáns

O Escola Lubiáns de Hockey e Patinaxe é un club galego de hóckey a patíns e patinaxe artística da cidade de Carballo. Foi fundado en 1983 e actualmente compite na Liga Sénior Masculina. Os equipos de todas as categorías e seccións do club disputan as súas competicións como locais no Pavillón Carballo Calero da capital bergantiñá.

O club debe o seu nome á Ponte Lubiáns, de orixe romana, que une os concellos de Carballo e Coristanco cruzando o río Anllóns.

Escola Lubiáns de Hockey e Patinaxe
CidadeCarballo, Galicia Galicia
Historia1983-presente
Fundado1983
PavillónPavillón Carballo Calero
(600 espectadores[1])
PresidenteGalicia David García Bermúdez
AdestradorGalicia Jorge Lamas "Cholo"
CompeticiónOK Liga Bronce
Cores          Vermello e branco

Historia

As orixes do club remóntanse a setembro 1983, cando o Concello de Carballo, facéndose eco da afección que a patinaxe espertaba na localidade, aproveitou a promoción duns cursos que a Deputación da Coruña estaba a realizar para a promoción deste deporte fora da capital coruñesa, creando unha escola de hóckey a patíns baixo a dirección do xogador do HC Liceo Alberto Galmán e patrocinada polo propio Concello. A pesar do alto custo que supuña a adquisición do material necesario para a práctica deste deporte, inscribíronse na escola máis de 100 rapaces e rapazas, polo que Galmán tivo que contar coa axuda do carballés Jesús M. Suárez Aran.[2]

Ese mesmo ano, na tempada 1983-84 inscribíronse os dous primeiros equipos de hóckey a patíns carballeses na categoría benxamín, competindo a nivel provincial baixo o nome de Bergantiños Calvo. Con todo, os problemas por non ter unha pista preparada para a práctica deste deporte en Carballo levaron aos equipos a disputar os seus partidos na cidade da Coruña, un problema que se prolongaría ata a tempada 1985-86.[2]

En xuño de 1984 constituíuse a primeira xunta directiva da Escola de Hóckey, por Eduardo Antonio Castro García. Aprobáronse os estatutos, o anagrama e decidiuse que o club se chamase Escola Lubiáns de Hóckey a Patins. A primeira directiva estaba composta por Andrés Breijo Castrillón como secretario, Teresa Díaz como tesoureira e Constantino Seoane, Luis González e Francisco Pichel como vogais. O anagrama da Escola foi realizado por Jaime Díaz Alonso e Narciso Varela Ferreiro, representando os arcos da ponte Lubiáns e unhas bólas e un stick de hóckey. Tito Argueso incorporouse ao cadro de adestradores do club.[2]

En 1984 construíuse o Pavillón Vázquez Mouzo no lugar da Grela, preto da zona de Carballo de Arriba, que custou 90 millóns de pesetas.[3] A inauguración do novo pavillón e a consecución da instalación dos valados regulamentarios posibilitou que na tempada 1985-86 o club puidese competir na vila logo de varios anos xogando na Coruña. Esa tempada o club puxo catro equipos en competición nas categorías benxamín, alevín e infantil.[2]

En 1996 o Concello de Carballo adaptou o recentemente construído Pavillón Bergantiños para a práctica do hóckey a patíns, o que propiciou o traslado dos adestramentos e partidos oficiais ao novo pavillón. O club realizou nese momento unha reestruturación cunha nova directiva e cadro técnico, puxo en marcha a Escola de Patinaxe, e realizou a esponsorización de todos os equipos, medidas que levaron á entidade un maior crecemento, especialmente nas categorías inferiores.[2]

Na tempada 1998-99 a Escola puxo seis equipos en competición en todas as categorías posibles, con equipos nos que, se ben a maioría dos xogadores eran de Carballo, tamén participaron rapaces doutros concellos próximos como Coristanco, Malpica de Bergantiños ou A Laracha, e mesmo outros máis afastados como Outes ou Muros. Foi esa tempada cando chegou o primeiro éxito do club ao clasificarse o equipo alevín ao sector como terceiro clasificado, en Alacant conseguiría proclamarse campión, e finalmente finalizaría na cuarta posición o Campionato Estatal disputado en La Felguera (Langreo).[2]

