Epipaleolítico

Epipaleolítico, que quere dicir Por Encima do Paleolítico, é un vocábulo acuñado a principios do século XX para definir unha fase da Idade de Pedra que ata entón se denominou Mesolítico. Este novo termo intentaba remarcar a continuidade cultural que se demostrou que existía entre ambos os períodos, moi afastada da percepción de ruptura e decadencia que ata entón se tivo desta época.

Idades prehistóricas
Holoceno   La Tène   Protohistoria
  Hallstatt
Idade de Ferro
  Bronce final  
  Bronce medio
  Bronce antigo
Idade de Bronce
    Calcolítico    
  Neolítico Prehistoria
Mesolítico / Epipaleolítico
Plistoceno     Paleolítico superior  
    Paleolítico medio
    Paleolítico inferior
  Paleolítico
Idade de Pedra

Problemas de terminoloxía

O Epipaleolítico non foi aceptado por todo o mundo científico e, actualmente, é un termo utilizado de diferentes xeitos:

  • no ámbito anglosaxón xeralmente úsase como sinónimo de Mesolítico;
  • na área de influencia académica francesa adóitase establecer unha clara diferenza entre ambos:
    • Mesolítico reservaríase para aquelas sociedades de cazadores-recolectores que por si soas, debido aos seus propios procesos internos ao longo do tempo, terminaron transformándose en agricultores.
    • Epipaleolítico sería de aplicación a aqueloutras que só cambiaron a súa economía depredadora por unha produtora debido a influencias externas (contactos con pobos xa neolitizados)[1]
  • unha terceira tendencia sería a daqueles autores que identifican Epipaleolítico coas sociedades do Holoceno inicial de clara tradición paleolítica e Mesolítico coas súas sucesoras.[2]
  • para rematar, hai quen propón un terceiro termo para este período:
    • Epipaleolítico sería o adecuado para os grupos que mantiveron as estratexias paleolíticas pero especializándose.
    • Mesolítico adxudicaríase a aqueles que inicialmente optaron por tal vía pero logo foron entrando nunha dinámica de produción alimentaria.
    • Subneolítico aplicaríase ás comunidades veciñas de sociedades neolitizadas que foron asumindo aos poucos esas técnicas por aculturación.[3]

Adaptación

O Epipaleolítico comezaría coa transición do Plistoceno ao Holoceno, fai uns 12000 anos, e acabaría coa aparición dos modos de vida produtores/neolíticos, cuxa cronoloxía varía moito dunhas rexións a outras e dun continente a outro. Esta época estivo marcada polo final da era glacial e a implantación dun clima tépedo/cálido que permitiu o aumento dos bosques e a biodiversidade, e provocou a inundación de amplas zonas costeiras. Cambios que influíron necesariamente no comportamento e na cultura material dos humanos da época, que tiveron que adaptarse a novas situacións, realizando modificacións na súa tecnoloxía e estratexias de caza para poder seguir obtendo recursos.

Feuerstein-bruch
Fraccionamento concoide de sílex e afiados anacos cortantes.

Ao acabar a última glaciación do Plistoceno (a de Würm, que tamén foi a máis dura) comezou un cambio climático, marcado por unha alternancia de fases tépedas e frías, que permitiu a extensión das masas boscosas en Eurasia e Norteamérica, pero provocou tamén a formación de amplas faixas esteparias e/ou semidesérticas ao redor dos trópicos. Como consecuencia destes cambios extinguíronse ou emigraron os grandes mamíferos que formaran a base da dieta do home do Paleolítico Superior: o mamut lanudo e o rinoceronte lanudo, entre outros, desapareceron, e animais como o reno e o bisonte emigraron cara ao norte. Pola contra prosperaron animais de costumes menos gregarias, cuxa caza resultaba máis complexa: cervos, xabarils, corzos, coellos etc. Para cazalos o home utilizou, probablemente, cans, o primeiro animal que domesticó, xa a finais do Paleolítico Superior en Europa occidental.[4] A dieta diversificouse enormemente, incluíndo entón outros pequenos mamíferos e aves como os gansos, tordos, faisáns, gaios, pombas etc. A recolección de froitos e raíces estendeuse, e aumentou espectacularmente o consumo de caracois e cunchas, como o demostran os enormes concheros da vertente atlántica europea e os caracoleiros das covas pirenaicas. Tamén se comezou a desenvolver a pesca fóra da costa, en mar aberto.[5] Fabricáronse zorras, nun principio tiradas por homes e logo por cans, e canoas feitas con peles ou cortizas de árbores.

