Entroido de Xinzo de Limia

O Entroido de Xinzo de Limia é unha festa que ten lugar nesa localidade. Ten un dos ciclos de entroido máis longos de Galicia, con cinco semanas de duración. En 2019 foi declarado Festa de interese turístico internacional de España.

Máscara de pantalla del carnaval de Xinzo de Limia (Ourense) en el Museo de Artes y Tradiciones Populares (15 de julio de 2016, Madrid)
Máscara de pantalla do Entroido de Xinzo de Limia (Museo de Artes e Tradicións Populares, Madrid).

Celebracións

O entroido de Xinzo de Limia iníciase o sábado antes do domingo fareleiro co petardazo, no que se reúne a xente para facer a conta atrás do que vai ser o Entroido máis longo de España; no propio domingo fareleiro ten lugar a primeira batalla co farelo na praza Maior onde o pobo se divirte xogando e enchendo de farelos a toda xente que se atopa. A procesión do Meco ten lugar o seguinte sábado desde o Barrio de Abaixo, que ao escurecer sae pola rúa dos Viños acompañado con fachucos de palla e unha gran comitiva formada polo carro cos bois, touro, choqueiros, máscaras, cura, gaiteiros, apeiros de labranza e gandeiros con vestimenta tradicional ata a praza Maior onde se fai o "Colgamento do Meco".

O domingo oleiro celébrase na praza Maior o "Xogo da Ola", en que se pasan as olas de barro de Niñodaguia (Xunqueira de Espadanedo); despois o xogo repítese no Barrio de Abaixo. O sábado de corredoiro é a noite das mulleres, que van disfrazadas e se reúnen para cearen en restaurantes ou en locais particulares.

O domingo corredoiro saen as pantallas. Desde o venres até o martes de entroido son os cinco días grandes, coa participación de charangas e bandas de gaitas locais. O venres é a quenda do desfile infantil, no cal os colexios de todos os arredores veñen desfilar polas rúas de Xinzo cos seus disfraces, que nalgún caso levan un tempo elaborándoos. O sábado de carnaval, xa dende case o mediodía, están as rúas amenizadas polas charangas, que van polas rúas tocando ata altas horas da noite, seguidas de grandes grupos de xente, nalgúns casos veñen doutros lugares de España e doutros países. Este martes ten lugar o desfile de entroido. O mércores de cinza ten lugar o enterro da sardiña, despois do sermón.

O ciclo péchase o domingo de piñata.

Véxase tamén

Ligazóns externas

Entroido

O entroido ou carnaval é unha festa de carácter tradicional que se celebra entre os meses de febreiro e marzo, coincidindo co período inmediatamente anterior á Coresma e que se celebra principalmente en rexións de tradición católica e con menos extensión en zonas ortodoxas e moi modificado nalgunhas áreas protestantes, como é o caso do Fastelavn nalgúns dos países nórdicos.

O entroido celébrase tamén en Galiza con características particulares, con disfraces e esmorgas moi diferenciadas entre diversas poboacións: son coñecidos os entroidos de Xinzo de Limia, Laza, Verín, Vila de Cruces, A Estrada, Vilaboa e outros moitos, algúns dos cales están cualificados de festas de interese turístico nacional polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.

Entroido de Laza

Ao norte da Comarca de Verín atópase unha pequena vila chamada Laza, que conta cunha das festas máis emblemáticas de Galicia e, sobre todo, da provincia de Ourense. Falamos do Entroido.

O Entroido de Laza é una festividade de carácter tradicional que se realiza durante os días anteriores ao mércores de Cinza na propia vila e está considerado como o entroido con maior antigüidade e esplendor de Galicia.

Este Entroido é o máis longo da provincia xa que comeza un mes antes do Domingo de estrea. Tres venres antes de que comece, a xente do lugar e dos arredores xúntanse para percorrer a aldea a ritmo dos chocos e dos bombos.

O xoves antes do tan desexado domingo todas as mulleres da aldea se xuntan para celebrar una cea onde os homes non teñen lugar, aínda que sempre se pode colar algún.

Seguindo coa tradición dos tres venres anteriores, no último venres tamén se celebra un folión, pero desta vez o máis grande de todos, coñecido como Folión grande. Neste día un home disfrazado de demo e situado nun altar de madeira percorre a aldea botando lume pola boca xunto cos fachóns incandescentes que portan os habitantes.