A tempada 2000-01 supuxo un fito na historia da entidade: o traballo realizado por Jesús Pena Nuñez, que deixou a entidade ese ano, durante os últimos anos traduciuse en éxitos deportivos, ao lograr meter a tres equipos (alevín, infantil e xuvenil) nos sectores de clasificación do Campionato de España (dos cales a categoría infantil pasou á final, quedando en cuarta posición).[4] Nese mesmo ano organizouse o I Torneo Escola Lubiáns Vila de Carballo, e a fase Sector infantil e a Final do Campionato de España da mesma categoría, coa participación de dous equipos galegos, un navarro, un canario, dous madrileños e dous cataláns, quedando campión o FC Barcelona e subcampión o Reus Deportiu, ocupando a terceira e cuarta praza o Patín Coruña e o Escola Lubiáns de Carballo; estes eventos supuxeron un éxito de público, organización e promoción do hóckey a patíns, así como promoción da propia vila.[2]

Etapa dourada

Na tempada 2002-03 o equipo xuvenil acadou o campionato galego, conseguindo acceder ao sector nacional, obxectivo que tamén logrou o equipo infantil. Na 2003-04 o equipo infantil acadou o campionato galego, e loitou en Getxo polo Campionato de España, torneo que tamén xogou o equipo júnior.[2]

En 2005 o Escola Lubiáns, da man de Manuel Souto, conseguía o ascenso a Primeira División.[5]

As seguintes tempadas cumpríronse os obxectivos de meterse nos sectores (na tempada 2004-05 o fixeron os xuvenís e os júnior, e na tempada 2005-06 os xuvenís). O último ano no que o Escola Lubiáns disputou un sector ata a data foi na tempada 2006-07, cando o logrou o equipo infantil, cun equipo xusto, sen un só troco en toda a tempada, conseguiu o terceiro lugar, posto que tamén ocuparían posteriormente na fase sector.[2]

Unha nova etapa

A partir da tempada 2006-07 prodúcese un cambio drástico, xa que os xogadores avanzan de categoría, mais por abaixo non hai novos alicerces. É cando a directiva decide dedicar todo o esforzo a crear unha nova base para o club. Nesta nova etapa levouse a cabo unha labor de captación nos colexios, de onde sae a renovación xeracional, presentada ante o público nunha nova edición do torneo, retomado logo de moitos anos.[2]

En 2012 o club creou a súa sección de patinaxe artítistica.[2]

En 2015 o equipo sénior, logo de eliminar ao Traviesas H.C. nos play-offs por 0-9 en Vigo e 7-1 en Carballo,[6][7] clasificouse para a primeira final a catro da Liga Sénior Autonómica que se disputou no Pavillón Castelao de Ordes, e que clasificaba ao equipo campión para disputar a fase de ascenso a Primeira Nacional contra os gañadores de Asturias, Castela e León e o País Vasco.[8] O equipo carballés comezou a fase final, disputada en formato de liguiña, cunha vitoria fronte ao H.C. Liceo por 5-4.[9] Con todo, na segunda xornada da final a catro caía fronte aos dous equipos do Compañía de María, por 3-2 fronte ao Compañía de María "B" no primeiro dos dous partidos da xornada, repetindo o mesmo resultado fronte ao equipo "A".[10]

Na tempada 2015-16 o equipo sénior presentouse coa única baixa de Pablo Añón, que asinara co RHC Lyon da Nationale 1 fracesa.[11] Esa tempada o equipo carballés conseguiu clasificarse de novo para disputar a final a catro por segundo ano consecutivo logo de eliminar nos cuartos de final ao A.C. Ordes, enfrontándose en Carballo a Compañía de María, A.A. Dominicos e HC Liceo.[12]