Arpón con microlitos
Arpón con armadura de microlitos xeométricos.

A industria lítica mostra unha clara tendencia á fabricación de pequenos utensilios adaptados ás novas situacións e usos, moi especializados, os microlitos. Estes eran utilizados para a recolección de moluscos e para a súa apertura, como puntas de frecha, nos arpóns, como raspadores, buriles etc. As armas máis abundantes foron os arcos, feitos de madeira e tendóns animais, con frechas que incorporaban na súa punta microlitos de variadas formas xeométricas: triángulos, trapecios etc. Tamén se usaron frechas e arpóns manufacturados enteiramente en óso, en corno ou en madeira.

Rexionalización

Se por algo se caracteriza o Epipaleolítico é polo inicio dunha clara rexionalización que se aprecia na cultura material dos grupos humanos de diferentes zonas. Rexionalización que, posiblemente, foi a consecuencia da redución das súas áreas de captación de recursos e, xa que logo, dos seus "intercambios" culturais con outros grupos. En Europa hanse de diferenciar dúas grandes áreas:

  • as rexións meridionais e centrais, que non habían estado cubertas polo xeo e cuxas poboacións paleolíticas proseguiron as súas propias pautas de evolución;
  • as rexións setentrionais, que comezaron a ser repoboadas ao retirarse os glaciares[1].

Na área mediterránea ibérica e francesa, foron identificados dous complexos culturais sucesivos: o microlaminar, que deriva do magdaleniano paleolítico, pero sen industria ósea, con menos buriles e máis raspadores; e o xeométrico, con abundantes microlitos de forma triangular e/ou semicircular, primeiro, e trapezoidal despois (este complexo foi identificado e denominado en Francia cos apelativos de sauveterriense e tardenoisiense).

Na costa cantábrica e Pireneo francés destacou inicialmente o aziliense, caracterizado polos seus arpóns, máis ovalados que os anteriores magdalenianos, e polos abundantes cantos rodados pintados interpretados como obxectos máxicos e/ou rituais. Posteriormente na costa desenvolveuse o asturiense cuxos picos de factura arcaica poderían estar relacionados co masivo uso dos moluscos mariños que estas xentes deberon facer, como o proban os abundantes concheiros atribuídos a esta cultura.

No norte de Europa, colonizado tardiamente, destacou o maglemosiense, contemporáneo do complexo xeométrico, caracterizado polos seus microlitos e abundante industria en ósos, cornos e madeira. Despois, mentres o Neolítico estendíase polo continente, apareceu o erteboliense, con grandes concheiros, necrópoles e cerámica, signo evidente de aculturación[1].

Ao terminar o Paleolítico Superior tamén desapareceron con el as súas espléndidas manifestacións artísticas, aparecendo outras novas, influenciadas, inevitablemente, polos cambiantes factores climáticos e os novos hábitos socio-económicos. O problema desta nova arte postpaleolítico é que resulta moi difícil de datar e os investigadores non se pon de acordo acerca da súa periodización. Uns opinan que representacións como as da arte naturalista levantino son xa do Neolítico inicial, outros que é anterior. De calquera xeito a arte non desapareceu e seguímolo atopando en abrigos rochosos (arte parietal) e en obxectos persoais (arte moble).

A arte volveuse conceptual e racionalista, baseado no xeométrico e o abstracto.[6] A cultura aziliense da cornixa cantábrica e do Pireneo francés deparounos abundantes cantos rodados decorados con seriacións de bandas, puntos, ramiformes etc., de carácter abstracto, e aos que se lles outorga un significado máxico/simbólico.

