Erosión

Denominase erosión ao transporte de partículas sedimentarias por correntes superficiais de auga, vento e procesos gravitatorios. As partículas inclúen:

  • Fragmentos de rochas creados por abrasión mecánica pola acción do vento, augas superficiais, glaciares e expansión-contracción térmica por variacións estacionais ou diúrnas.
  • Solos, os cales son creados pola descomposición química das rochas mediante a acción combinada de ácidos débiles disoltos en auga superficial e meteórica, hidrólise, ácidos orgánicos, bacterias, acción de plantas etc.

A pesar de que a erosión é un proceso natural, esta pode ser acelerada fortemente por actividades humanas tales como a deforestación, a construción de camiños e a urbanización.

Un problema particularmente serio é a erosión costeira propiciada pola construcións en praias, que perturban o fluxo de sedimentos nelas.

Os tipos de erosión son:

  • Xelivación
  • Interperismo
  • Erosión fluvial
  • Erosión glaciar
  • Erosión subterránea
  • Erosión mariña
  • Erosión eólica e
  • Erosión antrópica.
Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre ciencias é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.
Erosion
Erosión do solo nun campo de millo na Universidade do Estado de Washington, Estados Unidos.
Auga

A auga é unha substancia cuxas moléculas están formadas por dous átomos de hidróxeno e un de osíxeno, xa que logo a súa fórmula é H2O. É abundante no Universo, inclusive na Terra, onde cobre gran parte da súa superficie e é o maior constituínte dos fluídos dos seres vivos. As temperaturas do planeta permiten a ocorrencia da auga nos seus tres estados físicos principais, pasando dun estado a outro nun ciclo continuo. A auga líquida, que en pequenas cantidades é incolora, mais en grandes volumes manifesta unha coloración azulada, pode atoparse como auga doce (en ríos, lagos, e montañas), ou como auga salgada nos mares e océanos que cobren case tres cuartos da superfície do planeta. No estado sólido, as masas de xeo concéntranse principalmente nas rexións polares e, no estado gasoso, o vapor de auga forma parte da atmosfera terrestre. A 0 °C (273 aproximadamente na escala Kelvin) atópase en estado sólido como xeo, e ferve a aproximadamente a 100 °C. O punto de xeación espontánea atópase preto dos 233 K.

A auga posúe unha serie de características peculiares, coma a dilatación anómala, a alta calor específica e a capacidade de disolver un gran número de substancias. De feito estas peculiaridades favoreceron o xurdimento nos océanos primitivos da vida e a súa evolución. Tódolos seres vivos existentes precisan dela para a súa supervivencia, constituíndo a base de todo organismo pluricelular. A maior parte dos animais e vexetais conteñen unha alta porcentaxe de auga, e son poucas as especies que poden sobrevivir nos lugares onde esta é escasa (desertos e outras zonas áridas).

Na natureza nunca se atopa en estado puro, senón mesturada con minerais e outras moitas substancias. Aínda que os océanos cobren a maior parte da superfície terrestre, a súa auga é inadecuada para o consumo humano por culpa da súa salinidade. Só unha pequena fracción dispoñíbel sobre a superfície dos continentes que contén poucos sales disolvidos, a auga doce, é apta para o consumo directo. Con todo, a súa distribución non é uniforme, o que fai que diversas rexións sufran de escaseza hídrica. As actividades humanas, principalmente a agricultura, necesitan grandes cantidades de auga que, ao seren retiradas do seu leito natural superficial ou dos acuíferos subterráneos, ten afectado negativamente na súa distribución sobre os continentes.

A polución hídrica prexudica a calidade da auga e, xa que logo, a biodiversidade, o abastecemento de auga e a produción de alimentos. Ademais, unha parte considerábel da poboación mundial aínda non ten acceso á auga potábel, o que trae diversos problemas de saúde. A auga é indispensábel no modo de vida da humanidade, de forma que está fortemente ligada á cultura de tódolos pobos da Terra. Diante dos problemas derivados do mal uso dos recursos hídricos, xorde unha nova consciencia de que é necesario utilizar a auga racionalmente.

A auga ten un importante papel en múltiples ámbitos: en bioloxía debido á xa mencionada importancia para a vida, en química pola súa composición e por ser unha molécula bipolar e de pH neutro, en xeoloxía polo seu importante papel na erosión das rochas etc.

Cantil

Un cantil ou acantilado é un accidente xeográfico que consiste nun lugar escarpado, de gran pendente vertical normalmente preto do mar, sobre o que forma un beiril ou balconada. Tamén poden considerarse cantís os que existen nas montañas, fallas e beiras dos ríos (cárcavas ou cavorcos).