No verán de 2016 o club organizou xunto co Concello de Carballo a primeira edición do 3x3 Carballo, o primeiro torneo de hóckey a patíns tres contra tres organizado en Galicia e que foi avalado pola Real Federación Española de Patinaxe e que se disputou na fin de semana do 1 ao 3 de xullo.[13][14]

En 2017 o equipo de veteráns do Escola Lubiáns converteuse nun dos catro equipos que competiron na Liga Galega de Veteráns xunto a Liceo, Oleiros e Compañía de Ferrol.[15] Esa mesma tempada, logo dunha tempada irregular na que o equipo conseguiu finalizar na quinta posición a liga regular, o Lubiáns dirixido por Carlos Loureiro disputou o play-off clasificatorio para a final a catro da Liga Galega Sénior. O partido de ida disputouse no Pavillón Carballo Calero o 10 de marzo de 2018 fronte ao CH Compostela, cuarto clasificado na liga regular, finalizando cun empate a tres goles que deixaba aberta a eliminatoria, con todo, unha semana despois os carballeses caían nos últimos minutos do partido de volta por 2-0 no Pavillón de Vite, quedando fora da final a catro.[16][17][18]

Debut en categoría nacional

Logo da saída do club do adestrador Carlos Loureiro no verán de 2018 logo de 14 anos vinculado ao Escola Lubiáns, o ex-xogador do club Jorge Lamas "Cholo" fíxose cargo do club nunha tempada marcada polos trocos, cun cadro de xogadores considerablemente renovado polas baixas e as novas incorporacións procedentes da base do club. Os obxectivos do club estiveron marcados polas modificacións no formato de competición coa creación da OK Liga Bronce, co que os tres primeiros clasificados da Liga Galega xogarán a liguiña de ascenso á nova categoría.[19] Os carballeses comezaron a tempada gañando o Torneo Villa de Gijón logo de derrotar aos anfitrións (2-5) e aos bilbaínos do Loyola Indautxu (8-0), torneo que os de Cholo utilizaron como preparación da Liga Galega que comezarían a fin de semana seguinte na súa casa fronte ao A.C. Ordes.[20]

Na liga o conxunto carballés realizou un gran inicio, manténdose imbatido nas oito primeiras xornadas, nas que colleitou sete vitorias e un só empate, o que lle permitiu liderar a táboa clasificatoria con 22 puntos.[21] O 10 de ferreiro de 2019 o Lubiáns conseguiu a clasificación para disputar a OK Liga Bronce logo de derrotar ao Dominicos "B" no Carballo Calero por 7-2 na derradeira xornada da Liga Galega e finalizar a competición na 3ª posición, a última que daba acceso á OK Liga Bronce, conseguindo deste xeito disputar unha categoría nacional por primeira vez nos seus 36 anos de historia. Os doce xogadores convocados para o partido foro: Javi, José (porteiros), Fabi, Chechu, Roi, Marcos, Manu, Nando, Chipi e Tato, aos que acompañaron ao longo da tempada Xoán (lesionado para o encontro decisivo) e Iván.[22][23][24][a]

O Lubiáns comezou a súa andaina en competición nacional o 24 de febreiro de 2019 fronte ao campión galego, o Dominicos, caendo 5-2 na Coruña.[26] O primeiro desprazamiento do equipo en categoría nacional tivo lugar o 9 de marzo na terceira xornada da OK Liga Bronce, cando se mediu en Grau (Asturias) ao Areces.[27] Os caballeses pecharon a súa primeira participación en categoría nacional o 9 de xuño en Pamplona cunha derrota fronte o Iruña HP (4-3) no pavillón UDC Rochapea.[28] Ao finalizar as 14 xornadas o equipo de Cholo ocupou a derradeira posición cun rexistro dun empate e 13 derrotas,[29] conseguindo o seu único punto en Carballo logo de empatar co Iruña HP a cinco goles.[30]

Pavillón

Artigo principal: Complexo Deportivo Carballo Calero.