No Levante español grupos humanos deixaron pinturas que mostran unha evolución da arte rupestre cara a modelos máis esquemáticos. Nas paredes dos abrigos, estes homes pintaron complexas escenas de caza, de danzas e ritos máxicos.[7] As figuras están feitas con pigmentos negros ou avermellados, e son moi estilizadas. A pesar diso pódense identificar personaxes como feiticeiros/xamáns, grazas aos tocados que lles cobren a cabeza, aos bastóns que levan e aos adornos que lles colgan de xeonllos e brazos; tamén se aprecian homes con plumaxes e brazaletes en brazos e nocellos, mentres que as mulleres locen longas saias. Hai moito movemento (como contraste coa arte paleolítica) e as loitas entre grupos aparecen con relativa frecuencia, con batallas de arqueiros que ata chegan ao corpo a corpo.

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 Fullola, Josep Mª; Nadal, Jordi (2005). Ed. UOC, ed. Introducción a la prehistoria. La evolución de la cultura humana (primeira ed.). Barcelona. pp. 111–113. ISBN 84-9788-153-2.
  2. Bernabeu, Joan; Aura, J. Emili; Badal, Ernestina (1993). Ed. Síntese, ed. Ao oeste do Eden. As primeiras sociedades agrícolas na Europa mediterránea. Historia Universal, Prehistoria, 4 (primeira ed.). Madrid. pp. 190–192. ISBN 84-7738-182-8.
  3. Eiroa García, Jorge Juan (2010). Selo Editorial SL, ed. Prehistoria do mundo. (primeira ed.). Barcelona. pp. 347,389. ISBN 9788493738150.
  4. Fullola, Josep Mª; Gurt, Josep Mª (1992). Ed. Salvat, ed. La Prehistoria del Hombre. (en castelán) (primera ed.). Barcelona. p. 40. ISBN 84-8031-012-X.
  5. Carlos López (13 de junio de 2006). El Diario Vasco, ed. "Aranzadi demuestra que los hombres del mesolítico se alimentaban con peces capturados a cierta distancia de la costa". Consultado o 3-11-2012.
  6. arteespana.com (ed.). "Arte Mesolítico" (en castelán). Consultado o 18-11-2012.
  7. memo.com.co (ed.). "La Escultura y la Pintura Rupestre del Paleolítico Superior" (en castelán). Consultado o 19 de setembro de 2010.

Véxase tamén

Outros artigos

Prehistoria del Vello Mundo
Idade de Pedra Idade dos Metais
Paleolítico Mesolítico
Epipa-
leolítico
Neolítico Idade do Cobre (excepto África subsahariana) Idade de Bronce (excepto África subsahariana) Idade de Ferro
Paleolítico inferior Paleolítico medio Paleolítico superior
A gran historia de Galicia

A gran historia de Galicia é unha colección de libros sobre a historia de Galicia, en lingua galega (32 tomos), obra de varios historiadores galegos.

Arte rupestre do Val Camonica

As esculturas en pedra do Val Camonica están situadas na Provincia de Brescia, Italia, e constitúen a maior colección de petróglifos prehistóricos do mundo. A colección foi recoñecida como Patrimonio da Humanidade pola Unesco en 1979 e foi o primeiro sitio recoñecido en Italia. A Unesco recoñeceu formalmente máis de 140.000 figuras e símbolos, pero os novos descubrimentos aumentaron o número de incisións catalogadas entre 200.000 e 300.000. Os petróglifos están espallados por todas as superficies do val, pero concéntranse nas áreas de Darfo Boario Terme, Capo di Ponte, Nadro, Cimbergo e Paspardo.

Crecente Fértil

O Crecente Fértil é unha rexión histórica no Oriente que abrangue o Antigo Exipto, o Levante, e Mesopotamia. A expresión "Crecente Fértil" foi creada polo arqueólogo da Universidade de Chicago James Henry Breasted en 1906 para describir o arco xeográfico formado polas áreas xeográficas do Próximo Oriente que van desde Elam e Mesopotamia ao leste, até Exipto e Nubia ao oeste, e chegando ao sur do Cáucaso e da Anatolia e á Siria.

Hoxe en día prefírese non empregar esta denominación, xa que mestura indebidamente culturas heteroxéneas e non se corresponde coas visións do mundo que tiñan os habitantes destas culturas.