Os cantís acostuman estar formados de rochas resistentes á erosión e ao desgaste pola acción da atmosfera, xeralmente rochas sedimentarias coma limonitaa, arenitaa, calcariaa ou dolomíaa, malia aparecer tamén rochas magmáticas coma basaltos ou granitos, coma no caso das formacións galegas.

Unha escarpa é un caso particular de cantil, formada polo movemento dunha falla tectónica ou un derrbamento. A meirande parte dos cantís rematan a xeito de pendente no seu baseamento; en áreas áridas ou baixo grandes cantís, o noiro é polo xeral un amoreamento de rochas desprendidas, mentres que nas áreas de maior humidade, as rochas do talude fican cubertas por unha camada de terra compactada pola humidade, formando un solo.

Moitos cantís presentan tamén fervenzas e espenucas ou furnas escavadas no baseamento. Ás veces os cantís morren ao final dunha crista, creando estruturas pétreas senlleiras.

Carso

Para o significado xeográfico da rexión italo-eslovena do mesmo nome véxase Carso (xeografía).

Co nome de carso, carst ou karst (en italiano carso, en esloveno kras, en friulano cjars, en croata krš, en alemán Karst), coñécese unha forma de relevo orixinada por meteorización química de determinadas rochas, como a calcaria, a dolomía etc., compostas por minerais solúbeis en auga, fundamentalmente carbonato cálcico.

Costa (xeografía)

A costa, beiramar ou mariña é o lugar onde a terra se une co mar. Ten unha paisaxe inestábel, onde ás veces a terra pode crecer debido ao depósito de sedimentos e noutros casos pode diminuír polos procesos de erosión mariña. Mais as costas tamén mudan por outros factores, como o clima, a xeoloxía costeira, o vento, as ondas e as actividades humanas.

Deserto

En xeografía, un deserto é unha área estéril da paisaxe onde se producen poucas precipitacións pluviométricas e, en consecuencia, as condicións de vida son hostís para a vida vexetal e animal. A falta de vexetación expón a superficie desprotexida do chan a procesos de denudación. Isto pode ser verdade, porén, examinándoo máis detalladamente, os desertos frecuentemente abrigan unha riqueza de vida que normalmente permanece agochada (especialmente durante o día) para conservar a humidade. Os desertos forman a zona máis extensa da superficie terrestre: con máis de 50 millóns de quilómetros cadrados, ocupan case un terzo desta. Deste total o 53 % corresponde a desertos cálidos e o 47 % a desertos fríos.Os procesos de erosión son factores de suma importancia na formación da paisaxe desértica. Segundo o tipo e grao de erosión que os ventos eólicos e a radiación solar causaron, os desertos presentan diferentes tipos de chans: deserto areoso é aquel que está composto principalmente por area, que por acción dos ventos forma as dunas, deserto pedregoso ou rochoso é aquel cuxo terreo está constituído por rochas ou pedras (este tipo de desertos adoita denominarse coa palabra árabe hamada).

Os desertos poden conter valiosos depósitos minerais que foron formados no ambiente árido, ou foron expostos pola erosión. Nas zonas baixas pódense formar desertos de sal. Debido á sequidade dos desertos, son lugares ideais para a preservación de artefactos humanos e fósiles.

Tamén se define deserto como un lugar despoboado, non habitado por humanos nin apenas por ser vivo algún. Segundo esta definición, tamén son desertos os situados en climas máis fríos, como o ártico ou a tundra.