O Escola Lubiáns xoga os seus partidos como local no Pavillón Carballo Calero da capital bergantiñá. O pavillón encóntrase no Complexo Deportivo Carballo Calero, un recinto inaugurado en 1995. A súa pista de linóleo, de 44x22 m, foi renovada en 2008 e que posúe un sistema de cortinas que permite dividir a pista en tres espazos independentes. Conta cunha capacidade máxima para 600 persoas e unha bancada con 450 asentos.[1][31]

Adestradores

Adestradores do Escola Lubiáns
Nome Inicio Fin
Carlos Loureiro 2013 2018
Jorge Lamas "Cholo" 2018

Presidentes

Dende a súa fundación ata 2018 o club tivo seis presidentes. Eduardo Antonio Castro García foi a primeira persoa en asumir a presidencia da entidade carballesa durante os primeiros catro anos da súa historia. A persoa que máis tempo estivo á fronte do club foi Fernando Fidalgo Cerviño, que asumiu a presidencia durante dez anos entre 2005 e 2015. A seguinte táboa presenta a todas as persoas que presidiron o club carballés ao longo da súa historia:[32]

Presidentes do Escola Lubiáns
Nome Inicio Fin
Eduardo Antonio Castro García 1984 1988
Jesús Pallas Pose 1989 1991
Daniel Suárez Muiño 1992 1995
José Ramón Fernández Carballido 1996 2005
Fernando Fidalgo Cerviño 2005 2015
David García Bermúdez 2015

Logros

  • 1998-99: 4º posto no Campionato de España (alevín)
  • 2000-01: 4º posto no Campionato de España (infantil)
  • 2002-03: Campión Galego (xuvenil)
  • 2003-04: Campión Galego (infantil)