Bañado polos ríos Nilo, Xordán, Éufrates e Tigris e cubrindo unha superficie de entre 400.000 e 500.000 km², a rexión esténdese desde a costa oriental do Mediterráneo a través do norte do Deserto de Siria e polo Jazirah e Mesopotamia ata o Golfo Pérsico. Estas áreas correspóndense cos actuais Exipto, Israel, Palestina e Líbano e partes de Xordania, Siria, Iraq, sueste de Turquía e suroeste de Irán. A poboación actual é de 40 a 50 millóns de persoas.

O Crecente Fértil ten un arquivo impresionante de actividade humana pretérita. Ademais de existir varios sitios arqueolóxicos con restos óseos e culturais do home pre-moderno (e.g. na cova de Kebara en Israel), de cazadores-recolectores do Plistoceno tardío e de cazadores-recolectores semisedentarios do Epipaleolítico (os Natufianos), esta área é máis coñecida polos seus sitios arqueolóxicos relacionados coas orixes da agricultura. A zona occidental arredor dos ríos Xordán e Éufrates superior veu nacer os primeiros asentamentos agrícolas neolíticos coñecidos (denominados Neolítico precerámico A), que data de hai uns 11.000 anos (e inclúe sitios arqueolóxicos coma o de Xericó). Esta rexión, ao longo de Mesopotamia (que está ao leste do Crecente Fértil, entre os ríos Tigris e Éufrates), tamén veu a irrupción das máis antigas sociedades complexas durante a Idade de Bronce. Tamén nesta rexión hai evidencia antiga de escritura e da formación de sociedades estatais. Isto fíxolle gañar a esta rexión o sobrenome de "O berce da Civilización."

Desde a Idade de Bronce, a fertilidade natural da rexión ampliouse grandemente mediante obras de irrigación, das que segue a depender gran cantidade da súa produción agrícola.

Sendo como son tan cruciais no crecemento da civilización no Crecente Fértil, os ríos non foron o único factor da precocidade da zona. O Crecente Fértil tiña un clima que propiciaba a evolución de moitas plantas anuais, que producen máis sementes comestíbeis cás perennes, e a tremenda variedade de elevación da rexión deu pé a antigos experimentos de cultivo de moitas plantas comestíbeis. O máis importante, o Crecente Fértil posuía os proxenitores salvaxes das oito especies importantes na agricultura antiga (isto é: os proxenitores salvaxes de dúas variedades de trigo, cebada, liño, garavanzo, chícharo, lentella, ervella amarga), e de catro das cinco especies máis importantes de animais domesticados - vacas, cabras, ovella, e porcos - e a quinta especie, o cabalo, vivía nas súas proximidades.

Historia

Historia (provén da lingua latina, dende o grego historia, -as 'investigación', derivado de histor 'sabio', 'coñecedor') é a ciencia que ten como obxecto de estudo o pasado da humanidade e como método o propio das ciencias sociais . Tamén se denomina historia ao período histórico que transcorre desde a aparición da escritura ata a actualidade.

Máis aló das acepcións propias da ciencia histórica, historia na linguaxe usual é a narración de calquera suceso, ata de sucesos imaxinarios e de mentiras sexa o seu propósito o engano, o pracer estético ou calquera outro (ficción histórica). Pola contra, o propósito da ciencia histórica é a fixación fiel dos feitos e interpretalos aténdose a criterios de obxectividade; aínda que a posibilidade de cumprimento de tales propósitos e o grao en que sexa posible son en si mesmos obxectos de debate.

En medicina utilízase o concepto de historia clínica para o rexistro de datos sanitarios significativos dun paciente, que se remontan ata o seu nacemento ou ata a súa herdanza xenética.