Estuario

Os estuarios ou esteiros son rexións de costa entrantes, polo xeral longas e estreitas mais sempre cunha saída aberta ao mar, que decorren por unha chaira fluvial ou entran na terra ata o máximo do nivel da marea na boca dun río. Son zonas de transición de augas fluviais, doces, dun ou máis ríos e as augas mariñas, e salgadas.Neles dominan tanto os procesos mariños, como as mareas ou as ondas que lles traen augas salobres do océano, e as descargas de auga doce e sedimentación dos ríos. As entradas tanto do mar como das augas fluviais son unha fonte de entrada de nutrientes ao ecosistema que fan que sexan dos hábitats do planeta máis produtivos.Os estuarios formáronse en zonas de erosión fluvial ou glacial que se viron anegadas por augas no período de subida do nivel do mar do Holoceno, hai entre 10.000–12.000 anos. Nos primeiros estados da súa evolución os estuarios teñen unha forma determinada pola topografía costeira. Despois progresan a estados onde a erosión e a deposición de sedimentos se contrarrestan.Os estuarios clasifícanse polo xeral segundo a súa xeomorfoloxía e polos patróns de circulación das augas. Algún autores só usan estuario para referirse a vales somerxidos, mais algunhas outras definicións danlle o nome de esteiro incluso a formacións como as baías, as docas, os fiordes e as rías; aínda que nalgunhas desas augas só hai auga salgadas e non hai unha mestura coa auga doce. Así, as rías son esteiros formados por vales somerxidos, dun perfil transversal en forma de "V", mais nos que domina por completo unha circulación de auga salgada, agás nas súas zonas interiores de esteiro.Os bancos dos esteiros son das áreas máis poboadas do planeta. A presión antrópica supuxo a degradación do 60% dos hábitats do litoral dos esteiros. A degradación dos hábitats provén de factores como a traída de solo erosionado por deforestación, a chegada de sedimento grazas a eliminación da flora, a agricultura intensiva, a sobrepesca, a drenaxe de augas e ao recheo das zonas húmidas, aos procesos de eutrofización por un exceso de aporte de nutrientes que chegan cos desperdicios e o lixo de animais domésticos, a polución de ata mesmo metais pesados ou a contaminación por uso de produtos sanitarios para augas de espazos recreativos, entre outros.

Fiorde

Un fiorde (do noruegués fjord) é un val formado pola erosión que a entrada dun glaciar fixo ao profundar na terra. Normalmente son estreitos e están bordeados por empinadas montañas, que nacen por debaixo do nivel do mar. Os fiordes sitúanse principalmente na costa oeste da península escandinava, onde son un dos elementos xeolóxicos máis emblemáticos da paisaxe.

Lago

Un lago (do latín lacus) é un accidente xeográfico constituído por unha grande extensión de auga (ou nalgún caso doutro líquido), en xeral auga doce, rodeada de terra e sen movemento fluído (isto é, sen corrente). Esa auga pode provir:

da choiva;

dunha nacente local; ou

de cursos de auga, como ríos que desauguen nesa depresión.Normalmente, a auga dos lagos é auga doce, mais existen no mundo algúns importantes lagos salgados, como o Gran Lago Salgado da América do Norte ou o Mar Morto no Oriente Medio (Israel e Palestina).

Nalgúns casos, o termo lago úsase para describir unha bacía que, aínda estando baldeira a maior parte do tempo, pode chegar a encherse de auga en condicións estacionais de chuvias fortes.

As dimensións dos lagos son moi variábeis, desde algúns metros ata varias centenas de quilómetros, como son os Grandes Lagos da América do Norte ou os Grandes Lagos Africanos.

Aos lagos de pequenas dimensións chámaselles 'estanques', e os máis pequenos aínda, 'pozas', 'poceiras' ou 'charcas'.

Os lagos maiores, sen saída marítima, son tamén chamados mares interiores, como o mar Caspio; regra con moitas excepcións, falando tamén de Mar Morto e do Gran Lago Salgado.

A súa profundidade tamén varía desde algúns centímetros ata varias centenas de metros - o Lago Baikal, na Siberia, é o máis profundo do mundo, con 1743 metros.

A orixe dos lagos é variábel e depende da xeomorfoloxía do terreo. Poden ser de orixe tectónica, ou sexa, teren sido formados por fenómenos xeolóxicos, ou poden ter sido formados pola erosión do terreo, ben por fenómenos climáticos, ou ben pola acción de ríos ou glaciares. En zonas como a Antártida, poden existir lagos sub-glaciares, isto é, debaixo do xeo, como o Lago Vostok.

Un lago pódese formar nun cráter antigo, como a caldeira do 'Cráter Lake', nos Estados Unidos de América.

É importante non confundir un lago cunha planicie de inundación, que ten unha orixe e unha dinámica diferente. Á volta dun lago, porén, pode existir unha planicie de inundación.

O estudo ecolóxico dos lagos é a limnoloxía.

Con moita frecuencia, o lago ten un 'emisario', por onde a auga se coa en sentido ao mar.

Meandro

Un meandro é unha curva sinuosa descrita polo curso dun río. Fórmanse con maior facilidade nos ríos das chairas aluviais con pendente moi escasa, dado que os sedimentos adoitan depositarse na parte convexa do meandro, mentres que na cóncava, debido á forza centrífuga, predomina a erosión e o retroceso da beira.