Notas

  1. A OK Liga Bronce é a liguiña de ascenso á segunda categoría do hóckey a patína español, a OK Liga Prata, que dende a tempoda 2019-20 reestruturouse en dous grupos e aumentou o número de equipos.[25]
Referencias
  1. 1,0 1,1 "Instalacións" (PDF). Concello de Carballo. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 11 de xullo de 2012. Consultado o 4 de outubro de 2016.
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 "Historia". Escola Lubiáns. Arquivado dende o orixinal o 05 de outubro de 2016. Consultado o 4 de outubro de 2016.
  3. "O abandono condena o complexo deportivo da Grela, en Carballo". La Voz de Galicia. 19 de xaneiro de 2016. Consultado o 4 de outubro de 2016.
  4. Ferreiro, Jose´M. (2 de xullo de 2001). "Motivos personales llevan al entrenador Suso Pena a dejar el Club Escola Lubiáns". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 6 de setembro de 2018.
  5. "El Escola Lubiáns Calvo celebra el ascenso recibiendo al Cedeira". La Voz de Galicia (en castelán). 11 de marzo de 2005. Consultado o 7 de setembro de 2018.
  6. "El Escola Lubiáns Calvo disputará la «Final four» al eliminar al Traviesas". La Voz de Galicia (en castelán). 14 de abril de 2015. Consultado o 6 de setembro de 2018.
  7. "El Escola Lubiáns derrotó a domicilio al Traviesas en la ronda de ida de la «final four»". La Voz de Galicia (en castelán). 31 de marzo de 2015. Consultado o 6 de setembro de 2018.
  8. "Este fin de semana, Final a Catro de Sénior Autonómica en Ordes". Federación Galega de Patinaxe. 13 de abril de 2015 dataacceso=5 de setembro de 2018.[Ligazón morta]
  9. "El Lubiáns vence al Liceo y luchará hoy por el cetro gallego de hockey". La Voz de Galicia (en castelán). 19 de abril de 2015. Consultado o 5 de setembro de 2018.
  10. "El Escola Lubiáns tuvo la suerte en contra para ser campeón". La Voz de Galicia (en castelán). 20 de abril de 2015. Consultado o 6 de setembro de 2018.
  11. "El Escola Lubiáns comenzará a entrenar el 1 de septiembre". La Voz de Galicia (en castelán). 12 de agosto de 2015. Consultado o 6 de setembro de 2018.
  12. "Compañía, Dominicos, Carballo y Liceo se juegan el título gallego". La Opinión (en castelán). 15 de abril de 2016. Consultado o 18 de outubro de 2018.
  13. "El club Escola Lubiáns coordina un torneo pionero en la Costa da Morte". La Voz de Galicia (en castelán). 12 de febreiro de 2016.
  14. "Exitosa primera edición del torneo 3x3 Carballo". Diario de Bergantiños (en castelán). 7 de xullo de 2016.
  15. "El pasado es presente". La Voz de Galicia (en castelán). 26 de outubro de 2017. Consultado o 6 de setembro de 2018.
  16. "Arranca la fase final por el título, con el Escola Lubiáns-Compostela A". La Voz de Galicia (en castelán). 9 de marzo de 2018. Consultado o 8 de setembro de 2018.
  17. Rodríguez, Melissa (19 de marzo de 2018). "El Escola Lubiáns se queda fuera de la final a cuatro". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 8 de setembro de 2018.
  18. "Clasificacións". Federación Galega de Patinaxe. Consultado o 8 de setembro de 2018.
  19. Rodríguez, Melissa (26 de setembro de 2018). "El Escola Lubiáns más renovado de los últimos años aspira alto". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 18 de outubro de 2018.
  20. "El Escola Lubiáns se adjudicó el Torneo Villa de Gijón de hockey". La Voz de Galicia (en castelán). 18 de setembro de 2018. Consultado o 5 de novembro de 2018.
  21. "Doble victoria para un intratable Escola Lubiáns". Diario de Bergantiños (en castelán). 1 de novembro de 2018.
  22. Longueira, Toni (10 de febreiro de 2019). "Los 12 llamados a la gloria se citan en el Carballo Calero". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 11 de setembro de 2019.
  23. Longueira, Toni (10 de febreiro de 2019). "El Escola Lubiáns logra la proeza". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 11 de setembro de 2019.
  24. "LIGA SENIOR MASCULINA AUTONOMICA 2018/19" (en castelán). Federación Galega de Patinaxe. Consultado o 11 de setembro de 2019.
  25. "45.- OK LIGA BRONCE". BASES DE COMPETICION HOCKEY SOBRE PATINES TEMPORADA 2018/2019 (PDF) (en castelán). Real Federación Española de Patinaxe. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 21 de outubro de 2018. Consultado o 11 de setembro de 2019.
  26. "Basket Xiria y Lubiáns comienzan con derrotas". Diario de Bergantiños (en castelán). 25 de febreiro de 2019.
  27. "El Lubiáns pierde en la pista del Areces asturiano". Diario de Bergantiños (en castelán). 11 de marzo de 2019.
  28. "Gran partido entre el Iruña hockey patines y el Escola Lubians para cerrar la temporada en la OK Bronce Norte". elespanol.com (en castelán). 9 de xuño de 2019. Consultado o 11 de setembro de 2019.
  29. "OK BRONCE - NORTE 2018/19" (en castelán). Real Federación Española de Patinaxe. Consultado o 11 de setembro de 2019.
  30. "El Lubiáns está virtualmente desahuciado en su año de debut histórico nacional". La Voz de Galicia (en castelán). 24 de abril de 2019. Consultado o 11 de setembro de 2019.
  31. "INSTALACIONES" (en castelán). www.3x3Carballo.com. Consultado o 18 de outubro de 2018.
  32. "Organigrama. Tempada 2015-16". escolalubians.com. Arquivado dende o orixinal o 12 de outubro de 2016. Consultado o 4 de setembro de 2018.

Véxase tamén

A.A. Dominicos

O club A.A. Dominicos é un club de hóckey a patíns da cidade da Coruña, que compite na 1ª División Galega. Con máis de 50 anos de historia é, xunto co H.C. Liceo un dos equipos históricos do hóckey coruñés e galego. Entre os grandes logros do club figuran un campionato de España xuvenil e un alevin no ano 2013, sendo o primeiro equipo galego en acadalo.