Á súa vez, chamamos historia ao pasado mesmo, e, ata, pode falarse dunha historia natural na que a humanidade non estaba presente (termo clásico xa en desuso, que se utilizaba para referirse non só á xeoloxía e a paleontoloxía senón tamén a moitas outras ciencias naturais -as fronteiras entre o campo ao que se refire este termo e o da prehistoria e a arqueoloxía son imprecisas, a través da paleoantropoloxía-, e que se pretende actualizar como "gran historia" ou "historia profunda").Ese uso do termo historia faino equivalente a cambio no tempo. Nese sentido contraponse ao concepto de filosofía, equivalente a esencia ou permanencia (o que permite falar dunha filosofía natural en textos clásicos e na actualidade, sobre todo en medios académicos anglosaxóns, como equivalente á física). Para calquera campo do coñecemento, pódese ter unha perspectiva histórica -o cambio- ou ben filosófica -a súa esencia-. De feito, pode facerse iso para a historia mesma (véxase tempo histórico) e para o tempo mesmo (véxase A Brief History of Time (Unha breve historia do tempo) de Stephen Hawking, libro de divulgación sobre cosmoloxía).

Idade de Bronce

A Idade de Bronce é un período na civilización en que se desenvolveu o emprego deste metal na metalurxia, resultado da mestura de cobre e estaño. O bronce foi inventado en oriente medio cara ao IV milenio a. C. substituíndo ao cobre, que dera lugar ao período Calcolítico, aínda que noutros lugares esta última idade foi descoñecida e o bronce substituíu directamente ao período Neolítico. Na África negra o Neolítico foi seguido da Idade de Ferro.

A data de adopción do bronce varía segundo as culturas:

Na Asia central o bronce chega ao redor do 2000 a.C. en Afganistán, Turkmenistán e Irán.

Na China adóptao a dinastía Shang (1766 a.C.- 1122 a.C.).

Idade de Ferro

A Idade de Ferro é a época final do sistema de tres idades, precedida polas Idades de Pedra (Neolítico) e de Bronce. É unha era arqueolóxica na Prehistoria e na Protohistoria de Europa e do Oriente Próximo, e por analoxía tamén é usado para noutras partes do Vello Mundo. O sistema de tres idades foi introducido na primeira metade do século XIX para arqueoloxía europea en particular, pero na segunda metade dese século estendeuse tamén á arqueoloxía de Oriente Próximo. Como suxire o seu nome, é o período en que se desenvolveu a produción de ferramentas e armas mediante a metalurxia do ferro. O ferro é superior ao bronce en relación á dureza e abundancia de xacementos.

A duración da Idade de Ferro varía dependendo da rexión en cuestión. Está definida pola convención arqueolóxica, e a mera presenza de ferro fundido ou ferro forxado non é abondo para representar unha cultura da Idade de Ferro; máis ben, o termo implica que a produción de aceiro ao carbono estaba tan perfeccionada que era posible a produción masiva de ferramentas e armas superiores ás equivalentes en bronce. No antigo Oriente Próximo, esta transición prodúcese no chamado colapso da Idade de Bronce, no século -XII. A tecnoloxía espallouse axiña pola rexión do Mediterráneo e o sur de Asia. Tamén o fixo de xeito máis serodio en Asia central, o leste e centro de Europa, e aínda máis tarde na rexión do norte de Europa, arredor do ano -500.

A Idade de Ferro remata, segundo as convecións, co comezo do rexistro historiográfico. Isto non adoita representar unha diferenza clara no rexistro arqueolóxico. No antigo Oriente Medio remata co estabelecemento do Imperio Aqueménida no -550, (considerado histórico en virtude do rexistro de Heródoto) en Europa central e occidental remata coa conquista romana no século -I. A Idade de Ferro Xermánica de Escandinavia remata arredor do ano 800, co comezo da Era viquinga.

Idade de Pedra

A Idade de Pedra é o período da Prehistoria que abrangue dende que os seres humanos comezaron a elaborar ferramentas e trebellos de pedra ata o descubrimento e uso dos metais. Tamén se utilizaron a madeira, os ósos e mais outros materiais coma corno, coiro, cordas, ou cestos, mais a pedra (en particular diversas rochas de rotura concoide coma o pedernal, o cuarzo, a cuarcita, ou a obsidiana) foi utilizada para fabricar ferramentas e armas, de corte ou de percusión.