Cando debido á erosión, dúas canles curvas atópanse, o río curta camiño a través da zona onde se opón as correntes e fórmase un lago de ferradura ou meandro abandonado, xa que os sedimentos pechan a entrada e saída do antigo meandro, quedando fóra da canle do río.

Meseta

Unha meseta, en xeomorfoloxía e xeografía, é unha planicie extensa situada a unha determinada altura sobre o nivel do mar, provocada por forzas tectónicas ou ben por erosión do terreo circundante. No primeiro caso trátase da aplicación de forzas tectónicas sobre estratos horizontais do terreo, que ao atopar fallas propicias producen a elevación dunha zona que mantén a horizontalidade pero a un nivel superior do da contorna. No segundo caso, nun terreo horizontal a erosión pode formar ríos que profundan deixando zonas illadas e elevadas, normalmente ao estar formados por materiais máis resistentes á erosión.

Mioceno

O Mioceno é unha división da escala temporal xeolóxica, a cuarta época xeolóxica da era cenozoica e a primeira época do período neóxeno.

Comezou hai 23,03 millóns de anos e terminou hai 5,332 millóns de anos. Neste período continuou a elevación de cordilleiras como os Pireneos, os Alpes e o Himalaia. A erosión favorecida por estas oroxéneses orixinou sedimentos e depósitos de petróleo en zonas que eran concas mariñas de pouca profundidade. A temperatura era máis baixa que a actual, e se orixinaron as masas de xeo na Antártida.

As plantas e os animais do mioceno eran bastante modernos. O nome de mioceno procede das palabras gregas μείων meiōn 'menos', e καινός kainós 'novo', é dicir, 'menos novo', aludindo a que presenta un 18 % menos de invertebrados mariños modernos que o Plioceno. Os mamíferos e as aves estaban ben establecidos. Proliferaron as especies de mamíferos, entre eles os rinocerontes, o gato, o camelo e o cabalo coas súa formas máis primitivas; entre estes están incluídos os grandes simios, que ademais de África, vivían en Asia e no sur de Europa. Nos mares, proliferaron baleas e focas.

Montaña

Unha montaña é un accidente xeográfico, unha elevación sobre o terreo lindeiro formada normalmente a partir de sinclinais e erosión. A unha secuencia de montañas chámase cordilleira. Unha montaña ten unha altitude bastante superior a un outeiro, aínda que non exista unha altitude específica para esa diferenciación. Así, cada autoridade no asunto asume valores convenientes, aínda que a montaña sexa tipicamente escarpada, de grande inclinación e con superposición de relevos.

A superficie do planeta Terra é nun 24% montañosa; o 10% da poboación mundial vive en terreo montañoso. Todos os ríos nacen en montañas, o que torna máis de metade da humanidade dependente das montañas por seren responsábeis da auga fluvial.

Montes Urais

Os montes Urais (en ruso: Ура́льские го́ры = Ура́л) son unha cordilleira que se estende aproximadamente de norte a sur a través da Rusia occidental.

Ten unha extensión de 2.500 km das estepas casacas ao longo da fronteira norte do Casaquistán ata a costa do océano Ártico. A illa de Nova Zembla forma unha continuación da cordilleira. Xeograficamente, esta cadea de montañas marca a fronteira (arbitraria) entre os continentes europeo e asiático. O seu maior cumio é o monte Naroda (Poznurr, 1.895 m). A erosión expón unha riqueza considerable en minerais nos Urais, entre os cales o topacio e mais o berilio. As fragas Komi nos Urais do norte están protexidas como Patrimonio Mundial.

Os Urais están entre as cordilleiras máis antigas do mundo, téndose formado no final do período carbonífero, cando un continente composto principalmente por Siberia colidiu co supercontinente que contiña a maior parte da terra na época : a combinación da Laurasia (Europa e América do Norte) e Gondwana. Europa e Siberia permaneceron xuntas desde entón.

Os xeógrafos dividen os Urais en cinco rexións: Sur, Central, Norte, Subártico e Urais Árticos.

Outeiro (orografía)

Un outeiro (do latín altarium, "parte alta ou elevación do terreo"), tamén chamado lomba, é unha pequena elevación de terreo illada e de pouca extensión.

Pode ter diversas orixes: erosión de acidentes orográficos máis grandes, fallas, erosión fluvial ou glaciar. Incluso poden ter a súa orixe na actividade humana.