A.C. Ordes

O AC Ordes é un equipo de hóckey a patíns da localidade de Ordes (Galiza). O AC Ordes é o continuador do antigo Club Patín Ordes (desaparecido no 2003 ao pasar a formar parte do novo club), un club que competira varios anos na segunda categoría do hóckey a patíns español, a Primeira División Estatal, e que conseguira importantes logros en boa parte das súas categorías.

En abril de 2011 o AC Ordes conseguiu o ascenso á Primeira División, segunda categoría do hóckey a patíns español logo de superar na fase de ascenso do sector norte a FM Roller Oviedo (12-5), Real Club Josaleta (2-5) e San Antonio (7-3), e deixou practicamente asegurado o ascenso logo da dobre xornada disputada o sábado 29 de abril. Con todo o club renunciou por motivos económicos a competir na categoría logo de conseguir a permanencia ma tempada 2011-12.

Carballo

Carballo é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Bergantiños. É un concello grande (186,8 km²) que segundo o IGE en 2015 tiña 31.283 habitantes segundo o IGE (31.358 no 2012, 31.303 no 2011, 31.149 no 2010). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é carballés/carballesa.

Club Patín Ordes

O Club Patín Ordes foi un club galego de hóckey a patíns da localidade coruñesa de Ordes. O club desapareceu no 2003 ao pasar a formar parte do A.C. Ordes.

Club Patín Xunqueira

O Club Patín Xunqueira foi un equipo de hóckey a patíns galego da localidade de Cee. Foi fundado en setembro de 2005 baixo a presidencia de Manuel Barcia García, para cubrir o hoco deixado polo E.M.H. Cee, que chegara a competir en Primeira División. O club comezou a súa andaina con tres equipos nas categorías alevín, benxamín e prebenxamín, todos eles adestrdos por Manuel Calo.

Club de Hockey Compostela

O Club de Hockey Compostela é un club de hóckey a patíns galego da cidade de Santiago de Compostela que actualmente compite no Grupo B da Primeira División Autonómica Galega.

Complexo Deportivo Carballo Calero

O Complexo Deportivo Carballo Calero é un recinto polideportivo da localidade de Carballo (Galiza) nomeado en honor a Ricardo Carballo Calero Este recinto está confeccionado a imaxe e semellanza do seu curmán da Zona Escolar e situado ao carón do Colexio Bergantiños. O edificio conta cun pavillón polideportivo (chamado popularmente Pavillón Bergantiños) de linóleo (renovado no 2008) no que xoga os seus partidos como local o Escola Lubiáns (equipo local de hóckey a patíns), así como cunha piscina climatizada empregada polos distintos clubs da localidade e que conta cunhas bancadas con capacidade para 300 espectadores. No ano 2009 abriuse no complexo unha sala de fitness de 180 metros cadrados á disposición dos cidadáns.

Copa Federación Galega de Patinaxe

A Copa Federación é a unha competición do hóckey a patíns organizada pola Federación Galega de Patinaxe na que compiten equipos da Primeira División Galega. A competición dispútase en formato de eliminatirias a partido único ou dobre partido dependendo da edición.

Copa Galiza (hóckey a patíns)

A Copa Galiza de hóckey a patíns[Cómpre referencia] é unha competición de clubs de hóckey a patíns que se disputa anualmente entre tódolos clubs deste deporte de Galiza independentemente da categoría na que compitan. A primeira edición disputouse na tempada 2008-09 e o equipo que se alzou co título nesta primeira edición foi o H.C. Liceo da Coruña. O club máis laureado da competición é o Liceo, que gañou as dúas edicións que se levan disputado da competición.

A final desta edición disputouse nunha liguiña de 3 equipos entre o H.C. Liceo, CP Cerceda e Vigo Stick[Cómpre referencia]

H.C. Raxoi

O Hockey Club Raxoi é un equipo galego de hóckey a patíns da cidade de Santiago de Compostela que milita na Liga Sénior Masculina e na Copa Federación Feminina de hóckey a patíns. O equipo adestra e disputa os seus partidos no Pavillón Municipal de Vite, na capital de Galiza. Foi fundado en setembro de 1989.