Non obstante, esta é unha circunstancia necesaria, pero insuficiente para a definición deste período, xa que tiveron lugar nel fenómenos fundamentais para o que sería o futuro da humanidade: a evolución humana, as grandes adquisicións tecnolóxicas (o lume, as ferramentas ou a vestimenta), a evolución social, os cambios climáticos, a diáspora do ser humano por todo o mundo habitable (ecúmene) dende o seu berce africano, e a revolución económica dende un sistema cazador-colector, ata un sistema parcialmente produtor, entre outras cousas. O rango de tempo que abrangue este período é ambiguo, discutido e variable segundo a rexión da que se trate. Aínda que é posible falar deste período en concreto para o conxunto da humanidade, non hai que esquecer que algúns grupos humanos nunca desenvolveron a tecnoloxía da fundición de metais e por tanto quedaron sumidos nunha idade de pedra ata que se atoparon con culturas tecnoloxicamente máis desenvolvidas. Non obstante, en xeral, considérase que este período comezou en África hai 2,8 millóns de anos, coa aparición da primeira ferramenta humana, ou quizais pre-humana.

A este período seguiulle o Calcolítico ou Idade de Cobre e, sobre todo, a Idade de Bronce, durante a que as ferramentas desta aliaxe chegaron a ser comúns; esta transición aconteceu entre o 6000 a.C. e 2500 a.C. Tradicionalmente divídese a Idade de Pedra en Paleolítico, cun sistema económico de caza-recolección e Neolítico, no que se produce a revolución cara ao sistema económico produtivo agropecuario, a suma da agricultura e maila gandaría.

Idade do Cobre

A Idade do Cobre ou Calcolítico é un dos períodos da prehistoria. Sucede ao Neolítico e precede á Idade de Bronce. Tamén se acostuma utilizar este nome para denominar algunhas culturas que presentan formas culturais diferenciadas entre o 2500 e 1800 a.C.

Megalitismo en Galicia

Para comprender mellor os caracteres xerais deste fenómeno tan estendido, consulte o artigo megalitismo.O megalitismo na Galiza considérase que forma parte dunha mesma zona megalítica na que entra, ademais da Galiza, o norte de Portugal até o río Douro, Asturias e o occidente das provincias de León e Zamora. Esta zona ten arquitecturas, enxovais, unha organización social e un sistema de crenzas que, desde a análise de inicios do século XXI, se estima que son relativamente homoxéneos. O megalitismo atlántico peninsular caracterízase pola abundancia de sitios arqueolóxicos, máis de cinco mil só na Galiza, e revela a existencia dunha poboación numerosa e moi espallada. O fenómeno tumulario galego dátase entre o VI milenio antes de Cristo e o 2000 a. C.

O megalitismo corresponde ás primeiras sociedades campesiñas, que habitaban un territorio dominado polo bosque caducifolio (carballos, piñeiros e bidueiros). O período climático é o que se coñece coma período atlántico e parte do subboreal, isto é, un clima cálido cunha temperatura media superior á actual, mais bastante chuvioso. Abundaban tamén os prados. Detéctase unha menor porcentaxe de arboredo no contorno dos sitios arqueolóxicos, probabelmente debido á deforestación co obxecto de aproveitar a leña.

Suponse que os lugares habitados non estarían lonxe de onde se atopan os túmulos, mais son poucos os que se teñen atopado. De aí a famosa frase de Alonso del Real: "Os habitantes do mundo megalítico morrían, pero non vivían".

Mesolítico

O Mesolítico (pedra intermedia) é un período da prehistoria situado entre o Paleolítico e o Neolítico, e presente (ou polo menos, con duración razoábel) apenas nalgunhas rexións do mundo onde non houbo transición directa entre os dous períodos citados. As rexións que sufriran maiores efectos das glaciacións tiveren Mesolíticos máis evidentes.

Iniciouse co fin do Plistoceno, a preto de 10 mil anos atrás, e rematou coa introdución da agricultura, en épocas que varían de acordo coa rexión.

Neolítico

O Neolítico, Nova Idade de Pedra, (do grego néos "novo" e lithos "pedra"), por contraposición a Paleolítico ou Vella Idade de Pedra, é un dos períodos en que se considera dividida a Prehistoria. Inicialmente déuselle este nome en razón dos achados de ferramentas de pedra puída que parecían acompañar ó desenvolvemento e expansión da agricultura. Hoxe en día defínese o neolítico precisamente en razón do coñecemento e uso da agricultura ou da gandaría. Normalmente, pero non necesariamente, vai acompañado polo traballo da olería.

