Escolástica (filosofía)

A escolástica é un dos períodos nos que se divide a filosofía da época cristiá: Patrística (Séculos II-VIII) e Escolástica (Séculos IX-XIV). Esta última denominación debese a que a produción cultural da época realízase, primeiro, nas escolas monacais e catedralicias e, despois, nas universidades. Scholásticus era o nome que recibían tanto os mestres como os alumnos destas institucións. En liñas xerais o pensamento elaborado nas escolas medievais está mediatizado pola relixión cristiá. De aí que deba cualificarse, antes que nada, de pensamento teolóxico. É célebre un lema atribuído a Pedro Damián: Philosophía ancilla theologiae (A filosofía é serva da teoloxía).

Fases

Desde un punto de vista histórico pódense distinguir tres fases:

  • Primeira escolástica (desde o renacemento cultural do Imperio carolinxio ata mediados do século XII)
  • Alta escolástica (desde a recepción de Aristóteles ata finais do século XIII)
  • Baixa escolástica (século XIV).

A ensinanza escolástica

As disciplinas que inicialmente se ensinan nas escolas, como base do aprendizaxe filosófico e teolóxico, son o trivium (gramática, dialéctica, retórica) e o cuadrivium (aritmética, xeometría, astronomía e música). Os autores estudiados eran: Prisciano (gramática), Cicerón (retórica), Aristóteles e Boecio (dialéctica), Platón (astronomía) etc. No século XIII hai que engadir a estas materias, nas facultades de filosofía, o estudio das obras aristotélicas recen traducidas (Ética, Política, Física, Sobre a alma e Metafísica) así como os comentarios aristotélicos de Averroes e, nas facultades de teoloxía, o tratado das Sentencias de Pedro Lombardo.

Había dous métodos fundamentais de ensinanza: a lección (lectio) e a disputa (disputatio). O primeiro consistía en comentar un texto, e o segundo en examinar un problema atendendo ós pros e contras para finalmente proporcionar unha conclusión. De aquí xurdiron, respectivamente, os principais modelos literarios da Idade Media : as Sumas e as Quaestiones.

Principais correntes de pensamento

Durante a primeira fase son de salientar os dialécticos ou defensores da razón (Berengario de Tours, Pedro Abelardo), os antidialécticos ou defensores da fe (Pedro Damián, Anselmo de Aosta), o misticismo (Bernardo de Claraval, Hugo de San Víctor) e o naturalismo da Escola de Chartres (Xoán de Salisbury).

No século XIII as correntes dominantes son o agustinismo franciscano (Boaventura de Bagnoregio, Duns Escoto), o aristotelismo tomista (Tomé de Aquino) e o averroísmo (Siger de Brabante). Por último, no século XIV destaca o nominalismo de Guillerme de Ockham, que sobresae polos seus estudos de lóxica.

Véxase tamén

Ligazóns externas

Historia da filosofía

A Historia da filosofía describe e interpreta o percorrer da filosofía occidental desde as súas orixes na Grecia do século VI a.C. ata a actualidade. Considérase que a constitución da historia da filosofía como disciplina autónoma e específica só acontece desde principios do século XIX. Antes deste momento existen diversas publicacións de carácter histórico e filosófico, pero non posúen o rigor e cientificidade propios dos grandes historiadores da filosofía.

Renacemento do século XII

O Renacemento do século XII (tamén chamado revolución do século XII) é un período no que ocorreron unha serie de cambios económicos, sociais, políticos, ideolóxicos e culturais en Europa durante o século XII, posto en evidencia polos traballos dos historiadores Charles H. Haskins, Jacques Le Goff ou mesmo Jacques Verger.

Estimulado por un contexto de prosperidade inédito desde o comezo da Idade Media, nos planos demográfico e económico, pero tamén por un período de renacemento político e pola reforma gregoriana, a cristiandade viu unha profunda mutación da súas estruturas culturais. O mundo monástico céntrase na función meditativa, o que aproveitan as escolas urbanas que floreceron nas grandes cidades, comezando por París, sobre todo grazas á abadía de San Vítor, pero tamén en Chartres ou en Boloña. As disciplinas intelectuais son así dinamizadas e nutridas polo impulso das traducións latinas do século XII, desde o grego e o árabe en España e en Italia, que difunden de novo textos de Aristóteles, e os dos seus comentaristas musulmáns. De aí xorde un gusto novo polas disciplinas científicas, pola dialéctica, o nacemento da teoloxía dogmática e da escolástica, e aínda da recuperación do dereito romano e da medicina nas rexións mediterráneas.

Século da aparición dunha verdadeira clase de "intelectuais", en palabras de Jacques Le Goff, como Pedro Abelardo, coñecido polos seus amores con Heloísa e pola virulencia do seu conflito con San Bernardo, ou como Jean de Salisbury ou Pedro Lombardo; século dun novo humanismo baseado na renovación da cultura antiga seguindo o adaxio de Bernardo de Chartres ("ananos nas costas de xigantes"); século de eclosión dunha cultura de corte e da literatura cortesá, o século XII prepara a madureza cultural do século seguinte, que se revelará no cadro das universidades medievais.

Tales cambios tendían a cuestionar a vella orde agraria e rural do feudalismo como consecuencia da irrupción dun novo axente económico e social: a burguesía mercantil e artesanal das rexurdintes cidades. Incluía unha revitalización intelectual de Europa con fortes raíces filosóficas e científicas, que iniciaron o camiño aos posteriores logros literarios e artísticos da Idade Media final e dos inicios da Idade Moderna: o Humanismo e o Renacemento dos séculos XV e XVI (ou Renacemento propiamente dito) e a revolución científica do século XVI.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.