O sábado de Entroido está dedicado aos máis pequenos da casa, aínda que ningún adulto se resiste a participar. Neste día pola tarde na praza da Picota todos os participantes se somerxen nunha batalla branca, onde a fariña voa duns a outros ata tinguir a aldea e as xentes de branco.

E por fin chega o tan desexado Domingo de estrea para toda a xente do lugar e, sobre todo, para os peliqueiros. Ben cedo pola maña os mozos e mozas, homes e mulleres que van vestir o traxe comezan a prepararse. O peliqueiro é o personaxe principal do Entroido de Laza ao que todos veneran e respectan. Unha vez que están preparados e impolutos saen cara a praza da Picota para botar unas carreiras pola acera, onde estarán a gran parte do día, ademais de percorrer as casas dos veciños para saudalos. Sobre a media maña prodúcese a subida da bica do peliqueiro que, unha vez chega a Picota, reparten as galegas custodiadas polos peliqueiros.

O luns é denominado Luns borralleiro. Pola maña a praza da Picota convertese nunha batalla campal coa denominada farrapada, que consiste en trapos impregnados en barro que se van tirando uns contra outros. E pola tarde chega a baixada da morena, un personaxe que consta dunha cabeza de vaca feita de madeira dirixida por un home da aldea. Xunto a ela, baixan tamén as formigas recollidas polos mozos e mozas do lugar que, ao chegar a Picota, ás tiran a toda a xente que alí se atope.

E por último chega o martes de Entroido un día triste para toda a xente da aldea. Pola maña saen os peliqueiros máis veteranos a correr pola acera da praza, observados de cerca polos máis novos, que se fixan ben para saber como teñen que representar eles o traxe. Pola tarde xa se xuntan todos os peliqueiros do lugar para percorrer por última vez no ano a praza da Picota co traxe posto.

Entrada a noitiña, os peliqueiros van buscar ao testamenteiro e acompáñano ata a praza onde vai a ler o testamento que da por finalizado o Entroido por ese ano. O testamento, tamén chamado reparto do burro, trátase dunha serie de rimas que contan anécdotas que lles sucederon aos veciños do pobo entre un Entroido e outro.

Despois da lectura do testamento, os peliqueiros volven a subir por última vez ata a Picota onde se queima un boneco de palla que simboliza o enterro do Entroido. Dende ese momento, os peliqueiros corren pola beirarrúa ata ben entrada a noitiña facendo soar as súas chocas por última vez ata o ano que ven.

Festas de interese turístico de Galicia

A seguinte é unha lista de festas de interese turístico de Galicia. Trátase dunha denominación honorífica outorgada a festexos ou acontecementos que se celebran en Galicia e que ofrecen interese real desde o punto de vista turístico. A declaración de Festas de Interese Turístico Galego é un nomeamento outorgado polo Consello da Xunta de Galicia a través dunha proposta por parte da Consellería de Economía e Industria.

As Festas de Interese Turístico Nacional e de Interese Turístico Internacional, son declaradas pola Secretaría de Estado de Turismo, dependente do Ministerio de Industria.

Festas de interese turístico nacional de España

A declaración de Festa de interese turístico nacional é unha distinción de carácter honorífico que se concede en España pola Secretaría Xeral de Turismo do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio do Goberno de España, a festexos ou acontecementos que se celebran en España e que ofrecen interese real desde o punto de vista turístico.

Galicia

Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal.

Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.

Santiago de Compostela é a capital, cun estatuto especial dentro da provincia da Coruña. Galicia posúe 2 718 525 habitantes (2016), cunha distribución poboacional que aglomera a meirande parte na franxa entre Ferrol e Vigo. En Galicia, os núcleos urbanos con rango de cidade son sete, que segundo criterios poboacionais son os seguintes: Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo, Santiago de Compostela, Pontevedra e Ferrol. Ten unha superficie de 29 574,4 km².

O concello máis poboado é o de Vigo con 292 817 habitantes e o menos poboado o de Negueira de Muñiz con 215 habitantes no 2016. O concello máis extenso é o da Fonsagrada cunha superficie de 438,4 km² e o máis pequeno o de Mondariz-Balneario con 2,3 km². A Coruña é o concello con maior densidade de poboación con 6449,32 hab./km² e Vilariño de Conso é o que ten menor densidade de poboación con 2,92 hab./km² no 2016.