Paleolítico

O Paleolítico ("pedra antiga" do grego παλαιός "antigo" e λίθος "pedra") é un período prehistórico correspondente ao intervalo que se estende entre a primeira utilización de utensilios de pedra polo ser humano (preto de 2 millóns de anos atrás) ata o comezo do Neolítico (arredor do 10000 a.C.).

Este gran período histórico subdivídese en Paleolítico Inferior (ata hai 300 mil anos atrás) e Paleolítico Superior (ata 10 mil a.C.). (Na Europa e en lugares onde houbo glaciacións, entre o Paleolítico e o Neolítico intercálase o chamado Mesolítico). O Paleolítico coincide co final da época xeolóxica Plistoceno do período xeolóxico Neoxeno. Hai certa discordancia entre os estudosos en canto a esa división, intercalando algúns un Paleolítico Medio entre o Inferior e mais o Superior.

O termo Paleolítico empregouno pola primeira vez polo historiador John Lubbock. Antes do Paleolítico houbo un período prehistórico que algúns historiadores chaman de Eolítico.

Paleolítico inferior

O Paleolítico inferior é un período do Paleolítico que durou aproximadamente desde hai 2,5 millóns de anos, coincidindo coa aparición das primeiras ferramentas creadas por homínidos, até hai 120.000 anos.

Hai 3 millóns de anos o clima foi moito máis húmido que o actual, producíndose secas de duración variable. Durante estes períodos húmidos, a fauna era moi abundante, e é nesa época cando apareceron os primeiros grupos humanos, co Australopithecus e o Homo habilis.

Os datos de hábitat e modos de vida de Australopithecus son imprecisos, aínda que cabe supor que se desenvolvería a súa existencia nas beiras dos lagos, onde tiñan mellor asegurada a súa subsistencia.

Con respecto a Homo habilis, podemos diferenciar tres tipos de hábitat:

Zonas situadas a beiras dos ríos

Estacións de habitación (campamentos estacionais)

Xacementos de despezamentoAparecen xunto a Homo habilis as primeiras estruturas habitables, compostas por unha acumulación circular de pedras, sobre as que posiblemente se situarían unhas ramas.

O modo de subsistencia de Homo habilis era unha dieta a base de tubérculos, raíces e bagas.

Distínguense os seguintes grupos de cultura:

Pre-Acheulense (Cultura dos Cantos Tallados)

Abbevillense

Acheulense

Micoquiense

Tayaciense

Levalloisiense

Paleolítico medio

O Paleolítico medio é un período da prehistoria caracterizado polo predominio da cultura musteriense e da técnica Levallois, que consisten en obter unha ou varias lascas de forma predeterminada, a partir dunha preparación particular do núcleo lítico. Abrangue aproximadamente entre os anos 130000 e 33000 a.C.

Paleolítico superior

O Paleolítico superior é o período da Prehistoria caracterizado polo dominio do home moderno en Europa (Homo sapiens), con desenvolvemento de novas técnicas (láminas líticas, industria ósea) e a explosión da arte prehistórica. Cronoloxicamente o seu inicio sitúase arredor de 40.000 a.n.e. e o seu final sobre 9.000 a.n.e.

Prehistoria

A Prehistoria é o período de tempo que vai desde o inicio da evolución humana até os primeiros testemuños escritos. Xa que o comezo da Prehistoria está marcado pola aparición do ser humano non se pode aplicar este comezo ao mesmo tempo en todo o mundo; en África pódese datar en torno aos dous millóns seiscentos mil anos, no Medio Oriente algo menos dun millón oitocentos mil anos, en Asia e Europa arredor dun millón de anos de antigüidade, no resto do mundo estaría por baixo dos 50.000 anos.

Propulsor (arma)

Un propulsor é un arma de proxección que permite a impulsión de venabres ou azagaias. Os vestixios máis antigos foron atopados en Europa e datados no Paleolítico Superior.

Protohistoria

A Protohistoria é un período da historia da humanidade posterior á prehistoria e anterior á historia propiamente dita.