HC Borbolla

O Hóckey Club Borbolla é un equipo galego de hóckey a patíns do barrio coruñés de Monte Alto. Que actualmente compite nas ligas sénior galegas, tanto en categoría feminina como en masculina. Disputa os seus partidos como local no Polideportivo de Monte Alto, un pavillón con capacidade para unhas 500 persoas. Na tempada 2017-18 era o único equipo da cidade herculina que non tiña ningunha relación cun colexio ou escola, e o terceiro club coruñés con máis equipos na Liga Galega, cun total de 12.Ao longo da súa historia, o seu equipo sénior feminino competiu na máxima categoría do hóckey a patíns feminino español, a OK Liga Feminina, en dúas ocasións, e o seu equipo sénior masculino xogou unha tempada na segunda categoría.

HC Cambre

O Hockey Club Cambre é un club de hóckey a patíns galego da localidade de Cambre, Comarca da Coruña (Provincia da Coruña). O club compite unicamente en categorías inferiores e xoga os seus partidos como local no Polideportivo de Sigrás.

Hockey Club Liceo da Coruña

O Hockey Club Liceo da Coruña, por motivos de patrocinio Deportivo Liceo, é un club profesional de hóckey a patíns da cidade da Coruña. Foi fundado en 1972 por catro persoas entre as que salienta a figura de Augusto César Lendoiro e na tempada 1979-80 debutou na máxima categoría do hóckey a patíns español, categoría na que compite dende aquela. Trátase dunha icona dentro do hóckey galego, historicamente é o club deportivo máis laureado de Galiza cun total de 40 títulos (18 a nivel estatal, e 22 títulos internacionais).

As cores do equipo son a verde e a branca, aínda que actualmente o seu primeiro equipamento é branquiazul por motivos de patrocinio. Xoga os seus partidos como local no Pazo dos Deportes de Riazor e o seu presidente é Daniel Echevarría.

En 2010 o club recibiu a Insignia de Ouro da Real Federación Española de Patinaxe en recoñecemento da súa traxectoria e o labor de promoción do hóckey a patíns.

María Pita H.C.

O María Pita Hóckey Club foi un club galego de hóckey a patíns da cidade da Coruña fundado no 1962 e disolto en 2009.

Primeira División Galega de Hóckey a Patíns

A Primeira División Galega é a máxima categoría do hóckey a patíns organizada pola Federación Galega de Patinaxe dende 2004. Actualmente o primeiro clasificado da liga disputa a fase de ascenso fronte a equipos asturianos e os dous primeiros clasificados da Liga Norte. Históricamente a competición foi dominada polos equipos da cidade da Coruña, coa excepción do A.C. Ordes de Ordes, campión en 2009 e 2011.

Tempada 2017-18 da Primeira División Galega de hóckey a patíns

A tempada 2017-18 da Liga Sénior Masculina Autonómica comezou o 23 de setembro de 2017 e finalizou o 1 de abril de 2018. Na competición tomaron parte un total de 11 equipos, dos cales tres eran o segundo equipo doutro equipo na mesma categoría.

Tempada 2018-19 da Primeira División Galega de hóckey a patíns

A tempada 2018-19 da Liga Sénior Masculina Autonómica comezou o 21 de setembro de 2018 e finalizará o 9 de febreiro de 2019. Na competición tomaron parte un total de 12 equipos, dos cales tres eran o segundo equipo doutro equipo na mesma categoría.

Traviesas H.C.

O Traviesas Hóckey Club é un club de hóckey a patíns da cidade de Vigo, Galiza.

Vigo Stick C.H.

O Vigo Stick Club de Hóckey ou Toshiba Vigo Stick C.H. por motivos de patrocinio é un equipo de hóckey a patíns da cidade de Vigo, Galiza. O club naceu en 2001 froito das boas relacións entre o Traviesas e o F.C. Barcelona.

Equipos
Outras competicións
Pavillóns

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.