Pedra de abalar

As pedras de abalar ou pedras abaladoiras son enormes pedras habitualmente situadas preto da costa que están apoiadas gravitacionalmente só en dous puntos de xeito que o centro de gravidade se pode modificar cun esforzo moi pequeno. O significado antropolóxico e etnográfico destas pedras é grande, pois ás veces serven coma lugar de rito de iniciación ou curación. Son coñecidas no noroeste da Península Ibérica (principalmente en Galicia), Francia (principalmente na Bretaña e no Macizo Central: pierres branlantes) e na Gran Bretaña (rocking ou logan stones), principalmente en Escocia, Gales e Cornualla.

Son as máis das veces de orixe natural, formadas pola erosión ou por efecto dos glaciares. É por isto que son moi frecuentes preto do mar, pois responden a unha erosión salina que vai creando alvéolos nas súas rexións máis periféricas, e que lle van dando formas redondeadas á rocha e eventualmente trasladan as forzas de apoio a puntos que non eran os iniciais. Noutros casos son megálitos realizados polo ser humano.

Plinio o Vello (23–79) xa escribira no século I sobre un penedo preto de Harpasa (en Caria, Asia Menor) que se podía abalar cun dedo, pero non se podía desprazar coa forza de todo o corpo. Tolomeo (circa 90–168) falaba da rocha xigonia, que, dicía, se podía abalar co talo dunha abrótea, mais non mover por toda a forza que fixeses.

Picardía

Picardía (en francés: Picardie, en picardo: Picardie) é unha rexión francesa, situada ao norte da Francia metropolitana.

Picardía limita coas rexións francesas do Norte-Paso de Calais, Champaña-Ardenas, Illa de Francia e Alta Normandía. Ao nordeste limita con Bélxica. Está ocupada, en gran parte, pola chaira picarda de terreos cretáceos moi nivelados, cun aspecto uniforme e nos que as escasas elevacións non superan os 200 m unicamente os vales actuais, produto dunha erosión recente, representan un elemento diferente da paisaxe cun aspecto de longo corredor enchido por unha espesa capa de turba.

Consta de 3 departamentos:

Aisne (02)

Oise (60)

Somme (80)Ten unha poboación de 1.875.000 habitantes.

Amiens é a cidade principal. O 25 de marzo de 1802 asinouse nesta cidade o tratado de paz coñecido como Tratado de Amiens polo que se puxo fin á guerra entre Gran Bretaña e Francia máis os seus aliados. O tratado deixou sen solucionar cuestións moi importantes, polo que a paz durou tan só un ano.

Rocha

En xeoloxía chámase rocha ou roca a calquera agregado natural formado por un ou máis minerais. Un agregado é un sólido cohesionado. As rochas xeralmente están constituídas por varias especies mineralóxicas, pero tamén existen rochas constituídas por un só mineral (rochas monominerálicas), por exemplo algúns mármores (formados unicamente por calcita).

Na codia terrestre distínguense tres tipos de rochas:

rochas ígneas ou magmáticas: rochas formadas pola solidificación do magma ou da lava.

rochas metamórficas: rochas formadas por transformacións de rochas xa consolidadas da codia da Terra.

rochas sedimentarias: rochas formadas como resultado da erosión ou dun precipitado de químicos.

As rochas están sometidas a continuos cambios polas accións dos axentes xeolóxicos, segundo un ciclo pechado (o ciclo das rochas), chamado litoxénese, no cal interveñen ata os seres vivos.

Serra da Toxiza

A serra da Toxiza é unha das serras setentrionais de Galiza. Ten forma circular e está conformada por unha gran masa de granodioritas que chega dende preto de Mondoñedo até Ferreira do Valadouro. O alto da serra acada os 838 metros sobre o nivel do mar.

O efecto da erosión formou rechamantes bolos e penedos. Boa parte do terreo está repoboado con piñeiros e destacan as formacións de turbeiras.

Val

En xeoloxía, un val é un accidente xeográfico que forma unha depresión lonxitudinal, cercada polo tanto por áreas mais altas, como montañas ou outeiros. O seu tamaño pode variar duns poucos quilómetros cadrados a centenas ou mesmo millares.

Un val moi encaixado de vertentes abruptas chámase garganta ou foz.

Os vales fórmanse por diversos procesos xeográficos: os vales glaciares, que normalmente teñen a forma en "U" formáronse hai decenas de millares de anos pola erosión dos glaciares, mentres que os vales en forma de "V" foron normalmente formados polos ríos. Vales de tipo Rift, como o Gran Val do Rift, foron formados pola expansión da costra terrestre debido á actividade tectónica baixo a superficie da Terra. Polo común, os vales son xeralmente formados pola actividade fluvial, onde a acción da auga corrente causa a erosión do terreo.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.