Punta lítica

Unha punta lítica é un instrumento tallado en pedra (case sempre sobre lasca ou [folla lítica]) con forma alongada, cun ápice terminal moi afiado máis ou menos paralelo ao seu eixo de simetría. A forma de obter unha punta lítica é moi variada. A súa función é case sempre servir como extremidade dunha lanza, frecha, xavelina ou outra arma de caza ou combate, aínda que hai casos nos que se puido determinar que se utilizaron a xeito de coitelo.

Os principais xeitos de obter unha punta lítica son:

Punta obtida directamente do soporte coa forma triangular xa definida, sen necesidade de retoques; para o que se require unha preparación previa do núcleo que permita predeterminar a morfoloxía do produto grazas a un nervio central que conduce a fractura, por exemplo, a Punta Levallois.

Punta constituída pola converxencia en ángulo agudo dun bordo con retoque esgrevio con outro bordo natural da lasca ou da folla soporte. O bordo abatido pode ser rectilíneo, como ocorre coas Puntas Gravette, ou curvo, como é o caso da Punta de Chatelperrón. Esta forma de obtencvión de puntas tamén é habitual nos microlitos, como a australiana Punta de Adelaida.

Punta constituída pola converxencia aguda de dous bordos retocados mono ou bifacialmente. Dependendo das cualidades do retoque hai infindade de variantes. Por exemplo, as Puntas musterienses teñen un retoque escamoso, mentres que as Puntas solutrenses teñen un retoque plano e cubrinte.Pola súa forma as puntas líticas clasifícanse en:

Puntas triangulares, son as máis simples e as máis comúns, quizais pola lóxica da súa morfoloxía. As primeiras son as chamadas Puntas musterienses que, malia o seu nome, aparecen xa no Paleolítico Inferior, aínda que son máis típicas do Paleolítico Medio. Parecida cronoloxía teñen as Puntas Levallois, aínda que a súa fabricación é conceptualmente moi diferente. As puntas triangulares persisten ao longo da Prehistoria, atopando exemplares de morfoloxía triangular, máis longa (Puntas da Gravette) ou máis curta (Puntas de El-Emireh e Puntas Azilienses, estas xa epipaleolíticas).

Puntas de amosega lateral, como as do solutrense mediterráneo, as Puntas Kostienki do Paleolítico Superior centroeuropeo ou as Puntas de sandía do Paleoamericano. No Epipaleolítico europeo hai unha punta microlítica de amosega lateral chamada Punta Hamburguense.

Puntas foliáceas bifaciales, como as follas de loureiro solutrenses, as puntas szeletenses do Paleolítico Medio serodio de Europa central, tamén no paleoindio de América do Norte, a punta de Ágata Basin.

Puntas de base cóncava, destacando moitos dos modelos de puntas de proxectil do paleoamericano: Punta de Cumberland, Punta de Midland, Punta de Plainview... e entre todas elas as puntas de Clovis e Folsom. En Europa están as Puntas de Markina-Gora, con forma triangular obtida con retoque cubrinte e base cóncava. No Epipaleolítico do Próximo Oriente salienta a Punta de Bou Saada, e no norte de África a de Aïoun Berriche e, en Europa a Punta de Tardenois.

Puntas pedunculadas, hai ducias de variantes dependendo do tipo de retoque, a presenza ou non de aletas laterais, o tamaño e mesmo da morfoloxía do pedúnculo. Entre as máis antigas están as puntas Levallois pedunculadas do aterense africano. No Paleolítico Superior aparecen pezas pedunculadas como a Punta de La Font-Robert dp Gravetense, ou as Puntas pedunculadas bifaciais do Solutrense español ou a Punta de Teyjat do Magdaleniense e, xa na transición co Epipaleolítico, a Punta de Ahrensburg. Coa aparición do arco e as frechas durante o Mesolítico, aparecen numerosas puntas con algún tipo de lingüeta que podería entrar na consideración de pedúnculo para frechas (a Punta de Biblos no Próximo Oriente, a Punta de Ounan no norte de África, a Punta de Corgnac ou a de Lingby en Europa...).

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.