MUGAE (Museo Galego do Entroido)

O Museo Galego do Entroido (MUGAE) está situado no Concello de Xinzo de Limia, na antiga praza de abastos do concello, rehabilitada para este fin.

Foi inaugurado o 23 de outubro de 2015 polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, pero no 2017 tivo que cerrar as súas portas ante a imposibilidade do concello para xestionalo. Despois da cesión da súa xestión á Deputación de Ourense, o museo reabriu as súas portas en febreiro do 2019.

Este museo nace coa intención de agrupar e preservar ó carácter propio desta tradición de Galicia en xeral e das aldeas de Xinzo en particular.

O MUGAE conta con dúas exposicións permanentes, unha dedicada ao Entroido e outra ao escritor limiao Carlos Casares chamada «Os mundos de Carlos Casares». Ademais, nas súas instalacións tamén se encontra a sede da Asociación A Pantalla, máscara típica do Entroido de Xinzo de Limia.

Pobo galego

Os galegos son un grupo nacional, cultural e etnolingüístico que vive maioritariamente en Galicia, no noroeste da Península Ibérica, pero que por mor da emigración histórica tamén ten importantes poboacións noutras partes de España, Europa e América. Dende o punto de vista antropolóxico, diversos estudos xenéticos demostran a súa orixe centroeuropea, menos influenciados polos pobos mediterráneos que outras poboacións ibéricas por mor do illamento histórico dos seus habitantes, froito da súa localización xeográfica.Os galegos teñen os seus propios costumes, cultura, lingua, música, danza, deportes, arte, cociña e mitoloxía. O galego, lingua romance derivada do latín que se falaba na antiga Gallaecia romana, é a lingua propia de Galicia e constitúe a máxima expresión cultural do pobo galego. Dende o punto de vista filoxenético é de orixe común co portugués (co que mantén un 85% de intelixibilidade) e semellante a outros romances ibéricos tales coma o asturiano ou o castelán.

Existiron numerosos persoeiros galegos con relevancia ó longo da historia. O relixioso galaico Prisciliano foi o principal impulsor do priscilianismo, unha corrente relixiosa cristiá, difundida no século IV en Hispania, e sobre todo na Gallaecia. O cristián do século X Paio, foi canonizado pola Igrexa católica. O explorador Joan de Novoa foi un cabaleiro, mariño e explorador descubridor da illa de Ascensión e de Santa Helena, e Luís Vaz de Torres foi un navegante e o primeiro europeo en ver Australia, levando o seu nome o estreito de Torres. Famosos escritores galegos foron Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Álvaro Cunqueiro, Manuel Curros Enríquez e o Premio Nobel de Literatura Camilo José Cela. O futbolista Luis Suárez Miramontes é considerado un dos mellores xogadores do século XX. Ademais, numerosas personalidades políticas internacionais teñen orixe galega, como o presidente de Cuba, Fidel Castro, o presidente da Arxentina, Raúl Alfonsín e o presidente do Uruguai, Tabaré Vázquez, alén de personalidades do mundo do espectáculo, como A Bela Otero, Julio Iglesias, Manu Chao ou Martin Sheen.

A poboación de Galicia é de 2 718 525 habitantes (2016), pero por mor da emigración de finais do século XIX e comezos do XX, é común atopar descendentes de galegos noutras partes de España, de Europa e de moitos países do continente americano. Historicamente, a emigración do pobo galego debeuse a factores políticos, económicos e sociais. A raíz da diáspora galega, estímase que no presente hai 10 millóns de persoas de ascendencia galega, moitas delas reunidas nos Centros Galegos. O maior grupo de persoas de ascendencia galega reside na Arxentina, con case 150.000 galegos, sendo coñecida polos galegos como a quinta provincia.

Porco

O porco (tamén coñecido como cocho, marrán, chino ou quino) é un mamífero tipicamente doméstico, de nome científico Sus scrofa, aínda que algúns autores danlle o nome de Sus domesticus (ou Sus scrofa domesticus) para o diferenciar do porco bravo ou xabarín, ao cal se lle atribúe o nome de Sus scrofa.

Xinzo de Limia

Xinzo de Limia é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca da Limia. Segundo o IGE en 2015 tiña 10.043 habitantes (9.999 no 2006, 9.930 no 2005, 9.869 no 2004, 9.821 no 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «limiao», «limego» ou «límico».

Está situado a 45 km de Ourense e 30 de Verín.

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.